O vicepresidente primeiro do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia destinará máis de 27 M€ ata 2025 para impulsar a capacitación dos galegos e galegas, facendo especial fincapé nos maiores.
Durante a rolda prensa, Rueda precisou que o obxectivo é que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas en 2025, “queremos formar en competencias dixitais a máis de 45.700 persoas nos vindeiros tres anos”, engadiu.
Para acadar estes obxectivos, explicou, impulsaranse dúas medidas: o Plan de ampliación e Reforma da Rede de Aulas CeMIT e o Marco Galego de Competencias dixitais.
No tocante ás aulas CeMIT, que son claves para a mellora das competencias dixitais daqueles galegos que teñen máis dificultades para acceder a estas tecnoloxías, Rueda sinalou que este ano contarán con 1.300 prazas e impartirán 35.000 horas de formación. Ademais, destacou que os maiores seguirán tendo protagonismo, xa que, entre outras cousas, a Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior, aliada desta rede de aulas, ten previstos 60 cursos destinados ás persoas maiores. Tamén avanzou que coa pretensión de que a Rede siga medrando se abrirán 30 novas aulas ata 2025.
En relación ao Marco Galego de Competencias Dixitais, o vicepresidente primeiro subliñou que a Xunta está a traballar no desenvolvemento dos plans de capacitación e acreditación e de avaliación e autoavaliación, que permitirán o acceso á acreditación das competencias dixitais. A este respecto, salientou que o certificado galego en competencias dixitais validará 21 competencias de 5 áreas.
O Padroado do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) celebrado hoxe aprobou o nomeamento como novo director xerente desta entidade a Lois Orosa Nogueira, que substitúe no cargo a Mauro Fernández Dabouza.
Nacido en Santiago de Compostela en 1982, Lois Orosa é enxeñeiro en Telecomunicacións pola Universidade de Vigo. Doutor en Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores, conta cunha ampla experiencia investigadora internacional de primeiro nivel, tanto no ámbito da industria como no académico. Así ten realizado proxectos en empresas como IBM R&D (Israel), Xilinx (Irlanda) e Recore Systems (Países Baixos), así como na Universidade de Illinois en Urbana-Champaign (Estados Unidos), a Universidade Nova de Lisboa (Portugal), a Universidade de Campinas (Brasil) e a ETH Zurich (Suíza). Nesta última exercía ata a data como investigador sénior, realizando tanto proxectos de investigación na área de arquitectura de computadores como tarefas docentes.
O Centro de Supercomputación de Galicia xogará un papel clave no desenvolvemento do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que busca consolidar Galicia como referente para o desenvolvemento e validación deste tipo de tecnoloxías con vocación de ofrecer un impacto positivo en diferentes sectores produtivos.
Neste ámbito, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), e o Cesga asinaron un convenio dotado con 11,6 millóns de euros para despregar unha infraestrutura baseada en tecnoloxías cuánticas. Este investimento súmase aos 7 millóns de euros achegados polo Goberno galego, coa colaboración do CSIC, para implantar o novo supercomputador Finisterrae III. Estas iniciativas están financiadas con fondos europeos.
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou esta mañá na inauguración do espazo que a Xunta de Galicia cede a Makers Ferrolterra no CIS Tecnoloxía e Deseño o gran labor social desta asociación, formada por unha vintena de persoas procedentes de diferentes sectores. Así, lembrou que desde o inicio da pandemia Makers Ferrolterra ten colaborado desinteresadamente no deseño, fabricación e distribución de elementos de protección para os colectivos máis expostos.
Ademais, apuntou que a súa actividade -centrada na busca de solucións baseadas no código aberto, na fabricación tecnolóxica, a robótica, a impresión 3D e Internet- encaixa coa traxectoria do CIS Tecnoloxía e Deseño, así como na súa misión como centro de innovación de referencia para todo o tecido industrial da comarca e punto de encontro dos sectores produtivos, con presenza nel de entidades como Asime, Aclunaga, Cluergal, o Centro de Excelencia do Naval (Cesena) de Siemens e proximamente o Laboratorio de Combustibles da Universidade da Coruña. A súa experiencia, coñecementos e medios tecnolóxicos poden contribuír ao desenvolvemento conxunto de proxectos de I+D+i e ao fomento do uso de novos materiais e novas tecnoloxías.
A directora da Axencia tamén destacou as sinerxías desta asociación coa Materioteca de Galicia, instalada no centro, un espazo dedicado á exposición de materiais innovadores e cuxa principal misión é dinamizar o seu uso en proxectos de diferentes ámbitos. Neste sentido, este espazo facilitará o acceso a novos materiais e potenciará a colaboración no posible desenvolvemento de proxectos conxuntos.
Por último, Argerey inscribiu esta colaboración no labor de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas do CIS a través de programas como D’tec ou Edutec Emprende -este último coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade-, ao que agardan que o coletivo Makers Ferrolterra se sume.
O local da asociación no CIS Tecnoloxía e Deseño da Cabana conta cunha superficie de 88m2 na primeira planta do edificio 3. Ademais, esta entidade tamén ten á súa disposición equipamentos como a fresadora Roland ou a impresora Witbox.
O centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de activar o seu xemelgo dixital, que permite visitar virtualmente as súas instalacións dun xeito moi realista e interactivo a través dunha contorna 3D.
Ademais, o xemelgo permite visualizar o equipamento dispoñible do centro, así como as últimas actividades realizadas, consultar as futuras ou reservar algún dos sete espazos de traballo que ofrece GaiásTech.
Pódese acceder ao xemelgo desde calquera dispositivo a través da web do GaiásTech e solicitar a través del, mediante un formulario, os servizos habituais dispoñibles no centro, como a organización de actividades públicas.
O xemelgo dixital súmase así aos servizos que o GaiásTech ten xa en marcha para as empresas e a cidadanía co obxectivo de fomentar a transformación dixital e amosar as tecnoloxías disruptivas.
O xemelgo dixital é unha tecnoloxía disruptiva que representa unha contorna ou un obxecto físico, que ten numerosas aplicacións en diferentes ámbitos, coma visitas en realidade virtual ou seguimento dos procesos nunha planta industrial. Os xemelgos tamén poden ser entidades dinámicas, capaces de aprender, actualizarse e comunicarse cos seus homólogos físicos grazas ao intercambio de datos que se dá entre ambos os dous, todo apoiándose en tecnoloxías coma IA, aprendizaxe automática e IoT. Outra das utilidades dos xemelgos virtuais é poder facer fronte a diversos problemas antes de que estes se presenten, ademais de explorar novas oportunidades e planificar para o futuro.
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para consolidar a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. En 2021, desde a súa inauguración no mes de xuño, desenvolveu máis de 60 actividades.
Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o cadro de persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
GaiásTech como espazo de demostración e experimentación tecnolóxica ofrece sete salas de traballo:
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, elaborará xunto coas tres universidades da nosa Comunidade un marco ético sobre o uso das tecnoloxías intelixentes que garanta os dereitos fundamentais da cidadanía galega. Trátase dunha das medidas recollidas na Estratexia Galicia Dixital 2030 e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
A implantación dunha intelixencia artificial ética e fiable é un dos obxectivos das estratexias aprobadas pola Xunta, que indican que o desenvolvemento destas tecnoloxías deben respectar os nosos valores e normas, reforzar a súa presenza nas cadeas de calor da industria e, ante todo, servir á cidadanía.
A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial sinala, así mesmo, que unha aplicación fiable desta tecnoloxía debe basearse en tres compoñentes que deben satisfacerse ao longo de todo o ciclo de vida do sistema: debe ser lícita e cumprir con todas as leis e regulamentos aplicables; debe ser ética, de xeito que se garanta o respecto aos principios e valores; e debe ser robusta, tanto dende o punto de vista técnico como social, xa que a súa aplicación pode causar danos, mesmo accidentais.
Co fin de establecer as bases dunha intelixencia artificial fiable, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, asinou un convenio co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Este acordo permitirá a realización dun estudo sobre o marco ético-normativo e o potencial impacto da adopción da intelixencia artificial en Galicia.
O estudo implicará un investimento de 150.000 euros, dos que 120.000 serán aportados pola Xunta e o resto polas universidades.
O traballo será coordinado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que tamén se encargará de recompilar e aportar os datos da enquisa “sobre o uso de TIC e comercio electrónico nas empresas” do ano 2020 e primeiro trimestre de 2021, elaborada pola Instituto Nacional de Estatística.
Na investigación participaran os grupos de Empresa e Administracións, Sistemas Intelixentes e Valoración Financieira Aplicada, da Universidade de Santiago; os de Desenvolvemento Económico e Sustentabilidade Social (EDaSS), o Jean Monner de Competencia e Desenvolvemento, e o Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA), de Universidade da Coruña; e a Rede de Investigación de Gobernanza e Economía (GEN) da Universidade de Vigo.
A Universidade de Santiago de Compostela encargarase, entre outras tarefas, da análise de datos e elaboración do apartado “Estudo ético e normativo”. Consistira nunha análise da lexislación global e europea e a posibilidade de traslación no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, a USC analizará o marco de sustentabilidade da intelixencia artificial e as tecnoloxías dixitais para cumprir os obxectivos da dobre transformación dixital e o Pacto Verde europeo. Esta apartado estudará tamén os aspectos e implicacións éticas dos modelos de intelixencia artificial e a aplicación das tecnoloxías intelixentes.
Pola súa banda, a Universidade da Coruña encargarase, entre outros aspectos, da análise de documentación e elaboración do apartado “Estudo das estratexia e deseño dun modelo de indicadores”. Analizará, neste sentido, a evolución estratéxica da intelixencia artificial nos ámbitos europeos, nacionais e rexionais, así como os seus sistemas de indicadores. A partir destes datos, a UDC deseñará os indicadores para avaliar os procesos coa finalidade de xerar modelos para actualizar estratexias existentes, así como elaborar follas de ruta ou futuras estratexias.
A Universidade de Vigo elaborará o apartado “Estudo relativo á aplicación da intelixencia artificial”. Para facelo, consultará aos sectores empresariais para analizar o potencial da intelixencia artificial e recoller propostas de regulación. Realizará tamén unha análise do impacto económico da intelixencia artificial nos sectores estratéxicos da economía galega. A UVigo tamén se encargará do tratamento e análise da información da enquisa do INE aportada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O Convenio estará vixente ata o 31 de decembro de 2022 e os asinantes poderán acordar unanimemente a súa prórroga por un máximo dun ano máis.
A Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, aprobada polo Consello da Xunta en xuño de 2021, mobilizará ata 2030 máis de 330 millóns de euros e xerará un impacto na creación de riqueza duns 472 millóns de euros.
Entre os seus obxectivos, ademais da creación do marco regulamentario para o control e o avance ético, atópanse o de aumentar nun 25% as empresas que usan solucións dixitais avanzadas, aumentar nun 25% os servizos públicos nos que se aplica a intelixencia artificial crear unha oferta de 210 prazas en estudos de grao e mestrado no Sistema Universitario de Galicia.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu hoxe na Cidade da Cultura de Galicia os representantes de videoxogo.gal, a asociación galega de videoxogos e contidos interactivos, aos que lles adiantou un investimento de preto dun millón de euros por parte do Goberno galego para o impulso da industria dos videoxogos a través dun paquete específico de accións enfocadas á vertebración e a competitividade deste sector.
Segundo explicou o conselleiro, a primeira das medidas ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultura da Xunta é a convocatoria dun fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotada con 500.000€, que se materializará neste primeiro semestre do ano. A isto engádese tamén a posta en marcha, nas vindeiras semanas, dunha aceleradora empresarial, cunha dotación de 370.000€, así como outras medidas que se irán desenvolvemento proximamente.
Na reunión, á que tamén asistiu o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participaron a presidenta de videoxogo.gal e socia fundadora de Imaxin Software, Luz Castro, así como os representantes de Ilux Tecnologies, ePolygon, Aruma Estudios, O Cable Inglés, Iseltec e Félix Menéndez.
O conselleiro avanzoulles as principais características desta primeira convocatoria, que será publicada no primeiro semestre do ano, así como o resto de iniciativas −ben específicas, ben transversais ao conxunto das industrias culturais− a través das que o Hub Audiovisual contribuirá a impulsar a vertebración dunha industria galega dos videoxogos e, xa que logo, a súa competitividade a nivel nacional e internacional. Estase a contar para o seu deseño coas achegas recibidas desde a propia asociación videoxogo.gal como principal entidade representativa do sector en Galicia.
Como sinalou Román Rodríguez, a primeira destas medidas responde ao enorme potencial creativo e tecnolóxico do sector cun fondo de medio millón de euros, que se materializará nunha convocatoria pública de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de videoxogos por parte de produtoras galegas.
As empresas poderán optar a dúas modalidades. A primeira delas dirixirase a proxectos de certa envergadura, cun orzamento superior aos 200.000 euros, nos que a intensidade da axuda poderá chegar ao 25% cun límite máximo de 100.000 euros. A segunda categoría está pensada para propostas cun orzamento máximo de 200.000 euros e un carácter menos comercial, que poderán subvencionarse nun 75% ata un máximo de 50.000 euros. En ambos casos, para a súa concesión valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
Ao tempo, estase a deseñar un polo de aceleración como segunda das medidas específicas para o sector dentro do Hub Audiovisual da Xunta. Neste caso, os destinatarios serán emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e a súa consolidación. Esta iniciativa desenvolverase a través dun convenio cunha entidade colaboradora, que actuará como aceleradora, ao abeiro do que se articularán accións e programas en dúas edicións, cunha duración global de 20 meses desde a súa posta en marcha e das que está previsto que se beneficien un mínimo de dez empresas.
Como medida complementaria para contribuír a lograr unha maior e mellor estruturación do sector, levarase a cabo un “mapeo” do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, así mesmo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
Lembrar que, tamén neste mesmo ámbito, a Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, ampliou o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con COMTECART, promovida en conxunto coa Universidade de Vigo, co fin de desenvolver proxectos baseados en obras literarias galegas.
Avánzase, desde xeito, na configuración das diferentes vías de apoio ás industrias culturais no marco Hub Audiovisual galego, un programa extraordinario que suporá unha inxección económica de 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
As medidas comezaron a materializarse o pasado mes de setembro coa publicación dunha primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes, cun orzamento de 2 millóns de euros, que terá continuidade este ano coa mesma dotación. As primeiras beneficiarias foron catro series para a súa filmación en Galicia: Rapa e Argonautas, de Portocabo, Hasta el cielo, de Vaca, e 13 exorcismos, de 13 E Movie AIE.
Ademais, nestes momentos permanece aberto o prazo de solicitude para a segunda destas liñas de subvención, a través da que se destinan 1,2 millóns de euros para o desenvolvemento de paquetes de proxectos audiovisuais. O seu obxectivo é facilitarlles ás produtoras galegas de cine e televisión a preprodución simultánea de entre tres e cinco propostas, de xeito que se multipliquen as posibilidades de éxito cara á súa produción.
Ao tempo, continúase traballando co sector no deseño do resto das medidas que conforman o Hub, dentro do que tamén se porán en marcha a plataforma Galicia Film Office, un polo de talento e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, en rolda de prensa, que a Xunta ofrecerá un novo programa para mellorar as competencias dixitais e o emprendemento das galegas que viven no rural cun orzamento inicial de 5,2 M€, financiado con cargo a fondos Next Generation.
Segundo avanzou Feijóo, vai dirixido preferentemente a mulleres desempregadas e con residencia en municipios de menos de 30.000 habitantes, aínda que, se non se cubre a totalidade das prazas, “poderán optar mulleres ocupadas sempre que estean inscritas como demandantes de mellora de emprego”.
Logo de incidir en que a previsión é chegar a 10.000 mulleres, Feijóo salientou que os obxectivos desta iniciativa son: mellorar as competencias dixitais para que non exista fenda no seu desempeño profesional; ofrecer maiores oportunidades de inserción laboral ás galegas do rural, e favorecer a súa capacidade de emprendemento.
As empresas Orange, Ericsson e Grupo Pereira presentaron na sede desta empresa viguesa unha nova aplicación da tecnoloxía 5G que se centra nas súas vantaxes para a xestión de frotas de transporte: vantaxes que se traducen nunha meirande rapidez na actividade despregada, nun claro aforro de recursos e nun meirande número de dispositivos conectados. Segundo engadiron, a aplicación da 5G na loxística e na xestión de vehículos permite incrementar a eficiencia e optimizar a distribución de produtos perecedoiros. As empresas contaron co apoio do Centro Tecnolóxico Gradiant, tamén con sede en Vigo. Grazas á súa colaboración, desenvolveuse un prototipo para a xestión loxística que consta dun dispositivo de monitoraxe situado nos vehículos loxísticos de transporte alimentario e que ten capacidade para rexistrar a posición destes. Engadiuse un sistema de software que recolle e secuencia a información do vehículos.
“Grazas ás prestacións da nova tecnoloxía móbil 5G”, sinalaron as ditas empresas, “conséguense unhas precisas marxes de tempo, tanto nas recollidas como nas entregas de mercadorías, o que, unido ao control estrito das condicións ambientais durante o traxecto, asegura o total mantemento da calidade dos produtos até o seu lugar destino”. No acto de presentación deste caso de uso estiveron presentes: Miguel Rodríguez Quelle, director da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Óscar Aragón e Jesús Costoya, director territorial de Relacións Institucionais e responsable de Grandes Contas de Orange en Zona Norte, respectivamente; Ruy Andrade e Pablo Mouriño, directores de Relacións Institucionais e de Loxística de Grupo Pereira, respectivamente; e os investigadores de Gradiant Carlos Couso e David Fondo.
Todos eles salientaron as vantaxes que ofrece a tecnoloxía 5G, que “permite dar soporte, de forma moi eficiente, a este tipo de comunicacións no sector loxístico, reducindo os recursos de rede asociados á conexión dunha gran cantidade de dispositivos de monitoraxe e facendo posible, ademais, que os dispositivos teñan un consumo enerxético menor, reducindo o custo de instalación e mantemento”. Pola súa banda, dende o Grupo Pereira, empresa integrada verticalmente do mar á mesa, con frota de distribución de hostalaría propia, destacaron a importancia de coñecer en tempo real as condicións da cadea de frío dos seus camións, así como o tempo de reparto por cliente, para evitar atrasos nas entregas e acadar unha maior eficiencia enerxética. Finalmente, Óscar Aragón Fernández puxo en valor “os beneficios que achegan estes casos de uso para detectar máis e mellores aplicacións da tecnoloxía 5G. Grazas ás diferentes experiencias que estamos a levar a cabo no marco do Plan Nacional 5G, estamos a descubrir como pode axudar esta nova rede móbil a mellorar a eficiencia dos máis diversos sectores industriais, tamén o transporte, abrindo así novas posibilidades para o desenvolvemento e progreso do tecido produtivo en todas as rexións. Aínda hai moito por descubrir e estamos orgullosos de poder participar niso, ao mesmo tempo que avanzamos nos despregamentos das redes 5G que necesita o país para seguir medrando en competitividade”. Este proxecto enmárcase no Plan Nacional 5G, o programa para o desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G que executa Red.es, impulsado polo Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital e co-financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e para a execución do mesmo en Galicia formouse unha UTE composta por Orange e as galegas Cinfo, Gammera Nest e Optare Solutions, entre outras entidades colaboradoras.
O Concello de Boiro, ao abeiro da súa colaboración cos centros educativos do municipio, impulsou unhas xornadas formativas para as familias e persoas interesadas na poboación infantil e xuvenil e que levan por título Cando as pantallas educan. A concelleira de Educación, María Outeiral, e o concelleiro de Servizos Sociais, Raúl Treus, estiveron na presentación da actividade xunto co persoal directivo do CEIP e o IES do municipio.
A iniciativa xorde do proxecto Espazo Familias, a través da súa Escola de Nais e Pais (ENAPA). No marco dela, desenvolveranse unhas xornadas divididas en cinco sesións entre os meses de febreiro e maio, vertebradas en torno ao impacto das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) entre os menores de idade. O obxectivo destas xornadas é ofrecer “un espazo de formación, reflexión e participación para as familias de Boiro que sobrepase os muros de cada un dos centros”.
As conferencias están centradas en distintas temáticas como a importancia das redes sociais; o uso problemático e as adiccións; a contorna dixital como espazo de interacción social, emocional e sexual, etc. A finalidade “é levar a cabo unha reflexión e poñer sobre a mesa posíbeis solucións”. Todas as charlas serán impartidas por profesional de diversos ámbitos e por axentes locais vinculados. “Dende o Concello queremos facer fincapé na necesidade desta iniciativa e destas charlas que abordan un tema que está no día a día das familias” recoñeceu a concelleira María Outeiral. As xornadas desenvolveranse en horario de tarde na Casa da Cultura de Boiro e posteriormente poderán visualizarse tamén na Rede. Para participar é preciso inscribirse na páxina web espazofamilias.org.
O programa de Webinars TransformaTech Sessions comprende unha serie de breves encontros virtuais sobre tecnoloxías disruptivas para a sociedade dixital, impartidos polos/as profesionais das empresas colaboradoras e dirixidos a diversos públicos en función do tema de cada relatorio.
A modalidade Profesional do programa está orientada a profesionais, titulados e estudantes universitarios do ámbito STEAM ou a grupos mixtos de perfís tecnolóxicos e non tecnolóxicos interesados en ampliar os seus coñecementos nas materias impartidas.
Baixo a modalidade Talento Xove, as sesións desenvólvense con contidos adaptados a rapaces a rapazas de 12 a 16 anos e a centros educativos de bacharelato e Formación Profesional, achegando as novas tendencias tecnolóxicas aos máis novos e novas.
Con este ciclo de webinars afóndase en temáticas de gran relevancia na sociedade como o Big Data, o 5G/6G, a ciberseguridade, os servizos na nube e as tecnoloxías Cloud, a Intelixencia Artificial, o Internet das Cousas (IoT), as tecnoloxías Smart City ou a robótica avanzada.
Esta actividade enmárcase no catálogo de actuacións do Plan de Promoción do Talento Dixital de Galicia (DigiTalent), impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e conta coa colaboración das entidades do Pacto Dixital de Galicia e os Colexios Profesionais do ámbito tecnolóxico galego