A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) acaba de facer entrega de tecnoloxías avanzadas (material disruptivo) á Aula CeMIT do Concello de Boiro. Máis polo miúdo, foi a concelleira de Cultura e Educación, María Outeiral, a que fixo entrega deste material ao axente TIC do Concello para levar a cabo formación na aula. O material recibido foi: unha impresora 3D, un kit de consumibles, un equipo de robótica, drons, gafas de realidade virtual, controladores e un kit de placas de comunicación e programación que se empregarán para desenvolver novas actividades formativas nesta Aula CeMIT.
Engadir que o Concello de Boiro está adherido ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT, que ten como obxectivo dotar ás ditas aulas de material tecnolóxico punteiro para acadar unha experiencia formativa plena; reformar as aulas acorde ás últimas tendencias didácticas e tecnolóxicas; potenciar a formación adaptada ao marco galego e europeo; intensificar a presenza das aulas no rural e reforzar os servizos dixitais.
A Aula CeMIT de Porto do Son, punto de divulgación e capacitación dixital do Concello, reforzouse este mes de marzo coa entrega de material tecnolóxico avanzado de mans da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), co obxectivo de incorporalo á actividade formativa da Aula.
Trátase do seguinte material: unha impresora 3D (que se entrega xunto cun pequeno kit de consumibles con dúas bobinas), un kit de robótica (composto por 6 robots educativos e un equipo de 6 kits de construción), cinco unidades de drons, dúas unidades de lentes de Realidade Virtual con dous controladores e un kit de placas de comunicación e programación composto por catro placas tipo Arduino e dúas Raspberry PI 4 Model Quad-Core 64 bits. Co obxectivo de preparar a formación relacionada con este material de tecnoloxías disruptivas (tecnoloxías que marcan un antes e un despois na transformación do noso xeito traballar, coñecer a realidade, comunicarnos, interactuar e informarnos) a CeMIT está a desenvolver o programa formativo Formar e innovar para axentes TIC.
Así mesmo estase a preparar o ComDix, a nova certificación europea que vén a substituír ao CODIX, na que os axentes TIC da Rede CeMIT, da que forma parte a aula sonense, xa foron formados e examinados.
A Aula CeMIT de Ribeira recibiu na mañá deste 21 de marzo novo material tecnolóxico procedente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) coa finalidade de que sexa incorporado a súa actividade formativa. A concelleira de Educación e Innovación Tecnolóxica, Juana Brión, foi a encargada de recepcionar o novo equipamento de tecnoloxías disruptivas, que inclúe os dispositivos que se citan deseguido.
A entrega de equipamentos materializouse a raíz da solicitude do Concello de Ribeira de adherirse ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT.
A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia inicia o día 28 de marzo un novo ciclo formativo en materia de ciberseguridade orientado a cidadanía, especialmente ás persoas maiores.
Baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade” estas sesións buscan non deixar a ninguén atrás en materia de competencias dixitais e ciberseguridade. Desenvolveranse de xeito presencial nas aulas CeMIT de 17 concellos de toda Galicia e no centro GaiásTech, na Cidade da Cultura.
O prazo de inscrición xa está aberto e pode realizarse a través da páxina web da Rede CeMIT ou de xeito presencial nas aulas de A Cañiza, Fisterra, Ribeira, Leiro, O Barco, Abegondo, Ortigueira, Monforte, Cuntis, Celanova, Cerceda, Tomiño, Ribadeo, Quiroga, A Fonsagrada, Betanzos, Gaiás Tech e Pontevedra.
As xornadas farán foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporán as medidas para poder previlos, facilitando un uso seguro da tecnoloxía sen abusos.
É a segunda edición deste ciclo, que se enmarca nas actividades do Nodo CIBER.gal para dar cobertura ás necesidades da cidadanía, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade.
|
Aulas participantes |
Datas e horarios |
|
28 de marzo de 11:00 a 12:00 horas. |
|
|
30 marzo de 17:00 a 18:30 horas. |
|
|
3 de abril de 11:30 a 13:00 horas. |
|
|
4 de abril de 11.00 a 12:30 horas. |
|
|
5 de abril de 11:00 a 12:30 horas. |
|
|
9 de maio de 11:00 a 12.30 horas. |
|
|
10 de maio de 11:00 a 12.30 horas. |
|
|
11 de maio de 12.00 a 13.30 horas. |
|
|
15 de maio de 11:00 a 12:30 horas. |
|
|
16 de maio de 11:00 a 12:30 horas. |
|
|
19 de maio de 12:30 a 14:00 horas |
|
|
22 de maio de 11:30 a 13:00 horas |
|
|
23 de maio de 11:30 a 13:00 horas |
|
|
6 de xuño de 13.30 a 15:00 horas |
|
|
12 de xuño de 12:30 a 13:30 horas |
|
|
20 de xuño de 12:00 a 13:00 horas |
|
|
21 de xuño de 11:00 a 12:00 horas |
|
|
4 de maio de 16:00 a 17:30 horas |
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia autonómica, que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 96 centros. Entre os seus obxectivos está o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar ás pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: https://cemit.xunta.es/centros.
A Xunta regulará o uso da intelixencia artificial no sector público autonómico, de acordo cos resultados do informe elaborado polas tres universidades públicas galegas sobre o marco ético e normativo para o desenvolvemento desta tecnoloxía.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, inaugurou hoxe o acto de presentación do estudo sobre o Marco ético normativo e adopción da intelixencia artificial (IA) en Galicia, onde destacou que a aposta da comunidade pola colaboración e a implicación de todos os actores no proceso de transformación dixital sitúa á nosa comunidade nunha posición de vangarda. O acto contou coa participación dos reitores das tres universidades: Antonio López (Santiago de Compostela); Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo).
Miguel Corgos sinalou ademais que, a intelixencia artificial é unha responsabilidade compartida e que desde esta posición se poden afrontar mellor os retos relacionados coa especialización da sociedade galega en tecnoloxías e a forma na que se aplican, tendo sempre en conta o benestar das persoas e o desenvolvemento social e económico. Neste marco, lembrou que a comunidade galega foi a escollida para acoller a primeira axencia estatal europea de supervisión da intelixencia artificial, a AESIA, que estará na Coruña.
Na súa intervención, o conselleiro fixo fincapé nas preocupacións da Administración relativas á utilización das tecnoloxías intelixentes de xeito que cumpran os criterios éticos e normativos máis esixentes: que a administración sexa cada vez máis eficiente, a través automatización de procesos, robotización ou minería de datos; que avance na mellora dos servizos que se ofrecen á cidadanía, cada vez máis personalizados, a través de tecnoloxías de xestión intelixente do dato e novos modelos de procesamento, almacenamento ou servizos na nube; e que faciliten as relacións entre a cidadanía e a administración, mediante o desenvolvemento de asistentes virtuais e novas ferramentas para dispositivos móbiles. Sen esquecer garantir o acceso aos servizos das persoas sen habilidades dixitais, a través de figuras como a do apoderado ou o funcionario habilitado.
Expertos das tres universidades destacan que “hai marxe para que os Estados e as comunidades autónomas reforcen os obxectivos da lexislación europea sobre Intelixencia Artificial, incluso dende antes da súa entrada en vigor”. Neste sentido, inciden en que “nada impide que a comunidade autónoma regule xa a utilización das tecnoloxías baseadas en IA polo propio sector público autonómico e, no seu caso, polas entidades locais galegas”.
Tampouco hai impedimento a que “a comunidade autónoma poida desenvolver unha política propia de fomento do desenvolvemento de tecnoloxías baseadas na IA”. Sen embargo, advirten de que “está xurdindo un mosaico de normas nacionais con posibles diverxencias que entorpecerá a circulación fluída na UE de produtos e servizos asociados a sistemas de intelixencia artificial e non garantirá de maneira efectiva a seguridade e a protección dos dereitos fundamentais e os valores comunitarios”.
Esta é unha das conclusións do estudo presentado hoxe na Cidade da Cultura, promovido pola Xunta e elaborado por equipos multidisciplinares das tres universidades públicas galegas.
Este informe é o primeiro elaborado nunha comunidade autónoma española para afrontar os retos para unha IA fiable e acorde cos valores humanos que promove a Unión Europea.
Previamente á presentación do estudo desenvolveuse un espazo de diálogo sobre “O papel da linguaxe para unha IA ética e fiable” no que participaron o catedrático de Teoría da Literatura, Darío Villanueva, e o director do Foro de Humanismo Tecnolóxico de ESADE, José María Lassalle. O debate foi moderado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
O estudo foi presentado polo catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Luis Miguez; a catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, e o profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, Alberto Vaquero.
Entre as conclusións do traballo, os autores destacan que “para estudar posibles escenarios de regulación da IA en Galicia resulta recomendable seguir activamente os acordos e avances da AI Act (Lei europea de IA) de cara a situarse como pioneiros na aplicación que corresponda e lograr aliñarse para impulsar o mercado único europeo e crear oportunidades claves en torno ao desenvolvemento e uso da IA en Galicia”.
Sinalan, así mesmo, que “as empresas galegas contan con certas vantaxes, como as derivadas da existencia dunha clara aposta da Xunta pola IA, materializada nunha estratexia formal, e a implantación de graos universitarios neste ámbito de formación”.
O estudo articulouse en torno a tres aspectos: o marco lexislativo da IA, a identificación das claves do éxito na adopción da IA no mundo e un sistema de indicadores para Galicia, e a análise da situación actual da adopción da IA en Galicia e recomendacións para o seu impulso.
En canto ao sistema de indicadores proposto, os expertos tomaron como referencia a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e os datos dispoñibles a través do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Entre os aspectos de análise atópanse as conexións da rexión coas principais redes de intelixencia artificial; a formación e adaptación do capital humano e da poboación; o desenvolvemento das condicións necesarias para o desenvolvemento da IA: Administracións públicas, empresas e sectores estratéxicos; e o apoio dende os axentes do ecosistema de innovación galego e a súa aportación á evolución social e económica de Galicia.
O traballo tamén incide en que debe ser prioritario “a creación de espazos de datos empresariais compartidos, a transformación dixital das empresas, o despregue de infraestruturas e o fomento da creación de empresas de prestación de servizos de IA especializados en PEMEs.
O estudo está dispoñible na seguinte ligazón: https://amtega.xunta.gal/documento/estudo-sobre-o-marco-etico-e-normativo-e-o-potencial-impacto-da-adopcion-da-intelixencia
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, puxo en marcha a iniciativa “Ciberseguridade Galicia”, cunha imaxe que identificará todas as accións e contidos destinados a mellorar a concienciación e capacitación da sociedade en materia de seguridade dixital.
No marco das medidas destinadas a reforzar a concienciación cidadá na materia, a Axencia autonómica puxo en marcha o portal https://ciberseguridadegalicia.gal. Entre os seus obxectivos atópase o de recompilar datos sobre novos incidentes, avisos e alertas de ciberseguridade e poñelos a disposición das persoas usuarias do portal.
Así mesmo, ofrecerá información de fondo sobre ciberseguridade: Información técnica e práctica, documentación, recursos formativos, vídeos, catálogo de empresas deste ámbito e outros recursos, así como novas sobre ciberseguridade, como informacións de actualidade, accións ou eventos de axenda.
O portal tamén dará difusión ás actividades máis relevantes promovidas polo Centro de resposta a incidentes de seguridade da información da Xunta de Galicia (CSIRT.gal), así como detalles dos servizos que presta.
Este portal púxose en marcha a finais de 2022, como unha máis das actividades desenvolvidas dentro do proxecto de ampliación dos servizos de ciberseguridade ofrecidos pola Xunta, co propósito de estender o seu ámbito de actuación para dar cobertura ás necesidades da cidadanía, empresas e administracións públicas. Os contidos do portal web complementaranse con publicacións sobre ciberseguridade nos perfís de redes sociais da Xunta de Galicia.
No marco do reforzo das medidas de concienciación da cidadanía e, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade, realizaranse nos próximos meses 130 obradoiros nos que participarán preto de 4.000 estudantes de 2º, 3º e 4º da ESO. O alumnado recibirá formación práctica sobre como xestionar de xeito seguro os seus dispositivos dixitais e redes sociais, e aprenderá a protexer a información e facer un uso seguro destas ferramentas.
Nesta mesma liña, vaise iniciar a partir do 28 de marzo a segunda edición da formación en ciberseguridade dirixida a persoas maiores, que levará a 19 aulas CeMIT sesións formativas centradas en temas como a xestión de contrasinais, uso do correo electrónico ou navegación segura.
No mes de marzo, o nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal constituirá e porá en marcha outro dos seus grupos de traballo, neste caso o da cidadanía, que contará coa participación e colaboración de case vinte empresas e tamén coa cooperación dos seus socios fundadores, entre os que se atopan o Instituto Nacional de Ciberseguridade.
Por outra banda, todas as novidades do xa consolidado Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, xuntanza de referencia da ciberseguridade en Galicia, publicaranse no novo espazo web https://ciberseguridadegalicia.gal. A próxima edición deste encontro, no mes de novembro, será acollida un ano máis na Cidade da Cultura de Galicia.
A Aula CeMIT de Ribeira, emprazada na contorna de Cubeliños, vai albergar o vindeiro luns 3 de abril unha charla dedicada á ciberseguridade, ou sexa, ás metodoloxías e recursos que podemos aplicar no noso día a día para garantir a protección da nosa información (e da allea) e das nosas comunicacións.
A sesión, titulada O teu día a día en liña, con seguridade, desenvolverase en horario de 11:30 a 13:00 horas e é de carácter gratuíto. Alí ofrecerase unha visión sobre a actualidade da dixitalización, os riscos ao ter en conta na navegación pola web e medidas recomendadas para facelo de forma segura.
A Aula CeMIT de Ames ofrece neste comezo da primavera unha gran variedade de actividades (seis) dentro da súa oferta formativa, pensada para todo tipo de público. Haberá tanto cursos de iniciación tecnolóxica para os adultos como clases orientadas ao alumnado. Ademais, continuarase ofrecendo o acceso libre á aula, que permanecerá aberta ao público de luns a venres, dende as 9:00 ata as 13:00 horas; e os martes e xoves tamén dende as 16:30 ata as 19:00 horas. Así mesmo, ofrécese atención telefónica e por correo electrónico os luns, mércores e venres, de 16:00 a 18:30 horas.
Ofértanse catro cursos para adultos, dous deles con carácter presencial e outros dous online. Dende o pasado 27 de febreiro está a ter lugar a formación de Iniciación ás redes sociais, que se estenderá ata o vindeiro 17 de marzo. Trátase dun curso de 18 horas no que os participantes aprenderán a rexistrarse en Facebook, Instagram, Twitter, YouTube, TikTok, BeReal... Ten lugar os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 12:00 horas e de forma presencial.
O 20 de marzo poñerase en marcha Sácalle partido ao teu teléfono móbil, que se impartirá os mesmos días e no mesmo horario, tamén de xeito presencial. Trátase dun curso de longa duración (remata o 26 de maio) no que os alumnos e alumnas aprenderán a controlar o seu teléfono móbil comezando dende os aspectos máis básicos, para logo introducirse no uso do sistema operativo Android, así como no das súas apps. Para cada formación de carácter presencial ofértanse trece prazas.
Xa de maneira online impartiranse os cursos Follas de cálculo con LibreOffice Calc e Presentacións con LibreOffice Impress. O primeiro estase a desenvolver dende o pasado luns, 27 de febreiro e finalizará o 4 de abril. O segundo terá lugar entre o 11 e o 27 de abril. Ambos pódense seguir a través de retransmisións de YouTube todos os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas. Dende a Aula CeMIT enviarase por correo electrónico aos participantes a información necesaria para acceder a cada unha das sesións, así como un breve titorial para descargar e instalar os programas necesarios para o seguimento dos cursos.
Follas de cálculo con LibreOffice Calc é un curso de introdución da suite ofimática. Nel explícanse aspectos como o formato numérico e de folla de cálculo, o manexo do asistente de funcións, as operacións con porcentaxes ou datas e funcións básicas e condicionais. Tamén se fai un repaso polo formato condicional, a concatenación de celas, as opcións de impresión ou a protección do documento.
Presentacións con LibreOffice Impress busca formar sobre a creación de presentacións con Impress: peculiaridades, interface do programa, inserción e formatado dos elementos (cadros de texto, imaxes, FontWork, táboas, gráficas, vídeos), animación e interacción das diapositivas e manexo de modelos de traballo.
Para os nenos e nenas ofrécese, por unha banda, un obradoiro de Scratch e por outra, outro curso de iniciación a LibreOffice Impress.
O taller de Scratch, pensado para rapaces e rapazas de entre 8 e 14 anos, terá lugar durante a Semana Santa (o luns 3, martes 4 e mércores 5 de abril, de 10:00 a 12:00 horas). Scratch é unha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a utilizar a lóxica da informática na programación. Durante o curso aprenderán as bases para crear un sinxelo xogo.
Por outra banda, a formación de LibreOffice Impress, especialmente dirixida aos estudantes, terá lugar todos os martes e xoves de 17:15 a 18:45 horas, dende o 12 ata o 26 de abril. Trátase dun curso enfocado ao emprego da ferramenta para crear traballos e exposicións no colexio e instituto.
A inscrición aos cursos, tanto para adultos como para a rapazada, pódese facer chamando ao número de teléfono 682 373 753, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal ou presencialmente, nas instalacións da aula (no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns). Os nenos e nenas deberán estar previamente rexistrados na rede CeMIT para participar neles. O rexistro pódese facer na propia aula ou de maneira online, accedendo a través da ligazón específica habilitada dende a Aula CeMIT.
A Xunta pon en marcha dúas das iniciativas do Plan DigiTalent 2030 para fomentar as vocacións tecnolóxicas. Por un banda ábrese o prazo de inscrición da oitava edición de Tecnoólog@ por un día e por outra lánzase a primeira edición do Programa Mentoring FP.
Ata o 28 de marzo estará aberto o prazo de Tecnólog@ por un día, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración con sector TIC, para ofrecer ao alumnado de secundaria e bacharelato a oportunidade de visitar durante unha xornada o centro de traballo dalgunha das empresas que colaboran coa iniciativa.
Este ano hai 57 prazas dispoñibles para visitar durante os meses de abril e maio as instalacións das empresas tecnolóxicas colaboradoras ou o Centro GaiásTech da Amtega. A través de Tecnólog@ por un día rapaces e rapazas de 12 a 17 anos poden achegaranse a proxectos reais das empresas tecnolóxicas, entrar en contacto coas profesións dixitais e resolver as súas inquedanzas sobre as profesións STEAM.
O formulario de inscrición está dispoñible no espazo de Tecnólog@ por un día na web DigiTalent. Neste espazo docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras poden ademais atopar para a consulta e a descarga toda a documentación de referencia sobre esta actividade, así como as instrucións para participar e a listaxe de prazas dispoñibles ás que o alumnado poderá optar segundo a súa preferencia, grupo de idade ou localización.
Tras a finalización do período de inscrición, celebrarase un sorteo público para a asignación das prazas e a listaxe de reservas. A partir do 11 de abril, docentes e empresas recibirán no seu enderezo electrónico as comunicacións co resultado do sorteo e os pasos a seguir.
Desde este momento, as empresas colaboradoras: Altia, DOS ESPACIOS, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Televés, Vodafone e a propia Amtega, comezarán a contactar co alumnado para fixar a data e o horario das visitas nas que os rapaces e rapazas poderán participar en tarefas propias da xornada laboral como formar parte das reunións de equipo, das comidas de traballo ou facer visitas aos clientes.
Ademais, ata o 16 de marzo estará aberta a convocatoria de Mentoring FP 2022-2023, unha iniciativa froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ao abeiro do programa Eduemprende e do Plan DigiTalent 2030.
O obxectivo do Programa é titorizar e acompañar ao alumando de Formación Profesional dos ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización para identificar saídas profesionais adaptadas ao perfil de cada estudante e o desenvolvemento da súa carreira profesional, así como a posta en marcha dun proxecto emprendedor.
O Programa conta con 18 prazas que permitirán ao alumnado participante seguir un Plan de Mentoring personalizado e definido polo persoal experto que asumirá o rol de mentor dos alumnos en cada unha das grandes empresas tecnolóxicas que colaboran coa iniciativa: Altia, DXC Technology, Inetum e NTT Data.
Todos os detalles destas e doutras actuacións dirixidas á infancia e adolescencia, así como as instrucións para participar atópanse en constante actualización na web DigiTalent.
Os cadros de persoal das empresas tecnolóxicas de Galicia están formados nun 67% por homes e nun 33% por mulleres aínda que nos últimos anos estase a experimentar un cambio de tendencia, ao crecer a maior ritmo o emprego feminino que o masculino.
Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) analizados polo Observatorio da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), o sector tecnolóxico empregaba a un total de 8.983 mulleres en 2022, o que supuxo un crecemento dun 5,5% con respecto a 2021. No caso dos homes tamén houbo crecemento no emprego, pero foi do 5%.
En canto aos estudos superiores, tamén segue a ser inferior a presenza de mulleres nas carreiras relacionadas coas enxeñarías e a arquitectura, nas que representan o 26,9% do alumnado. O dato contrasta coa situación xeral no sistema universitario, no que máis do 55% do alumnado son mulleres.
No que se refire ás habilidades dixitais da cidadanía, a fenda dixital non é perceptible en Galicia, xa que tanto no uso de dispositivos electrónicos como no uso de internet a porcentaxe de mulleres usuarias é superior á dos homes.
O informe “Mulleres en Dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que hoxe pública o Osimga, indica que a porcentaxe de mulleres que declaran que accederon a internet nos últimos tres meses é dun 89,6%, seis décimas máis que no caso dos homes.
Ademais, un 91,5% das mulleres declarou que utiliza dispositivos electrónicos, fronte ao 90,8% dos homes.
O único tramo de idade no que se mantén unha porcentaxe de usuarias inferior ao de usuarios é o que vai dos 65 aos 74 anos, no que as mulleres se sitúan a 2,3 puntos porcentuais dos homes. Así e todo, neste tramo de idade, as mulleres aumentaron en 4,3 puntos porcentuais o uso de internet no último ano, fronte aos 2,3 puntos de diferencia no caso dos homes. (O informe completo pode ser consultado en www.osimga.gal).
A especialización tecnolóxica e o avance cara a unha sociedade dixital e inclusiva son dúas das liñas principais da Estratexia Galicia Dixital 2030 da Xunta.
Entre as iniciativas da Administración autonómica para o logro dos obxectivos asociados a ambas liñas destaca a rede de aulas CeMIT, posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias. Conta con cerca de 110.000 persoas usuarias, das que o 60% son mulleres. Traballa de forma conxunta co Programa de Voluntariado Dixital, formado por 700 persoas, das que o 60% son mulleres.
Entre outras actividades, as aulas desenvolven programas de inserción laboral e emprendemento como o denominado Muller TIC. En canto á promoción das vocacións tecnolóxicas ofertáronse durante estes últimos anos iniciativas como os obradoiros tecnolóxicos Tech Kids, dirixidos a nenas de entre 8 e 15 anos así como outras actividades con carácter steam. No ámbito da inclusión dixital destacan programas dirixidos a colectivos en risco de exclusión, como exemplos disto son as actividades “Son muller e non estou soa” ou “Competencias dixitais para mulleres do rural”.
As aulas CeMIT son tamén o escenario para a obtención do certificado de competencias dixitais. Máis de 5.100 persoas obtiveron este certificado na rede CeMIT, das que o 70% son mulleres. Esta porcentaxe apenas superaba o 50% en 2014.
Actualmente, estase a traballar na posta en marcha do novo Certificado Galego de Competencias Dixitais e a Rede de aulas CeMIT está nun proceso de ampliación e modernización.
O fomento das vocacións dixitais entre as mulleres é tamén un obxectivo do Plan DigiTalent 2030. En concreto, co novo Plan de impulso á inclusión, capacitación e talento dixital en Galicia, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) continua a poñer o foco no apoio e promoción da redución da fenda de xénero, co obxectivo de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as nenas.
Durante o verán de 2022, a Axencia autonómica, en colaboración coa Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol) puxo en marcha unha nova edición do Programa Girl STEAM, unha iniciativa que busca favorecer o uso da tecnoloxía dende unha perspectiva igualitaria, inspiradora e creativa durante a infancia e a adolescencia que aumente a visibilidade do rol da muller no sector tecnolóxico.
De xullo a setembro, ata 250 rapaces e rapazas de 8 a 15 anos tiveron a oportunidade de participar nos obradoiros formativos que se celebraron en 16 concellos galegos, ademais das instalacións do GaiásTech na Cidade da Cultura.
Durante o mes de outubro, púxose en marcha a II Edición do Programa Tech Kids: Ciberseguranza Kids, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Este programa ten por obxectivo achegar aos máis pequenos e pequenas os valores, normas e límites para unha navegación segura na Internet. A iniciativa desenvolveuse en formato contacontos, mesturando a narración e a ilustración cunha perspectiva lúdica e unha dinámica altamente interactiva na que participaron 28 centros escolares de Galicia e máis de 800 nenos e nenas de 3 a 12 anos.