main content

main content
06/07/202117:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Dez consellos para aparecer antes en Google

Tras coñecer como funciona o posicionamento SEO nos buscadores, quédanos por diante aplicar as cuestións elementais que van situar a nosa páxina no mellor lugar posible cando alguén realice unha procura.

Nesta sesión veremos 10 accións básicas que nos poden axudar a gañar postos nos resultados de Google.

05/07/202117:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Que redes sociais existen e en cal deberías estar?

Cada día xorden novas aplicacións que nos facilitan dun modo ou outro conectar socialmente a través de internet con outras persoas. Cada unha destas ferramentas ten as súas particularidades e está deseñada pensando en lograr conectar dunha maneira concreta, polo que moitas veces é complicado saber onde debemos dirixir a nosa estratexia en redes sociais. Nesta sesión trataremos de mostrar cales son as redes sociais máis populares e como podemos aproveitalas para comunicarnos co noso público.

Contidos:

  • Que son as redes sociais
  • Redes de compartir contido: Facebook, Instagram, Youtube
  • Redes de comunicación: WhatsApp, Telegram
  • Redes de actualidade: Twitter, LinkedIn
05/07/202112:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Online

Internet das cousas (IoT) no sector gandeiro: oportunidades e desenvolvemento

Internet cambiou por completo a nosa forma de vivir en case todos os ámbitos e o terreo rural non foi unha excepción. No sector gandeiro a tecnoloxía axudou a mellorar e simplificar procesos que antes requirían unha atención física case constante e do persoal de granxa e agora pódense controlar desde calquera parte. Nesta sesión coñeceremos algunhas desas novidades e a proxección que ten a Internet das Cousas no futuro da gandería.

Contidos:

  • Novas tecnoloxías aplicadas á gandería: manutención de animais, coidado e detección de anomalías
  • Chips de xeolocalización de gando
  • Robots para controlar o gando ou drons para controlar ás ovellas
  • Vehículos automatizados para as granxas
02/07/202108:07
Alumno na aula CeMIT de Poio.
Poio

A aula CeMIT de Poio recupera o pulso presencial con cursos sobre TIC, trámites online e creación de webs

As aulas CeMIT dos nosos concellos recuperan o pulso logo das restricións da pasada tempada, que obrigaron a trasladar as actividades ao ámbito virtual. É o caso da aula de Poio, situada na antiga Escola do Campo de Combarro, cuxas instalacións estiveron pechadas durante o primeiro trimestre (aínda que ofrecéndose titorías e formacións vía online) pero que agora recolle o fío das clases in situ, e faino cun programa que inclúe cursos de iniciación ás novas tecnoloxías e de trámites en liña (os máis demandados) aos que suman obradoiros sobre creación de páxinas web e blogs.

Con respecto á programación do mes de xullo, a aula presenta varias novidades. Unha das principais será o Curso de Talento Emprendedor, que terá lugar o día 12, entre as 9.00 e as 14.00 horas. Trátase dunha iniciativa que se desenvolve, ao igual que en edicións anteriores, en colaboración coa Rede Araña. A formación servirá “para achegar asesoramento ás persoas inscritas sobre como desenvolver un plan de empresa e impulsar un negocio”. Ademais, a Concellería de Mocidade levará a cabo parte da súa programación de verán nas dependencias de Combarro, ofrecendo dous cursos para mozos e mozas, sobre xestión de trámites online e uso das redes sociais. 

A maiores, a aula CeMIT brindará varias das formacións que adoita a levar a cabo ao longo de todo o ano. A programación do mes de xullo abrirase o día 5, con clases de nivel medio sobre procesador de textos, que rematará o día 9. Entre o 19 e o 21 ofreceranse ferramentas de creación de documentos e o día 22 unha formación sobre a realización de compras de xeito seguro por Internet. Todos os obradoiros desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.30 e as 12.00 (ou 12.30 nalgún caso). As clases realízanse seguindo todas as medidas de seguridade que marcan as autoridades sanitarias en cuestións como aforo, distanciamento e hixiene. 

Por último, os responsables da aula e do Concello lembran que tamén existe un horario de Aula Aberta, no cal os ordenadores están a disposición da cidadanía, se ben será preciso solicitar cita previa. O espazo tamén pode ser reservado previamente por asociacións e colectivos locais. O horario durante o mes de xullo será de 9.30 a 10.30 e de 12.00 a 14.00 horas.

01/07/202113:07
Mozas nun laboratorio.
A Coruña

O alumnado participante no Campamento Mática mergúllase nas tecnoloxías da man da FIC e do CITIC

Ao abeiro das actividades do Campamento Tecnolóxico Mática, impulsado pola axencia AMTEGA e o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia) en colaboración coas tres universidades galegas, estes últimos días de xuño as e os participantes no mesmo participaron en diversos obradoiros e charlas na Facultade de Informática da UDC (os días 28, 29 e 30), coordinados polas investigadoras do CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) Susana Ladra e Aida Vidal, responsables da iniciativa na UDC. O campamento vai destinado a fomentar as vocacións tecnolóxicas das nosas rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos.

Amais, as e os participantes no Campus da UDC visitaron o CITIC en dous grupos o mércores 30 de xuño para coñecer o centro e as súas capacidades, así como diferentes proxectos de investigación, da man do responsable da área de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro.
A visita comezou cunha presentación do CITIC na sala Cloud. Posteriormente, coñeceron o Centro de Proceso de Datos (CPD) e o Demostrador Tecnolóxico, onde lles foron mostrados diferentes proxectos de investigación desenvolvidos desde o CITIC. Tamén tiveron a oportunidade de probar as lentes de Realidade Virtual con escenarios virtuais que se están a realizar no centro.

A iniciativa Mática ten o obxectivo de crear unha rede entre mozas con interese no TIC como creadoras e desenvolvedoras de tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, achegando información que lles permita decidir a súa futura carreira profesional.
Ademais, estas actividades proporcionan coñecemento de mulleres no sector TIC, xa que todas as accións están coordinadas por profesoras e investigadoras das universidades galegas.

01/07/202109:07
Robot de cartón ao carón dun teclado e un rato.
San Cibrao das Viñas (Ourense)

Campamentos científicos e tecnolóxicos de verán con STEAMbites

O Parque Tecnolóxico de Galicia e Atresmedia teñen en marcha a plataforma de aprendizaxe online STEAMbites, especializada en ciencia e tecnoloxía e enfocada principalmente a nenos e adolescentes. No marco desta iniciativa, este verán vanse celebrar varios campamentos científicos e tecnolóxicos para os máis pequenos, dirixidos a rapaces a partir de 8 anos de idade.

Baixo o nome “Mundos robóticos”, este campamento ten programadas tres quendas, do 28 de xuño ao 2 de xullo, do 12 ao 16 de xullo e do 26 ao 30 de xullo; en horario de 10:00 a 13:30 horas. Os asistentes terán a oportunidade de iniciarse na robótica, descubrindo os segredos que ocultan os robots.

Pola súa parte, no campamento “Somos científicos” aprenderán a experimentar como os científicos, a través dun proxecto novo cada día. Terá lugar do 5 ao 9 de xullo e do 19 ao 23 de xullo, no mesmo horario.

Aos participantes faráselles chegar aos seus domicilios os kits necesarios para poder levar cabo os proxectos propostos en cada campamento. Mediante os diferentes experimentos, os nenos poderán aprender, crear e, sobre todo, gozar.

Unha vez completado o curso, cada alumno recibirá un diploma certificativo emitido por Atresmedia Formación e o Parque Tecnolóxico de Galicia.

Máis información: http://steambit.es

30/06/202113:06
Cartel da iniciativa.
A Guarda

A Guarda ofrece cursos de verán sobre deseño dixital e sobre xestión segura de imaxes

A actividade formativo-tecnolóxica dos nosos concellos non decae neste inicio do verán, collendo impulso a enriquecedora confluencia entre dixitalización e vacacións. É o caso do programa estival da aula CeMIT da Guarda, que programa dúas novas actividades gratuítas en novas tecnoloxías para estas semanas: un curso de deseño dixital e outro sobre manter a salvo as imaxes. Os dous obradoiros son para maiores de idade.

O curso de Deseño dixital con Canva permitirá aos participantes coñecer esta ferramenta e os principios básicos do deseño para poder realizar carteis, imaxes para redes sociais ou postais, entre outras cousas.

Pola súa banda, o curso Non perdas as túas fotos! está dirixido sobre todo a aquelas persoas que se inician na informática e queren ter as súas fotos a salvo ou poder visualizalas en varios dispositivos.

Todas aquelas persoas que estean interesadas poden formalizar a súa inscrición na aula CeMIT da Guarda, no primeiro andar do Centro Cultural, chamando ao 986 61 18 50 ou no enderezo de correo electrónico cemit.aguarda@xunta.gal. Todos os cursos son de balde e con prazas e aforo limitado debido á pandemia.

30/06/202108:06
Candado.
León

INCIBE e ONTSI lanzan un observatorio conxunto de ciberseguridade

INCIBE e ONTSI (Red.es) lanzan este 29 de xuño o servizo ObservaCiber, un observatorio conxunto de ciberseguridade destinado a impulsar a divulgación da cultura da seguridade dixital entre os cidadáns e as empresas. Estréase cun estudo no que analiza os hábitos dos españois en Internet e as medidas de protección que adoptan ante os riscos máis comúns.

O observatorio é, nas súas palabras, unha suma das experiencias das dúas entidades en materia de protección tecnolóxica e na realización de produtos de coñecemento sobre transformación dixital. Esta iniciativa nace ademais para unificar e promover baixo un observatorio común, cunha marca unificada, os estudos de ciberseguridade desenvolvidos por ONTSI e INCIBE. Conta co apoio e a participación do Centro Criptológico Nacional (CCN), o Departamento de Seguridade Nacional (DSN), a Oficina de Coordinación de Ciberseguridad (OCC) e o Mando Conxunto do Ciberespazo (MCCE). Como dixemos, estréase co Estudo sobre percepción e nivel de confianza en España. Como se protexe a cidadanía ante os ciberriscos, correspondente ao segundo semestre de 2020. Esta investigación analiza a adopción de medidas de seguridade e avalía as incidencias de situacións que poden constituír riscos, así como o grao de confianza dos fogares españois no uso da tecnoloxía. Segundo os datos recolleitos a través das enquisas a usuarios, en canto a servizos usados en Internet, aumenta unha vez máis o uso da mensaxería instantánea e os chats (71,7%); así como servizos de pagos a través de Internet (58,4%), o acceso aos contidos dixitais de pago (43,4%) ou os trámites a través da Administración Pública Electrónica (42,5%).

Entre outras informacións destacadas, fai saber que o 41,5% dos enquisados cre innecesario cifrar documentos ou datos (“un dato preocupante tendo en conta que se trata dunha medida preventiva para evitar o acceso non autorizado”, engádese), e que se aprecia unha maior tendencia por parte das mulleres a desconfiar das medidas de seguridade das que dispoñen no computador persoal, como no caso do uso de certificados dixitais, onde un 13% declaran non fiarse delas, fronte ao 8,4% declarado polos homes. Ademais, o 65,7% das mulleres realizan con maior frecuencia copias de seguridade dos seus arquivos, fotos ou documentos dos seus terminais móbiles, 2,9 puntos máis que os homes, e utilizan máis o pin ou patrón de seguridade para desbloquear os seus dispositivos.

29/06/202110:06
Participantes no campamento.
Ourense

Un campamento para que elas deixen de ser só o 12% do alumnado de Enxeñaría Informática

  • 25 rapazas asisten no campus a unha actividade do proxecto Mática
  • Do 28 ao 30 de xuño participan en talleres, charlas e visitas

Menos dun 20% do alumnado de informática son mulleres. Concretamente, na Universidade de Vigo, as mulleres só constitúen un 12% do alumnado que este curso se matriculou no seu Grao de Enxeñaría Informática. Co obxectivo de contribuír a contrarrestar esta fenda de xénero á hora de elixir carreiras TIC, do 28 ao 30 de xuño a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acolle un campamento tecnolóxico para rapazas. A iniciativa ten lugar nas tres universidades galegas no marco do proxecto Mática, do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Amtega.

Cambiar o mundo desde o tecnolóxico

Na inauguración telemática do campamento nos tres campus galegos onde se celebra, Fernando Suárez, decano do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, fixo fincapé na importancia de que as rapazas sexan “conscientes do impacto que ten a tecnoloxía na sociedade e na vida das persoas” e de que coñezan o papel de mulleres destacadas na historia da informática co obxectivo de rachar esa falta de mulleres nos estudos TIC. “Necesitamos talento feminino, rapazas coma vós, para construír un futuro mellor, máis equilibrado, máis xusto”, díxolle ás asistentes na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, na Facultade de Informática da Coruña e na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, Mar Pereira, directora de Amtega, amosou nesta inauguración o seu desexo de que “o talento feminino empece a despuntar e a ter cada vez máis interese na tecnoloxía”, afirmando como “este campamento pode contribuír a crear esa rede de mulleres tecnólogas en Galicia desde os seus comezos, desde que as rapazas teñen que decidir os seus estudos”. A responsable institucional recalcou como a tecnoloxía implica a todos os sectores e “nesta revolución tecnolóxica na que estamos loxicamente as mulleres temos que estar aí” pois, subliñou, “se nalgún sitio é bo estar para cambiar o mundo é este, o sector tecnolóxico”.

Tomando exemplo e creando comunidade

O campamento en Ourense, gratuíto, desenvólvese desde este luns e ata o xoves en horario de 9.30 a 14.30 horas nas instalacións da Escola Superior de Enxeñaría Informática, participando rapazas de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Formación Profesional de diferentes centros educativos da cidade. O programa de actividades inclúe talleres de carácter divulgativo e de iniciación á intelixencia artificial, programación móbil, robótica e pensamento computacional. Ademais terán lugar charlas sobre a profesión de enxeñería informática e algunha visita relacionada, concretamente ás empresas Redegal e Viewnext. As actividades están adaptadas á idade das participantes e impartidas profesoras do centro, por profesionais do sector e tamén por alumnas do Grao de Enxeñaría Informática, co obxectivo de que as rapazas “vexan como si hai mulleres estudando ou traballando neste sector e poidan ter referentes concretos e reais que as inspiren”, tal e como sinala Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática.

Destacando a boa acollida que tivo a iniciativa, Francisco Javier Rodríguez indica que “a nosa idea con estes campamentos é facer comunidade, que as rapazas vexan que hai máis rapazas interesadas, que poidan colaborar entre elas e que vexan referentes femininos”. Neste senso, o programa Mática ten o obxectivo de “crear unha rede entre todas as rapazas con intereses nas TIC” “creando lazos de amizade e colaboración” entre elas con accións coma estes campamentos. Entre as rapazas que este luns se achegaron a participar está Eva Barreiro, do IES Blanco Amor de Ourense, que se decidiu a apuntarse a esta iniciativa “para aprender cousas novas en tecnoloxía” xa que o seu desexo é estudar no futuro Enxeñaría Informática, pois “gústame moito, desde pequena gustoume, sobre todo a programación”. Esa preferencia apunta, mantívose no tempo a pesar de que “sempre se pensa que informática é unha carreira para homes, pois xeralmente cando vas a sitios de informática só ves a homes e xa o tes interiorizado”.

Para darlle exemplo do contrario están guiando o campamento no campus de Ourense Ana Rodríguez, Cristina Lavadores e Ana Abad, alumnas de diferentes cursos do Grao en Enxeñaría Informática. Elas participan na organización desta actividade “porque nos encantaría contribuír a achegar a informática ás rapazas, que vexan que isto non é só un mundo de homes senón tamén de mulleres, que saiban que elas son tan válidas coma eles para estudar esta carreira e que vexan que as mulleres tamén estamos aí”. Nos seus cursos, indican, hai arredor dun centenar de estudantes e deles só arredor de dez son rapazas e “esa cifra non debería ser así, hai que mudala, hai que darlle máis visibilidade ás mulleres neste sector”. O feito de que o ano pasado a matrícula no Grao de Enxeñaría Informática non superase o 12% de mulleres, engade Francisco Javier Rodríguez, esixe levar a cabo iniciativas coma este campamento. “O que máis nos preocupa é que esta cifra supón un decrecemento. Non é unha cuestión estrutural que veña de sempre. É un decrecemento global, en xeral, polo que temos que actuar”, afirma.

29/06/202108:06
Cartel da iniciativa.
Ames

A aula CeMIT de Ames móstranos como viaxar con Google Maps ou buscar emprego pola Rede

aula CeMIT do Concello de Ames programou novos cursos telemáticos para os meses de xuño e xullo, tanto para nenos e nenas como para adultos/as. Farao con horario novo no mes de xullo: estará aberta de 8.00 a 14.00 horas os luns, mércores e venres para que os interesados e interesadas poidan pasar a rexistrarte nas actividades, solicitar axuda ou outra clase de información e usar os ordenadores. Haberá actividades formativas sobre viaxes con Google Maps, como crear un currículo ou como buscar emprego por Internet.

O primeiro curso que se vai impartir está dirixido a un público adulto. Os días 28, 29 e 30 de xuño, de 17.30 a 18.30 horas, levaranse a cabo as sesións de Google Maps: planifica as túas viaxes en verán!. Trátase dun curso no que se aprenderá a sacarlle partido a unha das aplicacións máis útiles do móbil, mostrando como planificar rutas e obter toda clase de información sobre os sitios que queremos visitar. Ademais da versión móbil, tamén se verá como funciona a versión web.

O xoves día 1, o martes 6 e o xoves 8 de xuño, de 17.00 a 18.30, impartirase o curso Crea o teu CV!. Nestas clases, o alumnado aprenderá a realizar un bo currículo orientado á satisfacer as necesidades na busca de emprego, a crear un autoanálise para decidir que poñer no CV e a escribir unha carta de presentación. Na sesión final poderase poñer en práctica o aprendido coa titoría do profesor.

Tamén relacionada coa inserción laboral, a Aula CeMIT organizou o taller Busca de emprego a través de Internet. Desenvolverase o martes 13 e xoves 15 de xullo, de 17.00 a 18.30 horas. Trátase dun curso de introdución á busca de emprego na Rede no que se recibirá unha serie de consellos e trucos para a procura dun posto de traballo, así como unha chea de recursos para atopar ofertas de todo tipo: portais de emprego, boletíns, uso de redes sociais...

Cursos infantís

No mes de xullo haberá dous obradoiros online dirixidos a nenos e nenas. O primeiro en impartirse será o de mecanografía, o xoves 1 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas. Ensinarase esta ferramenta fundamental para que os estudantes poidan desenvolverse no mundo da informática, achegando, a través de Youtube, as bases da mecanografía e o funcionamento da plataforma Typing para que os rapaces e rapazas poidan practicar mecanografía dende a casa durante o verán.

Os martes e xoves, dende o 6 ata o 22 de xullo, de 10.30 a 12.00 horas, a rapazada poderá asistir ao curso de Scratch. Trátase dunha linguaxe de programación por bloques moi visual e adecuada para que os rapaces e rapazas comecen a usar a lóxica da informática na programación, dando pé a que logo se adentren na robótica educativa. Para inscribirse nalgunha das actividades será preciso que esteamos inscritos na rede CeMIT. Para máis información ou facer a reserva podes acceder á aula no primeiro andar da Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerte en contacto a través do número teléfono: 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS