main content

main content
31/08/202108:08
Mans chocando puños.
A Coruña

A Cámara da Coruña abre o prazo para participar en ducias de cursos TIC para xente nova e maiores de 45

Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de solicitudes para participar nos preto de 100 cursos de formación que deseñou para complementar a formación de xente nova, por unha banda, e de persoas maiores de 45 anos, pola outra, ao longo do segundo semestre de 2021.

En primeiro lugar, a entidade programou máis de oitenta cursos de balde, impartidos nas modalidades en liña e presencial, dirixidos a mozas e mozos inscritos no programa de Garantía Xuvenil e no programa PICE de Garantía Xuvenil da Cámara. Na vertente online destacan os cursos para mellorar competencias dixitais, sobre seguridade e medio ambiente, comercio e mercadotecnia, administración e xestión, electricidade e electrónica ou formación ocupacional, entre outros.
A programación presencial inclúe, pola súa banda, cursos de creación de páxinas web, de cociña, de community management, de soldadura, de Excel para pequenas e medianas empresas, sobre o mercado da moda ou relacionados co traballo en almacéns e manexo de carretilla elevadora, entre unha variada oferta.

Todas as actividades inclúen formación orientada á procura de emprego, como participar en procesos de selección, mellorar as habilidades persoais, sociais, a utilización de Internet, etc., e algúns deles contan con prácticas en empresas.

Programa 45+

O programa 45+ que a Cámara ofrece de balde a persoas de entre 45 e 60 anos interesadas en reinserirse no mercado laboral, inclúe formación e asesoramento para mellorar a súa empregabilidade. Trátase dun servizo de acompañamento activo para axudar a identificar oportunidades laborais a este colectivo. Porase o foco na mellora de competencias dixitais, mediante accións formativas adaptadas ás necesidades de cada participante. A programación dos cursos inclúe ofimática básica e avanzada, transformación dixital, ferramentas colaborativas de Microsoft Office 365 e Google, mercadotecnia ligada ás redes sociais, deseño e programación de páxinas web ou formación de formadores en e-learning, entre outros temas. O itinerario culminará cun grupo de actuacións que, partindo das motivacións e competencias reais do alumnado, fará fincapé en achegar aos participantes ao mundo laboral.

26/08/202108:08
Man usando un rato diante dunha pantalla.
Marín

Marín activa un programa para rachar coa fenda dixital entre as mulleres vulnerables

Concello de Marín, a través do CIM (Centro de Información á Muller), puxo en marcha este verán un espazo de acompañamento sociolaboral centrado en loitar contra a fenda dixital, agravada co inicio da pandemia. Baixo o lema Construíndo camiños, trátase dun recurso de atención, orientación e acompañamento para a mellora da situación persoal, social e laboral das mulleres vítimas da violencia de xénero e aquelas en situación de vulnerabilidade.

Segundo explican desde o Centro de Información á Muller, a iniciativa estructúrase en dúas accións: un módulo básico de sensibilización en igualdade de 12 horas de duración, en soporte virtual, e a posta en marcha deste recurso de atención sociolaboral para mulleres con necesidades específicas no ámbito social e laboral, que lles permitirá mellorar as súas competencias en cuestións administrativas que cada vez se articulan máis con sistemas dixitais: solicitude de citas sanitarias, obtención da vida laboral, selado da tarxeta do paro de forma dixital, formularios en liña para o acceso a un posto de traballo, usos e obtención do DNI electrónico… 

Este recurso estará dispoñible dous días á semana, mércores e xoves, en horario de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións da casa principal da Finca de Briz. “Estas accións garanten unha atención integral de carácter global ás mulleres con dificultades nestes ámbitos, en todas as esferas das súas vidas, axudando á construción dun novo camiño”, explican desde o CIM. Os obxectivos que se perseguen con esta iniciativa son os de “proporcionar autonomía persoal, social e laboral ás mulleres en situación de vulnerabilidade, fomentando o seu e contribuíndo á diminución da brecha dixital, que moitas veces dificulta o acceso ao mercado laboral e a recursos básicos que teñen que ver coa Administración”. 

O programa estará en marcha a partir do 1 de setembro pero todas aquelas mulleres que teñan interese poden poñerse en contacto co CIM, emprazado en Briz, ou por teléfono, nos números 986 891 802 e 671 497 112.

20/08/202108:08
Cartel da iniciativa.
Santa Comba

Os obradoiros Girl STEAM chegan a Santa Comba e Ortigueira

O programa itinerante de obradoiros STEAM, derrubando estereotipos, impulsado por AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e a axencia autonómica AMTEGA, segue este mes de agosto o seu periplo de divulgación tecnolóxica para a rapazada.

En concreto, chega estes días a Santa Comba e a Ortigueira, entre outros concellos. No primeiro caso, as citas celébranse en Santa Comba (o 27 de agosto, logo da primeira cita do 17 de agosto). No caso de Ortigueira, as sesións desenvolveranse os días 26 e 27, en horario de mañá (a primeira quenda de 10 a 11.30 horas e a segunda de 12 a 13.30 horas).

O obxectivo do Programa Girl STEAM é “promover a creación de referentes, visibilizar roles e motivar as vocacións tecnolóxicas temperás dirixidas á rapazada”. Búscase tamén espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas) a través de obradoiros formativos prácticos.

19/08/202108:08
Persoa usando un portátil.
Santiago de Compostela

A AMTEGA e o IESIDE achegan en outubro formación transformadora integral para as nosas pemes

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o IESIDE van organizar en outono a quinta edición do Programa de Inmersión Tecnolóxica para Pemes (Programa AceleratTech 2021), unha iniciativa de difusión, sensibilización e formación orientado a que as pequenas e medianas empresas da nosa terra e o seu persoal directivo coñezan algunhas das novas tecnoloxías máis relevantes, así como os beneficios e os condicionantes necesarios para a súa translación á estratexia, estrutura e modelos de negocio.

Levarase a cabo no Centro GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia. Dará comezo o 26 de outubro e estenderase até o 30 de novembro. A data de remate de inscrición está fixada para o 30 de setembro. Os destinatarios son basicamente xerentes, propietarios de empresas e directivos de pemes, amais de persoas con capacidade de decisión nas súas empresas que poidan impulsar e liderar nas mesmas unha transformación tecnolóxica real. O horario será de 16:30h a 20:30h agás a sesión do día 11 que será o día completo. Achéganse un total de 25 prazas.

18/08/202108:08
Persoa usando un ordenador.
Boiro

En Boiro a cidadanía poderá iniciarse en setembro no uso das ferramentas informáticas básicas

aula CeMIT do Concello de Boiro abre o prazo de inscrición para os cursos de formación do mes de setembro que se van a realizar de xeito presencial na aula CeMIT do Centro Social. A oferta formativa deste espazo local de alfabetización tecnolóxica contempla tres cursos para a iniciación e o manexo de ferramentas dixitais.

O primeiro dos cursos é de Inicio a Informática Nivel Básico, que se vai impartir do 13 ao 17 de setembro entre as 10.00 e as 12.00 horas. Do 20 ao 23 de setembro vaise impartir a formación de Inicio a Internet, tamén en horario de 10.00 a 12.00 horas. Do 27 ao 30 de setembro, de 10.00 a 12.00 horas, Manexo do correo electrónico.

Máis información e inscricións aos cursos a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org, o teléfono 981 84 26 35 ou vía Whatsapp no 629 769 635.

18/08/202108:08
Persoa usando un portátil.
Santiago de Compostela

Todo o que precisamos para sermos voluntarios dixitais, nun curso con data de inicio en setembro

Voluntariado Galego (Consellería de Política Social) achega á volta do verán unha actividade formativa para dotarnos de recursos solidarios cos que loitar contra a fenda dixital, un problema que se agravou coa pandemia ao non vir parella unha maior necesidade de estudar, traballar e facer trámites en liña con máis e mellores coñecementos que permitisen á poboación en risco desenvolver plenamente estas tarefas.

Curso de formación en voluntariado dixital e tecnolóxico, convocado en colaboración con FADEMGA, levarase a cabo entre o 15 de setembro e o 15 de outubro. Inclúe catro módulos: introdución, ofertas de voluntariado dixital, plataformas e recursos e, por último, análise de exemplos e casos prácticos. Serán 25 horas de formación en modalidade en liña, a desenvolver na plataforma de formación Recursos Galicia.

Trátase dunha actividade formativa de balde, subvencionada pola Xunta. Achéganse un total de 25 de prazas. Os destinatarios en potencial son persoas responsables de voluntariado e persoas voluntarias en entidades sociais. O prazo de inscrición remata o 6 de setembro. A admisión comunicarase vía e-mail o 8 de setembro.

17/08/202109:08
Man usando un rato diante dunha pantalla.
Porto do Son

En Porto do Son a poboación desempregada poderá formarse en competencias TIC

A rede CeMIT vai organizar en Porto do Son, na aula de informática da Casa da Cultura de Porto do Son un obradoiro tecnolóxico para mellorar a formación das persoas que estean á procura dun posto laboral. O taller Competencias dixitais para desempregad@s vaise desenvolver a partir do 19 de agosto, os martes e xoves, en horario de 10.00 a 12.00 horas.

As persoas que requiran máis información sobre a actividade poderán recadala na área de Benestar Social do Concello, a través do teléfono 981 867 414. Trátase dunha actividade de balde que introducirá aos participantes no uso de computadores e de Internet e de como tirar proveito da Rede para atopar formación e emprego.

17/08/202109:08
Cartel da iniciativa.
Bergantiños

A Asociación Visibles formará en competencias dixitais básicas ás mulleres de Malpica e Ponteceso

A Asociación Visibles, con sede en Buño (Malpica), deu un novo impulso á súa liña de traballo máis envorcada no plano tecnolóxico, achegando competencias dixitais para favorecer as opcións de emprego das mulleres do ámbito rural, amais da súa autoconfianza e a súa motivación. Froito deste compromiso contra a fenda dixital, a asociación impulsou dúas accións formativas a celebrar en Malpica (no Centro Cívico, do 30 de outubro ao 30 de novembro) e Ponteceso (no Edificio Melga, do 30 de outubro ao 30 de novembro).

Trátase do curso Aprendizaxes básicas dixitais e transversais, argallado en colaboración coa Concellería de Política Social e co Fondo Social Europeo. A programación divídese en obradoiros presenciais grupais e titorías individuais en materia de competencias dixitais e transversais, emprendemento e orientación laboral e adestramento motivacional e psicolóxico. A actividade formativa vai dirixida a mulleres en procura de emprego ou a todas aquelas, que aínda estando en activo, queiran mellorar o seu perfil profesional a través do desenvolvemento de habilidades dixitais e transversais (sociais, laborais e emocionais). Non se precisan coñecementos previos nin é mandatorio residir no concello no que se imparte a formación. Para máis datos cómpre chamar ao 687 99 66 33 ou enviar un correo a info@asociacionvisibles.com (prazas moi limitadas).

17/08/202109:08
Olga López.
Lugo

O Concello de Lugo e ACADAR achegarán formación TIC para as mulleres en risco

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Benestar que dirixe Olga López, achegará nos meses de agosto e setembro catro obradoiros para favorecer a integración de mulleres con diversidades funcionais ou motrices. As actividades, que veñen da man da organización ACADAR (e contan coa colaboración de Benestar de Lugo), englóbanse baixo o epígrafe Emprego e saúde a través do empoderamentoUn dos seus piares básicos serán as novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación como ferramentas para lograr unha vida máis plena, avanzar en integración e, por suposto, en empregabilidade.

Realizaranse catro obradoiros nos que se traballará a sexualidade feminina, o manexo das TIC (Tecnoloxía da Información e Comunicación), as habilidades de comunicación e a autoestima e autoconcepto. Os obradoiros serán de 10.00h a 13.00h, os días 23, 25 e 30 de agosto e no mes de setembro, no mesmo horario os días 1, 6, 8, 13 e 15, en dúas quendas, os luns e mércores. 

ACADAR foi constituída no 2009 por un grupo de mulleres con inquietudes e desexos comúns de alcanzar a igualdade efectiva de oportunidades das mulleres con discapacidade de Galicia. É unha entidade que carece expresamente de ánimo de lucro e que promove, coordina e reivindica a defensa dos dereitos das mulleres con discapacidade cara a súa plena integración e participación en tódolos ámbitos da sociedade.

17/08/202109:08
Cartel da iniciativa.
Abegondo

Abegondo prepara as persoas desempregadas na nova comunicación empresarial

Concello de Abegondo, a través da súa aula CeMIT, vai ofrecer unha actividade de formación gratuíta sobre información, ventas e atención ao cliente. Celebrarase na recta final do verán, os días 6, 7, 8 e 9 de setembro.

O obradoiro, especialmente destinado para persoas maiores de 30 anos e desempregadas, desenvolverase en colaboración coa asociación de acción social Red Araña. O horario será de 15.00 a 19.00 horas. Serán 20 horas de actividade formativa. O curso insírese na estratexia do Concello por favorecer a transformación profesional e a empregabilidade entre a veciñanza.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS