Os fogares galegos con estudantes en idade escolar obrigatoria sitúanse por riba da media en equipamento tecnolóxico e conexión a internet. O 94,8% destes fogares dispón de ordenador, máis de 20 puntos por riba do resto, e un 65% conta con tablets, netbooks e outros dispositivos portátiles, a 30 puntos de distancia dos fogares sen nenos. En canto á contratación de internet, a práctica totalidade dos fogares con nenos e nenas (99,8%) conta con este servizo, superando en máis de sete puntos a media da comunidade.
Son parte dos datos do estudo “Rapaciñ@ dixitais. Edición 2023” elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
Respecto ao uso dos dispositivos electrónicos, o estudo sinala que o 84,5% dos nenos e nenas de 5 a 15 empregaron smartphones, ordenadores, tablets e similares, 7 puntos por debaixo do dato anterior de 2021.
O informe sinala que en 2023 o 82,8% dos rapaces de 5 a 15 anos accederon algunha vez a internet. Por idades, máis do 94,2% dos nenos e nenas de 10 a 15 anos empregan internet mentres que entre os máis pequenos, os de 5 a 9 anos, a porcentaxe sitúase no 67%.
En canto ao tipo de actividade que desenvolven na rede, 8 de cada dez nenos de 5 a 15 anos acceden para xogar ou descargar xogos (78,3%), escoitar ou descargar música (75,4%), ver series, películas ou programas baixo demanda (67,2%) ou usar mensaxeira instantánea (56,7%).
Ademais, o 92,6% dos nenos e nenas de 5 a 15 anos en Galicia que usan internet, utilizan portais ou sitios web educativos para comunicarse cos profesores.
No curso 2022-2023, Galicia situouse no segundo posto a nivel estatal na ratio de porcentaxe de centros con plataformas virtuais de aprendizaxe, mellorando a media estatal en 17,3 puntos porcentuais. Tamén supera á media do conxunto do Estado de aulas dotadas de sistemas dixitais interactivos en 7,6 puntos porcentuais, rozando o 70%, o que sitúa á Comunidade no cuarto posto estatal.
Ademais, Galicia ocupa o quinto lugar en porcentaxe de centros educativos con velocidade de conexión superior a 100 Mbps, superando á media do Estado en máis de 22 puntos porcentuais.
No curso 2022-2023, Galicia situouse no sexto posto a nivel estatal na ratio de alumnos por ordenador nos centros educativos ao dispoñer dun ordenador por cada 2 alumnos, só superada por Navarra, País Vasco, Estremadura, Cantabria e Cataluña. A media estatal sitúase en 2,6 alumnos por ordenador.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia da concienciación dixital na sociedade para crear unha Galicia máis conectada, á vangarda e segura.
Así o salientou durante a súa participación na final do concurso Ciberseguridade no cole, no marco do IV Encontro CIBER.gal que se celebra estes días na Cidade da Cultura, e onde mantivo unha charla co alumnado finalista. Neste sentido, destacou que nunha sociedade cada vez máis conectada, resulta fundamental que a cidadanía, tanto nenos como adultos, coñeza os perigos asociados ao uso de tecnoloxías dixitais. A este respecto, manifestou o compromiso da Xunta en favor da protección de datos e da divulgación sobre os riscos que entraña navegar na Rede.
“Sempre se di que sodes a xeración dixital e polo tanto hai que concienciarse de que as novas tecnoloxías son grandes oportunidades pero tamén son ameazas. Por iso é importante collades o hábito de ser ciberseguros para evitar moitos problemas e desfrutar moito das novas tecnoloxías, que son fantásticas”, asegurou.
Neste sentido, o presidente da Xunta resaltou a importancia deste tipo de iniciativas para que os nenos e nenas coñezan canto antes como usar as pantallas con responsabilidade e, do mesmo xeito, poidan descubrir tamén posibles saídas laborais relacionadas co ámbito da ciberseguridade, cada vez máis demandado polas empresas.
Así mesmo, recordou a recente publicación por parte da Xunta dunha guía para o uso seguro de internet e redes sociais destinada á comunidade educativa, así como a realización de máis de 250 talleres sobre esta temática en centros educativos de toda Galicia. “Por moita protección que fagamos se non nos botades unha man non vai ser posible, por iso debedes estar atentos e avisar cando notedes algo raro”, sinalou.
Durante o acto, o presidente da Xunta lembrou o impulso hai catro anos do Nodo CIBER.gal –impulsado polo Goberno galego en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)– como espazo de colaboración público-privado e que conta xa con máis de cincuenta empresas e institucións centradas na protección da información e dos datos.
Así mesmo, fixo referencia ao novo Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense, o cal se espera que estea operativo a principios de 2026, como parte do obxectivo de dotar a Galicia das infraestruturas necesarias para liderar a ciberseguridade no ámbito estatal.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, animou hoxe a adaptar e actualizar os coñecementos e os mecanismos de resposta para loitar contra os ciberataques, ante o incremento exponencial do uso malicioso e malintencionado das tecnoloxías.
Durante a inauguración do IV Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, Miguel Corgos subliñou que os rápidos e continuos avances tecnolóxicos serven para mellorar a calidade de vida das persoas e o seu benestar, así como para ter uns servizos públicos e da Administración cada vez máis eficaces e para que os sectores produtivos xeren máis riqueza.
Porén, lembrou que xunto con estes beneficios, os delitos informáticos duplicáronse nos últimos catro anos. A aposta da Xunta pola ciberseguridade foi clara desde o primeiro momento, con énfase na colaboración e o intercambio de información e experiencias, como a sinatura de acordos de colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridad (Incibe) e co Centro Criptológico Nacional (CCN), en proceso de renovación neste momento, tras cinco anos de vixencia.
Destacou tamén a colaboración entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Escola Galega de Administración Pública, que permite o desenvolvemento anual do Curso Superior de Ciberseguridade, así como cursos de formación continua neste tema destinados ao persoal empregado público de Galicia.
O conselleiro de Facenda fixo fincapé tamén na comunicación directa e continua coa cidadanía, a través de campañas de concienciación ou do portal ciberseguridadegalicia.gal, que centraliza toda a información e ofrece mecanismos de consulta e comunicación de dúbidas ou incidencias.
Miguel Corgos afirmou que o Goberno galego está a promover o incremento das capacidades de defensa das empresas da comunidade, sobre todo das pequenas, xa que pouco máis da metade das que teñen menos de 10 persoas empregadas utiliza medidas de seguridade nas súas TiCs.
Para iso son precisas infraestruturas que axuden na prevención, como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia que se está construíndo no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), en Ourense, e ao que se lle destinan uns 6M€ en total.
Nesta liña, Corgos puxo en valor tamén a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade, en colaboración con institutos tecnolóxicos e universidades, como parte dun proxecto RETECH que implica a tres Comunidades autónomas (Galicia, Cataluña e Valencia). Unha iniciativa que posibilitará a creación dun centro transrexional de innovación e competencia no ámbito da ciberseguridade, cun orzamento total de 58 M€, dos que 19 M€ corresponden a Galicia.
A IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, abriu as súas portas, esta mañá, con 2.600 persoas inscritas. Máis de 60 expertos abordarán os retos da ciberseguridade para a cidadanía, as administracións públicas e as empresas, ao longo das dúas xornadas, que se celebran na Cidade da Cultura.
Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), a cuarta edición de CIBER.gal ofrecerá talleres, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e a final do concurso Ciberseguridade no cole!, no que participaron máis de 7.400 escolares de centros educativos de toda Galicia.
A IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER,gal esgotou en menos de 15 días as 750 prazas presenciais dispoñibles para o bloque destinado á cidadanía, aínda que é posible seguir este encontro de xeito online. Este récord de inscricións constata o interese pola temática do encontro, que conta con prazas presenciais e en streaming dispoñibles para os bloques temáticos orientados a empresas e administracións, que tamén están a rexistrar unha alta demanda.
A IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade. CIBER.gal, reunirá os días 6, 7 e 8 de novembro na cidade da Cultura a máis de 60 expertos, que abordarán os retos da ciberseguridade desde unha tripla perspectiva: social, empresarial e pública. A unha semana do evento son máis de 2.300 os inscritos e os interesados en participar aínda están a tempo de reservar a súa praza a través do portal ciberseguridadegalicia.gal, onde tamén se pode consultar o programa completo.
Unha das novidades que incorpora este ano CIBER.gal é a realización de demostracións de produtos, servizos ou solucións de ciberseguridade por parte dalgunhas das entidades que apoian o evento. Estas actividades tamén espertaron un gran interese e xa están completas as prazas para as demostracións de ciberseguridade, programadas para o 6 de novembro, patrocinadas por Proofpoint, NTT DATA, Check Point, CTAG, Zscaler e SIA, así como as de obradoiros técnicos e talleres prácticos.
Entre outros profesionais, o encontro contará coa participación do experto en ciberseguridade Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles está o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que traerá á Cidade da Cultura a experiencia ‘road show’ e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos, que estarán abertos ata o día 8 de novembro. Ademais, David Amor achegarase en clave de humor á ciberseguridade cun monólogo.
Un ano máis CIBER.gal contará coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa posta en escena da obra "Hixiénico", na que se expoñerán as consecuencias do cyberbulling. Tamén contará de novo coa colaboración dos coordinadores dos cursos de ciberseguridade dos centros de FP de Galicia que realizarán catro talleres prácticos.
O Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, está organizado polo Nodo Gallego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), e conta co apoio dunha vintena de entidades, entre as que destacan como patrocinadores VIP Gradiant e Telefónica e como patrocinadores estratéxicos Deloitte, Abanca, Proofpoint, SIA, Crowdstrike e Check Point, ademais doutras 44 entidades entre patrocinadores innovadores, estándar e colaboradores.
CIBER.gal busca fortalecer a conciencia dixital e as capacidades tecnolóxicas dos participantes, fomentando unha sociedade máis segura e preparada fronte aos desafíos da era dixital.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do programa formativo A Intelixencia Artificial no día a día para achegar as vantaxes da IA entre a cidadanía. Son un total de 17 xornadas que se realizarán de xeito presencial durante os meses de novembro e decembro en aulas da Rede CeMIT.
A formación, destinada especialmente a persoas maiores de 55 anos, achega aos participantes os conceptos e características básicas da IA, o seu impacto no día a día e a súa contribución á sociedade. Son sesións de 90 minutos de duración, nas que se presentan casos prácticos de emprego da intelixencia artificial na vida cotiá, así como as posibles barreiras ou dificultades no seu uso e os posibles riscos.
O obxectivo das xornadas é que os participantes poidan adquirir as competencias necesarias para o uso de ferramentas que empregan a IA como o móbil, asistentes persoais, tradutores instantáneos ou a xeración de imaxes, entre outros.
Os interesados en participar poder formalizar as inscricións poñéndose en contacto cos responsables das aulas CeMIT ou, a través de internet, na web https://cemit.xunta.gal.
A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pon en marcha Formación Dixital, un programa formativo de carácter gratuíto e 100% online para capacitar en competencias dixitais a máis de 45.000 persoas de entre 14 e 74 anos, ata 2025.
O obxectivo do programa é impulsar a alfabetización dixital da sociedade galega, no marco da Estratexia Galicia Dixital 2030, facilitando o achegamento á tecnoloxía e a capacitación dixital da cidadanía para que poida desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital actual.
O programa ofrece, neste momento, un curso de nivel intermedio, xa con inscricións abertas a través da web www.formaciondixital.gal. A formación ten unha duración máxima de 10 semanas, e ofrece unha aprendizaxe guiada, con contidos formativos e actividades prácticas, ademais de sesións de acompañamento e titorías personalizadas con especialistas para resolver dúbidas e dificultades. De acordo co Marco Galego de Competencias Dixitais, abarca 5 eixos temáticos: información e datos, comunicación e colaboración, creación de contido dixital, seguridade e privacidade, e solución de problemas da contorna dixital.
A realización da formación permite adquirir competencias dixitais para resolver situacións cotiás como realizar transaccións electrónicas ou interactuar coas administracións públicas, así como mellorar as posibilidades profesionais ou obter información de interese sobre ferramentas de ciberseguridade ou tecnoloxías emerxentes. Ademais, os participantes obterán (se superan o 80% das actividades avaliativas) un diploma de aproveitamento emitido pola Amtega.
A formación, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (Next Generation da Unión Europea) tamén servirá de base para preparar a Certificación Galega de Competencias Dixitais (ComDix).
Con este programa, a Xunta de Galicia busca dar resposta ao compromiso de que o 70% dos galegos e galegas teñan competencias dixitais básicas en 2025 -fronte ao 52,1% actual-, marcado na Estratexia Galicia Dixital 2030.
A Xunta de Galicia renova o seu compromiso a prol do software libre a través dun convenio de colaboración que asinarán proximamente a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol). O Consello do Goberno galego autorizou hoxe este acordo cun orzamento de 60.000 euros para o período 2024-2025.
O convenio recolle catro liñas de actuación para a promoción, capacitación e difusión do uso do software libre entre o tecido empresarial galego, fundamentalmente, pero tamén para a sociedade en xeral. Unha das actuacións previstas é a elaboración de material multimedia sobre o papel do software libre e os datos abertos nos sistemas de intelixencia artificial, os dereitos de autoría vinculados á IA, a regulación europea específica neste ámbito ou a capacidade de innovación na IA a través do software libre.
Ademais, a colaboración entre a Axencia e Agasol prevé a realización dunha xornada sobre a Lei de ciberresiliencia da Unión Europea e as súas implicacións para as empresas galegas, e o fomento da localización ao galego da documentación e as interfaces das ferramentas de software libre para facilitar o seu uso entre as empresas da Comunidade. O acordo tamén prevé consolidar un encontro periódico de referencia arredor do software libre.
A sinatura deste convenio enmárcase no Plan de acción de software libre, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia desde hai máis dunha década, que se renova cada ano en colaboración cos axentes do sector para promover o seu uso e a reutilización na Administración pública, impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.
Este ano o plan abrangue, entre outras, actividades que van dende a tradución de software libre, a organización de xornadas, cursos, obradoiros, o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social, a introdución á robótica educativa con software e hardware libre ou a formación en software libre nas universidades. En 2023 o plan sumou máis de 80 actividades, nas cales participaron máis de 2.800 persoas.
O 34,1% de las empresas galegas de 10 ou máis persoas empregadas permite o teletraballo, o que sitúa a Galicia no quinto posto entre as Comunidades Autónomas. Tamén está entre as que máis realiza reunións remotas, cun 57,9%. Os datos corresponden á enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2023/2024” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
As tecnoloxías están cada vez máis presentes nas empresas galegas. O 98,2% das que teñen 10 ou máis empregados dispoñen de internet contratada e, destas, o 83,3% teñen velocidade de descarga de máis de 100 mbs/seg.
As empresas galegas que empregan Intelixencia artificial son xa o 10,4%, o que sitúa a Galicia no sétimo lugar entre as Comunidades Autónomas. As empresas galegas están entre as tres que máis utilizan tecnoloxías de recoñecemento de voz. Tamén ocupan un lugar moi destacado (o cuarto) no uso de tecnoloxías que xeran linguaxe escrita ou falada e o sexto na aprendizaxe automática para a análise de datos.
A incorporación dos especialistas TIC ás empresas galegas de 10 ou máis traballadores é outro dos indicadores que amosa o grao de dixitalización do tecido empresarial galego: o 12,6% conta con especialistas TIC, o que supuxo un 7,4% máis no último ano.
O gasto en seguridade TIC aumentou un 40% no último ano, dato similar á media estatal, que creceu 37,8%. Este gasto ascende en Galicia ata case 102 millóns de euros.
O 81,4% das grandes empresas galegas dispoñen de páxina web. A maioría contan con descrición dos seus produtos e servizos (81%), pero tamén destaca o seu uso para publicar ou recibir ofertas e solicitudes de emprego (23,3%) ou facer pedidos e reservas (18,7%).
A maioría das empresas galegas de 10 e máis empregados usan software libre, co 86,3%. Delas, o 95,5% utiliza navegadores de código aberto, o 75,3% usa aplicacións ofimáticas e o 51,5% sistemas operativos.
A porcentaxe de empresas de menos de 10 empregados con ordenadores acada o 85%. O 81,3% das microempresas teñen conexión a internet, ao crecer máis dun 16% no último ano. Destas, o 31,2% empregan redes sociais con fins empresariais.
O 35,9% das empresas de menos de 10 traballadores teñen xa páxina web, o que supera en máis de 2 puntos a media estatal, que é do 33,2%.
A Xunta de Galicia vén de poñer a disposición do alumnado a Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais, un documento que aborda, desde unha linguaxe sinxela e directa, a pegada dixital, os seus efectos e os riscos que implica.
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, participaron esta mañá no instituto IES A Pontepedriña de Santiago de Compostela na presentación desta guía que se enmarca dentro do programa Pegada Dixital, unha das accións da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025 para unha convivencia dixital responsable.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a necesidade de “ofrecer aos alumnos información e ferramentas para a adquisición de competencias e destrezas para o uso responsable, útil, seguro e ético destas novas formas de comunicación e interacción”. Con esta guía trátase, por tanto, de axudar aos rapaces a que fagan un uso proveitoso das tecnoloxías e que xestionen con seguridade os seus perfís nas redes sociais.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia sinalou que unha das prioridades da Xunta “é poñer á disposición da comunidade educativa todas as ferramentas tecnolóxicas dispoñibles” e con ese propósito puxéronse en marcha iniciativas como Abalar ou E-Dixgal. Un proceso de dixitalización que vai acompañado de formación e concienciación no uso adecuado da tecnoloxía como “esta guía que forma parte do programa de 250 obradoiros sobre Pegada dixital e uso seguro das redes sociais, que desenvolvemos en centros educativos desde hai dous cursos”.
A guía conta con apartados específicos sobre pegada dixital, redes sociais e dispositivos móbiles. No primeiro dos apartados aborda como se constrúe a pegada dixital, os riscos dunha pegada negativa e pautas para construír unha pegada positiva.
No apartado das redes sociais faise fincapé no poder dos datos persoais e danse pautas para protexerse nas redes así como para a configuración de privacidade e de seguridade, ao igual que para o caso dos dispositivos móbiles.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) únese á consultora tecnolóxica NTT DATA para reducir a fenda dixital de colectivos en risco de exclusión social. Esta colaboración consistiu na doazón de 22 equipos realizada a través do Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX) e permitirá a posta en marcha de proxectos e iniciativas que buscan aproveitar o potencial da tecnoloxía para a mellora da calidade de vida, así como inclusión no ecosistema dixital.
Concretamente desde a Asociación Galega para a Axuda a Enfermos con Demencia, tipo Alzheimer (Agadea) están a por en marcha o proxecto “Conectando Xeracións: Competencias dixitais para o envellecemento activo en persoas maiores con Alzheimer”. O seu obxectivo é mellorar as capacidades dixitais deste colectivo co apoio de mozos/as voluntarios, promovendo así que se reduza o risco de illamento social e xerando un espazo de aprendizaxe e crecemento mutuo.
Pola súa banda, a Asociación “Ecos do Sur” conta con varios programas destinados á inclusión das persoas migrantes a través da colaboración de persoas voluntarias que realizan atencións individualizadas, formacións, actividades sociolaborais e educativas. Estas actividades están enfocadas á alfabetización dixital, erradicación da fenda dixital, inserción laboral, ensino de linguas oficiais ou a realización xestións administrativas.
Esta doazón, enmarcada no Programa de Voluntariado Dixital (VOLDIX), promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, reforza a oferta de formación dixital para a mellora das competencias dixitais no conxunto da sociedade galega e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais.
A través do programa, a Axencia autonómica artella o esforzo e as necesidades dos máis de 1.000 aliados dixitais cos que conta na actualidade e entre os que se atopa NTT DATA, que leva colaborando coa Xunta de Galicia a través do Programa de Voluntariado Dixital desde 2012 e como aliado dixital desde 2016.
Neste ecosistema dixital formado por persoas voluntarias, organismos colaboradores e entidades públicas e privadas trabállase para consolidar a capacitación dixital da cidadanía, así como na promoción e divulgación dos servizos e beneficios da Sociedade da Información.