main content

main content
12/04/202209:04
Mans tecleando.
Boiro

A aula CeMIT de Boiro ofrece máis alternativas de formación TIC en maio e xuño, presenciais e en liña

aula CeMIT do Concello de Boiro ofrece esta tempada novos cursos de formación tecnolóxico-dixital tanto en modalidade presencial como online. Farao durante os meses de maio e xuño. As inscricións están xa abertas e poden facerse a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 e no móbil 629 769 139.

As xornadas online do mes de maio xirarán arredor do programa de facturación Facusol e vanse impartir entre o 2 e o 12 de maio de 10.00 a 12.30 horas. Durante o mes de maio celebraranse as actividades formativas en modalidade presencial de Inicio a Internet, do 2 ao 5 de maio; de Correo electrónico de Gmail, do 9 ao 12 de maio; e de Deseño 3D sketchup, 18 ao 26 de maio.

No mes de xuño vanse impartir xornadas de Community manager, do 30 de maio ao 9 de xuño; de Edición de vídeo en PC e móbil, do 13 ao 16 de xuño; de Tramitación electrónica, os días 21 e 22 de xuño; de Deseño gráfico Inkscape, do 27 ao 30 de xuño.

Máis información sobre os cursos e inscricións no enderezo electrónico axentetic@boiro.org, no teléfono 981 84 26 35 e no móbil 629 769 139.

11/04/202208:04
Cartel da iniciativa.
Ribeira

A aula CeMIT de Ribeira pon a disposición da cidadanía cinco novos cursos tecnolóxicos

A aula CeMIT de Ribeira abre o prazo de inscrición de cinco cursos gratuítos para abril e maio, catro dos cales desenvolveranse no propio centro de dinamización e capacitación tecnolóxica do barrio de Cubeliños (debaixo da Escola Infantil Municipal) e outro en Castiñeiras.

  • Así, do 17 de abril ao 30 de marzo celebrarase un curso sobre Utilidades de Google. As clases serán os luns e os mércores en horario de 9.30 a 11 horas.
  • Do 19 de abril ao 26 de maio haberá outra acción formativa dedicada a Retoque de Imaxe (GIMP). Neste caso, os martes e xoves de 9.30 a 11 horas.
  • Do 18 de abril ao 30 de maio, tocaralle a Informática Básica, estando dirixida ás persoas maiores de 55 anos: será os luns e mércores de 18.30 a 18 horas.
  • Do 18 ao 28 de abril, haberá outra actividade sobre Sede Electrónica (martes e xoves de 16.30 a 18 horas).
  • Por último, do 18 de abril ao 31 de maio na Casa de Cultura de Castiñeiras desenvolverase outro curso de Informática Básica para maiores de 55 anos. As clases impartiranse os martes e xoves de 11.30 a 13 horas.

As persoas interesadas poden anotarse na aula CeMIT de Ribeira (teléfono: 981 876 043 / correo electrónico: cemit.ribeira@xunta.gal) ou vía web na páxina da aula.

10/04/202218:04
Formación en voluntariado.
Santiago de Compostela

A Xunta de Galicia pon en marcha un plan de formación de xuventude e voluntariado que chegará a máis de 2400 persoas

  • O Programa incluirá 37 cursos presenciais e 20 en liña orientados á formación básica e en ámbitos específicos da acción voluntaria, que permitan complementar o currículo
  • O prazo de inscrición ábrese mañá a partir das 10.00 horas e permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas en cada un dos cursos

A Xunta de Galicia porá en marcha un Plan de formación de Xuventude e Voluntariado que chegará a máis de 2400 persoas de toda a comunidade. A iniciativa, que se celebrará durante este ano, incluirá un total de 37 cursos presenciais e 20 en liña orientados á formación básica e en ámbitos específicos da acción voluntaria, que permitirán complementar o currículo dos técnicos de xuventude e profesionais do tempo libre, así como ofrecer alternativas formativas á mocidade en xeral desde o eido da educación non formal.

No caso concreto da área de xuventude, a ampla oferta formativa ofrece contidos en temas de actualidade e de interese para a mocidade como as habilidades para a empregabilidade e o liderado, recursos para o emprendemento no rural, oratoria, deseño 3D, robótica, temas audiovisuais, condución segura, etc.

Para a especialización dos profesionais de tempo libre abordaranse temáticas como a educación emocional, a dixitalización, recursos para un ocio inclusivo e accesible, formación en actividades náuticas, eSports, violencia en contornos dixitais, etc.

No ámbito da acción voluntaria, ademais da formación básica e especializada, tamén se ofrece formación específica nas seguintes áreas: ambiental, interxeracional, educación, igualdade, acción social, linguaxe LSE, emerxencias e nocións sobre a correcta solicitude e presentación das subvencións de voluntariado.

Cursos para a xuventude

Ofértanse un total de 36 cursos formativos con preto de mil prazas destinados a técnicos, profesionais do eido do tempo libre e mozas e mozos en xeral. Destes, 27 son de carácter presencial e 9 en liña. Poderanse inscribir persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, técnicos e profesionais do eido do tempo libre.

Cursos de voluntariado

Así mesmo, para persoas voluntarias e entidades inscritas no Rexistro de Acción de Galicia ofértanse 21 cursos formativos con case 1500 prazas. A Xunta organiza 10 de xeito presencial e 11 en liña. Poderanse inscribir persoas maiores de 16 anos.

Prazo de inscrición

O prazo de inscrición para ambos apartados formativos ábrese o luns 11 de abril a partir das 10.00 horas e permanecerá aberto ata cubrir as prazas ofertadas en cada un dos cursos. As inscricións faranse a través da plataforma de teleformación de voluntariadogalego.org (https://formacion.voluntariadogalego.org/).

A selección das persoas participantes será por rigorosa orde de inscrición, sempre e cando se cumpran os requisitos. De igual xeito, unha mesma persoa pode apuntarse a máis dun curso se cumpre os requisitos.

08/04/202214:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Xunta fomenta os novos perfís dixitais e impulsa novas iniciativas dirixidas á infancia e adolescencia con 20 novas actividades do Plan DigiTalent

  • De abril a xuño a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha novas actuacións para a infancia e a mocidade
  • Continúa aberto o período de inscricións para a categoría profesional dos webinars TransformaTech Sessions
  • As empresas do Pacto Dixital de Galicia seguen a colaborar coa Axencia para o impulso do talento dixital na nosa comunidade

 

O Catálogo do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, inicia o segundo trimestre do ano con máis de 20 actuacións programadas, nas que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia suma esforzos coas empresas colaboradoras do Pacto Dixital para o fomento do talento dixital na infancia e a adolescencia e na xuventude, dúas das súas liñas de actuación principais.

O liderado da Axencia no fomento e retención de talento

Neste segundo trimestre do ano, a Axencia continúa o seu labor como instrumento estratéxico no desenvolvemento económico e social de Galicia en torno ás novas tecnoloxías. Neste caso, fomentando o talento dixital entre os mozos e mozas e preparándoos para as novas demandas dixitais.

En abril darán comezo os primeiros relatorios da categoría Profesional dos webinars ‘TransformaTech Sessions’ un ciclo de encontros virtuais sobre tecnoloxías disruptivas liderados pola Axencia e dirixidos a profesionais, estudantes e titulados STEAM e outros perfís non tecnolóxicos interesados na materia. Así mesmo, terán lugar os da categoría Talento Xove co fin de implicar á mocidade coas novas tecnoloxías disruptivas e súa aplicación na rápida evolución dunha sociedade cada vez máis dixital.

Nesta liña, enfocado no ámbito do emprego, destaca tamén a continuidade do Portal Retorna Dixital, dirixido a recoller ofertas de emprego do sector TIC, ofrecendo oportunidades aos galegos e galegas retornados e aos que aínda seguen fóra de comezar unha nova carreira profesional neste sector en Galicia.

De cara aos máis pequenos e pequenas, levarase a cabo unha nova edición do programa Tecnólog@ por un día, que lles brindará a oportunidade de vivir unha xornada de traballo de primeira man no sector TIC galego. Tamén terá continuidade a iniciativa DigiCraft no teu cole, achegando as novas tecnoloxías ás novas xeracións.

Ademais, entre as novidades deste trimestre, a Asociación de Usuarios de Internet vén de poñer en marcha diferentes retos e concursos destinados tanto ao alumnado e profesorado de educación infantil, primaria e secundaria no marco do Día de Internet 2022, que este ano se celebra baixo a temática Internet para as persoas maiores e o envellecemento saudable.  

Con iso, a Axencia segue a poñer o foco na adaptación de estudantes e profesionais á demanda dos novos perfís dixitais ao tempo que continúa traballando na atracción e retención do talento dixital galego.

Iniciativas dirixidas á infancia e a adolescencia

Pola súa banda, Telefónica abre as inscricións para desfrutar das visitas ao Museo Didáctico das Telecomunicacións da Coruña. Orientadas a centros educativos, universidades e outros colectivos interesados, o obxectivo destas visitas dinámicas será facer un percorrido pola historia da telefonía e as comunicacións, explorando os equipos e dispositivos que foron dando servizo a través do tempo ata a actualidade.

Inetum activa os cursos de robótica, unha serie de obradoiros lúdico-formativos de programación de robots enfocados aos máis pequenos. A través do coñecido xoguete de pezas Lego, ensinarase aos participantes a "programar" certas accións co fin de fomentar a creatividade e as competencias e habilidades dixitais entre os mais novos e novas.

Ademais, de abril a xuño, continúan a desenvolverse as iniciativas para centros educativos lideradas por Altia, como GenTech, o programa de sesións dixitais sobre profesións tecnolóxicas, e as visitas guiadas polas instalacións do seu Data Center en Vigo. Nesta mesma liña, continúa aberta a nova edición do concurso DXC Iberia Codes de DXC Technology, na que a través da tecnoloxía Scratch, nenos e nenas de 5º de primaria ata 4º de secundaria compiten programando un videoxogo de aventuras centrado no desafío da loita contra o cambio climático.

Enfocado ao alumnado da ESO e Bacharelato, Televés está a celebrar talleres sobre tecnoloxía LED, deseño e impresión 3D ou robótica colaborativa, e a súa vez continúa co Mentoring Day, tratando de achegar aos rapaces e rapazas á realidade do mundo laboral da man dos seus profesionais.

Fomento dos novos perfís dixitais

Co fin de dotar á xuventude galega de maiores oportunidades de desenvolvemento profesional, durante os próximos meses continuará a posta en marcha de actuacións para a formación e a divulgación en torno ás novas tecnoloxías e aos avances disruptivos, de gran impacto no ecosistema dixital.

Neste senso, en liña con este eixe estratéxico, os próximos 22 e 23 de abril celebrarase no GaiásTech o VI Hackathon CEIN Big Data e Analytics, impulsado por DXC, no que universitarios, analistas ou emprendedores competirán para dar resposta a un desafío tecnolóxico no eido do Big Data e Analytics.
 
No ámbito universitario, R continúa a impulsar a Cátedra interuniversitaria galega en ciberseguridade, que ten como obxectivo formar a estudantes universitarios e profesionais e divulgar coñecemento sobre a mellora das competencias neste campo. Pola súa banda, NTT DATA recompensa o esforzo e o talento dos estudantes da Facultade de informática de A Coruña coa entrega do Premio ao mellor TFG aplicado, ao tempo que fomenta o contacto e o intercambio de coñecementos na comunidade universitaria de informática coa súa participación na edición XXVIII das Xornadas sobre a Ensinanza Universitaria da Informática do Congreso JENUI 2022.

Ademais, dende o primeiro trimestre, Altia, DXC Technology e NTT DATA xunto coa Axencia seguen a achegar ao estudantado universitario e de Formación Profesional ao mundo da empresa, impulsando a formación especializada a través de iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, o Observatorio DXC ou as actividades no marco dos Foros de Emprego Universitarios.
 
Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.

Catálogo de actividades do segundo trimestre de 2022.

08/04/202208:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Maker Faire Galicia volve á presencialidade cunha axenda de cinco xornadas e 60 proxectos

Este ano 2022 será definitivamente o ano do regreso dos grandes eventos nos formatos tradicionais, en moitos casos, iso si, combinados aínda cos experimentados a fondo durante a pandemia. Entre os grandes acontecementos que recuperarán todo o seu esplendor figura o evento argalleiro máis relevante de cantos se celebran en España: a Maker Faire Galicia. “Este ano 2022 volvemos ao mundo físico cunha edición híbrida que promete ser espectacular”, sinalan dende a organización da feira (Vermis), que vén de pechar a fase de convocatoria de proxectos (call for makers) coa selección de 60 contribucións procedentes dos ámbitos autonómico, estatal e internacional. O evento virá este ano con cinco xornadas, a desenvolver entre o 1 e o 5 de xuño no Museo Gaiás.

Entre os primeiros relatores destacados desta edición atopamos referentes de todo o mundo nos ámbitos das startups, a educación STEAM (acrónimo de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemática), a saúde mental, a inclusión ou a innovación social.
 Pepe Martín, director executivo (CEO) de Minimalism, nova firma innovadora referente en emprendemento consciente, transparencia e sustentabilidade, participará nas xornadas da industria o 2 de xuño. Segundo informa a organización da feira, “esta marca de roupa e complementos converteuse en referencia no ámbito do emprendemento tanto pola súa honestidade brutal como por cambiar a forma de facer as cousas nun sector tan complexo coma o téxtil”.

Na tarde do día 2, o protagonismo recaerá na industria dos videoxogos, onde destaca a participación dos galegos Rubén López, enxeñeiro de Google e Youtube durante os últimos 10 anos e Silvia Izquierdo, produtora audiovisual, que recentemente fundaron Aruma Studios. A xornada educativa, programada para o día 3 de xuño, contará entre outros coa presenza de Gitanjali Rao, destacada figura do mundo Maker e defensora a ultranza da educación STEM, que con tan só 11 anos gañou o Discovery Education 3 M Young Scientist Challenge. Esta moza estadounidense foi recoñecida pola revista Forbes na súa lista 30 Under 30. Ten ademais tres charlas TED ás súas costas e foi a primeira nena do ano nomeada pola revista Time no ano 2020.

Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos, onde ademais dunha manchea de obradoiros e proxectos no Museo Gaiás, contarán con máis relatorios de relevancia, como o de Paco Ayala, mexicano fundador do proxecto Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial. Entre a oferta de talleres desta edición a organización da Maker Faire Galicia tamén destaca unha nova edición da Game Maker Jam, os talleres STEAM a cargo de VermisLAB e o proxecto Code Week, así como algunha que outra sorpresa que desvelarán nas próximas semanas desde a organización. A 8ª edición da Maker Faire Galicia celebrarase no Museo Gaiás e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Españonda para a Ciencia e a Tecnología ( FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.

Para máis información sobre o evento así como participar cómpre visitar a plataforma en liña da Maker Faire Galicia. O rexistro de asistentes para acceder aos contidos en liña xa está aberto e é totalmente gratuíto.

08/04/202208:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CESGA celebrará o Día das Rapazas nas TIC con Laura Martínez, Edita de Lorenzo, Dhaunae de Vir e Lucía Ardao

O día 28 de abril de 2022 celebrarase o Día Internacional das rapazas nas TIC, e, unha vez máis, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) será o epicentro das celebracións galegas. O centro compostelán organizará e acollerá un coloquio mediante multiconferencia web na que participarán 4 profesionais galegas que debullarán as súas traxectorias e a natureza das súas actividades profesionais tecnolóxicas. Farano ademais “dun xeito ameno e polo miúdo”, co obxectivo dobre de tender pontes directas coa mocidade que asista por multiconferencia á sesión e de fomentar vocacións (principalmente alí onde máis precisan: entre as mozas).

Desde os centros educativos de toda a nosa xeografía (conectados ao CESGA por multiconferencia), as rapazas e rapaces de primaria e secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo coas relatoras. O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional, orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das novas ferramentas informáticas para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.

Participantes no coloquio

Este ano contarase coas seguintes representantes do panorama tecnolóxico-dixital galego:

  • Laura Martínez Calvo é licenciada en Farmacia pola USC, Máster en Investigación Biomédica e Doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestadísticas no estudo de enfermidades complexas, en colaboración coa Harvard Medical School (Boston). Investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, incorporouse como Técnica Superior de Proxecto á iniciativa EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC no Centro Supercomputación de Galicia (CESGA).
  • Edita de Lorenzo é profesora titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións de UVigo. Foi a primeira directora dunha escola de enxeñaría de Galicia, a de Telecomunicación da UVigo. Ademais é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e vicepresidenta da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) e secretaria da xunta directiva da Asociación PuntoGal, amais de participar na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo.Tamén é co-fundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.
  • Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de eSports pola Universidade Europeia de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Amais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.
  •  Lucía Ardao é licenciada en Informática e Máster en Telemática pola Universidade da Coruña, programa de Alta Dirección AMP da IE Business e programa Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vencellada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións. Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Premiada polo Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) pola súa traxectoria profesional.
06/04/202211:04
Oscar Carballo e Paula Taibo na Olimpiada Nacional en Madrid.
Madrid

Óscar Carballo, natural de Castro de Rei e estudante do colexio Liceo La Paz da Coruña, gaña a medalla de bronce da Olimpiada Informática Española

Un dos gañadores da Olimpíada Informática Galega 2022, Óscar Carballo Puebla, natural de Castro de Rei (Lugo) e estudante de formación profesional do CPR Plurilingüe Liceo La Paz da Coruña, conseguiu a medalla de bronce na Olimpiada Informática Española (OIE) que se celebrou esta fin de semana en Madrid, situándose no posto número 9 con 489,5 puntos (outorgáronse 4 medallas de ouro, outras catro de prata e outras tantas de bronce). Recibiu de premio 500 euros.

A segunda participante galega na fase nacional, Paula Taibo Suárez, estudante de 2º de Bacharelato do IES Rego de Trabe de Culleredo, recibiu un diploma de mención como finalista do certame.

A Olimpíada Informática Galega 2020 celebrouse o pasado 11 de marzo nas tres facultades de Informática de Galicia en Santiago, A Coruña e Ourense, evento organizado polo Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), as tres universidades públicas galegas e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), coa colaboración de diversas entidades e empresas do sector TIC: Abanca, Apser, Atos, AWS, Bahía Software, Clúster TIC Galicia, Councilbox, Duacode, DXC Technology, Extreme Networks, Google Cloud, Grupo Tesalia–Emetel, Minsait (Indra), NetApp, Plexus e Sixtema.

05/04/202220:04
Presentación do TFG.
A Coruña

Un traballo sobre ciberacoso en redes sociais gaña o premio ao mellor TFG aplicado da FIC

A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña entregou hoxe o VII Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado do Grao en Enxeñaría Informática, que recaeu no proxecto Técnicas de Intelixencia Artificial Aplicadas á detección de ciberacoso en redes sociais, realizado polo estudante Paulo Seoane Davila e dirixido por Fidel Cacheda, profesor da Facultade e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. O CITIC colaborou nos premios, xunto coa Fundación Universidade da Coruña e co patrocinio das cátedras institucionais Aldaba, Corunet e NTTdata. O acto estivo conducido pola investigadora do CITIC e vicedecana de Relacións Institucionais da FIC, Adriana Dapena.

Este galardón pretende recoñecer os mellores traballos de fin de grao presentados no curso 2020/2021, que obtiveron unha cualificación de matrícula de honra. Así, presentáronse vinte propostas, das cales foron seleccionadas tres, que pasaron á final. Ademais do primeiro premio, gratificado con 1.500 euros, concedéronse dous accésit de 500 euros cada un; foron para Manuel Couto Carril co seu TFG Monitorización e control de explotación de gandería extensiva, e para Juan González Iglesias, que presentou Aplicación móbil e monitorización dun dummy para a formación en emerxencias sanitarias. Ambos traballos estiveron dirixidos polos investigadores do CITIC e docentes da FIC Carlos J. Escudero Cascón e Óscar Fresnedo Arias, respectivamente.

O TFG premiado tivo como obxectivo desenvolver un modelo de Intelixencia Artificial capaz de detectar ciberacoso en comentarios en redes sociais, unha tarefa que resulta altamente complexa debido a que os ditos comentarios están escritos en linguaxe natural. A entrega do Premio ao Mellor TFG Aplicado enmarcouse na Feira de Emprego e Prácticas da Facultade, que congregou este martes a 26 empresas do sector TIC, que impartiron charlas e obradoiros destinados á orientación laboral do estudantado.

05/04/202215:04
Xuntanza Amtega FEGAMP.
Santiago de Compostela

A Xunta e a Fegamp concretan o plan de traballo 2022-2023 para avanzar na mellora da cobertura móbil nos 65 concellos adheridos ao programa

  • A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Fegamp mantiveron hoxe unha xuntanza na que abordaron os seguintes pasos previstos como a posta a disposición, por parte dos municipios implicados, dos terreos nos que se situarán as infraestruturas de telecomunicación
  • A Xunta, a través do operador público Retegal, comezou cos concellos os traballos de busca e identificación de parcelas e a concreción de cada un dos proxectos municipais
  • A Administración autonómica puxo en marcha esta iniciativa en 2019, asinando un convenio coa Fegamp que permitiu identificar as zonas con carencias de cobertura
  • Tras solicitar a autorización da Comisión Europea para realizar esta actuación, o pasado mes de decembro a Xunta concedía a primeira liña de axudas para a extensión de telefonía móbil en España aprobada por Europa

A Xunta e a Fegamp abordaron hoxe os pasos para avanzar nas medidas paliativas impulsadas pola Administración autonómica para mellorar a cobertura de telefonía móbil en Galicia, das que se beneficiarán 290 núcleos de 65 concellos. Na xuntanza, na que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, concretouse o Plan de Actuación que deberán seguir os municipios nos que se realizarán as actuacións.

Este Plan contempla a presentación dun proxecto por parte dos concellos, que inclúe a posta á disposición da Xunta das parcelas nas que o operador público Retegal construirá as torres de telecomunicación, os permisos correspondentes e a execución das acometidas eléctricas. A Administración autonómica, a través de Retegal, xa iniciou en colaboración cos concellos os traballos de campo para identificar os terreos dos futuros emprazamentos.

De feito, a día de hoxe máis do 97% dos concellos enviaron datos de contacto a Retegal para iniciar o proceso de validación do proceso e desde Retegal se lles trasladaron as áreas de busca máis apropiadas para as parcelas. Máis do 30% dos concellos enviaron xa unha proposta de terreos para situar as torres de telecomunicación e o 85% destas propostas xa recibiron unha validación previa.

Esta actuación comezaba en 2019 coa sinatura dun convenio entre a Axencia e a Fegamp que permitiu identificar as carencias de cobertura móbil en todos os concellos que se adheriron ao programa. Tras solicitar á Comisión Europea autorización para realizar esta actuación a Xunta adxudicaba o pasado mes de decembro a primeira liña de axudas para extensión de telefonía móbil aprobada por Europa a Vodafone. O operador ofertou a mellora da cobertura na totalidade dos concellos adheridos ao programa que cumpriron cos requisitos establecidos. En total, 290 núcleos de 65 municipios das catro provincias galegas.

Dispersión poboacional, cobertura e descentralización de fondos

A Xunta e a Fegamp tamén abordaron na xuntanza a situación da cobertura móbil en Galicia e comparten a diagnose en relación ao impacto que teñen a dispersión no despregamento das redes de telecomunicacións. Neste sentido, ambas entidades coinciden na necesidade de que o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación dixital teña en conta este criterio no desenvolvemento do Programa de Universalización de Infraestruturas Dixitais para a Cohesión (UNICO).

A Xunta ten trasladado ao Goberno do Estado esta necesidade en diferentes ocasións así como a modificación do actual Servizo Universal de Banda Ancha co obxecto de incluír, non só un incremento da velocidade do acceso fixo a internet nos fogares que é de tan só 1 Mega, senón tamén a cobertura móbil de internet e voz.

O último dato dispoñible, de mediados de 2020, sinala que o 72,2% dos galegos, dispoñen de cobertura de redes de máis de 100Mbps, fronte ao 54,8% do ano 2014. A cobertura incrementouse en case un 32% dende 2014, grazas aos despregamentos derivados do Plan de Banda Larga 2014 con 81 millóns de euros de Fondos Feder, xestionados pola Administración autonómica e do Plan de Banda Larga da Xunta 2020, con 18,6 millóns de euros de Fondos Feader, como actuación complementaria ao Programa Estatal de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración. Desde 2015 o Estado xestiona directamente os Fondos Feder para a extensión da Banda Larga.

Agora o Estado ten en marcha o Programa ÚNICO con máis de 4.000 millóns de euros do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTP), do que o Ministerio xestionará o 91% e Galicia recibirá o 0,4% para desenvolver un conxunto de actuacións predefinidas polo Goberno do Estado.

É preciso continuar a mellorar a cobertura e tecnoloxía das redes móbiles para que o 5G estea dispoñible para todo o territorio de Galicia. Por iso a Xunta tamén solicita ao Goberno de España que os proxectos de despregamentos de 5G ao amparo dos dos Fondos PRTP se descentralicen nas comunidades autónomas para gañar axilidade e acadar unha mellora adaptación das actuacións ás necesidades de cada territorio.

03/04/202211:04
Mans tecleando sobre un portátil.
Santiago de Compostela

O sector tecnolóxico galego creou preto de 1.400 postos de traballo no 2021, o incremento máis elevado dos últimos cinco anos

  • A porcentaxe de persoas ocupadas no sector creceu un 7,2% no último ano, acadando os 20.740 empregados
  • Galicia conta con 2.961 empresas TIC, un 2,2% máis que en 2020, o que a sitúa quinta no ranking estatal por número de empresas tecnolóxicas
  • O valor engadido bruto (VEB) do sector TIC galego supera os 1.700 millóns de euros e supón o 2,69% do PIB galego
  • A aplicación de tecnoloxías disruptivas incrementouse significativamente nas empresas galegas no último ano
  • A máis estendida é o IoT, presente no 34% das tecnolóxicas galegas, seguida polo Bussines Intelligence que aplican máis do 28%, os Chat Bots cun 24,2% e o Big Data que empregan máis do 22%
  • Respecto ao comercio online, una de cada tres empresas do sector venderon os seus produtos ou servizos a través da Rede e supón o 56% do seu volume de negocio
  • O 30,2% das empresas TIC levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos, e destas, o 70% obtivo resultados comercializables

O sector tecnolóxico galego creou 1.397 postos de traballo en 2021, un 7,2% máis que o ano anterior, o que supón o incremento máis elevado dos últimos cinco anos cun total de 20.740 empregados. Galicia, con 2.961 empresas TIC, un 2,2% máis que no 2020, é a quinta Comunidade Autónoma por número de empresas tecnolóxicas galegas que xa achegan máis de 1.700 millóns de Valor Engadido Bruto á economía galega, o 2,69% do PIB galego, segundo o último dato dispoñible de 2019,
Son parte das cifras que analiza o estudo “Empresas TIC sobre a Sociedade da Información en Galicia. Edición 2021”, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (Osimga), adscrito a Amtega, en base aos últimos datos rexistrados do sector e a unha enquisa específica, onde se recollen os indicadores asociados a este Sector.

Tecnoloxías Dirsruptivas

A tecnoloxía disruptiva con máis presenza nas empresas TIC galegas é a Internet das Cousas (34,2%). Os sensores, etiquetas RFID ou IP, cámaras para a mellora do servizo e os medidores, lámpadas, e termóstatos intelixentes son os sistemas ou dispositivos que máis se utilizan no sector TIC galego.

O 28,7% das empresas TIC galegas utiliza ou incorpora aos seus produtos ou servizos Bussiness Inteligence e o 24,2% emprega Chatbots. Cabe salientar que os Chatbots tiveron un crecemento relativo do 44,9% pasando do 16,7% que acadou no 2020 ao 24,2% no 2021.

O 22,5% das empresas TIC galegas analizan Big Data e xa superan o 50% cando se trata de empresas de 10 ou máis empregados. Entre as empresas que utilizaron Big Data, o 34,4% utilizou ou método de aprendizaxe automática ou machine learning. Así mesmo, máis do 21% das empresas TIC galegas utilizan ou incorporan aos seus produtos ou servizos Intelixencia artificial. O 16,6% das empresas TIC emprega a realidade virtual e o 13,8% a Impresión 3D.

A utilización de Robótica nas empresas TIC galegas aínda é incipiente. O 8,8% das mesmas utiliza robots, das cales o 62,9% utiliza robots industriais.

Conectividade, Xestión Empresarial e Presenza en Internet

A porcentaxe de empresas TIC que conta con conexións a internet de máis de 100 Mbps acada o 81,6%, case un 7% máis que o ano anterior. A tecnoloxía de acceso a Internet máis contratada é a fibra óptica (72,3%), crece en máis dun 32% no último ano.

O 82,1% das empresas TIC galegas interactuaron coas Administracións Públicas a través de Internet e o uso da sinatura dixital xa está presente no 70,9% das empresas TIC galegas.

No último ano, a dispoñibilidade de páxina web entre as empresas TIC galegas incrementouse nun 9,5%, situándose no 86,5%, mentres que a súa presenza nas redes sociais incrementouse un 17,6% superando o 50%.

Os servizos de Cloud Computing afiánzanse no Sector TIC galego e son empregados polo o 58,7% de empresas TIC, un 6,9% máis ca o ano anterior.

Con respecto ao comercio electrónico, o 84,9% das empresas TIC en Galicia fixo compras de bens ou servizos a través de Internet, o que supón un incremento do 13,2% respecto ao ano anterior. O 31% das empresas TIC galegas venderon os seus produtos ou servizos a través da Rede e o peso das súas vendas respecto do seu volume de negocio foi do 56%.

Actividades de I+D+i e Formación en TIC

Case un terzo das empresas TIC galegas (30,2%) levaron a cabo actividades de I+D+i durante os 3 últimos anos. Un 70% destas empresas obtivo resultados comercializables.
O 34,3% do sector desenvolveu accións formativas tecnolóxicas para o seu persoal. Unha de cada catro empresas TIC galegas ten interese en formar en tecnoloxías disruptivas como Intelixencia Artifical ou Big Data.

Ciberseguridade

O 22,6% das empresas galegas dedicadas ás TIC sufriu un incidente de seguridade no último ano. Os intentos de estafa aumentan o peso no último ano ata o 59,3%, superando aos virus informáticos cun 30,5% de empresas afectadas.

Todos os informes e documentos do OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS