main content

main content
06/03/202309:03
Mentoring FP 2022-2023.
Santiago de Compostela

Convocatoria programa Mentoring FP 2022-2023

  • Este programa desenvólvese no marco do Plan de Emprendemento no Sistema Educativo e dentro do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades coa Amtega no marco do Plan DigiTalent 2030.

Mentoring FP é unha iniciativa que ten por obxecto a titoría e acompañamento do alumnado de Formación Profesional de ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización para a identificación de saídas profesionais e o desenvolvemento da súa carreira profesional ou a posta en marcha dun proxecto emprendedor.

Dirixida a alumnado matriculado nos ciclos de Grao Superior e cursos de especialización da familia profesional de Informática e comunicacións en centros sostidos con fondos públicos, dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución na páxina web da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, é dicir, desde o 2 de marzo de 2023 ata o 16 de marzo de 2023, ambos os dous incluídos.

A solicitude debe remitirse asinada polo/a director/a do centro educativo. Os anexos deben enviarse en formato pdf, cubertos dixitalmente, e non como documento escaneado.

06/03/202307:03
CITIC Talentos Inclusivos.
Madrid

Talentos Inclusivos do CITIC, Premio Nacional de Enxeñaría en Informática

O proxecto Talentos Inclusivos do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC) vén de ser premiado polo Consejo General de Colegios Profesionales de Ingeniería en Informática de España co Premio Nacional de Ingeniería en Informática na sección Humanismo e compromiso social.

Xunto con este proxecto entregaranse outras oito distincións o vindeiro 16 de marzo, nun acto na sede da Real Academia de Ingeniería, en Madrid. O proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido polo CITIC e outras entidades, está destinado a fomentar as vocacións TIC entre a xente nova ao tempo que dá visibilidade aos problemas das persoas con diversidades funcionais e motrices e contribúe a facilitar o seu día a día mediante solucións tecnolóxicas innovadoras. O obxectivo é dobre: por unha banda fomentar as vocacións TIC entre alumnado de Secundaria e Bacharelato e, polo outro, ofrecer apoio aos devanditos colectivos en risco de exclusión. Para isto, creáronse grupos de traballo colaborativos. Entre os proxectos xurdidos ao longo do curso académico, destacan un robot e un dron controlados coa man ou a cabeza, un sistema anticolisión para cadeiras de rodas, xoguetes infantís adaptados e produtos de apoio con impresión 3D. Trátase dun proxecto colaborativo, posto en marcha polo CITIC xunto con ASPACE Coruña, co apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

01/03/202311:03
Julián Cerviño nunha instantánea de Mercedes González.
Santiago de Compostela

A Xunta destaca o impulso das tecnoloxías disruptivas no sector público con iniciativas como o Gobtech, o xemelgo dixital de Galicia e a sensorización do territorio

  • Son medidas xa en marcha, enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030, que ten como eixo transversal a especialización tecnolóxica da Comunidade
  • O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, inaugurou hoxe o Foro ADP Tecnoloxía e Negocio
  • O responsable da Axencia autonómica recordou que a Estratexia autonómica avoga por impulsar a promoción de talento dixital, fortalecer o hipersector TIC e favorecer a adopción das tecnoloxías disruptivas polos distintos sectores produtivos

A especialización dixital de Galicia é unha prioridade para Xunta de Galicia e así se plasma na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG2030), que recolle este obxectivo como un eixo transversal. Así o resaltou esta mañá o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na inauguración da Foro APD Tecnoloxía e Negocio.

O responsable da Axencia autonómica destacou as principais iniciativas que se están a desenvolver para “implantar as tecnoloxías disruptivas no sector público e en proxectos de calado para Galicia, como a estratexia GobTech, en colaboración coas pemes e start-ups galegas; o xemelgo dixital de Galicia, que permitirá efectuar simulacións e análises preditivos sobre o impacto da acción da sociedade sobre a contorna; e a sensorización do territorio a través da Rede Galega de IoT, con capacidade para xestionar ata 300.000 sensores e dar cobertura a máis do 70% do territorio”.

Julián Cerviño sinalou que para afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia a EDG2030 asume os retos de impulsar a promoción de talento dixital; fortalecer o hipersector TIC e favorecer a adopción das tecnoloxías disruptivas polos distintos sectores para facilitar un novo modelo produtivo.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou que para avanzar nestes obxectivos “a Administración autonómica puxo en marcha os nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas”. Ademais, Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial que, xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía, foron factores chave na elección da nosa Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.

28/02/202313:02
Julián Cerviño inaugurando a xornada.
Santiago de Compostela

A Estratexia Galicia Dixital 2030 marca entre os seus obxectivos que no 2025 o 25% das empresas e o 50% das administracións empreguen solucións baseadas en tecnoloxías disruptivas

  • A EDG 2030 ten como eixo transversal impulsar a especialización tecnolóxica de Galicia para promover un novo modelo produtivo baseado nunha economía dixital e sostible
  • Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de IA e está a elaborar un marco ético e normativo sobre o uso desta tecnoloxía, factores clave para que fora elixida como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial
  • Ademais a Administración autonómica puxo en marcha os nodos de intelixencia artificial, ciberseguridade e 5G

As tecnoloxías disruptivas centran a xornada que celebra hoxe o GaiásTech baixo o título “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”. Este encontro, que inaugurou esta mañá o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, abordará ao longo do día a través de mesas redondas e relatorios as aplicacións ao tecido empresarial do blockchain, o big data, a internet das cousas, a intelixencia artificial e a realidade virtual.

O director da Axencia autonómica destacou que a importancia das tecnoloxías disruptivas queda reflectida na Estratexia Galicia Dixital 2030 (EDG2030), “cuxo eixo transversal é afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia, incrementando as nosas capacidades en torno ás novas tecnoloxías disruptivas e favorecer a súa adopción polos distintos sectores produtivos”.

Cerviño lembrou que entre os obxectivos que marca a EDG2030 no medio prazo está o de acadar en 2025 “que o 25% das empresas e o 50% das administracións usen solucións dixitais baseadas en intelixencia artificial, big data e ciberseguridade; e que cando menos o 20% das empresas do sector TIC galego conten con especialistas en ciberseguridade, Intelixencia Artificial ou datos”.

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destacou que para avanzar nestes obxectivos e facilitar un novo modelo produtivo “a Administración autonómica puxo en marcha os nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas”. Ademais, Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, que xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía foron factores chave na elección da nosa Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.

Por outra banda, Julián Cerviño destacou que “as tecnoloxías disruptivas estanse a incorporar na propia administración e en proxectos de calado para Galicia” como a estratexia GobTech para impulsar o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público en colaboración coas pemes e start-ups galegas; o xemelgo dixital de Galicia ou a  Rede Galega de IoT para a sensorización do territorio.

Actividade do GaiásTech

O Centro GaiásTech, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sostible.

O GaiásTech está a programar para este ano actividades orientadas a favorecer a través do coñecemento a transformación dixital das empresas de Galicia, das Administracións públicas e da sociedade.

Entre estas actividades atópanse os talleres en Neurotecnoloxía, “Neurotecnoloxía: conectando a mente a un ordenador. Introdución e práctica”, que se levaron a cabo o 24 de febreiro; e un ciclo de formación sobre a Tecnoloxías de lean e dixitalización, “LEAN E DIXITALIZACIÓN: a simbiose do método e a tecnoloxía “, programado para o mes de marzo. Para as vindeiras semanas celebraranse as últimas sesións do #MesDDeseño “formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais”. Neste eixo, o GaiásTech tamén está preparando una programación específica no eido da iniciativa #MesD para o marketing.

27/02/202314:02
Man de robot sostendo un chip.
Santiago de Compostela

O Centro GaiásTech acolle mañá unha xornada sobre a aplicación das tecnoloxías disruptivas no sector empresarial

  • A través de mesas redondas e relatorios abordaranse as tendencias e solucións que achegan ao tecido produtivo o blockchain, o big data, a internet das cousas, a intelixencia artificial e a realidade virtual
  • O encontro enmárcase nas actividades do GaiásTech para favorecer a especialización tecnolóxica e a transformación dixital na nosa Comunidade

O Centro GaiásTech celebrará mañá martes, 28 de febreiro, a xornada “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”. O obxectivo deste evento é reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.

A xornada contará con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: blockchain, big data, internet das cousas, intelixencia artificial e realidade virtual.

Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.

Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. A inscrición é de balde.

O Centro GaiásTech, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sostible.

O GaiásTech busca impulsar a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

27/02/202308:02
Participantes da terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos.
Santiago de Compostela

Talentos Inclusivos achega as TIC á mocidade en beneficio dos afectados por parálise cerebral

Promover a vocación TIC entre o alumnado de Secundaria e dar visibilidade á discapacidade, neste caso á parálise cerebral, é a finalidade que persegue a terceira edición do proxecto Talentos Inclusivos, unha proposta na que traballan o centro de ASPACE (Parálise Cerebral) Coruña e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña (UDC), que conta co apoio do Consello Social da Universidade, a FECYT, o Concello da Coruña e a Xunta de Galicia.

Son arredor de 200 estudantes de secundaria de dez centros de Galicia os que participan na nova andaina deste programa. Estamos a falar dos colexios: Calasanz (A Coruña); o IES Rego da Trabe (Culleredo); IES Terra de Trasancos (Narón), IES Ramón Menéndez Pidal (A Coruña), IES Sofía Casanova e Saturnino Montojo (Ferrol) e o IES Miraflores (Oleiros); quedando pendentes a realización destas actividades de sensibilización en outros dous centros (IES As Mariñas de Betanzos e o IES Ortigueira). No día de hoxe un deses colexios, Carmelitas de Ourense, visitaba a propia sede de ASPACE, en Sada, descubrindo alí as barreiras ás que se enfrontan a diario as persoas con parálise e tamén como a través da tecnoloxía os propios alumnos e alumnas de 3º da ESO poden contribuír a mellorar a súa calidade de vida.  A coordinadora de ASPACE Coruña, Iria Robles, expuxo varias das propostas que se tratarán nesta edición, como o desenvolvemento de videoxogos clásicos para usar en terapias de rehabilitación e a adaptación 3D de premedores do cabezal dunha cadeira de rodas. Amais disto, cómpre dicir que as visitas presenciais aos centros educativos volveron retomarse “despois de dous anos de restricións debido á pandemia”.

Dende ASPACE, Ricardo Iglesias Sanmartín, xerente da sede na Coruña, díxolle ao alumnado: “temos que traballar para que as persoas con parálise cerebral acaden a plena inclusión e unha maneira de facelo é propoñendo retos que melloren o seu día a día. Pódovos asegurar que cando chegue o mes de xuño a relación que tedes con eles vai cambiar a vosa perspectiva e a vosa visión das persoas con discapacidade”.

23/02/202310:02
Momento da entrega do equipamento.
Santiago de Compostela

A Xunta promove a doazón de equipos informáticos para a inclusión dixital das persoas maiores

  • A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal), recibe 31 equipos no marco do Programa de Voluntariado Dixital, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado
  • Estas dotacións irán destinadas a reforzar a formación dixital que se está a ofrecer nos centros formativos de Ategal da Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense

A Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos recibiu hoxe unha doazón de 31 equipos informáticos que se destinarán á inclusión dixital das persoas maiores, no marco do Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia.

Os equipos foron doados pola consultora multinacional NTT Data, que participa como mecenas dixital no programa VOLDIX.

Esta doazón contribúe á consecución dun dos obxectivos básicos do Programa VOLDIX que suma esforzos para favorecer a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos en risco de exclusión dixital. Neste caso concreto, a doazón realizada permitirá á Asociación Ategal dispor do equipamento necesario para poder continuar e impulsar a formación de persoas maiores poñendo foco no eido da alfabetización e capacitación dixital a través das aulas de A Coruña, Vigo, Ferrol, Santiago e Ourense.

Esta colaboración entre ambas entidades persegue incorporar os coñecementos nas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación mellorando a accesibilidade da poboación, especialmente das persoas maiores, ás TIC e a súa aplicación na vida cotiá promovendo a divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.

VOLDIX une a cidadanía e entidades para non deixar a ninguén atrás

O programa VOLDIX enlaza e interrelaciona o esforzo e as necesidades dos máis de 980 aliados cos que conta na actualidade. Entre estes aliados figuran entidades colaboradoras como Ategal e os mecenas dixitais —entre os que se inclúe a consultora NTT Data.

No seno desta colaboración, NTT Data ten realizado diferentes doazóns de equipamento a entidades colaboradoras que así o solicitaron.

No seu papel de aliado dixital tamén realizou actividades formativas orientadas a varias temáticas como a busca de emprego, novos perfís profesionais, administración electrónica, e-Saúde, charlas con expertos e obradoiros de creación de videoxogos, drons, seguridade nas redes, robótica, realidade virtual etc.

Estas son algunhas das moitas formas de colaboración deste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organizacións e entidades públicas e privadas que traballan para consolidar a capacitación dixital entre toda a cidadanía.

Todas estas iniciativas contribúen a acadar o obxectivo de reforzar a oferta de formación dixital gratuíta para mellorar as competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais que persegue a Estratexia Galicia Dixital 2030.

22/02/202318:02
Placas solares no teito dunha casa.
Santiago de Compostela

A Xunta e FENITEL presentan as axudas para mellorar as infraestruturas de telecomunicacións en edificios

  • A Cidade da Cultura acolleu hoxe unha xornada informativa sobre o Plan Renove ICT, dotado con 4 M€
  • Subvencionarase ata o 70 % dos gastos derivados da mellora das infraestruturas de telecomunicación en edificios
  • Esta é unha das iniciativas postas en marcha pola Xunta de Galicia no marco do compoñente 15 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola UE para a mellora da conectividade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración coa Federación Nacional de Instaladores e Integradores de Telecomunicaciones (FENITEL), organizaron hoxe unha xornada para presentar o Plan Renove ICT, posto en marcha pola Xunta de Galicia.

Esta xornada contou coa participación de asociacións e profesionais interesados nestas axudas (enxeñeiros, arquitectos, instaladores e administradores de fincas), para divulgar estas medidas ás que poden optar as comunidades de propietarios, principais beneficiarios das mesmas. Galicia conta con máis de 20.000 edificios que poderían optar a estas axudas.

Esta iniciativa busca eliminar as barreiras para a prestación de servizos avanzados no fogar e incorporar ICT adaptadas ás novas redes ultrarrápidas, especialmente nos edificios de maior antigüidade. O plan está dirixido a edificios ou conxuntos de edificios suxeitos ao réxime de propiedade horizontal que estiveran concluídos antes do 1 de xaneiro de 2000, antes da entrada en vigor do Real Decreto 279/1999 de 22 de febreiro.

O Plan Renove ICT conta cun orzamento de 4 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.

A liña de axudas sufraga ata o 70 % dos investimentos e gastos necesarios para presentar os proxectos subvencionables, o que inclúe a elaboración do proxecto, dirección de obra e certificación final, memorias e informes técnicos; ademais de todos os traballos vinculados á empresa instaladora. Se contemplan tres liñas de actuación, en función do equipamento a instalar, instalación completa, parcial ou adaptada exclusivamente á banda larga ultrarrápida.

Está previsto que se publique a convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia nas próximas semanas.

22/02/202314:02
Aesia Galicia.
Madrid

A Xunta ofrece colaboración ao Goberno central para a posta en marcha da AESIA

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa nunha xornada sobre a 'Actualización da Axenda España Dixital 2026' no Instituto Nacional de Administración Pública
  • Galicia reivindica a súa aposta pola especialización tecnolóxica na xestión intelixente, ética e responsable do dato
  • O esforzo para a transformación tecnolóxica de Galicia da última década permitiu avanzar na universalización da Administración, da sanidade, da xustiza e da educación dixital

A Xunta de Galicia tende a man ao Goberno central na posta en marcha da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), e considera que as Administracións autonómicas deben participar activamente nos órganos de goberno da Axencia, que terá a súa sede na Coruña, segundo destacou hoxe a directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo.

Bobillo formulou esta proposta ante o director xeral de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Salvador Estevan. Ambos participaron esta mañá nunha xornada sobre a “actualización da Axenda España Dixital 2026: avances e novos eixos” organizada por Socinfo Digital no Instituto Nacional de Administración Pública.

A responsable de Planificación da Axencia galega resaltou a importancia do desenvolvemento dunha intelixencia artificial ética e fiable nas Comunidades autónomas en aspectos que son da súa competencia, como a Administración dixital, a educación, a sanidade ou o fomento das competencias dixitais da cidadanía.

Neste sentido, fixo un repaso polos avances da dixitalización de Galicia na última década, que permitiron que tanto a Administración, como a sanidade, a educación ou a xustiza en Galicia acadaran ou estean a punto de acadar a universalización dos seus servizos.

María Bobillo destacou, entre os retos da Xunta cara ao futuro, a especialización tecnolóxica da Comunidade, eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030. Esta especialización implica o desenvolvemento e aplicación das tecnoloxías disruptivas, entre elas a intelixencia artificial ou a xestión intelixente do dato. De aí a importancia de participar activamente na primeira experiencia europea de posta en marcha dunha axencia estatal para a súa supervisión.

A aposta de Galicia pola intelixencia artificial reflíctese en aspectos como o de ser unha das tres primeiras Comunidades autónomas de España en dispoñer dunha estratexia propia de IA.

María Bobillo destacou tamén o papel do Nodo GalicIA na configuración dunha candidatura sólida para acoller a AESIA, que foi o resultado dun mandato que a Xunta recibiu do Parlamento de Galicia para postular á nosa Comunidade.

Na xornada que hoxe tivo lugar en Madrid tamén participaron o director xeral do Insitituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), Félix A. Barrio; o director do sector de Administracións Públicas de Ibermática an Ayesa, Alejandro Rodríguez e o vicerreitor de Estratexia e Universidade Dixital da Universidade de Murcia, Pedro M. Ruiz.

22/02/202312:02
Momento dun evento no GaiásTech.
Santiago de Compostela

O centro Gaiástech achega a vangarda tecnolóxica ás empresas de Galicia

  • Esta instalación, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, centra parte da súa actividade deste ano na difusión de avances en tecnoloxías intelixentes, neurotecnoloxía, estratexia empresarial, deseño ou marketing
  • O centro acolle o 28 de febreiro na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela unha xornada sobre tecnoloxías disruptivas para o sector empresarial
  • O evento constará de cinco mesas redondas que tratarán os avances en intelixencia artificial, blockchain, big data, internet das cousas e realidade virtual

A difusión entre empresas e profesionais de Galicia dos últimos avances en tecnoloxías intelixentes, neurotecnoloxía, estratexia empresarial, deseño ou marketing dixital, centrará nos próximos meses a actividade do Centro GaiásTech na Cidade da Cultura de Galicia.

Este centro, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, enmarca a súa actividade no eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030, para a especialización tecnolóxica na nosa Comunidade, así como nos eixos 1 e 3, cos obxectivos de avanzar nunha sociedade dixital e inclusiva e nunha economía dixital e sostible.

Neste contexto, o Centro GaiásTech organizará o vindeiro 28 de febreiro a xornada: “O futuro hoxe: as tecnoloxías que nos están cambiando”, que se celebrará na Cidade da Cultura. O obxectivo deste evento é reunir nun mesmo espazo as aplicacións que todas estas tecnoloxías teñen no día a día das empresas e, por tanto, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.

A xornada contará con mesas redondas e relatorios moderados por persoas expertas en cada unha das tecnoloxías disruptivas: blockchainbig data, internet das cousas, intelixencia artificial e realidade virtual.

Este evento está dirixido tanto ao sector empresarial como á cidadanía en xeral, e mostrará as últimas tendencias en tecnoloxías disruptivas e o seu impacto no mundo empresarial. Desde as 9:00 h e ata as 17:45 h, as persoas asistentes poderán gozar dun completo programa con especialistas deste ámbito.

Para inscribirse no evento, as persoas interesadas poden visitar a páxina web do GaiásTech. O prazo para facelo xa está aberto e a inscrición é de balde.

Actividade do GaiásTech

O GaiásTech está a programar para este ano actividades orientadas a favorecer a través do coñecemento a transformación dixital das empresas de Galicia, das administracións públicas e da sociedade.

Entre estas actividades atópanse os talleres en neurotecnoloxía, “Neurotecnoloxía: conectando a mente a un ordenador. Introdución e práctica”, que se levarán a cabo o vindeiro venres 24 de febreiro. Desenvolverase tamén un ciclo de formación sobre as Tecnoloxías de lean e dixitalización, “LEAN E DIXITALIZACIÓN: a simbiose do método e a tecnoloxía “, programado para o mes de marzo. Para as vindeiras semanas celebraranse as últimas sesións do #MesDDeseño “Formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais”. Neste eixo, o GaiásTech tamén está preparando una programación específica no eido da iniciativa #MesD para o marketing .

GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS