A Universidade da Coruña celebra entre os días 29 de setembro e 20 de outubro a terceira edición do seminario internacional Mulleres e videoxogos, a ambos lados da pantalla, impulsado pola Facultade de Comunicación coa colaboración da asociación internacional Women in Games (WIGJ), o Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), a Asociación Española de Videojuegos (AEVI), a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, o Campus Innova e o Instituto de las Mujeres.
O programa desta edición combina relatorios e faladoiros virtuais, abertos á participación do público, con outro tipo de contidos en vídeo, obradoiros e unha exposición virtual sobre mulleres na industria dos videoxogos.
O seminario, dará comezo o mércores 29 de setembro ás 10:30 horas coa benvida do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e as intervencións de Teresa Piñeiro, da organización das xornadas; María Fernández Hermida, embaixadora de Women in Games e Susana Ladra, directora do Campus Innova. A continuación, o evento continuará coa conferencia Las mujeres en la industria de los videojuegos, da man de Elena Beltrán, Coordinadora de Comunicación de la Asociación Española de Videojuegos (AEVI); e o relatorio Construíndo inmersión a través do deseño de son interactivo a cargo de Anne-Sophie Mongeau, deseñadora de son senior en Hazelight Studios (Estocolmo).
Desde o venres 1 ao mércores 18 de outubro a xornada acollerá diversas actividades diferidas como a exposición virtual Mulleres e videoxogos, desenvolvida en colaboración co Museo do Videoxogo, ou as vídeo-charlas de diversas profesionais da industria como Sabina Sánchez e Silvia Rosu, de IQUA Servicios Jurídicos, avogadas especialistas en creación dixital, Estefanía Salcedo lead de programación de Tequila Works ou a galega Alba Calvo, localizadora de videoxogos.
O mércores 6 de outubro ás 11:30 horas haberá un encontro virtual con Elesky, streamer musical e integrante do E-sports Club Vodafone Giants, e ás 12:30 horas o relatorio O xénero dos videoxogos dende a arte feminista a cargo de Remedios Zafra escritora e científica titular do CSIC.
O 13 de outubro, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá dous obradoiros de deseño e arte para videoxogos a cargo de Cristina García Aradas, xefa de deseño de niveis en Gato Estudio, e Lizartonne, artista conceptual, ilustrador e produtor. Para rematar, o mércores 20 de outubro terá lugar, ás 12:30 horas, o relatorio Gamers e streamers dende Galicia para o mundo no que participarán Samku e Mariña (anhiram_).
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan este 30 de setembro unha nova xeira de debate e networking tecnolóxico ao abeiro do ciclo tres14.pm. Desta volta, os temas a tratar serán a ética e a deontoloxía no ámbito da Enxeñaría Informática. Unha das cuestións a abordar será o Selo de Empresa ÉTICa, iniciativa creada polo consello estatal de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII), que certifica o desenvolvemento de servizos tecnolóxicos de calidade.
A xornada celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.
O relator desta xornada será Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidad de Oviedo, vicedecano do Colegio Oficial de Ingenieros en Informática do Principado de Asturias, e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do CCII. Impartirá unha conferencia titulada Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII na que ofrecerá unhas nocións básicas sobre a ética e deontoloxía profesional en informática, para continuar cos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo CCII.. Finalizará informando sobre o novo Selo de Empresa éTICa, que vantaxes aporta para as empresas e cales son os requisitos necesarios para solicitalo.
Ademais dos beneficios na relación da profesión coa sociedade, Darío Álvarez sinala que as enxeñeiras e enxeñeiros en Informática poden ter apoio do código ético na toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión. Esta relevancia da ética profesional na Enxeñaría en Informática tamén se observa na extensión da aplicación do concepto de ética profesional non só ao profesional individualmente, senón á organización na que desempeña a súa actividade. Para responder aos retos que presenta a aplicación da ética e deontoloxía profesional no nivel empresarial, o CCII lanzou a iniciativa pioneira do Selo de Empresa éTICa e un rexistro das mesmas para poñer en valor a estas empresas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas. Darío Álvarez explica que esta iniciativa para empresas, autónomos e institucións certifica que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. Este programa forma parte dunha ampla axenda que a AMTEGA está a promover desde o centro Gaiastech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo ao portal dixital gaiastech.xunta.gal.
O Concello de Boiro informou do remate do curso sobre follas de cálculo e base de datos impartido ao abeiro do Programa Integrado de Emprego municipal, destinado a favorecer a inserción laboral das mulleres do concello. Foi un curso de 30 horas de duración. Nel participaron 10 mulleres co obxectivo de adquirir competencias para realizar operacións e aplicacións en follas de cálculo e bases de datos, crear e operar con táboas dinámicas, filtrado de datos e xerar consultas e informes.
O Programa Integrado de Emprego do Concello de Boiro está dirixido exclusivamente a mulleres e combina a formación online e presencial, fomentando a conciliación familiar e laboral das participantes. Está subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal.
A aula CeMIT de Porto do Son regresou á súa plena actividade nesta recta final do verán, achegando un completo programa de actividades formativas para a veciñanza (adultos e tamén pequenos), poñendo o foco nalgúns dos aspectos máis útiles do ámbito tecnolóxico, por exemplo o correo electrónico ou os principais recursos dos que podemos botar en materia de ofimática.
A axenda de clases de informática para este outono en Porto do Son (con comezo este mesmo mes de outubro) será unha axenda descentralizada, a desenvolver en todas as parroquias, coa finalidade de reducir ao máximo a chamada fenda dixital, que adoita poñer ao rural nunha situación de desigualdade con respecto aos espazos máis urbanos. Haberá formación en mecanografía, ofimática, redes sociais, uso de correo electrónico e xestións administrativas en Internet. Para máis información cómpre contactar co teléfono móbil 699 484 053.
A XGN R Encounter é unha reunión multitudinaria de afeccionados e profesionais da informática que buscan intercambiar coñecementos e realizar durante varios días todo tipo de actividades relacionadas coa informática.
Constitúe parte dun fenómeno que tivo a súa orixe a finais da década dos oitenta no norte de Europa, en países tales como Noruega, Dinamarca ou Alemaña. No 2021 alcanzará a súa vixésimo primeira edición.
Logo de ter recalado na Coruña, Cedeira, Viveiro, Sarria e Monforte, a xira da aula móbil de R e a Cruz Vermella (a xira Enredando tour R, destinada a loitar contra a fenda dixital que separa aos nosos maiores con respecto ás novas tecnoloxías da información) achégase á provincia de Ourense para instalarse o luns 27 no Carballiño e desprazarse o martes 28 e o mércores 29, a Verín e ao Barco de Valdeorras, respectivamente.
A xira Enredando tour R, que conta coa colaboración da Consellería de Política Social, chegará a 11 localidades das catro provincias galegas. Máis datos en Enredando.gal.
Durante un mes, o programa está a percorer localidades galegas cunha aula móbil para romper a fenda dixital e ofrecer contidos formativos tecnolóxicos específicos. O propósito é “enredar” persoas maiores no universo das novas tecnoloxías dun xeito lúdico, ofrecéndolles a degustación dun “menú tecnolóxico” á súa medida.
A protagonista do roteiro é unha aula móbil con contidos formativos vencellados ás novas tecnoloxías. A aula é “unha furgoneta superequipada” que transporta os smartphones, portátiles, tabletas, altofalantes intelixentes... e todo tipo de accesorios para facilitar ese achegamento á realidade da tecnoloxía máis doméstica e presente en multitude de áreas da nosa vida cotiá”, explicou R na presentación.
Este é o calendario previsto:
Para participar nas actividades de Enredando Tour R as persoas interesadas poden chamar ao teléfono gratuíto 900 825 030 ou escribir un correo electrónico a galicia@cruzroja.es.
O Instituto Nacional de ciberseguridadee (INCIBE) lanzou unha nova edición da campaña de 'Volta ao cole' co obxectivo de promover, ao comezo do curso escolar, bos hábitos de ciberseguridade entre os menores e as persoas da súa contorna (educadores e familias).
Así, a través de contidos de concienciación, como artigos, catálogos de recursos ou iniciativas formativas, entre outros, todos os interesados poderán adquirir novas habilidades e coñecementos técnicos nesta materia. Desta maneira, os pais poderán aprender competencias dixitais útiles para acompañar aos seus fillos e guialos no seu desenvolvemento e aprendizaxe sobre Internet e a tecnoloxía, co fin de que a usen de forma segura e responsable.
Para alcanzar as súas metas, esta edición contén diferentes recursos. En primeiro lugar, preséntase a iniciativa europea 'A Escola das Redes Sociais', que ten por obxectivo impulsar entre os menores un comportamento positivo en liña, axudándoos a protexerse mellor durante as súas interaccións en medios sociais, contemplando esta aprendizaxe como unha preparación necesaria desde a Educación Primaria. Esta iniciativa inclúe diferentes contidos, como actividades prácticas, coas que os menores poderán aprender, á vez que se divirten xogando.
Por outra banda, esta campaña incluirá o webinar 'Competencias dixitais para un uso seguro da Rede' que terá lugar o próximo 6 de outubro de 2021, a partir das 17:00, cunha duración de 90 minutos. Nel abordaranse cuestións, como a ciberseguridade no traballo dos docentes, o desenvolvemento das competencias dixitais para un uso seguro da internet e o contexto no que se desenvolverán as ditas competencias en España, centrado na contorna educativa.
Estes proxectos están organizados polo INCIBE, en colaboración co Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF). En concreto, 'A Escola das Redes Sociais' tamén está promovida, a nivel europeo, por European Schoolnet e EduPad.
Ademais, a campaña incluirá a convocatoria anual do Programa de Xornadas Escolares co que o INCIBE desprega accións formativas en todo o territorio nacional. Esta edición de xornadas escolares realizarase en modalidade online e contemplará a realización de talleres prácticos dirixidos a profesores e alumnos, cos que traballar temáticas, como o respecto e o fomento das habilidades sociais para a prevención de conflitos online, a importancia de saber protexer os dispositivos, a responsabilidade e o espírito crítico na internet ou a prevención do abuso sexual de menores na Rede.
Para máis información, pódese visitar a páxina web da internet Segura for Kids (IS4K), a canle especializada en menores de INCIBE.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe o proxecto ¡BUEN CAMINO!, para ofrecer da man de Google Arts&Culture, “unha ventá”, dixo, á singularidade das rutas xacobeas, acadando unha nova universalidade.
“Nas 4.750 fotografías e vídeos, nos 105 reportaxes visuais e nas visitas virtuais aos 13 monumentos icónicos da iniciativa late o pulso inmortal da peregrinación”, dixo, incidindo en que o obxectivo é que os visitantes sintan o que sinte un peregrino, “cando percorre algunha das 10 rutas oficiais, cando visita as catedrais de Mondoñedo ou Lugo, cando pasea por Santiago, cando explora as Illas Cíes, cando desfruta da gastronomía ou escoita música como a de Tanxugueiras”, explicou.
Durante o acto, o titular da Xunta destacou que con este proxecto, dispoñible en 11 idiomas, Galicia dá un paso máis na dixitalización do Camiño, unha viaxe que se iniciou coa posta en marcha da plataforma Smart Camiño e que continuará coa Estratexia Galicia Dixital 2030.
Feijóo aproveitou a súa intervención para agradecer a implicación do Goberno de Aragón, así como da Federación de Asociaciones de Amigos del Camino de Santiago e da Fundación Catedral nesta iniciativa.
E concluíu resaltando que, no que vai de ano, lévanse entregadas 125.000 compostelas de máis de 150 países. “Isto significa que o mundo nos busca e que Galicia está”, afirmou, incidindo en que o Ano Santo bienal é un convite a camiñar á Comunidade que está a ser intensamente correspondido tras o peor da pandemia.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organizan este venres, 24 de setembro, un espazo de networking e debate chamado tres14.pm. Celebrarase de maneira presencial, para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC ou outras persoas interesadas na materia, no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura en Santiago (Monte Gaiás, s/n. Edificio CEM) ás 15:00 horas. Ademais, poderase seguir en streaming onde os participantes interactuarán co relator a través do chat.
Este programa difundirase desde o centro GaiásTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación co resto da economía galega na procura dunha competitividade duradeira e xerando espazos de integración e inclusión dixital e de desenvolvemento persoal do noso talento dixital. O programa conta con espazos de networking, de debate, opinión e coñecemento, invitando a expertos en distintas materias para que realicen unha exposición seguindo un programa específico no que reflectirán, en catorce minutos, tres principios sobre dita temática de cara a establecer un coloquio posterior cos participantes.
O relator desta xornada será Manuel Meijide, director da compañía ILUX Visual Technologies. Impartirá unha conferencia titulada “O xemelgo dixital como impulsor da transformación dixital na industria”. Meijide explica que un Xemelgo Dixital (Digital Twin) é unha representación dixital dun contorno ou proceso físico, réplicas virtuais que se empregan para simular a realidade e o seu comportamento en determinadas circunstancias. Sinala tamén que, máis alá dun mero modelo tridimensional, o xemelgo dixital combina unha representación co Big Data, Cloud Computing, IoT, Machine Learning ou Intelixencia Artificial para conseguir unha copia completa e en tempo real dun determinado contorno ou proceso físico cunhas características e estado concretos.
A través desta copia virtual, Meijide sinala que é posible unha análise exhaustiva da información, así como experimentar sen correr riscos, algo moi beneficioso por exemplo en procesos de fabricación. Ademais, dado que o xemelgo dixital simula o comportamento do seu homólogo físico, este último pódese monitorizar, analizar, automatizar e mesmo predicir o seu comportamento, en definitiva, mellorar. “Os xemelgos manexan, monitorizan e tratan información masiva e integran multitude de sistemas, conectando diferentes tipos de datos para crear unha única visualización para xestionar todo o proxecto representado” –asegura–.
Actualmente, Meijide destaca que os xemelgos dixitais son de aplicación en multitude de sectores e todo tipo de empresas. O seu ámbito de aplicación asóciase á transformación dixital da empresa, xa que con eles é posible realizar un control dos sistemas para reducir as incidencias, previr tempos de inactividade, planificar tarefas e diferentes escenarios e probalos mediante simulacións ou acelerar procesos, todo isto en tempo real.
Este programa forma parte dunha ampla axenda que a Amtega está a promover desde o centro Gaiástech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das nosas organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido ás demandas da nosa sociedade. Para coñecer a axenda de actividades pódese facer accedendo ao portal dixital www.gaiastech.xunta.gal.
Hai moitos aspectos da tecnoloxía que deben ser máis accesibles para facilitar o uso dos dispositivos ás persoas con discapacidade. Un deles, e que non sempre se ten en conta, é o do servizo de atención ao cliente, unha plataforma moi útil para resolver dúbidas ou problemas pero que adoita ser inaccesible a moitas persoas xordas.
Por esta razón, Samsung lanzou un servizo de atención ao cliente en lingua de signos, co obxectivo de facilitar a información e o acceso a soporte técnico ás persoas con discapacidade auditiva signantes.
A compañía desenvolveu este servizo en colaboración coa Fundación CNSE e utilizando a tecnoloxía de videochamada de Svisual para conectar ao usuario cun axente de atención ao cliente signante, facilitando a comunicación entre eles.
O servizo, que se puxo en marcha coincidindo co Día Internacional da Lingua de Signos, está dispoñible tanto en lingua de signos española como en lingua de signos catalá.