Xordo Axuda é unha aplicación baseada na tecnoloxía de recoñecemento de voz que facilita a comunicación das persoas con discapacidade auditiva transcribindo en tempo real as conversacións.
Os compañeiros de Orientatech analizaron esta aplicación que, cunha interface moi fácil de usar e de forma gratuíta para teléfonos Android, supón unha ferramenta moi interesante para as persoas xordas ou con perda de audición.
A aplicación capta o audio do interlocutor que se comunica coa persoa xorda e transcríbeo a texto, facilitando a comunicación especialmente no caso de persoas que non sexan signantes.
Como apunta Orientatech na súa análise, que podedes ler aquí ao completo, en situacións normais de ruído a precisión da aplicación é bastante boa e está dispoñible en distintos idiomas para aumentar as posibilidades de uso.
Os alumnos e alumnas de 6º de primaria do CEIP San Martiño e de 2º da ESO do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, foron os gañadores en cadansúa categoría do Concurso Ciberseguridade no cole!, cuxa final se celebrou esta tarde na Cidade da Cultura, dentro do encontro galego de ciberseguridade, Ciber.gal.
A directora da Amtega, Mar Pereira, participou na entrega de premios na que destacou o nivel demostrado polos participantes, felicitou aos gañadores e tamén aos profesores e os centros educativos por fomentar a participación no concurso e o bos resultados, reflexo do traballo nas aulas.
Pereira sinalou que a celebración deste tipo de actividades é fundamental para fomentar as vocacións tecnolóxicas e o talento dixital. Lembrou que o sector tecnolóxico ten unha demanda moi elevada de novos especialistas e que precisamos dunha canteira de talento especializado para afrontar a transformación dixital.
Esta primeira edición do Concurso Ciberseguridade no cole!, promovida por Telefónica, pechouse cunha alta taxa de participación con máis de 1.600 rapaces e rapazas en 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.
Tras o concurso a xornada continúa co taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o taller Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar – Formador da Garda Civil.
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.
A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade, nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.
O Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo hoxe en valor a Estratexia Dixital 2030 para consolidar a transición dixital na comunidade galega. Esta iniciativa, deseñada polo Goberno galego, vai crear un marco dixital común que facilite a actuación das administracións local, autonómica e estatal nun mesmo territorio de xeito complementario, a través do aproveitamento das sinerxías e a suma de esforzos.
Miguel Corgos inaugurou o Encontro Galego de ciberseguridade CIBER.GAL que, organizado polo nodo galego de ciberseguridade Ciber.gal, reúne en Santiago durante dous días a entidades de referencia no eido da seguridade da información, as principais empresas galegas de ciberseguridade e os axentes clave dos sectores tecnolóxico, da investigación e do coñecemento.
No acto de inauguración, ademais do conselleiro, participaron o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e o director de Relacións Institucionais e Estratexia de INCIBE, Miguel Ángel Cañada Navarro, que estiveron acompañados pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
O conselleiro de Facenda e Administración pública asegurou que a cibertecnoloxía será unha “tecnoloxía chave, imprescindible para garantir a seguridade e integridade dos datos e sistemas de información”, que permitirá avanzar no despregamento das tecnoloxías dixitais a gran escala. Deste xeito tanto a cidadanía como o tecido empresarial e as administracións públicas poderán adoptala con garantías.
Para isto a Xunta de Galicia vai destinar no ano 2022 máis de 209 millóns de euros á transformación dixital, o que supón un incremento dun 80% con respecto aos anos previos á pandemia. Insistirase, deste xeito, na aposta decidida pola creación de estruturas de cooperación no ámbito da ciberseguridade desde un enfoque aglutinador e multidisciplinar, co fin de conectar axentes públicos e privados e facer fronte á crecente ameaza que supoñen os ataques cibernéticos, ademais de aproveitar as oportunidades que presenta o mercado dixital.
Ademais, o conselleiro lembrou que o pasado xoves, o Consello da Xunta aprobou a construción dun data center de alta seguridade, adaptado ás necesidades dunha administración intelixente que permitirá duplicar as capacidades de procesamento e almacenamento de datos actuais, e que traballará en sincronía co Centro de Procesamento de Datos albergado no Gaiás para reforzar os mecanismos de seguridade, dispoñibilidade e dos datos de todo o sector público autonómico.
“O rápido e preocupante avance de incidentes de ciberseguridade demanda que, como administración debamos dar resposta urxente a este fenómeno”, concluíu Miguel Corgos, quen incidiu na importancia da colaboración público-privada para que estas iniciativas lideradas pola Xunta cheguen ás empresas e á cidadanía.
O encontro galego Ciber.gal, que se celebra hoxe e mañá no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, está estruturado en tres bloques. O primeiro deles engloba actividades destinadas ao tecido empresarial con paneis e charlas sobre axudas para impulsar a ciberseguridade na empresa, os riscos aos que se enfrontan as empresas e as obrigas legais en materia de ciberseguridade.
Para o colectivo da cidadanía, que se desenvolverá na tarde do 10 de novembro, celebrarase a final do concurso Ciberseguridade no cole!, destinado aos menores organizado por Telefónica; e un Capture The Flag, organizado pola Cátedra R en ciberseguridade e Gradiant. Ademais, intervirá Gianluca D´Antonio, presidente de ISMS Forum.
A segunda xornada do encontro estará destinada á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional; a intervención do divulgador Marc Vidal, e a celebración dun debate que agrupa aos máximos responsables de organismos e entidades autonómicas con competencias en materia de ciberseguridade: a Axencia de Ciberseguridade de Cataluña, a Axencia Dixital de Andalucía, a Generalitat Valencia e a Amtega.
O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participou esta mañá na presentación do proxecto En Compañía, levado a cabo pola Asociación Afaga Alzheimer e o Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo. Alí aplaudiu o emprego das novas tecnoloxías para mellorar a atención e a calidade de vida das persoas con demencia.
Este proxecto ofrece unha resposta terapéutica ás persoas que se atopan nos estadios iniciais de alzhéimer a través dun programa baseado nas novas tecnoloxías. Gracias a unha tablet dixital que ofrecerá contido de estimulación personalizado, este programa permitirá atallar os síntomas de deterioro cognitivo e, ademais, de cara ás familias conseguirá reducir os niveis de sobrecarga para poder axudar a conciliar a convivencia familiar.
Presentada pola Catedrática de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, Amparo Alonso, no curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” organizado polo reitor da UDC, Julio Abalde, a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, definiu o proxecto da Cidade das TIC como un instrumento de colaboración para reter e atraer talento a Galicia. “É un espazo onde temos que encontrar as sinerxías entre o sector empresarial e o ámbito académico e ten que funcionar como un espazo de creatividade e innovación”, manifestou na súa intervención o pasado venres antes de asegurar categoricamente que “creo que o fará”.
Pereira participou no curso incluído dentro da oferta da UIMP, para explicar a estratexia dixital e de intelixencia artificial de Galicia ata o ano 2030 que ten como obxectivo avanzar no proceso de transformación dixital no que prime a calidade, eficacia e eficiencia dos servizos, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema dixital galego cunha base na que se asente a inclusión dixital do conxunto da sociedade galega.
A Axencia conta con varios instrumentos para reforzar a cooperación e o crecemento do que a súa directora denomina o “hipersector”, pois inclúe tamén ao sector dos contidos dixitais. Dentro destes instrumentos, AMTEGA conta coa Cidade das TIC segundo asegurou Pereira. “É unha iniciativa estratéxica para crear un Polo TIC e de innovación dixital de referencia nacional e internacional”, definiu, ratificando que “o proxecto conta co apoio da Administración”. O sector tecnolóxico é un sector de futuro, explicou a directora da Axencia para o que aportou datos que corroboran a súa afirmación.
No ano 2020, o hipersector TIC en Galicia contaba con máis de 24.000 traballadores e espérase que ata o ano 2025 se creen 4.500 novos postos máis. Galicia é a quinta comunidade autónoma en número de empresas TIC con 3.830 firmas, o que supón o 4,6% do total de España; o 70% destas empresas son do sector TIC e o resto do sector de contidos dixitais. O peso na economía galega deste hipersector medrou un 2,5% no último ano ata chegar a máis de 1.744 millóns de euros de valor engadido bruto. Ademais, segundo os datos aportados pola directora de AMTEGA, Galicia é a sexta comunidade autónoma co maior número de empresas con actividades innovadoras.
Todo este hipersector demanda de persoal altamente cualificado que contrasta coa baixada no interese do estudantado polas carreiras STEM, sobre todo das alumnas. A Universidade da Coruña imparte varios títulos relacionados con este sector como os graos en Informática; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Comunicación Audiovisual; Creación Dixital, Animación e Videoxogos e Xestión Dixital de Información e a Documentación, así como o Grao en Intelixencia Artificial que se implantará o próximo curso.
Tamén se imparten os másteres en Dereito Dixital e de Intelixencia Artificial; Visión por Computador; Informática Industrial e Robótica; Enxeñaría Informática; Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos; Ciberseguridade; Bioinformática para Ciencias da Saúde e o máster en Intelixencia Artificial que se ofertará o vindeiro curso.
O curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” foi clausurado polo expresidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe, catedrático de Economía Aplicada na Universidade da Coruña. O reitor, Julio Abalde, foi o encargado de presentar a conferencia de peche deste seminario. González Laxe comezou o seu discurso valorando como un “paso adiante” o proxecto da Cidade das TIC ao igual que o foi a aprobación, na súa etapa como presidente, da primeira Lei de innovación e tecnoloxía de Galicia ou a creación, tamén pioneira, do primeiro parque tecnolóxico galego.
O profesor introduciu a súa conferencia nun contexto de globalización entendido como unha interdependencia económica dos países do mundo. Neste contexto, dixo González Laxe, o rol das economías en rede e de aglomeración desempeñan un papel básico. Esta función de economía de aglomeración é a que desempeñará, segundo o expresidente, a Cidade das TIC.
Asístese, dixo, “a un cambio desde unha economía baseada no uso do capital físico a outra sustentada na utilización do capital humano e o coñecemento”. As economías de aglomeración, asegurou o profesor, “inducen rendementos crecentes a escala local” e leva a unha economía centrada na difusión rápida do coñecemento e a información como base da produtividade e da competitividade. A articulación en rede fará que a economía actúe con gran flexibilidade e adaptabilidade. “O sector TIC caracterízase polo seu forte carácter innovador; constitúe o motor das revolucións e transformacións”, afirmou, engadindo que “o seu desenvolvemento encontra un contorno máis favorable en cidades ou áreas nas que se producen economías de aglomeración”.
Para rematar a súa intervención, Fernando González Laxe aportou datos sobre a distribución xeográfica das empresas TIC en Galicia, que ratifican a idoneidade da ubicación do proxecto da Cidade das TIC na Coruña. A maior parte das empresas do hipersector TIC están na provincia da Coruña, 1.784, o 46,6%; seguido de Pontevedra con 1.317, que supón o 34,4%; Lugo con 268, 7%, e Ourense con 266, o 6,9%, segundo datos de 2019. Tamén indicou que en Galicia operan 195 empresas do sector aínda que a súa sede está fóra da Comunidade Autónoma.
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na clausura do I Seminario de Intelixencia Empresarial e Ciberseguridade a aposta da Xunta pola ciberseguridade para afrontar os retos asociados á transformación dixital, motivo polo cal é un dos eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030. No evento, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), incidiu na necesidade de desenvolver unha fronte común para a loita contra a ciberdelincuencia entre as administracións, as empresas e a cidadanía.
Así, lembrou que as tecnoloxías foron fundamentais durante a pandemia pero o seu maior uso tanto no ámbito persoal como profesional como nas operacións de pago electrónico acelerou o aumento dos incidentes relacionados coa seguridade que se viña mantendo nos últimos anos. Por iso, sinalou que os cambios que implica a transformación dixital debese acompañar dun reforzo das medidas para garantir a seguridade nos entornos dixitais.
Alfonso Rueda puxo como exemplo da aposta da Xunta pola ciberseguridade a posta en marcha do novo Centro de Ciberseguridade de Galicia, que concentrará os servizos de ciberseguridade de Galicia como a actividade do Centro de Resposta a Incidentes de Seguridade (CSIRT.gal) como do nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal. A través do CIBER.gal, a Xunta participa coas catro deputacións, os concellos e o Goberno central, ademais doutras institucións públicas e privadas co obxectivo de fomentar a concienciación e formación de autónomos, empresas e a sociedade en xeral en materia de seguridade nas TIC.
Tamén debido ao aumento dos ciberdelitos, o vicepresidente primeiro da Xunta explicou que desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) se reforzou a formación das forzas e corpos de seguridade en delitos informáticos e ciberseguridade. Por unha banda, nos cursos do plan de formación continua anual dirixido a axentes da Policía Nacional, Policía Autonómica, Policía Local e Garda Civil, dentro do que se inclúe o módulo de 65 horas e 50 prazas que se está a impartir desde finais de outubro e se prolongará ata finais de ano. Ademais, engadiu que estes contidos estanse a reforzar nos cursos selectivos de ingreso e promoción interna da Policía Local, É o caso dos 97 alumnos da actual 13ª promoción de Policía Local para cubrir prazas en 35 municipios ou os 53 oficiais procedentes de 19 concellos.
O Observatorio Nacional de Tecnoloxía e Sociedade (ONTSI) fixo públicos os detalles do informe Emprego tecnolóxico. Navegando os indicadores sobre o emprego tecnolóxico en España e na Unión Europea, onde toma o pulso ao mercado laboral TIC nos ámbitos estatal e europeo. Entre outras informacións de interese, algunhas delas moi preocupantes, confírmase que malia o camiño dixital avanzado estes últimos anos, segue a haber unha fenda dixital de xénero no emprego do sector. De feito de cada cinco profesionais deste eido, só un é unha muller.
O informe comeza poñéndonos no contexto de 2020, cando España contaba con 727.000 especialistas TIC, o equivalente ao 3,8% do emprego en todo o país, por baixo do 4,8% da media europea. O 80% dos contratos de especialistas asinados entre xaneiro e agosto de 2021 corresponderon a só sete categorías profesionais: programadores informáticos (23,5 %); técnicos en operacións de sistemas informáticos (17,3 %); analistas, programadores e deseñadores web e multimedia (12,5 %); instaladores e reparadores en TIC (10,4 %): analistas de sistemas (6,4 %); técnicos en asistencia ao usuario de tecnoloxías da información (5,7 %); e deseñadores gráficos e multimedia (4,2 %).
Como diciamos, o informe constata que o sector segue a “ser claramente masculino”. Así, en 2020 había 144.000 expertas en TIC (Tecnoloxías da Información e Comunicación), o que supón un 19,8 % do total. Esta proporción, sinálase, é lixeiramente superior á media europea, que é do 18,5 %. Unha das razóns ás que apunta o informe para explicar este desequilibrio é a falta de mulleres graduadas en STEM, as siglas en inglés que engloban os estudos sobre Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñarías e Matemáticas. Así, en 2018, a proporción de mulleres graduadas nestas áreas era de 14,3 por cada mil mulleres de entre 20 e 29 anos en Europa. En España, a cifra baixaba do 12,7.
A investigación constata tamén que o sector tecnolóxico, malia ter sido tradicionalmente fonte de creación de emprego, amosa a día de hoxe dificultades para atopar os perfís axeitados ás súas necesidades. Segundo a Comisión Europea, en 2020 houbo 341.000 postos de traballo vacantes para profesionais de datos en Europa, máis 168.000 na rama de ciberseguridade. En 2020, unha de cada catro empresas españolas e case a metade das europeas que tentaron contratar profesionais especializados recoñeceron que non o tiveron fácil. Os principais obstáculos foron: falta de experiencia laboral, falta de cualificación TIC axeitada dos solicitantes, falta de solicitudes e expectativas salariais demasiado elevadas.
O Concurso Ciberseguridade no cole! celebrou o día 4 de novembro a primeira das súas dúas fases, unha competición en liña que contou cunha alta taxa de inscrición, xa que participaron un total de 67 equipos entre as dúas categorías, correspondéndose con 42 equipos de primaria e 25 de secundaria, pertencentes a 38 colexios, 23 de educación primaria e 15 de educación secundaria.
Os finalistas para a gran final que terá lugar o día 10 de novembro na Cidade da Cultura son a clase 6ºB do CEIP Plurilingüe San Marcos, a clase 6º A do CEIP San Martiño e a clase 6º B do CEP Altamira, na categoría de primaria e a clase 2º B do Colexio Escolapios de Monforte de Lemos, a clase de 2º do IES de Arzúa e a clase 2ºB do IES Martaguisela, na categoría de secundaria. Esta actividade, promovida por Telefónica, enmárcase dentro do encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal.
Os organizadores afirmaron verse sorprendidos polo alto nivel demostrado polos participantes, especialmente o dos colexios de primaria, e tamén pola entrega coa que participaron no evento o profesorado e os alumnos, rematando a competición de forma deportiva e sana, entendendo que a ciberseguridade é cousa de todos e emprazándose a volver a verse na seguinte edición do concurso.
Lembrar que, no marco do encontro Ciber.gal, ademais do Concurso Ciberseguridade no cole!, que se celebrará o día 10 de novembro as 16:00 da tarde, de seguido terán lugar o taller Navegando con rumbo polo ciberespazo, impartido polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia e o taller Ciberseguridade para as familias: mediación parental activa, impartido por Fernando Villar – Formador da Garda Civil. Para todas as actividades relacionadas co encontro cabe destacar que a data límite para a inscrición é o Martes, 9 de novembro as 12:00 da mañá. Para consultar en detalle o resto de actividades, podedes acceder ao programa.
O encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é unha das iniciativas promovidas e organizadas no marco do nodo galego de ciberseguridade, que foi constituído en xullo de 2020, impulsado pola Xunta de Galicia en colaboración do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro deputacións provinciais de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Dende a súa creación fóronse adherindo a este espazo de cooperación público-privado máis de 30 entidades de diversos sectores, así como as tres universidades galegas.
A ciberseguridade é unha das tecnoloxías máis relevantes no momento actual e a Estratexia Galicia Dixital 2030 considera prioritario o seu impulso na Comunidade. Nesa liña póñense en marcha iniciativas como o encontro galego de ciberseguridade, que ten como obxectivo principal concienciar á cidadanía, ao tecido empresarial e ás Administracións Públicas sobre a importancia de garantir a seguridade da información na contorna dixital e promover o coñecemento e unha cultura da ciberseguridade en Galicia.
Na seguinte ligazón pode obterse información mais detallada do programa: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/evento-cibergal.
Desde a aula CeMIT do Concello de Ames informan de que a actividade divulgativa e formativa deste espazo de alfabetización e dinamización dixital volve polo camiño da presencialidade logo de meses de accións exclusivamente en liña (dende o inicio da pandemia). Faino con dous cursos de iniciación ás novas tecnoloxías para adultos nos meses de novembro e decembro. A actividade volve tamén á aula aberta, que estará dispoñible de luns a venres, dende as 9:30 ata as 13:00 horas.
Respecto dos dous cursos en cuestión, trátase de Iniciación á informática, do 9 ao 25 de novembro, e Iniciación a Internet, do 30 de novembro ao 16 de decembro. Os dous itinerarios terán lugar os martes e os xoves, de 10:30 a 12:00 horas, no espazo situado no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns, con hixiene de mans á entrada, máscara obrigatoria e spray hixienizante para os equipos, e coas prazas limitadas a 8 persoas por curso.
Como dixemos, tamén retorna o acceso á aula aberta, de luns a venres e de 9:30 a 13:00, coas mesmas medidas de seguridade e aforo que os cursos en modalidade presencial, co fin de consultar dúbidas e usar de maneira libre os equipos informáticos.
En horario de tarde, de 17:30 a 19:00 horas, o persoal da aula CeMIT continuará ofrecendo cursos en modalidade a distancia, co gallo de “proseguir coas propostas realizadas nos últimos meses por mor da pandemia do coronavirus”. Empregando a canle de YouTube do centro, a veciñanza terá que asistir ás sesións formativas a través de diferentes vídeos en directo, a través dos seus computadores, móbiles ou tabletas. Os tres cursos son Traballando na nube, do 8 ao 18 de novembro; O correo electrónico: web e móbil, do luns 22 ao 26 de novembro, e Compras seguras a través de Internet, o 29 e o 30 de novembro. Cada luns pola mañá, antes do comezo de cada curso, a aula CeMIT enviará correos electrónicos coa información necesaria para acceder a estas sesións formativas, así como un breve titorial para descargar e instalar o software de ofimática LibreOffice.
A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, afirmou hoxe que Galicia dispón dun marco estratéxico para impulsar unha dixitalización sustentable e inclusiva e que o traballo feito tras dez anos de axendas dixitais nos sitúa nunha boa posición para afrontar os retos da transformación dixital que marca Europa. Ademais fixo fincapé en que a especialización do sector tecnolóxico é clave para o aproveitamento dos fondos europeos para a dixitalización.
A responsable autonómica impartiu hoxe a conferencia “Un marco estratéxico para a vindeira década dixital” no marco do curso “A Cidade das TIC: construíndo un futuro dixital” organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo na Coruña.
Mar Pereira afondou en tres medias chave na dixitalización de Galicia, a Estratexia Galicia Dixital 2030, a Estratexia Galega de Intelixencia Artificial e o Marco Galego de Competencias Dixitais, sen esquecer a importancia do talento dixital e o pulo dos fondos europeos.
A directora da Axencia lembrou que Galicia ten en marcha unha folla de ruta para potenciar o aproveitamento da tecnoloxía para impulsar o desenvolvemento rexional, a Estratexia Galicia Dixital 2030. A EDG2030 prevé mobilizar un investimento público-privado de 4.000 millóns de euros e ofrece un marco de gobernanza entre as distintas administracións que pode ser chave para executar de maneira efectiva os proxectos de dixitalización vinculados ao plan de recuperación e resiliencia.
Respecto da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que se puxo en marcha este ano, Mar Pereira indicou que avoga por unha aplicación da IA de vangarda, ética e segura que a permita avanzar cara a unha economía baseada no coñecemento. Incidiu en que a Intelixencia Artificial mellorará a xestión administrativa e permitirá afrontar os desafíos que se lle presentan á rexión de maneira inminente, como o cambio demográfico e a transición ecolóxica, recollidos na Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sustentable
Galicia aposta por unha dixitalización inclusiva, por iso, segundo lembrou Pereira Galicia foi das primeira comunidades en adaptar o Marco Europeo de Competencias Dixitais e crear o Marco galego de Competencias Dixitais, que entrará en vigor en xaneiro do 2022. Permitirá aos galegos obter unha certificación das súas habilidades dixitais, favorecendo a inclusión dixital, a capacitación e a empregabilidade.
A directora da Amtega quixo destacar a importancia do ecosistema dixital galego en todo este proceso cun hipersector TIC integrado por máis de 3.000 empresas e 24.000 traballadores e que prevé a creación de 4.500 postos de traballo nos vindeiros cinco anos. Salientou que é preciso reter talento e impulsar a especialización neste ámbito, algo que se prevé na EDG2030 a través dos Nodos 5G, de IA e ciberseguridade, así como cos hubs de innovación dixital e a posta en marcha da Cidade das TiC como polo de innovación de referencia nacional e internacional. Fixo especial fincapé en que a especialización do sector tecnolóxico será chave para o aproveitamento dos fondos europeos para a dixitalización.
Finalmente, destacou que para avanzar en todos estes obxectivos a Amtega conta este ano cun orzamento de 210 millóns de euros, cun importante incremento grazas á converxencia no tempo dos dous períodos do Marco Financeiro Plurianual da UE e os fondos extra do Next Generation, que veñen apoiar a dixitalización como motor da recuperación económica.