O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA), que converterá “Galicia na primeira rexión europea en regular por lei o uso” desta tecnoloxía. “O obxectivo é garantir que os sistemas de intelixencia artificial que se utilizan na comunidade son fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas”, resaltou.
A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de nesgos, seguridade ou privacidade.
Entre os principios éticos reitores, destaca tamén o principio de reserva da humanidade e de revisión humana, principio de fiabilidade e de responsabilidade e o principio de avaliación de impacto nas persoas, na sociedade e no ambiente. Garantirá, así mesmo, os dereitos de liberdade, igualdade e reacción fronte ao deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial, así como o exercicio dos dereitos da cidadanía.
Coa tramitación desta lei, a Xunta avanza no seu compromiso de aprobar entre 2020 e 2024 a normativa necesaria para facilitar a incorporación de tecnoloxías dixitais de alto impacto, de acordo co obxectivo da Estratexia Galicia Dixital 2030 de especialización tecnolóxica e atracción de investimentos e talento dixital.
Ademais, tamén responde, así mesmo, á petición unánime do Parlamento de Galicia para impulsar as actuacións necesarias para que Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia adopten, como marco de actuación, o establecido polo Regulamento europeo de intelixencia artificial, previamente á súa entrada en vigor prevista para o ano 2024, así como o desenvolvemento da normativa necesaria para a aplicación da IA no sector público autonómico.
Tal e como explicou o presidente, un dos principais obxectivos da futura normativa é “garantir o uso eficaz, eficiente, ético e seguro da IA na administración autonómica”. Para iso, asegurou que os sistemas IA que se usen neste eido “estarán supervisados por unha Comisión” que vele porque o seu funcionamento “sexa axeitado desde o punto de vista económico, ético e xurídico”. Ademáis haberá un rexistro sobre a tecnoloxía IA que utiliza a administración e “a cidadanía sempre estará informada” sobre o grao de participación da intelixencia artificial “nos actos administrativos e na toma de decisións”.
E, por outra banda, a Lei tamén busca “aproveitar a oportunidade que a IA supón para o tecido socioeconómico galego”. Para iso, Rueda explicou que vanse ofrecer “axudas económicas e incentivos fiscais” para “promover o uso responsable” desta tecnoloxía nas empresas e a Xunta facilitará ao sector privado “códigos de conducta ou ferramentas de autodiagnose” sobre o uso desta tecnoloxía.
A proposta que foi levada hoxe ao Consello para ser remitida ao Consello consultivo pretende recoller os aspectos normativos da lei en catro apartados (títulos) sobre gobernanza e planificación, identificación e avaliación, uso da IA polo sector público, e medidas para o impulso da IA en Galicia.
No título primeiro indicaríanse as competencias das persoas e dos distintos órganos de xestión pública, así como dos órganos de fiscalización e avaliación. Tamén regula as áreas de colaboración e inclúe aspectos relacionados coa planificación e a xestión. O título segundo abordaría cuestións como o procedemento e criterio para a identificación e avaliación de sistemas de intelixencia artificial, así como para a súa adquisición, desenvolvemento e implantación na Administración autonómica.
Pola súa banda, o título terceiro regularía o uso dos sistemas de IA por parte da Administración xeral e o sistema público autonómico de Galicia, así como aspectos relacionados cos códigos de conducta, guías ou ferramentas de autodiagnose ao servizo dos operadores privados. E o título cuarto abriría as portas a promover o uso da IA ética e fiable entre as empresas así como a colaboración entre administracións a través dos ecosistemas Gobtech.
A norma busca aumentar a confianza da cidadanía nesta tecnoloxía e garantir que os sistemas de IA sexan fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas. Ademais, consolida Galicia como un lugar idóneo para o investimento empresarial no sector da intelixencia artificial.
Ao mesmo tempo, impulsará a implantación e uso de sistemas de intelixencia artificial seguros, eficientes e de calidade nas empresas galegas, en particular, nas pemes, promovendo a súa mellora competitiva.
A redacción da proposta estará coordinada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. A Axencia promoverá unha comisión de redacción da que formarán parte a Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, a Secretaría Xeral da Presidencia e a Consellería de Facenda e Administración Pública, por medio da súa Secretaría Xeral, da Intervención Xeral e da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa. Haberá tamén grupos de traballo nos cales participarán, entre outros, a Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Tamén serán tidas en conta as achegas de profesionais, entre eles os integrantes da Comisión de Expertos para o Asesoramento no Desenvolvemento e Uso Ético da IA de Galicia, recentemente constituída.
Está previsto que o texto poida ser remitido ao Parlamento para a súa tramitación no primeiro período de sesións de 2024.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel fundamental da rede pública de aulas CeMIT para acadar unha transformación dixital inclusiva.
Durante unha visita á aula CeMIT de Moaña, acompañado polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, o conselleiro referiuse ao ciclo formativo básico en Intelixencia Artificial que remata hoxe nesta aula, como exemplo da aposta da Xunta para que todos os galegos, independentemente da súa idade, formación e lugar no que vivan, poidan sacar o máximo proveito das tecnoloxías. Este ciclo formativo básico en IA contou con máis de 220 participantes.
Miguel Corgos puido constatar o interese que este tipo de formación esperta entre a cidadanía e recordou que o Plan de reforma e ampliación da Rede que se está a levar a cabo facilita tanto unha formación máis adaptada ás novas demandas tecnolóxicas como unha actualización das tecnoloxías innovadoras nas aulas, con 1.300 novos dispositivos, entre impresoras 3D, kits de programación e drons.
Así mesmo, subliñou que no primeiro trimestre de 2024 completarase a renovación de todo o equipamento, coa substitución de máis de 1.300 ordenadores, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tabletas, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.
Con 94 aulas distribuídas por toda a Comunidade, máis de 113.000 usuarios rexistrados e 500.000 horas de formación planificadas desde a súa posta en marcha en 2011, o conselleiro de Facenda e Administración Pública fixo fincapé no labor da rede CeMIT e a súa contribución a que Galicia crecese naqueles indicadores de dixitalización nos que tiña os niveis máis baixos, como o uso da internet nas franxas de idades máis elevadas.
Así, segundo os últimos datos do Observatorio para a Sociedade da Información e da Modernización de Galicia, só entre 2021 e 2022, preto de 10.000 persoas maiores de 75 anos incorporáronse ao uso de internet. Un dato que se reflicte tamén nos máis de 5.400 fogares con residentes maiores de 74 anos, que contrataron internet no último ano.
Miguel Corgos puxo a Rede CeMIT como exemplo da importancia da colaboración entre administracións, en beneficio da cidadanía e, nesa liña, explicou que acaba de remitirlle unha carta ao novo ministro de Transformación Digital, José Luis Escrivá, para expresarlle a máxima colaboración institucional por parte da Xunta de Galicia e lembrarlle algúns dos temas comúns a abordar.
Neste sentido, solicitóuselle que nas convocatorias que vaia desenvolver se fixen obrigas de cobertura por comunidades autónomas, tanto en actuacións de rede fixa como móbil como de cobertura fóra dos núcleos de poboación, en especial en zonas de importante tránsito de persoas, con especial interese nas distintas rutas do Camiño de Santiago.
E tamén lle reiterou o interese da Xunta en formar parte do Consejo Rector da futura Agencia Española de Supervisión de Inteligencia Artificial, pois supón unha oportunidade para achegar a experiencia acumulada e coñecementos neste eido de Galicia, así como un compromiso firme para promover un ecosistema de Intelixencia Artificial que sexa beneficioso para toda a cidadanía.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación do prazo de solicitude dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal ÚNICO. O prazo rematará o 15 de decembro de 2023, un mes máis do previsto inicialmente co fin de facilitar o acceso ao bono a todos os interesados.
O obxectivo desta iniciativa é facilitar a persoas ou familias vulnerables a contratación ou mellora da conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30Mbps, cunha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses cun máximo de 240 euros.
Esta é a segunda convocatoria dos bonos dixitais. Publicada no DOG o pasado 18 de xullo de 2023, e conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea. A previsión é acadar nesta segunda convocatoria arredor de 5.600 beneficiarios.
En base ao especificado pola Unión Europea na súa decisión para a aprobación destas axudas, o uso do bono para a mellora de velocidade só será válido naqueles casos nos que a velocidade contratada actualmente sexa inferior a 30Mbps.
As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a internet e cuxa renda anual (per capita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou risco de exclusión social.
O bono social forma parte das iniciativas predefinidas polo Goberno de España no marco do programa estatal Único, que compromete ao Estado a acadar o obxectivo europeo de que o 100% da poboación teña acceso a servizos de banda larga de polo menos 100 Mbps en 2025.
As iniciativas predefinidas para todas as comunidades autónomas apenas suman algo máis do 9% do orzamento do que dispón o Estado para acadar este obxectivo (Galicia soamente xestiona un 0,5% dese orzamento, e faino con esas iniciativas xa establecidas).
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a importancia da concienciación dixital na sociedade para crear un territorio conectado e seguro.
Así o salientou esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago durante a súa participación na apertura da segunda xornada do III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, ao cal se referiu coma un referente pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos –tanto profesionais do sector como á sociedade–, así como pola súa capacidade para reunir a expertos, patrocinadores e colaboradores de renome. Nesta III edición de CIBER.gal rexistrou máis de 2.800 asistentes, presenciais e en streaming.
Neste sentido, manifestou o compromiso da Xunta de Galicia a favor da protección de datos e da divulgación sobre os perigos que entraña navegar na Rede. Proba disto, é o impulso hai máis de tres anos do Nodo CIBER.gal –impulsado polo Goberno galego en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)– como espazo de colaboración público-privado e no cal se inclúen as xornadas destes días no Gaiás.
Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, foi o encargado de clausurar o encontro, no que destacou que a Xunta destinará en 2024 un total de 18 millóns de euros á ciberseguridade, en torno a un 30% máis que en 2023. O responsable da Axencia autonómica subliñou o esforzo da Comunidade para situarse á vangarda nesta tecnoloxía como unha das liñas de actuación da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Durante o encontro, o conselleiro mantivo un encontro cos finalistas da terceira edición do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, un certame enmarcado no CIBER.gal que busca concienciar aos máis pequenos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.
Nesta terceira edición resultaron gañadores os centros CPR Plurilingüe San Fermín de Pontevedra (na categoría de Primaria) e o IES de Foz (na categoría de Secundaria). Este ano Ciberseguridade no cole! acadou un récord de participación con máis de 6.600 escolares de 120 centros educativos rexistrados.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, afirmou hoxe que o Goberno galego seguirá avanzando para consolidar a madurez dixital de Galicia e convertela nunha rexión especializada en tecnoloxía.
Durante a inauguración do III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, Miguel Corgos subliñou que neste proceso, a prevención e seguridade son dous elementos claves, xunto co coñecemento e a colaboración.
Nesta liña, recordou que a aposta da Xunta pola ciberseguridade foi clara desde o primeiro momento, coa sinatura de acordos de colaboración co CCN e co Incibe; coa posta en marcha do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade da Información (CSIRT.gal); ou coa creación do nodo CIBER.gal.
Así mesmo, salientou que a Comunidade conta hoxe cunha estratexia galega de ciberseguridade; está construíndo en Ourense o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia; participa en proxectos como o RETECH e leva a cabo campañas de concienciación dirixidas á cidadanía nesta materia.
Ao longo da súa intervención, Miguel Corgos referiuse tamén a aprobación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial; a creación do nodo galicIA; e á inminente Lei galega de Planificación, Organización e Impulso da Intelixencia Artificial, que situará de novo á Comunidade como pioneira na actuación lexislativa, no ámbito rexional e da Administración pública.
O conselleiro concluíu asegurando que o Goberno galego, da man das tecnoloxías intelixentes, seguirá avanzado para proporcionar unha administración máis eficiente, máis personalizada e máis accesible, para configurar un territorio intelixente e conectado, e para dotar á cidadanía duns servizos públicos dixitais de calidade.
A Xunta de Galicia convoca a cuarta edición dos Premios Galicia de Acción Voluntaria para recoñecer publicamente o labor solidario de persoas e organizacións durante este ano. O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a nova convocatoria deste certame, que ten tres modalidades dotada cada unha delas de 4.000 euros: galardón á persoa voluntaria, á entidade de acción voluntaria do ano e ao mellor proxecto de acción voluntaria, levado a cabo por unha organización de xeito individual ou por varias de maneira conxunta.
As entidades e persoas interesadas en concorrer a estas distincións, teñen a partir de mañá un mes de prazo para presentar as súas candidaturas, e deberán facelo preferiblemente a través da sede electrónica da Xunta. Só se permitirá unha candidatura por cada modalidade e entidade.
As propostas candidatas terán que achegar co impreso de solicitude unha memoria do proxecto ou traxectoria; documentación oficial acreditativa dos méritos que alega emitida por organismo público ou privado, tal como diplomas e certificados; unha relación das actividades realizadas e calquera outra documentación que a persoa solicitante considere de relevancia, como por exemplo: apoios á súa candidatura.
O exame e valoración das candidaturas correrá a cargo dun xurado formado por un máximo de 11 membros que serán designados entre persoas destacadas no ámbito institucional e social.
Na última edición deste certame, o premio á voluntaria ou voluntario do ano foi para Abraham Benítez Somoza, de Ribeira, voluntario da Asociación Ambar e que adestra atletismo a persoas con discapacidade intelectual. Na modalidade de entidade, o galardón foi para a Asociación Cultural O Castro, de Vilanova, pola súa ampla traxectoria no ámbito do voluntariado cultural, medioambiental e de acompañamento de persoas maiores. E, por último, na categoría de acción voluntaria o premio foi para a Asociación Ourensá de Esclerose Múltiple, Párkinson e Enfermidades Raras (AODEMPER).
Galicia é unha das comunidades máis solidarias a nivel estatal ao contar cunha gran rede de entidades e voluntarios que axudan a facer de Galicia un mellor lugar no que vivir. Na actualidade hai máis de 1.000 entidades e máis de 55.000 persoas voluntarias inscritas no rexistro oficial da Xunta de Galicia.
Organizado polo Nodo Gallego de Ciberseguridade, o III Encontro CIBER.gal ofrece talleres, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e concursos de ciberseguridade.
Acollerá a entidades públicas e privadas de referencia no campo da seguridade da información e actividades destinadas para todos os públicos: Administración Pública, tecido empresarial e cidadanía.
Contará coa participación de recoñecidos profesionais como Chema Alonso e Esther Estévez, e realizaranse sorteos entre todos os asistentes presenciais.
A terceira edición do “Concurso Ciberseguridade no cole!” acadou un récord de participación con máis de 6.000 escolares de 120 educativos rexistrados. O certame, unha das actividades do Encontro CIBER.gal, vén de celebrar a semifinal en liña, na que se clasificaron coma finalistas os seis centros que participarán na final presencial, que se celebrará o vindeiro 3 de novembro na Cidade da Cultura e que presentará a comunicadora galega Esther Estévez.
Os centros finalistas da categoría de primaria son o CEP Carlos Casares – Alxén, o CPR Plurilingüe San Fermín e o CPR San Francisco de Vilagarcía de Arousa. Na categoría de secundaria clasificáronse o Colexio Montespiño, o IES de Foz e o CPR Plurilingüe Losada. Á final, ademais, dos participantes e finalistas poden asistir as persoas que o desexen previa solicitude a través do mail edg2030.ciberseguridade@xunta.gal.
O concurso, patrocinado por Telefónica no marco do III Encontro CIBER.gal, está dirixido a escolares de 10 a 14 anos co obxectivo de conciencialos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dun xeito ameno.
Tras a final, os asistentes poderán asistir á obra de teatro “Amanda_T”, que abordará as malas prácticas nas redes sociais e as consecuencias reais que poden ter. A continuación terá lugar unha actividade organizada polo INCIBE: “Sobe de nivel en ciberseguridade!”, na que se amosarán pautas sinxelas sobre a ciberseguridade no uso diario de dispositivos e plataformas online. Nesta actividade poderán participar todos os asistentes presenciais en vivo e en directo, pois tratará de involucrar á totalidade do público alí presente.
Ademais das anteriores, o Encontro CIBER.gal ofrecerá outras actividades complementarias como o concurso “Capture the Flag” -que terá lugar na xornada do 2 de novembro pola tarde, con sorteos entre os participantes e premios para os clasificados- e catro talleres prácticos de especial interese para perfís tecnolóxicos: “Instalación e configuración de Snort sobre raspberry pi para a detección de intrusións en redes industriais”, “Escalada de privilexios e persistencia en sistemas Linux”, “Automatización de ataques e emulación de adversarios con MITRE Caldera” e “Adquisición de evidencias para análise informática forense”. As actividades adicionais contan con prazas moi limitadas, entre 24 e 30 participantes como máximo.
A terceira edición de CIBER.gal celebrarase os vindeiros días 2 e 3 de novembro e contará coa participación de expertos de referencia no eido da ciberseguridade como o hacker Chema Alonso; o responsable de Ciberseguridade e DPO de Renfe, Francisco Lázaro; o CISO de Iberia, Jesús Mérida; o Security Account Executive de Mi-crosoft, Pablo Chapinal; e o director Office of the CISO en Google, Jorge Blanco. Tamén intervirán diferentes responsables de entidades públicas como Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional e Javier Diéguez, director da Cyberzaintza (a nova Axencia Vasca de Ciberseguridade). Ademais, desde unha perspectiva máis social a comunicadora galega, Esther Estévez, coñecida pola súa labor á fronte do espazo divulgativo “Dígocho Eu”, falará dos riscos das ciberameazas nas redes sociais. Toda a información sobre o evento está dispoñible no portal https://ciberseguridadegalicia.gal/es/cibergal/encontro-cibergal/2023-iii-encuentro-cibergal.
Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo.
O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo Ciber.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.
CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.
A Xunta de Galicia aposta por afrontar a especialización tecnolóxica de Galicia impulsando a promoción do talento dixital e contribuíndo ao fortalecemento do hipersector TIC, como se plasma nos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030. Así o destacaba esta mañá o director de Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez, na mesa-debate de apertura de Galicia TIC, na que participaron o director de EDISA, Carlos Suárez; o CEO de IMATIA, Fernando Vázquez; e a presidenta da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (INEO), Lourdes Guerra.
Na súa intervención, o responsable de Sociedade Dixital da Axencia autonómica lembrou os pasos dados pola Xunta para avanzar na especialización tecnolóxica da Comunidade como a posta en marcha dos nodos 5G, de ciberseguridade e de Intelixencia Artificial, fomentando a colaboración público privada para impulsar estas tecnoloxías disruptivas. Ademais, recordou que Galicia foi das primeiras comunidades en contar cunha Estratexia de Intelixencia Artificial, que xunto co Nodo GalicIA e a elaboración dun marco ético e normativo galego sobre o uso desta tecnoloxía foron factores chave na elección da Comunidade como sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial.
Por outra banda, a Administración autonómica está a desenvolver diferentes iniciativas para incorporar as tecnoloxías disruptivas como a estratexia GobTech para impulsar o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público en colaboración coas pemes e start-ups galegas; a plataforma territorio intelixente, o xemelgo dixital de Galicia ou a Rede Galega de IoT para a sensorización do territorio. Unhas iniciativas que permitirán realizar simulacións e análises preditivos sobre o impacto da acción da sociedade sobre a contorna.
A Cidade da Cultura acolle hoxe e mañá a 21 edición de Galicia TIC, que este ano se desenvolve baixo o lema “Impulsar o crecemento e o talento dixital en Galicia”. Consolidado como un encontro de referencia do sector na Comunidade, ademais de conferencias e mesas temáticas, conta tamén cunha feira de emprego centrada no sector TiC, stands para asesoramento e espazos de networking.
Xa está aberto o prazo de inscrición para a terceira edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os vindeiros 2 e 3 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. A longo das dúas xornadas, un total de 50 profesionais doutras tantas entidades públicas e privadas, do sector TIC e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado abordarán os retos da ciberseguridade para a sociedade, as administracións públicas e o tecido empresarial.
O encontro CIBER.gal, organizado polo Nodo CIBER.gal, está a consolidarse como unha cita de referencia no ámbito da ciberseguridade pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos, xa que está dirixido tanto a profesionais e expertos do sector, como á sociedade: familias, sector educativo, menores, persoas maiores e profesionais de todos os sectores.
Os interesados en participar poderán inscribirse ata o día 1 de novembro a través deste enlace https://inscricioncibergal.ciberseguridadegalicia.gal/gl/, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Ademais, poderán optar por inscribirse nun ou máis bloques de actividades, segundo as súas preferencias ou intereses.
As xornadas están organizadas por bloques temáticos. Así, durante a mañá do primeiro día abordaranse os retos da ciberseguridade nas administracións públicas, mentres que durante a tarde o público obxectivo será o tecido empresarial. A segunda xornada está orientada á cidadanía e afondarase na importancia da concienciación neste ámbito e na aposta por unha ciberseguridade inclusiva.
O encontro contará coa participación de expertos de referencia no eido da ciberseguridade como o hacker Chema Alonso; o responsable de Ciberseguridade e DPO de Renfe, Francisco Lázaro; o CISO de Iberia, Jesús Mérida; o Security Account Executive de Microsoft, Pablo Chapinal; e o director Office of the CISO en Google, Jorge Blanco. Tamén participarán diferentes responsables de entidades públicas como Javier Candau, xefe do Departamento de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional e Javier Diéguez, director da Cyberzaintza (a nova Axencia Vasca de Ciberseguridade). Todos eles abordarán os retos desta tecnoloxía clave desde os seus ámbitos. Ademais, desde unha perspectiva máis social a comunicadora galega, Esther Estévez, coñecida pola súa labor á fronte do espazo divulgativo “Dígocho Eu”, falará dos riscos das ciberameazas nas redes sociais e dinamizará a final do concurso de ciberseguridade dirixido aos escolares.
Ademais de relatorios e paneis, CIBER.gal ofrece unha serie de actividades complementarias, que nesta terceira edición abranguen o concurso “Capture the Flag”, patrocinado por Gradiant, e no que os participantes terán que resolver diferentes retos, no menor tempo posible, demostrando a súas habilidades para resolver problemas relacionados coa criptografía, a análise forense, networking e reversing. Un ano máis, haberá representación teatral coa participación da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e catro talleres prácticos.
O concurso de escolares “Ciberseguridade no cole!”, patrocinado por Telefónica no marco do Encontro CIBER.gal, celebra este ano a súa terceira edición con récord de participación, máis de 6.600 escolares de 120 centros educativos galegos distintos. O colectivo de persoas maiores volve a ter un espazo específico co “Conecta Senior”, patrocinado tamén por Telefónica, unha actividade para favorecer a súa confianza no uso de tecnoloxías dixitais.
O Encontro conta co apoio de entidades pertencentes ao Nodo CIBER.gal, entidade que organiza as xornadas, pero tamén con outras non vinculadas a este ecosistema como mostra do seu compromiso na concienciación sobre a ciberseguridade a todos os niveis no día a día. Deloitte, Abanca, Ednon, Seresco, Grupo Oesía e Huawei son patrocinadores estratéxicos do III Encontro CIBER.gal.
O Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do Nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado medio centenar de entidades de diversos sectores, entre as que se atopan as tres universidades públicas galegas.
A ciberseguridade e unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade.