main content

main content
01/07/202409:07
Home mirando tres pantallas de datos.
Santiago de Compostela

A Estratexia Galicia Dixital 2030 mobilizou cerca de 900 millóns de euros dende a súa posta en marcha en 2021 ata finais de 2023

  • Case 230 millóns corresponden a capital privado e os investimentos públicos foron de fondos propios da Xunta e da Unión Europea
  • O sector tecnolóxico de Galicia representa xa o 2,7% do PIB da Comunidade, cun Valor Engadido Bruto anual que supera os 1.700 millóns de euros

O proceso de modernización tecnolóxica de Galicia sumou algo máis de  886,8 millóns de euros en investimentos públicos e privados desde a posta en marcha en 2021 da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) ata finais de 2023. Así o indican os datos que ven de presentar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A presentación desta memoria coincidiu coa celebración do Pleno anual do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA). Este órgano asesor, dependente da Axencia, ten como obxectivo avaliar a evolución da sociedade da información nesta Comunidade.

Os datos indican que o investimento de capital privado sumou 229 millóns de euros nos tres anos. Os investimentos públicos procederon dos fondos propios da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, dos fondos doutros departamentos da Administración e de fondos europeos. Nos vindeiros anos, estas cantidades aumentarán pola execución do programa Next Generation EU a través do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e do instrumento REACT-EU.

Administración e Goberno Dixital

A memoria destaca os 183,5 millóns de euros investidos entre 2021 e 2023 na configuración dun Goberno e Administración intelixente. Entre as actuacións neste eido atópanse o III Plan de Administración e Goberno Dixital 2025, o Programa para o Emprego Público Dixital, o Programa de Dixitalización da Xustiza ou o Programa de Mellora das Capacidades e Infraestruturas Dixitais das Administracións Públicas.

Estas actuacións permiten avanzar nuns servizos da Administración máis eficaces, máis personalizados e máis accesibles a través do uso de tecnoloxías avanzadas. Neste sentido, a Xunta puxo a disposición da cidadanía unha aplicación para móbiles que concentra os servizos da Administración (XuntaEu); engadiu novas funcións e trámites á sede electrónica; puxo en marcha unha Plataforma de Automatización de Procesos para axilizar as tramitacións e proporcionar una resposta personalizada; ou renovou a Oficina Virtual Tributaria, entre outras accións.

Saúde e benestar social

A consolidación dun entorno dixital para a saúde e o benestar social sumou 130,2 millóns de euros en investimentos no período 2021-2023. O obxectivo da Xunta neste eido é o de consolidar un modelo socio-sanitario personalizado, preditivo e preciso. Ademais de mellorar servizos como o da Plataforma Telea, que permite un seguimento estreito de doenzas crónicas sen desprazamentos innecesarios, ou a aplicación Sergas Móbil; avanzouse no uso das potencialidades da Historia Clínica Electrónica e da Historia Social Única Electrónica. Neste período impulsouse o modelo de atención residencial a persoas maiores ou con discapacidade, así como o servizo de teleasistencia no fogar.

Economía dixital e sostible

O balance destaca tamén os investimentos para a configuración dunha economía dixital e sostible, que suman 335,7 millóns de euros. As actuacións nesta área inclúen o Programa de Transformación Dixital do Servizo Público de Emprego; o Programa de Transición Dixital para a Industria e a Empresa; ou o Programa Dixital de Mellora da Competitividade do Sector de Produtores Locais.

No resto dos eixos da EGD2030, os investimentos para acadar unha Sociedade dixital e inclusiva sumaron 63,8 M€; Territorio intelixente, verde e resiliente, 25,1 M€; conectividade dixital do territorio, 39,5 M€ e Cultura e turismo intelixente, 8,8 M€. Os investimentos no eixo transversal de Especialización tecnolóxica sumaron 99,7 M€.

Por último, o informe sinala que o sector tecnolóxico de Galicia xerou en 2021 un Valor Engadido Bruto de 1.753 millóns de euros, o que representa o 2,7% do Produto Interior Bruto.

23/06/202412:06
Intelixencia artificial.
Santiago de Compostela

As medianas e grandes empresas con actividade en Galicia superan a media estatal no uso da intelixencia artificial

  • Máis do 11 % das entidades deste segmento empresarial emprega IA fronte ao 9,6 % da media estatal
  • Preto do 20 % das medianas e grandes empresas con actividade na Comunidade contan con persoal especialista en TIC contratado, superando a media do conxunto do Estado (16,4 %)
  • Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os especialistas en datos e ciberseguridade
  • As empresas de dez ou máis traballadores incrementaron as vendas online máis dun 25 % 

As medianas e grandes empresas con actividade na nosa comunidade superan a media estatal no uso da intelixencia artificial. O 11,1 % das empresas de 10 ou máis persoas empregadas utilizan IA, 1,5 puntos máis que o conxunto do Estado. As solucións de IA máis empregadas neste segmento empresarial son as de automatización de fluxos de traballo ou axuda na toma de decisións.

Son datos sobre o emprego de tecnoloxías disruptivas recollidos no informe Galicia. A economía en dixital. A Sociedade da Información nas Empresas de Galicia, correspondente ao ano 2023, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O informe sinala, tamén, que a compra de servizos de Cloud Computing nas grandes empresas con sede en Galicia sitúase por riba do 24%, sendo aínda máis frecuente nas empresas con actividade en Galicia, co 31%, e iguala practicamente á media estatal.

Talento Dixital

A dixitalización empresarial reflíctese na contratación de perfís tecnolóxicos. Neste sentido, o informe sinala que unha de cada cinco empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia contratan especialistas TIC. 

Os perfís tecnolóxicos máis demandados polas grandes empresas son os especialistas en datos e ciberseguridade. Os expertos en datos aparecen no 12,3 % das empresas de 10 ou máis traballadores con actividade en Galicia, e os especialistas en ciberseguridade no 10,4 %.

O 54,6 % das empresas galegas de 10 ou máis empregados/as con actividade en Galicia que contan con perfís TIC, empregan mulleres especialistas TIC.

Comercio electrónico

As cifras de vendas mediante comercio electrónico mantéñense en porcentaxes moi similares ás do ano anterior. O máis destacable é o aumento de máis dun 25,5 % na porcentaxe con vendas das empresas de 10 ou máis traballadores con sede en Galicia, que pasa dun 20,8 % a un 26,1 %.

Presenza en Internet

O uso de páxina web mantense estable, tanto nas empresas galegas como nas estatais. Nas empresas con sede en Galicia de 10 ou máis empregados o 77,7 % ten web propia e a media estatal é do 78,5 %.

O uso de medios sociais sitúase nun 28 % nas empresas de 0 a 9 traballadores e 65,5 % nas empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia.

Durante o ano 2023, o 27,6 % das empresas de 10 ou máis empregados con actividade en Galicia pagaron por anunciarse en Internet.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio.

18/06/202418:06
Visita ás obras do Centro de Ciberseguridade en Ourense.
Ourense

A Xunta presenta o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense como unha oportunidade para construír un futuro cunhas tecnoloxías seguras ao servizo das persoas

  • O conselleiro de Facenda e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas visitaron as obras deste novo complexo, que acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade na Comunidade, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Instituto Nacional de Ciberseguridad
  • Miguel Corgos destacou que o centro contará cun espazo para a instalación de empresas e emprendedores, que poderán aproveitar as vantaxes desta concentración de coñecementos e recursos
  • María Martínez Allegue salientou que a Consellería de Vivenda está a executar estas obras, cun investimento de 6M€ e cuxo remate se prevé no 1º primeiro trimestre de 2026 
  • Explicou que o edificio se levantará na parcela 3E de Tecnópole e contará con máis de 2.000 m² de superficie construída
  • Remarcou que a construción destas instalacións se completará coa habilitación dunha área con arredor de 40 prazas de aparcadoiro

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitaron hoxe as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, que presentou como unha oportunidade para formar parte da construción dun futuro cunhas tecnoloxías seguras ao servizo das persoas.

Durante a visita, Miguel Corgos resaltou que este centro acollerá os sistemas de monitorización e xestión da ciberseguridade na Comunidade, en coordinación co Centro Criptolóxico Nacional e co Instituto Nacional de Ciberseguridade. Ademais de coordinar unha boa parte da actividade de formación e adestramento, polo que contará con espazos adaptados para que se poidan impartir todo tipo de cursos e prácticas.

Así mesmo, recordou que a nova infraestrutura contará cun espazo para a instalación de empresas e emprendedores, que poderán aproveitar as vantaxes desta concentración de coñecementos e recursos. E centralizará, tamén, parte da actividade do Nodo Galego de Ciberseguridade, formado por máis de medio cento de institución e empresas que colaboran e intercambian información sobre seguridade nos sistemas de información e comunicacións.

“Que Ourense sexa a capital galega de ciberseguridade implica que aquí se concentrarán os recursos á disposición da Xunta, dos concellos e deputacións, das universidades, dos centros tecnolóxicos e de innovación e do sector privado que presta estes servizos”, explicou, incidindo en que este novo edificio pon de manifesto que a Comunidade está a fronte da transformación dixital cunha visión estratéxica.

Crear unhas tecnoloxías adaptadas ao territorio, á sociedade e á economía

Sobre este punto, recordou que a Estratexia Galicia Dixital 2030 aposta por crear e desenvolver unhas tecnoloxías adaptadas “ás nosas necesidades, ao noso territorio, á nosa sociedade e á nosa economía”. 

Con este obxectivo, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé na importancia dunha distribución de responsabilidades, que aproveite as potencialidades de cada territorio. Así, hoxe, a Vigo identifícase coas telecomunicacións; á Coruña coa intelixencia artificial; a Lugo, coas tecnoloxías de naves non tripuladas; a Ourense coa ciberseguridade; e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, desde a Cidade da Cultura en Santiago, asume o papel da coordinación estratéxica.

Miguel Corgos concluíu recordando que a tecnoloxía é a oportunidade definitiva para igualar a calidade de vida e o benestar entre os ámbitos rurais e urbanos, achegando os servizos da Administración, mellorando a atención sanitaria, facilitando a educación ou modernizando a agricultura e a gandaría. “E, neste novo entorno caracterizado polos intercambios de información, a seguridade debe ser garantida”, dixo, subliñando que as Administracións públicas deben asumir a responsabilidade de garantir que a cidadanía se poida beneficiar destas novas ferramentas para o benestar dunha forma segura.

Na visita, tamén estiveron a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa, e o director de Amtega, Julián Cerviño Iglesia, entre outros.

Características

Pola súa parte, Martínez Allegue destacou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través dunha encomenda, está a executar estas obras, que veñen de comezar este mes e suporán un investimento de 6M€. 

Detallou que a Xunta prevé finalizar no primeiro trimestre de 2026 a construción deste Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia.

Remarcou que a Axencia Galega de Infraestruturas está a poñer todos os coñecemos técnicos e a experiencia na execución desta actuación para acadar un edificio preparado, con espazos adaptados aos obxectivos e ás funcionalidades que se pretenden.

Subliñou que se levantará na parcela 3E de Tecnópole, que conta con algo máis de 3.000 m², o edificio do Centro de Ciberseguridade, con máis de 2.000 m² de superficie construída.

Apuntou que a construción destas instalacións se completará coa habilitación dunha área para o estacionamento con arredor de 40 prazas de aparcadoiro.

17/06/202418:06
Barra de direccións dun navegador.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha a terceira convocatoria dos bonos dixitais, que permitirá subvencionar a conexión á internet a preto de 5.000 persoas vulnerables

  • Esta terceira liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros
  • As axudas están destinadas tanto para a contratación como para o mantemento de servizos de banda ancha cunha velocidade mínima de 30 Mpbs durante un ano
  • Os bonos permitirán unha redución mensual de ata 20 euros no custo do servizo e poderán solicitarse ata o 30 de setembro, logo da publicación da convocatoria no DOG

O Consello do Goberno galego autorizou hoxe a terceira convocatoria dos bonos dixitais para facilitar a contratación e mantemento de servizos de internet a familias e persoas vulnerables. Enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, esta nova liña de axudas conta cun orzamento de 1,16 millóns de euros que permitirá acadar os 4.844 beneficiarios.

O obxectivo dos bonos dixitais é facilitar a familias ou persoas vulnerables a contratación ou o mantemento das liñas de conexións á banda larga cunha velocidade mínima de 30 Mbps. As axudas reducirán o custo mensual de factura en ata 20 euros durante un ano cun importe total máximo de 240 euros.

Os beneficiarios destas subvencións son persoas cuxa renda anual sexa inferior ao 125 % do IPREM, en caso de non ter menores na unidade familiar, ou ao 175 % en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do ingreso mínimo vital, así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social. Unha vez publicada a convocatoria no DOG, os bonos poderán solicitarse ata o 30 de setembro deste ano.


Nova convocatoria en 2024

A Xunta lamenta que debido ao deseño do programa ÚNICO, fixado de xeito unilateral polo Goberno central sen ter en conta as características e necesidades de cada comunidade, nas convocatorias dos anos 2022 e 2023 se concederon unicamente 900 bonos dixitais por importe de 216.000 euros.

Por esa razón, o Goberno galego prevé lanzar unha nova convocatoria dos bonos dixitais este ano, xa que aínda dispón de 1.162.560 euros dos 1.378.560 euros transferidos polo Estado, o que confirma a falta de adecuación dos obxectivos dos fondos ao que realmente precisa a poboación. Isto complica a execución dos programas en tempo e forma, polo que a Xunta insiste na petición feita no marco da Conferencia sectorial para a transformación dixital do pasado mes de maio para ampliar o prazo e adaptar as actuacións e poder deste xeito executar adecuadamente os proxectos para a mellora da conectividade.

Os bonos dixitais son unha das medidas predefinidas polo Goberno de España para a mellora da conectividade no territorio. Ademais desta liña de axudas para colectivos vulnerables, este ano a Xunta porá en marcha novas convocatorias do programa ÚNICO no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, a través do cal Galicia recibe 19,1 millóns de euros para reforzar a conectividade en áreas empresariais e centros loxísticos; e en centros públicos.

17/06/202413:06
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta, o Estado, a Fegamp e as deputacións renovan o seu compromiso de colaboración en materia de ciberseguridade a través do nodo CIBER.gal

  • A Administración autonómica, o INCIBE, o CCN, a Fegamp e as catro deputacións veñen de prorrogar o convenio que garante a continuidade do Nodo catro anos máis
  • Este espazo público-privado, ao que están adheridas 50 entidades, desenvolve desde 2020 labores de formación, capacitación e prestación de servizos á cidadanía, empresas e administracións
  • En novembro deste ano o Nodo celebrará a IV edición do Encontro CIBER.gal, o evento anual da ciberseguridade en Galicia que xa suma máis de 4.500 asistentes e 125 entidades participantes nas tres edicións anteriores

A Xunta, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a Fegamp e as catro deputacións provinciais veñen de renovar o seu compromiso de cooperar en materia de ciberseguridade prorrogando o convenio que dá continuidade á labor do Nodo CIBER.gal. Este espazo público-privado, ao que están adheridas 50 entidades, impulsa desde 2020 diferentes actuacións de capacitación, concienciación e prestación de servizos de ciberseguridade para cidadáns, empresas e administracións públicas.

Ao longo destes catro anos o Nodo consolidou o Encontro galego CIBER.gal como a cita anual da ciberseguridade en Galicia, na que expertos nacionais e internacionais abordan os retos e oportunidades desta tecnoloxía, ao tempo que impulsa as vocacións temperás cun concurso “Ciberseguridade no cole”.

A IV edición de CIBER.gal celebrase os vindeiros 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura. Previamente, terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) unha xornada  destinada ao tecido industrial de Galicia e ao sector da innovación e da ciberseguridade

Entre as actividades do Nodo está a posta en marcha de dous grupos de traballo para identificar necesidades en materia de ciberseguridade para empresas e cidadanía e que realizaron arredor dunha trintena de actuacións das que se beneficiaron preto de 900 persoas. Está previsto poñer en marcha un novo grupo de traballo dirixido ás empresas no segundo semestre do ano.

No ámbito da concienciación, o Nodo desenvolveu campañas de sensibilización a través das iniciativas #Cibercarracho e #Ciberesther que suman máis de 80 vídeos con máis de 5 millóns de visualizacións.

Ao longo destes catro anos o CIBER.gal participou en mais de 25 eventos, xornadas e iniciativas relacionadas coa ciberseguridade a nivel autonómico e nacional, e colaborou con  organismos relevantes no ámbito da ciberseguridade, como a Global Cybersecurity Alliance (GCA), ISMS Forum ou Women4Cyber Spain.

Ademais, no marco das actuacións do Nodo, Galicia, xunto con Cataluña e Valencia e, en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), porá en marcha o futuro Centro de innovación e Competencia da Ciberseguridade, enmarcado no Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech) e no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation EU, que contempla liñas de actuación en catro ámbitos: as ciencias da saúde, o transporte intelixente, a industria conectada e a excelencia operativa. 

14/06/202419:06
AESIA.
Santiago de Compostela

A Xunta reclama para a AESIA un modelo de gobernanza no que participen as comunidades autónomas

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Transformación Dixital
  • Os representantes da maior parte dos gobernos autonómicos lamentaron que o Goberno non solicitara aportacións dos territorios para a elaboración da nova estratexia española de IA
  • Corgos pon en valor a especialización de Galicia en intelixencia artificial e destaca que será a primeira rexión europea en dispoñer dunha lei para impulsar o seu uso na Administración autonómica

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu hoxe que as comunidades autónomas teñan unha participación directa e activa na gobernanza da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, que se vai instalar na Coruña.

Miguel Corgos participou está mañá na Conferencia Sectorial de Transformación Dixital, da que forman parte o Goberno do Estado e todas as comunidades autónomas. Na reunión participou o ministro de Transformación Dixital e Función Pública, José Luis Escrivá. O conselleiro estivo acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

A maior parte dos representantes autonómicos trasladaron ao ministro o seu malestar polo feito de que as Comunidades Autónomas non foran consultadas para a elaboración da nova Estratexia de Intelixencia Artificial do Estado. Neste sentido, o conselleiro insistiu en que as CCAA deben participar e ser tidas en conta para a posta en marcha desta estratexia.

Corgos lembrou que Galicia foi unha das tres primeiras comunidades españolas en atender a recomendación comunitaria de elaborar unha estratexia propia sobre intelixencia artificial.

O conselleiro tamén puxo en valor a aposta de Galicia pola especialización tecnolóxica e, en concreto, polo desenvolvemento e uso da intelixencia artificial. Neste sentido, Galicia entende a transformación dixital como unha oportunidade para afrontar a cohesión do territorio, para achegar os servizos ás zonas rurais, para proporcionar calidade de vida ás persoas e para xerar riqueza e emprego.

Nesta aposta pola especialización en intelixencia artificial enmarcouse a promoción e elaboración, por parte da Xunta, da candidatura que permitiu que a AESIA se instale na Coruña. Na mesma liña, o Consello da Xunta de Galicia aprobará nas vindeiras semanas o proxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da Intelixencia Artificial en Galicia que, tras someterse á aprobación do Parlamento, será a primeira lexislación deste tipo que se adopte nunha rexión Europea.

12/06/202417:06
Visita ao Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros.
Ourense

A Xunta dotará o centro galego de innovación da FP dun espazo de alta especialización en ciberseguridade ao servizo do profesorado e dos proxectos de I+D+i

  • A directora xeral de FP e representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia buscan sinerxías neste ámbito estratéxico para administracións e empresas

A Xunta vai dotar o Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros dun espazo de alta especialización en ciberseguridade dotado coas últimas tecnoloxías e o equipamento necesario para conseguir a máis alta formación e especialización do profesorado e a xeración de proxectos de I+D+i que sexan de transferencia directa ás empresas e institucións.

Así o acordaron hoxe a directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o xefe de área de Infraestruturas e seguridade de Amtega, Adrian Lence, nunha xuntanza de traballo mantida nas instalacións deste centro, en Ourense, coa finalidade de buscar sinerxías neste eido, que constitúe un dos obxectivos estratéxicos tanto das administracións como das empresas. Precisamente, o Centro Eduardo Barreiros ten entre as súas funcións o desenvolvemento da investigación aplicada e a transferencia dos resultados dos proxectos ao resto dos centros de Formación Profesional e ao conxunto dos sectores produtivos.

O seu obxectivo primordial é protexer os sistemas tecnolóxicos e os datos privados contidos nos mesmos fronte a calquera tipo de ameaza. Por esta razón, hoxe en día, o papel que desempeña a ciberseguridade na sociedade é sumamente relevante xa que achega ferramentas e mecanismos que permiten aumentar a confianza e seguridade no ámbito dixital, retador, global e interconectado actual.

Másteres de ciberseguridade

Para o vindeiro curso 2024-2025, a oferta de Formación Profesional inclúe 14 másters de FP en materia de ciberseguridade, nove en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información e cinco en Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da operación. Isto supón un reforzo da oferta coa ampliación de 190 prazas máis neste eido, o que representa un incremento do 135,71 % con respecto ao presente curso.

06/06/202408:06
Cartel da xornada.
Santiago de Compostela

A Xunta organiza a III edición de Somos Cibernéticas, un encontro para promover o talento feminino no eido da ciberseguidade

  • Arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO participarán o 11 de xuño nos desafíos que formularán catro mulleres especialistas en ciberseguridade
  • O encontro finalizará cun relatorio de Belén Pérez, coordinadora do Centro de Ciberseguridade Industrial en Galicia
  • A xornada poderá seguirse en streaming, previa inscrición no portal do GaiásTech

A xornada Somos Cibernéticas celebra o vindeiro día 11 a súa terceira edición co obxectivo de fomentar o talento feminino no eido da ciberseguridade. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza este encontro, no que participarán arredor de medio cento de rapazas de 4º da ESO que terán que afrontar catro desafíos en materia de ciberseguridade, propostos por catro especialistas neste ámbito e vinculados a mulleres relacionadas co mesmo.

A xornada comezará con reto Alerta WiFi: redes ao descuberto, no que as participantes terán que crear unha rede WiFi maliciosa para comprobar como os ciberdelicuentes conseguen as credenciais dos usuarios. No segundo reto Cazadoras de trampas dixitais, as rapazas terán que evitar ser vítimas de phishing. O terceiro desafío, Gardianas dixitais: fortalecendo as defensas, afondará na importancia de empregar contrasinais seguros e o último reto, Raiñas do ciberespazo: misión impostor, centrarase na detección de novas falsas en internet.

As profesionais que lanzarán os desafíos son Olalla Rama, enxeñeira informática e Vulnerability Managment Analyst de Telefónica Tech; Conchi Fernández, enxeñeira de Telecomunicacións e Device Management de Telefónica Tech; Alba Ramos, enxeñeira de Tecnoloxías de Telecomunicacións e GRC Consultant de Govertis; e Lidia Molina, licenciada en Dereito, especializada en novas tecnoloxías e protección de datos e GRC Consultant de Govertis.

O encontro rematará co relatorio Rompendo barreiras: o talento feminino en ciberseguridade, que impartirá Belén Pérez, enxeñeira técnica industrial e coordinadora do Centro de Ciberseguridade industrial en Galicia. Calquera persoa interesada poderá seguir o evento en streaming previa inscrición no portal do GaiásTech.

Esta xornada enmárcase nas actividades do Nodo CIBER.gal, un espazo de colaboración público-privado, impulsado pola Xunta favorecer unha contorna dixital segura e afrontar, de forma colaborativa, os retos aos que se deben enfrontar empresas, cidadáns e administracións para protexer os seus activos no ciberespazo. 

04/06/202414:06
Miguel Rodriguez Quelle na xornada Horizontes Dixitais - GaiásTech.
Santiago de Compostela

A Xunta traballa na configuración dun territorio intelixente, que facilitará a xestión dos servizos públicos e dos sectores produtivos

  • Xa está en marcha a Rede ICousas, pedra angular desta iniciativa, que permitirá a sensorización do territorio
  • O centro GaiásTech acolleu esta mañá unha xornada sobre os retos da transformación dixital nos sectores turístico, cultural e deportivo
  • O director de Turismo de Galicia, a Fundación Deporte Galego e o responsable da Área de Sociedade Dixital da Amtega inauguraron o encontro

A xornada Horizontes Dixitais: Innovación en Turismo, Cultura e Deporte reuniu, esta mañá, en Santiago, a profesionais e expertos dos tres sectores para abordar os retos e desafíos da transformación dixital. O encontro foi inaugurado polo director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez; o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles; e o director-xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel.

O director da Área de Sociedade Dixital lembrou que unha das iniciativas da Estratexia Galicia Dixital 2030 é a configuración dun territorio intelixente, que facilitará a toma de decisións e a xestión, tanto dos servizos públicos como doutros ámbitos como o cultural,  ou o turístico. Miguel Rodríguez sinalou que a pedra angular desta iniciativa, a Rede ICousas, xa está en funcionamento e que ten capacidade para instalar ata 300.000 sensores no territorio, o que permitirá captar grandes cantidades de datos.

O director de Turismo destacou a recente licitación do Observatorio de Sostibilidade, baseado na análise de datos e lembrou que o turismo é un dos sectores que máis participa no desenvolvemento tecnolóxico. Tamén, salientou a importancia que a dixitalización terá na futura Estratexia de Turismo de Galicia 2024-2030, na que a Xunta está a traballar.

Pola súa banda, o director-xerente da Fundación Deporte Galego puxo en valor o uso de aplicacións para a xestión ordinaria das relacións do ámbito deportivo coa administración e anunciou a creación dunha plataforma para acoller o censo de instalacións deportivas con utilidades como a xeolocalización.

Tras a inauguración, o CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, foi encargado da conferencia inicial. A xornada continuou cos debates das tres mesas redondas, unha por sector, e completouse cunha demostración de olería orixinal.

04/06/202409:30
1 mes 1 profesión dixital
Sala Eisenman (Cidade da Cultura)

Xornada Horizontes Dixitais: Innovación en Turismo, Cultura e Deporte

A xornada sobre novos Horizontes Dixitais do Centro GaiásTech ten como obxectivo xuntar, nun mesmo espazo, a importancia que as aplicacións dixitais teñen no día a día das empresas e, por conseguinte, ver a súa aplicabilidade no tecido produtivo.

Durante a xornada, as persoas participantes terán a oportunidade de coñecer de primeira man como estas tecnoloxías poden impulsar o crecemento dos sectores da cultura, turismo e deporte, tanto para mellorar a innovación e eficiencia operativa das empresas, como para conseguir unha transformación de experiencia da clientela.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS