main content

main content
11/01/202418:01
Mans usando un teléfono intelixente.
Santiago de Compostela

A Xunta crea un nodo de colaboración público privada para adaptar as tecnoloxías de telecomunicación ás necesidades do territorio

  • O nodo Conectivi.gal supón unha evolución do nodo 5G e buscará adaptar todo tipo de tecnoloxías sen fíos ás necesidades específicas de Galicia e aos desafíos como a extensión do internet das cousas e o territorio intelixente
  • Desta estrutura de colaboración formarán parte a Xunta, as tres universidades públicas, os centros tecnolóxicos e as operadoras Telefónica, Vodafone e Orange
  • Entre os obxectivos do nodo está o de consolidar en Galicia un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade

O Consello da Xunta recibiu hoxe o informe sobre “A evolución ao nodo Conectivi.gal”, unha estrutura de colaboración público – privada que dedicará os seus esforzos a adaptar as novas tecnoloxías de telecomunicacións sen fíos ás necesidades específicas de Galicia.

O despregamento de redes de telecomunicacións sen fíos adquire unha importancia singular en Galicia polas dificultades que existen para facer chegar as infraestruturas terrestres a todo o territorio e a unha poboación moi dispersa.

Esta nova estrutura de colaboración é unha evolución do nodo 5G, constituído no ano 2018, que permitiu situar á nosa Comunidade na vangarda do desenvolvemento desta tecnoloxía. Puxéronse en marcha 30 casos de uso adaptados ao territorio en aspectos como a sanidade, loxística, emerxencias, realidade aumentada ou agricultura, entre outros, e producíronse fitos como a primeira experiencia mundial de roaming en 5G entre Galicia e Portugal.

As necesidades de despregamento de telecomunicacións amplíanse hoxe a todo tipo de dispositivos que deben estar conectados para facilitar información sobre o territorio ou para a xestión de datos, con tecnoloxías como o internet das cousas, e utilidades como o territorio intelixente, a mobilidade ou o desenvolvemento dos sectores primarios e infraestruturas rurais. Para cubrir estas necesidades, existen alternativas ao 5G que se axustan a estes novos desafíos (como NB-IoT, LoraWan ou WiFi Halow). Adaptar estas tecnoloxías ás necesidades específicas de Galicia é o obxectivo do nodo Conectivi.gal.

Entre os seus obxectivos están tamén o de consolidar en Galicia un ecosistema de entidades especializadas no eido da conectividade; desenvolver actividades formativas e demostrativas orientadas aos perfís tecnolóxicos en telecomunicacións; a dinamización da implantación de solucións de conectividade; e a promoción da dixitalización e innovación das administracións públicas galegas a través da conectividade.

O nodo Conectivi.gal está promovido pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Universidades e Formación Profesional; do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Entre os membros fundadores estarán tamén as tres universidades públicas de Galicia (Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo); así como Telefónica, Vodafone e Orange. Tamén formará parte do nodo a Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (ATIGA – Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia).

 

11/01/202418:01
Mans usando unha tablet.
Santiago de Compostela

A Xunta publica unha guía para facilitar a adopción da intelixencia artificial polas administracións públicas

  • O documento achega pautas e indicacións que poden ser adoptadas por calquera administración pública de acordo coa súa idiosincrasia
  • Identifica as distintas fases e axentes que interveñen na xestión de proxectos que integran sistemas de IA
  • Aliñada coa normativa europea, a guía busca poñer ao alcance de todas as administracións a capacidade da intelixencia artificial para ofrecer eficiencia, personalización e anticipación en la prestación dos servizos públicos

A Xunta pon a disposición das administracións do sector público galego unha guía para facilitar a xestión da intelixencia artificial nas súas organizacións. O documento, aliñado coa normativa europea, identifica as distintas fases e axentes que interveñen na xestión de proxectos que integran sistemas de IA e achega pautas e indicacións, que poden ser adoptadas por calquera administración pública de acordo coa súa idiosincrasia.

O documento, enmarcado nas liñas de actuación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030 (EGIA 2030), busca poñer ao alcance de todas as administracións a capacidade da intelixencia artificial para ofrecer eficiencia, personalización e anticipación na prestación dos servizos públicos.

Con este obxectivo, a Guía práctica para a xestión da intelixencia artificial nas administracións públicas explica que é un sistema de IA e as fases do seu ciclo de vida, proporcionando unha visión integral do proceso, destacando as actividades esenciais de cada etapa, ademais de analizar erros comúns que poden xurdir e identificar os roles responsables.

O documento establece como primeiro paso a identificación e avaliación de oportunidades, establecendo unha área de mellora á que se lle pode dar resposta incorporando un sistema de IA. O segundo paso é o deseño, desenvolvemento e implantación do sistema. A guía detalla todos os pasos de cada fase, así como os axentes que interveñen: desde a persoa delegada da implantación de IA, a comisión de avaliación, o persoal funcional e o persoal tecnolóxico.  

A guía aborda a xestión do ciclo de vida dun sistema de IA como un proceso integral, que permite asegurar que o sistema observa en todo momento as condicións que garanten a súa idoneidade, o seu uso confiable e sustentable no tempo, así como o cumprimento normativo e os requirimentos éticos asociados a esta tecnoloxía.

Neste sentido a guía, tal e como fixa a normativa europea, considera unha parte central do proceso de deseño e implantación dun sistema de IA, a clasificación do nivel de risco e a adopción de medidas coherentes con cada nivel de risco. A identificación clara e continua de riscos, a súa avaliación periódica e a implantación de medidas de resposta son aspectos chave do éxito da adopción desta tecnoloxía por parte do sector público.

A elaboración desta guía enmárcase na Estratexia Galega de Intelixencia artificial 2030, a folla de ruta do Goberno autonómico para o desenvolvemento e a implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable, que respecte os valores e normas da rexión e que, ante todo, sirva á cidadanía. Actualmente, estase a tramitar a futura lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia co obxectivo de establecer un marco legal uniforme para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial na Administración Xeral e do Sector Público Autonómico de Galicia, así como fixar os principios éticos reitores do deseño, adquisición e implantación dos sistemas de intelixencia artificial en Galicia.

 

29/12/202312:12
Mans tecleando.
Santiago de Compostela

Máis de 430 persoas participaron no ciclo formativo sobre ciberseguridade para a cidadanía

  • Baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade” leváronse a cabo un total de 38 sesións formativas entre marzo e decembro
  • Estas xornadas realizáronse de xeito presencial en 20 aulas da Rede CeMIT das catro provincias galegas e no centro GaiásTech da Cidade da Cultura

Máis de 430 persoas participaron no ciclo formativo sobre ciberseguridade para a cidadanía entre os meses de marzo e decembro deste ano.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pechou unha nova edición desta actividade para concienciar á cidadanía, e especialmente ás persoas maiores, sobre os posibles riscos da contorna virtual e as medidas para poder previlos.

Durante estes nove meses e baixo o lema “O teu día a día en liña, con seguridade”, leváronse a cabo 38 sesións formativas en 20 concellos de toda Galicia de xeito presencial nas aulas da Rede CeMIT e no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura. No 2024 está previsto dar continuidade a esta programación.

O obxectivo desta actividade é favorecer unha contorna dixital segura e afrontar de forma colaborativa os novos retos da cidadanía no seu día a día no marco do reforzo das medidas de concienciación en materia de seguridade dixital e en liña coa Estratexia Galega de Ciberseguridade.

A Rede CeMIT

A Rede Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 90 concellos. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.

23/12/202308:12
Momento da entrega do equipamento.
Santiago de Compostela

O programa de Voluntariado Dixital da Xunta facilita a doazón de equipos informáticos a tres asociacións sen ánimo de lucro

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia facilita a doazón de 30 equipos por parte da consultora multinacional NTT DATA á Asociación de veciños de A Pontenova, Asociación Espazo Aberto Galiza e Asociación Ambar
  • Os equipos doados destinaranse a reforzar a formación, a accesibilidade, a empregabilidade e a inclusión dixital da cidadanía

A Asociación de Veciños de A Pontenova, a Asociación Espazo Aberto Galiza e a Asociación Ambar de persoas con Diversidade Funcional da Coruña recibiron esta semana un total 30 equipos informáticos da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración coa consultora multinacional de negocio NTT DATA, un dos mecenas do programa de Voluntariado Dixital da Xunta.

A doazón realizada permitirá á Asociación Ambar incrementar a realización de accións de formación e capacitación prelaboral no seu Centro Ocupacional ensinando as competencias básicas e habilidades para o emprego e para a realización de xestións diarias: citas médicas, compra online, etc. 

A Asociación de Veciños de A Pontenova destinará os equipos á realización de cursos de informática, tanto para persoas maiores como para os máis novos, e tamén estarán a disposición da rapazada para que poidan realizar os seus traballos escolares. A entidade Espazo Aberto Galiza destinará o equipamento a reforzar os seus recursos para poder realizar actividades de educación intercultural e tempo libre e facilitar as xestións documentais da entidade.

Voluntariado Dixital

Esta doazón, enmarcada no Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, reforza a oferta de formación dixital para a mellora das competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais.

A través do programa a Axencia autonómica artella o esforzo e as necesidades dos máis de 1.000 aliados dixitais cos que conta na actualidade e entre os que se atopa NTT DATA, que leva colaborando coa Xunta de Galicia a través do Programa de Voluntariado Dixital desde 2012 e como aliado dixital desde 2016.

Neste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organismos colaboradores e entidades públicas e privadas trabállase para consolidar a capacitación dixital da cidadanía, así como na promoción e divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.

18/12/202308:12
Un portátil por riba dunha mesa dun aula.
Santiago de Compostela

Preto de 500 centros educativos reforzan as competencias dixitais do alumnado con programas de uso seguro e responsable das tecnoloxías e as redes

  • A Xunta impulsa un abano de iniciativas neste eido para que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe
  • Moitas das accións ofertadas desde a Consellería de Educación implican a participación activa tanto aos rapaces como aos profesores e ás familias
  • Este traballo enmárcase nas liñas de actuación fixadas na Estratexia de Educación Dixital 2030 e no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso

Preto de 500 centros escolares reforzan este curso as competencias dixitais do seu alumnado a través de programas específicos de educación no uso seguro e responsable das redes e a internet impulsados pola Xunta de Galicia. Trátase de iniciativas da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades -nalgúns casos en colaboración con entidades vinculadas ao ámbito das novas tecnoloxías- ás que os colexios e institutos se adhiren de xeito voluntario.

Todas elas enmárcanse na aposta do Goberno galego polo ensino dixital tendo en conta como unha das prioridades que os estudantes conten coas competencias pedagóxicas axeitadas para o uso destas ferramentas tecnolóxicas e que, ademais, sexan coñecedores dos riscos asociados ao ciberacoso. Isto é, tal e como se recolle na Estratexia Educación Dixital 2030 e no novo Plan integral contra o acoso e o ciberacoso, que o desenvolvemento tecnolóxico sexa un medio de apoio ao proceso de aprendizaxe.

Máis de 2.000 accións de navegación segura

Unha das accións que máis acollida ten por parte dos centros é o programa Navega con Rumbo que a Consellería realiza co apoio do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia e que este curso chega a 218 colexios e institutos de toda Galicia.

Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Primaria, 1º de ESO e 1º de FP Básica para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede. Por outra banda, faise partícipe a profesorado e familias das recomendacións que eles poden aprender de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado.

Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levan a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en colexios e institutos. Ademais, o programa dispón dunha páxina web asociada ao proxecto e unhas guías de boas prácticas en internet dirixida aos estudantes, proxenitores ou titores, e ao profesorado accesibles tanto en soporte dixital como en formato impreso nos propios centros. Desde a súa posta en marcha, Navega con rumbo levou a cabo máis de 2.000 accións.

Pegada dixital e uso ético

Así mesmo, un total de 130 centros escolares de toda Galicia veñen de ser seleccionados para participar por primeira vez no programa Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, no que participan 203 centros con alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO. Trátase dunha iniciativa da Consellería de Educación en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia que ten como finalidade ofrecerlle aos adolescentes información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsable, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción.

Para iso, refórzase a competencia básica dos estudantes en seguridade na xestión dos seus perfís nas redes sociais; explícanse os conceptos de identidade e pegada dixital, e afóndase na configuración das opcións de seguridade e privacidade das redes sociais máis actuais entre a rapazada. Tamén se ofrecen ferramentas e se explican recursos aos que poder acudir cando teñan algunha dúbida sobre o uso seguro da tecnoloxía.

Colaboración de axentes e expertos

Por outra parte, lévanse realizados máis de 1.500 relatorios en materia de ciberseguridade en centros de ensino ao abeiro do Plan Director para a mellora da seguridade nos centros educativos e na súa contorna, impartidos por axentes e expertos das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Tamén en colaboración con eles, 34 centros galegos participan este trimestre na CiberLiga preamateur de ciberseguridade.

Así mesmo, iniciativas como Educación Responsable (coa participación de 42 centros) e o premio de boas prácticas ConVivimos afondan no benestar emocional, tratando tamén a educación dixital. No eido das familias, a capacitación no uso seguro da internet abórdase igualmente desde as escolas de nais e pais, fundamentalmente.

Formación do profesorado

No que atinxe aos docentes, a Consellería de Educación está facendo unha importante aposta neste eido. Así, o Plan anual de formación do profesorado inclúe accións especializada neste ámbito para que conten cos coñecementos e as ferramentas necesarias para o seu desenvolvemento profesional nun entorno cibernético seguro.

 

13/12/202307:12
Papá Noel na aula CeMIT de Barreiros.
Santiago de Compostela

A Rede CeMIT conectará a preto de 800 nenos e nenas de toda Galicia con Papá Noel a través de videoconferencia

  • Alumnado de entre 3 e 7 anos de máis de 20 concellos das catro provincias participarán nesta actividade ata o 21 de decembro
  • A conexión con Laponia desde a Rede CeMIT cumpre este ano o seu décimo sexto aniversario

Preto de 800 alumnos de educación infantil de máis de 20 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT ata o día 21 de decembro.

Ao longo destes días conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Bande, Bearíz, A Cañiza, Boiro, Carballedo, Castrelo do Miño, Catoira, Celanova, Fisterra, A Fonsagrada, Guitiríz, Leiro, Marín, Muros, Ortigueira, Santa Comba, Valga, O Vicedo, Vilagarcía e Vimianzo, ata completar así as 21 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel e un total 769 nenos e nenas en 32 sesións.

O obxectivo desta actividade, que este ano cumpre o seu décimo sexto aniversario, cunha grande aceptación entre a comunidade educativa, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa, cando se atendan as peticións de agasallos de todos os nenos e nenas do mundo. 

Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel as persoas adultas en situación de dependencia psíquica do Centro de día de Guitiriz ou do Centro Aspromor de Ortigueira.

Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

A Rede conta con máis de 110.000 usuarios e  leva planificadas máis de  500.000 horas de formación, desde a súa posta en marcha. A rede conta con máis de 980 "aliados dixitais" entre empresas, entidades e voluntarios. A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: http://cemit.xunta.es/centros.

 

04/12/202314:12
Participantes na visita á aula CeMIT de Ames.
Ames

Trenor destaca o papel fundamental das aulas CeMIT para alcanzar unha transformación dixital universal

  • O delegado da Xunta visitou o centro situado no concello de Ames no que se levou a cabo a renovación dos seus equipamentos informáticos

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, supervisou esta mañá a renovación do equipamento realizado na aula CeMIT que ofrece os seus servizos desde o concello de Ames. Concretamente, grazas ao apoio da Xunta adquiríronse 15 ordenadores All in One, 10 tablets, equipamento complementario e material innovador (2 impresoras 3D, 1 kit de robótica, 5 drons, 2 gafas virtuais e un kit de programación). Trenor lembrou o papel fundamental da rede pública de aulas CeMIT para acadar unha transformación dixital inclusiva e universal.

Na visita o delegado da Xunta puido constatar o interese que este tipo de aulas e a formación que se imparte desperta entre a cidadanía e recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.

Así mesmo, subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.

Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o delegado da Xunta fixo fincapé no labor da rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.

Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en:http://cemit.xunta.gal/centros.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia está integrada por 94 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar a pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información. Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de "aula aberta", que posibilita o acceso libre e gratuíto dos usuarios da utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

03/12/202314:12
Mans de muller usando un rato e un teclado.
Santiago de Compostela

Máis do 64 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas

  • Nos dous últimos anos, Galicia creceu 2,5 puntos neste indicador, fronte aos 2 puntos do conxunto do Estado
  • Máis do 92 % dos galegos emprega internet e o 51 % realiza compras online
  • O 76,9 % dos galegos utilizan a banca por Internet, cinco puntos máis que o ano anterior
  • O 83,5 % dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou apps das administracións públicas nos 12 últimos meses e por motivos particulares, superando así a media estatal en medio punto

O 64,1 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais básicas ou avanzadas, co que a Comunidade reduce a só dous puntos a súa posición respecto á media estatal. Nos dous últimos anos, Galicia creceu 2,5 puntos neste indicador, fronte aos 2 puntos do conxunto do Estado. Ademais, o 36 % dos galegos e galegas dispoñen de competencias dixitais avanzadas, reducindo tamén a diferenza coa media estatal en dúas décimas.

Segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (Osimga), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dos datos publicados esta semana polo INE sobre os Fogares e as TIC, as cifras confirman que a totalidade dos galegos de 16 a 34 anos empregan Internet e superan a media estatal no uso habitual de Internet.

Os datos do INE sinalan, tamén, que Galicia é a segunda comunidade autónoma onde máis porcentaxe de nenos de 10 a 15 anos usan internet: o 97,6 % usaron internet nos últimos 3 meses, por riba da media estatal en case tres puntos porcentuais. Tamén supera a media estatal o uso do ordenador entre os nenos galegos de 10 a 15 anos cunha porcentaxe do 94,7 %, 1,6 puntos por riba do conxunto do Estado.

Galicia tamén ocupa un lugar destacado no uso da banca electrónica e das xestións online coa Administración; e mantén unha tendencia ascendente nos principais indicadores do uso das TIC, unha evolución á que ten contribuído de xeito importante o labor da Rede de Aulas CeMiT. Así, desde a súa posta en marcha en 2011, CeMIT leva programadas máis de 500.000 horas de formación e ten rexistrados máis de 113.000 usuarios. A Rede está, ademais, a evolucionar a súa formación adaptándoa ás novas necesidades da transformación dixital e renovando o seu equipamento.

Uso das TIC: compras, saúde, información, comunicación e banca dixital

Os datos do INE sinalan que o 92,2 % dos galegos de 16 a 74 anos usan internet, que o 51 % comprou online nos últimos tres meses e o 18,8 % vendeu por internet nese período, dato practicamente idéntico á media estatal (19,1 %). O 75 % dos galegos de 35 a 44 anos compran online, a 6 puntos de diferencia da media estatal.

Respecto ao tipo de compra, o 50,7 %, merca algún produto en formato físico; o 38,9 % fixo algunha subscrición online; o 27,8 % contratou servizos para o fogar, transporte ou aloxamento; e o 23,5 % contratou algún servizo de aloxamento.

Destaca o uso da banca online, que empregan o 76,9 % dos galegos, cun crecemento de cinco puntos no último ano, o que mantén este indicador cinco puntos por encima da media estatal.

Equipamento no fogar e uso de internet

O 80 % dos fogares galegos dispoñen de ordenador, co que Galicia mellorou seis postos no ranking de comunidades autónomas dende 2020 e pasou de estar a case 10 puntos da media estatal a só 2,6.

O 94,4 % dos fogares galegos onde residen persoas de 16 a 74 anos contan con conexión a internet, subindo un punto no último ano, case tres veces máis que a media do Estado, e sitúase así a só dous puntos porcentuais.

Interacción coas administracións públicas a través de Internet

O 83,5 % dos internautas de 16 a 74 anos empregaron algunha páxina web ou apps das administración públicas nos 12 últimos meses, por motivos particulares, superando así a media estatal en medio punto porcentual. Tamén se supera a media estatal dos que descargan formularios oficiais para ser cubertos. En Galicia fixérono o 52,3 % dos usuarios de internet, nos últimos doce meses, e en España, o 49 %. Así, Galicia ocupa o terceiro posto no ranking estatal.

Ademais da descarga de formularios, os trámites máis frecuentes realizados online coa administración son: un 64,8 % realiza algunha interacción relacionada coa información, o 52,3 % accede a información persoal almacenada e o 50,3 % solicita información sobre servizos, prestacións ou impostos.

A contribución da Rede CeMIT á mellora das competencias dixitais

A labor das 94 aulas da Rede ten contribuído de xeito importante á capacitación dixital dos galegos. Actualmente, a Rede está inmersa nun Plan de Reforma e Ampliación para adaptar a formación e o equipamento á evolución tecnolóxica. No marco deste plan, este ano, dotouse ás aulas de 1.300 dispositivos entre impresoras 3D, kits de programación e drons, e preto de 900 persoas de todas as idades xa se beneficiaron de formación con estes dispositivos. Tamén se impartiu un curso básico de IA, dirixido especialmente a persoas maiores de 55 anos, que se pechou esta semana con máis de 220 participantes, cun elevado grao de satisfacción.

Ademais, estanse a renovar 1.300 ordenadores de sobremesa, e adquiríronse 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais. A previsión é completar a distribución deste novo material no primeiro trimestre de 2024.

Durante este ano a Rede ofertou máis de 48.000 horas de formación e, para o 2024, está previsto unha nova edición do ciclo formativo de Intelixencia Artificial. Así mesmo, e estase a colaborar coa Federación Galega de Universidades Senior (FEGAUS), para levar a cabo ciclos formativos con contidos baseados nas áreas do marco europeo de competencias dixitais, e coa posta en marcha dunha iniciativa sobre banca dixital.

Impulsaranse, ademais, novas iniciativas en colaboración cos colexios profesionais de Enxeñaría en Informática e Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPEIG e CPETIG) e coa Cruz Vermella, ao que hai que sumar todas as actividades de capacitación e talento dixital que impulsan as propias aulas.

 

01/12/202319:12
Antón Acevedo durante a presentación.
Santiago

A Xunta destaca a importancia que teñen as novas tecnoloxías no ámbito dos coidados ás persoas maiores

  • O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu á presentación da nova aplicación Smart TV da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus)

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asistiu hoxe á presentación da nova aplicación de Smart TV da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (Fegaus). O acto celebrouse na Cidade da Cultura.

Antón Acevedo destacou a importancia que teñen as novas tecnoloxías na mellora da calidade de vida das persoas maiores, así como para os profesionais do ámbito dos coidados. Tamén se referiu á aposta que fai a Xunta por fomentar o envellecemento activo e a participación dos maiores en todos os ámbitos da sociedade.

 

1 mes 1 profesión dixital
Aulas CeMIT

O teu día a día en liña, con seguridade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acolle as segundas xornadas formativas en materia de ciberseguridade que se celebran durante o último trimestre do ano en colaboración coa Rede de Aulas CeMIT.

Trátase dun programa de charlas promovidas baixo o título “O teu día a día en liña, con seguridade”, especialmente orientadas ás persoas maiores, aínda que poden apuntarse persoas de todas as idades.

Estas sesións estanse a celebrar de xeito presencial en 16 aulas da Rede CeMIT en horarios de mañá ou tarde. Nelas abórdanse dous bloques formativos que afondan no uso seguro da Internet e dos dispositivos móbiles, así como fraudes bancarios, adicións á rede, malware e outros riscos aos que nos podemos enfrontar na nosa vida cotiá. 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS