main content

main content
08/09/202108:09
Cartel do evento.
Salamanca

A Fundación ONCE leva a tecnoloxía accesible a Startup Olé

Tres das startups que compoñen actualmente a aceleradora 'espacIA' da Fundación ONCE estarán presentes na sétima edición de Startup Olé, que terá lugar entre os días 6 e 10 de setembro. Nesta ocasión, a primeira vez que se celebra despois da declaración do Estado de Alarma na loita contra a Covid 19, terá lugar tanto de forma virtual como presencial na cidade de Salamanca .

En concreto, os participantes poderán coñecer os proxectos de tecnoloxía accesible desenvolvidos pola startup murciana de BemyVega, a aplicación Park4dis e a iniciativa de impresión 3D de Supergiz.

BemyVega é un sistema de gravación, retransmisión e seguimento de presentacións, clases, congresos ou eventos que facilita o acceso á información que se imparte nestes actos. Con este equipo, certas persoas con discapacidade visual ou auditiva poden ter acceso completo en tempo real a toda a información necesaria para o seguimento da sesión.

Pola súa banda, Park4dis nace como solución ás dificultades que atopan as persoas con mobilidade reducida en España cando se desprazan en coche. Trátase dunha única plataforma (Web e App) que agrupa información sobre a localización de máis de 23.000 prazas para persoas con discapacidade e a normativa aplicable en máis de 60 municipios, normativa que adoita diferir duns municipios a outros.

Por último, Supergiz é un proxecto deseñado e producido por Autofabricantes. Trátase dun sistema de prótese pensado inicialmente para nenos coa ausencia ou certas parálises de man ou parte do brazo, aínda que actualmente está a ser utilizado tamén por adultos. Consta dunha peza principal feita a medida que contén uns enganches para axustar distintos dispositivos que facilitan actividades concretas como nadar, xogar ao tenis ou tocar a guitarra. Trátase dun proxecto de código aberto e fabricado en impresión 3D.

A participación da Fundación ONCE nesta edición de Startup Olé complétase coa intervención de Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación, na mesa redonda 'International Funds/ Startups and Funds, Open Innovation and Entrepreneurial Capital as a Dynamizer of the Economy'. A mesa encádrase dentro da iniciativa europea Rural European Innovative Area, unha plataforma de intercambio de coñecemento que pretende reducir a fenda entre as cidades e o ámbito rural.

Startup Olé 2021

Startup Olé, celebrarase do 6 ao 10 setembro e é un dos maiores eventos de tecnoloxía  empresarial en Europa. O apoio da Comisión Europea-Startup Europe, o Sistema de Integración Centroamericana (SICA), a Universidade de Salamanca e o Concello de Salamanca converteron a Startup Olé nun evento de referencia e un motor da democratización do ecosistema tecnolóxico-empresarial internacional.

08/09/202108:09
Cartel da iniciativa.
Ames

O Concello de Ames achega as últimas prazas libres para os seus cursos de alfabetización TIC no rural

A Concellaría de Cultura de Ames organiza, dende setembro ata decembro, un curso de alfabetización dixital nas parroquias do rural. Os cursos das parroquias de Agrón, Trasmonte, Aguapesada, Covas, Tapia e Ameixenda xa están completos, pero, segundo informan dende o Consistorio, aínda quedan prazas nas parroquias de Bugallido, Biduído e Ortoño. Para inscribirse é preciso chamar ao número de teléfono 615 401 264 ou 626 540 755.

Organizado pola Concellaría de Cultura o curso de Alfabetización dixital no rural enmárcase na proposta de adquisición de competencias tecnolóxicas dos Orzamentos Participativos do ano 2019. Esta actividade formativa está deseñada para achegar coñecementos sobre as novas tecnoloxías ao rural de Ames. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana.

Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática, o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da Rede, aspectos de seguridade a ter en conta, etc. Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.

07/09/202108:09
Cartel da iniciativa.
Vigo

A Industriosa estrea en setembro un novo formato de xornadas abertas argalleiras

Industriosa (Vigo) vai estrear este mes de setembro un novo formato no seu programa de actividades de divulgación, participación e cooperación tecnolóxica: o formato das xornadas abertas. Esta fórmula complementa a empregada até o comezo da pandemia, que consistía na apertura das instalacións os martes, mércores e sábado para que os socios puideran traballar nos seus proxectos, botar unha man a alguén ou ir botar unha parrafada “sen maiores pretensións”.

Agora, explican, “gustaríanos abrir tamén a outra xente interesada para que nos poida visitar os sábados de setembro de 11 a 14 horas, ver que facemos e botar unha man se se animan”. A continuación, damos conta dalgúns dos proxectos nos que están a traballar e aos que se agarda dar continuidade:

  • Sistema de apertura remota e autenticada do local de A Industriosa.
  • Máquina recreativa retro-gaming baseada en SW libre (libretro, libGDX, retroarch…).
  • Barco autónomo a escala, empregando proxectos de Software Libre como OpenCV, Linux, Ardupilot…
  • Proxectos educativos de programación de placas de desenvolvemento en uPython.
  • Proxecto para o desenvolvemento de sensor CO2 Open Source baseado no proxecto CO2box.
  • Desenvolvemento de OpenPipe v2, instrumento musical MIDI OpenHardware. 

Dende a iniciativa, dan a benvida a calqueira persoa que teña “algo de inquietude e nos queira visitar”. Iso si, piden que os menores de idade acudan na compaña dun adulto responsable. E engaden: “Debido as restriccións de aforo que debemos respetar, necesitaremos que nos avisedes con antelación de que ides vir. Para iso, crearemos eventos no noso meetup”. Esta actividade está patrocinada pola Xunta de Galicia e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

06/09/202109:09
Alumno nun laboratorio.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

Aberto até o día 30 o prazo de inscrición para as Aulas Tecnópole e para STEAM Kids Tecnópole

O Parque Tecnolóxico de Galicia (a Tecnópole de San Cibrao das Viñas) ten aberto a través da súa páxina web, www.tecnopole.gal, o prazo de inscrición para as súas aulas tecnolóxico-científicas dirixidas á mocidade e máis para o programa STEAM Kids Tecnópole, os cursos de formación en habilidades científicas e innovadoras para estudantes de 8 a 18 anos. A matrícula poderá realizarse ata o 30 de setembro.

Segundo informa a dirección do parque, fíxose un esforzo especial este curso para “reinventar” tanto as Aulas Tecnópole como as actividades de STEAM Kids Tecnópole, aliñando estas actividades cos Obxectivos da Axenda 2030 das Nacións Unidas e, polo tanto, incorporando propostas para favorecer a dixitalización e a sustentabilidade. “Esta renovación de contidos está a ter moi boa aceptación entre os escolares, tal como se reflicte no avance das inscricións”, sinalou a Tecnópole. 

STEAM Kids Tecnópole para escolares de 8 a 11 anos

STEAM Kids Tecnópole busca ofrecer aos máis novos, por sétimo ano consecutivo, “unha aproximación innovadora ao mundo da ciencia e a tecnoloxía, a enxeñería, a arte e as matemáticas desde unha óptica artística e creativa”. Diríxese a escolares de entre 8 e 11 anos, cun límite de 25 asistentes.

O programa consta dun conxunto de actividades que xiran arredor de distintos eidos de coñecemento e que requiren do uso de todo tipo de habilidades, “tal como sucede na vida real”, explica a Tecnópole, engadindo que as e os participantes levarán a cabo pequenas investigacións, construirán robots programables, terán a oportunidade de voar drons, deseñarán instalacións artísticas de base tecnolóxica e superarán diversos retos interdisciplinares, entre outras experiencias. Ademais, están planificadas un gran número de actividades medioambientais, que irán desde a investigación nun pequeno horto ata a recollida de datos meteorolóxicos para a súa posterior análise. Estas sesións celebraranse os mércores de 18:10 a 19:40 horas durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. A cota mensual é de 50 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense. 

Aulas Tecnópole para rapaces de 12 a 18 anos

 As Aulas Tecnópole, que este ano alcanzan a súa duodécima edición, están pensadas para “espertar vocacións científicas e incentivar o espírito emprendedor entre o alumnado de 12 a 18 anos”. As prazas están limitadas a 40 asistentes. A cota mensual é de 15 €, que inclúe o transporte desde varios puntos da cidade de Ourense.

Os estudantes, procedentes de centros de toda a provincia de Ourense, trasládanse unha tarde por semana a Tecnópole, os xoves de 17:00 a 19:00 horas, durante os meses de outubro de 2021 a maio de 2022. Unha vez alí dispoñen das instalacións e recursos do Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos, axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de Secundaria e Bacharelato, reciben formación “sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa e a estrutura que debe ter a memoria escrita na que se recolla o proxecto”, explicou a Tecnópole, engadindo que “os seus ámbitos de traballo abranguen todas as áreas do coñecemento, desde as novas tecnoloxías e a informática ata as ciencias ou as humanidades”. Como principal novidade desta edición, o alumnado participará no concurso de deseño de microsatélites escolares CANSAT. Ademais, aumentaranse as propostas orientadas ao desenvolvemento de aplicacións móbiles con finalidades sociais. Así mesmo, incorporaranse actividades medioambientais e de monitoraxe do medio que permitan conectar os coñecementos tecnolóxicos coa posta en valor do medio ambiente e a importancia da sustentabilidade.

03/09/202108:09
STEM.
Santiago de Compostela

Feijóo avanza a Estratexia Educación Dixital 2030 que, cun investimento inicial de 120 M€, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas

  • Explica que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias
  • Sinala que esta estratexia busca non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Estratexia Educación Dixital 2030, que contará cun investimento de 120 millóns de euros para os primeiros tres anos de aplicación, permitirá acadar un ecosistema educativo de alto rendemento e a transformación nas aulas.

Trala súa aprobación en Consello, Feijóo incidiu en que esta iniciativa estará sustentada en dous piares básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento; e o perfeccionamento das competencias e capacidades necesarias para acadar unha verdadeira transformación dixital.

Deste xeito, os obxectivos xerais serán: que ninguén se quede atrás no proceso de dixitalización; unha maior presenza da educación dixital e contextos híbridos de aprendizaxe, que mesturan o dixital e o presencial; a progresiva dixitalización de todo o que rodea ao mundo educativo; atallar a fenda dixital e contribuír a loitar contra o reto demográfico e consolidar a poboación nas contornas rurais.

Para acadalo, o presidente da Xunta subliñou que a planificación definirá unha ducia de accións clave de impacto que abranguen todas as áreas académicas e que involucrarán a totalidade dos integrantes da comunidade educativa, incluíndo docentes, alumnos e familias.

Nesta liña, avanzou que a primeira das actuacións terá que ver coa creación, acondicionamento e dotación de polos creativos en todos os centros educativos públicos de Galicia. “Estamos a falar de espazos de solución de problemas reais, pensamento de deseño e habilidades, abordados dende unha perspectiva de competencia STEM -ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas-“, precisou Feijóo.

Así mesmo, os centros tamén deberán ter un plan dixital, para desenvolver de xeito planificado todas as medidas e aproveitar os recursos cos que contarán a partir de agora.

En relación á terceira acción, o presidente do Goberno galego explicou que esta pasará pola dotación de equipamento vinculado á Intelixencia Artificial, de STEM e robótica.

Outras das medidas serán a posta en marcha dunha plataforma de asistencia ao profesorado mediante a aplicación de Intelixencia Artificial, así como a creación dunha Aula Virtual Intelixente, que permitirá afondar na recomendación de actividades, tarefas e itinerarios personalizados.

Ademais de incidir na loita contra a desinformación, con accións formativas, informativas e de sensibilización contra as fake news, levaranse a cabo accións específicas para garantir a máxima calidade na inclusión educativa en contornos dixitais. E, no tocante á formación, desenvolverase un plan de acreditación de competencia dixital nos diferentes sectores da comunidade educativa e outro plan formativo en recursos dixitais especializados, con tecnoloxías de maior especificidade.

Por último, Feijóo aseverou que o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que xa está en marcha, estará en consonancia con esta estratexia.

“En definitiva, con esta estratexia buscaremos non só educar para a vida dixital, senón integrala na propia ensinanza”, concluíu o presidente da Xunta.

02/09/202109:09
Cartel da iniciativa.
Madrid

O programa 'Por Talento Dixital' da Fundación ONCE ofrece once novos cursos de formación

  • 'Por Talento Dixital' é un programa informativo que foi impulsado pola Fundación ONCE.

O Programa 'Por Talento Dixital', impulsado pola Fundación ONCE, mantén a oferta de once novos cursos de formación que empezarán a desenvolverse o próximo outono e para os que permanece aberto o prazo de inscrición.

Os cursos, que se impartirán de forma presencial ou virtual, inclúen áreas de coñecemento como desenvolvedor Frontend, programación Java, análise de datos con Python, Wordpress, transformación dixital para emprendedores, márketing dixital e SAP, entre outros.

Tres destas formacións desenvolveranse de forma presencial en Madrid. En concreto, trátase dos cursos de 'Asistente de comunicación, márketing dixital e desenvolvedor web', 'Desenvolvedor Full Stack Java' e 'Análise de datos con Python'. Estes cursos contan con bolsa de prácticas e de emprego para facilitar a incorporación dos alumnos ao mercado laboral.

Ademais, e en liña co apoio da Fundación ONCE a persoas con discapacidade que queren poñer en marcha o seu propio proxecto empresarial, deseñáronse os cursos de 'Wordpress para emprendedores con discapacidade' e 'Transformación dixital'. En ambos os casos, a formación impartirase na modalidade online.

O prazo de inscrición de todos os cursos conclúe a finais do mes de setembro, de maneira que empezarán a impartirse a principios de outubro.

Programa 'Por Talento Dixital'

A Fundación ONCE, consciente da importancia que ten o sector tecnolóxico e a formación dixital no mercado laboral, puxo en marcha o programa 'Por Talento Dixital', que se desenvolve en coordinación con Inserta Empleo, a súa entidade para a formación e o emprego.

Para a implementación deste programa, conta co apoio do Fondo Social Europeo, así como co financiamento do sector privado que mostra interese no fortalecemento e captación do talento das persoas con discapacidade.

Como parte do programa, a Fundación ONCE mantén aberta de forma permanente unha convocatoria de bolsas co fin de apoiar a incorporación a accións formativas no ámbito tecnolóxico e dixital das persoas con discapacidade e promover así a súa inclusión e impulso laboral en empregos técnicos especializados e altamente cualificados. pódese obter máis información na páxina do proxecto.

02/09/202108:09
Pantallazo da web Retorna Dixital.
Santiago de Compostela

Emigración achega ao talento galego no exterior un servizo de emprego no sector TIC

A galeguidade no exterior vai contar cun novo recurso do que botar man para atopar un posto de traballo no ámbito das novas tecnoloxías da información. Estamos a falar do portal Retorna Dixital, que a partir deste 2 de setembro dará servizo a quen resida fóra de Galicia e precise un emprego no dito sector. Tamén poderá ser usado polas empresas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) que necesiten persoal especializado neste ámbito. Quen precise tirar proveito deste novo espazo, pode acceder a el a través do portal GaliciaAberta da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta ferramenta, segundo informa Emigración, pretende atender as necesidades de profesionais das empresas galegas do sector TIC co talento das persoas de Galicia do exterior que retornaron ou están pensando en retornar e que atoparán nesta iniciativa unha oportunidade para comezar unha carreira profesional na súa terra de orixe.

O portal ten como obxectivo “o de atraer talento dixital cara a nosa terra, co fin de contribuír a pechar a fenda entre a dispoñibilidade de habilidades e a demanda do sector tecnolóxico galego”. Con esta finalidade, xunta “nun único espazo” a oferta de emprego neste eido así como información sobre as empresas TIC, que estará a disposición de calquera persoa de Galicia retornada ou residente no exterior con interese en retornar. Ao respecto das orixes deste servizo, Emigración lembra que entre 2015 e 2020, o emprego no ámbito das novas ferramentas dixitais en Galicia medrou un 23,3 por cento e, “de seguir a evolución actual”, creará máis de 4.500 novos postos de traballo nos próximos cinco anos, segundo os datos do informe Talento Dixital: Estudo da traxectoria profesional dos perfís STEM de Galicia elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA, dependente da axencia autonómica AMTEGA). No estudo engádese que “tres de cada catro empresas tecnolóxicas galegas indican que é difícil ou moi difícil cubrir os postos que requiren este tipo de titulacións”.

Na actualidade, o portal de Galicia Retorna Dixital, ao que se pode acceder no enlace conta xa con 21 ofertas de emprego, así como con 13 empresas adheridas e 40 na base de datos. Para participar, as empresas poden facilitar os seus datos na sección Adhesións e logo deberán aportar a información que se lle solicitará sobre traxectoria, organización, servizos, ofertas de emprego, etc.

Pode participar no programa calquera empresa do sector TIC con sede en Galicia, que se comprometerá a manter os seus datos actualizados para manter o directorio ao día. Ademais, as empresas adheridas comunicarán os cambios relativos ás súas ofertas de emprego para ofrecer unha imaxe real dos súas necesidades de perfís dixitais en cada momento. A iniciativa forma parte do programa Galicia Retorna, da Secretaría Xeral de Emigración, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica.

02/09/202108:09
Un home en cadeira de rodas traballa no seu computador con máscara e luvas.
Madrid

A tecnoloxía accesible, un dereito para persoas con discapacidade e maiores

A importancia da tecnoloxía accesible é cada vez maior para as persoas con discapacidade e moitas persoas maiores, por iso o Ceapat defende que se trata dun dereito para impulsar a autonomía persoal e a inclusión de todas as persoas nunha sociedade cada vez máis dixitalizada.

Con esta idea, o Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ceapat) organizou unha serie de seminarios centrados na accesibilidade e a súa configuración como un dereito para todas as persoas.

'Accesibilidade por dereito' é o título destes seminarios que terán lugar a través de Internet do 4 ao 8 de outubro e no que, ademais do Ceapat, tamén participan a Organización Iberoamericana da Seguridade Social (OISS) e a Rede de Centros Iberoamericanos de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas (Ciapat).

O obxectivo deste encontro é o de ofrecer un espazo de información e debate sobre a promoción da autonomía persoal, a accesibilidade, a tecnoloxía e os servizos públicos para todas as persoas.

Esta primeira edición dos seminarios web 'Accesibilidade por dereito' estarán marcados tamén polos retos derivados do contexto actual de pandemia, profundando na importancia da tecnoloxía e a accesibilidade no cambio de modelo de coidados, a desinstitucionalización das persoas maiores e das persoas con discapacidade, a atención centrada na persoa e a igualdade de xénero.

As persoas interesadas en asistir a este congreso poderán facelo a través de Zoom, para o que é necesario inscribirse previamente, ou en aberto a través de Youtube.

01/09/202112:09
Cartel da iniciativa.
Lousame

O Concello de Lousame organiza dous obradoiros gratuítos de robótica e imprenta dirixidos a menores de 12 anos

O Concello de Lousame organiza dous obradoiros gratuítos de robótica e imprenta dirixidos a nenos e nenas menores de 12 anos. Ambas iniciativas contan coa colaboración do programa Ler Conta Moito e desenvolveranse na Casa da Cultura de Lousame os venres 3 e 10 de setembro, ás 18:00 horas. As inscricións poden realizarse de balde a través da plataforma bandoticket.com (o de robótica e tamén o de imprenta).

 O Obradoiro de Robótica está dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos de idade está previsto para o venres 3 de setembro. “Durante dúas horas, as persoas participantes descubrirán os principios da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñería e das matemáticas, participando unha divertida experiencia de aprendizaxe”, explica a concelleira de Cultura e Mocidade, Silvia Agrafojo.

O venres 10 de setembro será a quenda do Obradoiro de Imprenta, dirixido a crianzas de 9 a 12 anos e cunha duración de dúas horas. “Neste obradoiro, a rapazada coñecerá as técnicas artesanais de impresión coas que se facían os libros e aprenderán a utilizar as tipografías de madeira, as prensas de impresión, as tintas, os papeis... para poder deseñar e imprimir os seus propios carteis, postais ou marcapáxinas, que despois poderán levar para casa”, apunta a concelleira lousamiá.

01/09/202108:09
Presentación da iniciativa.
Ames

En Ames a veciñanza do rural poderá capacitarse dixitalmente cunha serie de obradoiros

O Concello de Ames está en pé de loita contra a fenda dixital, agravada pola pandemia e moi presente, por desgraza, nos ámbitos non urbanos do noso territorio. Con este motivo, a Concellería de Cultura habilitou unha serie de cursos para achegar coñecementos sobre novas tecnoloxías ás parroquias de Ames. A veciñanza interesada xa pode formalizar a inscrición. Os obradoiros terán unha duración de 25 horas prácticas, repartidas durante 3 meses en dúas horas á semana. Ofértanse 10 prazas en cada un deles.

O obxectivo principal deste programa é “familiarizar aos veciños/as co uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC, ensinándolles a incorporalas a distintos aspectos da vida diaria, de xeito seguro e axeitado”, informaron as responsables de Cultura, engadindo que con este programa “darase resposta a unha das demandas dos Orzamentos Participativos do ano 2020”. Nas primeiras sesións impartiranse nocións básicas de iniciación á informática, o sistema operativo, o uso do teclado, a elaboración de documentos sinxelos ou o tratamento da imaxe. Nas seguintes xornadas aprenderase sobre a navegación por Internet, o uso de distintos navegadores, o emprego dos buscadores, o correo electrónico, as redes sociais, o almacenamento na nube, a realización de distintos trámites a través da rede, aspectos de seguridade a ter en conta, etc. Ademais, o curso, a pesar de que se desenvolverá co uso de equipos informáticos, inclúe explicacións para aprender a quitarlle o máximo partido aos dispositivos móbiles.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS