O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) únese á efeméride do Día Mundial da Sociedade da Información –Día de Internet (#díadeinternet)–. Celebrarase o vindeiro martes 17 de maio dedicado neste 2022 a “Internet e as tecnoloxías dixitais para as persoas maiores e o envellecemento saudable”.
O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, explica que as persoas maiores constitúen un segmento moi heteroxéneo e cada vez máis numeroso en Europa. En concreto, apunta que en España o 20% da poboación, nove millóns e medio de persoas, son maiores, e en Galicia mesmo se supera esta porcentaxe. Nesta tesitura, Suárez considera que o uso das tecnoloxías dixitais no colectivo das persoas maiores é xa un elemento “transversal e vertebrador” cada vez máis relevante para a súa vida diaria que os axuda a estar presentes e ser partícipes na sociedade, a exercer os seus dereitos, a evitar a aparición da soidade non desexada e a envellecer de forma máis saudable. “A plena inclusión dos nosos maiores esixe establecer medidas e recursos sociais destinados a dar respostas enfocadas no respecto pleno á súa dignidade, dereitos, intereses e preferencias contando coa súa participación efectiva” –engade–.
Pero a situación actual é ben distinta, e Fernando Suárez apunta que a sociedade está inmersa nunha “transformación dixital acelerada” onde hai dispositivos, servizos e tecnoloxías non adaptadas ao colectivo de maiores, impedindo que poidan facer uso de servizos ou mesmo reivindicar os seus dereitos en igualdade de condicións que o resto. “Se queremos aproveitar o potencial destes avances maximizando a súa potencia democratizadora debemos promover, incentivar e defender que os dispositivos, produtos, aplicacións e servizos tecnolóxicos sexan accesibles para todas as persoas, con especial atención a Internet, para que manteña o seu deseño universal e sen barreiras para calquera tipo de persoa maior e que lles proporcione as mesmas facilidades que ao resto da poboación. Só unha perspectiva integradora e global contribuirá a que todos os cidadáns poidamos aproveitar a informática para garantir o desenvolvemento persoal, a mellora da vida diaria, así como un envellecemento máis enriquecedor” –advirte–.
O CPEIG levará a cabo este ano accións destinadas a potenciar a importancia do talento e a experiencia sénior para darlles cabida na sociedade, buscando fórmulas, a través da informática, para que as persoas maiores poidan seguir achegando talento e experiencia. “Situar ás persoas maiores no centro do desenvolvemento tecnolóxico faranos mellores como sociedade” –sentencia–.
Unha destas actividades para potenciar o uso das tecnoloxías entre as persoas maiores é #CaminaenDigital, acción enmarcada no Día de Internet 2022. As actividades desta iniciativa están promovidas pola asociación Somos Digital, coordinadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia a través da súa Red CeMIT e apoiadas polo CPEIG.
Estase a celebrar o Reto #CaminaenDigital, unha actividade colaborativa e lúdico-formativa na que 75 persoas maiores de 7 Centros de Competencias Dixitais de Galicia –aulas CeMIT: Fisterra, Vigo, Guitiriz, Ortigueira, Castrelo de Miño e Cuntis, e como centro colaborador de CeMIT a Federación Galega de Asociacións Universitarias Sénior (Fegaus)– aprenden destrezas dixitais e actívanse fisicamente sumando pasos nas súas contornas para realizar o Camiño de Santiago de forma virtual e sumar os 764 quilómetros. Camiñan día a día polas súas proximidades, sacan fotos, gravan vídeos e rexistran e comparten estas experiencias a través da páxina web https://caminaendigital.com/, do espazo na rede social Facebook https://www.facebook.com/CaminaEnDigital/, na que as imaxes e vídeos con máis “Gústame” levan premio, e do hashtag #CaminaenDigital. En total, están inscritos preto de 80 Centros de Competencias Dixitais de España.
Fernando Suárez recomenda ás persoas maiores ir “paso a paso” para avanzar no uso da tecnoloxía, sen ter medo e asumindo que vai ser un proceso de aprendizaxe lenta. “A pandemia puxo en evidencia que xa vivimos nunha sociedade tecnolóxica e que nos dous últimos anos produciuse unha aceleración da transformación dixital polo teletraballo, a educación a distancia, as compras electrónicas ou o afianzamento das plataformas de ocio dixital durante os confinamentos. Por iso, o obxectivo é usar as vantaxes desta economía intelixente e implantar accións inclusivas para non deixar a ningún colectivo poboacional á marxe” –sinala–.
O reto finalizará o vindeiro 20 de maio cun Escape Room onde os centros porán a proba as súas competencias dixitais, a visualización de vídeos das persoas maiores contando as súas experiencias coa tecnoloxía, e un acto de entrega de premios aos participantes e centros gañadores.
Tamén dentro deste proxecto celebrarase o 30 de maio o seminario “Viaxa e descobre novos mundos desde o dixital” na Red CeMIT de Galicia que impartirá o CPEIG.
Máis información: https://caminaendigital.com/
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos Videoxogo.gal, Luz Castro, presentaron o convenio de colaboración mediante o que este colectivo se encargará da xestión do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, que a Xunta de Galicia pon en marcha cunha dotación de 360.000 euros ao abeiro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural.
A selección desta entidade para actuar como aceleradora de proxectos emprendedores é o resultado dun proceso público iniciado a finais do pasado mes de marzo como primeiro paso para o desenvolvemento do programa. A continuación, arrancará o procedemento para elixir unha decena de novas empresas e profesionais emprendedores galegos, que se integrarán neste polo a partir da convocatoria que será publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 11 de maio.
Esta nova iniciativa, encamiñada a axilizar a consolidación dos estudios seleccionados e a saída ao mercado dos seus produtos, arrancará cunha etapa de aceleración intensiva con consultorías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Contarase para tal fin coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento.
Tamén está prevista a organización de actividades de innovación, de eventos de presentación de proxectos diante dos principais operadores do sector e dun programa para a xestión da mobilidade internacional con presenza nalgúns dos máis destacados mercados a nivel mundial, así como campañas de difusión e unha consultaría de seguimento.
A industria galega dos videoxogos está a ser por vez primeira obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e desenvolvemento, cun investimento de preto dun millón de euros ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta. Ademais do devandito polo de aceleración, proximamente se convocará un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000 €. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
Como medida complementaria para favorecer unha maior estruturación do sector, levarase a cabo un mapeo do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a este sector no marco Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
Baixo a premisa de reivindicar as relevantes contribucións pasadas, presentes e futuras das mulleres no progreso científico e tecnolóxico, tres escolas da UVigo puxeron en marcha a principios de curso unha exposición itinerante que segue estes días o seu periplo por centros educativos galegos: un total de 17 neste ano académico. Trátase da mostra Mulleres na Ciencia, impulsada polo colectivo eXXperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do Campus de Ourense. No seu itinerario, poderá verse ata o 18 de maio na entreplanta do Edificio Politécnico.
Trátase dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e que ten como obxectivo último “espertar en rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo STEM”.
A iniciativa arrancou hai dous cursos académicos, aínda que a pandemia impediu o seu desenvolvemento con normalidade ata o pasado ano. Tras a súa parada no Campus de Ourense, a exposición irá ao Colexio Los Sauces, de Vigo, e continuará o seu percorrido ata a primeira quincena de xuño, visitando en total este curso académico 17 centros educativos galegos. A exposición, sinalan as súas promotoras, está sendo moi ben acollida polos centros, “que nos destacan nas súas valoracións que é moi interesante e que lles permite achegarse a científicas que non coñecían”.
A mostra está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM escollidas cada unha delas por un grupo de investigación que forma parte de eXXperimenta en Feminino. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. A través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no eido da astronomía ata a investigadora que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.
Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten realizado unha versión virtual da exposición. Trátase de 14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do Campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia das 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías que forman parte da exposición eXXperimenta en Feminino. Igualmente, na páxina web do proxecto pódense ver os paneis que conforman a mostra.
Un brazo robotizado controlado polo cerebro é o proxecto de dúas alumnas de 2º de Bacharelato de Barcelona que resultou gañador da primeira edición do Concurso Iberia Makers, organizado por DXC Technology, que apoiará o desenvolvemento desta tecnoloxía para persoas con discapacidade cun premio de 2.000 euros.
As gañadoras, Mariona Bombardó e Carla de Jesús do centro educativo Escola Frederic Mistral-Tècnic Eulàlia de Barcelona, presentaron un proxecto que prevé o deseño dun brazo robótico que se pode controlar mediante o cerebro para mellorar a mobilidade de persoas con discapacidade física.
"Interface Cerebro – computador: Construción e control dun brazo robótico con Arduino" é o nome do proxecto que consta de tres bloques: a modelización dos sinais cerebrais, a posterior recepción das devanditas sinais desde o casco Emotiv Insight ao computador e, finalmente, a execución das accións.
O obxectivo do proxecto é permitir que persoas con mobilidade reducida poidan executar todo tipo de movementos co brazo robótico a través dos sinais cerebrais, identificando e traducindo os sinais que habitualmente o cerebro envía para realizar eses movemento.
Esta é a primeira edición de Iberia Makers, que se inspira nos mesmos valores que o concurso Iberia Codes dirixido a mozos de 16 e 17 anos.
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe no acto de presentación da aula EDYTA, que a entidade Secretariado Gitano está a desenvolver na súa sede luguesa para promover a empregabilidade de mulleres en risco de exclusión.
López Abella puxo en valor a iniciativa, que favorecerá a inclusión social e a incorporación profesional das mulleres a través do desenvolvemento das súas capacidades dixitais. Doce mulleres están a tomar parte no programa desde o pasado marzo e completarán a súa formación no mes de xuño, co obxectivo de que a tecnoloxía lles permita mellorar a súa calidade de vida.
EDYTA é un proxecto pedagóxico de carácter estatal promovido pola Fundación Orange en torno á educación e á transformación dixital que está a afectar ao mercado laboral. Diríxese tanto a entidades do Terceiro Sector como a diferentes administracións que traballan con colectivos femininos en situación de vulnerabilidade, risco de exclusión e baixa empregabilidade.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, defende a aposta da Xunta pola transformación dixital no sistema educativo galego como garantía para avanzar na integración e na igualdade de oportunidades. Así o sinalou esta mañá con motivo da entrega dos premios da I Olimpíada Informática organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, nun acto celebrado na Cidade da Cultura, onde especificou que “a progresiva dixitalización de todas as esferas da actividade humana esixe de redes de comunicación máis eficaces pero, sobre todo, de competencias dixitais de todo tipo entre a cidadanía”.
Para o titular de Educación en funcións é imprescindible “contar cun modelo educativo equitativo e de calidade que apoie unha formación dirixida a responder ás demandas sociais e económicas”, para o cal é necesario “fomentar unha educación innovadora e dixital que contribuía a formar ás persoas e construír aos profesionais do futuro”.
Para avanzar neste eido, a Consellería vén de poñer en marcha a Estratexia Educación Dixital 2030, un conxunto de accións coordinadas e planificadas para o horizonte da próxima década en Galicia, cun investimento de 120M€.
Entre esas accións cómpre destacar a implantación de Polos Creativos nuns 220 centros nunha primeira fase, espazos físicos modulares e innovadores dotados de mobiliario e equipamento específico para avanzar na dinamización tecnolóxica da educación. A Consellería de Educación pon a disposición de colexios e institutos públicos máis de 23.000 unidades tecnolóxicas cun investimento de 8M€.
A idea é, en palabras de Román Rodríguez, que estes Polos Creativos “exerzan de catalizadores dun modelo de ensino de vangarda ao tempo que consolidar comunidades artísticas e tecnolóxicas que estimulen a colaboración e a transformación innovadora en todos os niveis educativos”.
A isto súmanse iniciativas como os programas de introdución de Robótica nas aulas, o fomento de competencias STEM (Ciencias, Matemáticas e Tecnoloxía) ou os Espazos Maker, entre outras.
Na súa intervención, o conselleiro en funcións aproveitou para felicitar a Óscar Carballo, gañador absoluto desta primeira edición da Olimpíada Informática, de quen destacou “o seu probado talento, tamén cunha meritoria medalla de bronce na Olimpíada Informática Española”. Segundo Román Rodríguez, este alumno do colexio Liceo La Paz da Coruña, é un exemplo de que en Galicia “hai talento informático e un futuro moi prometedor”. Tamén fixo extensible a felicitación ao resto de alumnos clasificados neste certame no que participaron un total de 17 estudantes.
Así mesmo agradeceu ao Colexio de Enxeñería en Informática de Galicia e ás tres universidades a organización de eventos coma esta Olimpíada, posto que se trata de fórmulas “que incentivan aos alumnos ante desafíos reais” e que fomentan o coñecemento e as vocacións STEM.
Facilitar o acceso e o uso das tecnoloxías dixitais ás persoas maiores é o obxectivo das accións e propostas que se deron a coñecer hoxe en Santiago durante a presentación do Día de Internet 2022 en España, que se celebrará o vindeiro 17 de maio.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, estivo acompañada neste acto polo presidente da Asociación Española de Internautas e do Comité do Impulso do Día de Internet, Miguel Pérez Subías; e pola representante da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Transformación Dixital de Castela e León, Graciela Parrilla, en nome da Presidencia da Asociación Somos Digital.
Galicia, a través de rede CeMIT, é a encargada este ano da coordinación das actividades do Día de Internet en representación da Asociación “Somos Digital”, que agrupa ás redes españolas de centros de competencias dixitais. Na actualidade forman parte desta organización 15 redes nas que están integrados máis de 2.000 centros de formación, que nun 79% están situados en áreas rurais.
Xunto coa presentación das actividades e dun manifesto decálogo con medidas dirixidas á integración dixital das persoas maiores, a xornada acolleu a celebración dun webinar impartido pola investigadora da Comisión Europea Clara Centeno sobre o novo Marco Europeo de Competencias Dixitais DigComp2.2 (https://somos-digital.org/digcomp/).
Tras a intervención dun grupo de persoas maiores usuarias de centros de competencias dixitais, que compartiron as súas experiencias, presentouse o reto “Camiña en Dixital”. Esta actividade consiste nun percorrido virtual polo Camiño de Santiago a partir de distancias percorridas a pé polas persoas participantes que se transformarán en pasos virtuais na web creada especificamente para esta iniciativa.
Ademais das persoas que asistiron fisicamente, o evento foi seguido de xeito virtual polas cerca de 900 persoas inscritas de toda España.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, recoñeceu o traballo desenvolvido nos últimos anos nesta Comunidade en colaboración cos concellos para a capacitación dixital da cidadanía. Lembrou que cando hai unha década se afrontou como unha prioridade a universalización do acceso ao ámbito dixital, soamente un 26% das persoas de entre 55 e 64 anos accedían a Internet. Esta porcentaxe baixaba ata o 6% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos.
Na actualidade, son máis do 80% as persoas de entre 55 e 64 anos que navegan pola rede, e un 53% no caso das persoas de entre 65 e 74 anos. Mar Pereira salientou que “só nos últimos cinco anos duplicouse o número de internautas de entre 55 e 75 anos en Galicia”. Máis de 280.000 persoas de Galicia neste tramo de idade deron o salto ao mundo dixital desde 2015.
En Galicia, o avance na capacitación dixital da cidadanía está condicionado polo feito de que é a segunda Comunidade con maior porcentaxe de persoas maiores do Estado (25% en Galicia fronte ao 20% da media española). Neste sentido, Mar Pereira expresou a súa satisfacción polo feito de que “a nosa Comunidade fose elixida por Somos Digital para impulsar este ano as actividades do Día de Internet co foco posto nas persoas maiores”.
A directora da Axencia destacou o “papel esencial” da rede de aulas CeMIT nesta evolución. As 97 aulas públicas impulsadas pola Xunta en colaboración cos concellos levan ofertadas preto de medio millón de horas de formación gratuíta en tecnoloxía. Este ano serán máis de 105.000 as persoas usuarias das aulas, das que cerca de 28.000 son maiores de 55 anos. A participación das persoas maiores nas actividades formativas pasou de representar o 21% sobre o total de persoas usuarias en 2012 a superar o 26% este ano. Cada persoa deste idade participa nunha media de 5 actividades diferentes.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha a finais de 2021 o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2025. Acometerase a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a posta en marcha dun novo servizo de aula móbil; o reforzamento dos servizos dixitais e o servizo de apoio á formación e capacitación dixital da cidadanía. Esta reformulación será un elemento fundamental para o logro dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030.
A poboación galega con competencias dixitais básicas ou avanzadas creceu cerca dun 20% en 2021. Galicia avanzou ata o sexto posto entre as Comunidades españolas no que se refire á poboación internauta con competencias básicas ou avanzadas. Os últimos datos dispoñibles por idades, de 2020, indican que un 35,9% das persoas de entre 55 e 64 anos xa posúen competencias dixitais básicas ou avanzadas.
Desde principios deste ano está en vigor o novo Marco Galego de Competencias Dixitais. Antes de que remate 2022 está previsto que se faga a primeira convocatoria da nova Certificación Galega en Competencias Dixitais (ComDix). Tamén este ano comezará o proceso para que os empregados públicos e a cidadanía poidan validar a certificación anterior (CODIX).
O Marco Galego de Competencias Dixitais conta desde hoxe cun novo espazo na web: https://competenciasdixitais.xunta.gal/, desde o que se pode acceder a toda a información relacionada co propio Marco, a certificación, a formación, os exames ou as validacións de certificacións anteriores.
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, inauguraron hoxe a xornada organizada polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para conmemorar o 10º Día internacional das rapazas nas TIC. Máis de 1.200 estudantes de 27 centros de ensino de toda Galicia, participaron de xeito presencial e telemático no acto, no que ambas as dúas referendaron o compromiso transversal da Xunta de promover as carreiras tecnolóxicas nas mulleres.
Lorenzana avogou nun vídeo por aproveitar as “facilidades” que as novas xeracións teñen coas tecnoloxías para reverter os datos que evidencian que “tanto no eido formativo como no mercado laboral, persiste a desigualdade entre mulleres e homes no ámbito científico e tecnolóxico”. “Temos que traballar xuntas para abrir as portas ao mundo tecnolóxico en igualdade de oportunidades á nosa mocidade nun sector estratéxico para o futuro, que ofrece grandes posibilidades de emprego”, remarcou.
A directora de Gain, pola súa banda, animou ás nenas e mozas a aparcar os prexuízos, estudar aquilo que desexen e non poñerse límites, porque están igual de capacitadas que os seus colegas. Ademais, apuntou que se precisan moitos profesionais da ciencia e da tecnoloxía.
Na actualidade (datos da Comisión Europea), menos do 30% do sector TIC, sobre todo nos niveis de decisión, está formado por mulleres; en Europa, só o 19% das persoas emprendedoras son mulleres, que adoitan cobrar un 20% menos ca os homes.
As matrículas en informática nas universidades españolas están en descenso desde hai 30 anos, e soamente unha de cada tres persoas graduadas en ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas (STEM) son mulleres. No caso galego, o alumnado feminino destas titulacións sitúase no 35%.
A estes datos hai que sumar que a fenda de xénero no emprego en Galicia no sector das TIC alcanza case o 35%; e só o 32,6% do emprego no sector é feminino.
Esta celebración, que chega á súa décima edición en Galicia, está promovida pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) das Nacións Unidas co obxectivo de promover oportunidades profesionais para as nenas e mulleres no sector das TIC. Desde o 2011, máis de 377.000 rapazas e mulleres novas de 171 países participaron nesta conmemoración. Pola súa banda, o Cesga leva participando desde 2013 co obxectivo de motivar o interese das nenas polas TIC, especialmente en idades temperás.
Lorenzana adiantou que co mesmo espírito que impulsa a conmemoración do Día internacional das rapazas nas TIC, a Xunta está a rematar o III Programa Galego de Muller e Ciencia. Na súa segunda edición, esta iniciativa propiciou a incorporación de 524 mulleres á investigación e o ascenso doutras 20 a postos directivos entre 2016 e 2020
A Axencia Galega conta tamén cun programa de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a infancia e a mocidade, a través do que se promoven actividades como Voando alto, sumando vocacións; ou o Programa D'tec, no eido do deseño e das tecnoloxías dixitais. Ademais, colabora en actividades de divulgación científica con entidades como o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) ou a Fundación Eduardo Pondal.
O traballo conxunto da Xunta e das tres universidades galegas para analizar o impacto das tecnoloxías intelixentes na cidadanía e no tecido empresarial, así como para identificar os marcos éticos e normativos axeitados para garantir os dereitos das persoas, consolidan a Galicia nunha posición de vangarda na aplicación da intelixencia artificial.
Representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reuníronse hoxe en Santiago cos responsables de sete grupos de investigación das universidades galegas para avanzar na elaboración do “Estudo do marco ético-normativo e o potencial impacto do uso das tecnoloxías intelixentes”. Este traballo é o resultado do convenio de colaboración asinado o pasado mes de febreiro pola Xunta e os reitores das tres universidades galegas.
Ao inicio da sesión, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, destacou que “o obxectivo deste estudio é o de ser a guía para o deseño das actuacións que a Xunta de Galicia debe poñer en marcha para garantir a adopción dunha IA ética e fiable”.
Este convenio forma parte do desenvolvemento da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial (EGIA), aprobada en xuño de 2021, que promove o despregamento en Galicia dunha IA de vangarda, ética e segura, que contribúa á soberanía dixital de Europa. Nesta liña, o Parlamento Europeo e a Comisión Europea acadaron a pasada semana consenso sobre a Lei de Servizos Dixitais para garantir os dereitos da cidadanía no entorno das tecnoloxías da información e a comunicación.
Así mesmo, Galicia, a Comunidade Valenciana e Cataluña son as tres únicas comunidades do Estado que dispoñen dunha estratexia propia para a aplicación da Intelixencia Artificial.
O desenvolvemento deste convenio, único entre as Comunidades Autónomas españolas, está aliñado co ofrecemento de Galicia para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. Trátase dun organismo de nova creación anunciado polo Estado para este ano no contexto de descentralización de novos entes públicos.
A Axencia estará adscrita á Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, dentro do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. Encargarase de crear medidas para protexer á cidadanía dos posibles riscos que se deriven desta tecnoloxía, tanto no que se refire á súa seguridade física como a dos dereitos fundamentais. Para elo, este órgano terá capacidade para levar a cabo actuacións propias en coordinación con outras autoridades competentes ou con apoio de entidades privadas.
Ademais do desenvolvemento do marco ético e normativo, entre os obxectivos principais da EGIA está tamén a creación do nodo galicIA, como estrutura de colaboración público-privada promovida pola Xunta e conformada por todos os axentes con vontade de situar a esta Comunidade á vangarda das tecnoloxías intelixentes.
Na reunión de hoxe participou a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, xunto aos coordinadores dos grupos de investigación das universidades.
A aportación da Universidade de Santiago de Compostela está centrada no ámbito do estudio do marco ético e normativo. Na sesión de traballo de hoxe participaron Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo, en representación do grupo de Empresa e Administración; Alberto Xose Bugarín, catedrático en Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial , en representación do grupo de Sistemas Intelixentes, e Luis Otero González, profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, en representación do grupo de Valoración Financeira Aplicada.
A Universidade da Coruña centra a súa aportación no ámbito do estudo relativo á análise de estratexias e construción de indicadores. Na sesión de hoxe participaron María Isabel Novo Corti, catedrática de Análise Económica , en representación do grupo de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS); Xosé Andrés Faíña Medín, catedrático Emérito de Economía, en representación do grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento, e María Amparo Alonso Betanzos, catedrática en Ciencias da Computación , en representación do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA).
A Universidade de Vigo encárgase do ámbito de estudo relativo á aplicación de tecnoloxías intelixentes. Na reunión de traballo de hoxe participaron Santiago Lago Peñas, catedrático en Economía Aplicada e Alberto Vaquero, profesor titular de Economía Aplicada, en representación da Rede de Investigación de Gobernanza e Economía.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe un investimento de 8 millóns de euros para a creación de 220 Polos creativos en centros educativos galegos e impulsar as competencias dixitais como a robótica, a intelixencia artificial, a realidade virtual ou a impresión 3D.
Durante a Xornada de exhibición dos Polos creativos, Feijóo precisou que estes espazos estarán situados nos propios colexios e institutos, que exercerán como epicentros da innovación educativa co fin de que, a través de diferentes proxectos, os nenos accedan desde idades temperás a aspectos que forman parte da nosa realidade e que son imprescindibles para calquera profesión do futuro.
“Estamos a falar de espazos abertos ás comunidades locais, no que haberá actividades que impliquen ao alumnado, profesorado, familias e ao conxunto da cidadanía da contorna”, abundou, avanzando que mañá mesmo sairá publicada a orde para que os centros poidan solicitar o seu propio polo.
Nesta liña, resaltou que á hora de seleccionar os centros, a Administración autonómica terá en conta a innovación didáctica e a calidade e viabilidade do proxecto, é dicir, que inclúa a presenza de profesorado de diferentes disciplinas e que fomente a participación da comunidade educativa, con actividades abertas á cidadanía. “E unha vez seleccionados, dotaráselles do mobiliario e do material preciso, tanto audiovisual como de electrónica e robótica, tecnolóxico ou de informática”, explicou.
Ao longo da súa intervención, Feijóo destacou que os proxectos presentados nesta xornada son a proba do traballo realizado polos centros educativos nos últimos anos; así como do enorme talento, creatividade e capacidade de innovación do alumnado e do profesorado.
Non en van, estes novos polos enmárcanse noutras iniciativas en marcha como o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que, cun investimento de máis de 190 millóns de euros, ten como obxectivo adaptar os centros escolares ás novas realidades educativas e tecnolóxicas. E a Estratexia de Educación Dixital 2030 que, cun orzamento de 120 millóns de euros para os tres primeiros anos, conta con accións para desenvolver un ecosistema educativo dixital de alto rendemento e perfeccionamento das competencias.
Logo de lembrar tamén que, na actualidade, un total de 55.000 alumnos de 547 centros educativos galegos xa usan na clase o libro dixital, grazas ao programa E-Dixgal, o presidente da Xunta concluíu felicitando á comunidade educativa galega polos fitos acadados nos últimos anos. Así subliñou que Galicia logrou reducir o abandono escolar na última década ata acadar un mínimo histórico -pasando do 25,8% no 2009 ao 8,1% en 2021-. Ademais, é a comunidade máis inclusiva do Estado, con máis dun 93% do alumnado con necesidades especiais escolarizado en centros ordinarios; “e, segundo o informe PISA, somos líderes en aspectos como matemáticas, ciencias ou lectura”, concluíu.