A Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) desenvolven un ano máis un novo ciclo de obradoiros Girl STEAM co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e a presenza das mulleres nas carreiras STEAM, así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas.
Nos obradoiros achegarase ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, identificando as súas principais funcións e programándoas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase fedellando coa placa na elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais de refugallo como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
A Amtega e Cruz Vermella desenvolven un ano máis o programa Enredando Tour dirixido principalmente a persoas maiores de 55 anos e a través do cal se realizarán actividades de demostración de tecnoloxías innovadoras e presentes no día a día das persoas como son a realidade virtual ou asistentes virtuais; obradoiros cos que sensibilizar, informar e achegar a tecnoloxía á cidadanía en temas como a ciberseguridade, intelixencia artificial etc. O programa formativo completarase con apoio dixital puntual co obxectivo de resolver dúbidas que poida ter a cidadanía en relación ao eido dixital.
O Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, xa conta cunha nova ferramenta que facilita as consultas sobre as estatísticas de dixitalización que publica periodicamente a través de informes e estudos para a avaliar a penetración das tecnoloxías na Comunidade.
Grazas á aplicación de tecnoloxías baseadas en Business Intelligence, os usuarios poderán acceder desde o portal do Osimga a un cadro de mando que permite personalizar as consultas; seleccionar os anos da serie histórica que se desexen visualizar e presentar un ou varios indicadores simultaneamente na mesma gráfica. Tamén permite modificar diferentes características do aspecto das gráficas.
Grazas á versatilidade da nova ferramenta de difusión, as actualizacións dos datos estatísticos da sociedade dixital iranse aplicando de forma inmediata, cando estean dispoñibles. Ademais, o cadro de mando permite a consulta das series históricas antigas, que se irán ampliando ano a ano.
Os datos que conten con desagregación a nivel provincial poden ser visualizados a través de mapas dinámicos integrados no propio cadro de mando.
O novo cadro de mando conta, tamén, cun apartado de resumo dos datos máis destacados e acceso á metodoloxía, fontes de datos e ao proxecto técnico que se aprobou, así como ao plan estatístico anual e á Lei de Estatística de Galicia.
Todas as funcionalidades descritas están xa dispoñibles en Osimga.gal, nun apartado específico na web denominado Cadro de Mando.
Baixo o título "A Aventura que me Espera: Descubrindo a Ciencia e a Tecnoloxía", o GaiásTech acollerá o vindeiro 27 de setembro unha xornada sobre os diferentes roles laborais que combinan a ciencia e a tecnoloxía. O encontro está dirixido a estudantes de entre 14 e 17 anos e a pais e nais, que só precisan inscribirse previamente no portal do GaiásTech.
A xornada contará coa participación de dez mulleres con perfís profesionais vinculados ao eido científico ou tecnolóxico con postos en diferentes campos, incluíndo o académico, administrativo e empresarial. O obxectivo do encontro é mostrar as múltiples posibilidades que se presentan despois de obter unha titulación universitaria dunha carreira STEAM, destacando que a formación recibida prepara para desafíos que poden non estar directamente relacionados cos contidos estudados.
O evento estrutúrase, nunha primeira parte, nun circuíto por distintos postos, a través dun diálogo entre estas mulleres e os asistentes, no que se expoñan os diferentes roles laborais científicos e tecnolóxicos de cada perfil e, na última parte, farase un diálogo común permitindo que se expoñan preguntas e se poidan conectar cos temas tratados.
As intervencións estruturaranse en torno a dous paneis. No primeiro intervirán: Ana Jesús López, física e profesora da Escola Politécnica Superior de Ferrol; Teresa Rivas, bióloga e profesora da Escola de Enxeñaría e Minas; Rocío Mosquera, médico e xestora sanitaria no Servizo Galego de Saúde; María J. Rodríguez, doutora en educación con especialidade en tecnoloxía educativa, e que traballa no centro de Supercomputación de Galicia; e Soledad Torres, enxeñeira de Telecomunicacións e profesora na Universidade de Vigo.
Nun segundo panel participarán: Laura Alonso, enxeñeira naval e oceánica pola Universidade da Coruña; Andrea Fernández, pedagoga e Mestrado en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares pola UDC; Eva López, técnica de transferencia e directora do programa Woman Emprende; Cristina Sánchez, antropóloga e investigadora científica no INCIPIT-CSIC; Sonia Martínez, farmacéutica e doutora en Bioloxía Celular.
Este evento enmárcase dentro dun convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), para realizar actuacións de fomento e promoción das vocacións STEAM entre a poboación máis nova, especialmente nas mulleres.
A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), renovan a súa colaboración para o desenvolvemento de actividades de capacitación dixital dirixidas a persoas maiores sobre algúns dos usos máis habituais e prácticos da Banca online. Esta actividade, que inclúe formación sobre o uso dos caixeiros automáticos ou a realización de pagos co móbil, enmárcase no proxecto de “Aliados Dixitais” do Plan DigiTalent 2030.
A iniciativa arrincou hoxe cunha sesión informativas online, dirixida aos dinamizadores das aulas da Rede CeMIT. A actividade formativa dirixida a persoas maiores comezará o 12 de setembro.
O obxectivo é o de reducir a fenda dixital e promover a autonomía persoal e de envellecemento activo entre as persoas maiores, así como asegurar que todas as persoas, independentemente do seu lugar de residencia, teñan acceso ás ferramentas e coñecementos necesarios para participar plenamente na sociedade dixital.
Dentro desta programación está prevista a realización de 5 actividades formativas online de 60 minutos de duración, así como sesións presenciais a través de rutas por zonas rurais das catro provincias galegas.
As ditas actividades serán emitidas en directo a través de Internet, co obxectivo de achegarse de forma específica e a través da tecnoloxía aos maiores das contornas rurais. Na iniciativa participan as entidades sociais e colaboradoras de FEGAUS, así como os Centros de capacitación dixital da cidadanía da rede CeMIT, as asociacións que integran a federación e outras asociacións de maiores de Galicia.
Os seminarios complementaranse con actividades adicionais e a accesibles, como a creación dun Podcast, arquivo de audio sobre os temas principais tratados nas sesións de inspiración, pequenos vídeos e experiencias de xogos para fomentar o desenvolvemento cognitivo das persoas participantes. Os contidos formativos preséntanse de xeito ameno e sinxelo e están orientados a que os asistentes poidan sacar o máximo partido.
| Actividade | Localidade | Data | Horario |
|---|---|---|---|
| Compras online no teu día a día: supermercados e hostalería a un click | CeMIT Arzúa | xoves, 12 de setembro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
| Interactúa co teu banco mediante a Intelixencia Artificial | CeMIT A Estrada | martes, 24 de setembro de 2024 | 17:00 a 18:00 |
| Coñece os teus dereitos como usuario na era da banca dixital | CeMIT Leiro | venres, 4 de outubro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
| Renting de coches e outros servizos que tamén che ofrece a túa banca online | CeMIT A Estrada | xoves, 10 de outubro de 2024 | 10:30 a 11:30 |
| Como contratar seguros e pedir préstamos a través do teu teléfono | CeMIT Vigo | luns, 14 de outubro de 2024 | 12:00 a 13:00 |
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá á Aula CeMIT de Leiro para participar do inicio do obradoiro ‘Girl Steam’; unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e fomentar a presenza das mulleres nas carreiras Steam. Manuel Pardo estivo acompañado polo alcalde, Francisco José Fernández e pola directora da Aula CeMIT, Alicia Vázquez.
O delegado territorial sinalou que se trata de impulsar actividades desde idades temperás dirixidas a rapazas e rapaces para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM a través de obradoiros prácticos, onde aprender e experimentar coa tecnoloxía, coa finalidade principal de fomentar o talento e espertar vocacións tecnocientíficas.
Manuel Pardo explicou que na provincia de Ourense desenvolverase esta actividade tamén no concello de Celanova os vindeiros 31 de xullo e 12 de agosto; en total 14 concellos de toda Galicia. Cada concello contará con dúas quendas por idade, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Participan 15 rapaces e rapazas de entre 8 a 11 anos, que se achegarán ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Para o representante do Goberno galego trátase de impulsar actividades de mentorado desde idades temperás dirixidas ás rapazas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas) e apostar por profesións do ámbito TIC.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como a igualdade, o sentido crítico ante a tecnoloxía e o uso creativo da mesma, a colaboración, o traballo en equipo e a importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
Esta actividade enmárcase no Convenio de colaboración de carácter anual entre a Amtega e o CPETIG co obxectivo de estimular o talento no ámbito das TIC e espertar vocacións tecnocientíficas.
Esta actuación forma parte do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, que conta cun eixe especificamente dirixido a impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado, prestando especial atención á fenda de xénero.
Así, cada ano, o catálogo de actuacións do Plan DigiTalent conta con iniciativas destinadas a todos os públicos, entre as que destacan as accións lúdico-formativas e as experiencias inmersivas como o Programa Tecnólog@ por un día ou o Programa Tech Kids, impulsado en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Con estas actividades, búscase espertar o interese dos máis cativos nas disciplinas científico-tecnolóxicas e nas novas profesións dixitais; ao tempo que se pon en valor o rol que xoga o talento feminino no sector TIC, promovendo o aumento da taxa de mulleres nos novos desenvolvementos dixitais.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no municipio para manter un encontro co alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.
Manuel Pardo, despois de repasar asuntos de interese mutuo para as dúas administracións e avaliar posibles vías de colaboración, trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello de Leiro”.
O Concello de Noia acolleu hoxe a primeira xornada de Enredando Tour, a iniciativa impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e Cruz Vermella para facilitar a capacitación dixital da sociedade e reducir fendas no uso da tecnoloxía. Ata o mes de setembro, Enredando Tour percorrerá un total de 20 localidades galegas cun programa formativo itinerante, orientado especialmente a persoas de 55 anos ou máis.
Esta xornada de arranque contou coa visita do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño; do vicepresidente de Cruz Vermella en Galicia, Andrés Ríos e da a responsable da Unidade de Innovación de Cruz Vermella en Galicia, Trini de Lorenzo.
O responsable da Axencia autonómica lembrou que unha das prioridades das políticas tecnolóxicas da Xunta é consolidar unha “sociedade dixital e inclusiva” e neste sentido destacou o “papel da Rede CeMIT, redución da fenda dixital nos tramos de idade nos que era máis acusada en Galicia”. Os últimos datos do INE sinalan que preto do 68% os galegos e galegas de 65 a 74 anos empregan internet de xeito habitual, unha porcentaxe que no 2020 non chegaba ao 50%.
O Enredando Tour percorrerá de novo Galicia cunha furgoneta equipada con diferentes dispositivos tecnolóxicos e ofrecerá obradoiros impartidos por persoal especializado e voluntariado de Cruz Vermella que se desenvolverán de 10 a 14 horas para mellorar habilidades básicas como aprender a navegar por internet, ter unha conta de correo, enviar mensaxes ou facer videochamadas.
Ademais, nesta edición incorpóranse novos contidos sobre aplicacións que empregan intelixencia artificial e conceptos como a realidade inmersiva (para o que poderán probar lentes de realidade virtual). Por outra banda, realizaranse sesións dedicadas de maneira específica á banca dixital e á ciberseguridade, que serán en horario de tarde, de 17 a 18:30 horas.
En cada unha das localidades realizarase un sorteo especial dun portátil ou unha tableta entre os participantes dos talleres. As persoas interesadas nas actividades de Enredando Tour poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
A ruta comezou hoxe en Noia e continuará polas provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra facendo paradas en Padrón, Ponteceso, Oleiros, Curtis, Castro de Rei, Becerreá, Samos, O Incio, Abadín, Cartelle, O Irixo, Pereiro de Aguiar, Viana do Bolo, Monterrei, Marín, Moaña, A Estrada, Ponteareas e Mondariz.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ten entre os seus obxectivos o de facilitar á cidadanía a adquisición de competencias dixitais e reducir a fenda de acceso aos servizos dixitais por parte dos colectivos máis vulnerables. Estes obxectivos están recollidos no Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, no que se enmarca a actividade da Rede de Aulas CeMIT e esta actuación en colaboración con Cruz Vermella.
Cruz Vermella Española, que celebra este ano o seu 160 aniversario, conta con máis de 254.000 persoas voluntarias que dan resposta en 1.263 municipios, o que permite atender anualmente a máis de 11,8 millóns de persoas. Todo iso co apoio de 1,3 millóns de persoas socias, empresas e alianzas en todos os sectores da sociedade.
A Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que se atopa en fase de consulta previa ao trámite parlamentario, avanzará na dotación de seguridade xurídica para favorecer a implantación de sistemas intelixentes que melloren a eficacia dos servizos da Administración, segundo destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.
Cerviño participou nunha mesa redonda sobre “IA xenerativa: primeiras leccións aprendidas e expectativas, agora que?” no marco do Encontro da Toxa Transformación dixital e IA. O director da Axencia anunciou durante a súa intervención a posta en marcha de proxectos piloto de IA xenerativa en ámbitos como a Asesoría Xurídica, Intervención ou Facenda pública. Estes casos de uso van dende sistemas de busca e clasificación de documentos ata asistentes de conversación.
Para o director da Axencia autonómica, ademais da seguridade xurídica, o principal reto é gañar en eficacia e eficiencia, ademais de proporcionar unha atención personalizada, regular a planificación e gobernanza da IA a través da lei, e avanzar cara á soberanía tecnolóxica. Neste sentido, destacou a importancia da sustentabilidade financeira dos sistemas que se poñan en marcha, así como a súa adaptación ás necesidades específicas da Administración galega.
Na súa intervención, Julián Cerviño tamén destacou a importancia das medidas de impulso no uso da IA recollidas na lei que se está a tramitar, como os incentivos económicos ou fiscais para empresas e profesionais. O obxectivo é atraer investimentos e promover a creación e retención de talento a través da FP e da Universidade. Por último, referiuse tamén á importancia de manter os esforzos para a capacitación actualizada da cidadanía.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou abrir o prazo de consulta pública do anteproxecto de Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA) en Galicia que establece o marco xurídico para facilitar a adopción desta tecnoloxía na Administración xeral da comunidade e no seu sector público de xeito seguro, fiable e centrado na cidadanía. “A previsión é remitir a lei ao Parlamento en setembro”, indicou.
Con esta lei, Galicia sitúase á vangarda das rexións europeas para dispoñer dunha IA segura que salvagarde os dereitos das persoas, que mellore a eficacia da Administración na súa relación coa cidadanía e que impulse o desenvolvemento desta tecnoloxía no ecosistema dixital galego e no tecido produtivo da Comunidade. “Galicia vai ser a primeira comunidade en regular por lei o uso da intelixencia artificial”, indicou Rueda.
A futura normativa, segundo explicou o presidente, ten dúas finalidades. Por unha banda, “dar seguridade á cidadanía e as empresas” sobre que se vai garantir “un uso seguro e ético” da IA e, por outra, “atraer investimentos vencellados a este eido”.
Tal e como explicou o presidente, a futura lei “garante que un ser humano supervise os procedementos en que se empregue a intelixencia artificial” sempre que o requiran. Ademais, os sistemas de IA empregados no sector público autonómico deberán ser auditables, rastrexables e entendidos por todas as persoas e estarán accesibles nun rexistro público, que recollerá toda a información do seu ciclo de vida, desde o deseño ata a desactivación.
O anteproxecto tamén recolle “a creación da figura do comisionado en IA”, que será a persoa encargada de velar polos intereses da cidadanía e os valores éticos dos sistemas.
O emprego da Intelixencia artificial estará orientado a ofrecer unha atención personalizada que teña en conta as circunstancias e necesidades de cada persoa, sen prexuízos. A regulación da IA en Galicia facilitará o achegamento da Administración á cidadanía e a igualdade de oportunidades nas áreas rurais, axudando a rachar coa fenda territorial e achegar as novas tecnoloxías ás galegas e aos galegos vivan onde vivan.
Ademais o anteproxecto recolle o dereito da cidadanía a recibir explicacións sobre decisións ou recomendacións tomadas polos sistemas de IA e a exixir a intervención dun empregado público no proceso. A Xunta probará e asegurará a eficacia e seguridade dos sistemas antes de implantalos na Administración.
Os proxectos de IA serán seguidos pola Oficina de Intelixencia Artificial, de nova creación, que coordinará a elaboración e actualización de guías para o uso de sistemas de IA e asesorará de forma continua sobre as tendencias en IA que permitan definir e desenvolver iniciativas innovadoras en Galicia.
Ademais, a futura lei establece a creación do Consello Galego de Intelixencia Artificial, un foro estratéxico, máximo órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento nesta materia formado por membros da Administración autonómica, as universidades, os colexios profesionais e o sector tecnolóxico.
A lei recollerá, tamén, unha serie de medidas para consolidar Galicia como rexión de referencia en Europa en IA. A Comunidade contará cunha serie de apoios económicos específicos para as empresas tecnolóxicas que fomenten o seu desenvolvemento. Ademais, a Xunta creará programas de incubación, aceleración e consolidación de empresas emerxentes de IA. Abre, ademais, o camiño para que a Xunta poña ao dispor das pemes ferramentas de auto-diagnose gratuítas sobre sistemas de intelixencia artificial.
Tamén se fomentará o investimento empresarial en solucións de intelixencia artificial e fondos de apoio á I+D+i neste ámbito. A lei prevé que poidan ser declarados de interese autonómico proxectos de IA adaptados ás necesidades de desenvolvemento rexional. Así mesmo, impulsarase a posta en marcha de factorías rexionais de intelixencia artificial arredor das infraestruturas do Centro de Supercomputación de Galicia.
No ámbito da capacitación, a Administración autonómica impulsará programas de apoio á formación do tecido produtivo, así como formación específica en IA para mellorar o horizonte laboral das persoas desempregadas e o apoio á formación universitaria para favorecer a creación e retención de talento.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza un novo ciclo de obradoiros Girl STEAM en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), co obxectivo de dar visibilidade ao rol da muller no eido tecnolóxico e a presenza das mulleres nas carreiras STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería, Artes e Matemáticas), así como espertar vocacións tecno-científicas entre as rapazas.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT de 14 concellos de toda Galicia. Este novo ciclo de obradoiros dará comezo este luns 8 na aula CeMIT de Moaña. Posteriormente haberá obradoiros en Arzúa, Leiro, Betanzos, Cuntis, Brión, Poio, Celanova, Vigo, Ortigueira, Quiroga, Santa Comba, Valga e Guitiriz. Adicionalmente, os días 5 e 6 de setembro tamén se celebrará un obradoiro no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura.
Cada concello contará con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Nos obradoiros achegarase ao alumnado ao funcionamento das placas micro:bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenderán a identificar as súas principais funcións e a programalas con diferentes comandos. Traballarase en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continuarase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.
8 de xullo: Moaña – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
12 de xullo: Arzúa – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
15 de xullo: Arzúa – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
16 de xullo: Leiro – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
17 de xullo: Leiro– Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
18 e 19 de xullo: Betanzos– Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
18 e 19 de xullo: Betanzos– Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
22 de xullo: Cuntis – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
23 de xullo: Brión – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
24 de xullo: Cuntis – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
29 de xullo: Brión – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
30 de xullo: Poio – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
31 de xullo: Celanova – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
31 de xullo: Poio – Obradoiro Girl STEAM para a rapazada de 12 a 15 anos
5 de agosto: Vigo – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
6 de agosto: Vigo – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
8 e 9 de agosto: Ortigueira – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
8 e 9 de agosto: Ortigueira – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
12 de agosto: Celanova – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
13 de agosto: Quiroga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
14 de agosto: Quiroga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
16 de agosto: Santa Comba – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
19 de agosto: Moaña – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
20 de agosto: Santa Comba – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
21 e 22 de agosto: Valga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
21 e 22 de agosto: Valga – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
4 de setembro: Guitiriz – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
5 de setembro: Guitiriz – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos
5 de setembro: Centro Gaiás Tech – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 8 a 11 anos
6 de setembro: Centro Gaiás Tech – Obradoiro Girl STEAM para rapazada de 12 a 15 anos