main content

main content
15/11/202217:11
Inauguración das novas instalacións do Centro de Excelencia de Intelixencia de Negocio (CEIN) en Galicia.
Santiago de Compostela

O presidente da Xunta destaca a mellora do CEIN de DXC Technology como proba da aposta de Galicia pola intelixencia artificial da man do talento e da iniciativa privada

  • Resalta que a consolidación e expansión do centro, que pasou en seis anos de 50 a 150 traballadores, demostra que a Comunidade é un referente no eido da tecnoloxía de vangarda e da analítica de datos
  • Subliña que Galicia foi precursora cando hai un decenio puxo en marcha o Pacto Dixital para impulsar o crecemento tecnolóxico ao que se sumaron 12 empresas e que foi o impulsor do CEIN
  • Anuncia un novo acordo coa compañía para desenvolver unha plataforma intelixente de datos na Administración autonómica
  • “Teño moita confianza en que Galicia poida ser a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial”, asegura o titular do Goberno galego

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a mellora do Centro de Excelencia de Intelixencia de Negocio (CEIN) como proba da aposta de Galicia pola intelixencia artificial da man do talento e da iniciativa privada. Na inauguración das novas instalacións da compañía de DXC Technology, resaltou que a consolidación e expansión do centro, que pasou en seis anos de 50 a 150 traballadores, demostra que Galicia é un referente no eido da tecnoloxía de vangarda e da analítica de datos.

O titular do Goberno galego recordou que a Comunidade demostrou ser precursora cando hai case dez anos se puxo en marcha o Pacto Dixital de Galicia, ao que se sumaron 12 empresas do sector TIC para impulsar o crecemento tecnolóxico, e que esa iniciativa favoreceu a posta en marcha do CEIN, que nada máis inaugurarse quedou pequeno para a demanda que tiña por parte de empresas e organismos para a análise de predición de datos a fin de tomar as decisións máis axeitadas.

A necesidade de obter certezas en tempos de incertezas incrementou a demanda coa chegada da pandemia, de tal maneira que o CEIN non só acrecentou as súas colaboracións coa Administración autonómica -como a análise de predición na prestación farmacéutica ou na atención á dependencia, ademais da plataforma de comunicación É-Saúde- senón tamén estudos de datos solicitados pola banca ou por sectores como o da moda.

Coas ampliadas instalacións do CEIN a Xunta tamén quere redobrar as alianzas coa compañía co desenvolvemento dunha plataforma para a xestión intelixente do dato na Administración autonómica. Permitirá desenvolver o Plan de administración e goberno dixital 2025 e ofrecer produtos e servizos avanzados, facilitar a toma de decisións e a posibilidade de compartir e aproveitar datos públicos non persoais para o desenvolvemento económico e social de Galicia. “O Goberno galego tamén é cliente do CEIN porque somos esixentes coas concesionarias e sabemos o ben que se traballa aquí”, subliñou Rueda.

Estratexia Galicia Dixital 2030

Alfonso Rueda recordou que a Comunidade autonómica conta cuns obxectivos moi ambiciosos na posta en marcha da Estratexia Galicia Dixital 2030, coa que se pretende que o 25 % das empresas e o 50 % das administracións fagan uso de solucións dixitais baseadas na intelixencia artificial, a big data ou a ciberseguridade, e que polo menos o 20 % das empresas do sector TIC galego conten con especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial ou datos.

O sector das TIC, cuns 26.000 traballadores e máis de 3.000 empresas, é chave no proceso de transformación dixital que Galicia iniciou hai máis dun decenio e que na actualidade conta xa co Nodo de Ciberseguridade de Galicia e co Centro de Ciberseguridade de Galicia, ademais do Nodo 5G e o Centro GaiásTech.

O presidente da Xunta recalcou que nada do acadado sería posible de non contar co talento galego que se forma nas universidades e nos centros de investigación. “Entre todos perfilamos un tecido que non fai máis que medrar e que situou a Galicia nunha situación punteira”.

De feito, Alfonso Rueda mostrouse convencido de que a suma do talento e da investigación, xunto coa implicación da iniciativa privada, coloca á Comunidade galega nunha posición dominante no panorama estatal, e que por iso “teño moita confianza en que Galicia poida ser a sede da Axencia Estatal de Intelixencia Artificial. 

14/11/202207:11
Voluntariado.
Santiago de Compostela

A Xunta asina convenios coas tres universidades de Galicia para fomentar a acreditación do voluntariado entre o alumnado

  • As actividades de voluntariado promovidas pola Consellería de Política Social e Xuventude terán recoñecemento académico mediante o sistema de créditos

A Xunta asinou convenios de colaboración coas Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para favorecer que os programas de voluntariado promovidos polo Goberno galego teñan recoñecemento académico mediante o sistema de créditos. O obxectivo é seguir enriquecendo o currículo académico do alumnado a través da formación transversal que achega, por exemplo, o voluntariado, que tamén é unha competencia clave para impulsar o futuro laboral da mocidade.

Grazas a este acordo, todo programa impulsado pola Consellería de Política Social e Xuventude en materia de voluntariado no que participen estudantes universitarios, e sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de horas e así o soliciten, verán acreditadas ditas experiencias mediante o sistema de recoñecemento de créditos do sistema europeo de transferencia subscrito polas tres universidades galegas.

Neste sentido, a Administración autonómica e as institucións académicas comprométense ao recoñecemento das actividades de acción voluntaria mediante a emisión dos certificados de experiencias voluntarias, no caso da Consellería, e posterior acreditación dos créditos que lle correspondan, no caso da Universidade. Cómpre destacar que esta colaboración tamén axuda a complementar os programas propios de solidariedade e voluntariado que xa teñen en marcha as universidades galegas, algúns deles en cooperación coa propia Consellería de Política Social e Xuventude como é o caso de Correspondentes universitarios.

Con este convenio, o Executivo galego dá un paso máis no recoñecemento da acción voluntaria como unha boa experiencia de vida que habilita para achegarse á sociedade desde un punto de vista máis humano e solidario.

16/11/2022De 16:00 a 20:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Centro GaiásTech

Formación en competencias dixitais para persoas desempregadas

Desde o 16 ata o 18 de novembro, as persoas desempregadas ou en procura de emprego, poderán participar nesta formación de 12 horas, na que se fará un obradoiro en habilidades sociais orientadas á procura de emprego e haberá formación en competencias dixitais orientadas a mellorar a empregabilidade. 

Programa

  • Taller de habilidades sociais:
    • Que son as habilidades sociais?
    • As habilidades sociais: na procura de emprego.
    • A entrevista de traballo.
    • Consellos para afrontar a entrevista de maneira eficiente.
  • Formación en TICs:
    • Que son as TIC?
    • Competencias dixitais básicas:
      • Tratamento de textos (carta de presentación e curriculum)
      • Acceso a internet.
      • Manexo de mail.
      • Comunicación a distancia.
    • Internet como ferramenta para a procura de emprego: blogues e portais de emprego.
    • Ferramenta de deseño dixital: CANVA (curriculum)
10/11/202218:11
Clausura de Ciber.gal.
Santiago de Compostela

A Xunta destaca o papel da ciberseguridade no desenvolvemento e uso das tecnoloxías intelixentes

  • O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou este mediodía o II Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal
  • Destacou que o modelo de colaboración público-privada polo que aposta a Xunta permitiu dar unha resposta áxil e eficaz ás situacións provocadas polo maior uso das tecnoloxías durante a pandemia e ás ameazas das novas guerras híbridas
  • Puxo en valor a Estratexia Galicia Dixital 2030 de Galicia, que avoga por unha transformación dixital ao servizo das persoas, con criterios éticos e humanistas, e nun entorno de seguridade e confianza

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o papel da ciberseguridade no desenvolvemento e uso das tecnoloxías intelixentes e na especialización tecnolóxica. 

Miguel Corgos clausurou este mediodía o II Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal onde destacou que neste ámbito as actuacións da Xunta englóbanse en tres liñas principais. En primeiro lugar, a aposta pola colaboración público-privada, que se plasmará proximamente na Estratexia Galega de Ciberseguridade e que se reflicte xa no Nodo Galego de Ciberseguridade (CIBER.gal). 

Como segunda liña subliñou o compromiso do Goberno galego coas infraestruturas e destacou a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estará en Ourense ou o acordo marco vixente que permite ás administracións e entidades públicas unha contratación centralizada de servizos de ciberseguridade. En terceiro lugar, destacou a importancia da formación e a concienciación pois os ataques son cada vez mais profesionais e sofisticados con novas formas de infracción.

O conselleiro tamén incidiu en que o modelo de colaboración polo que aposta a Xunta permitiu dar unha resposta áxil e eficaz ás situacións provocadas polo maior uso das tecnoloxías durante a pandemia e ás ameazas das novas guerras híbridas. Subliñou ademais, a importancia de que a cidadanía adopte as precaucións necesarias e atenda ás recomendacións dos especialistas. 

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou que Galicia conta coa Estratexia Galicia Dixital 2030, que avoga por unha transformación dixital ao servizo das persoas, con criterios éticos e humanistas, e nun entorno de seguridade e confianza.

09/11/202215:11
Algúns dos ponentes de Ciber.gal.
Santiago de Compostela

Máis de 40 expertos de primeiro nivel debaten dende hoxe en Santiago sobre ciberseguridade

  • O Encontro de Ciberseguridade de Galicia, que foi inaugurado en Santiago, dedica a súa primeira xornada á seguridade nas administracións públicas e nas empresas
  • O evento, promovido pola Xunta, está organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade (Ciber.gal) en colaboración co Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia
  • A Xunta pon en valor o modelo de colaboración público-privada que permitiu afrontar o aumento da ciberdelincuencia durante a pandemia ou as ameazas relacionadas coa guerra en Ucraína
  • O encontro remata mañá, cunha xornada dedicada á concienciación da cidadanía e a final do concurso “Ciberseguridade no Cole”, no que participaron máis de 4.000 escolares

Máis de 40 expertos, entre os que se atopan algúns dos principais especialistas en seguridade da información de España, participan dende hoxe en Santiago na segunda edición do Encontro de Ciberseguridade de Galicia. O evento, que pode ser seguido de modo presencial ou en liña, ten rexistradas cerca de 1.800 inscricións.

O encontro foi inaugurado esta mañá nun acto que contou coa participación do director de Infraestruturas e Seguridade da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Adrián Lence; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela; a secretaria xeral do Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), Carla Redondo; e o subdirector xeral do Centro Criptolóxico Nacional (CCN), Luis Jiménez.

Na súa intervención, Adrián Lence indicou que “en ciberseguridade non hai un minuto que perder e é imprescindible a colaboración e o intercambio de información en tempo real”. Neste sentido, puxo en valor o modelo de colaboración polo que apostou a Xunta de Galicia, e que permitiu afrontar dunha maneira máis eficaz as situacións provocadas polo aumento no uso das tecnoloxías durante a pandemia e as ameazas das novas “guerras híbridas”.

Neste sentido, o nodo Ciber.gal, que organiza o encontro, é o primeiro escenario de colaboración público-privada dunha comunidade autónoma española. Foi creado en 2020 e, na actualidade, está integrado por máis de 45 entidades e empresas.

A primeira xornada do encontro está dedicada á seguridade da información nas Administracións Públicas e nas empresas. A Xunta presentou as principais iniciativas en marcha sobre seguridade informática, entre as que se atopa a creación do Centro de Excelencia en Ciberseguridade, que estará en Ourense; ou o acordo marco que permite a administracións e entidades públicas contratar servizos de seguridade. Os asistentes tamén puideron coñecer outros modelos, como o que leva a cabo a Comunidade Valenciana. A sesión da mañá rematou coa intervención de Ramsés Gallego, director internacional de tecnoloxía de CyberRes, considerado un dos maiores expertos españois na materia, que introduciu o concepto de “ciber-resiliencia”.

A tarde está dedicada á ciberseguridade nas empresas, coa participación de expertos de Abanca, Finsa, Kusilas, Edigal, ISMs Forum ou Telefónica; así como especialistas dos Corpos de Seguridade do Estado.

O encontro será clausurado mañá polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos. A xornada de clausura estará dedicada á concienciación da cidadanía e acollerá a final do concurso “Ciberseguridade no cole”, no que participaron máis de 4.000 escolares de Galicia.

09/11/202207:11
Persoa maior usando unha tableta.
Santiago de Compostela

Telefónica organiza un obradoiro de ciberseguridade para maiores no marco de CIBER.gal

Telefónica vai organizar na Cidade da Cultura un obradoiro sobre ciberseguridade dirixido ao colectivo das persoas maiores, co obxectivo de garantirlles navegacións seguras e un uso seguro das novas ferramentas para comunicárense, informarse e facer trámites bancarios ou coas administracións. Este é o obxectivo do taller #ConectaSenior, que Telefónica desenvolve este xoves 10 de novembro dentro do II Encontro CIBER.gal.

O obradoiro celebrarase entre as 11.15 h. e as 12.30 h na Sala 10 do edificio Fontán da Cidade da Cultura de Santiago, e trátase dunha charla didáctica e interactiva onde os maiores poderán coñecer en primeira persoa exemplos de casos reais de estafas e calotes, e como aprender a detectalos para poder tamén evitalos. A entrada é gratuíta e a capacidade é limitada, polo que se recomenda chegar polo menos con 15 minutos de antelación. Ao terminar o taller sortearanse catro tabletas entre os asistentes.

08/11/202207:11
Presentación de Talentos Inclusivos.
A Coruña

O CITIC e ASPACE Coruña presentan a terceira edición de Talentos Inclusivos

A Domus da Coruña acolleu este venres 4 de novembro a presentación da nova edición, a terceira, do programa Talentos Inclusivos, impulsado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC e a Asociación de Padres de Personas con Parálise Cerebral de A Coruña (ASPACE) para facilitar a inclusión das persoas con diversidade funcional. Segundo se fixo saber, nesta nova convocatoria 2022-2023 participarán unha decena de centros de Secundaria e Bacharelato.

En palabras de Manuel F. González Penedo, director do CITIC, Talentos Inclusivos “é un exemplo de colaboración entre un centro de investigación e unha entidade do terceiro sector, para o que poñemos á súa disposición aplicacións, programas ou diferentes tecnoloxías que axuden a mellorar procedementos e métodos e faciliten a vida cotiá nos ámbitos persoal e social daquelas persoas que adoitan atopar máis obstáculos no acceso ás TIC”. A través de Talentos Inclusivos o alumnado de Secundaria e Bacharelato terá que buscar solucións TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) aos retos detectados por ASPACE Coruña coa finalidade de cumprir o dobre obxectivo do programa: espertar vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre a xuventude e dar a coñecer a discapacidade a través de equipos cooperativos de traballo para resolver os desafíos propostos polas persoas con diversidade funcional. Entre os retos detectados para este curso destacan a busca de solucións tecnolóxicas para crear un xeolocalizador de prazas de discapacidade no Concello da Coruña, un botón adaptado para o acendido e apagado do computador, un soprador de velas adaptado, a adaptación do guiador en impresión 3D para persoas con diminución de forza motora ou parálise parcial (hemiparesia) e un showroom de habitación domotizada.

Colaboración do Concello

Na presentación do proxecto, ademais das entidades promotoras, o CITIC e ASPACE Coruña e alumnado dos centros educativos, participaron representantes das institucións que apoian o programa, coma por exemplo o Concello da Coruña, institución que se sumou ao programa a pasada edición. A súa alcaldesa, Inés Rey, salientou o seguinte: “O alumnado e os colexios da cidade que toman parte este ano no programa Talentos Inclusivos poden contar co noso compromiso para garantir que as súas ideas e proxectos chegarán ao tecido asociativo da cidade, porque é a transferencia de coñecemento desde o tecido investigador e formativo, á cidadanía, o que permite que os avances pasen a ser reais e efectivos".

Presenza de Román Rodríguez

Na mesma liña que a rexedora coruñesa, o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez gabou esta iniciativa que “enlaza dous ámbitos clave”, dixo, “como son a convivencia escolar e a formación STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) ao servizo dun sistema educativo de calidade e equitativo, dous aspectos que consideramos esenciais para garantir un modelo comprometido xusto e dinámico para todo o alumnado como é o caso do ensino galego, que é un referente nacional e internacional na aposta pola accesibilidade, a inclusión e a atención á diversidade”.

Pola súa banda, o presidente do Consello Social da Universidade da Coruña, Antonio Abril Abadín, resaltou que Talentos Inclusivos entronca directamente cos valores e os principios que defende o Consello Social da UDC como son a procura dun modelo educativo máis inclusivo e unha universidade socialmente responsable, “o que nos levou desde o primeiro momento a colaborar estreitamente co CITIC e ASPACE Coruña para impulsar este ilusionante proxecto”. Esta iniciativa, asegurou, “demostra que a colaboración universidade-empresa-terceiro sector xera polos de innovación capaces de contribuír a satisfacer necesidades e inquedanzas sociais de primeiro”. Así mesmo, a directora xeral da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), Imma Aguilar, incidiu no apoio a este proxecto que segundo dixo enmárcase dentro dos obxectivos da fundación de “catalizar, impulsar a conexión entre a ciencia e a diversidade”. E engadiu: “Temos o reto de facer unha ciencia inclusiva para todas as persoas e é un orgullo apoiar este proxecto”. Uns apoios que agradeceu tamén a presidenta de ASPACE Coruña, María del Carmen Barreiro Santos, quen sinalou que Talentos Inclusivos é “unha oportunidade para amosar as grandes capacidades que teñen as persoas con parálise cerebral, porque o talento non entende de barreiras” e agradeceu a implicación do profesorado e alumnado. Para rematar a presentación da terceira edición, o subdirector do CITIC e investigador principal do proxecto, Javier Pereira, xunto ao fisioterapeuta de ASPACE Coruña, Rubén Carneiro, fixeron balance do traballo realizado anos anteriores, nos que chegaron a 280 estudantes de 11 centros de ensinanza coruñeses e afondaron nas propostas e os retos a afrontar este curso 2022-23. Tamén achegaron a súa experiencia en canto á participación no proxecto dúas usuarias de ASPACE Coruña e representantes do alumnado dun centro educativo implicado na edición anterior.

04/11/202213:11
Mans usando un smartphone.
Boiro

A cidadanía de Boiro poderá formarse no uso da banca electrónica cunha charla na Aula CeMIT

Aula CeMIT do Concello de Boiro ofrece unha charla sobre tramitación electrónica coa banca, co fin de facilitar o seu manexo entre a cidadanía neste contexto de imparable avance dos procesos e das xestións bancarias online e de peche de sucursais. A actividade enmárcase na formación en competencias dixitais que ofrece o Concello de Boiro mediante a Aula CeMIT.

A charla, nomeada Canles para operar dixitalmente co teu banco celebrarase o vindeiro xoves 24 de novembro entre as 12.00 e as 13.00 horas. As prazas son limitadas polo que se require inscrición previa.

Máis información e inscricións en axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 ou no móbil 629 769 139.

03/11/202208:11
Cartel da iniciativa.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

A Tecnópole volve xuntar forzas coa APTE para inverter a curva descendente das mozas no ámbito STEM

O Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- participa no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE) e cuxo obxectivo é incrementar a presenza de mozas que se decaten por estudos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemática), tanto en Secundaria como logo nos estudos universitarios. Búscase dar unha viraxe a un nivel de participación que segue a ser moi baixo nestas materias. De feito, só o 30% do alumnado universitario no ámbito STEM é alumnado feminino, tanto en España como no eido internacional. A quinta edición do proxecto arrancaba na mañá deste 2 de novembro en 20 parques e múltiples centros de Educación Secundaria de toda España.

Esther Merlo é doutora e enxeñeira de Montes, fundadora e directora da empresa Madera Plus Calidad Forestal, con sede en Tecnópole. Con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, alentou desde Galicia ás rapazas a optar por carreiras científicas ou técnicas. “Creo que as carreiras técnicas permítennos desenvolver as nosas capacidades innatas, o enxeño, a curiosidade, a capacidade de buscar solucións, axúdannos a antepoñernos ás dificultades”, salientou, convidando ao alumnado feminino a realizar este tipo de estudos porque “dan moitas satisfaccións, permítennos afrontar retos que nos enriquecen día a día e vanvos facer sentir orgullosas por achegar solucións a problemas actuais da sociedade desde ámbitos moi diferentes”.

Tecnópole vai celebrar tres xornadas para os centros educativos os días 8, 10 e 15 de novembro, coincidindo coa Semana da Ciencia. Contarase coa participación de varias mulleres científicas, empresarias ou tecnólogas da contorna de Tecnópole, que relatarán a súa experiencia persoal e profesional, axudando ao alumnado a descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas. Ademais de Esther Merlo, participarán Marta Otero, doutora en Física, técnica de I+D do Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia; Lucía Novelle, enxeñeira de Minas, socia da empresa de investigación xeotérmica Ingeo; e Azahara Soilán, doutora e enxeñeira de Montes, da Área de Innovación e Tecnoloxía do CIS Madeira.  Tamén haberá obradoiros que achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino. Serán conducidos por Patricia Barciela, directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses.

Por outra banda, realizarase un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes na Tecnópole relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico ou a acción polo clima, entre outras cuestións. “A finalidade”, explican fontes do Parque, “é que as persoas participantes poidan deseñar un proxecto que sirva como solución a un problema concreto”. Unha vez rematada a xornada, o alumnado traballará por grupos nos seus respectivos centros e enviarán a súa proposta en formato vídeo a Tecnópole, de xeito que a solución elixida participará nun concurso nacional que se celebrará en Madrid en abril. Na anterior edición do programa, o centro que representou a Tecnópole resultou gañador deste certame.  As e os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en feminino recibirán dúas guías. Por un lado, a guía Que quero ser de maior?, a través da que se busca promocionar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo (BlockchainBig Data, Intelixencia Artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica) e as súas posibles saídas profesionais.

31/10/202207:10
Ferramenta virtual para persoas con TEA.
Vigo

As ferramentas virtuais personalizadas melloran a interacción social en nenos e nenas con TEA

  • Elixir o xénero ou os intereses dos avatares pode incrementar a eficiencia dos recursos tecnolóxicos
  • Este estudo constitúe a tese doutoramento do investigador Luis Fernando Guerrero

As persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) sofren unha disfunción neurolóxica que se manifesta a través dunha serie de síntomas que dificultan a comunicación e, sobre todo, as interaccións sociais e afectivas. Este trastorno adoita diagnosticarse a idades temperás e unha intervención nesta primeira etapa pode axudar a que os nenos e nenas con autismo poidan adquirir habilidades sociais que lles permitan acadar a madurez cunha inserción social adecuada. 

En concreto, as tecnoloxías da información e a comunicación, TIC, teñen demostrado a súa utilidade como ferramentas para os tratamentos terapéuticos de varios tipos de trastornos do neurodesenvolvemento, especialmente no caso de persoas con TEA, que teñen unha notable disposición e preferencia polo uso de dispositivos tecnolóxicos. Non obstante, o autismo caracterízase pola diversidade e polas diferencias moi marcadas entre as persoas que o sofren, incluso cando os trazos diagnósticos son similares. Polo tanto, aínda que as TIC supoñen unha oportunidade para o desenvolvemento de soportes terapéuticos, as solucións xeneralizadas non son efectivas e resulta preciso deseñar soportes personalizados. Consciente desta eiva, o investigador Luis Fernando Guerrero decidiu centrar a súa tese de doutoramento en amosar as vantaxes da xeración de soportes tecnolóxicos personalizados en función dos perfís dos usuarios, xa que axudan a xerar un sentimento de autoidentificación e de pertenza cara ás ferramentas, mellorando consecuentemente a eficiencia da intervención terapéutica.

Ecuador, foco do estudo

A tese, dirixida polos profesores Martín López Nores e Jack Fernando Bravo, desenvolveuse no marco do Programa de doutoramento internacional en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, DocTIC, do centro de investigación atlanTTic. O punto de partida foi o uso de trazos físicos, como sexo ou raza, e das características diagnósticas individuais de cada persoa con TEA para a personalización de interfaces de interacción baseadas en avatares. Ademais, Guerrero testou no contexto concreto da poboación de Ecuador a efectividade do uso destes avatares personalizados nas intervencións terapéuticas.

Como explica o investigador, “a primeira estratexia baséase na inserción de trazos étnicos propios dos grupos humanos do lugar onde viven os participantes na terapia, mentres que a segunda baséase no uso de características diagnósticas propias do trastorno como son os denominados intereses restrinxidos, consistentes en fixacións, preocupacións ou fascinacións por temas específicos, con intensidade ou concentración anormal e un apego permanente”.

Para probar estas estratexias, Guerrero creou un conxunto de avatares con características dos principais grupos étnicos do Ecuador (mestizos, brancos e afroecuatorianos) e de ambos sexos. Ademais, procurou que os trazos antropomórficos coincidisen cos dun neno ou nena de entre 9 e 10 anos e engadiu a posibilidade de modificar a vestimenta e o escenario. A ferramenta foi desenvolvida dende cero, apunta o investigador, e para facelo empregou como punto de partida “fotografías de nenos e nenas de diferentes grupos étnicos do país”. 

O xénero e os intereses restrinxidos, as claves da personalización

Unha vez deseñada a ferramenta, o investigador realizou a avaliación en dúas etapas. Na primeira participaron 31 nenas e nenos neurotípicos sen ningún trastorno ou discapacidade que tiveron que elixir un avatar para manter unha interacción. “Os resultados indican que os rasgos étnicos non son un factor crítico” á hora de elixir un avatar, pero o xénero “é fundamental e debe coincidir co do participante para garantir unha interacción adecuada”, explica.

Na segunda etapa, o investigador traballou cun grupo de control composto por 16 nenas e nenos neurotípicos de arredor de 10 anos, outro grupo de control de nenos con TEA cunha media de 5 anos e cun grupo experimental formado por unha nena e seis nenos de idade promedio de 6 anos. Co grupo experimental “avaliáronse os intereses restrinxidos, concretamente a vestimenta e o escenario dos avatares”. Empregando observación directa por parte dos terapeutas e un sensor para a detección da dirección da mirada, determinouse que estes elementos “serven como motivadores para incentivar a interacción e enfocar a atención”. Ademais, o investigador tamén advertiu que mentres no grupo control “a atención diminuía conforme avanzaban as sesións terapéuticas”, no grupo experimental con avatares personalizados a atención mantíñase constante.

Para Luis Fernando Guerrero, estes resultados demostran que “a personalización baseada no xénero dos avatares e nos intereses restrinxidos permite incrementar a eficiencia dos recursos empregados na interacción social das persoas con TEA e poderían ser utilizados noutras solucións tecnolóxicas”. Neste sentido, engade que todo apunta “a que existe un longo percorrido por diante na investigación en aspectos de personalización de soportes para terapia do TEA como continuación deste traballo”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS