A nave de servizos náuticos de Porto do Son vai acoller este mes de agosto, en catro quendas, un Obradoiro de Novas Tecnoloxías para persoas maiores do concello. Impartirase os días 1, 8, 22 e 29 de agosto. Será unha actividade cen por cen de balde. As inscricións cómpre facelas antes do 21 de xullo a través da área municipal de Servizos Sociais, en horario de 10.00 a 12.00 horas (máis información no teléfono 981 867 412).
O obradoiro vén da man da Xunta, a Fundación Amigos de Gailcia e o Concello. A actividade formativa está destinada a persoas de 65 anos ou máis, que poderán familiarizarse grazas ás sesións programadas en cuestións como os usos da máquina de quendas das administracións locais e os centros de saúde, dos caixeiros automáticos, dos teléfonos móbiles intelixentes ou das aplicacións móbiles máis estendidas (por exemplo a app do SERGAS).
O equipamento de última tecnoloxía incorporado recentemente pola Aula CeMIT de Valga protagonizou o obradoiro desenvolvido na mesma o pasado 13 de xullo, ao que asistiron unha decena de veciñas e veciños do concello pontevedrés.
O taller, o primeiro destas características de cantos están previsto desenvolverse nas Aulas CeMIT, puxo o foco en tecnoloxías disruptivas como a Impresión 3D, a programación electrónica, a robótica, os drons ou os equipos de Realidade Virtual. Todas estas tecnoloxías e outras máis están plenamente representadas na aula de Valga grazas á recente incorporación de material aplicada na Rede CeMIT pola axencia AMTEGA. O obradoiro de Valga, coma os restantes previstos, foi posíbel grazas ao convenio asinado entre a dita axencia e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática (CPEIG). Foi unha sesión demostrativa e experimental na que os alumnos exploraron algunhas das aplicacións e usos que poden ter ditas tecnoloxías.
Durante catro horas aprenderon a empregar os diferentes dispositivos cos que conta a Aaula CeMIT. Comezaron coa Impresión 3D, deseñando cada un no seu computador un bloque de LEGO e comprobando despois in situ como a impresora ía dando forma á figura. Comprobaron, ademais, os usos que esta tecnoloxía pode ter na vida diaria (por exemplo, traballadores municipais xa crean as súas propias pezas que lles facilitan as súas tarefas, coma por exemplo chaves de contadores).
A sesión matinal continuou con demostracións de programación electrónica, a realización dun xogo con drons e un achegamento á Realidade Virtual co uso de gafas coas que os alumnos puideron visualizar en tres dimensións un entorno xerado por ordenador.
Ademais da mestra, Cristina Fernández, a sesión contou coa participación da técnica municipal responsábel da aula, Vanessa Losada, e unha formadora do equipo CeMIT, Sara García, que explicou que este tipo de actividades tratan de achegar á poboación as últimas tecnoloxías e equipamentos cos que foron dotadas as aulas da Rede CeMIT, entre elas a de Valga.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal ÚNICO. O prazo ábrese mañá e permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de novembro.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida, durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
Esta é a segunda convocatoria dos bonos dixitais e conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea. A previsión é acadar nesta segunda convocatoria arredor de 5.600 beneficiarios.
En base ao especificado pola Unión Europea na súa decisión para a aprobación destas axudas, o uso do bono para a mellora de velocidade só será válido naqueles casos nos que a velocidade contratada actualmente sexa inferior a 30Mbps.
As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a Internet e cuxa renda anual (per capita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou risco de exclusión social.
O bono social forma parte das iniciativas predefinidas polo Goberno de España no marco do programa estatal Único, que compromete ao Estado a acadar o obxectivo europeo de que o 100% da poboación teña acceso a servizos de banda larga de polo menos 100 Mbps, en 2025.
As iniciativas predefinidas para todas as comunidades autónomas apenas suman algo máis do 9% do orzamento do que dispón o Estado para acadar este obxectivo (Galicia soamente xestiona un 0,5% dese orzamento e faino con esas iniciativas xa establecidas).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inician esta semana un ciclo de 18 obradoiros para formar á cidadanía no uso de equipamento innovador co que se ten dotado á Rede CeMIT. Os participantes nestas xornadas aprenderán a manexar dispositivos como impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual ou kits de programación e comunicación como Arduino e Raspberry Pi.
Estas sesións, presenciais e cunha duración de 4 horas, estenderanse ata o mes de outubro en 18 aulas da Rede CeMIT. As actividades teñen un carácter demostrativo-experimental, nas que se exporán varias aplicacións e usos dos sistemas e equipamento tecnolóxico con temáticas como a impresión FDM, Dorn DJI Tello, Arduino, Raspberry Pi, entre outros. As persoas interesadas en asistir non precisan contar con coñecemento previo aínda que si con competencias básicas no uso das TIC.
Cada sesión irá acompañada de pílulas informativas de cada elemento, sintetizando os seus aspectos técnicos e principais posibilidades, así como diversos recursos para a súa aprendizaxe de xeito que os usuarios e usuarias poidan inspirarse e interactuar cos diversos sistemas cunha finalidade ocio-educativa.
Esta actuación enmárcanse no convenio de colaboración asinado entre o CPEIG e a Axencia autonómica este ano no marco do “Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT (2022-2025)” para mellorar os servizos de capacitación e formación dixital dos centros CeMIT e adaptarse ás novas demandas da cidadanía.
O vindeiro 13 de xullo arranca unha nova edición de “Enredando Tour”, una iniciativa da Cruz Vermella en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, para reducir a fenda dixital entre os maiores. Ata o mes de setembro “Enredando Tour” percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante.
Esta edición está especialmente dirixida a persoas maiores de 55 anos (aínda que aberta a calquera persoa que queira participar), ás que se apoiará para que aprendan conceptos básicos do uso das tecnoloxías, así como para derrubar os temores e inseguridades que poidan ter respecto diso.
O “Enredando Tour” percorrerá Galicia cunha furgoneta superequipada que ofrecerá contidos formativos vinculados ás novas tecnoloxías. Nela transportaranse os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes… e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá.
En cada unha das localidades onde recale o tour, instalarase a furgoneta en horario de 10 a 14 horas e organizaranse varios talleres relacionados cos menús existentes. Cada persoa participante poderá formarse nun ou varios contidos de cada menú. O primordial é que a persoa decida que quere aprender e en que medida quere que Cruz Vermella o acompañe na súa capacitación dixital. Neste espazo, situado en prazas ou espazos públicos, as persoas que participen poderán manexar os dispositivos tecnolóxicos e poderán acceder a catro menús formativos que Cruz Vermella e a Axencia autonómica deseñaron:
No espazo das formacións daráselles o apoio dixital que necesiten e se quedan con dúbidas ou queren realizar algunha consulta, teñen a opción de recibir asesoramento a través da páxina enredando.gal.
A ruta comeza na provincia de A Coruña, na localidade de Toques, o próximo día 13 de xullo e continuará en Cabanas o 20, en Mesía o 27 e en Arteixo o 3 de agosto. O percorrido de actividades chegará tamén ás provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense, ata acadar un total de 20 localidades ata setembro.
As persoas interesadas en participar nas actividades de “Enredando tour” poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella.
Cruz Vermella leva 159 anos colaborando con entidades públicas e privadas para que a humanidade e a dignidade chegue a todas as persoas en calquera lugar e en todo momento e circunstancias.
En España, Cruz Vermella conta con máis de 263.000 persoas voluntarias dando resposta en máis de 6.500 municipios, que permiten atender anualmente a máis de 12,2 millóns de persoas, no ámbito nacional, e ter máis de 13,4 millóns de persoas como beneficiarias no ámbito internacional e máis de 8 millóns de persoas, en actividades de sensibilización e contorna. Todo iso co apoio de preto de 1,4 millóns de socios, empresas e aliados en todos os sectores da sociedade.
Nova edición do ciclo de obradoiros Programa Girl STEAM, dirixido a dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e aos referentes neste campo co obxectivo de espertar e motivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas.
Os obradoiros Girl STEAM achegan a tecnoloxía aos rapaces e rapazas dun xeito creativo e inspirador a través de actividades enfocadas á experimentación tecnolóxica. Nesta edición, os participantes de 8 a 11 anos terán a oportunidade de crear una peza audiovisual en formato stop motion cun circuíto de leds que elaborarán eles mesmos. Pola súa banda, os rapaces e rapazas de maior idade poderán crear tecidos intelixentes, programando sensores con arduino sobre una prenda téxtil que reaccione aos cambios de distancia, luz ou inclinación.
Durante os meses de xullo, agosto e setembro, celebraranse obradoiros formativos prácticos presenciais en 14 concellos galegos nas aulas CeMIT e nas instalacións do Centro GaiásTech, con sesións en dúas quendas por idades (de 8 a 11 e de 12 a 15 anos).
Esta iniciativa desenvólvese ao abeiro do Convenio de colaboración asinado entre a Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG).
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia promove durante o verán un novo ciclo de obradoiros Girl STEAM en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras STEAM.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 16 concellos de toda Galicia. Este novo ciclo de obradoiros dará comezo o vindeiro 4 de xullo na aula CeMIT de San Sadurniño. Posteriormente, haberá obradoiros en Leiro, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Oroso, Celanova, Cuntis, Guitiriz, Valga, Barreiros, Ribadeo e Vigo. Adicionalmente, tamén, se celebrará un obradoiro no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura.
Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Desenvolveranse obradoiros de experimentación tecnolóxica nos que o alumnado de menor idade elaborará unha peza audiovisual en formato ‘stop motion’ a partir dun circuíto de luces led elaborado por elas mesmas. Por outra banda, as persoas participantes de 12 a 15 anos experimentarán coa creación de tecidos intelixentes, mediante a programación de sensores cun arduino para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccione a cambios de distancia, luz, inclinación etc.
Trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.
4 de xullo: San Sadurniño - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
5 de xullo: San Sadurniño - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
10 de xullo: Leiro - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
11 de xullo: Leiro - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
12 de xullo: Betanzos - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
13 de xullo: Betanzos - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
14 de xullo: Ribeira - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
19 de xullo: Ribeira - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
17 de xullo: Ortigueira - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
18 de xullo: Ortigueira - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
20 de xullo: A Estrada - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
21 de xullo: A Estrada - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
26 de xullo: Oroso - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
27 de xullo: Oroso - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
3 de agosto: Celanova - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
4 de agosto: Celanova - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
7 de agosto: Cuntis - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
8 de agosto: Cuntis - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
11 de agosto: Guitiriz - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
18 de agosto: Guitiriz - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
17 de agosto: Valga - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
25 de agosto: Valga - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
21 de agosto: Barreiros - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
22 de agosto: Barreiros - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
23 de agosto: Ribadeo - Obradoiros Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
24 de agosto: Ribadeo - Obradoiros Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
28 de agosto: Vigo - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
29 de agosto: Vigo - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
7 de setembro: GaiásTech - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 8 a 11 anos
8 de setembro: GaiásTech - Obradoiro Girl STEAM para escolares de 12 a 15 anos
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) dous obradoiros prácticos arredor da tecnoloxía no marco da iniciativa Girl STEAM. Trátase de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (acrónimo inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas). Estes obradoiros desenvolveranse na Aula CeMIT de San Sadurniño os días 4 e 5 de xullo. Para inscribirse ou solicitar máis información pódese contactar coa aula en cemit.sansadurnino@xunta.gal ou no teléfono 616 016 393. A proposta é gratuíta e só oferta 10 prazas para cada xornada.
A primeira das sesións, a que se desenvolverá o 4 de xullo de 10 a 13:00h, está pensada para nenas e nenos de 8 a 11 anos. Iniciarán a xornada cunha pequena introdución á técnica de animación stop-motion e, deseguido, poranse ao labor por equipos para produciren a súa propia peza, coa particularidade de que empregarán un circuíto de luces led deseñado por elas e eles mesmos.
O circuíto será a base para o guión e para a construción dunha historia visual contada fotograma a fotograma, igual que os debuxos animados, que cumprirá montar na parte final do obradoiro para ver o resultado e presentar o traballo. O segundo obradoiro tamén terá lugar na Aula CeMIT (no primeiro andar da Casa da Cultura) o 5 de xullo entre as 10:00 e as 13:00h. Neste caso vai dirixido a mozas e mozos de 12 a 15 anos coa misión de traballaren en grupos programando sensores Arduino. “Os dispositivos han de configurarse para que sexan capaces de reaccionar a cambios de distancia, luz e inclinación dunha prenda téxtil”, explícase dende o Concello. Ambas actividades encádranse no programa Girl STEAM da AMTEGA, que ten como obxectivo “motivar as vocacións tecnolóxicas entre a xuventude, tendo como guías a profesionais de recoñecido prestixio en cada eido e, neste caso, enxeñeiras e enxeñeiros que forman parte do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia”. Para participar nos obradoiros é necesario inscribirse na Aula CeMIT de San Sadurniño, a través do móbil/whatsapp 616 016 793 ou enviando un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal. En cada un deles ofértanse un máximo de 10 prazas.
O Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) celebrou esta semana o seu pleno anual, onde se deu a coñecer o plan de traballo para esta anualidade, que inclúe dous novos estudos sobre a dixitalización das persoas maiores e uso do galego no eido dixital.
O pleno, presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño, deu conta tamén dos avances impulsados tras os dous primeiros anos de desenvolvemento da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD 2030) para a transformación dixital da comunidade.
No plan de traballo 2023 o OSIMGA comprométese a publicar dous novos informes: “Seniors dixitais” e “O uso do galego nas TIC”, do que o IGE realizará a recollida de datos en 2023 e permitirá ao Observatorio elaborar o informe no ano seguinte.
Algúns informes temáticos que se estaban a elaborar de forma puntual, pasarán a partir deste ano a ser periódicos. Trátase dos informes “Rapaciñ@s dixitais”, “Competencias dixitais da poboación galega”, “Talento dixital, traxectoria laboral dos perfís STEM en Galicia”, “Tecnoloxías disruptivas nas empresas de Galicia” e “Tecnoloxías disruptivas nas empresas TIC de Galicia”.
Ademais, no pleno anunciouse a renovación do proxecto técnico do Sistema de Indicadores da Sociedade da Información, que serve para seleccionar e difundir periodicamente novos datos estatísticos sobre a dixitalización da sociedade galega. Tamén se despregarán novas ferramentas de comunicación dos datos mediante un cadro de mando interactivo de consulta de indicadores e a elaboración de vídeos divulgativos propios.
No pleno presentouse, tamén, o balance do compromisos adquiridos en 2022, como a realización dunha nova edición de estudos como “As Competencias Dixitais da Poboación Galega”, “Galicia Dixital: Tecnoloxías Disruptivas nas empresas”, o informe “Rapaciñ@s Dixitais” e o informe “Talento dixital: evolución da Traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia”. Así mesmo cumpriuse o compromiso de elaborar o primeiro informe sobre “Tecnoloxías disruptivas no sector TIC de Galicia”. Por último, executáronse as colaboracións previstas con Ciber.gal e o Consello Galego das Mulleres na realización dos respectivos estudos sobre ciberseguridade en Galicia e sobre a relación das galegas coas TIC.
A sesión plenaria acolleu, ademais, a presentación do balance de actuacións dos dous primeiros anos da Estratexia Galicia Dixital 2030, afondando nas principais medidas postas en marcha no eido dos sete eixes estratéxicos que constitúen a folla de ruta para a transformación dixital de Galicia.
Nestes dous anos deuse continuidade ás actuacións enfocadas a consolidar unha administración intelixente e a prestación de servizos públicos dixitais; a fomentar a educación, capacitación e talento dixital da cidadanía; a impulsar a economía dixital para un territorio intelixente; e ao fortalecemento do ecosistema dixital e da especialización tecnolóxica de Galicia.
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacaron hoxe o éxito do programa Talentos Inclusivos, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración coa Universidade da Coruña e a Asociación de Pais de persoas con Parálise Cerebral (Aspace). O museo Domus da cidade herculina acolleu hoxe a clausura da terceira edición deste programa.
Dez centros de ensino de Galicia participaron nesta iniciativa que ten un dobre obxectivo. Por un lado, achegar e fomentar o uso das novas tecnoloxías entre a mocidade e, por outro, dar a coñecer e sensibilizar sobre a realidade da discapacidade. As impresoras 3D, os videoxogos ou a xeolocalización, foron algúns dos campos nos que traballou o alumnado nesta edición de Talentos Inclusivos.