main content

main content
26/02/202417:02
Servizo de videointerpretación no PAC da Coruña.
A Coruña

A Xunta pon en marcha un servizo de videointerpretación para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias

  • Estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, en todos os servizos de urxencias hospitalarias, e en todos os Puntos de Atención Continuada
  • O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, visitou o PAC da Casa do Mar da Coruña, un dos 90 nos que se incorpora este servizo en toda Galicia

A Xunta de Galicia pon en marcha un servizo de videointerpretación para dar atención ás persoas xordas nas urxencias sanitarias. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, no transcurso da súa visita ao PAC da Casa do Mar da cidade herculina, un dos 90 nos que se incorpora este servizo en toda Galicia. Tal e como detallou o máximo responsable do Sergas, este servizo de videointerpretación estará dispoñible 24 horas e 365 días ao ano no 061, así como en todos os servizos de urxencias hospitalarias, e en todos os puntos de atención continuada.

No acto de hoxe, no que o conselleiro estivo acompañado polo presidente da Federación de Persoas Xordas, Iker Sertucha, así como polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño, o titular da carteira sanitaria remarcou que, con esta medida, a Xunta dá cumprimento a un acordo unánime do Parlamento de Galicia co obxecto de poñer en marcha este servizo a disposición do colectivo de persoas xordas as 24 horas do día na sanidade pública.

Comesaña lembrou que as persoas xordas podían acudir á sanidade pública con intérprete a través do convenio que a Consellería de Política Social ten coa Federación, por preto dun millón de euros anuais para financiar ese servizo, pero as visitas urxentes á sanidade non se poden programar e solicitar, como esixe ese servizo, e moitas veces se producen a horas nas que non é posible contar fisicamente cun intérprete.

Ao respecto, o conselleiro dixo que o seu departamento decidiu optar por un servizo de videointerpretación, colaborando con quen xa o implantara no ámbito administrativo da Xunta, como era a AMTEGA. Polo tanto, a Consellería de Sanidade súmase ao acordo que este organismo tiña xa coa Federación de Persoas Xordas e, dentro dese convenio, inclúese o servizo que hoxe se presentou na Casa do Mar.

Comunicación entre persoal sanitario e doente

Comesaña detallou que, a partir de agora, os servizos de urxencias dos 14 hospitais galegos e os 90 Puntos de Atención Continuada terán instalados en todos os seus ordenadores unha plataforma que permitirá abrir videoconferencia dun intérprete de lingua de signos que facilite a comunicación entre persoal sanitario e paciente. Esta plataforma conéctase cun servizo de videointerpretación do que dispón a Federación, e que funciona 24 horas ao día e os 365 días do ano.

O conselleiro incidiu en que o persoal da Federación estivo xa realizando visitas ás áreas de urxencias para asesorar aos responsables no uso deste sistema e, ademais, Sanidade contou con eles para preparar o material formativo que se facilitou aos traballadores destes servizos para familiarizarse con esta plataforma.

O máximo responsable do Sergas subliñou, así mesmo, que o acordo incorpora a un técnico de apoio intérprete de lingua de signos para que estea a disposición do Sergas, co obxecto de coordinar o proxecto e axudar nas novas necesidades de melloras ou de formación que requiran profesionais ou pacientes.

Para o conselleiro, trátase dunha colaboración moi útil entre a Federación, a Amtega e o Sergas. Deste xeito, a Federación amplía o uso do servizo de videointerpretación que presta aos seus asociados e o leva a novos servizos públicos; a Amtega avanza na súa Estratexia Galicia Dixital 2030 para facilitar a accesibilidade da administración a través da tecnoloxía; e, pola súa banda; o Sergas consegue dar un paso máis na universalización da sanidade pública.

Colectivos con atención especial

O conselleiro de Sanidade remarcou na súa intervención que non todas as persoas necesitan o mesmo tipo de asistencia. Así, hai cidadáns que requiren dunha atención especial, como poden ser os maiores, os cativos e as persoas con discapacidade.

Ao respecto, un dos retos da Estratexia Galega de Saúde é precisamente personalizar a atención sanitaria e adaptala ás necesidades do doente, e o paciente xordo, -proseguiu o conselleiro-, tiña a necesidade de poder acudir a un servizo de urxencias de xeito autónomo e independente, sen necesidade de ir acompañado dun familiar ou amigo que teña que enterarse de todo o que lle ocorre, para trasladarllo ao persoal.

Polo tanto, do mesmo xeito que o Sergas fixo coa plataforma TELEA de seguimento de pacientes crónicos, ou con outros avances, a sanidade pública galega utiliza a innovación tecnolóxica para potenciar a autonomía do paciente.

Para rematar a súa intervención, Comesaña agradeceu á Federación, á Amtega e ao persoal da Consellería de Sanidade, do Sergas e da Axencia de Coñecemento en Saúde, por poñer en marcha os instrumentos xurídicos, os medios técnicos e a formación necesaria para que este proxecto botase a andar. Sen dúbida, vai ser un instrumento útil e completará o apoio integral que a Xunta dá ás persoas xordas a través das distintas consellerías, co apoio fundamental da súa Federación, -concluíu o conselleiro-.

14/02/202420:02
Pantallazo da aplicación XuntaEU.
Santiago de Compostela

A aplicación XuntaEu incorpora o título de familia numerosa e suma máis de 6.000 descargas nun mes

  • A Administración autonómica acaba de publicar unha nova versión da ferramenta que mellora o seu uso
  • A aplicación xa permite o acceso a unha decena de títulos, tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta
  • XuntaEu concentra no móbil os principais servizos da Administración dixital

Máis de 6.000 galegos e galegas acceden xa aos principais servizos da Xunta a través da aplicación XuntaEu. Esta ferramenta, dispoñible desde hai un mes para dispositivos IOs e Android, concentra o acceso á información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet.

Tras o seu lanzamento o pasado mes de xaneiro, a  Xunta acaba de publicar unha nova versión da aplicación, un proceso de mellora continua que dá resposta, tamén, a suxestións de usuarios. Os cambios están dirixidos a incrementar o seu uso e accesibilidade. Con este obxectivo reorganizáronse os servizos en torno á Carpeta Cidadá, na que se inclúe toda a información personalizada do usuario, e baixo o epígrafe “Utilidades”, desde onde se pode acceder aos avisos xerais dos diferentes servizos e á verificación de documentos.

Ademais, xa se pode acceder desde XuntaEu ao Titulo de familia numerosa. É a última incorporación á aplicación, que ten dispoñibles 10 tarxetas, carnés ou certificados emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR.

Neste momento XuntaEu permite o acceso ao Carrné Xove, ao Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, ao Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e ao Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B.

Ademais, a aplicación tamén permite acceder ao certificados de grao de discapacidade e ás licenzas de pesca marítima de recreo en superficie, de pesca marítima de recreo submarina, e de pesca marítima de recreo en embarcacións.

XuntaEu

O obxectivo desta aplicación é o de simplificar a relación dos cidadáns coa Administración e facilitar a accesibilidade aos servizos públicos, aproveitando o uso, practicamente universal, dos dispositivos móbiles.

XuntaEu garante un acceso seguro aos servizos dispoñibles a través do sistema Chave365 ou do DNI electrónico, este último só dispoñible para Android polo de agora. No caso de empregar Chave 365 a aplicación establece un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para recibir avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.

As persoas usuarias de XuntaEu poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións que a Administración lle faga chegar a través do sistema Notifica.gal, Ademais, poden acceder á información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder de xeito directo á sede electrónica para tramitalos.

Tamén se poden consultar as citas programadas coa Administración desde a aplicación. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden acceder ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

Outras utilidades que proporciona XuntaEu son renovación dos datos de usuario o a xestión da baixa no sistema de Chave; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, e a recepción de avisos personalizados.

XuntaEu inclúe, tamén, unha funcionalidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR. A aplicación irá incorporando máis servizos de xeito progresivo e en sucesivas actualizacións.

12/02/202420:02
Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia entra a formar parte da Alianza Global de Ciberseguridade (GCA)

  • Esta adhesión fortalece o ecosistema do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal
  • A GCA é unha organización internacional e intersectorial, da que forman parte máis de 130 empresas e institucións, dedicada a reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado
  • A Xunta colaborará en iniciativas de investigación para a protección do Internet das Cousas, incluídas infraestruturas críticas

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acaba de asinar un acordo de adhesión á Alianza Global de Ciberseguridade (GCA). Esta incorporación permitirá achegar a labor desta importante organización internacional ao ecosistema galego de ciberseguridade, agrupado no Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal. 

A adhesión da Axencia comezou a xestarse coa colaboración con Dominio PuntoGal, entidade que forma parte da GCA e tamén de CIBER.gal. A GCA destaca que, como socio, PuntoGal mostrou un compromiso firme coa misión xeral da organización e con iniciativas específicas, como Domain Trust, que permite a posta en común de dominios sospeitosos. 

A Axencia galega e a GCA acordaron poñer en marcha iniciativas de colaboración  na protección do Internet das Cousas. Abordarán tamén accións de divulgación e explorarán unha colaboración reforzada a través da futura incorporación da GCA ao Nodo CIBER.gal. 

Esta incorporación, ademais de fortalecer o ecosistema creado en torno ao Nodo, reforza a súa presenza internacional e a posición de Galicia como rexión pioneira na sensibilización, concienciación e investigación neste ámbito. A colaboración coa GCA aportará valor ao aliñarse co obxectivo de reforzar a ciberseguridade para a cidadanía, empresas e Administracións Públicas. 

Philip Reitinger, presidente e CEO da Global Cyber Alliance, indicou que con este acordo se amplía a valiosa colaboración con socios activos e cunha forte implantación en Galicia, que teñen a visión de levar a ciberseguridade máis lonxe”. Engadiu, neste sentido que a Axencia “e o seu magnífico labor na posta en marcha do Nodo CIBER.gal, é un aliado extraordinario para conseguir avanzar na nosa misión". 

Global Cyber Alliance (GCA) é unha organización internacional sen ánimo de lucro dedicada a crear comunidades para despregar ferramentas, servizos e programas que proporcionen ciberseguridade a escala global. Para elo, traballa coas comunidades; implica aos propietarios e operadores de infraestruturas; e impulsa mobilizacións estratéxicas para a acción colectiva en materia de ciberseguridade.

11/02/202414:02
 Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia.
Santiago de Compostela

O centro Gaiástech celebra o Día da muller e da nena na ciencia cun ciclo de faladoiros con mulleres tecnólogas

  • O primeiro encontro será o 15 de febreiro con Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia
  • A segunda charla será o 20 de febreiro con Rosa Vázquez da Startup Codee e o día 28 pechará o ciclo Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu
  • Esta actividade súmase ás previstas no marco do Plan Digitalent da Xunta para fomentar as vocacións tecnolóxicas femininas
  • Os últimos datos do Observatorio da Sociedade da información sitúan nun 30% a porcentaxe de mulleres que desenvolven tarefas tecnolóxicas no sector TIC en Galicia

O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia conmemora o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra hoxe, co ciclo de faladoiros “Con elas explorando o futuro”. O obxectivo destes encontros é visibilizar o rol das profesionais femininas no sector tecnolóxico e ofrecer referentes para fomentar as vocacións TIC, especialmente entre as nenas. 

O ciclo comezará o vindeiro 15 de febreiro coa intervención de Susana Ladra, vicepresidenta do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia. O segundo encontro correrá a cargo de Rosa Vázquez, CFO & Co-founder  da Startup Codee, o día 20 deste mes; e Almudena Justo, directora do Centro International Quamtum de Fujitsu, será a encargada de pechar as charlas o mércores, 28 de febreiro.

Estes faladoiros súmanse ás actividades previstas dentro Plan Digitalent da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para impulsar as vocacións tecnolóxicas e eliminar a fenda de xénero no sector.

Este ano está previsto celebrar novas edicións do programa Girl Steam con obradoiros de experimentación nas aulas CeMIT; os espazos Maker, que facilitan o uso de equipamento interactivo, impresoras 3D, drons ou kits de robótica na Rede CeMIT e no GaiásTech; Tecnológo por un día, que ofrece a posibilidade de compartir unha xornada de traballo nunha empresa TIC; o Campamento DigiTalia; o Scratch Day, un encontro para aprender a programar ou o Programa Tech Kids, que achega aos máis pequenos á tecnoloxía con actividades lúdico formativas.

Mulleres nas TIC

Os últimos datos do Observatorio da Sociedade da Información sinalan que a presenza da mulleres no sector tecnolóxico galego sitúase no 30,6% e un 10,4% teñen unha titulación STEAM, unha porcentaxe que se reduce aínda más no caso de titulacións técnicas de Formación Profesional.

No ano 2021, a porcentaxe de mulleres matriculadas en graos STEM do Sistema Universitario de Galicia representaba o 34% e se exclúen as carreiras de Ciencias, nas que son maioría, a porcentaxe nas enxeñarías e tecnolóxicas descende ata o 26%.

Programa do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

31/01/202418:01
Presentación da App da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza unha app que permite préstamos electrónicos dos fondos das bibliotecas públicas

  • O novo servizo, dispoñible para Android e iOS, dá acceso a calquera hora e día da semana a máis de 14.000 títulos de fondos literarios e documentais de ‘GaliciaLe’
  • Incorpora unha modalidade orientada a persoas non residentes en Galicia e a actualización do carné da persoa usuaria, que poderá empregarse tamén de xeito dixital
  • “Isto supón un avance nun momento de plena transformación dixital para maximizar as condicións de acceso á cultura e á literatura”, salienta Román Rodríguez

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación da app da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, unha ferramenta con todo o catálogo de GaliciaLe, a plataforma de préstamo electrónico da Xunta de Galicia, e que inclúe tamén unha nova versión dixital do carné de usuario e unha nova modalidade orientada a persoas non residentes en Galicia.

Tal e como afirmou o responsable autonómico de Cultura, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, este novo servizo vai estar dispoñible para os sistemas operativos de Android e iOS e permite levar nun mesmo dispositivo os máis de 14.000 títulos de fondos literarios e documentais dispoñibles en GaliciaLe para acceder a eles calquera día da semana e en calquera horario. “Esta plataforma de préstamo e consulta dos recursos electrónicos ofrecidos polas bibliotecas públicas de Galicia pechou o ano 2023 con case 17.500 usuarios, o que demostra o interese dos galegos pola lectura dixital,” precisou.

Ademais, a ferramenta inclúe a modalidade GaliciaLe+, que permite o uso da plataforma por parte de persoas residentes fóra da Comunidade que queren ler en galego. Esta medida, accesible a persoas de calquera lugar do mundo, ten por obxectivo promover e facilitar a lectura en galego máis alá das nosas fronteiras, así como facilitar o acceso á Galicia exterior a todos os recursos desta app. As ferramentas dixitais permitiralle a emigración galega estar máis cerca do seu lugar de orixe.

De xeito parello ao lanzamento da aplicación, a Xunta de Galicia vén de actualizar a imaxe dos carnés de usuario, de xeito que todas as bibliotecas públicas contarán co mesmo modelo para ofrecer aos seus lectores. “Trátase dunha tarxeta personalizable co nome da biblioteca titular que ofrece unha imaxe común en toda a rede”, explicou o conselleiro, quen precisou que, por primeira vez, o carné poderá solicitarse de xeito telemático sen necesidade de acudir fisicamente á biblioteca.

Tamén como novidade actualizaranse as condicións de protección de datos e deixará de ser obrigatorio presentar unha fotografía. Ademais, haberá dúas modalidades de carné, unha física cun deseño adaptado á nova imaxe e outra dixital que se poderá levar directamente no teléfono móbil.

Unha cultura máis dixital

O conselleiro de Cultura explicou que a medida responde ás necesidades dos galegos, unha comunidade “lectora” na que 7 de cada 10 habitantes afirman que len con frecuencia. “O noso obxectivo é traballar para actualizar o acceso á cultura dixital e á lectura a través dos formatos máis solicitados. Para iso, poñemos a disposición dos usuarios unha nova ferramenta que supón un paso adiante ao maximizar todas as posibilidades”, engade Román Rodríguez.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, destacou que Galicia “é hoxe unha rexión desenvolvida no ámbito tecnolóxico que conta con servizos dixitais practicamente universais na Sanidade, Servizos Sociais, Educación, Xustiza ou Administración”. Para Cerviño, o reto actual pasa por “poñer ao servizo do benestar das persoas as tecnoloxías innovadoras, como a intelixencia artificial”. A cultura, engadiu, é unha parte esencial dese benestar.

O director da Axencia referiuse a proxectos como a Memoria Dixital de Galicia, a biblioteca Galiciana, a Cátedra en Patrimonio Cultural Dixital ou o Proxecto Nós e enmarcounos no obxectivo da Estratexia Galicia Dixital 2030 de que a nosa Comunidade se converta nunha rexión especializada en tecnoloxía. Julián Cerviño explicou que a aplicación de tecnoloxías como a intelixencia artificial “debe centrarse nas persoas, no seu benestar e nos seus dereitos, cunha visión ética e humanista”. 

29/01/202408:01
Muller usando un portátil nunha oficina.
Santiago de Compostela

Máis do 84% das empresas tecnolóxicas galegas utiliza software libre

  • Un informe publicado polo Observatorio da sociedade da información e comunicación de Galicia (OSIMGA) destaca que a metade das empresas TIC oferta bens ou servizos aos seus clientes en software libre
  • O uso deste tipo de programacións supera ás privativas no caso dos navegadores de internet, xestión de contidos web, aplicacións de desenvolvemento de software, e aplicacións de deseño gráfico e para a formación
  • Os produtos máis ofertados son para a xestión de contidos, páxinas web e marketing dixital; así como sistemas de virtualización, servidores e aplicacións na nube

O uso do software libre mantívose por riba do 84% nas empresas TIC galegas en 2022, segundo o estudo sobre uso deste tipo de programación nas empresas TIC de Galicia no ano 2022, publicado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA). O 84,1% empregan este tipo de software nos seus equipos informáticos, sexan ordenadores ou servidores, o que representa unha tendencia estable nos últimos anos.

As aplicacións libres con maior implantación nas empresas galegas seguen a ser os navegadores de internet e as aplicacións ofimáticas libres, as de xestión de contidos web e xestores de correo electrónico, todos eles cunha presenza superior ao 49% no sector.

As empresas TIC galegas como provedoras de solucións libres

O 51,1% das empresas TIC que vende produtos de software ofertou bens ou servizos en software libre no 2022.

Sobre o total de empresas TIC, os programas que máis distribúen en versión de Software Libre son: Xestión de contidos; páxinas web; marketing dixital; sistemas, servizos de virtualización, servidores e aplicacións na nube; e-commerce e ofimática, ofrecidas todas elas por máis da cuarta parte das empresas que venden software.

No 2022, o 89% das empresas TIC que ofrecen produtos ou servizos de Software libre proporcionan consultaría tecnolóxica de Software Libre, un 4,2% máis que o ano anterior; e un 64,2% das empresas TIC proporciona consultaría de servizos de Software Libre propio, experimentando un incremento do 4,6% respecto ao ano 2021.

Hai que lembrar que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia fomenta o software libre no ámbito empresarial a través de diversas accións formativas e de divulgación que contan co soporte da Oficina de Software Libre.

Os datos deste informe poden consultarse na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

27/01/202418:01
Fragamento da presentación do informe sobre o uso das TIC polas mulleres.
Santiago de Compostela

As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos utilizan máis as tecnoloxías que os homes

  • O 89,1% das mulleres declara usar internet, fronte ao 89,5% dos homes, que só as superan de xeito significativo a partir dos 65 anos
  • As mulleres son tamén as que máis usan internet en formularios e tramitacións on-line da Administración electrónica, así como para participar en redes sociais, educación e actividades relacionadas coa saúde

As mulleres galegas de entre 35 e 64 anos usan internet máis que os homes, e, ademais, as de entre 45 e 64 anos superan tamén aos homes no uso de dispositivos electrónicos.

Nas franxas de idade inferiores aos 35 anos, o uso das tecnoloxías é practicamente o mesmo entre homes e mulleres, con índices que superan o 99%, salvo no caso do uso de dispositivos electrónicos por parte de escolares de primaria ou inferior, no que esta porcentaxe sitúase en torno ao 78%, tanto por parte dos nenos como das nenas.

O informe “Mulleres en dixital: o uso das TIC desde unha perspectiva de xénero”, que acaba de publicar o Observatorio da Sociedade da Información e a modernización de Galicia da Xunta (OSIMGA), indica que só se manteñen diferenzas detectables nas persoas maiores de 65 anos. Nesta franxa, un 85,4% das mulleres utiliza dispositivos electrónicos, fronte a un 89,9% dos homes e un 57,7% das mulleres declaran usar internet, fronte a un 62,3% dos homes.

As características da poboación de Galicia explican que, tendo en conta todas as idades, o 89,1% das mulleres declaren usar internet, unha porcentaxe que é do 89,5% no caso dos homes.

O informe de OSIMGA, que depende da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).

Uso de Internet, Comercio Electrónico e e-Administración

A proporción de mulleres que compran a través da rede no 2022 acada o 60,5%, cun crecemento de case o 20% dende o ano 2019, cando a porcentaxe das internautas galegas que compraban na rede era do 50,9%. Por tramos de idade, compran máis as mulleres ca os homes por internet ata os 54 anos, e invértese a tendencia nos maiores, ata superar os 8 puntos porcentuais a prol dos homes entre os 65 e 74 anos.

Con todo, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da rede en Galicia supera en 0,3 puntos á das mulleres.

No relativo ao uso da Administración dixital, no ano 2022, as mulleres superan aos homes en todas as actividades analizadas e que serven para informarse ou realizar trámites electronicamente.

O 81,1% das mulleres que usan internet obteñen información das Administracións públicas e máis do 80% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados. O 61,6% das mulleres descargaron no último ano documentos persoais xerados pola administración.

Comportamento na rede: Servizos e actividades de Internet utilizados

As diferenzas entre galegos e galegas no relativo ás actividades e servizos que utilizan na rede varían en función da natureza das actividades. Ambos sexos amosan como actividades máis comúns na internet a mensaxería instantánea, busca de información, ler novas e usar o correo electrónico.

As mulleres superan aos homes nos hábitos de participación en redes sociais, educación online, actividades relacionadas coa saúde.

Pola contra, nas actividades relacionadas co software como son instalalo, descargalo, configuralo ou transferir arquivos, o nivel de uso das mulleres sitúase varios puntos porcentuais por detrás dos homes.

Os datos deste informe poden consultarse na seguinte ligazón: www.osimga.gal.

20/01/202412:01
Intelixencia artificial.
Santiago de Compostela

A Xunta pon a disposición das administracións públicas unha guía coas pautas para a implantación dunha Intelixencia Artificial segura e eficiente

  • O obxectivo do documento é que administracións e organismos públicos poidan aproveitar todas as potencialidades da automatización dos procesos e a xestión intelixente dos datos coa máxima seguridade para as persoas
  • As guías e códigos de conducta son un complemento a aspectos cun carácter máis normativo recollidas na lexislación sobre IA, que está en fase de creación
  • A Xunta está a elaborar a primeira Lei de Intelixencia Artificial en Galicia que permitirá un uso eficaz, eficiente, ético e seguro desta tecnoloxía na Administración xeral e no sector público autonómico da Comunidade

A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acaba de publicar unha Guía coas pautas que poden seguir as administracións públicas para garantir un uso eficiente e seguro da intelixencia artificial.

A intelixencia artificial permite hoxe axilizar e simplificar os procesos administrativos coas tecnoloxías de automatización; así como ofrecer un trato máis eficaz e personalizado, grazas á xestión intelixente dos datos. A Xunta de Galicia quere facilitar a adopción desta tecnoloxía a todas as administracións e para iso pon á súa disposición a Guía práctica para a xestión da intelixencia artificial nas administracións públicas.

O documento, que está dispoñible na web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten como obxectivo que as Administracións e organismos públicos poidan aproveitar todas as potencialidades da automatización dos procesos e a xestión intelixente dos datos coa máxima seguridade para as persoas, os seus dereitos e a súa intimidade.

Para garantir un uso eficiente e seguro da intelixencia artificial é necesario que as persoas que traballan na Administración coñezan, nas súas respectivas responsabilidades, aspectos como a identificación e avaliación de oportunidades de uso da IA, ou o deseño, desenvolvemento e implantación das ferramentas necesarias. É tamén imprescindible coñecer os riscos da intelixencia artificial e ter a capacidade de xestionalos. Neste sentido, a guía proporciona información tanto sobre o ciclo de vida dos sistemas de IA como as necesidades de xestión de riscos.

De acordo cos criterios estratéxicos da Unión Europea, as guías e códigos de conducta son un complemento aos aspectos de carácter normativo que recolle a lexislación sobre intelixencia artificial que está en fase de creación.

Futura lei de impulso da Intelixencia Artificial en Galicia

De xeito paralelo, a Xunta está a preparar a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia, unha norma que permitirá un uso eficaz, eficiente, ético e seguro desta tecnoloxía na Administración Xeral e no sector público autonómico de Galicia

A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de prexuízos, seguridade ou privacidade.

18/01/202419:01
Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia.
Santiago de Compostela

Rueda pon en valor o potencial de Galicia para situarse á vangarda no impulso de novas tecnoloxías

  • O presidente da Xunta reúnese coa Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia
  • Asegura que a futura lei sobre intelixencia artificial vai consolidar Galicia como referente no uso ético desta tecnoloxía e como lugar atractivo para a inversión empresarial neste eido

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o potencial de Galicia para situarse á vangarda no impulso de novas tecnoloxías e das medidas que garantan un uso seguro e axeitado das mesmas.

Durante un encontro coa Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial en Galicia, Rueda puxo como exemplo a futura lei sobre intelixencia artificial na que se está a traballar o Goberno autonómico. Unha normativa que vai consolidar Galicia coma referente europeo no uso ético destas tecnoloxías e coma lugar atractivo para a inversión empresarial neste sector.

Rueda agradeceu o labor de asesoramento desta Comisión e lembrou que o obxectivo último dos avances tecnolóxicos sempre ten que ser “mellorar a calidade de vida das persoas”. Para iso, salientou, é preciso o traballo conxunto entre administracións, universidades e o tecido produtivo.

 

14/01/202412:01
XuntaEU.
Santiago de Compostela

XuntaEU concentra nunha aplicación para móbiles os principais servizos da Administración dixital

  • A nova ferramenta facilita a accesibilidade aos servizos públicos e xa está dispoñible para a súa descarga en dispositivos móbiles con Android e iOS
  • Para acceder aos servizos é necesario identificarse dun xeito seguro coa Chave 365 ou co DNI electrónico
  • A aplicación permite, entre outras utilidades, consultar notificacións e expedientes, recibir avisos ou xestionar citas

A aplicación de referencia para móbiles da Xunta de Galicia, XuntaEU, xa está dispoñible para a súa descarga en dispositivos con Android e iOS.

Esta ferramenta concentra o acceso a información e servizos dixitais que xa estaban dispoñibles en diferentes canles en internet e facilita a accesibilidade a estes servizos grazas á universalización na utilización dos dispositivos móbiles e a súa conectividade a alta velocidade. Ademais, a aplicación simplifica e garante a seguridade da relación da cidadanía coa Administración.

Para poder acceder aos servizos, as persoas usuarias deben identificarse dun xeito seguro a través dos sistemas Chave 365 ou do DNI electrónico. Este último está, polo de agora, dispoñible unicamente para dispositivos Android. No primeiro caso haberá tamén un dobre factor de autenticación, polo que a persoa recibirá un código PIN no teléfono a primeira vez que acceda á aplicación. Neste primeiro acceso tamén deberá expresar o seu consentimento opcional para a recepción de avisos, para o uso da cámara coa única finalidade de ler códigos QR, ou para permitir o inicio de sesión con recoñecemento facial ou pegada dixital.

Na súa primeira versión, a aplicación permite acceder ás notificacións postas a disposición en Notifica.gal, consultalas, aceptalas ou rexeitalas. Tamén dá acceso á información básica dos expedientes e presentacións nos que a persoa usuaria figure como solicitante ou representante. Para a realización de tramitacións relacionadas con estes expedientes, a aplicación proporciona un acceso directo á sede electrónica.

A aplicación permite o acceso ao listado de tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR. Na actualidade xa están dispoñibles neste sistema o Carné Xove, o Carné profesional en instalacións térmicas de edificios, o Carné profesional de operador de guindastre torre, o Carné de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría A e o Carné profesional de operador de guindastre móbil autopropulsado Categoría B.

XuntaEU proporciona tamén acceso aos certificados dos que dispoña a persoa usuaria. Neste momento, os documentos dispoñibles son o Certificado de habilitacións profesionais, a Licenza de pesca marítima de recreo en superficie, a Licenza de pesca marítima de recreo submarina e a Licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións.

Tamén permite consultar as citas programadas coa Administración. Na actualidade están integrados o sistema de citas das Oficinas de Atención á cidadanía e Rexistro e o sistema de citas das Oficinas de Atención das consellerías. Ademais, os usuarios e usuarias poden consultar ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

Outras utilidades son a xestión do sistema de Chave 365 para renovar os datos de usuario ou dalo de baixa; a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá, así como a recepción de avisos personalizados.

XuntaEU inclúe tamén unha utilidade para comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS