Tecnólog@ por un día é unha actividade na que estudantes de 12 a 17 anos poderán achegarse ás profesións dixitais e ter a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia.
A séptima edición volverá a celebrarse presencialmente, con prazas dirixidas a dous grupos de idade: de 12 a 14 e de 15 a 17 anos.
O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia comeza o curso 2022/2023 con novas actuacións para todas as idades, cos obxectivos de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os rapaces e rapazas, e impulsar a adaptación dos estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais esixidos pola transformación tecnolóxica.
O catálogo para o novo curso escolar pechouse hoxe nunha xuntanza de traballo presidida por Julián Cerviño Iglesia, o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, na que participaron as empresas do Pacto dixital que colaboran co Plan. As propostas das empresas iranse incorporando á web DigiTalent, á medida que se pechen datas e prazas de cada unha.
O director deu conta do balance do ano anterior, no que se celebraron ata 37 actuacións dirixidas aos distintos perfís da cidadanía e quixo agradecer ás empresas colaboradoras e ao Clúster TIC a súa labor e compromiso no fomento do talento dixital galego nos últimos anos.
Entre as liñas do Plan para o próximo período, avanzáronse as propostas impulsadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como a renovación do programa Tecnólog@ por un día, unha iniciativa liderada pola Amtega que acada xa as sete edicións celebradas desde 2018. O catálogo do curso 2021/2022 acollerá dúas novas edicións desta actividade, coas que se seguirán a impulsar as vocacións STEAM e o interese nas novas profesións dixitais entre os rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato.
A primeira quenda deste curso conta con máis de 50 prazas e terá lugar durante os meses de novembro e decembro. O alumnado participante poderá desfrutar dunha xornada inmersiva nos centros de traballo das empresas TIC que colaboran co programa, Altia Consultores, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Satec ou Televés, ou visitar as instalacións da Amtega no GaiásTech.
Doutra banda e como novidade este ano, destaca a próxima posta en marcha do programa Mentoring FP, unha iniciativa conxunta da Axencia e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades impulsada no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 e da Estratexia Galicia Dixital 2030
Trátase dunha actuación que ten por obxectivo facilitar a entrada no mercado laboral dos estudantes de Formación Profesional da man dos expertos e profesionais das empresas colaboradoras, que titorizarán aos participantes a través dun Plan de Mentoring personalizado, acompañándoos na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil ou asesorándoos na posta en marcha dun proxecto emprendedor.
Mentoring FP acada xa as 30 prazas confirmadas por Altia Consultores, DXC Technology, Inetum, NTT Data e Satec, dirixidas ao alumnado de Grao Superior e Cursos de Especialización de Formación Profesional da familia de coñecemento Informática e Telecomunicacións.
Ademais, a Xunta de Galicia segue a poñer o foco na atracción e retención do talento dixital galego e continúa a traballar en Retorna Dixital, un espazo web que recolle as ofertas de emprego do sector TIC de Galicia, ofrecendo aos galegos e galegas retornados ou que se atopan no exterior oportunidades de desenvolver a súa carreira profesional na nosa comunidade. Con esta actuación, a Axencia autonómica, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración no marco do programa Galicia Retorna, busca xerar un espazo de encontro en constante actualización entre o sector tecnolóxico galego e os perfís dixitais especializados emigrados para así reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento tecnolóxico en Galicia.
Consulta toda a información e detalles para participar nesta e outras iniciativas do catálogo do Plan no espazo web DigiTalent.
A Xunta de Galicia destina un orzamento de 22.776.304 euros ata 2025 para que as administración locais, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), realicen actuacións en materia de inclusión dixital.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentou hoxe aos concellos o plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT, no marco do convenio subscrito coa FEGAMP. Á sesión foron invitadas 91 entidades locais e contou coa participación de máis de 80 asistentes.
Entre os principais beneficios do plan destacan actuacións como a dotación tecnolóxica punteira (impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación así como ordenadores All-In-One, pantallas interactivas, equipamento inclusivo para persoas con discapacidade, sistemas de videoconferencia, tablets, libros electrónicos e complementos audiovisuais), a transformación física e arquitectónica dos centros cara un modelo máis flexible, a posta en marcha dunha aula móbil e o reforzo formativo e dos servizos dixitais (os espazos web, a plataforma formativa online, a plataforma de xestión...).
Na presentación tamén se informou aos concellos e ás entidades locais que contan actualmente cunha aula CeMIT que teñen ata o 30 de decembro para adherirse a este Plan para o que se habilitou unha ligazón para consultar toda a documentación referida a este proceso incluíndo os compromisos e implicacións a asumir por parte das entidades locais.
O convenio continúa a regular tamén a subvención económica outorgada a aquelas aulas que, polo seu nivel de actividade, son consideradas “de referencia”. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes que ostenten esta condición unha subvención de 15.000€ e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251€.
Adicionalmente, o plan tamén contempla no futuro a posibilidade de ampliar novas aulas CeMIT nas entidades locais que actualmente non formen parte da Rede CeMIT e estean dispostas a asumir os compromisos de dinamizar e impulsar as competencias dixitais.
O acto contou coa representación institucional do director da Amtega, Julián Cerviño, o presidente da Fegamp Alberto Varela e o director de área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, que conxuntamente reiteraron a importante labor que levan a cabo os concellos para achegar a inclusión e a capacitación dixital á cidadanía galega e detallaron os beneficios aos que poderán optar as entidades locais que se adhiran ao Plan.
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas. Ten entre os seus obxectivos os de promover o uso da tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.
Neste sentido, a rede conta con máis de 100.000 persoas usuarias, das que un 59,77% son mulleres. Dende 2011 lévanse impartidas cerca de 500.000 horas de formación. A rede conta con máis de 980 “aliados dixitais” entre empresas, entidades e persoas voluntarias.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:http://cemit.xunta.gal/centros.
Xa está aberto o prazo de inscrición para a segunda edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebrará os días 9 e 10 de novembro no Edificio Fontán, da Cidade da Cultura. Durante dúas xornadas e a través de diferentes actividades e relatorios de expertos de referencia, abordarase o estado da ciberseguridade nas empresas, traballadores e cidadáns.
Esta segunda edición de CIBER.gal, organizada polo Nodo Ciber.gal non é un evento só para profesionais/expertos do sector, senón para toda a sociedade: familias, sector educativo, menores, educadores, colectivo senior, profesionais de todos os sectores, con actividades para cada perfil.
Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 8 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.gaiastech.xunta.gal/gl/index.html tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.
A mañá da primeira xornada centrarase nos retos da ciberseguridade nas administracións públicas mentres que durante a tarde o público obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondará na importancia da formación e retención de talento no ámbito da ciberseguridade.
Esta segunda edición do Encontro Ciber.gal ofrecerá novas actividades complementarias para enriquecer o seu programa principal como unha representación teatral sobre o acoso nas redes sociais, da man da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Haberá un relatorio con hacking en directo, e espazos técnicos de exposicións sobre proxectos e ideas de ciberseguridade e a entrega de premios dos diferentes concursos.
Ademais da segunda edición do exitoso concurso de escolares Ciberseguridade no cole!, organizado por Telefónica no marco do Encontro no que participaron preto de 160 equipos e centros educativos de Galicia, Cátedra R e Gradiant organizarán un Capture The Flag, que porá a proba os coñecementos e habilidades dos participantes no eido da ciberseguridade. A Cátedra R tamén apoia a celebración do encontro impartindo un obradoiro sobre o análise forense de imaxes manipuladas.
Outra das novidades é a de actividades específicas dirixidas ao colectivo senior para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais, que ven da man de Telefónica para empoderar aos nosos maiores no uso seguro das tecnoloxías. Haberá sorteos e premios entre os asistentes que acudan de xeito presencial ás xornadas.
Este ano apoian a celebración do Encontro entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, axente que organiza as xornadas, pero tamén outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu compromiso coa importancia da ciberseguridade a todos os niveis no día a día. Abanca, NTTDATA e Grupo Oesía son patrocinadores estratéxicos do II Encontro CIBER.gal.
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 45 entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.
A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade.
A Xunta de Galicia, as tres universidades públicas galegas e a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acordaron hoxe por unanimidade informar de que A Coruña é a opción galega con máis posibilidades para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
A decisión sobre a localización da Axencia, incluída no procedemento de descentralización de organismos públicos, correspóndelle ao Goberno do Estado, que convocou un proceso de selección aberto y competitivo.
O nodo galicIA analizou esta mañá o informe que elaborou para valorar tres posibles localizacións para a presentación de candidaturas. A proposta de consenso, que analizou ao redor de 200 indicadores, será trasladada á Xunta de Galicia.
Segundo manifestou ao termino da reunión o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, o que se propón, de xeito unánime, é unha candidatura con “carácter de país” e avanzou que a localización da sede da Aesia en Galicia deberá favorecer ao conxunto da sociedade galega e propiciar investimentos en tecnoloxías relativas a intelixencia artificial en todo o sistema universitario.
Na reunión do nodo galicIA participaron o vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; representantes das consellerías de Sanidade e Educación, Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O nodo realizou un traballo de busca de indicadores concretos e obxectivos para os criterios xenéricos establecidos polo Estado na Orde TER/948/2022, de 4 de outubro relativos aos elementos xerais, á adecuación ás necesidades da Axencia e ás características da localidade.
A decisión do Goberno de España sobre a localización da Aesia ten unha marcada compoñente territorial, tendo en conta o papel sumamente beneficioso que esta Axencia desempeñará no espazo no que se sitúe. No caso de Galicia, o reto demográfico é un dos eixos prioritarios do Plan Estratéxico 2022-2030 -recentemente aprobado- no que se prevé crear as condicións para eliminar tecnicamente o paro na rexión.
Para a valoración dos criterios xerais tivéronse en conta indicadores de cohesión social e territorial, como a poboación total ou a renda bruta media; indicadores de paro como taxas de paro e actividade, respectivamente; e indicadores de despoboamento como a densidade de poboación ou o índice de envellecemento, entre outros.
Así mesmo, para a valoración da adecuación do edificio ás necesidades da Aesia, avaliáronse os requisitos de espazo físico e equipamento dos inmobles, atendendo ás principais funcións da Axencia anunciadas polo Goberno.
Por outra banda, o carácter europeo da Axencia fai que se prevea que o coñecemento e o diálogo coas institucións comunitarias sexan frecuentes e intensos. Sen dúbida, a proximidade de Galicia con Portugal -formalizada historicamente a través da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal- é un dos elementos máis atractivos na liña da recentemente aprobada alianza ibérica para reforzar a cooperación en materia tecnolóxica. Ademais, en Galicia conviven tres linguas europeas: o castelán, o galego e, pola proximidade xeográfica, o portugués.
Para a avaliación dos criterios de conexións internacionais, analizáronse, por unha banda, indicadores de conexións con cidades europeas relevantes -especialmente con Bruxelas- e, por outra banda, indicadores de conexión dos ecosistemas europeos de investigación en materia de intelixencia artificial.
Por outra banda, Galicia conta cunha longa traxectoria na implantación e desenvolvemento de tecnoloxías dixitais, así como na formación e investigación en tecnoloxías intelixentes.
Para a avaliación das capacidades dos ecosistemas de formación e investigación en IA, tivéronse en conta indicadores de prazas ofertadas polas universidades públicas do SUG, profesores vinculados directamente á IA nas universidades públicas do SUG, grupos de investigación en temas relacionados, as teses lidas en cada unha das universidades, así como as capacidades da Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (CIGUS).
Por último, Galicia é tamén a sede de grandes empresas multinacionais que son líderes mundiais nos seus sectores de actividade. Nos últimos dez anos produciuse un importante crecemento no sector tecnolóxico, que na nosa Comunidade conta con 2.961 empresas con 20.740 empregados e xera unha facturación de 2.908 millóns de euros.
Para avaliar as capacidades dos ecosistemas económicos e empresariais en IA, tivéronse en conta indicadores do número total de empresas, traballadores e volume de facturación.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia, publicado polo Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia superou en outubro as 300 entidades rexistradas no directorio. Suma así máis de 60 novas altas desde a súa publicación o pasado mes de xullo.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un directorio de axentes tecnolóxicos de Galicia con experiencia, coñecemento e competencias dixitais, especialmente nas tecnoloxías disruptivas. O obxectivo desta iniciativa é o de potenciar o mercado TIC galego, potenciar ás empresas do ecosistema, favorecer as relacións no sector e constituír un escaparate cara ao exterior.
A aplicación permite localizar empresas cun completo buscador, no que se poden aplicar múltiples filtros, que devolve as entidades tanto en forma de lista coma xeorreferenciadas no mapa. Pódese acceder ao mapa desde calquera dispositivo, a través da web do GaiásTech.
Calquera empresa, centro tecnolóxico, universidade, colexio profesional ou asociación interesada pode darse de alta neste directorio, que ten o obxectivo de recoller toda a oferta tecnolóxica da comunidade. Actualmente conta con 312 entidades, 444 produtos, 884 servizos e 74 tecnoloxías.
O Mapa de Capacidades Dixitais de Galicia é un dos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.
Esta ferramenta comezou a súa andadura con 250 entidades do ecosistema TIC galego das que recolleu datos o Clúster TIC Galicia como froito dun convenio coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
A Xunta aposta polo fomento da ciberseguridade nas institucións, as empresas e no conxunto da sociedade a través dun decálogo de medidas de colaboración entre administracións e cos sectores privados nas que investirá 18 millóns de euros. Un exemplo desta cooperación é o Nodo CIBER.gal, a primeira estrutura de colaboración público-privada na materia en España que une súas forzas e recursos para identificar, deseñar e executar accións para facerlle fronte ás ameazas cibernéticas.
Así o afirmaron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) Julián Cerviño, na apertura da XI Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos IuristicGal2022, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia co apoio do Goberno galego.
Na súa intervención, o director xeral de Xustiza destacou o labor desenvolvido pola Xunta “nunha transición dixital rápida e axeitada ás necesidades da cidadanía que permita mellorar as medidas preventivas e a capacidade de resposta ante ciberataques”. O obxectivo é ser, no horizonte de 2030, “referente internacional na materia tanto a nivel académico e investigador como empresarial e comercial”. Nesta liña referiuse á importancia do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia que implicará un investimento para a súa posta en marcha duns 3,5 millóns de euros.
O director xeral incidiu na preocupación crecente tanto entre as autoridades xudiciais e policiais como entre a cidadanía pola ciberdelincuencia. Para Tronchoni, trátase de “novas formas de criminalidade difíciles de perseguir e que requiren dun esforzo constante para dotar as forzas e corpos de seguridade e á Administración de Xustiza dos recursos precisos e de profesionais cualificados”.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia lembrou que “hai máis de dez anos puxemos en marcha unha ambiciosa iniciativa para a dixitalización da xustiza, que se materializou a través dos plans Senda 2014 e Senda 2020.” Unha década na que Galicia reforzou as infraestruturas tecnolóxicas no eido xudicial; implantou os sistemas de xestión procesual para xuíces, letrados, empregados públicos e fiscais así como a sinatura dixital en todos os órganos xudiciais; puxo en marcha todas as pezas do expediente xudicial electrónico; desenvolveu unha rede de videoconferencias que dá servizo a todos os órganos xudiciais e foi a primeira comunidade en poñer en marcha a sede electrónica xudicial.
O máximo responsable da Axencia autonómica destacou agora “queremos lograr a consolidación dixital da xustiza, para facela máis próxima á cidadanía con capacidade para ofrecer uns servizos máis personalizados e adaptados ás súas necesidades”. E con estes obxectivos está en marcha o III Plan Senda 2025 cun investimento de máis de 43 millóns de euros, un 68% máis que os plans anteriores que, entre outras medidas, permitirá completar a dixitalización do 100% de salas de vistas planta xudicial galega e potenciar os actos procesuais en remoto; evolucionar a Sede Xudicial Electrónica e incrementar o número de servizos dispoñibles ou impulsar a estratexia do dato e automatización para que a xestión da información facilite a mellora e a calidade do servizo.
O desenvolvemento do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para avanzar na especialización dixital, permitirá á nosa comunidade afrontar o reto ante o que se atopan as rexións para reducir a dependencia tecnolóxica do exterior, segundo destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
Cerviño participou está mañá na mesa redonda inaugural de Galicia TIC, o foro que organiza dende hai 20 anos a Asociación de Empresas Tecnolóxicas de Galicia (INEO). O debate, sobre “Crecemento, Dixitalización e Eficiencia” foi moderado polo presidente da INEO, Luis Álvarez Sestelo, e contou tamén coa participación do CEO de Imatia, Fernando Vázquez; e o director de Edisa, Carlos Suárez.
Na súa intervención, o director da Axencia describiu un escenario caracterizado pola escaseza de materias primas, a inflación e a aceleración no uso das tecnoloxías provocado pola pandemia da Covid-19. Como consecuencia desta situación, destacou a necesidade de que as rexións aumenten as súas capacidades e infraestruturas propias para limitar a dependencia do exterior. Tamén salientou a oportunidade que representa para o sector tecnolóxico a necesaria transformación dixital das empresas e a extensión das xestións telemáticas e o teletraballo.
Neste sentido, resaltou que Galicia avanza nese proceso de especialización como demostran os datos sobre a evolución do denominado hipersector TIC. Segundo o último informe elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), en 2020 había na nosa Comunidade un total de 2.961 empresas tecnolóxicas, o que representou un crecemento dun 2,2% con respecto ao ano anterior. Dende 2016, o número de empresas creceu un 15%.
Julián Cerviño lembrou que o OSIMGA destaca que se trata dun dos sectores con maior potencial de crecemento nos vindeiros anos e que, ademais, xera cadeas de valor co resto de axentes, empresas tratoras e sectores económicos. O hipersector TIC representa xa o 3% do PIB de Galicia, cun crecemento sostido nos últimos anos superior ao PIB xeral. Esa evolución reflíctese no emprego, que crece a un ritmo do 4,5 anual.
O director da Axencia destacou finalmente a importancia do desenvolvemento das tecnoloxías disruptivas como a Intelixencia Artificial, o 5G, a Intelixencia do Dato ou a Ciberseguridade. Neste sentido, referiuse a actuacións da Xunta como o Plan de posto dixital avanzado para persoal de emprego público, o Plan de Administración e Goberno Dixital, a implantación da estratexia Cloud no sector público, a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, os proxectos piloto de 5G e a creación dos nodos de colaboración 5G, GalicIA (de Intelixencia artificial), ou o CIBER.gal (de ciberseguridade).
As novas tecnoloxías disruptivas están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 10,9% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores emprega algunha tecnoloxía de Intelixencia artificial, o que sitúa a Galicia no quinto posto do ranking por CC.AA, por diante de comunidades como Andalucía ou País Vasco. Isto supón un ascenso no posicionamento de Galicia no contexto estatal, avanzando do noveno posto do ano anterior ao quinto, tras experimentar un crecemento do 50% no último ano.
Entre as empresas galegas que empregan Intelixencia artificial, cabe salientar o seu uso para a xeración de linguaxe natural (3º posto no ranking estatal) ou tecnoloxías que permiten o movemento físico das máquinas a través de decisións autónomas baseadas na observación do entorno -robots autónomos, vehículos autónomos, drons autónomos- (4º posto no ranking por CC.AA.)
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que mostra o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 14,1% conta con especialistas TIC e, neste tramo empresarial, é a cuarta Comunidade Autónoma con máis especialistas TIC en Intelixencia artificial.
O 11,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores analizou big data, experimentando un crecemento do 21,8% no último ano. Ademais, o 7,72% emprega a robótica, en valor practicamente idéntico á media estatal.
Esta son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2021/2022” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)
As empresas galegas de 10 e máis empregados son líderes no uso do Software libre co 86,7%, superando en 4,5 puntos a media estatal.
As empresas galegas tamén incorporan á súa xestión as vantaxes do teletraballo e o traballo remoto. O 48,7% das pemes e grandes empresas galegas leva a cabo reunións remotas, ocupando o sexto lugar no ranking estatal.
En Galicia, o 95,7% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen de conexión a Internet fixa e o 88,7% ten contratada banda longa móbil. No último ano aumentou un 6% a porcentaxe de empresas de 10 ou máis empregados con conexión a internet de banda ancha de máis de 100 Mbps, acadando xa o 71%.
As empresas de menos de 10 empregados de Galicia seguen a superar a media estatal no uso de medios sociais, no que acadan a sexta posición a nivel estatal. O 30,7% destas empresas xa dispoñen de páxina web, ocupando así o cuarto lugar entre todas as Comunidades Autónomas.
A contratación de Internet entre as microempresas galegas sitúase no 80,3%. Entre as empresas con conexión a Internet, un 87% opta pola banda larga móbil, superando a media estatal en 4,22 puntos porcentuais e experimentando un crecemento do 10,3%.
A Aula CeMIT do Concello de Boiro vén este mes de novembro con novas actividades de formación tecnolóxica para a cidadanía: novas xornadas de capacitación dixital que se van desenvolver de xeito presencial. As inscricións pódense facer in situ na Aula CeMIT de Boiro, vía correo electrónico ou por teléfono.
No mes de novembro está previsto o desenvolvemento de xornadas formativas sobre competencias dixitais en ofimática con LibreOffice (Writer, Calc, Base e Impress) entre o 7 e o 30 de novembro en horario de 10.00 a 12.00 horas. As inscricións pódense levar a cabo de maneira presencial na Aula CeMIT emprazada no edificio do Centro Social de Boiro, no enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou no móbil 629 769 139. A maiores, no que resta de outubro ofrécense as seguintes actividades: