main content

main content
16/02/202316:02
Aula CeMIT.
Santiago de Compostela

A Xunta destina 400.000 € a subvencionar accións para a inclusión dixital da cidadanía a través das aulas CeMIT

  • As axudas irán destinadas, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias, ás aulas de referencia localizadas en 35 municipios
  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten en marcha un convenio coa Fegamp enmarcado na reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT
  • O Plan de ampliación e reforma permitirá ampliar o número de aulas, así como dotalas coas tecnoloxías máis avanzadas, con investimentos ata 2025 que suman cerca de 23 millóns de euros

O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou hoxe destinar algo máis de 400 mil euros a subvencionar este ano actividades nos 35 centros que xa acadaron as condicións para ser consideradas aulas de referencia da rede CeMIT. Estas subvencións irán destinadas á realización de actuacións en materia de inclusión dixital da cidadanía, sobre todo en ámbitos rurais.

Estas subvencións están enmarcadas no convenio asinado entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que prevé destinar 813.000 euros anuais entre 2023 e 2025 ás administracións locais a través da Fegamp. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondéndolles ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes unha subvención de 15.000 € e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251 €.

O acordo coa Fegamp forma parte do Plan de reforma e ampliación da Rede de Aulas CeMIT, actualmente en marcha, e que suporá un investimento de 22.776.304 € ata 2025 para abordar a transformación física e arquitectónica dos centros, a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro, a posta en marcha dun novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptar a estratexia formativa ao novo Marco galego de competencias dixitais.

Dotación tecnolóxica punteira

Está previsto que nas vindeiras semanas as aulas da Rede CeMIT conten con equipamento tecnolóxico innovador composto por impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.

Marco galego de competencias

A Rede CeMIT é un dos instrumentos clave para acadar o obxectivo marcado polo Compoñente 19.I1 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno de España de formar a máis de 45.000 persoas ata 2025. E neste senso, o pasado mes de decembro de 2022 abriuse a convocatoria da actividade «ComDix Iniciación - Formación para persoal formador» que rematará neste mes de febreiro coa primeira proba presencial que dará acceso aos formadores da Rede CeMIT a capacitar e certificar a cidadanía no novo Marco de competencias dixitais.

Por último, reforzaranse os servizos dixitais (os espazos web do proxecto, a plataforma formativa en liña...) e o seu soporte e mantemento, como medida transversal para contribuír ao fortalecemento de todas as liñas de actuación. Con este fin, a Axencia licitou un acordo marco para a elaboración de contidos formativos e ou desenvolvemento de plataformas e servizos dixitais cun orzamento de 1.620.450 €.

Máis de 100.000 persoas usuarias

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega que conta coa colaboración de 90 concellos e está integrada por 96 centros en 52 comarcas. Conta con máis de 100.000 persoas usuarias. Delas, un 59,62 % son mulleres e destaca o uso maioritario por parte das persoas que teñen entre 45 e 54 anos, que supoñen un 22,86 % dos usuarios totais. As persoas de 55 e máis anos representan o 27,82 % dos usuarios, unha porcentaxe que se incrementou nun 31 % desde os inicios da Rede CeMIT, xa que en 2012 era do 21 %.

Na Rede ofertáronse, desde 2011, máis de 500.000 horas de formación que, unidas ás restantes iniciativas postas en marcha polo Goberno galego para lograr a inclusión dixital, contribuíron a que o 87,1 % dos galegos e galegas empreguen internet, segundo os últimos datos do INE. Esta porcentaxe supón un incremento de máis do 85 % con respecto ao dato de 2010, cando a usaba o 47 %. 

11/02/202314:02
Muller usando un ordenador.
Santiago de Compostela

A Xunta defende o papel do software libre como axente facilitador para o fomento de vocacións tecnolóxicas entre as mulleres

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presenta un programa de actividades coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
  • Durante todo este ano desenvolveranse “Faladoiros de Mancomún” nos que participarán grupos e asociacións de mulleres en ámbitos científicos
  • Avanzarase na creación dun repositorio de recursos de software libre e emprendemento

A Oficina de Software Libre da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia defende o papel deste modelo aberto e colaborativo como axente facilitador para o fomento de vocacións tecnolóxicas entre as mulleres.

Con tal obxectivo, esta Oficina desenvolverá un programa de actividades específicas, que se presentarán o luns, con motivo da celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia hoxe, 11 de febreiro.

A presentación farase en liña, a través do GaiásTech, ás 12:00 horas do vindeiro luns 13 de febreiro. Pódese atopar toda a información para seguir o evento nesta ligazón.

A oficina de software libre da Amtega vén realizando diferentes actividades para poñer en valor a participación das mulleres na tecnoloxía, fundamentalmente a través do software libre, e tratando de fomentar a participación das mesmas no eido das STEAM. Aproveitando a celebración internacional do día da muller e a nena na ciencia, nesta presentación farase un repaso de todas as iniciativas que se están a levar a cabo, e presentaranse as iniciativas que se poñerán en marcha a partir deste ano.

Entre as liñas habituais que se veñen desenvolvendo están as orientadas a mostrar exemplos de mulleres referentes no ámbito da tecnoloxía, a través de diferentes formatos coma entrevistas, faladoiros ou actividades de fomento da tecnoloxía en centros educativos. Como principal novidade está prevista unha nova liña orientada a abrir espazos de diálogo con colectivos especificamente dedicados a esta labor, grupos e asociacións de mulleres no ámbito da tecnoloxía, que serán as protagonistas dos Faladoiros de Mancomún durante todo este ano 2023.

Do mesmo xeito tamén se abrirán liñas de diálogo con colectivos de mulleres emprendedoras, para recoller as súas necesidades e tratar de abrir novas liñas de actuación que lles axuden a incorporarse ao mundo da tecnoloxía, como por exemplo un repositorio de recursos sobre software libre e emprendemento.

Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase este día internacional, co que se pretende facer visible o traballo das mulleres que se dedican ás áreas STEAM (polas súas siglas en Inglés: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas), creando referentes que axuden a fomentar estas ramas como posible elección profesional das nenas.

Tamén serve esta efeméride para dar a coñecer os factores que afectan á situación actual das mulleres nestas áreas, fomentar boas prácticas que axuden a eliminar as barreiras que aínda existen e acadar unha igualdade de xénero real nestes eidos.

A importancia do Software Libre nas áreas STEAM

O carácter aberto e colaborativo elimina certas barreiras de entrada á tecnoloxía, barreiras que si existen no caso do software privativo.

As comunidades de software libre son unha boa maneira de achegarse á tecnoloxía, xa que permiten aprender e tamén achegar dende o primeiro momento nun entorno inclusivo. A maioría das comunidades de proxectos de software libre teñen códigos de conducta que recollen a igualdade, a inclusión e a diversidade como principios fundamentais. Existen ao redor destas comunidades tecnolóxicas numerosos grupos enfocados ao fomento da participación das mulleres na tecnoloxía e na ciencia.

05/02/202320:02
Mans de persoa maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o plan DigiTalent 2030 para eliminar a fenda dixital, reforzar as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento tecnolóxico

  • O Plan Camiña en Dixital conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para impulsar a inclusión e a mellora das competencias dixitais de toda a sociedade galega
  • Conta con tres eixos estratéxicos e nove medidas clave para todos os niveis de habilidades dixitais da poboación
  • Entre os obxectivos para 2025 están acadar que o 70% da poboación conte con competencias dixitais, impartir 140.000 horas de formación na Rede CeMIT e superar os 128.000 usuarios
  • Ademais, concederanse máis de 5.700 bonos dixitais para o acceso a internet a colectivos vulnerables
  • O Plan aborda os retos aos que se enfronta Galicia, como o envellecemento, ou a pequena porcentaxe de galegos e galegas con estudos STEM

A Xunta pon en marcha o Plan para o impulso da Inclusión, Capacitación e Talento Dixital en Galicia, DigiTalent 2030: Camiña en Dixital, que conta cun orzamento de máis de 39 millóns de euros para promover ata nove medidas artelladas en tres eixes estratéxicos: eliminar a fenda dixital, promover as competencias dixitais dos profesionais e impulsar as vocacións e o talento dixital avanzado en Galicia.

O plan marca unha serie de obxectivos intermedios para 2025 como que o 70% das persoas conten competencias dixitais básicas, das que cando menos o 50% serán mulleres. Están previstas máis de 60 actividades para a promoción do talento dixital e o fomento da presenza da muller en carreiras e profesións do ámbito tecnolóxico. Ademais, a Rede de Aulas CeMIT está en pleno proceso de transformación para proporcionar unha capacitación apoiada na dixitalización con tecnoloxía. A Rede prevé impartir 140.000 horas de formación dixital e acadar un total de 128.110 usuarios. Para facilitar o acceso a todas estas iniciativas, concederanse un total de 5.744 bonos dixitais para o acceso á conectividade de colectivos vulnerables ata o 2025.

Eliminar a fenda dixital

O primeiro eixe do plan oriéntase ao eliminar a fenda dixital en colectivos vulnerables, persoas maiores e cidadanía en xeral con iniciativas concretas para cada grupo.

Para a alfabetización dos colectivos vulnerables, desenvolverase un programa de inclusión dixital a través da Rede CeMiT, que está a abordar a modernización e transformación dos seus espazos. Ademais, porase en marcha un programa de bonos dixitais que faciliten ás persoas en situación de vulnerabilidade a contratación de internet ou un maior ancho de banda.

Para a inclusión dixital dos maiores o plan contempla dúas actuacións, un programa de concienciación sobre uso de servizos dixitais e ciberseguridade; e outro destinado a mellorar as súas competencias dixitais, acompañándoos no uso de dispositivos e aplicacións.

A cidadanía en xeral poderá beneficiarse da formación dixital a través do Certificado Galego de Competencias Dixitais, que ofrece capacitación e a acreditación oficial das habilidades dixitais en diferentes niveis.

Promover as competencias dixitais dos profesionais

O segundo eixo do plan busca a adquisición, reforzo e actualización das competencias dixitais de todos os profesionais para facilitar unha adaptación proactiva e áxil ás esixencias dun mercado laboral cada vez máis tecnolóxico.

Este obxectivo vehicularase a través de tres iniciativas, as medidas do Plan Reacciona TIC para a favorecer a transformación dixital das pemes; o Plan de Capacitación do Empregado Público e o Marco Galego de Competencias Dixitais, tanto para os traballadores do sector público como para a cidadanía en xeral.

Impulsar as vocacións e o talento dixital

No terceiro eixo do Plan abordarase o impulso das vocacións científico-tecnolóxicas e o talento dixital avanzado.

Para avanzar neste camiño o plan prevé medidas específicas para fomentar o interese nos estudos STEAM dos máis cativos a través de talleres, encontros e actividades lúdicas, así como campamentos dixitais e Espazos Maker no GaiásTech e a Rede CeMIT dotados con equipamento tecnolóxico interactivo, impresoras 3D, drons, lentes de realidade virtual ou kits de robótica e programación.

Ademais, continuarase co Programa GirlSteam para reducir a fenda de xénero na contorna tecnolóxica e crearanse espazos de coworking e webinars sobre tecnoloxías disruptivas para profesionais.

A inclusión, capacitación e o talento, un compromiso compartido

DigiTalent 2030: Camiña en dixital nace con vocación de ser un instrumento vivo e flexible, conectado á evolución dos desafíos da sociedade galega e ao servizo das necesidades da comunidade.

Para dar cumprimento aos seus obxectivos, o plan incorpora un modelo de colaboración reforzado cos axentes do ecosistema dixital galego que contará coa colaboración das entidades locais, as asociacións e colexios profesionais do eido tecnolóxico da rexión, as universidades, as entidades do Pacto Dixital de Galicia e as empresas do terceiro sector, así como da Rede CeMIT e os voluntarios dixitais.

DigiTalent 2030: Camiña en Dixital fusiona o Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 e o Plan DigiTalent 2020 nun único instrumento estratéxico e toma o seu relevo para enfocarse no horizonte 2030 coa misión de acadar unha sociedade máis autónoma dixitalmente, que non deixe a ninguén atrás.

01/02/202312:02
Imaxe do cartel da campaña 'GanasdeXTalentoDigital'.
Madrid

Unha campaña para impulsar o talento dixital entre as persoas con discapacidade

A Fundación ONCE puxo en marcha a campaña #GanasdeXTalentoDigital en redes sociais para animar ás persoas con discapacidade a mellorar a súa formación en tecnoloxía e competencias dixitais e así favorecer a súa incorporación ao mercado laboral.

A campaña busca dar a coñecer o espazo formativo "Por Talento Dixital" que a fundación puxo en marcha e que imparte preto dun milleiro de cursos presenciais e online cada ano.

Esta campaña en redes sociais quere poñer en valor a importancia desta formación para que as persoas con discapacidade teñan maiores oportunidades para atopar un emprego.

A formación que ofrece o programa ten dous niveis, un xenérico en competencias dixitais básicas, e outro con cursos especializados en distintas materias ligadas á tecnoloxía como a ciberseguridade, o big data, a robótica ou a intelixencia artificial.

29/01/202311:01
Nenos e nenas usando ordenadores portátiles.
Santiago de Compostela

O plan DigiTalent inicia o primeiro trimestre do ano con máis dunha ducia de actividades para fomentar o talento dixital na infancia, na adolescencia e na xuventude

  • Entre xaneiro e marzo de 2023 activaranse accións para fomentar as vocacións STEAM entre os máis novos e impulsaranse iniciativas para facilitar a adaptación a perfís especializados no eido universitario e da Formación profesional
  • Charlas divulgativas, concursos, visitas e novas iniciativas como DXC Pinchos&Datos ou os TFGs solidarios impulsados por NTT Data
  • A nova edición de Tecnólog@ por un día abrirá inscricións o próximo mes de marzo para o alumnado de 12 a 16 anos
  • Os centros educativos teñen ata o 31 de xaneiro para inscribirse na VI edición de GenTech, que achega aos alumnos de Bacharelato as oportunidades laborais do sector TIC
  • As empresas do Pacto Dixital continúan a implicarse no fomento do talento dixital da comunidade

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia continúa a poñer o foco no fomento do talento dixital da nosa comunidade, desta volta con ata quince actividades previstas ata o mes de marzo ao abeiro do Plan DigiTalent. Una vez máis, contará coa implicación do sector TIC galego, que mantén o seu compromiso de colaborar coa Axencia na xeración e a atracción do talento vencellado ás novas tendencias dixitais.

Espertar o interese nas profesións científico-tecnolóxicas entre os máis cativos

Durante a primeira semana do mes marzo, a Amtega traerá de volta unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, no que rapaces e rapazas de 12 a 16 anos poderán visitar os centros de traballo das empresas colaboradoras e poderán experimentar en primeira persoa como se desenvolve unha xornada de traballo no sector TIC galego.

Doutra banda, durante todo o trimestre e ata o mes de maio, DXC Technology impulsa as Charlas DigiTalent DXC, coas que achega aos centros educativos de Secundaria e Bacharelato a Intelixencia Artificial, a Ciencia de Datos e outras temáticas vencelladas ás novas tendencias dixitais dende a experiencia dos seus profesionais. Ademais, impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, un concurso de programación no que os rapaces e rapazas de 5º de primaria a 4º de secundaria poderán competir por parellas creando un videoxogo con Tecnoloxía Scratch, nesta edición coa misión de combater a crise enerxética a través do “Comando Enerxético”.

Un ano máis, os centros escolares de Galicia teñen a oportunidade de visitar as instalacións do Data Center de Altiaque contan con máis de 400 m² de salas técnicas. Ademais, ata o 31 de xaneiro os centros educativos interesados poden inscribirse na IV GenTech, unha iniciativa que se volve a sumar ao catálogo do Plan DigiTalent este 2023 co obxectivo de achegar ao alumnado de Bacharelato a importancia das profesións tecnolóxicas e as oportunidades laborais que o sector TIC ofrece, dende unha perspectiva real, práctica e inspiradora.

Impulso dos novos perfís dixitais

O catálogo deste primeiro trimestre conta tamén con actuacións dirixidas a promover a adaptación de estudantes, titulados e profesionais aos perfís dixitais especializados demandados polo mercado laboral.

Neste primeiro trimestre iranse activando programas e accións formativas especializadas, obradoiros e workshops ou novas convocatorias para premios aos mellores Traballos de Fin de Grao e Mestrado, para facilitar a adecuación continua das capacidades dixitais e maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas ao contexto dixital e ás necesidades reais do tecido empresarial.

Así, Altia volve a poñer en marcha Altia FP Dualcoa que favorece o contacto do alumnado de Formación Profesional co mundo laboral, alternando estancias formativas no Instituto e na empresa. Doutra banda, activa novas edicións de Altia PremiaAltia Staging e Altia Tech Daytres iniciativas orientadas ao eido universitario co obxectivo común de impulsar o talento en tecnoloxías avanzadas e disruptivas a través da realización traballos de Fin de Grao e Mestrado en liñas de investigación innovadoras, premios de recoñecemento e accións formativas especializadas impartidas polos profesionais da compañía.

Pola súa banda, DXC Technology repite co Observatorio DXC, un programa de asesoramento especializado ao alumnado universitario de disciplinas técnicas para realización de prácticas titorizadas, o desenvolvemento de proxectos de Fin de Grao e Mestrado cotitorizados e a celebración da VI edición do premio DXC ao mellor Traballo Fin de Mestrado en Big Data da Universidade de Santiago de Compostela.

Ademais, este ano achega ao Plan a novedosa iniciativa DXC Pinchos&Datos, un conxunto de encontros en locais de ocio de Santiago nun formato breve, distendido e altamente participativo, onde o público pode interactuar cos relatores invitados, expertos en novas tendencias dixitais como a tecnoloxía de datos, a Intelixencia Artificial ou a aprendizaxe automática.

Tamén orientado ao eido universitario, NTT Data pon en marcha a iniciativa TFGs solidariosenmarcada na Cátedra en Diversidade e Tecnoloxía que a compañía mantén coa Universidade de A Coruña e que ofrece ao alumnado de Enxeñaría Informática a oportunidade de desenvolver Traballos de Fin de Grao que aporten valor á sociedade, a través de temáticas vencelladas ás necesidades tecnolóxicas de organizacións sen ánimo de lucro.

Por último, NTT Data tamén pon en marcha en colaboración con HackABoss o Bootcamp Data Science, un curso intensivo de predición, análise e interpretación de datos para a optimización da toma de decisións; así como o Mestrado de especialización de Formación Profesional Dual en IA e Big Dataque está a impulsar xunto coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización. 

28/01/202318:01
Momento dun evento no GaiásTech.
Santiago de Compostela

O Gaiástech acolle o mes do deseño cun ciclo de formación sobre fotografía en redes e creación de contidos dixitais

  • Constará de cinco sesións en liña que se desenvolverán todos os mércores entre o 1 de febreiro e o 1 de marzo
  • Os obradoiros sobre deseño e creatividade están dirixidos a persoas emprendedoras e creadoras de contidos
  • As inscricións son de balde e o prazo para participar está xa aberto
  • Trátase da sétima edición do programa #MesD, impulsado polo GaiásTech

O centro GaiásTech acollerá en febreiro un ciclo de cinco accións formativas sobre fotografía profesional para redes sociais, creación de infografías ou deseño de páxinas web, enmarcado no programa #MesD.

O #MesDDeseño é unha iniciativa do Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que se desenvolverá durante todos os mércores de febreiro e o primeiro de marzo cunha serie de actividades para todas as persoas interesadas en mellorar as súas habilidades en deseño e creatividade, especialmente emprendedoras e creadoras de contidos. A inscrición é gratuíta e aberta para todo o mundo.

Durante o #MesDDeseño, abordaranse temas como a fotografía profesional para Instagram, o deseño de vídeos profesionais para Instagram e TikTok, a creación de presentacións e infografías en liña con Xenial.ly, o deseño dunha páxina web desde cero con Wordpress.com e a creatividade para redes sociais con Canva.com.

Todos os talleres, de dúas horas de duración, comezarán ás 17:00 h e poderanse seguir en liña. Serán impartidos por Alberto Mandado, consultor especializado en deseño e comunicación con máis de dez anos de experiencia no campo. Toda a información sobre os cursos está dispoñible na páxina web do centro gaiastech gaiastech.xunta.gal.

Ciclo de cinco formacións

A primeira actividade do mes, "Fotografía profesional para Instagram", levarase a cabo o 1 de febreiro e terá como obxectivo axudar a crear fotografías de produto para tendas en liña.

A segunda actividade, que se desenvolverá o 8 de febreiro, leva por título "Vídeos profesionais para Instagram e TikTok" e ten como obxectivo ensinar a gravar e editar vídeos de maneira profesional para negocios ou proxectos utilizando un teléfono móbil.

A actividade do mércores 15 de febreiro no marco do #MesDDeseño será "Presentacións e infografías en liña con Genial.ly". O obxectivo desta sesión é aprender a crear presentacións e infografías atractivas e profesionais en liña utilizando a ferramenta Genial.ly.

O evento do día 22, titulado "Deseña a túa páxina web desde cero con Wordpress.com", ofrecerá un programa completo para aprender a crear unha páxina web desde cero utilizando a plataforma Wordpress.com.

A quinta e última actividade do mesD, "Creatividade para redes sociais con Canva.com", que se levará a cabo o 1 de marzo, ten como obxectivo deseñar un estilo identificativo do negocio para redes sociais. A través da sesión axudarase a buscar inspiración para as creacións, seleccionarase o modelo adecuado para cada proxecto, elixiranse as cores e as tipografías apropiadas e ensinarase como exportar o proxecto para a súa publicación. Tamén se discutirá como programar e publicar en redes sociais.

GaiásTech

O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.

27/01/202319:01
Relatores da conferencia.
Santiago de Compostela

A Xunta avoga por reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización

  • A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) asistiu hoxe á conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado”, no marco das actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)
  • Sonia Rodríguez-Campos apelou á necesidade de transformar os perfís profesionais das administracións, requiríndolles aos empregados públicos habilidades que permitan actuar de xeito áxil ante novos modelos de xestión e procedementos
  • No acto participaron tamén o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos, Manuel Arenilla Sáez, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez

 

A directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, avogou hoxe por reforzar a colaboración público-privada para impulsar a dixitalización e facer fronte á transformación tecnolóxica experimentada nas últimas décadas.

Así o manifestou na conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado” celebrada na EGAP en Santiago, na que estivo acompañada polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez.

Sonia Rodríguez-Campos fixo especial fincapé na incorporación de ferramentas disruptoras derivadas da Intelixencia Artificial (IA), as API ou a aprendizaxe automática no sector público, “que supoñen un cambio de paradigma que nos conduce irremediablemente a unha nova Administración, unha Administración de datos”.

A directora da Escola destacou a necesidade de transformar os perfís profesionais das administracións, requiríndolles aos empregados públicos habilidades “que permitan actuar de xeito áxil ante novos modelos de xestión e procedementos”.

Neste contexto, a directora da EGAP subliñou o importante papel da formación, tanto no sector público coma no privado, “xa que os profesionais do futuro necesitarán non só coñecementos diferentes aos actuais senón tamén novas habilidades”.

Pola súa banda, o director da AMTEGA, Julián Cerviño, puxo en valor a Estratexia Dixital 2030 de Galicia para consolidar a transición dixital na comunidade galega e que vai permitir crear un marco dixital que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxias e a suma de esforzos. Ademais repasou os grandes avances tecnolóxicos rexistrados en Galicia nos últimos anos, cun 96% da poboación que accede á Administración a través da vía electrónica e máis de 1,4 millóns de cidadáns galegos que empregan o sistema de administración electrónica Chave 365.

Julián Cerviño lembrou os principais retos da Administración dixital no futuro, que pasan por avanzar de forma eficiente nos procesos administrativos, mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e facilitar as relacións entre a Administración e os cidadáns.

Na súa intervención, o catedrático Manuel Arenilla Sáez, autor do libro “La Administración digital”, afirmou que a revolución dixital é “unha oportunidade para refundar a Administración que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade”. O profesor apuntou que “non é posible que se produza a satisfacción efectiva das demandas cidadás da Administración se non se produce un cambio na súa cultura, os seus principios e valores”.

Por último, o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez, destacou o papel da transformación dixital como unha estratéxica básica para aumentar a competitividade no sector privado, xa que permite incrementar a experiencia co usuario, promover a innovación de procesos e a mellora continua, facilitar a colaboración e a axilidade, a eficiencia e a trazabilidade.

A conferencia celebrada hoxe na EGAP iniciou o foro titulado “Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado”, un novo espazo de conversa e debate xurdido ao abeiro do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) e dirixido a fomentar o diálogo entre a esfera pública e privada en ámbitos importantes para a sociedade.

26/01/202319:01
Mans tecleando en dous portátiles.
Santiago de Compostela

A EGAP analiza os efectos da transformación dixital no sector público e privado

  • A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá mañá venres ás 12.30 horas a conferencia A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado
  • No acto participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Sáez, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez
  • A conferencia inicia o foro Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado e encádrase nas actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP)

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) acollerá mañá venres a conferencia “A Administración dixital e as implicacións da dixitalización no sector privado” coa finalidade de analizar os efectos da transformación dixital nas organizacións públicas.

A conferencia terá lugar na sede da EGAP en Santiago entre as 12.30 e 14.00 horas, e participarán a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Julián Cerviño Iglesia; o catedrático de Ciencia Política e da Administración da Universidade Rey Juan Carlos e Administrador Civil do Estado, Manuel Arenilla Saéz, e o director de Procesos Dixitais e Axilidade Operativa en ABANCA, Pablo Mateo Vázquez.

O catedrático Manuel Arenilla Sáez é autor do libro “La Administración digital” no que analiza a revolución dixital como unha oportunidade para refundar a Administración pública que, de non aproveitarse, conducirá á obsolescencia dunha parte da súa actividade.

Esta conferencia inicia o foro Diálogos sobre innovación e competitividade no sector público e no sector privado e enmárcase dentro das actividades do Instituto de Economía Pública de Galicia (IEP) creado no 2022 para formar e investigar en aspectos económicos nucleares do sector público.

25/01/202318:01
Participantes na reunión.
Bruxelas

A Xunta promove en Bruxelas o debate sobre o papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial

  • A Fundación Galicia Europa acolleu hoxe na capital comunitaria a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”
  • Expertos da Comisión, do Parlamento e da Representación Permanente de España en Europa, así como da Universidade de Santiago, debateron sobre o marco legal que está a elaborar a Unión Europea
  • Un estudio elaborado polas tres universidades públicas da nosa Comunidade destaca que Galicia estase situando como unha rexión precursora á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas
  • O alto funcionario da DG CONNECT da Comisión Europea Martin Ulbrich destacou a importancia dos estándares e códigos de conducta voluntarios para empresas e administracións como complemento da Lei europea de IA

A sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas acolleu hoxe a xornada “Intelixencia artificial, intelixencia rexional”, promovida pola Xunta de Galicia, na que representantes da Comisión Europea, do Parlamento, do Goberno de España e da Universidade debateron sobre o papel das Comunidades Autónomas ante o desenvolvemento da intelixencia artificial.

Na xornada participou o responsable de políticas da DG-CONNECT, da Comisión Europea, Martin Ulbrich; a eurodeputada Pilar del Castillo; o Conselleiro de Transformación Dixital da Representación Permanente de España na UE (REPER), Carlos Romero; e o profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Marcos Almeida. O debate estivo moderado pola directora da Oficina de Apoio Estratéxico e de Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Consellería de Facenda e Administración Pública), María Bobillo.

O alto funcionario da DG CONNECT Martin Ulbrich destacou durante a súa intervención a importancia da creación de estándares e códigos de conducta voluntarios por parte de empresas e administracións para aqueles usos da intelixencia artificial que, ao non ser considerados de alto risco, non se verán afectado pola nova lei.

Pola súa parte, a deputada do Grupo Popular no Parlamento Pilar del Castillo anunciou que agarda que a proposta sobre a nova Lei europea de IA poida estar lista a finais de febreiro para ser sometida ao pleno da Cámara, como paso previo a ser sometida ao procedemento de co-decisión. Sen embargo, engadiu que o proceso está a ser lento pola existencia de desacordos en aspectos como a conveniencia de crear unha oficina europea de IA ou sobre a prohibición de prácticas relacionadas coa identificación biométrica a tempo real, a vixilancia paliativa, o coñecemento emocional e os auto-riscos en aspectos como os algoritmos aplicados a medios de comunicación, saúde ou pago e cobro de débedas.

O conselleiro da REPER Carlos Romero incidiu en que a regulación europea non terá soamente un carácter restritivo, senón tamén incentivador. As empresas poderán testar os seus sistemas, o que incidirá na súa eficiencia e na mellora da súa produtividade e competitividade.

Durante a súa intervención, o profesor de Dereito Administrativo e responsable das políticas de protección de datos da Universidade de Santiago Marcos Almeida avanzou algúns dos resultados do “Estudo sobre o marco ético e normativo e o potencial impacto da intelixencia artificial en Galicia”. Este traballo, que será presentado nas próximas semanas, é o resultado dun convenio asinado pola Xunta de Galicia coas tres universidades públicas da nosa Comunidade.

Marcos Almeida destacou que a Lei que prepara a UE ten a virtude de estar perfectamente integrada no actual marco legal sobre protección de datos, e o que fai é adaptalo a cuestións concretas como a intelixencia artificial ou a identificación biométrica.

O marco ético e normativo para o desenvolvemento da intelixencia artificial debe incluír mecanismos sociais de control, segundo destacou Marcos Almeida. Neste sentido, defendeu a creación de escenarios de proba de sistemas de intelixencia artificial nos que a sociedade poida participar.

A directora da Oficina de Apoio Estratéxico e Planificación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, María Bobillo, tamén se referiu as conclusións do estudio elaborado polas tres universidades, que indican que “Galicia estase situando como rexión precursora e á vangarda dunha intelixencia artificial ética e fiable en liña coas políticas europeas”.

07/01/202314:01
Persoa maior usando un smartphone.
Santiago de Compostela

O uso da rede entre as persoas de 65 aos 74 anos crece o dobre da media estatal e supera o 70 %

  • Os galegos de 16 a 34 anos superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online
  • Galicia ocupa a sétima posición na concertación de citas sanitarias por internet e supera en dous puntos a media estatal no emprego da banca online
  • Crece o uso das canles dixitais coa Administración, que empregaron o 83,8 % dos internautas galegos no último ano
  • O 33,7 % de galegos xa utiliza dispositivos ou servizos de domótica do fogar, principalmente altofalantes, electrodomésticos conectados e administración de enerxía

Os usuarios de internet de entre 65 aos 74 acadaron o 70,5 % en Galicia, tras subir nos últimos 12 meses un 8,5 % -o dobre que a media estatal, que se sitúa no 4,2 %-. É o incremento máis significativo rexistrado no último ano, precisamente, no colectivo de persoas con máis dificultades de acceso á tecnoloxía. Cómpre destacar o crecemento progresivo de internautas neste tramo de idade en Galicia. Hai 6 anos, en 2017, as persoas de 65 a 74 anos que empregaban internet situábanse no 27,9 %. 

Os galegos de 16 a 34 superan a media estatal no uso habitual da rede e nas compras online. O 98,3 % dos nenos galegos de 10 a 15 anos empregan o ordenador e sitúanse á cabeza no uso deste equipamento TIC no ranking por comunidades autónomas, 5,2 puntos por riba da media estatal.  

O 95,6 % destes nenos usaron internet nos últimos 3 meses, tamén por riba da media estatal. Son parte dos últimos datos publicados polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2022, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA) -dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)- e que constatan os bos resultados dos indicadores de uso das TIC entre os máis novos. 

Uso das TIC: comercio electrónico, e-saúde e banca dixital

En canto ás compras a través da rede, un 50,5 % da poboación galega adquiriu algún produto ou servizo a través de internet nos últimos tres meses, pero no tramo de idade dos 16 aos 34 anos supérase a media do Estado en máis de 5 puntos porcentuais, xa que o 68,8 % de galegos de 16 a 24 mercaron por internet nos últimos tres meses, e o 78,3 % dos de 25 aos 34 anos.

As actividades máis realizadas nos tres últimos meses están relacionadas coa comunicación, realizadas polo 90,8 % da poboación galega de 16 a 74 anos; recibir ou enviar correos electrónicos (77,5 %); buscar información sobre bens e servizos (76,7 %); ou ler noticias de xornais ou revistas de actualidade online (76,0 %).

Respecto á saúde, cabe destacar a elevada porcentaxe de uso de servizos online, como concertar unha cita cun médico a través dunha páxina web ou dunha app, que acada unha porcentaxe de 55,3 %, ocupando a sétima posición no ranking por CC.AA. Galicia ocupa esa mesma posición no acceso a arquivos persoais de saúde (38,7 %). 

Cabe salientar especialmente que o 71,9 % dos galegos utilizan a banca por internet (incluída a banca móbil), superando a media estatal (69,6 %) en 2,3 puntos e ocupando novamente a sétima posición no ranking por CC.AA. 

Interacción coas administracións públicas a través de internet

O 83,8 % dos internautas de 16 a 74 empregaron algunha páxina web ou apps das administracións públicas nos 12 últimos meses por motivos particulares. Isto supón un incremento de 18,5 % respecto a 2021,  fronte ao 15,5 % da media estatal. 

Entre os trámites máis frecuentes, o 68,9 % descargou algún formulario oficial, superando a media estatal (67 %). Un 24,5 % accedeu á información de bases de datos ou rexistros públicos (rex. catastrais, de empresas…), sendo a terceira comunidade autónoma que máis xestiona por internet estas consultas.  

A internet das cousas

Do total de internautas galegos de 16 a 74 anos, o 33,7 % utilizaron dispositivos ou servizos de domótica no fogar. En concreto, o 21 % empregou asistentes virtuais en forma de altofalante intelixente ou de app (como Alexa, Google Home, Siri, Cortana...); o 15,2 % electrodomésticos conectados, o 11,2 % sistemas para a administración de enerxía para o fogar (luces, enchufes, termostatos...) e o 6,7 % sistemas de alarma/seguridade do fogar (fechaduras, cámaras, detectores de fumes...).

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS