A Aula CeMIT do Concello de Ortigueira acollerá os días 25 e 26 de agosto o Programa STEAM, organizado pola Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Este curso pretende “motivar e favorecer o uso creativo e igualitario da tecnoloxía entre os mozos, tentando acabar cos estereotipos”.
Están establecidos dous grupos en función da franxa de idade, en horario de 10:30h a 13:30h. No primeiro inclúense os comprendidos entre os 8 e os 11 anos, e o segundo abarca desde os 12 aos 15. En declaracións do alcalde, Juan Penabad, “esta actividade supón unha gran oportunidade para a xuventude do noso municipio, xa que poderán experimentar de primeira man diferentes tipos de avances tecnolóxicos, sempre desde unha perspectiva de igualdade e innovación” A través desta formación-divulgación, o alumnado tomará contacto coa tecnoloxía “de forma inspiradora e creativa”, con actividades como a creación de circuítos de papel, programación de videoxogos propios con Scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou a creación de cómics interactivos con Makey Makey (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nun contexto real a programación con Scratch).
Ademais, as mozas e mozos que asistan aos obradoiros terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos, papiroflexia interactiva, entre outras actividades.
A inscrición pode formalizarse a través do teléfono 981 40 25 33 ou a través do correo electrónico cemit.ortigueira@xunta.gal.
A Aula CeMIT de Xuvia (Narón) acollerá a partir da vindeira semana dúas novas accións formativas para as que se abrirá o prazo de inscrición o luns día 22 de agosto. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, indicou que se trata dos cursos de Competencias dixitais en ofimática e Contabilidade e Recursos Humanos. As inscricións para as ditas accións formativas realizaranse, unha vez aberto o prazo, a través da Plataforma CeMIT da Xunta de Galicia.
A acción formativa de Competencias dixitais en ofimática consta dun total de 240 horas, que se impartirán do 5 de setembro ao 30 de novembro, con 60 días lectivos, en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Ofértanse un total de 12 prazas e entre o contido a abordar están temas como os sistemas operativos, Internet, intranet e correo electrónico, aplicacións informáticas de procesamento de texto, base de datos, para presentacións e de folla de cálculo.
Pola súa banda, o curso de Contabilidade e RRHH consta tamén de doce prazas e terá unha duración total de 168 horas, que se impartirán dende o 29 de setembro, ata o 30 de novembro, con 42 días lectivos, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas. O contido do curso no apartado de xestión de recursos humanos tratará sobre definición do posto de traballo, definición de perfís laborais, competencias e formación, normativa laboral, Seguridade Social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH. O contido do apartado de Contabilidade tratará sobre documentos administrativos de compravenda, facturación, sistemas de información contábel ou aplicacións informáticas de contabilidade e facturación.
O Concello de Bande (Ourense) vai brindar este outono un completo programa de formación tecnolóxica para favorecer a inclusión dixital das persoas maiores do termo municipal. Trátase dun programa de vídeo-conferencias abeirado á colaboración da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniores (FEGAUS), no marco da súa colaboración no plan de inclusión dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Este novo programa formativo artéllase en tres itinerarios temáticos e 19 seminarios en liña. As sesións vanse impartir dende a Aula CeMIT de Bande e as persoas destinatarias poderán tirar proveito delas a través das súas tabletas, móbiles ou computadores.
Cada seminario terá unha hora de duración, tocando diversas vertentes do ámbito tecnolóxico e poñendo o foco nos aspectos que máis poden ser de utilidade para as persoas maiores, mostrando polo miúdo (e de xeito comprensíbel) as vantaxes do dixital na súa vida cotiá. Nesta ocasión están a ofertarse actividades dentro dos ciclos que imparte FEGAUS no marco da súa alianza con AMTEGA: Rural TIC, Bela Galicia, Adeus á Soidade, Emigración, Turismo, Socializate, Lingüística, Relaciona TIC e Formación ao longo da vida. As persoas interesadas en participar poden contactar coa Aula CeMIT de Bande emprazada no primeiro andar da Casa Consistorial.
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acaba de asinar un convenio coa Fundación GoodJob para favorecer a inclusión sociolaboral de persoas con discapacidade e facilitar a resposta á alta demanda de profesionais da ciberseguridade en empresas e institucións.
A Axencia autonómica proporcionará apoio institucional, a través do nodo galego de ciberseguridade CIBER.GAL, nas actividades relacionadas co Programa #include da Fundación. Así mesmo, facilitará a participación de GoodJob nos espazos e eventos organizados polo nodo que se consideren adecuados para a consecución dos obxectivos do convenio, que permitirá a realización de accións destinadas á detección e creación de postos de traballo para persoas con discapacidade nas empresas que colaboran con CIBER.GAL.
O acordo tamén fomenta a realización e difusión de actividades formativas en materia de ciberseguridade que melloren as posibilidades de obter emprego das persoas con algunha discapacidade. Entre elas, a Axencia colaborará nas actividades de GoodJob destinadas á obtención dos certificados de profesionalidade, ademais doutras formacións adaptadas.
A fundación GoodJob é unha entidade sen ánimo de lucro enfocada á inserción laboral de persoas con discapacidade, preferentemente no mercado ordinario de emprego. Ten en marcha accións concretas relacionadas coas tecnoloxías como o Programa de Empregabilidade en Ciberseguridade para Persoas con Discapacidade (IMPACT#include).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilitará a interlocución entre GoodJob e os distintos departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma no ámbito das actuacións do convenio.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras da iniciativa dos bonos dixitais, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de internet, que terán de prazo ata o 19 de setembro para presentar a súa solicitude. Unha vez que se publique no DOG o listado de entidades colaboradoras poderán solicitarse os bonos.
Os bonos dixitais facilitarán a contratación de servizos de internet a persoas vulnerables. Conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda longa fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros. A previsión é acadar os 5.774 beneficiarios. As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a internet e cuxa renda anual (per capita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social.
Con esta, a Xunta xa ten en marcha tres das catro medidas predefinidas polo Goberno: a liña de mellora da conectividade en centros públicos; as axudas para o reforzo da conectividade en áreas de concentración empresariais e centros loxísticos de Galicia; e os bonos dixitais para facilitar a contratación de internet a persoas vulnerables. A última medida, destinada á mellora das infraestruturas de telecomunicacións nos edificios, porase en marcha nas vindeiras semanas.
En total o Estado destinará ás comunidades un 9% dos máis de 4.000 millóns de euros do Plan. O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital resérvase, polo tanto, o 91% dos fondos para resolver os problemas de conectividade fixa e sen fíos en todos os territorios e cumprir cos obxectivos que marca Europa. Entre eses obxectivos está o de que o 100% das poboación teña acceso a banda longa de alomenos 100 Mbps.
A Concellería de Novas Tecnoloxías de Redondela que xestiona Olga García Ballesteros desenvolverá durante os meses de setembro e outubro unha serie de accións formativas nas aulas CeMIT de Chapela e Redondela, en horarios de mañá e tarde, destinadas a favorecer a capacitación dixital da veciñanza. Estes cursos son totalmente gratuítos aínda que con prazas limitadas que serán asignadas por orde de inscrición. Serán 16 prazas por curso para Redondela e 12 para Chapela.
As formacións serán as seguintes:
Cursos en Redondela Setembro-Outubro mañás
Cursos en Redondela Setembro/Outubro tardes
Cursos en Chapela Setembro-Outubro mañás
Cursos en Chapela Setembro/Outubro tardes
O Concello de Ribadeo organiza este verán uns obradoiros tecnolóxicos para fomentar carreiras e vocacións tecnolóxicas baixo o título STEAM, derrubando estereotipos. Impartiranse na Aula CeMIT de 10:30 a 13:30 horas. Serán os días 23 e 24 de agosto para a rapazada de 8 a 11 anos.
Neles as crianzas aprenderán a programar de xeito moi sinxelo e creativo. Verán conceptos sobre Intelixencia Artificial e sobre robótica e deseñarán tamén circuítos en papel, “todo baixo unha metodoloxía activa e unha aprendizaxe práctica con profesionais do sector”. Desde o Concello apuntan que "é unha boa maneira de introducir á rapazada, desde moi cativos, na outra cara da tecnoloxía". A inscrición é gratuíta para todos e todas e as prazas son limitadas. O prazo de inscricións atópase aberto e pódense apuntar no teléfono 982120732 ou no correo electrónico da Aula CeMIT de Ribadeo.
A Xunta porá en marcha a Plataforma de Mobilidade 4.0 para impulsar unha transformación dixital dende o punto de vista do usuario, que lle ofreza novos servizos, e avanzar cara un transporte público dixital e sostible. O Consello do Goberno galego aprobou hoxe o contrato que permitirá o deseño, desenvolvemento, implantación, soporte, mantemento e operación desta plataforma por un valor estimado de 9,4 millóns de euros, contemplando as posibles modificacións e prórrogas.
A nova plataforma finánciase con fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, concretamente no marco dos compoñentes 1 e 6. Esta iniciativa está enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia que, entre outros obxectivos, busca facilitar a intermodalidade e a accesibilidade ao transporte público para reforzalo como alternativa fronte ao vehículo particular e en liña con establecido no Plan Estratéxico de Galicia 21-30, eixe “E2. Galicia verde e sostible”, e no eixe 5 da estratexia Galicia Dixital 2030, Conectividade dixital do territorio” e o programa 14: Transporte e mobilidade Dixital e sostible.
A plataforma galega de Mobilidade 4.0 irá acompañada do desenvolvemento dun portal web e unha aplicación móbil que disporá, entre outras funcionalidades, dun planificador multimodal, que integrará nun punto único toda a oferta de transporte e mobilidade da comunidade autónoma baixo unha visión MaaS (Mobilidade como Servizo). Este novo portal irá incorporando a información de todos os modos de transporte alternativos ao vehículo privado, ofrecerá información en tempo real e permitirá empregarse como un sistema de rexistro, de pago e de reserva de servizos válido. A nova plataforma integrarase co sistema de Axuda á explotación de la mobilidade de Galicia (SAEGAL).
Outro dos obxectivos desta iniciativa é introducir un novo paradigma de pagos denominado pago baseado en conta (Account Base Ticketing - ABT) que supón un cambio do modelo actual “pague e viaxe” a un modelo “viaxe e xa pagará”. Deste xeito o viaxeiro poderá elixir o pago mediante móbil, tarxeta bancaria ou una nova Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) sen contactos. Para isto, os soportes físicos actuais (tarxeta TMG) converteranse en meros “tokens” de identificación do pasaxeiro no autobús, simplificando a acción que realizan as máquinas canceladoras. Estas só deberán identificar ao viaxeiro, onde se sube e onde se baixa. Cando as máquinas envíen esta información ao sistema central, será este último quen realice o cálculo do prezo da viaxe tendo en conta o perfil do usuario e os descontos aos que teña dereito e procederá ao cobro da viaxe no moedeiro virtual do usuario (modo prepago) ou no medio de pago definido por o usuario (modo postpago). O contrato contempla a expedición de 120.000 novas tarxetas.
No primeiro semestre deste ano o transporte público regular por estrada deu servizo a 15 millóns de viaxeiros. En 2021 realizáronse máis de 14,4 millóns de viaxes, a través das 127 concesións de transporte público, e superáronse os 57 millóns de quilómetros de servizo ao ano a través de 3.470 liñas, 53.000 paradas e 2,3 millóns de servizos de transporte ao ano. Estas cifras, aínda condicionadas pola emerxencia sanitaria derivada da pandemia, dan conta da importancia e demanda deste servizo que é previsible que se vexan incrementadas de xeito significativo.
A Aula CeMIT do Concello de Sada acollerá verios cursos formativos de tecnoloxías durante os meses de outubro e setembro, actividades que teñen arestora aberta a inscrición. Trátase de dous obradoiros centrados no Tratamento de Textos Write Avanzado e na Folla de Cálculo Calc Básico. O segundo deles celebrarase entre o 17 de setembro e o 8 de outubro, na Aula CeMIT de Sada. Será de nivel medio e achegará 10 prazas e 10 horas de contidos. O temario inclúe unha introdución ás follas de cálculo; aos formatos de celas, filas e columnas (cor, tipo de datos, bordos, dimensións etc.); e aos filtros e ordenación dos datos, entre outros contidos.
O curso de tratamento de textos Write avanzado desenvolverase entre o 17 de setembro e o 8 de outubro, con 10 prazas e 20 horas de contidos. Inclúe os seguintes contidos: configurar páxina, cabeceira e rodapé, como crear notas ao rodapé, crear seccións determinadas do documento, traballos con textos en columnas, traballar con documentos grandes, tabulacións, construción de modelos, táboas, personalización de barra de ferramentas, viñetas en numeración, caixas de texto, quebras manuais e de páxina e inserción de campos predefinidos. Entre o 2 e o 31 de outubro celebrase unha nova edición do curso de tratamento de textos Write avanzado.
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Rede Eusumo, está a impulsar un curso en liña co fin de ofertar ás entidades de economía social un “kit” dixital de ferramentas útiles para o seu funcionamento. A acción formativa ten carácter gratuíto e está dirixido a todo o público en xeral, especialmente ás persoas desempregadas e as traballadoras ou socias de entidades de economía social de Galicia.
A actividade terá unha duración de 40 horas e se estenderán desde o 8 de ata o día 31 do mesmo mes. O obxectivo pasa por ofertar aos participantes, de forma sinxela e simple, información sobre as principais ferramentas para facilitar a xestión das entidades de economía social, o traballo colaborativo e a organización interna.
Esta iniciativa da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade mantén as inscricións abertas para todas aquelas persoas interesadas ata o próximo 7 de agosto a través do formulario na seguinte ligazón: FORMULARIO INSCRICIÓN KIT DIXITAL.
O programa aborda ferramentas dixitais en case todos os ámbitos da entidade, dividindo os contidos en cinco módulos principais. O alumnado comezará por coñecer aquelas ferramentas útiles para a organización empresarial interna, desde a optimización de arquivos ata a automatización de procesos.
Gran parte da formación céntrase en recursos para a comunicación cara o exterior: venda en liña, redes sociais, deseño de elementos corporativos e xeración de vídeos. Ademais, os contidos tamén inclúen un apartado especial dedicado á comunicación entre entidades, a través de videochamadas e reunións virtuais, para favorecer e impulsar a rede de entidades de economía social en Galicia.
A Xunta segue co seu apoio por un modelo de economía social, pois tamén se están a desenvolver outras actividades dirixidas a este tipo de entidades, como a formación en contabilidade básica.