main content

main content
25/04/202214:04
Presentación da segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta e o Centro Cripotolóxico Nacional inician a segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade para empregados públicos das diferentes administracións

  • Desde hoxe e ata o 23 de xuño impartiranse máis de 100 horas lectivas para profesionais do ámbito tecnolóxico da administración autonómica, concellos e universidades
  • É unha das actividades promovidas polo Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade

Medio cento de empregados públicos da Administración autonómica, concellos e universidades participan desde hoxe e ata o vindeiro 23 de xuño na segunda edición do Curso Superior de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional.

O curso, que ofrece máis de 100 horas lectivas en formato semipresencial, busca proporcionar aos empregados das diferentes administracións públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrecer unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

A xornada de inauguración celebrada esta mañá, contou coa intervención do xefe da subárea da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Gustavo Herva; o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López e a clase maxistral do experto en ciberseguridade, Antonio Fernandes.

Gustavo Herva destacou a alta demanda deste curso con máis de 300 solicitudes nesta segunda edición e subliñou a pertinencia da súa convocatoria  nestes momentos nos que a tendencia crecente das ameazas dos últimos anos viuse incrementada por unha conxuntura internacional de enorme complexidade en canto aos riscos na seguridade da información.

Neste sentido o xefe da subárea da Axencia autonómica lembrou que o fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade galego é unha prioridade para a Administración autonómica. De aí que que Galicia fose a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal.

A prioridade desde a Administración autonómica é mellorar o nivel de concienciación de cidadanía e empresas en materia de ciberseguridade, para facer fronte á situación actual, na que, seguindo a tendencia do resto de España, unha quinta parte dos delitos cometidos en Galicia correspóndense xa con estafas realizadas a través de canles telemáticas.

Nestes momentos desde o Nodo estase a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade, tanto para o sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas galegas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos.

Decálogo de medidas fronte á ciberdelincuencia

Neste sentido, a Xunta activou recentemente un decálogo de medidas para facer fronte aos novos retos e á ciberdelincuencia na Comunidade, con importantes investimentos. No marco destas medidas, está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia que ofrecerá servizos especializados, fomentando a extensión dunha cultura de ciberseguridade en Galicia e dando apoio á industria da ciberseguridade e ao I+D+i nesta materia.

Está en marcha tamén desde o pasado mes de decembro un proxecto de mellora da ciberseguridade en administración local, cidadanía e empresas, en colaboración coas deputacións e a FEGAMP.

Para o ámbito de cidadanía e empresas levarán a cabo actividades de formación e concienciación, así como accións de divulgación de información sobre ciberseguridade, a través dun novo portal web.

CIBER.gal

O Nodo Ciber.gal constituíuse en xullo de 2020, impulsado pola Xunta e coa participación do Instituto Nacional de Ciberseguridade e o Centro Criptolóxico Nacional, as catro Deputacións galegas e a Federación Galega de Municipios e Provincias. Desde entón, ademais, sumáronse ao Nodo unhas 30 entidades privadas e as tres universidades galegas, estando previsto que nas próximas semanas se sumen aproximadamente outras 10 entidades adicionais.

25/04/202212:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Día da Internet 2022

  • Competencias dixitais e envellecemento saudable, na xornada de arranque das celebracións

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como membro da Asociación Somos Dixital e a través da rede de aulas CeMIT, é a encargada de coordinar as actividades conmemorativas do Día da internet a nivel estatal, no ámbito da Asociación. Para iso, o día 29 de abril, organiza unha xornada oficial de arranque destas actividades que engloba o primeiro webinar en castelán sobre as claves do novo Marco Europeo de Competencias Dixitais e as súas aplicacións prácticas, xunto co inicio do reto #CaminaenDigital e a programación do #díadeInternet, dedicado especialmente ás persoas maiores e o envellecemento saudable.

Primeiro webinar en castelán do novo Marco Europeo de Competencias Dixitais DigComp 2.2: novidades e aplicacións prácticas

Da man de Clara Centeno, investigadora sénior da Unidade de Capital Humano e Emprego do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, abordaranse as principais novidades que introduce o Marco Europeo de Competencias Dixitais DigiComp 2.2 como instrumento para que moitas máis persoas poidan lograr as competencias requiridas polo novo contexto dixital no que vivimos.

Ademais, farase fincapé no papel que este horizonte europeo vai xogar no ámbito da empregabilidade.

Arranque do reto #CaminaenDigital e da programación do #díadeInternet

Orientado especialmente ás persoas maiores e o envellecemento saudable como obxectivo do #díadeinternet 2022, o Reto combina a experiencia de percorrer kms. nun Camiño de Santiago virtual coa aprendizaxe de ferramentas e apps dixitais.
No evento do día 29, e en estreita colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, CPEIG, presentarase a web do Reto #CaminaenDigital, un concurso colaborativo que tenta estimular o saudable hábito de camiñar combinando esta actividade co uso das ferramentas dixitais. Na web irán reflectíndose os kms percorridos polas persoas participantes, apoiadas na súa formación e seguimento polos distintos centros dixitais de España. Na sesión do venres 29 anunciaranse as modalidades que terán premio e repasaranse as principais indicacións para participar, cun breve resumo á formación nas ferramentas e apps necesarias para intervir.

En paralelo, e durante todo o mes de maio, poderase seguir tamén o ciclo de seminarios formativos en liña enfocados a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e clasificados nas seguintes temáticas: A túa vida máis cómoda, De forma segura, Con saúde, Tramita desde casa e Viaxar, coñecer e entreterse.

Para poder participar neste evento, é necesario inscribirse, podendo escoller se se desexa participar na xornada completa ou só nalgún dos dous bloques.

 

24/04/202212:04
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Xunta investirá máis de 5,3 millóns de euros en dotar de equipamento as aulas CeMIT para facilitar a capacitación dixital da cidadanía

  • No marco do Plan de Reforma e ampliación da Rede a Axencia vén de licitar un acordo marco para a compra de ordenadores all-in-one, pantallas interactivas, sistemas de videoconferencia, tablets, libros electrónicos, complementos audiovisuais e complementos inclusivos para persoas con discapacidade
  • A esta subministración engádese a adquisición xa realizada de Impresoras 3D, kits de robótica, drons, gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de licitar un acordo marco cun orzamento estimado de 4,5 millóns de euros para renovar parte do equipamento tecnolóxico da Rede CeMIT, concretamente ordenadores all-in-one, pantallas interactivas, sistemas de videoconferencia, tablets, libros electrónicos, complementos audiovisuais e complementos inclusivos para persoas con discapacidade. Esta medida enmárcase no Plan de Ampliación e Reforma da Rede CeMIT que contempla varias liñas de actuación para dotar de tecnoloxía punteira ás aulas da Rede.

Este novo material engádese a outros complementos tecnolóxicos innovadores xa adquiridos pola Axencia por un importe de 756.110,85 euros como impresoras 3D, kits de robótica, drons, gafas de realidade virtual e kits de placas de comunicación e programación.

Plan de Reforma e Ampliación

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo en marcha a finais de 2021 o Plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT para impulsar a capacitación dixital dos galegos. Cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2013 o Plan aborda a transformación física e arquitectónica dos centros; a dotación de equipamento tecnolóxico punteiro; a posta en marcha un novo servizo de aula móbil, o reforzo dos servizos dixitais e adaptación da estratexia formativa ao novo marco galego de competencias dixitais, que entrou en vigor en xaneiro de 2022.

A reformulación de servizos e espazos converterá a Rede nun instrumento clave para que Galicia logre o obxectivo marcado polo Compoñente 19.l1 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de formar en competencias dixitais a 45.790 persoas ata 2025. Tamén será fundamental o papel dos centros para acadar que o 70% dos galegos e galegas teña competencias dixitais básicas, o 50% deles mulleres, segundo establece a Estratexia Galicia Dixital 2030.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), é unha iniciativa posta en marcha pola Agencia que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas que ten entre os seus obxectivos o de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.

A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en: https://cemit.xunta.gal/gl/centros. 

22/04/202218:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

Máis dun millar de estudantes de 23 centros escolares participarán o vindeiro xoves 28 na multiconferencia web da décima edición do Día das Rapazas nas TIC

  • A enxeñeira en Informática Lucía Ardao, directora de Negocio TI de Indra en Galicia, a doutora en Medicina Molecular Laura Martínez, a enxeñeira en Telecomunicacións Edita de Lorenzo, e a desenvolvedora de proxectos transmedia para videoxogos Dhaunae de Vir, falarán das súas experiencias profesionais
  • Un grupo de rapaces do colexio Pío XII de Santiago visitará o Cesga nesta actividade organizada pola Secretaría Xeral de Igualdade e polo propio Cesga e na que colabora o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora xunto á Secretaria Xeral de Igualdade e ao Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), dependente da Axencia Galega da Innovación (Gain) da Xunta de Galicia, na décima edición do “Día Internacional das Rapazas nas TIC” (International Girls in ICT Day). Celebrarase o vindeiro xoves, 28 de abril, por multiconferencia e será retransmitido en directo a través de Internet de 11:00 a 13:30 horas para máis de 1.100 estudantes de 23 centros escolares de toda Galicia. O acto será inaugurado pola directora de Gain e presidenta do Cesga, Patricia Argerey; e contará coa intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.

A actividade consistirá nunha multiconferencia web na que participarán catro profesionais galegas que contarán, dun xeito ameno e polo miúdo a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos campos para mellorar a vida de todas e todos. Desde os centros, as rapazas e rapaces de primaria e secundaria poderán enviar as súas preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo con elas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, un grupo de estudantes de primaria do Colexio Pío XII de Santiago realizará unha visita guiada polo Cesga  e ao novo superordenador Finis Terrae III e participarán nalgunha actividade complementaria.

Participarán nunha mesa redonda, moderada pola coordinadora da área e-learning do Cesga, María José Rodríguez Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Laura Martínez, Edita de Lorenzo e Lucía Ardao, que estarán de forma presencial, e Dhaunae de Vir, que se conectará desde Bruxelas:

  • Laura Martínez Calvo é licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago (USC), Máster en Investigación Biomédica e doutora en Medicina Molecular cun traballo sobre técnicas xeoestatísticas no estudo de enfermidades complexas. Ademais, traballa como investigadora da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (FIDIS) no eido da xenética en cancro e enfermidades raras, e incorporouse como técnica superior de Proxecto á iniciativa ‘EuroCC: National Competence Centres in the Framework of EuroHPC‘ no Cesga.
  • Edita de Lorenzo é profesora titular do Departamento de Teoría da Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo (UVigo). Foi a primeira decana dunha escola de enxeñaría en Galicia, a de Telecomunicación da Uvigo. Ademais, é vicedecana do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG), vicepresidenta da Asociación de Enxeñería de Telecomunicación de Galicia (AETG), e secretaria da Xunta Directiva da Asociación PuntoGal. Participa na Unidade de Muller e Ciencia de Galicia, e no Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da UVigo. Tamén é cofundadora da sección española do WIE (Women in Engineering), que forma parte do IEEE.
  • Dhaunae de Vir é oriúnda dos Ancares, pero actualmente reside en Bruxelas traballando como desenvolvedora de negocio de proxectos transmedia para unha empresa de videoxogos, Paradox Interactive. É especialista en eSports e conta cun Máster en Xestión e Marketing de eSports pola Universidade Europea de Lisboa. É deseñadora de futuros certificada polo Institute for the Future de Palo Alto. Está titulada en Intelixencia Artificial pola Universidade de Oxford e en Transformación Dixital polo MIT. Ademais de ser embaixadora das asociacións WomenTech Network e Women in Games, está a preparar a súa tese de Intelixencia Artificial para o Máster de Xestión Tecnolóxica da Open University.
  • Lucía Ardao é licenciada en Informática e Máster en Telemática pola UDC, e forma parte dos programas de Alta Dirección AMP da IE Business e do Executiva da Xunta de Galicia. A súa traxectoria profesional está vinculada a empresas do sector das Tecnoloxías da Información e as Telecomunicacións (TIC), desde spin-offs a empresas de software e consultoras, ocupando distintos postos de dirección rexional e corporativa, de unidades de negocio e operacións. Actualmente é directora de Galicia e directora de Operacións do Mercado Global de Industria e Consumo en Minsait (Indra). Foi premiada en 2018 polo CPEIG co Premio Traxectoria Profesional da X Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia.

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride de ámbito internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar as TIC para o desenvolvemento académico, investigador e profesional.  O evento conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),  Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de Galicia (AMIT-GAL), Asociación.GAL, Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade da USC, Facultade de Informática da UDC, Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da UVigo e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!

Desde 2012, o Cesga coordina o Proxecto Europeo “ICT-Go-Girls!, Promoting Entrepreneurship among secondary School Girls through ICT” (Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC), que deseñou e testou unha metodoloxía innovadora para loitar contra a escaseza de vocacións tecnolóxicas entre as rapazas europeas. Esta acción foi completada coa iniciativa galega “Rapazas Emprendedoras Nas TIC” na que colabora o CPEIG no marco do Plan Proxecta da Consellería de Cultura, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, dirixida ás rapazas de primeiros anos de secundaria.

22/04/202216:04
Persoa maior usando unha pulseira medidora da actividade física.
Santiago de Compostela

A poboación galega con competencias dixitais básicas ou avanzadas creceu cerca dun 20% en 2021

  • Galicia avanza ata o sexto lugar entre as Comunidades Autónomas con máis proporción de persoas con habilidades básicas ou avanzadas entre a poboación que manexa internet
  • O 35,1% da poboación galega de 16 a 74 anos tiña competencias dixitais avanzadas no 2021
  • Unicamente o 1,4% da poboación Galega carecía de habilidades dixitais en 2021, un punto menos que a media española. Galicia ocupa o segundo lugar entre as Comunidades do Estado con menor porcentaxe de poboación sen habilidades dixitais
  • Galicia supera a media estatal de internautas con habilidades dixitais básicas ou avanzadas en “seguridade” ao acadar o 84,6%
  • O 81,7% dos galegos teñen habilidades básicas ou superiores en “Resolución de problemas”, chegando ao 90,7% entre os internautas e superando así a media estatal

As competencias dixitais da cidadanía galega seguen a mellorar segundo os datos que ven de publicar o Instituto Nacional de Estatística. En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación Galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, que chegou ao 61,6%. Entre os internautas, Galicia ocupa o sexto lugar nas Comunidades Autónomas con máis proporción do poboación con habilidades básicas ou avanzadas. Unicamente o 1,4% da poboación Galega non tiña habilidades dixitais en 2021, un punto menos que a media, e ocupando o segundo lugar no Estado.

O INE ven de publicar as estatísticas de habilidades dixitais a partir da enquisa sobre equipamento e uso de tecnoloxías de información e comunicación nos fogares da edición 2021. As habilidades dixitais calcúlanse en base a unha metodoloxía de Eurostat, harmonizada a nivel europeo, que establece cinco tipos de habilidades: sen habilidades, limitadas, reducidas, básica e avanzadas, construídas a partires do grao de habilidade nos campos da información e alfabetización de datos, comunicación e colaboración, creación de contidos dixitais, seguridade e resolución de problemas.

Habilidades dixitais xerais

En 2021 aumentou nun 18,2% a poboación Galega que dispón de como mínimo habilidades dixitais básicas, ata acadar o 61,6%. O 35,1% da poboación galega de 16 a 74 anos tiña competencias dixitais avanzadas no 2021.

Con respecto á poboación internauta, Galicia ocupa o sexto lugar nas Comunidades Autónomas con máis proporción do poboación con habilidades básicas ou avanzadas. O 38,9% dos internautas teñen habilidades dixitais avanzadas, polo que Galicia se sitúa no 8º posto a nivel estatal.

Unicamente o 1,4% da poboación Galega carecía de habilidades dixitais en 2021, un punto menos que a media, o que sitúa a Galicia como segunda Comunidade Autónoma do Estado con menor proporción de cidadáns sen habilidades dixitais..

Habilidades de información e comunicación

O 84,7% da poboación galega presenta habilidades avanzadas no apartado de “Información e alfabetización de datos”, e se sitúa a menos de 3 puntos da media estatal, o mesmo que nas habilidades dixitais de “Comunicación e colaboración”, que xa acadan o 88,6% de poboación con habilidades básicas ou avanzadas.

Habilidades de contidos, seguridade e resolución de problemas

O 69,7% da poboación galega xa dispón de habilidades básicas ou superiores na “creación de contidos dixitais” e o 76,2% en “seguridade dixital”, a menos dun punto da media estatal. Cando se trata de habilidades dixitais en seguridade dos internautas, Galicia supera a media estatal en máis de 2 puntos xa que o 84,6% dos galegos que navegan por internet teñen habilidades básicas ou avanzadas en seguridade dixital.

O 81,7% dos galegos teñen habilidades básicas ou superiores en “Resolución de problemas”, chegando ao 90,7% se nos centramos só en usuarios de internet, que supera a media estatal.

22/04/202214:04
Mans usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Arrancan as actividades do nodo CIBER.gal destinadas á mellorar a ciberseguridade do tecido empresarial galego

  • O vindeiro 27 de abril terá lugar a primeira sesión formativa, neste caso sobre protección de datos, organizada grazas á participación da empresa Altia en colaboración coa Fegamp, e que terá continuidade o 3 de maio cunha actividade de carácter práctico
  • É a primeira dunha vintena de actuacións previstas para o primeiro semestre do ano programadas polo grupo de traballo do Nodo Galego de Ciberseguridade
  • Todo o tecido empresarial de Galicia poderá participar nestas sesións nas que recibirán consellos prácticos e formación sobre aspectos fundamentais da seguridade da información na contorna dixital: seguridade no comercio electrónico, seguridade dos datos, enxeñaría social ou seguridade no sector turístico, entre outros

O Nodo Galego de Ciberseguridade pon en marcha o ciclo de actividades de formación, concienciación e orientación para o tecido empresarial galego. En total, están previstas unha vintena de actividades que se desenvolverán ao longo deste primeiro semestre do ano, cunha periodicidade aproximada dunha á semana.

O ciclo comeza o vindeiro mércores 27 de abril cunha sesión formativa organizada grazas á participación de Altia e a colaboración da Fegamp. Esta actividade componse dunha sesión inicial cun enfoque informativo onde se exporá a actualidade respecto da normativa de protección de datos e terá continuidade nunha segunda sesión de carácter práctico e dinámico, programada para o 3 de maio. Estas xornadas son totalmente gratuítas para os asistentes e están dirixidas a responsables de tratamento de datos de pemes e micropemes e a profesionais interesados en coñecer as obrigas en torno á protección de datos.

Esta primeira actividade está enfocada a que os asistentes poidan coñecer e entender as principais obrigacións legais que impón a normativa de protección de datos e ofrecerlles pautas sinxelas que lles faciliten o cumprimento normativo. Ademais, terán a oportunidade de analizar casos reais, evitar condutas ilícitas e recibir consellos prácticos a aplicar no exercicio diario das súas funcións profesionais, que permitan manter a privacidade dos datos aos que se ten acceso.

A inscrición para este encontro é gratuíta e pode realizarse a través da web de CIBER.gal. Todo os datos da xornada están dispoñibles en https://gaiastech.xunta.gal/es/actividades/proteccion-de-datos-conceptos-basicos-y-aplicacion-practica

Todas as actividades celebradas neste grupo de traballo serán publicadas na web oficial do nodo CIBER.gal, onde os interesados poderán atopar os detalles e indicacións precisas para poder inscribirse.

Nodo Galego de Ciberseguridade

O Nodo, promovido pola Xunta, integra, ademais das empresas e profesionais, a todas as Administracións públicas e aos organismos de referencia en España: o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), dependente do Ministerio de Defensa; e o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), integrado no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital. CIBER.gal é a primeira estrutura autonómica de colaboración público-privada na materia en España.

Nos vindeiros días, está previsto que se integren no Nodo ata 8 novas empresas e profesionais. Deste xeito, serán xa máis de 30 os integrantes deste espazo de colaboración procedentes do sector privado.

As empresas e profesionais que forman parte de CIBER.gal son maioritariamente do sector tecnolóxico, así como doutros, como a investigación e o coñecemento, o sector normativo e de cumprimento, e de compañías con importantes estruturas de ciberseguridade de sectores como as finanzas ou a produción de madeiras.

Escenario de aumento da ciberdelienciencia e novas ameazas

Un informe elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia destaca que a nosa Comunidade sufriu case 20.000 estafas a través de medios telemáticos en 2021. Un de cada catro delitos cometidos en 2021 foron estafas de tipo telemático. Nese ano producíronse de media 40.000 ciberataques ao día en España, o que representa un aumento do 125 % con respecto a 2020.

Segundo o informe, en liñas xerais, os ataques son máis profesionais e sofisticados, con novas formas de infracción, extorsión e pagamento. Neste sentido, en 2021 rexistrouse en todo o mundo un incremento do 29 % nos ciberataques contra o sector educativo con respecto ao ano anterior. En España, o crecemento foi do 11 % con respecto a 2020.

O texto sinala así mesmo, que no momento actual existe unha situación de ameaza aos servizos públicos, de abastecemento e de información. Ante esta situación, a Xunta participa desde o pasado 21 de febreiro na actuación coordinada polo CCN do Ministerio de Defensa e polo Ministerio de Interior. O informe destaca que a maior parte das medidas solicitadas xa estaban implantadas ou en proceso de implantación na Xunta de Galicia.

19/04/202216:04
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O programa Navega con Rumbo, destinado a promover o uso responsable de internet entre a mocidade, ofrecerá ata xuño máis de 240 xornadas divulgativas en 208 centros de ensinanza de Galicia

  • O CPEIG e a Xunta colaboran no desenvolvemento desta iniciativa na que se abordarán temas de interese como as conductas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.
  • Celebraranse mañá mércores oitos charlas en colexios de Camariñas, Cee, Ordes, Vimianzo, Sober, Os Blancos, Cualedro e Vigo

O programa Navega con Rumbo xa está en marcha. Celebraranse máis de 240 xornadas en 208 centros educativos galegos no marco desta iniciativa impulsada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia para guiar á mocidade nunha navegación segura en internet de maneira útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilita ferramentas aos docentes para un uso didáctico na aula. A deste curso é a décima edición deste programa, que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.

Por provincias, participan 74 centros coruñeses, 32 lucenses, 15 da provincia de Ourense e 87 da de Pontevedra. Especialistas do CPEIG levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración nos centros de ensinanza. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as conductas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais.

Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e familias na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara á mocidade.

Listaxe das xornadas xa celebradas e as pendentes para os meses de abril, maio e xuño.

13/04/202208:04
Imaxe do cartel de Tifloinnova 2022.
Madrid

Volve Tifloinnova, a feira de tecnoloxía para persoas con discapacidade visual

Tifloinnova, a feira de tecnoloxía para persoas con discapacidade visual organizada polo Centro de Tiflotecnoloxía e Innovación (CTI) da ONCE volve tras o parón provocado pola pandemia para achegar a tecnoloxía que facilita e mellora a vida de miles de persoas.

Baixo o título "A cara amable da tecnoloxía", a feira celebrarase do 22 ao 24 abril en Madrid e nela participarán expositores de máis de 15 países que mostrarán os últimos avances en tiflotecnoloxía.

Tecnoloxía como lentes que len, robots que axudan ás persoas, as posibilidades da impresión 3D ou os asistentes por voz serán algúns dos protagonistas desta sexta edición da feira que se poderá seguir a través de Internet.

Todas estas novidades compleméntanse co "Espazo FUN", onde os asistentes poderán gozar dos videoxogos accesibles para persoas con discapacidade.

13/04/202207:04
Cartel da iniciativa.
Vigo

O Congreso esLibre desembarca en Vigo o día 24 de xuño, da man de GALpon e AGASOL

A tempada de primavera promete pasar á historia en materia de acontecementos tecnolóxicos: os que configuran, en Galicia, a agardada axenda postpandémica. Entre os eventos TIC máis destacados figura o Congreso esLibre, que celebrará a súa edición de 2022 na nosa terra os días 24 e 25 de xuño. Será na cidade de Vigo, concretamente no Museo Marco e no espazo de eventos Muta. Trátase dun dos eventos tecnololóxicos e sobre cultura libre de maior relevancia estatal e internacional.
As entidades anfitrionas e que colaboran na organización co equipo de coordinación a nivel estatal son o Grupo de Amigos de Linux de Pontevedra (GALPon) e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL). O evento desenvolverase en formato presencial, pero tamén estará dispoñible en liña para as persoas que non poidan asistir a Vigo nesas datas.

Temáticas do congreso

Segundo informan GALpon e AGASOL, esLibre é “un encontro de persoas interesadas nas tecnoloxías libres e a cultura libre”, enfocado en compartir coñecemento e experiencias neste eido. A programación ceibe de licenzas privativas será a temática central do evento, a abordar tanto a través de actividades técnicas como doutras cun nivel máis divulgativo. O congreso abranguerá unha chea de temáticas: comentarios sobre licenzas de publicación, aplicacións e desenvolvemento de diversas tecnoloxías, a exploración e divulgación da arte libre ou aspetos relacionados directamente con obras (software, hardware, cultura, etc.) que se distribúan con licenzas libres.

Propostas coas que participar

A organización fai saber que haberá varios tipos de actividades que se poden propoñer para participar no congreso. Unha delas son os relatorios, que poderán durar entre 10 e 30 minutos. Amais, poderanse realizar obradoiros a xeito de exposicións prácticas ou demostracións guiadas ou, tamén, con formato de sesións de iniciación a unha tecnoloxía en concreto coa que será posible experimentar a fondo.
Ademais, as persoas interesadas teñen a posibilidade de propoñer o programa das salas (devroom), organizadas por unha comunidade específica e centradas nun tema concreto (software libre na universidade, divulgación da cultura libre, privacidade e dereitos dixitais, etc.). Outras opcións coas que é posible participar son os artigos, pósters, taboleiro de proxectos ou formatos alternativos achegados polas persoas que queiran participar. O envío de propostas está aberto a todo o mundo, que quedarán rexistradas no repositorio de propostas. Calquera dúbida ou contribución pode facerse a través do correo propuestas@eslib.re.

Datas relevantes

Data límite para o envío de propostas: 17 de abril.
Publicación do programa coas propostas aceptadas: 24 de abril. Data límite para o envío do programa das salas aceptadas: 22 de maio. A hora límite de todas as datas son ás 23:59 h en Madrid (CET).

Axudas económicas para determinados colectivos

Entre as novidades desta edición, esLibre axuda no financiamento dos gastos de viaxe dalgúns colectivos de persoas que queiran participar. Entre os potencialmente beneficiarios están os colectivos de xénero (mulleres, persoas trans e minorías de xénero infrarrepresentadas en esLibre); as persoas con discapacidade, persoas neurodiverxentes e/ou neurodiversas e persoas con enfermidades. O obxectivo fundamental desta estratexia é “crear un espazo seguro no que debater sobre o software libre, destacando realidades diversas e a súa relación coa tecnoloxía”, segundo informan as entidades organizadoras, que engaden que haberá unha axuda xeral para persoas que, pola súa situación económica, teñan problemas para cubrir os gastos de desprazamento e aloxamento durante o evento (estudantes, persoas xubiladas, desempregadas ou con emprego precario). Sumado a isto, como parte de conseguir “unhas xornadas máis accesibles e inclusivas” e tirar abaixo todo tipo de barreiras de participación, facilitarase a presenza activa de persoas que teñan responsabilidades de coidados.

21/04/202216:30 - 18:30
1 mes 1 profesión dixital
Online

Somos cibernéticas

Coñece da man da Amtega a experiencia de mulleres de éxito neste eido. Desde a Amtega, pretendemos fomentar o aumento do talento feminino no mundo da ciberseguridade, explorando as diferentes opcións formativas nesta materia e axudar a reducir, con iso, a fenda dixital de xénero.

A xornada está dirixida a todas as rapazas e rapaces maiores de 14 anos, con inquietudes acerca do seu desenvolvemento formativo e profesional. Sen prexuízo do anterior, o evento estará aberto a que sexa seguido na súa modalidade en liña por calquera persoa interesada na ciberseguridade.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS