A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) presentará a nova Guía de boas prácticas para liberación de contidos e software o vindeiro 20 de setembro, nun acto público e aberto que terá lugar no GaiásTech (https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/presentacion-da-guia-de-boas-practicas-para-liberacion-de-contidos-e-software).
En 2014 a Xunta de Galicia presentou dúas guías de boas prácticas para a liberación de contidos e para a liberación de proxectos software como software libre. Esta iniciativa foi pioneira no seu momento, como aposta pola difusión e fomento do software libre por parte dunha administración pública.
Esta nova guía que se presenta, foi creada dende un principio pensando non tanto como guía de uso interno, senón para o público xeral. É por isto que se lle deu un estilo máis didáctico, tratando de achegar os contidos dun xeito e cunha linguaxe máis cotián. É por isto que tamén se xuntou nunha única publicación as dúas guías anteriores, para ter un único documento de referencia e porque ao final, os procesos de liberación de contidos e software, aínda que con particularidades propias, están baseados nos mesmos principios.
A creación deste tipo de guías atendía a unha necesidade detectada: a de poder contar con documentación en galego sobre os aspectos a ter en conta para publicar contidos baixo licenzas libres, e tamén sobre o proceso de publicar un proxecto software como software libre. Aspectos sobre os cales, non existían tampouco demasiadas publicacións deste tipo en calquera outro ámbito. Esas publicacións naceron tamén como unha necesidade interna, derivada do compromiso da Xunta de Galicia de publicar como software libre aqueles desenvolvementos internos que, pola súa natureza, puidesen ser candidatos a ser reutilizados.
A guía comeza cunha introdución á propiedade intelectual e normativas que a regulan, nunha linguaxe simple que poida ser entendida por todo o mundo. Explícase o concepto de licenza de uso, que tipos de licenzas hai no eido do software libre, que implicacións ten apostar por un tipo ou por outras ou as compatibilidades e incompatibilidades que hai entre elas. Segundo se vai adentrando máis nela, o lector ou lectora, atopará cales son os pasos a seguir e os aspectos que ter en conta para publicar contidos con licenzas libres e tamén como publicar un proxecto software baixo unha licenza destas características.
Anualmente, o Plan de acción en materia de Software Libre define a senda das políticas e das actuacións a desenvolver para o incremento do uso do Software Libre en Galicia, nos ámbitos empresarial, da administración pública e da cidadanía, sempre dentro do marco da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Dende que no ano 2010 a Xunta de Galicia puxera en marcha, por primeira vez en Galicia, un plan específico orientado ao fomento do Software libre, na Comunidade téñense conseguido grandes avances na súa adopción e uso nos diversos ámbitos da nosa sociedade.
Os eixos principais de actuación para o fomento de solucións tecnolóxicas baseadas en software libre teñen como obxectivos o fortalecemento do sector empresarial galego, o achegamento de software libre ao conxunto da sociedade e o fomento da reutilización do software na administración pública.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia activou xa expedientes por importe de 121,9 millóns de euros correspondentes a actuacións financiadas co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR). En total, a Axencia xestiona 147,7 millóns procedentes do MRR, polo que na actualidade están xa en marcha os proxectos correspondentes ao 82,54% desa cantidade.
Case o 73 cento do importe desas actuacións en marcha corresponden a proxectos que están licitados, en fase de execución ou executados, o que representa case 89 millóns de euros. Esta cifra inclúe os acordos marco xa formalizados ou en tramitación. Ademais, outros 10 millóns corresponden a axudas ou subvencións. Os case 23 millóns restantes corresponden a expedientes que están nas primeiras fases da tramitación.
A Xunta deseñou e lanzou 26 liñas de acción cos fondos MRR que permitirán avanzar na transformación tecnolóxica no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030. Estas liñas de acción agrúpanse en 6 ámbitos: Administración dixital (48 M€), Educación dixital (54 M€), Mobilidade intelixente (6,2 M€), Dixitalización como apoio ao novo modelo de servizos sociais (11 M€) , Conectividade (19 M€) e Capacitación dixital (9,6 M€).
Entre as actuacións sobre Administración dixital destaca o contrato para a redacción do proxecto e dirección da obra do novo Centro de Procesamento de Datos (PDR) Redundante da Xunta, que están en fase de execución. A obra completa implica un investimento de 16 millóns de euros e permitirá dotar de maior escalabilidade e estabilidade aos servizos prestados pola Administración pública electrónica.
Tamén no ámbito da Administración dixital está licitado e pendente de adxudicación o acordo marco para a posta en marcha da plataforma de automatización da Xunta de Galicia, por un importe de algo máis de 6 millóns de euros.
En fase de adxudicación está o contrato para a redacción do proxecto e execución do novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que implicará uns investimentos que suman uns 4,5 millóns de euros.
Os proxectos financiados cos MRR permitirán tamén completar o proceso de dixitalización da Xustiza, que en 2023 contará con todas as salas de vista dixitais. Neste sentido, no marco do MRR está en fase de presentación de ofertas a dotación de equipamento multimedia para 120 salas polivalentes e a dotación de equipamento de oficinas con servizo de atención á cidadanía, cunha dotación de algo máis de 1 millón de euros.
Os fondos MRR permiten financiar dúas liñas de acción no ámbito da Educación: o Programa para a dixitalización do sistema educativo e a Dotación de dispositivos portátiles para reducir a fenda dixital do alumnado.
Está xa formalizado o acordo marco que permitirá a renovación e dotación das aulas dixitais no sistema de educación público de Galicia por un importe de 12,5 millóns de euros e está tramitación outro acordo marco para o mesmo fin por importe de 23,8 millóns de euros. Ambas actuacións permitirán que todas as aulas do sistema educativo público non universitario de Galicia sexan dixitais e conten con equipamentos renovados.
En fase de execución atópase o contrato de subministración de ordenadores ultraportátiles para alumnado no marco do proxecto Abalar-Edixgal, destinados a reducir a fenda dixital, por un importe de 9,55 millóns de euros.
En fase de presentación de ofertas atópase o servizo de apoio á formación e capacitación dixital á cidadanía por un importe de 8,72 millóns de euros, adaptado ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais que entrou en vigor a principios deste ano.
Están xa publicadas as axudas mediante bonos dixitais para que os colectivos vulnerables teñan acceso a internet de calidade e pendente de publicación as axudas para a adecuación de infraestruturas de telecomunicación en edificios. Ambas suman 5,6 millóns de euros
Outras actuacións destacadas financiadas co MRR son a Plataforma Galega de Mobilidade, que supón 5,73 millóns de euros e que está en prazo de presentación de ofertas ou a adaptación do sistema de xestión integral de centros de Política Social ao novo modelo de coidados de longa duración (1,79 millóns de euros), que está en fase de execución.
“A Intelixencia Artificial no día a día” é o título das xornadas formativas, impulsadas polo Nodo Galicia Intelixencia Artificial, para achegar as vantaxes da IA á cidadanía. Destinadas a persoas maiores de 55 anos estas sesións terán lugar de xeito presencial nas aulas CeMIT de Vigo e A Coruña os días 20 e 23 de setembro respectivamente, e o día 29 retransmitirase en streaming desde o Centro GaiásTech da Cidade da Cultura.
O obxectivo desta formación é analizar as nocións e características básicas da Intelixencia artificial, o seu impacto no día a día das persoas e visibilizar as súas vantaxes a través de casos de uso a un público que non ten coñecementos específicos na materia. As sesións estrutúranse en cinco bloques, un introdutorio para contextualizar a IA na evolución tecnolóxica dos últimos anos e como este cambio de paradigma afecta ao día a día das persoas. Ademais, abordarase un diálogo cos asistentes formulando preguntas sobre o emprego da IA na vida cotiá para rematar cunha explicación teórica sobre esta tecnoloxía.
No segundo bloque afondarase no día a día das tecnoloxías intelixentes, expoñendo a súa contribución á sociedade, casos prácticos de uso, identificación de barreiras e riscos e posible evolución desta tecnoloxía.
A parte máis práctica concéntrase no terceiro bloque no que os asistentes poderán adquirir as competencias necesarias para o uso de ferramentas que empregan IA como o móbil, os asistentes persoais, os tradutores instantáneos ou a xeración de imaxes a través de palabras.
O cuarto bloque está destinado á regulación da Intelixencia artificial que se centrará en porqué é necesaria a regulación e cal é o enfoque normativo e regulador da Unión Europea, o Goberno de España e a Comunidade Autónoma, que está a avanzar neste sentido. Finalmente, o peche da sesión servirá para resolver dúbidas e inquietudes dos asistentes a través dun formulario interactivo.
Os interesados en participar nestas actividades poden inscribirse a través das seguintes ligazóns:
O pasado mes de abril a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, iniciaba cos grupos de investigación das tres universidades galegas a elaboración do “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes”.
Esta iniciativa enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), aprobada en xuño de 2021, que promove o despregamento en Galicia dunha IA de vangarda, ética e segura, que contribúa á soberanía dixital de Europa. Cómpre lembrar que esta Comunidade xunto con Valencia e Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que dispoñen dunha estratexia propia para a aplicación da Intelixencia Artificial.
Galicia é tamén a primeira Comunidade española en deseñar un sistema de indicadores propio para avaliar a evolución da implantación destas tecnoloxías nun marco estratéxico.
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) únese á Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica (COCEMFE) na conmemoración da Semana Europea da Mobilidade para promover a recollida de incidencias de accesibilidade mediante o uso da aplicación móbil AccesibilidApp.
Durante a Semana Europea da Mobilidade, que se celebra do 16 ao 22 de setembro, a cidadanía poderá achegar e compartir incidencias a través desta ferramenta, coa finalidade de “que as nosas vilas e cidades sexan máis habitables, seguras e sustentables para a cidadanía”, sinalou COGAMI, engadindo que o obxectivo é “implicar a toda a sociedade”. A aplicación de participación cidadá, gratuíta e aberta, foi desenvolvida por COCEMFE e a Fundación Vodafone España, Nela pódense incluír imaxes da incidencia e a súa localización. COGAMI lembra que neste aplicativo, que se pode descargar e instalar en calquera dispositivo móbil (como xa fixeron as 2.717 persoas rexistradas), chegaron a recollerse un total de 750 incidencias dende a súa posta en marcha no ano 2019, das que 418 foron recollidas durante este ano. O abano de situacións e elementos dos que se pode informar na aplicación é moi variado: dende os vaos para cruzar a beirarrúa que moitas veces teñen chanzos que imposibilitan o paso a persoas usuarias de cadeiras de rodas até os problemas de pavimentos en mal estado, pasando por beirarrúas demasiado estreitas que impiden o acceso dunha persoa con mobilidade reducida ou deficiencias na sinalización táctil. Estes foron, de feito, os tipos de incidencias máis recorrentes dende a posta en marcha da app.
Todas estas incidencias recollidas a través do aplicativo, dende COGAMI son analizadas e trasladadas aos organismos competentes para poñelas no seu coñecemento, coa finalidade de solicitar a súa corrección na maior brevidade de tempo. Dende a confederación xa foron trasladadas, comunicadas e tratadas 481 destas incidencias a concellos como o de Lugo, Santiago, Cambados e Silleda.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), grazas ao convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), desenvolverá unha nova edición do programa Scratch Day.
A VII edición desta iniciativa, enmarcada no Plan de Talento Dixital de Galicia —Plan DigiTalent—, está orientada a divulgar os valores da programación informática para espertar e fomentar as vocacións tecnolóxicas no ámbito da educación STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics; Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñeira e Matemáticas) desde idades temperás.
Esta nova xornada de aprendizaxe e diversión, que se celebrará o vindeiro 1 de outubro na Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1), está destinada a rapazada de entre 6 e 16 anos e os seus pais ou nais, así como o profesorado ou responsables dos centros interesados en introducir o Scratch na docencia.
Estes dous grandes grupos participarán, de forma simultánea, en programas deseñados especificamente para coñecer a linguaxe de programación Scratch —creada polo MIT para iniciarse dunha forma sinxela neste ámbito— dunha forma didáctica, práctica e interactiva.
Ademais de facerse unha introdución ao Scratch a través de diferentes accións levadas a cabo de forma práctica (movemento, lanzamento e interacción de obxectos) e co desenvolvemento dun videoxogo, nesta edición tamén se fará unha introdución ao Microbit —unha pequena tarxeta deseñada para aprender a programar de forma fácil e divertida— sendo a novidade desta VII edición do Scratch Day o uso das placas Microbit para música.
Para os alumnos, a xornada terminará cunha actividade práctica, en formato Scape Room, na que poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos sobre o Scratch, Microbit e o Cubo Merge, así como recoñecer o potencial destas ferramentas para interactuar e expresar ideas de forma colaborativa.
Pola súa banda o profesorado, ademais de coñecer os mesmos aspectos que os alumnos e alumnas, aprenderá a deseñar unidades didácticas para contido curricular e como traballar de forma transversal con Scratch. De igual forma, verán exemplos de proxectos desenvolvidos con Microbit como estacións meteorolóxicas e medidores de CO2; ideas que poderán aplicar nas aulas.
Grazas a este obradoiro, o profesorado poderá descubrir de primeira man as vantaxes e potencialidades que aporta traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, ca que se incentivan a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas, entre outros valores.
O período de inscrición para o VII Scratch Day xa está aberto —ata o 29 de setembro— a través da ligazón http://scratchday.cpetig.gal.
Nesa mesma ligazón poderase ampliar información sobre todos os detalles do curso.
A Xunta confirmou hoxe ante os integrantes do Nodo Galego de Intelixencia Artificial (galicIA) a candidatura para que a nosa comunidade acolla a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA). Neste senso, o Executivo autonómico traballará para consensuar unha única candidatura que permita maximizar as posibilidades de contar con este organismo de nova creación.
Esta confirmación prodúcese tras a decisión do Consello de Ministros de onte martes de iniciar o procedemento para a designación da sede física da AESIA. Na reunión participaron o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; e representantes das consellerías de Sanidade e de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade e da AECT Galicia Norte de Portugal.
Entre os requisitos xa coñecidos, está a existencia dun potente ecosistema dixital. Neste senso, Galicia xa destaca na xeración de coñecemento en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; ademais de estar desenvolvendo a súa propia Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
En concreto, Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá adaptar a lexislación galega a esta nova realidade. Así mesmo, Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas. Ademais, o sector tecnolóxico suma 2.961 empresas con 20.740 empregados.
A aposta por Galicia como sede da AESIA conta xa co apoio de máis de 60 institucións e empresas, entre as que se atopan grandes tecnolóxicas como Amazon Web Services, Microsoft ou Google Cloud.
Tamén analizaron os prazos establecidos polo Consello de Ministros, que anunciou que a Comisión Consultiva para a determinación das sedes disporá dun mes para dar a coñecer os criterios que se terán en conta para seleccionar a sede da AESIA nun procedemento aberto e competitivo. A partir da publicación dos criterios no BOE, as Comunidades Autónomas e as entidades locais poderán presentar a súa candidatura. A elección deberá realizarse nun prazo máximo de seis meses.
A Xunta de Galicia está elaborando, xunto coas universidades e a Eurorrexión, un documento para a presentación da candidatura galega, que se completará cando se desvelen os criterios de selección por parte da Comisión consultiva.
O Executivo autonómico desenvolverá un traballo continuo de colaboración con todos os axentes implicados coa intención de sumar esforzos co obxectivo de que a candidatura elixida por Galicia sexa a mellor posible para que a comunidade poida ser designada como sede da AESIA.
Coñecidas as precandidaturas de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, os membros do nodo galicIA comprometéronse a apoiar unha candidatura de unidade. A decisión final tomarase en base aos criterios establecidos polo goberno de España, valorándose especialmente o peso do ecosistema empresarial e investigador en materia tecnolóxica.
A consolidación dunha administración dixital máis eficaz e eficiente que permita resolver novos desafíos e ofrecer mellores servizos é o principal obxectivo do curso superior de administración electrónica que deu inicio esta mañá. Esta actividade, organizada en conxunto pola Escola Galega de Administración Pública e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acadou unha demanda sete veces superior ao número de prazas ofertadas o cal pon de manifesto o interese da iniciativa por parte do persoal empregado público galego.
A actividade inaugurada hoxe vai dirixida a formar ao alumnado no emprego das ferramentas propias da administración electrónica, co obxectivo último de avanzar cara a unha Administración aberta, máis transparente e colaborativa que favoreza a participación da cidadanía e ofreza mellores servizos públicos.
Así o expresou a directora da Escola, Sonia Rodríguez-Campos, durante a inauguración da actividade, na que tamén incidiu na importancia da reciclaxe profesional e da adquisición de novas competencias por parte do persoal empregado público para adaptarse aos cambios tecnolóxicos e dos procesos de traballo.
Durante as sete semanas de docencia, este curso superior afondará en materias específicas como o réxime xurídico da administración dixital, o funcionamento da sede e o rexistro electrónicos, a seguridade da información, a cooperación interadministrativa, a automatización dos procesos ou a identidade dixital, entre outros. Todos estes contidos contribuirán a mellorar o servizo ofrecido polo persoal empregado público á cidadanía.
Ante a relevancia estratéxica desta materia, a EGAP, en colaboración coa Amtega, reforzou nos últimos anos a formación en tecnoloxías da información e da comunicación, administración electrónica e protección de datos. Grazas a esta medida, o persoal empregado público ten acceso a un completo programa neste eido, o cal en 2022 supuxo a convocatoria de máis de 3800 prazas distribuídas en 88 cursos.
Este programa anual, compleméntase coa iniciativa Universo EGAP Innova, a cal, a través dos e-martes ofrece xornadas de formación práctica presencial ao persoal empregado público da Administración autonómica galega e á cidadanía sobre as transformacións tecnolóxicas, organizativas e lexislativas derivadas da administración electrónica.
A Aula CeMIT do Concello de Boiro (Centro Social de Boiro) vai desenvolver durante o mes de setembro novas actividades para facilitar o pleno acceso da cidadanía ás ferramentas tecnolóxicas, poñendo o foco nos recursos que lles axuden a interactuar coas administracións. Por este motivo, celebraranse charlas formativas sobre trámites electrónicos. As xornadas vanse desenvolver os días 20 e 27 de setembro e as inscricións poden facerse xa no enderezo electrónico axentetic@boiro.org, o teléfono 981 84 26 35 ou o móbil 629 769 139.
O martes 20 de setembro, en horario de 18.00 a 20.00 horas, vaise impartir a charla sobre A sede electrónica da Xunta de Galicia e o martes 27 de setembro no mesmo horario a charla sobre Trámites tributarios.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), levará a cabo durante oito xornadas, unha serie de cursos de formación á cidadanía sobre os servizos dixitais na Administración, a través dos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT).
Os cursos, que se realizarán nos meses de setembro e outubro, desenvolveranse de forma presencial na rede de aulas CeMIT da Xunta de Galicia e tamén serán retransmitidos en directo por videoconferencia para poder seguilos desde calquera punto, unha iniciativa que está encadrada dentro do marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030.
Sendo uns dos obxectivos desta iniciativa mellorar as competencias dixitais da cidadanía para facilitar a súa comunicación e interacción coa administración, as actividades ofertadas estarán destinadas a todos aqueles cidadáns, maiores de 16, que necesiten ter ferramentas para favorecer a súa inclusión dixital co fin de que as tecnoloxías contribúan a aumentar a súa calidade de vida.
O programa de formación organizado no marco do Convenio de Colaboración asinado entre a Amtega e o CPETIG abordará ao longo das oito sesións formativas presenciais, cada unha de dúas horas de duración, diversas temáticas orientadas a que os cidadáns coñezan os principais servizos dixitais que se poden facer na Administración.
As actividades, que se celebrarán os martes e xoves nun horario de 18.00h a 20.00h, desde o 13 de setembro, impartiranse por colexiados e colexiadas do CPETIG con ampla experiencia na administración electrónica. As mesmas desenvolveranse presencialmente en oito puntos diferentes da comunidade, e retransmitidas en directo coa finalidade de que cidadáns de todas as provincias poidan obter aquelas competencias dixitais que lle faciliten e melloren a súa relación coa Administración.
As sesións complementaranse con material de apoio adicional (guías, exercicios, cuestionarios, lecturas e consultas recomendadas…) que estará dispoñible na plataforma Plataforma de Teleformación da Rede CeMIT - EMA asignada ao alumnado.
|
Data |
Contido |
Aula Rede CeMIT co docente en presencial |
Outras aulas nas CeMIT que retransmitirán en directo |
Ligazón para participar desde o teu fogar |
|
13 setembro |
As sedes electrónicas e como identificarse ante a Administración |
https://us02web.zoom.us/j/82293759505
|
||
|
15 setembro |
O DNI electrónico e a sinatura dixital |
https://us02web.zoom.us/j/84191055870
|
||
|
20 setembro |
A sede electrónica da Xunta de Galicia |
Guitiriz, Cuntis, Marín, Fisterra, A Cañiza, Santa Comba, Boiro |
https://xunta.webex.com/xunta/onstage/g.php?MTID=e0b5bbfda3f9ce315c4041373c17092fc |
|
|
22 setembro |
Trámites tributarios |
https://us02web.zoom.us/j/81457347011
|
||
|
27 setembro |
Trámites tributarios |
https://us02web.zoom.us/j/81578597324
|
||
|
29 setembro |
Trámites xerais coa administración |
https://us02web.zoom.us/j/82710119593
|
||
|
4 outubro |
A miña É-Saude |
Guitiriz, Cuntis, Marín, Fisterra, A Cañiza, O Barco de Valdeorras |
https://us02web.zoom.us/j/81386589361
|
|
|
6 outubro |
Notificacións da administración |
As prazas asignaranse por orde de inscrición, sendo necesario facer un rexistro previo directamente nas ligazóns indicadas no cadro de datas anterior ou na páxina da Rede CEMIT.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia é unha corporación de dereito público que ten como función esencial o fomento e a promoción da profesión para que se recoñeza o seu relevante papel no desenvolvemento da Sociedade da Información.
Ademais, vela polo cumprimento das normas deontolóxicas e defende os intereses da profesión para que a súa contribución ao progreso e ao benestar sexa valorada polo conxunto da sociedade. Así, entre os seus fins e funcións, atópanse a regulación do exercicio, a promoción e mellora das actividades profesionais que engloban as enxeñarías técnicas en informática, e o fomento e promoción de actuacións relacionadas con este sector profesional entre as que se atopan a implantación da sociedade da información e das tecnoloxías da información en todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta da Galicia, que actualmente forma parte da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Desde 2016, a Rede CeMIT tamén forma parte do Plan de Inclusión Dixital de Galicia coma un dos proxectos clave que asentaron as bases para definir a nova estratexia de inclusión dixital da comunidade e que ten como obxectivo situar a Galicia como unha rexión intelixente de referencia en Europa.
A Rede conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 aulas equipadas con última tecnoloxía, Internet e sistemas de videoconferencia, de tal maneira que todo galego/a ten unha aula a media hora de distancia do o seu fogar.
A Aula CeMIT do Concello de Porto do Son vai celebrar este outono actividades de formación tecnolóxica para adultos e nenos en todas as parroquias do termo municipal (Miñortos, Goiáns, Portosín, Nebra, Noal, Baroña, Queiruga, Caamaño, Xuño, San Pedro e Ribasieira). As persoas interesadas en participar teñen que contactar coa aula a través do teléfono 69948405.
O programa inclúe formación en mecanografía, ofimática, Internet, correo e o xestións administrativas en liña (Administración Electrónica).