Baixo o título Horizontes Dixitais, o Centro GaiásTech organiza o vindeiro 4 de xuño, unha xornada sobre os retos e oportunidades da transformación dixital nos sectores cultural, deportivo e turístico. O encontro, que terá lugar en horario de mañá na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, está dirixido á cidadanía e empresas e os interesados en asistir só precisan inscribirse na portal do GaiásTech.
A xornada estrutúrase en tres mesas redondas, unha por sector, ademais dun relatorio e unha demostración de olería orixinal. O CEO de Neuromobile, Raúl Serapio, recoñecido como uns dos 100 directivos máis creativos pola revista Forbes en 2022, será o encargado da conferencia inicial.
A primeira das mesas abordará a aplicación da tecnoloxía no sector cultural. Moderará a responsable de Comunicación, Marketing e Sostibilidade de El Pulpo, María Canle; e intervirán Paola Guimeráns da Aula STEAM E-textiles: O Arte en STEM; Ana Martínez, técnica do Museo Arqueolóxico e Histórico do Castelo de San Antón de A Coruña; e Juan Carlos Fasero, director Xeral de Innovacion, Tecnoloxía e IA no Concello de Ourense.
O debate sobre a transformación dixital no sector turístico será moderado por Ruth González, xefa de servizo de Turismo da Deputación Pontevedra; e nel participarán Andrés Martinez, CEO de Iurban, unha empresa que ofrece chatbots conectados a 95 idiomas; Esther Rodríguez Ramos de MyStreetBook, especializada no uso da Intelixencia Artificial para a creación de rutas especializadas; e José Troitiño de SH360, que proporciona servizos integrais de xestión hoteleira.
A mesa final centrarase na transformación dixital das empresas deportivas. Moderada por Julio César Bernárdez da Federación Galega de Baloncesto, contará coa participación de Carla da Silva, técnica de Innovación do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar; Tito Ramallo de ScoutYouPro, unha plataforma dixital para o seguimento e avaliación do rendemento dos deportistas; e de Miguel Álvarez de Kaantera, unha aplicación dixital de planificación e control da actividade deportiva para clubs e redes de academias.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) colaboran un ano máis no fomento das vocacións tecnolóxicas entre os máis novos e na capacitación dixital da cidadanía. Estas actuacións enmárcanse nun convenio asinado por ambas entidades e nas actuacións do Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital.
Este ano as actividades previstas abranguen a formación en programación Scratch; obradoiros para fomentar as vocacións STEAM, facendo foco especialmente nas rapazas; e actividades sobre o bo uso de internet para as familias. Está previsto que as diferentes sesións se desenvolvan entre xuño e outubro en colaboración coa Rede de Aulas CeMIT.
Unha das actividades previstas é o Scratch Day, un seminario dirixido a nenos e nenas entre 7 e 15 anos, que lles achega de forma lúdica e divertida ao mundo da programación e a contorna Scratch, para aprender a desenvolver videoxogos.
Os obradoiros Girl STEAM buscan dar visibilidade ao papel das nenas e as mulleres no ámbito tecnolóxico para fomentar a súa presenza nestas carreiras. Os obradoiros están dirixidos a dous grupos de idades, un de 8 a 11 anos e outro de 12 e 15 anos. Cada grupo de idade contará con dúas sesións de dúas horas de duración.
Finalmente, realizaranse sesións destinadas a familias nas que se amosarán ferramentas dinámicas para un mellor entendemento e achegamento ao uso das TIC por parte da rapazada. Nestes encontros abordaranse aspectos como os riscos dun mal uso da tecnoloxía, as bases dunha boa educación dixital, así como ferramentas e aplicacións de control parental.
Axentes TIC da Rede de aulas CeMIT e representantes de diferentes asociacións que traballan con persoas con diversidade funcional participaron hoxe na xornada A Rede CeMIT derrubando barreiras cara a inclusión dixital, organizada pola Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia (Amtega). O encontro, celebrado no Centro GaiásTech, tiña como obxectivo abordar o enfoque necesario para que o acceso á capacitación dixital das persoas con capacidades diversas sexa o máis efectivo e accesible posible desde esta rede de aulas públicas.
Na xornada participaron o director de Área de Sociedade Dixital da Amtega, Miguel Rodríguez, e a secretaria xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias, Patricia Vilán. Durante o encontro, os axentes TIC tiveron a oportunidade de coñecer o material inclusivo rotatorio recentemente adquirido para a Rede CeMIT e que consiste en pantallas táctiles, ratos tipo panca, controladores de queixo, conmutadores de rato, teclados de alto contraste amplificado, teclados adaptados con liña braille e brazos articulados universais.
Así mesmo, durante a actividade formativa, procedeuse á doazón de diversos obxectos impresos en 3D á Asociación Sarela, que traballa con persoas con dano cerebral adquirido, cos que se busca facilitar as tarefas cotiás de persoas con discapacidade tales como agarrar unha culler, atar as cordas dos zapatos ou extraer a pasta do tubo dentífrico.
Durante o transcurso da xornada tamén se fixo entrega dos Premios Axentes TIC da Rede CeMIT, na que se premiaron iniciativas dentro das categorías Espazo Maker e Maiores Dixitais. Estes premios buscan recoñecer o compromiso e o labor do persoal dinamizador da Rede.
Na categoría de Espazo Maker o primeiro premio foi entregado a Ana María Pérez Martínez, axente TIC da aula de Guitiriz, quedando en segundo lugar Víctor Manuel Galdo Gómez, axente TIC da aula de Cuntis. Así mesmo, dentro da categoría de Maiores Dixitais o gañador do primeiro premio foi José Manuel Rego López, axente TIC da aula de Castrelo de Miño, e o segundo premio recaeu en Laura Fernández Álvarez, axente TIC da aula de Celanova.
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega, que conta coa colaboración de 90 concellos. Ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das tecnoloxías entre a poboación -con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital-, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.
A Xunta de Galicia súmase ao obxectivo “Por unha intelixencia artificial comprometida cos dereitos dixitais” ao que se dedica o Día Mundial de Internet que hoxe conmemoramos e que para nós ten unha significación especial pola súa coincidencia co Día das Letras Galegas.
A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso coa salvagarda de todos os dereitos das persoas (incluídos os dixitais) ante o desenvolvemento e uso dunha intelixencia artificial que debe garantir a humanidade das decisións e actuacións, a súa legalidade, as liberdades individuais, a non discriminación e a seguridade e integridade das persoas.
Este compromiso estará reflectido na Lei que a Xunta está a preparar para regular o desenvolvemento e uso da intelixencia artificial na Administración Xeral de Galicia e no sector público autonómico; para garantir os dereitos das persoas ante a aplicación desta tecnoloxía nas súas relacións coa administración e para promover e incentivar a súa utilización en beneficio do benestar e xeración de riqueza.
Así, a lei galega será a primeira en recoñecer, para o ámbito do uso da intelixencia artificial, os dereitos de liberdade, de igualdade e de reacción. En concreto garantirá, entre os dereitos de liberdade, a obriga de proporcionar unha información completa e accesible, o establecemento duns criterios e controis para a toma de decisións, ou a creación de mecanismos de reclamación sobre as decisións adoptadas. Garantirá, así mesmo, os dereitos de igualdade e non discriminación, e os dereitos de reacción en cuestións como a protección de datos ou o dereito á revisión das decisións nas que interveña a intelixencia artificial.
A Xunta de Galicia reitera tamén a súa adhesión ao ‘enfoque europeo’ para o liderado no desenvolvemento dunha intelixencia artificial humanista e de confianza e felicita a aprobación do Regulamento Europeo de Intelixencia Artificial (AIA). Ao mesmo tempo, avoga porque os esforzos normativos sexan compatibles coas liberdades individuais e as necesidades de innovación para a competitividade, en liña co obxectivo dunha soberanía dixital europea.
Reiteramos tamén o compromiso para que as tecnoloxías de información e comunicacións e a intelixencia artificial sexan usadas para vertebrar e cohesionar o territorio, para avanzar na igualdade de oportunidades, para a saúde, a atención sanitaria e os servizos sociais, para a xeración de talento, emprego e riqueza e, en definitiva, para mellorar a calidade de vida da cidadanía de Galicia.
Os galegos e galegas de 16 a 44 anos superan a media estatal en competencias básicas e avanzadas. Á cabeza está o grupo de idade de 25 a 34 anos, no que a porcentaxe de capacitación dixital está no 93,2 %, 11 puntos máis que a media estatal. A continuación, está o tramo de idade de 16 a 24 anos, no que o 86,9 % dispón dese nivel de habilidades dixitais, 3 puntos por riba da media estatal, e en terceiro lugar, o 76,6 % dos galegos e galegas de 35 a 44 anos.
A partir dos 45 anos descende a porcentaxe de galegos e galegas con competencias dixitais, de forma leve ata os 54 anos, cunha diferencia de menos dun punto con respecto ao conxunto do Estado; e de forma máis acusada nos tramos de idade dos 55 a os 74 anos con diferencias que superan os 5 puntos.
Estes datos do Informe de “Competencias Dixitais da poboación galega 2023”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, apuntan á idade como un dos factores con máis peso na capacitación dixital da sociedade.
Segundo o documento, publicado hoxe, o 64,1 % dos galegos e galegas conta con competencias dixitais básicas e avanzadas, o que supón un crecemento de 2,4 en dous anos e a redución da fenda coa media estatal a 2,1 puntos. Estas cifras sitúan a Galicia na sétima posición da clasificación estatal en competencias dixitais básicas e avanzadas e 8,5 puntos por riba da media europea, que está no 55,5 %.
O informe sinala que o 36 % dos galegos posúe competencias dixitais avanzadas nas cinco áreas que establece o indicador de competencias dixitais, é dicir, que mais dun terzo dos galegos e galegas dispoñen de nivel avanzado de habilidades dixitais na obtención de información e alfabetización, comunicación, creación de contidos, resolución de problemas e seguridade. Outro dos datos destacados do informe é que, nos últimos dous anos, reduciuse nun 20 % a porcentaxe de galegos que non emprega internet.
Xunto coa idade, a formación é tamén un dos factores determinantes no nivel das habilidades dixitais. O 90,3 % dos galegos e galegas con grao universitario dispoñen de competencias dixitais básicas e avanzadas fronte ao 87,7 % da media estatal; así como o 73,1 % galegos que teñen cursado o bacharelato, a 3 puntos da media estatal. Ademais, a porcentaxe de estudantes galegos con estas habilidades sitúase no 94,7 % fronte ao 86,4 % do estudantes do resto do Estado.
Por áreas competenciais, Galicia sitúase a unha importante distancia da media europea en todas as dimensións e reduce distancias coa media estatal. Máis do 86 % dos galegos posúe competencias dixitais básicas ou avanzadas na busca de información e comprobación de datos; preto do 91 % da poboación galega conta cun nivel básico ou avanzado na comunicación a través de internet: preto do 85 % dos galegos dispón destes niveis de habilidades para a resolución de problemas e o 76,6 % contan con capacidades básicas ou avanzadas en materia de seguridade. A creación de contidos dixitais é a área menos estendida en Galicia cun 71,5 % de galegos con competencias neste ámbito.
O nivel de competencias dixitais é o principal indicador de dixitalización dos cidadáns, utilizado como referente básico en toda a Unión Europea dende 2015. Elabórase a partir do Marco de Competencias Dixitais para o Cidadán.
A Estratexia Galicia Dixital 2030, que está a desenvolver a Xunta, asume o obxectivo definido pola Comisión Europea de facilitar a capacitación dixital á cidadanía para que poida desenvolverse a nivel persoal, participar no conxunto da sociedade como cidadáns activos, utilizar os servizos públicos e exercer os seus dereitos básicos.
Para facilitar este obxectivo Galicia aprobou un Marco Galego de Competencias Dixitais que permitirá aos galegos e galegas acreditar as súas habilidades dixitais ante calquera instancia. Ademais, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia está a desenvolver un Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas públicas CeMIT, con dotación de novo material innovador e un reforzo da formación en tecnoloxías Innovadoras.
A Rede CeMiT, integrada por 96 aulas e con preto de 115.000 usuarios, é un dos instrumentos principais na capacitación dixital da sociedade galega, e xunto coa mellora da conectividade grazas aos diferentes plans de banda larga impulsados pola Xunta entre 2010 e 2020, tivo un papel fundamental no obxectivo de converxer con Europa na dixitalización de Galicia.
Os últimos datos do INE sinalan que preto do 93 % dos fogares galegos contan con Internet contratado e máis do 92 % dos galegos emprega internet. Galicia creceu naqueles indicadores nos que partía con desvantaxe, como no acceso á internet nos tramos de idade máis elevados ou na contratación deste servizo nos concellos de menor tamaño.
Hoxe, preto do 70 % dos galegos e galegas de entre 65 e 74 anos empregan internet, fronte ao 53 % de 2020. Entre a poboación máis nova, por debaixo dos 35 anos, o uso de Internet é practicamente universal, nuns valores moi similares ao dos do conxunto do Estado.
Por hábitat, nos concellos de menos de 10.000 habitantes os fogares con conexión a internet superan o 91 %; nos de 10.000 a 20.000 a porcentaxe acada o 93 %; nos de 20.000 a 50.000 sitúase en preto do 95 % e nos de 50.000 a 100.000 habitantes o 100% dos fogares dispoñen de conexión a internet.
Galicia será a primeira comunidade autónoma en ter unha lei propia que regule a intelixencia artificial (IA). Trátase dunha norma que garantirá o bo uso desta tecnoloxía na Administración, pero tamén protexerá os dereitos da cidadanía e promoverá a súa aplicación por parte tanto da sociedade como do tecido produtivo. O texto está a punto de levarse ao Consello da Xunta para pasar despois ao Parlamento e constituirá a primeira lei rexional europea para o desenvolvemento e implantación da IA na Administración.
Así o puxo de manifesto hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, no II Foro Empresa e Inteligencia Artificial de A Coruña: La IA es una oportunidad, no un peligro, onde recoñeceu que é preciso ser conscientes dos riscos desta nova tecnoloxía se se aplica sen ningún tipo de control, polo que é prioritario establecer unhas regras básicas que garantan o respecto aos dereitos das persoas.
Porén, Corgos admitiu que tamén é importante atopar un equilibrio entre o control e a liberdade do mercado, para non por freo á innovación, xa que é o único xeito de que a IA poida acadar os obxectivos de mellorar a calidade de vida e o benestar dos cidadáns e, tamén, crear riqueza.
Galicia identificou axiña a importancia das tecnoloxías da información e das telecomunicacións, porque achegan ás persoas e os territorios e permiten unha mellor vertebración en comunidades como a galega, con tanta dispersión territorial. Polo que, ben aplicadas, as novas tecnoloxías contribúen a unha maior igualdade de oportunidades.
No caso da IA, Galicia é unha das primeiras comunidades en desenvolvela cunha visión estratéxica, a través da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que marca a folla de ruta para orientar a tecnoloxía ao servizo da cidadanía e da xeración de riqueza.
As actuacións enmarcadas no proxecto do Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade do Programa Retech, no que Galicia lidera o ámbito relacionado co transporte intelixente, será un dos argumentos da IV edición do Encontro do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal. Este evento de referencia sobre seguridade da información terá lugar os vindeiros días 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura, cunha xornada previa o 3 de outubro en Ourense.
O Encontro reunirá a expertos, empresas nacionais e internacionais, entidades locais e á cidadanía, para acordar os retos e oportunidades da seguridade no entorno dixital. Está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría informática de Galicia (CPEIG).
Entre outros, contará coa participación do experto en ciberseguridade, Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles, atópase o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que traerá á Cidade da Cultura un ‘road show’ e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos. Acollerá actividades como unha ‘escape room’ e áreas de xogos.
O programa do evento estará dirixido tanto a empresas tecnolóxicas como ao tecido empresarial no seu conxunto, así como para empregados públicos, profesionais da ciberseguridade e á sociedade galega.
Ademais, no marco do encontro, o Nodo CIBER.gal organizará unha xornada sobre ciberseguridade o 3 de outubro no Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole, en Ourense. Esta xornada está dirixida ás empresas e ao sector da innovación e investigación tecnolóxicas. O seu obxectivo é achegar ás empresas galegas as últimas tendencias en ciberseguridade. Un dos asuntos principais da xornada serán as iniciativas sobre ciberseguridade no transporte intelixente do proxecto do Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade do Programa Retech. No centro participan, ademais de Galicia, as comunidades de Cataluña e Valencia.
Así mesmo, a Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, traballa xa na renovación co convenio do Nodo CIBER.gal, que estenderá a súa vixencia catro anos máis e reforzará o ecosistema xerado ata hoxe, conformado por máis de 50 entidades adheridas.
O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos na Comunidade. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), “O Sector TIC en Galicia 2023”, publicado hoxe.
O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados. O valor engadido bruto (VEB) das empresas tecnolóxicas galegas en 2021 (último dato dispoñible) foi de máis de 1.753 millóns de euros, o 2,7% do PIB galego.
Crece preto dun 8% a porcentaxe de traballadores con titulación universitaria STEM (especialidades formativas de Ciencias Naturais, Tecnoloxías, Enxeñarías, Informática e Matemáticas), nas empresas tecnolóxicas galegas, que pasa dun 39,3% a un 42,4%.
Aínda así, o 78,8% das empresas TIC galegas considera difícil ou moi difícil contratar novo persoal con formación en especialidades STEM.
O emprego das tecnoloxías innovadoras no sector tecnolóxico está encabezado pola Internet das Cousas (IoT) cunha porcentaxe do 36,5%. O Big Data ocupa xa o segundo lugar, cunha presenza do 35%, seguido da Intelixencia Artificial, que é empregada polo 29,5% das empresas TIC galegas.
Por outra banda, o 27,5% das tecnolóxicas galegas fai uso ou incorpora aos seus servizos recursos de Business Intelligence, un 24,8% emprega Chatbots e máis do 11% utilizou a impresión 3D no 2023.
Respecto á ciberseguridade, cómpre destacar o crecemento de empresas TIC galegas que oferta produtos ou servizos de ciberseguridade, que no ano 2023 foi do 27,6% (cun incremento do 12,2% respecto ao ano anterior).
O 32,6% de empresas TIC venden os seus produtos a través do comercio electrónico no último ano, cun crecemento relativo do 21,2% sobre o ano anterior.
No 2023, o peso das vendas a través do comercio electrónico respecto ao volume de negocio das empresas TIC representou o 53,7%.
Novamente, no 2023, a fibra óptica é a tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada polas TIC galegas. As empresas que contratan esta tecnoloxía incrementáronse nun 3,5 puntos porcentuais e acadan unha porcentaxe do 76,1%.
Tamén se mantén a velocidade no último ano, cun 83,4% de empresas TIC con velocidade de conexión igual ou superior a 100 Mbps.
Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.
Galicia recibiu o ofrecemento para formar parte dunha rede europea de rexións destacadas pola implantación temperá da intelixencia artificial, segundo destacou o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, tras reunirse nos dous últimos días con diversos representantes da UE.
Julián Cerviño presentou na capital comunitaria os avances da lei galega de intelixencia artificial, así como as principais actuacións de Galicia para a promoción desta tecnoloxía. Reuniuse con representantes do Parlamento, do Comité das Rexións, da Comisión e da Representación Permanente de España ante a UE. Estivo acompañado pola directora da Oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos.
No marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 que promove a especialización da nosa comunidade en tecnoloxías de alto impacto, a delegación galega reafirmou ante os representantes europeos a súa vocación de consolidarse como unha rexión de referencia en intelixencia artificial. Esta aspiración arguméntase en actuacións como a preparación da primeira lei rexional europea para o desenvolvemento e promoción da IA, a atracción cara a Galicia da Axencia Estatal de Supervisión de IA, a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial ou a creación dunha Comisión de expertos para o asesoramento no desenvolvemento e uso ético da intelixencia artificial na nosa comunidade.
Despois dun encontro co conselleiro de Axenda Dixital da Representación Permanente de España ante a UE, Miguel Valle, a representación galega reuniuse o martes co director de Desenvolvemento Lexislativo do Comité das Rexións, Thomas Wobben.
Foi nesta xuntanza na que Galicia recibiu a proposta de formar parte dunha rede pioneira de rexións europeas que apostan pola especialización en intelixencia artificial, así como de participar en actuacións para compartir casos de éxito e presentacións de relatorios sobre esta materia. Wobben foi informado sobre os avances na tramitación da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial de Galicia, que será presentada para a súa aprobación no Parlamento autonómico antes do verán.
Julián Cerviño reuniuse esta mañá co eurodeputado Axel Voss, responsable do informe da comisión especial sobre Intelixencia Artificial na Era Dixital do Parlamento Europeo, que estableceu o calendario para a tramitación do regulamento europeo de IA (IA Act). No encontro tamén participaron os deputados Francisco Millán e Pilar del Castillo. Axel Voss informou á delegación galega sobre as implicacións rexionais e o alcance da IA Act, recentemente aprobada.
As sesións de traballo en Bruxelas remataron esta tarde cun encontro co responsable de políticas de Desenvolvemento da Intelixencia Artificial e Coordinación da Dirección Xeral de Sociedade da Información e Medios de Comunicación da Comisión Europea, Martin Ulbrich.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de publicar o Plan de Acción en Software Libre 2024 para promover o seu uso e reutilización na administración pública, impulsar unha oferta de solucións libres e de calidade para as empresas, e incrementar o uso e coñecemento do software libre por parte da sociedade.
O plan abrangue, entre outras, actividades que van dende a tradución de Software Libre; a organización de xornadas, cursos e obradoiros; o fomento do software libre en proxectos de cooperación ou solidariedade social; a introdución á robótica educativa, con software e hardware libre e a formación en Software Libre, nas Universidades.
Boa parte destas actuacións desenvólvense en colaboración cos principais axentes do ecosistema de software libre galego: a Asociación Galega de Empresas de Software Libre (AGASOL); as Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre (AGUSL); e o Consorcio para o desenvolvemento de aplicacións Informáticas de Xestión Universitaria de Galicia (CIXUG), integrado polas tres universidades galegas.
No ámbito da administración, o plan contempla a promoción e o emprego de tecnoloxías libres en proxectos de calado; e mantén o compromiso de liberación de novas solucións tecnolóxicas desenvolvidas pola administración pública galega, para facilitar a súa reutilización.
A Oficina de Software Libre seguirá sendo o punto central de coordinación e dinamización de todas estas iniciativas. E, tamén, o punto de contacto para resolver calquera cuestión relacionada neste ámbito.
No eido empresarial, as actuacións irán dirixidas a promover o uso de solucións libres de calidade que permitan ás empresas mellorar en eficacia e competitividade. Entre outras medidas, incrementarase a oferta de solucións do servizo de proba de aplicacións na nube (apeiria.mancomun.gal), que permite ás empresas galegas acceder de balde a instalacións de proba de diferentes ferramentas de software libre, para avaliar se cobren as súas necesidades.
Tamén, se fará especial fincapé na difusión das boas prácticas da corrente InnerSource entre as empregas galegas, co obxectivo de mellorar os seus procesos apoderándose das técnicas de xestión dos proxectos de software libre.
Entre as iniciativas dirixidas á cidadanía, seguiranse potenciando as tecnoloxías libres dentro dos programas de alfabetización e capacitación dixitais da Rede de aulas CeMIT. O portal Mancomún seguirá sendo o punto central de difusión e información e incorpora a sección Axenda, un calendario centralizado con todas as actuacións relacionadas co software libre en Galicia.
Así mesmo, como xa vén sendo habitual, desde Mancomún seguiranse a impulsar diferentes actividades orientadas a poñer en valor o destacado papel das mulleres na tecnoloxía, para crear referentes que potencien as vocacións nas nenas galegas cara ao ámbito tecnolóxico. Todas estas iniciativas agrúpanse baixo o lema MulleresEnTech.
Xunto co plan 2024 publícase, tamén, o balance das actuacións de fomento do software libre desenvolvidas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e en colaboración cos distintos axentes durante o ano 2023, no que se levaron a cabo máis de 80 actividades nas que participaron máis de 2.800 persoas. A repercusión internacional da actividade da Oficina de Software Libre fixo que se publicase un especial sobre Mancomún, no portal europeo JoinUP, e varias aparicións no newsletter de InnerSource Commons.
O portal Mancomún seguiu a ser o punto de referencia sobre o software libre en Galicia, publicando máis de 400 novas ao longo do ano, artigos técnicos especializados, pílulas en formato vídeo, ou os diferentes programas do podcast de Mancomún. Renovouse o repositorio documental que conta xa con máis de 330 entradas e máis de 180 solucións TIC de software libre.