A aula CeMIT de Ribeira, centro local de divulgación e alfabetización tecnolóxica ao servizo da cidadanía, anuncia un novo curso gratuíto nas súas instalacións, neste caso de Ofimática con LibreOffice. Celebrarase entre o 7 de febreiro e o 30 de marzo en horario de 9.30 a 11.00 horas.
As inscricións, xa abertas, pódense formalizar de xeito presencial na propia aula CeMIT (situada na rúa 1 Cubeliños / teléfono: 981 876 043) ou no sitio web do espazo de formación TIC.
Cabe lembrar que do 25 ao 27 de xaneiro están previstos a maiores dous cursos adicados a Sede Electrónica (como empregar os recursos das administracións en liña) e a Uso Básico de Móbil Android.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña organiza, coa colaboración do centro AtlantTIC da Universidade de Vigo, a Cátedra R en Ciberseguridade e o MUNICS (Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade), o evento C3TF - CITIC Cyber Competition, unha competición de ciberseguridade destinada a estudantes para que poidan practicar e desenvolver as súas habilidades neste ámbito.
O evento terá lugar o 23 de febreiro de 15:30 a 20:30 h de forma simultánea no CITIC, AtlantTIC e online. A inscrición está aberta ata o 15 de febreiro.
Trátase dun CTF (Capture The Flag), un tipo de competición que consiste nunha serie de desafíos enfocados á seguridade informática que hai que resolver para conseguir o premio (a bandeira). O obxectivo é aprender e mellorar en equipo as competencias en hacking.
No C3TF, os/as participantes enfrontaranse a retos nas categorías de esteganografía, forense, pentesting, entre outras. As persoas interesadas en participar deberán ser estudantes, de calquera nivel, e poderán apuntarse en equipos de entre 1 e 5 persoas para poñer a proba as súas capacidades. Poden elixir entre tres modalidades de participación: presencial no CITIC, presencial en AtlantTIC e online.
A inscrición é totalmente gratuíta. Ademais, haberá premios para os tres equipos gañadores, por valor de 1000 €, 700 € e 300 € cada un, e agasallos para todas as persoas participantes en modalidade presencial. Pódese consultar máis información na páxina web oficial: c3tf.io.
Os centros educativos galegos volverán contar este ano co programa Navega con rumbo, unha iniciativa impulsada pola Xunta en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia co fin de guiar aos mozos e mozas nunha navegación segura en internet de xeito útil e responsable, ao tempo que tamén se lle facilitan ferramentas aos docentes para uso didáctico na aula.
No marco da conmemoración do Día Internacional da Educación, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, asinou co presidente do colexio, Fernando Suárez, a renovación do convenio para a posta en marcha da X edición deste programa que leva vixente en Galicia desde o curso 2010-11, e que está incluído entre as accións da Estratexia de Educación Dixital 2030.
Ao abeiro do mesmo, especialistas do Colexio de Enxeñaría Informática levarán a cabo xornadas divulgativas dunha hora de duración en 240 centros educativos. Nestas xornadas abordaranse temas de interese como as condutas de acoso e ciberacoso e outros riscos derivados do mal uso das redes sociais. Ademais, a través dunha guía de boas prácticas, tamén se fai partícipe das recomendacións aos profesores e aos pais e nais na medida en que se poidan converter en transmisores de boas prácticas de cara aos rapaces e rapazas. A iniciativa pode consultarse no Portal Educativo.
Desde que se puxo en marcha, a través do Navega con Rumbo leváronse a cabo máis de 1800 accións formativas nas que participaron ao redor de 100 centros educativos en cada edición.
O Centro GaiásTech da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publicou na súa web unha nova aplicación na nube dentro do GaiásTech Cloud, que xa está a disposición das empresas e das persoas usuarias para a súa proba e avaliación. Trátase de OpenVAS (Open Vulnerability Assessment System) que, como o seu nome indica, é un software que axuda na avaliación de vulnerabilidades dun sistema informático. Trátase do compoñente principal da solución de software libre Greenbone Security Assistant, desenvolvida pola empresa Greenbone Networks, que tamén ten outras solucións non libres baseadas en OpenVAS, seguindo o modelo open-core.
Con OpenVAS poden lanzarse diversos tipos de probas sobre distintos obxectivos dunha forma manual ou programada, configurando periodicidades. Estas probas analizan todas as vulnerabilidades descubertas, recibindo actualizacións destas diariamente.
A través do GaiásTech Cloud, as empresas, as organizacións e as persoas usuarias que o desexen poden probar e avaliar aplicacións a través dun servizo na nube nun contorno privado.
A vantaxe desde servizo é que proporciona unha infraestrutura tecnolóxica xa configurada para probar a solución, sen necesidade de dispoñer dela nin de contar co tempo dun administrador de sistemas e de recursos informáticos. Deste xeito, facilítase que as empresas poidan coñecer e avaliar a utilidade da ferramenta e a adecuación ás súas necesidades das solucións ofertadas.
Ata o momento, as solucións dispoñibles no GaiásTech Cloud, ademais de OpenVAS son as seguintes: Rocket.Chat, solución de traballo colaborativo; Alfresco, orientada á xestión documental empresarial; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións coa clientela para organizacións do eido social; Prestashop, unha aplicación do sistema de comercio electrónico; NextCloud, un servizo de almacenamento e compartición de ficheiros na nube; Zabbix, unha solución de seguimento de redes; FacturaScripts, un software de planificación de recursos empresariais e de administración da relación coa clientela; Taiga, unha plataforma para a xestión de proxectos áxiles; e a tenda en liña con WordPress.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que solicitar as sexan do seu interese a través da páxina do GaiásTech: https://gaiastech.xunta.gal/gl/gtech-cloud
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global. Así, a través de distintos servizos e actividades, o GaiásTech amósalles ás empresas a importancia de impulsar o talento dixital dentro destas, para desenvolver unha nova organización do traballo e unha cultura dixital na que o persoal e a clientela se sintan cómodos ante a incorporación das tecnoloxías.
O vindeiro 2 de febreiro celebrarase na Sala Cloud do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC) a xornada formativa de mentoras e mentores do ámbito académico, empresarial e da investigación que participarán no programa estatal Inspira STEAM A Coruña 2021/2022, impulsado pola Universidade de Deusto (Facultade de Enxeñaría) e coordinado pola investigadora do centro Verónica Bolón.
A formación será impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, adestrador, formador e consultor especializado en desenvolvemento organizacional e de persoas. Unha vez realizada a xornada formativa, desenvolveranse 6 sesións de traballo en centros educativos de educación primaria da provincia da Coruña cos obxectivos de facilitar ao alumnado novos referentes de mulleres científicas e tecnólogas, dar a coñecer as profesións STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas, polas súas siglas en inglés), sensibilizar e orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, mostrar e poñer en valor ás mulleres STEAM da historia, así como dar a coñecer os estereotipos existentes nestas áreas para que non condicionen as decisións de nenas e nenos.
O nodo Inspira STEAM A Coruña conta tamén co apoio do Campus Innova da UDC, dirixido pola investigadora Susana Ladra. Arredor desta iniciativa colaboran outras universidades do ámbito estatal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
Por primeira vez en 2020 non se observan diferenzas de xénero no uso de internet en Galicia. Neste ano, a Comunidade rexistrou un 87,8% usuarias de internet nos últimos tres meses fronte ao 87,5% dos homes. Ademais, o uso da Rede entre as mulleres galegas supera nun punto porcentual a media da Unión Europea.
En termos evolutivos, a fenda de xénero no uso de Internet nos tres últimos meses era de 3 puntos porcentuais en 2016 e foi reducíndose paulatinamente ata anularse por primeira vez en 2020. Atendendo á idade, o uso de Internet entre as mulleres supera ou iguala á porcentaxe de homes no tramo de idade de 35 a 65 anos.
Son as conclusións dos resultados do informe “A Sociedade da Información desde unha perspectiva de xénero”, que publica hoxe o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Este informe analiza comparativamente os principais indicadores que definen as diferenzas de xénero no uso das tecnoloxías en Galicia, a partir de datos obtidos no marco do convenio asinado co Instituto Galego de Estatística (IGE).
Na actualidade, en Galicia non se rexistra fenda de xénero algunha no uso de dispositivos electrónicos (teléfono móbil con capacidade de acceso a Internet, ordenador de sobremesa, portátil, tablet…). O 91,4% das mulleres galegas fronte ao 91,2% dos homes utilizaron estes dispositivos nos últimos tres meses. Os resultados amosan que o uso deste tipo de dispositivos é igual ou superior entre as mulleres galegas de máis de 34 anos de idade.
O 87,8% das mulleres utilizaron internet nos últimos tres meses, incrementándose así 2,5 puntos porcentuais nun ano e superando por primeira vez aos homes.
A proporción de mulleres que compran a través da rede tamén creceu en 6,2 puntos porcentuais no último ano, ata acadar o 57,1%. Compran máis as mulleres por internet ata os 45 anos, e invértese a tendencia nas idades máis elevadas. Non obstante, en termos globais, a porcentaxe de homes que compran a través da Rede en Galicia é superior en 2,9 puntos á que se rexistra entre as mulleres
Con respecto ao uso da eAdministración desde a perspectiva de xénero, as diferenzas son mínimas. As mulleres están a un punto porcentual no uso da rede dos homes para a obtención de información, descarga e entrega de documentación ou obtención de documentos persoais.
Tres de cada catro mulleres que usan internet obteñen información das Administracións Públicas e máis do 70% descargan e envían formularios oficiais cumprimentados.
Santiago de Compostela acolleu hoxe a presentación dun dos preto de 30 pilotos 5G que se están a desenvolver en Galicia. Trátase dunha solución innovadora con aplicación no ámbito turístico que permite realizar visitas virtuais á Praza do Obradoiro desde calquera lugar do mundo en tempo real.
Grazas á instalación de cámaras 360º, situadas nun lugar destacado dese punto clave do turismo na cidade, retransmítese imaxes de moi alta resolución da praza e da fachada da catedral ás que, ademais, se aplican técnicas de realidade virtual, o que proporciona ao usuario a sensación dunha visita real.
Calquera persoa con cobertura 5G poderá visualizar desde a súa tablet ou dispositivo móbil as imaxes 360º en tempo real e con realidade aumentada, de xeito que terán a sensación de trasladarse á mesma Praza do Obradoiro.
Esta experiencia pode ser un primeiro paso para adaptar as experiencias turísticas á nova realidade dixital e aos novos dispositivos tecnolóxicos, que aumentarán exponencialmente as posibilidades de oferta de contido virtual e inmersivo tanto para o turista como para a cidadanía. Así, grazas ao 5G, poderanse descargar grandes cantidades de información a gran velocidade e interactuar de forma virtual e en tempo real debido á baixa latencia da tecnoloxía.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, que participou xunto co alcalde de Santiago Xosé Sánchez Bugallo; o director de Servizos Públicos Dixitais de Red.es, Francisco Javier García, e o responsable de Relacións Institucionais da Zona Norte de Orange, Óscar Aragón, lembrou que Galicia foi a primeira Comunidade que aprobou un plan para facilitar a extensión da tecnoloxía 5G. Este posicionamento contribuíu a que o Ministerio de Economía e Transformación Dixital concedese dúas subvencións ás propostas presentadas por Orange e Telefónica de realizar pilotos 5G en Galicia que, xunto ás que se promoveron desde o Nodo do Plan Galicia 5G, suman preto 30 casos de uso desta tecnoloxía en Galicia cun importe de 23 millóns de euros e no que participan arredor de 40 entidades.
A día de hoxe o 70% destes casos de uso están completados e o resto na recta final. Son usos innovadores desta tecnoloxía aplicados ámbitos como a atención sanitaria, a educación, na xestión de incendios, a industria, na automoción no audiovisual ou o turismo, entre outros.
Neste sentido, Mar Pereira sinalou que o seguinte paso será a avaliación destes 30 casos de uso para ver as posibilidades de incorporalos á dinámica dos servizos públicos e dos diferentes sectores produtivos.
Por outra banda, a directora da Amtega lembrou que a Xunta vén de lanzar un acordo marco de 30 millóns para incorporar o uso das tecnoloxías disruptivas ao sector público, incluíndo unha fase inicial de pilotaxe e avaliación e unha fase posterior de implantación e despregamento. O compromiso é que a tecnoloxía que se incorpore debe pasar, previamente, unha fase de avaliación que garanta non só a súa utilidade senón a súa sustentabilidade futura
A directora da Amtega destacou que na Comunidade conformouse un ecosistema e un contexto que favoreceu a aposta dos operadores por Galicia para desenvolver as súas iniciativas de 5G e que permitiu, por exemplo, que foramos o territorio escollido para a primeira conexión 5G en roaming a nivel mundial ou que Vigo e A Coruña foran das primeiras cidades de España en contar con redes 5G.
A responsable autonómica recalcou que a Administración autonómica fixo unha forte aposta para que Galicia aproveite as posibilidades do 5G “porque esta é a tecnoloxía sen fíos do futuro, que permitirá as mesmas prestacións que a fibra e polo tanto é unha tecnoloxía clave para mellorar a conectividade nun territorio como o noso caracterizado pola dispersión e a complexidade orográfica”. Neste sentido, lembrou o compromiso do Estado, de acordo coas liñas establecidas pola UE, de lograr que en 2025 o 100% da poboación teña acceso a unha conexión de 100Mbps.
O Centro de Datos que a Xunta de Galicia construirá no parque empresarial da Sionlla será o único dunha administración pública española en cumprir coas maiores esixencias mundiais de seguridade, que certifica o Uptime Institute coa cualificación Tier-4.
O proceso de licitación do novo Data Center da Xunta foi aprobado polo Consello de Goberno o pasado 4 de novembro. Esta primeira licitación, que inclúe a realización do proxecto, a dirección de obra e a realización de probas, implicará un investimento estimado de máis de 1,9 millóns de euros. O orzamento total será de 19,2 millóns de euros, incluíndo a construción e a compra dos terreos, parte deles con cargo aos Fondos Europeos Next Generation.
As certificacións do Uptime Institute están consideradas o estándar globalmente recoñecido para a fiabilidade e o desempeño xeral dos centros de datos. Actualmente hai máis de 2.012 certificacións emitidas en 109 países, que van dende o primeiro nivel (Tier-1) ata o máis esixente (Tier-4).
O que miden os Tier é o tempo de dispoñibilidade dun Centro de Procesamento de datos (CPD). A avaliación refírese, fundamentalmente, aos aspectos relacionados coa subministración eléctrica e cos sistemas de refrixeración. Así, nun Tier 1 as instalacións non dispoñen de compoñentes redundantes na distribución eléctrica e de refrixeración, polo que perderán a súa capacidade de operación ante un fallo de calquera delas. A dispoñibilidade, neste caso, é dun 99,671%, e o tempo en que se mantén inactivo para o mantemento anual é de 28,82 horas.
No caso da Certificación Tier-4, que é o que terá o novo Data Center da Xunta, a cualificación é de “Centro de datos tolerante aos fallos”, polo que pode soportar os fallos de calquera dos seus compoñentes que inhabilite a subministración eléctrica ou de refrixeración. A dispoñibilidade é dun 99,995% e o tempo de indispoñibilidade para o mantemento ao ano é de 52,56 minutos.
As certificacións Tier poden cualificar o deseño, ou o deseño e a construción, como no caso do Data Center da Xunta. En España hai na actualidade 9 instalacións con certificacións Tier-4, das que 5 dispoñen da dobre certificación. Corresponden a centros de datos de grandes corporacións e entidades bancarias.
O nivel de seguridade da nova instalación aportará estabilidade na prestación de servizos públicos críticos, xa que conterá toda a información que se almacena no CPDI do Gaiás. Deste xeito, evitará que se poidan producir caídas que afecten a servizos como a Sanidade ou a Educación.
Esta nova infraestrutura permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais e estará dimensionada para xestionar o incremento de novos servizos dixitais. O Data Center traballará en sincronía co CPD albergado no Gaiás e reforzará os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e custodia dos datos de todo o sector publico autonómico, incluído o Sergas.
Todos os sistemas críticos estarán deseñados para poder ser illados e mantidos sen perda de servizo e contará con acometidas redundantes de electricidade e comunicacións.
O novo Data Center terá unha superficie de 10.000 metros cadrados e albergará tamén unha plataforma loxística conectada cos centros de provisión para xestionar o equipamento tecnolóxico do sector público autonómico. O novo edifico disporá de salas para persoal técnico de administración dos sistemas e infraestruturas do CPD.
A Xunta dispón actualmente dun Centro de Proceso de Datos Integral no Gaiás cunha superficie de 1.275 metros cadrados, que alberga 2.500 servidores cunha capacidade de almacenamento de 13 petabytes. A súa posta en marcha en 2012 supuxo un fito tecnolóxico na Comunidade que permitiu modernizar, racionalizar e homoxeneizar a prestación dos distintos servizos dixitais ós cidadáns
O CPDI do Gaiás conta cun CPD de respaldo en San Caetano para permitir o mantemento de servizos críticos en caso de incidencias. Sen embargo este CPD de respaldo está ao límite da súa capacidade para albergar novos sistemas tecnolóxicos, carece de posibilidades de ampliación e a maioría das súas infraestruturas eléctricas e de climatización están próximas ao fin da súa vida útil.
Por esta razón é preciso incrementar os mecanismos de seguridade e redundancia que aseguren a dispoñibilidade dos servizos dixitais prestados pola Administración as 24 horas do día, os sete días da semana.
Está previsto que a entrega do proxecto de obra se faga no segundo trimestre de 2022. O seguinte paso sería licitación da obra prevista para finais do 2022 co obxectivo de que de que se completase a construción do centro entre 2022 e 2024.
O Data Center da Sionlla será a infraestrutura central da primeira fase da Estratexia para o uso da tecnoloxía ‘cloud’ no sector público autonómico. Esta estratexia implicará investimentos por un importe estimado de 52,2 millóns de euros.
Na primeira fase, a Estratexia contempla a implantación dunha ‘cloud’ privada no Clúster Data Centers Gaiás Sionlla. Para a súa posta en marcha, o Consello de Goberno da Xunta aprobou o 16 de decembro o acordo marco para o servizo de actualización tecnolóxica de software de virtualización de servidor e da subministración de licenzas para creación dunha ‘cloud’ privada da Xunta de Galicia. O valor estimado deste acordo marco é de preto de 10,3 millóns de euros.
Nunha segunda fase, no primeiro trimestre de 2022 aprobarase un novo contrato marco para crear un modelo de consumo de servizos de ‘cloud’ pública, que poderán contratar as administracións públicas. Nese caso, o valor estimado será doutros 10 millóns de euros.
Ademais, a Estratexia Cloud da Xunta tamén busca atraer investimentos de provedores ‘cloud’ o que se fomentará a localización en Galicia de nodos de interconexión cos grandes provedores de ‘cloud’ pública.
Con este mesmo obxectivo estase a elaborar una análise de viabilidade para a posible posta en marcha dunha estación de amarre de cable submarino de fibra óptica cun punto de xestión neutro en Galicia.
O reforzo das infraestruturas dixitais é fundamental para consolidar un goberno intelixente, un dos obxectivos da Estratexia Galicia Dixital 2030 que contempla diferentes actuacións ofrecer máis servizos públicos dixitais, inclusivos, proactivos, personalizados e seguros, máis accesibles e dispoñibles e desde calquera lugar, configurando unha Xunta no móbil. Entre os obxectivos intermedios neste ámbito a EDG está acadar no 2025 que o 70% das persoas e o 85% das microempresas usen a canle dixital coas administracións.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe que a Xunta pon en marcha o Plan de Reforma e Ampliación da Rede Aulas CeMIT cun investimento de 22,7 millóns de euros ata 2025.
Feijóo salientou que o obxectivo é formar en competencias dixitais a máis de 46.000 galegos nos vindeiros tres anos e lograr que o 70% dos galegos teñan competencias dixitais básicas.
A través da folla de ruta presentada hoxe, investirase na transformación física e arquitectónica dos centros para que sexan máis flexibles ou na instalación de novo equipamento tecnolóxico. Ademais, adaptarase a formación ao marco galego de competencias dixitais e ampliarase a Rede con ata 30 novas aulas tras un novo convenio marco que a Xunta asinará coa Fegamp.
O presidente da Xunta resaltou que, nas 97 aulas abertas actualmente en 91 concellos, existen 100.000 persoas usuarias –3 de cada 5 son mulleres— e que a Rede conta cunha experiencia de máis de 450.000 horas de formación impartidas.
A maiores, o presidente da Xunta anunciou que a Xunta vai poñer en marcha unha actuación por 10 millóns de euros de fondos públicos para dotar de cobertura móbil a 290 núcleos de poboación de 65 concellos no período 2022-2023.
Feijóo incidiu nos dous anos de traballo do Goberno autonómico orientado a obter permiso da Comisión Europea para investir recursos públicos en mellorar a cobertura e celebrou que Galicia sexa a primeira Comunidade española “e probablemente a primeira rexión europea” en alcanzar ese fito. A decisión chega, tamén, despois da colaboración coa Fegamp e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, que detectaron deficiencias en 65 municipios galegos.
“Isto é interesante para a equidade no territorio. Gañan os usuarios, que empezan a ter unha cobertura axeitada, e gaña Galicia porque se convirte nun territorio máis competitivo”, expresou
Ao abeiro desta iniciativa, o operador público Retegal construirá ata 100 emprazamentos de soporte para poñelos a disposición de todos os provedores.
Finalmente, Feijóo lamentou a falla de cogobernanza que evidencia que nos plans de recuperación do Goberno central destinados á banda ancha, só o 9% dos 4.000 millóns de euros se vaian transferir ás Comunidades, o que deixa a Galicia co 0,5% dos recursos.
Red.es, entidade pública empresarial adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, activou os seus dous programas formativos orientados a mellorar a empregabilidade mediante formación TIC. Os programas, dirixidos a persoas en situación de desemprego e mocidade inscrita no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, serán impartidos en parte pola empresa galega Altia, a través do seu equipo de formación tecnolóxica. De feito, a inscrición aos primeiros cursos dun total de 300 previstos pode facerse a través da web altiaformacionred.es e actualizateprograma.es.
Os programas contan cun orzamento total de 36 millóns de euros, e están co-financiados polo Fondo Social Europeo (FSE). Trátase dunhas iniciativas de formación enmarcadas na axenda España Dixital 2025 e no Plan Nacional de Competencias Dixitais. O obxectivo destes programas, que inclúen máis de 300 cursos por todo o eido estatal, é formar en temáticas prioritarias ligadas á transformación e á economía dixital. Entre elas inclúense as seguintes: ciberseguridade, análise de información a gran escala (Big Data), sistemas na nube, programación web full stack, Industria 4.0 e Internet das Cousas, mercadotecnia dixital, ademais de programación de videoxogos, deseño 3D e Realidade Virtual, entre outros temas.
En cada un dos cursos ofrécese un servizo de orientación laboral destinado á procura de emprego e a mellora da empregabilidade das persoas participantes. A formación impartirase en modalidade mixta, sendo polo menos o 80% presencial e o resto online. Cada curso consta como mínimo de 250 horas lectivas, das cales un mínimo de 220 dedícase ao contido específico da temática do curso e un mínimo de 30 a reforzar as posibilidades de atopar un posto de traballo. Ademais, complétase o programa con 12 horas de orientación laboral por alumno que completa a formación, e cun compromiso de inserción laboral de 6 meses polo menos para o 25% dos alumnos.
Os primeiros cursos que se van a impartir son para traballadores en situación de desemprego, inscritos como demandantes de emprego no SEPE, A partir de febreiro do ano que vén poranse en marcha os cursos incluídos no programa dirixido a mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.