O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico vai incorporar o vindeiro curso tres novas materias optativas enfocadas á mellora das competencias financeiras e da intelixencia artificial, que contribuirán ao reforzo dos currículos académicos do ensino secundario obrigatorio (ESO) e de bacharelato. “A nosa intención e ir un paso por diante das necesidades do futuro e preparar aos alumnos nas necesidades formativas do mañá”, indicou.
Unha vez previstos todos os trámites administrativos, a maiores do abano de materias que xa existen actualmente, tal e como explicou Rueda introdúcense as optativas “Cultura Financeira e Intelixencia Artificial para a Sociedade” na etapa de ESO e “Tecnoloxías Intelixentes” na etapa de bacharelato, que se ofertarán o próximo curso.
A introdución desta materia no sistema educativo galego responde ás recomendacións dos estudos a nivel mundial que salientan a necesidade de iniciar a formación e alfabetización financeira xa no ensino obrigatorio, cun enfoque baseado na sustentabilidade e a xestión responsable dos recursos individuais e colectivos. “O obxectivo é que os rapaces adquiran coñecementos financeiros e promover patróns de consumo sostibles no tempo”, resaltou Rueda.
Así pois, en Galicia ofertarase Cultura Financeira como optativa para 3º curso de ESO cunha carga horaria de tres sesións lectivas semanais. Partindo do coñecemento e a comprensión dos conceptos e riscos financeiros, no currículo da materia abordarase o desenvolvemento de habilidades, motivación e confianza necesarias para tomar decisións financeiras responsables e racionais, non só enfocadas á mellora individual, senón tamén a lograr o benestar financeiro da sociedade a través do fomento de patróns de consumo sustentables no tempo.
No que atinxe aos contidos, a materia establécese en catro bloques temáticos: diñeiro e transaccións, planificación e orzamento, a xestión bancaria das finanzas persoais e educación ao consumidor.
Esta materia, que se ofertará para 4º de ESO e tamén cunha carga lectiva de tres horas semanais, responde a un dos retos marcados na Estratexia Galega de Educación Dixital 2030, que é o de perfeccionar as competencias e capacidades dixitais para acadar unha verdadeira transformación dixital.
No seu currículo introdúcense aspectos da Intelixencia Artificial para “formalos como futuros usuarios destes sistemas intelixentes”. Trátase de adquirir, a través dun enfoque transversal, habilidades e coñecementos desta disciplina para que se familiaricen con ela e desenvolvan habilidades críticas e relevantes para o seu futuro.
Nesta liña, a materia estrutúrase en catro bloques: que é a intelixencia artificial, o impacto da intelixencia artificial (no que se abordarán cuestións como a ética, a sustentabilidade e os aspectos legais), áreas da intelixencia artificial (percepción e actuación, representación e razoamento, aprendizaxe automático e interacción natural) e aplicacións de intelixencia artificial (como a robótica autónoma ou a internet das cousas).
A terceira materia coa que se reforza o sistema educativo galego de cara ao vindeiro ano é Tecnoloxías Intelixentes, que se ofertará en 1º curso de bacharelato cunha carga horaria semanal de catro sesións lectivas.
Esta materia céntrase na aprendizaxe automática desde unha perspectiva de programadores de sistemas intelixentes e brinda ao alumnado uns coñecementos específicos como aprender a obter e preparar os datos para adestrar sistemas, empregar técnicas de modelado estatístico, utilizar diferentes tipos de redes neuronais, manexar librarías dixitais ou avaliar a calidade dos resultados obtidos por modelos automáticos.
Paralelamente os estudantes poderán adquirir outras competencias transversais como pode ser a resolución de problemas, a toma de decisións nun contorno tecnolóxico ou a programación en linguaxes de programación de alto nivel.
Estruturado en catro bloques temáticos, o currículo desta materia abordará os coñecementos básicos de programación (fundamentos de programación enfocados ao uso de librarías dixitais), o axente intelixente (abrangue o estudo de áreas da intelixencia artificial como son a percepción, a actuación, a representación, o razoamento e a aprendizaxe), e o impacto da intelixencia enfocado ao uso dos datos (consideracións éticas e aspectos legais en consonancia coas recomendacións da Unión Europa, así como cuestións de sustentabilidade).
Un total de 70 persoas empregadas públicas nas administracións autonómica e locais e nas universidades de Galicia, participan dende hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) na terceira edición do curso superior de ciberseguridade.
O curso foi inaugurado este serán pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; o xefe da Área de Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), Pablo López; e o director do curso, Gustavo Herva.
O programa formativo, de 99 horas lectivas, está organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, en colaboración co CCN e a EGAP. Como xa sucedera en edicións anteriores, a demanda de inscricións foi moi superior ao número de prazas ofertadas.
Neste sentido, Julián Cerviño destacou o alto grao de satisfacción amosado polas persoas que participaron nas edicións anteriores, que avaliaron as clases telepresenciais cun 4,62 sobre 5. O director da axencia autonómica destacou que os contidos do curso están aliñados coas necesidades actuais no ámbito da ciberseguridade en Galicia, en España e en Europa.
Pola súa banda, a directora da EGAP destacou a importancia da formación no eido dixital para o persoal público, xa que a pesar de que existen medidas de protección fronte ás ameazas cada día xorden novas vulnerabilidades que supoñen importantes retos de seguridade.
Ademais, a directora da Escola lembrou a necesidade de ofrecer unha formación específica ao persoal empregado público que realice funcións TIC ante a extensión da administración electrónica e o incremento dos ataques informáticos.
O curso proporcionará ás persoas empregadas públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso, ao tempo que ofrece unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.
Os últimos datos indican que do total de infraccións penais rexistradas ao longo de 2022, o 20 % foron estafas a través de medios telemáticos. Esta porcentaxe representa unha cifra da case 19.000 delitos deste tipo.
Galicia ten en marcha dende decembro de 2021 un proxecto para a mellora da ciberseguridade en administración local e cidadanía, en colaboración coas deputacións e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Esta iniciativa ofrece á administración local un completo catálogo de servizos de ciberseguridade e apóiase tamén na implantación das ferramentas do CCN. Ademais das catro deputacións, participan a práctica totalidade dos concellos de máis de 20.000 habitantes.
No ámbito da cidadanía realízanse actividades de formación e concienciación, entre as que destaca o programa “Identidade dixital e xestión segura das redes sociais”, que este curso chegará a máis de 3.000 alumnos de 130 centros educativos. Desenvólvense tamén sesións sobre ciberseguridade para persoas maiores en aulas CeMIT de 17 concellos. A finais de 2022 púxose en marcha o portal web ciberseguridadegalicia.gal.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia celebrará o 27 de abril, o Día Internacional das rapazas nas TIC cunha xornada no centro GaiásTech da Cidade da Cultura e na Rede CeMIT, dirixida ao alumnado de entre 8 e 14 anos. As actividades programadas nesta xornada terán como obxectivo fomentar o interese no sector tecnolóxico entre as persoas máis novas.
A xornada comezará coa actividade interactiva “Coñece a importancia da muller nas TIC”, na que se realizará un breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller neste ámbito. Haberá tamén unha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu”.
A sesión rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en funcionamento un vehículo e experimentar de primeira man a aplicación práctica da robótica e a programación. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades online que se retransmitirán dende o GaiásTech a través desta ligazón.
Coa iniciativa do “Día das rapazas nas TIC” perséguese impulsar e fomentar as vocacións STEM entre as rapazas, co fin de aumentar a presenza da muller no sector tecnolóxico.
Os datos do Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), indican que, a pesar que as mulleres representan máis do 55% do total do alumnado nas universidades galegas, no ámbito dos graos universitarios STEM, a porcentaxe de mulleres matriculadas representan o 34%. No caso das ciencias, as mulleres son maioría, pero a porcentaxe nas enxeñarías e tecnolóxicas descende ata o 26%. Na informática e comunicacións son o 13,8% e no resto de enxeñarías, o 28,5%.
A inserción laboral é lixeiramente superior no caso das mulleres. Segundo un estudo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a porcentaxe de inserción de persoas tituladas en carreiras STEM sitúase no 86,6% no caso dos homes e no 87,3% entre as mulleres. A fenda de xénero nas retribucións do conxunto de persoas con titulación STEM, é case nula.
No eido do Hipersector TIC, segundo datos do OSIMGA, a porcentaxe de mulleres empregadas sobre o total do persoal foi en 2022 do 32,9%, o que supón un total de 8.983 mulleres empregadas, cun crecemento do 5,5% respecto ao ano 2021.
Das persoas que realizan tarefas tecnolóxicas no sector TIC, o 21,3% son mulleres. A fenda de xénero é máis evidente no caso dos ciclos formativos: un 29,3% do persoal técnico son homes con formación profesional (FP2 ou FP1) fronte ao 5,7% de mulleres.
Os resultados detallados pódense consultar na web www.osimga.gal.
As actividades do Día Internacional das Rapazas nas TIC forman parte do Plan para o Impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, e contribúe aos obxectivos de estimular o talento precoz no ámbito das tecnoloxías, así como, fomentar o atractivo vocacional de profesións científico tecnolóxicas desde idades temperás e promover a redución da fenda de xénero para contribuír ao aumento da taxa de mulleres en carreiras técnicas.
O “Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital”, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, inicia o segundo trimestre do ano con trece iniciativas en marcha destinadas ao fomento das vocacións temperás e do talento dixital avanzado.
O catálogo de actividades de DigiTalent, que se pode consultar na web DigiTalent, conta coa colaboración das entidades do Pacto Dixital de Galicia, que manteñen o seu compromiso co impulso do talento tecnolóxico na comunidade.
As trece actividades, que se desenvolven entre abril e xuño, están aglutinadas en dúas liñas de actuación. Por unha banda, DigiClan reúne as actividades dirixidas a espertar, motivar a potenciar as vocacións STEAM desde idades temperás, estimulando as destrezas e capacidades tecnolóxicas dos máis pequenos a través de actividades en formatos dinámicos cunha perspectiva lúdico-formativa. Por outra banda, están as actividades dirixidas a aumentar a xeración, retención e atracción de talento tecnolóxico especializado, unidas baixo o epígrafe DigiLeaders.
Entre as actividades destinadas aos máis novos, tamén está a oitava edición do Programa Programa Tecnólog@ por un día, unha actividade que ofrece ao alumnado de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar unha xornada inmersiva nas empresas do sector tecnolóxico galego que colaboran nesta iniciativa.
Ademais, continúa a cuarta edición GenTech, que achega ao alumnado de bacharelato a relevancia das profesións dixitais e as oportunidades laborais que ofrece o sector TIC, da man de profesionais da tecnolóxica Altia. A empresa continúa a ofrecer aos centros escolares galegos a oportunidade de visitar as instalacións do seu Data Center.
A estas iniciativas súmanse ata o mes de maio DXC Iberia Codes e Charlas DigiTalent DXC, dúas actuacións impulsadas por DXC Technology e dirixidas a centros educativos de primaria, secundaria e bacharelato. Coas súas Charlas DigiTalent, DXC introduce ao alumnado nas novas tendencias dixitais dende a experiencia dos seus profesionais.
Doutra banda, a través de DXC Iberia Codes, achéganse a nenos e nenas de 5º de primaria a 4º curso de secundaria as disciplinas STEM a través dun concurso de programación no que compiten en parellas na creación dun videoxogo baseado en Tecnoloxía "Scratch".
Nesta outra liña, a Axencia autonómica e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades están a impulsar Mentoring FP, unha iniciativa que busca titorizar e acompañar ao alumando dos ciclos de Grao Superior e de cursos de especialización da Formación Profesional na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil.
Neste mesmo eido da Formación Profesional, Altia FP Dual ofrece estancias formativas na empresa. Doutra banda, no ámbito universitario esta mesma empresa ten activas Altia Staging e Altia Tech Day, dúas iniciativas enfocadas a fomentar o talento especializado do estudantado en tecnoloxías avanzadas.
Tamén continúa activo o Observatorio DXC, un programa de DXC Technology que conta con liñas de asesoramento especializado, prácticas titorizadas e a oportunidade realizar Traballos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados, dirixidas ao alumnado universitario que está a cursar disciplinas técnicas. No marco do Observatorio celébrase tamén a VI edición do premio DXC para o recoñecemento do mellor Traballo Fin de Mestrado e Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.
Como novidade este 2022/2023, DXC pon en marcha a iniciativa DXC Pinchos&Datos, un encontro que se celebrará no mes de maio en Santiago de Compostela con charlas sobre novas tendencias tecnolóxicas, impartidas por expertos da universidade, a empresa e o sector público nun formato distendido.
Por último, en colaboración con HackABoss, NTT Data ten en marcha o Bootcamp Data Science, un curso de formación intensivo no eido da predición, análise e interpretación de datos para a optimización na toma de decisións no eido empresarial.
Ademais, NTT Data continúa a impulsar durante estre trimestre os seus TFGs solidarios no marco da Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía en colaboración coa Universidade de A Coruña, que teñen por obxectivo ofrecer a oportunidade aos alumnados de Enxeñaría Informática de realizar Traballos de Fin de Grao con impacto e valor social, da man de organizacións sen ánimo de lucro.
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal e o Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia recibiron esta mañá os premios ‘Socinfo Digital, Galicia TIC” nas categorías de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, respectivamente.
Estes premios están organizados pola revista Sociedad de la Información Digital (Socinfo Digital), e foron entregados durante a xornada sobre “Prioridades TIC nas AAPP de Galicia ante os Fondos Next Generation” que tivo lugar na sede de A Fundación en Santiago de Compostela.
A xornada foi inaugurada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, que destacou que a Xunta ten xa en marcha cerca do 90% dos proxectos correspondentes ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) xestionados por esta Axencia.
Destacou, neste sentido, que un total de 93 millóns de euros corresponden a proxectos que xa están licitados, en fase de execución ou executados. Estas iniciativas están englobadas en 26 liñas de actuación enmarcadas na Estratexia Galicia Dixital 2030.
O premio na categoría de Cooperación de empresas TIC coas Administracións Públicas e Goberno Aberto, concedido ao nodo CIBER.gal, foi recollido polo xefe da Subárea de Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva en presencia, como representación do sector privado, do presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio del Corral.
Tras recoller o premio, Herva referiuse ao carácter pioneiro do Nodo e agradeceu a vinculación e colaboración do INCIBE, o CCN, a Fegamp e as catro deputacións provinciais galegas, así como “a todas as entidades públicas e privadas que se adheriron a este espazo, poñendo á súa disposición os seus recursos e cooperando na execución das súas accións”. En concreto, son máis de 50 entidades adheridas.
Pola súa banda, o premio de Goberno Aberto foi recollido polo director xeral de Simplificación Administrativa da Consellería de Facenda, Jesús Oitavén, que subliñou que o Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta contén máis de 2.256 páxinas web nas que se poden visualizar máis de 6.857 documentos, e cuxos contidos poden ser interpretados por un sistema de voz de contido.
Así mesmo, a información solicitada polos cidadáns é de moi distinta natureza, comprendendo áreas temáticas relacionadas coa ordenación do territorio e do medio ambiente, coa contratación pública, información en materia de persoal ou información de relevancia xurídica, entre outras.
Na xornada tamén participou o director da Área de Sociedade Dixital da Axencia, Miguel Rodríguez, que pronunciou unha conferencia na que se referiu á colaboración entre a Xunta de Galicia e as entidades locais para “dotar ao conxunto da cidadanía da capacidade necesaria para desenvolverse con confianza e seguridade no contexto dixital e reducir a fenda dixital entre zonas rurais e urbanas.
En canto ao novo Marco Galego de Competencias Dixitais, o director de Sociedade Dixital da Axencia destacou que “define os coñecementos, capacidades e aptitudes necesarias para o desenvolvemento dunha sociedade usuaria dos servizos dixitais en todos os ámbitos sociais e é o soporte sobre o que se asenta a súa certificación e acreditación”.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia iniciará o día 18 de abril un ciclo de actividades para mellorar as habilidades dixitais desde unha orientación inclusiva así como o uso seguro de internet e que terán lugar nas aulas da Rede CeMIT e o Centro GaiásTech. Esta programación enmárcase na Campaña “All Digital Weeks 2023”, que se celebrará entre o 17 de abril e o 7 de maio en toda Europa baixo o lema “Mellora as túas habilidades dixitais”.
O programa de actividades arrancará o día 18 de abril cunha sesión presencial “Novas pedagoxías para o ensino das TIC” destinada a axentes TIC da Rede CeMIT, que se complementará o 3 de maio coa celebración dunha sesión online “Aprender ciencia creando: introdución ao método STEAM”, co obxectivo de mellorar as metodoloxías de ensinanza das TIC e facilitar diversas temáticas de interese para a cidadanía.
Ademais, o 27 de abril, Día Internacional das rapazas nas TIC, a Axencia autonómica celebrará no GaiásTech da Cidade da Cultura unha xornada dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos. Para poder participar nesta xornada de maneira presencial, é necesario inscribirse nesta ligazón.
A xornada comezará ás 16:30 cunha actividade interactiva baixo o nome “Breve percorrido histórico sobre a relevancia da muller nas TIC”. Posteriormente, continuará cunha charla da xornalista e presentadora Esther Estévez do programa da CRTVG “Dígocho Eu” e rematará cun taller de robótica no que os rapaces e rapazas poderán programar e poñer en marcha un vehículo. As persoas que non poidan asistir de maneira presencial poderán seguir as dúas primeiras actividades online dende o GaiásTech a través da seguinte ligazón.
A conmemoración das All Digital Weeks pecharase cunha charla sobre ciberseguridade “O teu día a día, con seguridade” o día 4 de maio de 16:00 a 17:30 no centro GaiásTech, no que se fará foco nos riscos cos que nos podemos atopar na contorna virtual e exporá as medidas para poder previlos. Para poder asistir a esta charla de maneira presencial, é necesario inscribirse nesta ligazón.
A Campaña All Digital Weeks é unha das principais iniciativas a nivel europeo de sensibilización sobre as habilidades dixitais para a inclusión, empoderamento e a mellora da empregabilidade. Está organizada pola All Digital Network e, dende os seus inicios en 2010, a campaña leva axudado a 1,5 millóns de persoas a conectarse por primeira vez ou a mellorar as súas habilidades dixitais. Este ano a campaña conta co apoio da Comisión Europea como apoio á promoción do Ano Europeo das Competencias. Nesta edición, a Rede CeMIT participa da man da asociación estatal Somos Digital, escollida nesta ocasión para ser a coordinadora da campaña a nivel nacional.
O Concello de Ribeira apostou esta tempada por levar a formación tecnolóxica ao rural do termo, sacando dos seus límites físicos (na rúa de Cubeliños de Santa Uxía) a actividade TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da Aula CeMIT. Deste xeito, a iniciativa da Concellería de Educación, as parroquias de Castiñeiras, Olveira e Artes van dar cabida a candanseus cursos gratuítos sobre uso básico de móbil Android impartidas polo axente da Aula CeMIT de Ribeira.
Con catro horas de duración cada acción formativa, as correspondentes a Castiñeiras e Olveira terán lugar do 17 ao 20 de abril (de 11.30 a 12.30 e de 19 a 20 horas nas súas respectivas Casas de Cultura), en tanto que o de Artes celebrarase do 25 ao 28 de abril, de 19 a 20 horas no Centro Recreativo.
As inscricións poden facerse, como de costume, a través da web da Aula.
A Aula CeMIT do Concello de Ponteareas preparou para o mes de abril unha ampla programación de cursos e actividades arredor das tecnoloxías e das súas múltiples vantaxes.
A primeira actividade é Xogando coas TIC, unha acción formativa aberta a todos os públicos pero deseñada especialmente para goce da mocidade durante a Semana Santa. A actividade desenvolverase os días 3, 4 e 5 de abril de 16.00 a 21.00 horas. Outra das propostas para este abril será un curso de informática con dous niveis diferentes. No nivel I as clases impartiranse luns e mércores do 10 ao 26 de abril de 16.00 a 19.00 horas, mentres que as do nivel II serán os martes e xoves dende o 11 ao 27 de abril tamén en horario de 16.00 a 19.00 horas. Trala Semana Santa a Aula CeMIT acollerá un obradoiro de memoria do 10 ao 13 de abril de 19.00 a 21.00 horas, mentres que do día 17 ao 27 se impartirá un curso de correo electrónico nese mesmo horario.
Na axenda tamén destaca unha nova actividade do Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental. O seu obxectivo é “promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudables”. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela. Desenvolverase os venres 14 e 21 de abril de 16.00 a 19.00 horas.
Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsable e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia completará o vindeiro 14 de abril a entrega do novo material disruptivo que está a ser distribuído nas 83 aulas e 82 entidades locais adheridas actualmente ao Plan de Reforma e Ampliación da Rede de aulas CeMIT (2022-2025). O obxectivo deste Plan é mellorar os servizos de capacitación e formación dixital dos centros CeMIT para adaptarse ás novas demandas da cidadanía.
A entrega deste equipamento innovador iniciouse o pasado 17 de febreiro achegando ás aulas CeMIT e tamén ao Centro GaiásTech un total de 130 impresoras 3D, 130 kits de robótica, 665 drons, 260 gafas de realidade virtual e 130 kits de placas de comunicación e programación. Así o explicou esta mañá o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, na presentación destes dispositivos, durante a que destacou que esta dotación está acompañada dun plan formativo de máis de 100 horas para os axentes TIC sobre as aplicacións e posibles usos destes dispositivos.
Este material permitirá ao persoal formador ofrecer experimentación cos kits de robótica ou placas de programación fomentando a aprendizaxe STEAM e abrindo portas ás profesións do futuro. Ademais, eses novos dispositivos posibilitarán o desenvolvemento de novas actividades interactivas a través das lentes de realidade virtual, aprender a pilotaxe de drons e a fabricación de aparellos con impresoras 3D.
O responsable autonómico tamén avanzou os seguintes fitos do Plan como a substitución dos equipos actuais de sobremesa por máis de 1.300 equipos All-in-One, ademais da adquisición de 20 unidades de dispositivos adaptados a persoas con capacidades diversas, 880 tablets, 840 libros electrónicos e 84 complementos audiovisuais.
A distribución deste novo material completarase entre o último trimestre deste ano e o primeiro de 2024, grazas a un marco de Subministración de Equipamento Tecnolóxico para a Inclusión e Capacitación Dixital por un importe de más de 3,6 millóns de euros.
Con esta liña de traballo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia busca ampliar e mellorar a oferta formativa da Rede CeMIT, que conta con preto de 110.000 usuarios e supera xa as 511.200 horas de formación planificadas desde o seus inicios, e a mellora da adquisición de competencias dixitais por parte da cidadanía.
Por outra banda, o director da Axencia autonómica avanzou a convocatoria, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) da primeira edición do “Premio Axentes TIC da Rede CeMIT” co obxectivo de incentivar o uso do equipamento innovador e disruptivo, así como, recoñecer e potenciar a labor das persoas dinamizadoras dos centros que poñan en marcha proxectos con carácter creativo, orixinal, interxeneracional e inclusivo.
Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Galicia Dixital 2030, elaborada pola Axencia autonómica, concretamente no segundo eixo, Sociedade Dixital e inclusiva, que busca dotar ao conxunto da cidadanía da capacitación dixital necesaria para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital e non deixar a ninguén atrás.
A dotación deste equipamento nas aulas CeMIT terá unha especial repercusión nas entidades locais, especialmente do rural grazas á xestión, captación e aproveitamento do Fondos Europeos, concretamente fondos FEDER 21-27 e fondos REACT-EU.
O centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia acollerá entre abril e maio a oitava edición do #MesD, enfocado nesta ocasión ao marketing dixital cun ciclo de accións formativas nas que se abordará a elaboración e desenvolvemento da estratexia para mellorar a presencia dixital dunha empresa. O #MesDMarketing está orientado a todas as persoas interesadas en mellorar as súas habilidades neste ámbito.
Serán en total cinco talleres nos que se afondará en temas como a posta en marcha dunha estratexia de Marketing Inbound, o posicionamento SEO, SEM, a efectividade da publicidade dixital mediante social ads, e como deseñar un plan de contidos para Social Media e a metodoloxía para implementalo.
Todos os talleres, de unha hora e media de duración, comezarán ás 17:00 h e poderanse seguir en liña. Serán impartidos por José Alcañiz, Fernando Mosquera e Melisa Piñeiro, da axencia de marketing ESTEREA. A inscrición é gratuíta e aberta para todo o mundo.
A primeira actividade do mes, "Como poñer en marcha unha Estratexia de Marketing Inbound e non morrer no intento", levarse a cabo o 13 de abril e terá como obxectivo analizar o estado da arte en márketing dixital, segmentación de clientes, ciclos de compra, ferramentas de márketing dixital, metodoloxía e procedementos para a posta en marcha con éxito.
A segunda actividade, que se desenvolverá o 20 de abril, leva por título "SEO: O posicionamento en buscadores en tempos da IA" e ten como obxectivo ver o funcionamento de Google, factores onpage e offpage, o reto da IA, metodoloxía e ferramentas para facer unha auditoría SEO completa.
A actividade do mércores 26 de abril no marco do #MesDMarketing será "SEM: Sácalle todo o partido ao investimento en Google Ads". O obxectivo desta sesión é aprender os distintos tipos de campañas de Google Ads, usos recomendados, quality score, optimización de campañas, métricas e ferramentas.
O evento do día 3 de maio, titulado "Social Ads. A publicidade dixital máis efectiva?", ofrecerá un programa completo para aprender as posibilidades de segmentación, tipos de campañas e métricas de referencia vía Meta Ads, Twitter Ads, Linkedin Ads, TikTok Ads. Factores de éxito.
A quinta e última actividade do MesD, "Como deseñar un plan de contidos para Social Media e metodoloxía para implementalo", que se levará a cabo o 10 de maio, ten como obxectivo deseñar un plan de contidos, obxectivos, perfís, bloques de contidos, canles... Metodoloxía e ferramentas para implementalo e planificar contidos con éxito.
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.