main content

main content
25/10/202110:10
Premiados na XXV Noite Galega das Telecomunicacións.
Santiago de Compostela

A Noite Galega das Telecomunicacións reivindica ás mulleres tecnólogas no seu 25 aniversario

O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) celebrou este 22 de outubro a súa XXV Noite Galega das Telecomunicacións. Foi un encontro de networking no que estiveron presentes destacadas entidades, empresas e profesionais do sector TIC galega e estatal. O 25 aniversario do evento celebrouse baixo o slogan Liderando a transformación dixital galega. Desenvolveuse no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela.

A Noite foi unha oportunidade para pechar fileiras arredor dun problema que afecta ao sector tecnolóxico especialmente e que se agrava con cada ano pasado: a reducida presenza feminina nas profesións TIC. De feito, O COETG lembrou que só un 27,5% de mulleres desenvolven o seu traballo no eido STEM (siglas en inglés correspondentes a Ciencia, Enxeñería, Tecnoloxía e Matemáticas) e, en concreto, na Escola de Telecomunicación de Vigo só hai un 21 % de mulleres matriculadas. De feito, “neste curso académico non se cubriron todas as prazas ofertadas por esta Escola”, sinalou o colexio. Para os enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia é “moi importante tentar suplir este déficit e incentivar a incorporación dos máis novos e, sobre todo, das mulleres a estas carreiras técnicas”. Así o expresou durante a súa intervención no acto o decano do Colexio Oficial e presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo, nun discurso no que tamén avogou por buscar fórmulas efectivas que posibiliten a colexiación de novos titulados. En concreto, para poder colexiarse como enxeñeiro de Telecomunicación cómpre cursar un mestrado habilitante. “A gran demanda de emprego existente, que fai que o titulado comece a traballar co grao e, ademais, cun salario indistinguible fronte ao que ten o mestrado finalizado, e o desaxuste entre o estudado nos mestrados habilitantes e as necesidades reais demandadas por parte do mercado son algunhas das razóns polas que as persoas acabadas de graduar non querer cursar estes mestrados”, destacou Sánchez Agrelo quen solicitou “flexibilizar este criterio para poder acceder á colexiación dos enxeñeiros de Telecomunicación”.

Reivindicación do papel dos enxeñeiros

Poñer en valor e divulgar o traballo que desenvolven os enxeñeiros de Telecomunicación na sociedade foi outro dos puntos que sustentaron a intervención de Sánchez Agrelo no acto de entrega dos Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, evento que precedeu á Noite Galega das Telecomunicacións.

“Sen Enxeñería de Telecomunicación, a sociedade sería ben distinta”, apostilou o decano, quen engadiu que “durante a pandemia as achegas da Enxeñería de telecomunicación posibilitaron que todos puideramos estar interconectados, que as empresas non se parasen totalmente e sobrelevar mellor o confinamento”. E engadiu: “A telefonía móbil, as redes de fibra óptica, os centros de proceso de datos, Internet, Zoom, Teams, as redes sociais, o WhatsApp ou Netflix e moitos outros servizos que estivemos empregando durante aqueles días e que usamos, en xeral, na nosa vida cotiá, non existirían sen a Enxeñería de Telecomunicación. Xunto a isto, Sánchez Agrelo puxo en valor que os telecos encárganse de “converter o mundo, que en si mesmo é analóxico, en bits, nos ceros e un necesarios para, a continuación, conseguir que a información se poida almacenar, procesar e transportar ao longo e ancho do planeta” e tamén destacou que “a moitos dos empregos que van ser necesarios no futuro tales coma os relacionados coa ciberseguridade, coa Intelixencia Artificial ou coa 5G é posible acceder coa titulación de Enxeñería de Telecomunicación”.

Premios Galicia da Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021

Na velada, na que participaron a directora da AMTEGA, Mar Pereira e o alcalde de Santiago, Xose Sánchez Bugallo, proxectouse un vídeo cun saúdo do presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, e entregáronse tamén os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021. Unha convocatoria de premios que distingue o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e empresas.

En total, entregáronse seis premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñeceu a traxectoria de María Encarnación Baltar. Valoráronse como razóns determinantes desta distinción o feito de que foi a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L avalou tamén o seu perfil para o premio. María Encarnación Baltar converteuse nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que foi determinante á hora de lle conceder o galardón. O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que destaquen pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distinguiu o labor do Centro Tecnolóxico Gradiant. Como razóns determinantes deste recoñecemento, tívose en conta o feito de que Gradiant é un centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación. O Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recaeu este ano na Universidade de Vigo. Valoráronse como razóns determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021-2026 para promover a transformación dixital da Universidade. O Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola AMTEGA, recaeu este ano no proxecto Escoita 5G. Entre os motivos esgrimidos para outorgar este galardón, tívose en conta “a vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais”. Finalmente, outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos 2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.

25/10/202109:10
Tecnoloxías avanzadas.
Santiago de Compostela

A Xunta publica a licitación do acordo marco para mobilizar 30 millóns de euros en solucións baseadas en tecnoloxías avanzadas

  • A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou o venres a licitación do acordo marco para contratos do sector público galego de servizos que requiran da aplicación de tecnoloxías disruptivas
  • O acordo marco permite a contratación de servizos por un importe global de 30 millóns de euros por parte da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e entidades públicas
  • O acordo marco englóbase no programa GobTech para o impulso de tecnoloxías avanzadas no sector público
  • Os contratos derivados deste acordo marco afrontarán retos identificados na Estratexia Galicia Dixital 2030 para a transformación dixital da Comunidade Autónoma en todos os ámbitos
  • Os 30 millóns de euros deste acordo súmanse aos máis de 118 millóns estimados nos 10 acordos marco publicados no que vai de ano para a transformación dixital de Galicia

A plataforma de Contratos Públicos de Galicia publicou a licitación do acordo marco para seleccionar a provedores de tecnoloxías disruptivas, aos que poderán recorrer todos os departamentos da Administración Xeral da Comunidade Autónoma e as entidades públicas.

A convocatoria, que fora aprobada polo Consello de Goberno do pasado día 14 de outubro, establece as bases para o acordo marco de servizos de desenvolvemento de solucións dixitais e a súa implantación que impliquen a introdución de tecnoloxías disruptivas no ámbito do sector público autonómico. O acordo marco permitirá a contratación de servizos por un importe global estimado de 30 millóns de euros.

O acordo marco permitirá á administración afrontar os retos identificados nos 7 eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e suporá o desenvolvemento do eixo transversal, que promove a especialización tecnolóxica de Galicia e o reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G.

Este acordo marco forma parte do programa GobTech, que impulsa o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público.

Cada un dos contratos terá un valor mínimo de 1 millón de euros e contará cunha fase de proba e demostración e outra de implantación, unha vez demostrada a súa viabilidade.

A fase de proba de concepto, ou piloto incluirá o servizo de desenvolvemento e demostración no que se involucre dunha forma limitada ás potenciais persoas usuarias co obxecto de valorar a súa viabilidade nunha contorna real pero acoutada, e determinarase se pode ser convinte pasalo á fase definitiva.

Unha vez demostrada a viabilidade da proba de concepto ou proxecto piloto evolucionarase o servizo cara á súa implantación definitiva, se se axusta aos criterios de pase a esta fase establecidos anteriormente no contrato derivado, o que implica o despregamento da solución a escala global para a prestación do servizo na contorna real.

Os retos aos que deberán dar resposta os contratos amparados neste acordo marco serán identificados e concretados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Deberán axustarse a algún dos ámbitos que definen os sete eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030: Goberno e Administración Intelixentes; Sociedade Dixital e Inclusiva, Contorna Dixital para a Saúde e o Benestar Social; Territorio Intelixente, Verde e Resiliente; Conectividade Dixital do Territorio: Cultura e Turismo Intelixentes ou Economía Dixital e Sustentable.

Poderán formar parte deste acordo marco un máximo de 10 empresas ou consorcios de empresas, que serán as que obteñan as maiores puntuacións no procedemento de adxudicación. Estas empresas presentarán as propostas para a realización dos contratos baseados, que terán unha duración máxima de tres anos sen posibilidade de prórroga.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia se encargará da xestión dos procedementos de contratación en nome de todas aquelas consellerías e entidades do sector público autonómico que participen no desenvolvemento da estratexia Galicia Dixital 2030 e no acordo marco.

Os contratos poderán ser financiados conxuntamente pola Amtega e os departamentos ou entidades que participen na iniciativa, ou ser financiados na súa totalidade por os ditos departamentos ou entidades.

Acordos marco para a transformación dixital

Ao longo de 2021, a Xunta de Galicia convocou 10 acordos marco relacionados co proceso de transformación dixital, que suman uns importes estimados de máis de 118 millóns de euros, aos que haberá que sumar os 30 millóns de euros estimados no acordo aprobado hoxe.

Este instrumento de contratación foi adoptado para contratos relacionados con equipamentos, infraestruturas, plataformas ou ciberseguridade, entre outros. E está previsto para outros aspectos, como a automatización da administración ou os servizos cloud. Os acordos marco son un dos instrumentos impulsados pola Xunta de Galicia para axilizar a contratación pública para a execución dos fondos dos plans de recuperación e resiliencia.

22/10/202114:10
Evento Mo_cidade 2021.
Santiago de Compostela

Mo_Cidade 2021 consolídase como espazo referente para a xuventude ao reunir a máis de 200 mozos de toda Galicia arredor da creación audiovisual, o emprendemento, a cultura e a tecnoloxía

  • Recibíronse máis de 300 solicitudes en tan só unha semana para acudir ao evento, pero debido ás limitacións de aforo soamente puideron asistir 200 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega
  • A segunda xornada da cita ofreceu conferencias sobre tecnoloxía e videoxogos, influencers e novas plataformas, o sector audiovisual e a cultura e o Xacobeo

O evento Mo_cidade 2021, posto en marcha pola Xunta de Galicia, clausura hoxe a súa segunda edición e ratifícase como espazo referente para a xuventude galega ao reunir a máis de 200 mozos e mozas arredor da creación audiovisual, o emprendemento, a cultura e a tecnoloxía. Nesta segunda e última xornada, que se puido seguir por streaming a través da canle de Youtube de Xuventude, a cita ofreceu conferencias sobre tecnoloxía e videoxogos, influencers e novas plataformas, o sector audiovisual e a cultura do Xacobeo.

A programación no día de hoxe comezou con dúas mesas redondas. Unha delas sobre tecnoloxía e videoxogos, que contou coa participación de, entre outros, Jaime García Cantero, director de contidos de El País Retina, e Roberto Yeste, director de negocio de Playstation Iberia.

A segunda mesa centrou o tema nos influencers, plataformas e novas canles de comunicación, na que se contou coa responsable de asuntos públicos de Tik Tok Iberia, Yasmina Laraudogoitia e, posteriormente, co humorista Xurxo Carreño e a blogueira Cristina Cerqueiras, moderados pola xornalista Esther Estévez. Así mesmo, a mañá pechou cunha conferencia sobre hábitos de vida saudables coa participación de representantes, xogadores e xogadoras do R.C. Celta de Vigo e do R.C. Deportivo de A Coruña.

Pola tarde continuarán as conferencias, centradas esta vez no potencial de Galicia como creadora audiovisual, na que se conta coa presenza do director de cine Oliver Laxe, a guionista Raquel Arias e as actrices María Mera e Déborah Vukusic, moderados pola xornalista Marta Gómez. De seguido, Manuel Gago, director de culturagalega.gal, escritor e profesor universitario falará da cultura na comunidade, o Xacobeo e as oportunidades que ofrece. Xa para terminar, igual que na xornada do venres, celebraranse concertos a cargo de Marem Ladson e Oh! Ayatollah.

Media de idade de 23 anos

A Cidade da Cultura acolleu esta cita, para a que se recibiron máis de 300 solicitudes en tan só unha semana, pero debido ás limitacións de aforo unicamente puideron asistir presencialmente 200 persoas procedentes de distintos puntos da xeografía galega, que contaron con aloxamento e almorzo gratuíto no Monte do Gozo. A medida de idade dos participantes foi de 23 anos.

Durante os dous días de Mo_cidade 2021 púxose á disposición de participantes multitudes de actividades que lles permitiron enriquecer o coñecemento, adentrarse en eidos puxantes como as novas plataformas de comunicación e coñecer o traballo de mozas e mozas, que coma eles e elas, achegan moito á sociedade actual.

Deste xeito, celebráronse un total de 9 charlas e mesas redondas temáticas durante o encontro, preto de 30 relatores compartiron cos participantes a súa experiencia, tiveron lugar 4 concertos de artistas novos galegos, serviu de sede para a Liga Xunta de Galicia de Break, que se celebrou ao longo deste sábado, e acolleu dúas finais do programa Xuventude Crea: Videocreación e Creación de Videoxogos.

A maiores disto, durante todo o evento dez asociacións xuvenís mostraron o seu traballo en stands divulgativos. Estiveron presentes as seguintes entidades: Asociación Xeración de Ferrol; Federación de Centros Xuvenís Don Bosco, de Santiago de Compostela; Ocionautas, de A Estrada; ASDE Scouts de Galicia, de A Coruña; ValoreSC Innovation, de Ourense; Cooperación Internacional, de Santiago de Compostela; Amicos, de Boiro; Simbiose, de A Coruña; Fundación Eduardo Pondal, de Ponteceso; e mozos galegos que forman parte do programa europeo Embaixada do Diálogo coa Xuventude.

22/10/202113:10
Moza usando un smartphone.
Santiago de Compostela

O Nodo de Ciberseguridade de Galicia convoca un concurso dirixido a escolares, xa que son vítimas de 3 de cada 20 ciberdelitos denunciados

  • A convocatoria está dirixida ao alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO, e o prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 29 de outubro
  • O obxectivo do concurso e concienciar as persoas menores sobre os riscos aos que se enfrontan cando empregan as tecnoloxías dixitais e axudarán a que poidan identificar e previr os posibles ataques
  • O Nodo celebrará os días 10 e 11 de novembro o Encontro Galego de Ciberseguridade na Cidade da Cultura

O Nodo de Ciberseguridade de Galicia, promovido pola Xunta, convocou un concurso dirixido ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO con obxectivo de concienciar as persoas menores sobre os riscos aos se enfrontan no uso de tecnoloxías dixitais.

Os corpos policiais rexistraron 287.963 ciberdelitos en España no ano 2020, un 32% máis que o ano anterior, dos cales 14.632 foron denunciados na Comunidade Autónoma de Galicia. A nosa comunidade sitúase na sétima posición das autonomías máis afectadas polos ciberdelitos, e A Coruña e Pontevedra entre as vinte provincias nacionais onde máis feitos cibercriminais se denunciaron.

O perfil das vítimas non deixa de lado aos menores de idade. Un total de 3.427 ciberdelitos foron dirixidos a este colectivo en España. Os delitos sexuais a través do uso das tecnoloxías dixitais e as ameazas e coaccións son os grupos penais que encabezan a tipoloxía de ciberdelitos denunciados dirixidos aos menores.

Para afrontar esta situación, a Xunta de Galicia promoveu a creación do Nodo galego de Ciberseguridade CIBER.gal, estrutura de colaboración público-privada en materia de ciberseguridade fundada pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as catro deputacións galegas, a FEGAMP, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe) e o Centro Criptolóxico Nacional (CCN).

Un dos obxectivos fundamentais deste nodo é concienciar sobre a importancia da ciberseguridade, motivo polo que organiza o Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal os días 10 e 11 de novembro de 2021 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Neste encontro, ademais doutras actividades destinadas tanto ao tecido empresarial, como á cidadanía e á administración pública que se poden consultar no programa, celébrase o Concurso Ciberseguridade no cole!, co obxectivo principal de concienciar ao alumnado sobre os riscos aos que se enfrontan cando empregan os medios dixitais. Esta iniciativa foi promovida por Telefónica no marco deste encontro.

O concurso conta cunha fase clasificatoria en liña e unha final presencial, e para participar é preciso inscribirse neste formulario antes o 29 de outubro ás 12:00h.

21/10/202108:10
Un mozo do programa Tecnólog@ por un día atende as explicacións dunha profesional TIC.
Santiago de Compostela

A Amtega pon en marcha a quinta edición do programa ‘Tecnólog@ por un día’, con máis de 60 prazas para estudantes de 12 a 17 anos

  • Desde hoxe e ata o 3 de novembro os docentes dos centros educativos poden inscribir aos seus alumnos e alumnas no programa
  • Os participantes compartirán unha xornada de traballo con profesionais das empresas tecnolóxicas que colaboran na iniciativa
  • A esta actividade súmanse outras dúas, Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, ambas iniciativas do Plan DigiTalent para fomentar as vocacións tecnolóxicas ente os máis pequenos

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pon en marcha unha nova edición do Programa Tecnólog@ por un día, que volve a ofrecer a estudantes de 12 a 17 anos a oportunidade de experimentar, en primeira persoa, unha xornada laboral con profesionais das empresas do sector TIC en Galicia. A iniciativa desenvólvese no marco do Plan de Promoción de Talento Dixital de Galicia DigiTalent.

Nesta edición, retómase a presencialidade do programa e ofreceranse 66 prazas, grazas a colaboración de 6 empresas tecnolóxicas que, xunto coa Amtega, posibilitarán a experiencia de acoller a “Tecnólog@s por un día”: Altia, DXC Technology, everis, Inetum, Satec, Corporación Televés.

A quinta edición, avalada polo éxito das anteriores, brindará aos participantes unha xornada de inmersión na realidade do traballo de profesionais do sector TIC, que compartirán os seus proxectos, ferramentas e coñecemos cos participantes, resolverán inquedanzas vocacionais e darán a coñecer as capacidades que demandan as empresas do sector.

Un ano máis, máis tecnólog@s

Ata o 3 de novembro permanecerá aberto o prazo para que o persoal docente inscriba ao alumnado interesado en participar da actividade, cumprimentando o formulario dispoñible no espazo web DigiTalent, onde poderán consultar as prazas ofertadas para cada grupo de idade por cada empresa colaboradora no programa, así coma a súa localización.

Na mesma web tamén se atopa dispoñible a documentación de referencia para que docentes, alumnado e profesionais das entidades colaboradoras coñezan todos os detalles da actuación e aclaren calquera dúbida que poidan ter.
Unha vez finalizado o período de inscrición, as prazas asignaranse aplicando o resultado dun sorteo, e a continuación serán as empresas as que se poñan en contacto co alumnado seleccionado para concretar a data e horario da xornada que resulte conveniente para ambos os dous.

Durante os meses de novembro e decembro, as entidades colaboradoras acollerán nas súas instalacións aos participantes, que poderán coñecer así de primeira man as dinámicas das profesións TIC, e participar directamente en actividades que os profesionais teñan na súa axenda como sesións de traballo, reunións con clientes e socios tecnolóxicos, etc.

Nova edición de DigiTalent, con actuacións dirixidas á infancia e á adolescencia

A nova edición do Plan DigiTalent para o curso 2021/2022 segue a poñer o foco en desenvolver iniciativas que esperten as vocacións científico-tecnolóxicas desde idades temperás.

Neste senso, o catálogo do Plan activa novas actividades neste outono para impulsar o talento dixital entre os máis pequenos: Ciberseguranza Kids e Encontros con profesionais TIC, dúas iniciativas impulsadas pola Amtega en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) enmarcadas nun convenio subscrito para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.

Ciberseguranza Kids, difundindo a ciberseguridade entre os máis pequenos

Ciberseguranza Kids busca difundir o uso seguro de internet entre nenos e nenas de entre 3 e 12 anos a través do contacontos “Ciberseguridade con Sofía”.

A actividade está a percorrer máis de 15 centros escolares das catro provincias galegas e rematará coa publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.

Nova edición de Encontros con Profesionais TIC

Ademais, xa está en marcha o programa Encontros con profesionais TIC, que ofrece aos rapaces e rapazas de 6 a 18 anos encontros en streaming con profesionais do ámbito tecnolóxico aos que lles poden formular as súas preguntas e inquedanzas sobre temas como a intelixencia artificial, o desenvolvemento de software ou a informática na saúde.

Toda a actualidade sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web Digitalent, que ofrece información actualizada sobre as datas, localizacións e instrucións para a participación sobre as actuacións a medida que estea dispoñible.

20/10/202111:10
Mans usando un smartphone.
Oleiros

Oleiros organiza un curso de manexo de móbiles para maiores de 60 anos

Concello de Oleiros abriu o prazo de inscrición para un curso de manexo de móbiles de 30 horas dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas no termo municipal. A oferta deste obradoiro está enmarcada dentro do programa de Alfabetización dixital organizado desde a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade.

Nestes cursos aprenderase de “forma práctica, amena e guiada” a utilizar e aproveitar as posibilidades que ofrecen os smartphones, proporcionando benestar persoal, ocupando o tempo de lecer e a súa relación co entorno. A persoa participante desenvolverá habilidades básicas no manexo de móbiles, aplicando as novas tecnoloxías á súa vida, axeitándoas ás súas necesidades e desenvolvendo a capacidade de seguir aprendendo por si mesmo.

As inscricións serán a través da web municipal, na sede electrónica, no apartado cidadáns e empresas, en trámites en liña, ata as 20:00 horas do 22 de outubro. Para calquera aclaración, as persoas interesadas poden poñerse en contacto con Servizos Sociais e Igualdade.

19/10/202114:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O vindeiro martes, 26 de outubro, ás 12:30 horas, emitirase por videoconferencia a sesión informativa “Servizos financeiros”, do Instituto Galego de Consumo e da Competencia en colaboración coa Rede CeMIT

Trátase dunha xornada sobre “Servizos financeiros” prevista para martes, día 26, ás 12:30 horas, na que se abordarán, de xeito fundamentalmente práctico, temas como a xestión de contas bancarias, a realización de pagos, a consulta de créditos ou as tarxetas revolving en relación ao sobreendebedamento que hai relacionado con estas, tratando de achegar á poboación uns coñecementos bancarios básicos.

A Rede CeMIT colabora co Instituto Galego de Consumo e da Competencia na difusión destas “charlas informativas sobre consumo”, que se emiten a través de videoconferencia e teñen unha duración aproximada dunha hora ou hora e media.
Estas sesións están orientadas para todos os públicos ao tratar temas actuais que nos afectan en gran medida como consumidores.

Adicionalmente e como novidade, este ano a Rede CeMIT, ademais de dar a posibilidade de asistir presencialmente a esta sesión a través da participación das aulas de Ortigueira, Carballedo, San Sadurniño, Celanova, Brión e Fisterra, tamén permite seguir a videoconferencia desde a casa a todos os usuarios/as que así o desexen, podendo realizar a súa inscrición de xeito automático a través da seguinte ligazón. O único requisito para poder facelo é darse de alta como usuario da Rede.

Para a formalización das inscricións para participar de xeito presencial é recomendable poñerse en contacto cos responsables das aulas CeMIT participantes en cada un dos seminarios ou a través de internet na web https://cemit.xunta.gal.

 

19/10/202108:10
Muller usando un smartphone.
Santiago de Compostela

Máis dun 13% das empresas galegas conta con perfís dixitais

  • Galicia ocupa a segunda posición estatal en empresas que contratan especialistas en Intelixencia Artificial
  • Preto do 24% das empresas de 10 ou máis asalariados emprega IoT, o 9,4% empregou Big Data e un 7,2% aplica Intelixencia Artificial
  • As empresas galegas ocupan a sexta posición no uso do teletraballo
  • Dúas de cada tres empresas de 10 ou máis asalariados ten conexión a Internet de máis de 100 Mbps
  • O 39,4% das microempresas de Galicia xa utilizan redes sociais no seu negocio, situándose no segundo posto a nivel nacional

A transformación dixital está a mudar a configuración do persoal do tecido produtivo galego. Este ano un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados conta con perfís TIC entre os seus traballadores e un 9% contratou ou tentou contratar un especialista do ámbito tecnolóxico no último ano. A pesar de que aínda son porcentaxes baixas polo carácter emerxente destas tecnoloxías, Galicia ocupa a segunda posición entre as comunidades que contratan perfís especialistas en Intelixencia Artificial e o noveno posto en Ciberseguridade.

Os perfís máis habituais entre as empresas que contratan este tipo de profesionais son os especialistas en Xestión do dato, que representan un 8%, seguidos dos expertos, seguidos de profesionais de Ciberseguridade (5,1%), e expertos en Intelixencia Artificial que supoñen un 2,1%. Estas son algunhas das conclusións que se extraen da enquisa sobre “O uso das TIC e do Comercio electrónico nas empresas 2020/2021” publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que vén de analizar o Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Os datos tamén reflicten o impacto da Covid-19 na adopción do teletraballo. Así o 45,3% das empresas de máis de 10 empregados afirma contar con persoal que teletraballa, o que sitúa a Galicia como a sexta Comunidade Autónoma con maior uso desta modalidade.

Big data, Internet das cousas, robótica e Intelixencia artificial

En canto ao uso de tecnoloxías disruptivas, o 23,6% das empresas de 10 ou máis empregados de Galicia utilizaron dispositivos interconectados que poden ser monitorizados ou controlados remotamente a través de Internet (o Internet das cousas), o que representa un crecemento do 41,7% no último ano. Ademais, o 9,4% das empresas galegas de 10 ou máis traballadores empregou Big Data, experimentando un crecemento do 1,7% no último ano.

Un 7,2% das empresas galegas de 10 ou máis empregados utiliza algún tipo de tecnoloxía de Intelixencia Artificial, o que as sitúa na 9º posición no ranking por CC.AA.

O 11% das microempresas empregou algún servizo de Cloud Computing, situando a Galicia como cuarta comunidade autónoma con maior uso deste servizo. Nas grandes empresas tamén crece o dato, un 12,9% no último ano, ata situarse no 23,7%.

Contratación de Internet e velocidades de conexión

En canto á contratación de Internet, a practica totalidade das empresas galegas de 10 ou máis empregados (99%), dispón deste servizo contratado. Deste xeito Galicia sitúase no sétimo posto no ranking por Comunidades Autónomas, fronte ao 14º do ano anterior. No caso das microempresas galegas, ese indicador sitúase no 80,9%, un 3,1% máis que no último ano.

En canto ao tipo de conexión o 97,6% das empresas de 10 ou máis traballadores dispoñen rede Internet fixa, superando lixeiramente a media estatal (97,4%) e un 83,4%de banda larga móbil. No caso das microempresas, un 77,4% dispón de conexión a Internet fixa e un 78,9% a través de conexión móbil a Internet.

En canto á velocidade de conexión a Internet contratada, dúas de cada tres empresas galegas de 10 ou máis asalariados (66,9%) conta cunha velocidade superior aos 100 Mbps, un 5,2% que o ano anterior.

O uso das redes sociais segue aumentando ata acadar o 62,5% entre as empresas de 10 ou máis empregados e o 39,4% entre as microempresas, ocupando así o 2º lugar entre todas as comunidades autónomas.

As empresas de 10 ou máis empregados superan en máis de dous puntos porcentuais a media estatal de uso de software de código aberto, utilizándose no 85,2%.

18/10/202113:10
Momento da xornada DicaTIC.
Valencia

O 62% de persoas con discapacidade ten dificultades de acceso ou uso da internet, segundo un estudo da Cátedra DicaTIC

  • O estudo da Cátedra DicaTIC tivo lugar durante a xornada 'Fenda dixital e discapacidade: Retos de investigación'.

No estudo da Cátedra DicaTIC, a consellera de Innovación, Universidades, Ciencia e Sociedade Dixital, Carolina Pascual, avoga por unha 'innovación inclusiva', que permita 'avanzar cara á plena accesibilidade de todas as persoas'.

As persoas con discapacidade que participaron no estudo destacan os positivos impactos das novas tecnoloxías nas súas relacións sociais, acceso a formación e lecer, realización de xestións a distancia e o seu exercicio profesional.

Os expertos que interviñeron na xornada 'Fenda dixital e discapacidade: Retos de investigación' coinciden en que o novo contexto europeo contempla a accesibilidade como prioridade, pero alcanzala esixe a implicación de todos os axentes de coñecemento, investigación, empresariais e cidadanía.

Estudo da Cátedra DicaTIC

O 62% das persoas con discapacidade atopa dificultades de acceso a Internet ou durante a súa utilización. As principais causas son a 'falta de formación', o custo da conexión e a ausencia de adaptacións ás necesidades de usuarios con diferentes tipos de discapacidade, tanto na presentación dos contidos como na navegación, segundo as conclusións do segundo 'Estudo sobre Fenda dixital e Discapacidade' realizado pola Cátedra de Fenda dixital e Diversidade Funcional (DicaTIC), promovida pola Universitat Politècnica de València (UPV) e a Conselleria de Innovación, Universidades, Ciencia e Sociedade Dixital da Generalitat Valenciana.

Neste contexto, as persoas con discapacidade reclaman unha mellora da accesibilidade ás novas tecnoloxías, aplicacións e Internet, e que sexan realmente inclusivas. É dicir, que non se trata de que se desenvolvan tecnoloxías especializadas en dar solución aos problemas de acceso ou uso de cada colectivo, senón de que estean deseñadas e adaptadas desde un principio para que poidan ser utilizadas por todas as persoas, con e sen discapacidade.

A consellera de Innovación, Universidades, Ciencia e Sociedade Dixital, Carolina Pascual, subliñou que 'a dixitalización ten que chegar a toda a sociedade; non podemos avanzar se parte dela queda atrás. Temos que implementar políticas e ferramentas que fagan posible eliminar a fenda dixital que afecta as persoas con discapacidade. É fundamental que a innovación sexa inclusiva'.

Neste sentido, os expertos que interviñeron na xornada 'Fenda dixital e discapacidade: Retos de investigación', destacaron a necesidade de avanzar en concienciación e implicación por parte de todos os axentes de coñecemento e investigación, destacando as universidades, así como a corresponsabilidade por parte das empresas e outras organizacións. Destacaron os avances que está a supoñer a nova normativa europea, que inclúe a accesibilidade como criterio central en todo tipo de proxectos, estratexias e políticas.

O director da Cátedra DicaTIC, Manuel Martínez Torán, e a investigadora da mesma, Chele Esteve, explicaron que a planificación e desenvolvemento da fase de investigación do estudo desenvolveuse entre marzo e xullo de 2021, e contou co apoio e colaboración da maioría das organizacións que traballan con colectivos con discapacidade na Comunitat Valenciana e coa implicación directa de máis de 430 persoas con distintos tipos de discapacidade (Física, Orgánica, Intelectual, Saúde Mental, Visual e Auditiva).

Case todas as persoas con discapacidade anhelan e esperan das tecnoloxías e Internet que lles acheguen un maior nivel de autonomía; que lles facilite os pequenos, pero importantes, detalles e accións da vida cotiá (desenvolverse no día a día, facer trámites e desenvolver a súa actividade laboral), e unha maior conexión e interacción social (coas súas familias, o seu círculo máis próximo e con outras persoas con circunstancias e limitacións similares).

Que tecnoloxías son as máis utilizadas e para que?

A maioría das enquisadas afirma que as novas tecnoloxías achegáronlles importantes beneficios en canto á súa relación con outras persoas (no 56,7% dos casos, que alcanza o 66,5% no caso da discapacidade intelectual) e para acceder a formación e educación (o 33,6%), ademais de para gozar de lecer, realizar xestións desde casa -destacando os trámites con Administracións e servizos públicos, de atención sanitaria e social, e xestión de prestacións-, para gañar en independencia e para exercer o seu traballo.

Neste sentido, recoñecen que o non dispoñer de acceso a estas tecnoloxías e a Internet dá lugar a unha fenda ou desigualdade. En concreto, o 79,6% das persoas que responderon á enquisa considera que é 'un impedimento' e xera 'unha desigualdade moi importante'.

A maioría das enquisadas (o 53,1%) prima o uso de aplicacións fronte ao de páxinas web. Destacan, por nivel de uso, as aplicacións relacionadas con lecer e cultura e aquelas que permiten a comunicación entre as persoas. Séguenlles as centradas en saúde e educación e, a continuación, as relacionadas co transporte, o turismo e as necesidades profesionais.

Aínda que a maioría das persoas con discapacidade que participaron no estudo "atópanse ben preparadas tecnoloxicamente", un 4,3% non dispón de conexión a Internet no seu domicilio; o 30,5% afirma que non ten smartphone propio e un 64,9%, tampouco tablet; un 19% non teñen conta de email, e un 69,7% non teñen firma dixital.

Ademais, a maioría (preto do 59%) non ten conta bancaria dixital propia e hai un uso moi baixo de contas de compra online, debido, sobre todo, á desconfianza ou temor que xera nestes colectivos as transaccións económicas online.

Os datos e conclusións do 'Estudo sobre Fenda dixital e Discapacidade: Unha perspectiva centrada nas persoas' permiten completar a visión achegada polo primeiro estudo da Cátedra de Fenda dixital e Diversidade Funcional, realizado en 2020 coa implicación das organizacións. Neste caso, contouse coa participación directa das persoas.

En concreto, 396 persoas con discapacidade completaron o cuestionario -con base nunha plataforma online, criterios de lectura fácil, linguaxe de signos e de accesibilidade dos diferentes colectivos- e levaron a cabo seis focus group, con entre cinco e sete persoas en cada un, en colaboración con Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica, Cocemfe (dúas); a Federación de Persoas Xordas da Comunidade Valenciana, Fesord; Fundación ONCE, en discapacidade visual; Plena Inclusión, en intelectual, e ACOVA, a Asociación de Axuda a Persoas con Enfermidade Mental da Comunidade Valenciana. O estudo contén capítulos con análises específicas da situación e necesidades en cada tipo de discapacidade.

Xornada con expertos universitarios e emprendedores

As conclusións principais do estudo presentáronse no marco da xornada 'Fenda dixital e discapacidade: Retos de investigación', que contou con representantes institucionais, de organizacións que traballan con persoas con discapacidade e expertos en diferentes ámbitos relacionados coa investigación e o desenvolvemento de tecnoloxías accesibles.

"Nas universidades, temos unha especial preocupación pola fenda dixital e unha obrigación de afrontala e resolvela", destacou José E. Capela, reitor da Universitat Politècnica de València (UPV), na apertura da xornada.

Ao longo da sesión, interviñeron, Lourdes González, responsable da área de Tecnoloxías Accesibles da Fundación ONCE; Pilar Orero, profesora da Universidade Autónoma de Barcelona; Alejandro Moledo, do European Disability Forum; Hugo Ferrer, CEO de SemanticBots (Universitat Jaume I); Jose Mª Fernández Gil, da Unidade de Accesibilidade Dixital da Universidade de Alacante; Juan José Lull, do grupo SABIEN-ITACA (Universitat Politècnica de València), e Sandra Martínez, do grupo Polibienestar (Universitat de València).

'Os expertos mostraron hoxe que unha maneira diferente de facer as cousas é posible, infestada de retos e de oportunidades. Unha maneira que temos obrigación de aplicar, transmitir e transversalizar para avanzar cara a un uso e aproveitamento das tecnoloxías en igualdade de condicións', subliñou María Muñoz, directora xeral para a Loita contra a Fenda dixital da Generalitat Valenciana, en clausúraa da xornada.

Acceso ao documento-resumen en formato PDF, coas principais conclusións do estudo, na Web da Cátedra DicaTIC.

Gravación da xornada 'Fenda dixital e discapacidade: Retos de investigación' en YouTube.

18/10/202108:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O CPEIG organiza a Olimpíada Informática Galega 2022, en colaboración coa USC, a UDC e a UVigo

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo), organiza a Olimpíada Informática Galega 2022 (OIG 2022), destinada a fomentar vocacións tecnolóxicas e capacitar á mocidade para afrontar algúns dos principais retos sociais, científicos, económicos e medioambientais dos nosos días.

De feito, as persoas participantes deberán resolver unha serie de problemas mediante unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. O CPEIG fai saber que na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java e que “os problemas da olimpíada soen centrarse no deseño correcto e eficiente de algoritmos”. A Olimpíada Informática Galega 2022 desenvolverase o 4 de febreiro de 2022 de xeito presencial, sempre que a situación sanitaria o permita, e de maneira simultánea en tres sedes: A Coruña, Santiago e Ourense (Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática da UVigo).

A inscrición a cada unha das sedes aínda non está aberta, pero si está operativa unha pre-inscrición que dará preferencia para a elección de sede na inscrición final, ademais do dereito a asistir de forma gratuíta a uns adestramentos en colaboración coa academia Leagues of Codes. O CPEIG explica que estes adestramentos comezan este sábado, 16 de outubro, cunha proba de nivel que se poderá realizar durante toda a vindeira semana e “que permitirá asignar axeitadamente a cada estudante ao grupo que mellor se axuste aos seus coñecementos en programación para as seguintes clases, permitindo incluso que poidan asistir estudantes sen coñecementos previos de programación”, engade o colexio. Este concurso de programación está orientado a estudantes de ensinanza secundaria, bacharelato e grao medio (ou equivalente). Permitirá seleccionar a dous representantes galegos para que participen na Olimpíada Informática Española, que se celebrará en abril de 2022. De aí, os gañadores poderán acceder á Olimpíada Informática Internacional, que se celebrará en agosto de 2022 en Indonesia.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS