A Aula CeMIT de Valga, emprazada no Auditorio Municipal, acolleu este xoves 17 de agosto unha sesión práctica de experimentación tecnolóxica na que participaron unha decena de nenos e nenas do termo municipal con idades comprendidas entre os 8 e os 11 anos de idade.
Esta iniciativa, promovida pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), ten como obxectivo “espertar vocacións tecnocienfíticas entre a mocidade e reforzar as súas capacidades en ámbitos coma a ciencia, a enxeñaría ou as matemáticas a través de obradoiros nos que aprender e experimentar”. Neste caso os rapaces, dirixidos pola docente Paula Tubío, traballaron na elaboración de circuítos eléctricos con papel e, a despois, crearon unha peza audiovisual en formato stop motion. Para iso, deseñaron e deron forma a diferentes personaxes con materiais coma cartolina, plastilina ou pompóns.
A vindeira semana, o venres 25, celebrarase na mesma localización un segundo obradoiro dirixido a mozos de 12 a 15 anos que poderán experimentar coa creación de tecidos intelixentes. Os participantes aprenderán a programar sensores para construír un proxecto sobre unha prenda téxtil que reaccione a cambios de distancia, luz, inclinación, etc. As inscricións poden realizarse a través da Rede CeMIT ou de xeito presencial no Concello ou no Auditorio. A través destas actividades trátase de “potenciar o desenvolvemento das competencias tecnolóxicas asociadas ás ciencias, introducindo a creatividade e empregando materiais innovadores relacionados coa arte para que as sesións resulten máis atractivas para os participantes”.
A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acolle o vindeiro 2 de setembro, en horario de 10:00 a 14:00 h, un obradoiro creativo sobre equipamento para a inclusión e a capacitación dixital da veciñanza. A actividade está definida no marco do convenio de colaboración entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) destinada a adultos sen necesidade de coñecementos previos aínda que si con competencias básicas no uso das TIC.
Será unha sesión “demostrativa e experimental” na que se exporán varias aplicacións e usos dos sistemas e equipamentos tecnolóxicos disruptivos presentes nos centros da Rede. Está destinada a persoas adultas con interese profesional ou persoal sobre este tipo de tecnoloxía cun enfoque divulgativo e ocio-educativo. Abordaranse recursos como a impresión FDM, a Raspberry Pi, o hardware-software libre Arduino, o dron DJI Tello ou o Wonder Building Kit con micro:bit V2.
Tamén se mostrarán as posibilidades da Realidade Virtual a través dos Kits Educa 360. Esta formación irá acompañada de pílulas informativas de cada elemento, sintetizando os seus aspectos técnicos e principais posibilidades así como diversos recursos para o seu aprendizaxe. As prazas son limitadas e as persoas interesadas poderán anotarse, así como recibir máis información, no correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal ou chamando ao 982 370 062.
O pasado 9 de agosto clausurouse na Aula CeMIT do Concello da Cañiza unha actividade formativa para afianzar os coñecementos informáticos avanzados entre a mocidade local, con vistas a mellorar a súa formación e a súa empregabilidade futura. Estamos a falar do Curso de Informática para Estudantes de ESO e de Bacharelato, que deu comezo o pasado 10 de xullo e rematou o 9 de agosto.
Incluíu 40 horas de formación de balde, impartida polo Concello da Cañiza na Aula CeMIT da Casa de Cultura, para estudantes maiores de 11 anos, co obxectivo concreto de “mellorar as súas habilidades informáticas de cara a que poidan realizar con facilidade as tarefas e traballos académicos”.
A Aula CeMIT do Concello de Ribadeo acollerá os días 23 e 24 de agosto uns obradoiros tecnolóxicos para a rapazada. Para participar é preciso inscribirse ata o día 22. As prazas son limitadas e poden reservarse online en cemit.ribadeo.gal. O 23 de agosto os obradoiros estarán destinados a nenas e nenos de 8 a 11 anos. E o 24 de agosto para rapazas e rapaces de 12 a 15 anos. O horario será de 10 a 13 horas.
Desde a Concellería de Mocidade explican que "se trata de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas á rapazada, especialmente ás nenas, para rachar estereotipos e espertar o seu interese e confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas) a través de obradoiros lúdicos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas". Durante os obradoiros, o monitorado adapta os contidos ás características de cada grupo, tendo en conta as áreas STEAM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, artes e matemáticas). Desde Mocidade de Ribadeo engade que "o grupo de 8-11 anos participará nun obradoiro de stop motion con luces LED, e o grupo de 12-15 anos realizará unha actividade de introdución aos tecidos intelixentes”. Durante os obradoiros traballarán de xeito transversal cuestións como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o seu uso creativo, “máis alá do mero uso e consumo, a importancia da colaboración e o traballo en equipo, así como a relevancia das artes como ferramenta de desenvolvemento", sinalan dende o Concello.
O curso está organizado pola axencia AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (iniciativa Girl STEAM), co apoio do Concello.
Dende Mancomún (iniciativa galega de fomento do software libre impulsada dende AMTEGA) aproveitaron este mes de agosto para levar a cabo unha nova reivindicación do papel das mulleres no ámbito STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática). Consistiu no lanzamento de novos stickers ao abeiro de Mulleres en Tech.
A iniciativa puxo o foco nos códigos e formatos comunicativos empregados polas novas xeracións e levouse a cabo nas redes sociais e no propio portal de Mancomún.
A colección de stickers pódese empregar nas ferramentas de mensaxería instantánea e teñen o obxectivo de “visibilizar o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEM”. Esta colección de stickers irá medrando ao longo do ano. Entre as novas achegas figuran as galegas Ana Jimenez, Cristina Barreiro e Cristina Pampín. Podemos descargar os stickers directamente no noso dispositivo móbil para usalos no Telegram ou no WhatsApp.
A iniciativa tivo un precedente inmediato nos stickers lanzados polo Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.
O Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMBach, chegará o vindeiro curso a aproximadamente 750 alumnos, tal e como se deprende da resolución publicada pola Xunta cos centros que se incorporan e continúan o vindeiro curso 2023-24 neste programa.
Tal e como se pode consultar no Portal Educativo, son cinco os centros que se suman ao proxecto, en concreto os institutos IES As Mariñas (Betanzos) e Primeiro de Marzo (Baiona), así como os colexios plurilingües CPR Miraflores (Ourense), Lar (Mos) e Montecastelo (Vigo). A Xunta de Galicia implantou esta iniciativa por primeira vez no curso 2018/19 como experiencia piloto e foise consolidando ata chegar ás cifras actuais, con case medio cento de centros participantes.
A iniciativa enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030 e busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, afondando no traballo das competencias matemáticas e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría mediante os elementos e os procedementos da investigación e do método científico, dun xeito rigoroso, ordenado e crítico.
Facilita tamén a adquisición de competencias transversais como a creatividade, o sentido da iniciativa e o emprendemento, a resolución de problemas, o traballo en equipo, o pensamento crítico e a cidadanía global; así como a mellora das destrezas comunicativas e expresivas, con énfase na comunicación e divulgación científica, nas competencias dixitais e na incorporación da intelixencia artificial.
Este programa educativo ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidades de Bacharelato. Os participantes desenvolverán un proxecto de investigación, no segundo curso desta etapa, relacionado con calquera ámbito de coñecemento das materias cursadas na etapa, que estará codirixido por un docente pertencente a un departamento universitario ou entidade de investigación de Galicia e do que o alumno realizará unha defensa do traballo en sesión pública.
Así mesmo, estes estudantes cursarán unha materia extracurricular de afondamento relacionada co ámbito STEM (ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), en 1º e 2º de Bacharelato, cunha carga lectiva semanal de dúas ou tres horas fóra do horario ordinario do alumnado.
A maiores, este alumnado realizará actividades complementarias de formación, organizadas polo centro en colaboración con universidades, entidades ou organismos investigadores, ou persoas investigadoras de recoñecida competencia, como conferencias, obradoiros ou proxectos.
Ao remate dos dous anos do proxecto, e logo da avaliación positiva tanto da extracurricular como da defensa do proxecto de investigación, os alumnos recibirán unha credencial da dirección do centro de que realizou os estudos correspondentes a este programa, que tamén se fará constar no seu historial académico.
O Proxecto de Transformación Dixital para a Innovación de FADEMGA Plena Inclusión comeza a dar os seus primeiros pasos coa organización dun curso destinado á mellora das competencias dixitais das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento. As actividades formativas levaranse a cabo ao remate do verán.
Esta formación busca capacitar ás persoas con discapacidade intelectual nas competencias recollidas no Marco Digcomp-2-2 así como mellorar a súa metacognición, autonomía e sociabilidade no eido dixital. Uns obxectivos que teñen como base a superación da fenda dixital do colectivo. O curso contará con 6 módulos de 10 horas cada un. Cada módulo contén actividades que reforzan o aprendido así como foros para interactuar co resto das persoas participantes. Aínda que as actividades serán en liña, o alumnado contará cun titor ou titora que lles servirá de apoio en todo o proceso formativo. FADEMGA achegou un documento PDF en liña con toda a información relativa ao curso.
O prazo para a achega de solicitudes remata o 15 de setembro. O período de realización do curso comprenderá os meses de setembro a decembro organizadas da seguinte maneira:
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse esta mañá á Aula CeMIT de Celanova para participar do inicio do obradoiro Girl Steam; unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras Steam. Gabriel Alén estivo acompañado polo director da área de Sociedade Dixital da Axencia, Miguel Rodríguez Quelle.
O delegado territorial sinalou que se trata de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.
Gabriel Alén explicou que na provincia de Ourense xa se desenvolveu esta actividade no concello de Leiro os pasados 10 e 11 de xullo, e hoxe e mañá levarase a cabo aquí, en Celanova. Participan 12 rapaces e rapazas de entre 8 a 11 anos, que levarán a cabo unha actividade por equipos que terá como produto final unha peza audiovisual en formato stop motion. Partirase dun circuíto de luces led elaborado polo grupo que sirva de base para elaborar o miniguión e construír a historia con fotogramas que se editará para a presentación final do traballo. Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Para o representante do Goberno galego trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.
Esta actuación forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, que conta cun eixe especificamente dirixido a impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado, prestando especial atención á fenda de xénero.
Así, cada ano, o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent conta con iniciativas destinadas a todos os públicos, entre as que destacan as accións lúdico-formativas e as experiencias inmersivas como o Programa Tecnólog@ por un día ou o Programa Tech Kids, impulsado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Con estas actividades, búscase espertar o interese dos máis cativos nas disciplinas científico-tecnolóxicas e nas novas profesións dixitais; ao tempo que se pon en valor o rol que xoga o talento feminino no sector TIC, promovendo o aumento da taxa de mulleres nos novos desenvolvementos dixitais.
A aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia (Rede CeMIT) do Concello de Ames anunciou a súa oferta formativa para o último cuadrimestre do ano 2023, que inclúe cinco cursos para adultos e outros tres para nenos. Os contidos que se van impartir abranguen dende a iniciación á informática e a mecanografía ata a edición de imaxes con GIMP ou a busca de emprego a través de Internet.
Segundo confirmou o Concello, se ben a Aula CeMIT permanecerá pechada durante o mes de agosto, o acceso libre ás instalacións, así como a súa actividade formativa, retomarase a partir de setembro. Durante os últimos catro meses do ano haberá tanto cursos para adultos como para menores de idade. A oferta formativa abarca clases tanto para as persoas que descoñecen o mundo da Rede (iniciación á informática ou introdución á Administración Electrónica) como para todos aqueles que buscan obter un nivel máis avanzado (edición de imaxes, creación de CV...). No caso da cativada, haberá cursos de nivel básico de informática adaptada a nenos e de mecanografía.
A primeira das formacións ofrecidas pola Aula CeMIT para adultos é Crea o teu CV a medida!, o luns 11, o mércores 13 e o venres 15 de setembro, de 10:00 a 12:00 horas. Trátase dun curso no que os participantes aprenderán a realizar un bo currículo, orientado a satisfacer diversas necesidades na busca de emprego. Estudarase o proceso completo: dende a creación dunha autoanálise para decidir que poñer no currículo ata o momento de escribir unha carta de presentación a unha empresa. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido creando un currículo propio coa axuda dun profesor.
Nesa liña, ofértase tamén o curso Busca de emprego a través de Internet, que se desenvolverá o luns 18, o mércores 20 e o venres 22 de setembro, tamén de 10:00 a 12:00 horas. Nel proporcionaranse unha serie de trucos e consellos para levar a cabo a dita busca, así como recursos para atopar ofertas de todo tipo: portais de emprego, boletíns semanais, uso de redes sociais...
Todas aquelas persoas que busquen familiarizarse cos trámites coas entidades públicas poderán inscribirse no curso Introdución á Administración Electrónica, que vai ter lugar o luns 25, o mércores 27 e o venres 29 de setembro, de 10:00 a 12:00 horas. Nel, ensinarase o manexo con todo tipo de sistemas de identificación electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, Cl@ve e Chave365. Verase como facer para obter cada un deles, así como as súas vantaxes e desvantaxes. Os participantes poderán achegarse tamén á sede electrónica do Concello de Ames e a servizos tan útiles como É-Saúde ou Notifica.gal.
Para rematar os cursos presenciais de adultos, dende o 3 de outubro ata o 20 de novembro desenvolverase Iniciación á Informática, todos os martes e xoves de 10:00 a 12:00 horas. Con esta formación búscase achegar aos participantes a conceptos como o manexo do rato e do teclado, a acender e apagar os equipos e a xestión do sistema operativo para crear documentos e traballar con eles.
Para cada unha das formacións ofértanse trece prazas. O alumnado poderá facer uso da aula aberta tanto antes coma despois de cada sesión para realizar prácticas adicionais ou para consultar dúbidas sobre calquera tema. Xa de xeito online, ofértase o curso Edición de imaxes con GIMP. Será os luns e mércores, de 16:30 a 18:00 horas, dende o 18 de setembro ata o 11 de outubro. Os/as participantes achegaranse a esta ferramenta de software libre e de balde, que serve como alternativa a Photoshop. As clases servirán para entender as súas bases e desenvolver a técnica de emprego. Neste caso, só será preciso matricularse e asistir ao directo de Youtube a través do ordenador. Antes do comezo das clases enviarase por correo electrónico a información necesaria para acceder a cada unha das sesións.
Os nenos e nenas tamén contan cun espazo de formación na Aula CeMIT. Entre o 19 de setembro e o 12 de decembro haberá un curso de informática para a cativada de entre 7 e 10 anos, de nivel básico. Desenvolverase os martes, de 17:15 a 18:45 horas. Con el, os rapaces e rapazas poderán aprender sobre as bases do uso dun ordenador: rato, teclado, Sistema Operativo, xestión de documentos e cartafoles, acceso á Rede, introdución á escritura en LibreOffice Writer... Por outra banda, ofértanse dous cursos de mecanografía. Ámbolos dous se desenvolverán entre o 21 de setembro e o 14 de decembro. Para menores de 10 anos, terán lugar os xoves, de 17.00 a 18:00 horas; mentres que para maiores de 10 anos se desenvolverá ese mesmo día, de 18:00 a 19:00 horas. Ao estar as instalacións da aula pechadas durante todo o mes de agosto, as inscricións deben facerse de xeito telemático, escribindo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.
A porcentaxe de fogares galegos con Internet acadou en 2022 o 92,7%, o que supón un crecemento dun 0,5% respecto ao ano anterior. En termos absolutos, 874.806 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, o que representa un incremento de 47.554 fogares nos últimos catro anos.
A porcentaxe de fogares con velocidade de conexión a Internet contratada superior a 100 Mbps experimentou un forte incremento no último ano, e situouse no 45,4%, fronte ao 30% que rexistraba no ano 2021, o que supón un crecemento do 51,3%.
Os datos corresponden ao estudo “Galicia. A nosa vida en dixital. A Sociedade da Información nos fogares galegos. Edición 2022” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Os datos proceden da Enquisa Estrutural aos Fogares que realiza o IGE, que cede os datos a OSIMGA en virtude do acordo de colaboración asinado.
O ordenador segue a ser o equipamento por excelencia nos fogares galegos. No 2022, 733.665 fogares dispoñen de ordenador de sobremesa, portátil ou tablet, o 77,8% dos fogares con persoas de 16 a 74 anos. Máis especificamente, o ordenador portátil está presente no 60,1% dos fogares.
A presenza dos televisores intelixentes (Smart TV) nos fogares galegos creceu un 12,6% no último ano. O 49,2% dispoñen deste dispositivo, que, dende 2019, incrementou a súa presenza nun 62,9%.
Continúa o crecemento dos dispositivos electrónicos intelixentes para o control da enerxía, da seguridade, domótica, electrodomésticos intelixentes ou altofalantes intelixentes. É dicir, o Internet das Cousas xa é unha realidade cotiá nos fogares galegos. Por exemplo, en 2022, o 12,9% dos fogares galegos dispoñen de altofalante intelixente con asistente dixital, o que supón un crecemento do 33% respecto ao ano anterior.
A contratación de Internet nos fogares galegos foi incrementándose ata chegar ao 92,7% no ano 2022. Así, 874.806 fogares galegos onde reside algunha persoa de 16 a 74 anos ten contratado Internet, un incremento de 47.554 fogares nos últimos catro anos.
O 75,9% dos fogares galegos con conexión a Internet dispoñen xa dunha velocidade de Internet superior aos 30 Mbps, cun crecemento do 8,9% no último ano.
Os fogares con velocidade de conexión a Internet superior a 100 Mbps experimentou un forte incremento, situándose no 45,4%, cun crecemento do 51,3% no período 2021-2022.
O 96,5% da poboación galega usan o teléfono móbil ben sexa persoal, proporcionado pola empresa na que traballa, ou ambas situacións. Obsérvase un uso universal nas persoas de 16 a 44 anos mentres que, entre as persoas maiores de 64 anos, o uso sitúase no 87,3%.
A porcentaxe de internautas, mantense nos niveis acadados no ano anterior (89,3%). En termos absolutos, 1.763.218 persoas de 16 a 74 anos utilizaron Internet nos últimos tres meses, o que supón un incremento de 68.052 internautas nos últimos catro anos.
As actividades máis comúns dos internautas galegos no 2022 son usar mensaxería instantánea (97,3%), buscar información sobre bens e servizos (87,5%), ler noticias, xornais ou revistas de actualidade en liña (85,7%), recibir ou enviar correos electrónicos (82,7%), usar banca electrónica (77,2%) ou telefonar por Internet / videoconferencias (72%).
A idade continúa a ser unha variable relacionada co nivel de dixitalización. A menor idade, maior uso da rede, acadando niveis de uso do 99,7% entre os/as galegos/as máis novos/as.
A pesares disto, a fenda dixital redúcese ano a ano e cabe salientar un significativo incremento no nivel de dixitalización no tramo de idade de 65 a 74 anos: o 59,9% xa son usuarios de Internet, o que representa un incremento do 2% no último ano.
No 2022, as compras por Internet dos galegos e galegas acadan o 60,7%, e son as persoas de 25 a 34 anos as que máis mercan pola rede: o 91,6% fíxoo nos últimos 3 meses.
As principais compras que se realizaron 2022 foron roupa (incluída roupa deportiva), zapatos ou accesorios (68,5%), entradas para espectáculos ou eventos (33,3%), mobles ou accesorios para o fogar e produtos de xardinería (24,9%) e reservas de aloxamentos (23,9%)
O 93,3% da poboación galega de 16 a 74 anos realizaron xestións coas administracións ou organismos públicos por motivos persoais no ano 2022, destes o 83,8% empregou internet para realizar esas xestións. Entre estes destacan as xestións sanitarias, cun 86,1%, xunto coa tramitación da declaración da renda (41,6%).
O 53,3% das persoas de Galicia que usaron Internet nos últimos 12 meses padeceron algún incidente de seguridade na rede. O incidente máis frecuente é a recepción de spam (92,8%) seguido a moita distancia (26,2%) das estafas ou intentos de estafa.
O 36,8% dos galegos e galegas que navegaron por Internet nos últimos 12 meses non aplicaron ningunha acción para protexer o acceso á súa información persoal.
Os resultados detallados do informe “Galicia: A nosa vida en dixital” poden ser consultados en www.osimga.gal.