A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, renovaron a cooperación entre ambas entidades a través da sinatura dun acordo para a posta en marcha de actividades para o fomento da sociedade dixital no ano 2021.
O convenio, enmarcado dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, recolle a realización de actividades para o fomento do talento dixital das persoas máis novas (Tech Kids), formación en Administración electrónica, Block Chain e Ciberseguridade así como a creación de espazos de networking entre profesionais TIC (Programa tres14.pm)
O programa Tech Kids ten como obxectivo identificar e desenvolver o talento dixital e fomentar o interese pola tecnoloxía e a ciencia entre a infancia e a mocidade galega. O programa Tech Kids estruturarase arredor de tres eixos: Encontros con profesionais TIC, Mática e Ciberseguranza-Kids.
A través dos encontros con profesionais TIC, nenas e nenos desde 6 a 18 anos poderán interactuar cun experto en temáticas relativas á elaboración de personaxes 3D, creación de videoxogos, robótica, intelixencia artificial, impresión 3D ou industria 4.0, entre outras.
A iniciativa Mática consiste na realización dun programa piloto de carácter específico para crear unha comunidade de mozos e mozas de 12 a 18 anos de distintas localidades, a través dun programa de xornadas online que proporcione: Ferramentas e contidos que lles permita ver a tecnoloxía e as súas aplicacións na sociedade, referentes de mulleres do sector TIC de distintos ámbitos (empresarial, administración pública, docente) así como información e coñecemento que lles permita decidir a súa futura carreira profesional.
A actuación Ciberseguranza-Kids desenvolverase a través de 12 xornadas de divulgación en modalidade on line mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividades de carácter dinámico e participativo. Esta actividade está dirixida a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, esta iniciativa comprenderá a publicación de vídeos específicos con contido en materia de ciberseguridade para a súa difusión permanente.
Estas tres actuacións tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.
O convenio contempla formación para o desenvolvemento das potencialidades dos traballadores dos sectores tecnolóxico e das Administracións así como formación específica dirixida aos axentes da Red CeMIT
No marco destas xornadas formativas, cabe salientar a formación en Block Chain, dirixida a un publico técnico e profesional.
Ademais, a formación en Ciberseguridade, enmarcada tamén no Plan de Inclusión Dixital de Galicia, permitirá crear novos recursos formativos e impartir cursos formativos sobre Ciberseguridade dirixidos aos axentes das aulas CeMIT.
Outra das novidades deste convenio céntrase na creación de espazos de debate, opinión, coñecemento e networking para profesionais do ámbito TIC, invitando a expertos/as en distintas materias para que realicen unha exposición sobre a materia e un coloquio posterior,
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para a comunidade de colexiados, profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego, en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.
Galicia disporá de un grupo de traballo dirixido ás empresas no marco do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, promovido pola Xunta de Galicia e do que forman parte as principais entidades públicas e privadas relacionadas coa seguridade nos ámbitos dixitais.
Este grupo de traballo comezará a súa actividade nas vindeiras semanas e programará accións ao longo deste ano.
A ciberseguridade nas empresas foi o argumento do foro rexional da Asociación Española para o Fomento da Seguridade da Información (ISMS), que se celebrou esta mañá en Vigo e que foi inaugurado cunha intervención da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pareira.
Durante a sesión, o director de Infraestruturas e Seguridade da Amtega, Adrián Lence, presentou o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación que conecta axentes públicos e privados, entre os que se atopan as principais entidades de referencia de España, como o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) ou o Centro Criptolóxico Nacional (CCN). Tamén forman parte do Nodo as catro deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincial (FEGAMP) e a Amtega, ademáis das entidades privadas que se están incorporando.
CIBER.gal dirixe a súa actividade á cidadanía, ás Administracións Públicas e ás empresas e está integrado no ecosistema galego de ciberseguridade, que se completa coa creación do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que se construirá na Cidade da Cultura, e cun catálogo de mecanismos e instrumentos ao servizo da seguridade nos ámbitos dixitais. O primeiro destes mecanismos é o Acordo Marco que permite a prestación de servizos neste ámbito á cidadanía, ás administracións e ás empresas. Ambas actuacións foron aprobadas en marzo polo Consello da Xunta.
As actuacións de reforzo promovidas pola Xunta de Galicia en materia de ciberseguridad polo aumento dos incidentes provocado pola pandemia implicarán a mobilización de máis de 12 millóns de euros ata 2023 que inclúen, ademáis do Centro e o Acordo Marco, a creación dunha oficina de apoio ao CIBER.gal.
Segundo os últimos datos dispoñibles, en 2019 rexistráronse en Galicia case 12.000 ciberincidentes, o que supuxo un aumento de casi un 40% con respecto ao ano anterior. En España, o Instituto Nacional de Ciberseguridade xestionou en 2020 máis de 130.000 incidencias, das que o 80% afectaron a cidadanía e empresas. No mundo, os ciberataques ás empresas creceron un 25% durante a pandemia, o que supuxo un custo global para as compañías de máis de 5 billóns de euros.
A Xunta de Galicia traballa dende 2015 en accións específicas para o fomento da ciberseguridade. Desenvolveu os plans directores de seguridade e creou o equipo galego de resposta ante emerxencias informáticas CSIRT.gal. Na actualidade elabora unha Estratexia Galega de Ciberseguridade, dacordo coa Estratexia Galicia Dixital 2030 e aliñada coa Estratexia Nacional de Ciberseguridade 2019. As actuacións do Goberno galego alíñanse tamén coa estratexia europea a través dos nodos tecnolóxicos desenvolvidos pola Amtega.
O sector público ten que liderar o cambio que implica a transformación dixital da sociedade a impulsala no resto dos sectores económicos, segundo destacou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira.
A directora da Amtega participou esta mañá na sesión correspondente a Galicia e Asturias da “Charla con Mar Vidal”, que organiza Vodafone Lab en toda España co obxectivo de impulsar a dixitalización das empresas.
Marc Vidal é un consultor e divulgador sobre a economía dixital que está considerado unha das persoas máis influentes nesta materia en España.
Durante a charla de hoxe, Mar Pereira sinalou que a tecnoloxía estivo á altura durante o periodo de pandemia pola Covid19 e lembrou que a sanidade xa era con anterioridade un dos ámbitos máis maduros tecnolóxicamente. Neste sentido, destacou o esforzo realizado tanto desde o sector público como por parte das compañías privadas.
Engadiu que as actuacións de continxencia que foron necesarias adoptar implicaron un pulo fundamental na transformación dixital, non soamente na sanidade, senón tamén noutros ámbitos como a Administración pública ou os sectores empresariais e de servizos.
Estes avances deberanse agora asentar e iniciar un camiño ascendente no que a directora da Amtega identificou dous retos fundamentais: por unha banda, simplificar e axilizar os procedementos dos fondos de recuperación e, pola outra, a existencia de perfís valentes e perseverantes nun sector público que ten que arriscarse a afrontar os cambios.
Abogou pola busca de mecanismos máis áxiles para a xestión deses fondos e un esquema de coordenación inter administrativa.
Para a directora da Amtega, os cambios que implica a transformación dixital deben adaptarse ás persoas, que teñen que sentirse seguras e acompañadas e que agardan que ese liderado das administracións se leve a cabo dun xeito coordinado, pese á complexidade que implica.
O marco no que se desenvolverá en Galicia este proceso está previsto na Estratexia Galicia Dixital 2030, que implicará a mobilización de 4.000 millóns de euros de procedencia pública e privada; así como na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, que mobilizará 330 millóns de euros.
O modelo de colaboración defendido dende a Xunta de Galicia plásmase, entre outras iniciativas, na creación dos nodos de ciberseguridade e 5G, dos que forman parte as administracións, os organismos de referencia nestas materias e as empresas privadas implicadas.
A xornada organizada por Vodafone Lab en torno á “Charla con Marc Vidal” incluíu unha mesa redonda na que se abordou o novo modelo de posto de traballo na sociedade dixital.
Neste debate participou a directora da Área de Administración Dixital da Amtega, María José García Sexto, que lembrou que a Xunta de Galicia desenvolve dende 2013 un modelo de teletraballo para o persoal público, dirixido inicalmente a perfís moi determinados. Explicou que a situación provocada pola pandemia mostrou que o funcionamento da administración pública seguiu con normalidade naqueles ámbitos no que o teletraballo estaba máis desenvolvido.
María José García Sexto lembrou que neste momento a Xunta ten en marcha o plan de posto de traballo avanzado para as persoas empregadas públicas que atende a todas as necesidades previstas e favorece un esquema híbrido de traballo presencial e teletraballo, evita duplicidades e garante un escenario de seguridade e comodidade.
Este plan, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia en abril, contempla actuacións por importe de máis de 20 millóns de euros. García Sexto indicou hoxe que os fondos Next Generation supuxeron unha oportunidade de ser más ambiciosos no alcance desta planificación.
Google Cloud e a Fundación ONCE acordaron unir as súas forzas para desenvolver proxectos conxuntos cuxo obxectivo sexa a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade, tendo como panca de cambio o impulso das tecnoloxías da información e comunicación.
Así, Google Cloud e a Fundación ONCE, ambas as dúas entidades asinaron un memorándum de entendemento no que expresan o seu desexo de colaborar de maneira que a Fundación ONCE poida usar os servizos de Google Cloud para desenvolver aplicacións que permitan a plena inclusión das persoas con discapacidade.
Os eixos de actuación da Fundación ONCE son a integración social, a través do emprego e a formación, así como a eliminación de barreiras e o fomento do deseño universal para todos. Neste sentido, ambas as dúas entidades consideran que a tecnoloxía debe servir para fomentar a inclusión e non como unha barreira de discriminación.
Para José Luis Martínez Donoso, director xeral da Fundación ONCE, 'cada un de nós achegaremos o mellor do noso coñecemento e experiencia. Desta maneira, teremos a certeza de que os proxectos que desenvolvamos conxuntamente terán un impacto real na vida das persoas con discapacidade. Sen lugar a dúbida, ir da man de Google Cloud suponnos unha gran responsabilidade e ofrécenos unha oportunidade'.
Pola súa banda, Isaac Hernández, Country Manager de Google Cloud afirma: ''estamos moi ilusionados de traballar coa Fundación ONCE e con este proxecto tan enriquecedor para axudar, mediante a tecnoloxía, a impulsar a inserción de persoas con discapacidade á vida laboral e que isto non lles supoña unha limitación para a procura de emprego''.
É necesario avanzar no modelo de colaboración entre administracións públicas e co sector privado defendido pola Xunta de Galicia na introducción da tecnoloxía 5G e noutros obxectivos como o do despregamento de redes, según manifestou hoxe a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira.
Mar Pereira participou está mañá na inauguración das xornadas “O poder transformador do 5G” nas que se está a informar sobre a evolución dos 12 casos de uso que desenvolve Telefónica en Galicia. A directora da Amtega agradeceu a esta empresa que elixira a Galicia como o escenario para a realización das primeiras experiencias piloto de 5G en España.
Este posicionamento de Galicia como rexión de referencia cara ao despregamento desta tecnoloxía foi posible grazas a aprobación a mediados de 2018 do Plan Galicia 5G como ferramenta estratéxica para impulsar as aplicacións da última xeración de telecomunicacións na industria e a sociedade e o despregamento das redes na nosa Comunidade autónoma. Neste sentido, Galicia acolleu a primera experiencia mundial de roaming en 5G e Vigo e A Coruña están entre as primeiras cidades de Europa en dispoñer desta tecnoloxía.
Mar Pereira subliñou que a planificación de Galicia está aliñada coas estratexia do Estado e da Unión Europea e enmarcada na Estratexia Galicia Dixital 2030, e na Estratexia Galega de Intelixencia Artificial, aprobada polo Consello da Xunta da pasada semana.
A directora da Amtega referiuse á importancia da tecnoloxía 5G para os entornos rurais e o papel clave que pode desenvolver para resolver dun xeito definitivo as limitación de cobertura con outras tecnoloxías de determinadas zonas, debido á dispersión da poboación. Neste sentido, a Xunta trasladou ao Goberno as prioridades de Galicia en materia de cobertura, entre as que se atopa a necesidade de priorizar para a dotación de 5G a aquelas zonas ás que aínda non puido chegar o 4G.
Na actualidade, Galicia acolle 30 experiencias piloto cos principales operadores de telefonía. Estes programas implican un investimento de máis de 22 millóns de euros.
12 destes pilotos están sendo liderados por Telefónica nunha Unión Temporal de Empresas (UTE); 13 pola UTE liderada por Orange e 5 pola de Vodafone. Os proxectos integran a máis de 27 entidades públicas e privadas entre participantes, axentes colaboradores e clientes.
Os proxectos desenvolvidos pola UTE liderada por Telefónica refírense a:
Os proxectos da UTE liderada por Orange son sobre:
Os proxectos da UTE liderada por Vodafone son sobre:
En Ribeira a formación tecnolóxica non ten programado descansar no verán, máis ben o contrario: a aula local CeMIT seguirá a ser un punto de capacitación TIC, de actividades dixitais de conciliación familiar (coa axenda de cursos para nenos) e de loita contra a fenda dixital (cos obradoiros para adultos nas parroquias).
O Concello de Ribeira presentou este 14 de xuño os seus tradicionais cursos TIC de balde para esta tempada estival, unha iniciativa que ademais de acoller accións formativas na aula CeMIT no barrio de Cubeliños para nenos e nenas incluirá tamén cursos para adultos nas parroquias.
A concelleira de Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, deu a coñecer esta programación, que, tocante á parte infantil comezará no mes de xullo coa celebración os luns, mércores e venres dun curso sobre mecanografía-write dirixida a nenos de 7 a 15 anos entre os días 7 e 30 de 10 a 11.30. De 12 a 13.30 haberá outro de informática básica para nenos de 7 a 10 anos.
En canto a agosto, tamén os luns, mércores e venres de 10 a 11.30 horas haberá un curso de programación coa ferramenta Scratch para nenos e nenas de 11 a 15 anos entre os días 2 e 27. E de 12 a 13.30 horas, tamén para a mesma franxa de idade, curso de ferramentas Google. Ademais, Ana Barreiro adiantou que o Concello volve a recuperar os cursos nas parroquias que “non puideron tiveron lugar nos pasados meses por culpa da pandemia” e, con tal motivo, prevese que os martes e xoves dos meses de xullo e agosto se celebren cursos de informática básica e Internet. Haberá dúas quendas en cada un dos meses, en horario de 9.30 a 11 e de 11.30 a 13 horas. As clases concretaranse segundo a demanda en cada unha das parroquias (mínimo 3 persoas apuntadas e máximo 6 por quenda). En todos os casos, as inscricións formalizaranse do 16 ao 25 de xuño na aula CeMIT de Ribeira ou vía web na páxina da aula.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Consellería de Cultura e Educación veñen de fallar a quinta convocatoria do Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos 2021, unha iniciativa formativa, creativa e lúdica para sensibilizar ás e aos menores na necesidade de facer un uso axeitado das ferramentas dixitais e de salvagardar a información propia e allea no seu día a día online. Participaron un total de 21 nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO de toda Galicia.
Os gañadores desta edición foron: Úrsula Pérez Ucha, de 5º de Primaria do CPI Plurilingüe José García, en Ourense, polo seu traballo A historia das filloas máis raras do mundo”, onde conta a historia da avoa María e as súas filloas, as mellores de Galicia, que comeza a promover en Instagram grazas aos consellos sobre protección de datos da súa neta Uxía, pero sofre un hackeo para roubarlle a súa receita secreta; e Inés Rey Torres, de 4º da ESO do CPI de Cova Terreña en Baiona, que resultou gañadora grazas ao traballo Trincheiras enredadas no que relata dúas historias para exemplificar como a falta de anonimato e protección de datos podería ter afectado ás persoas durante os anos da Primeira Guerra Mundial e a Revolución Rusa.
A privacidade das persoas na Rede mantenas seguras. Non debemos permitir que o desexo de información, likes e followers, desemboque na falta de empatía e respecto pola integridade, a intimidade, a dor e o sufrimento das persoas. A favor da privacidade na rede, guerra sen cuartel”, indica Inés Rey no seu escrito gañador.
As dúas gañadoras recibirán unha tableta, ademais dun kit de robótica para a súa aula. Tamén o CPI de Cova Terreña de Baiona recibe o recoñecemento especial do certame ao ser o centro que máis traballos presentou, un total de oito propostas. Este concurso ten por obxecto “que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade, promovendo o coñecemento de cales son os dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
En ocasións a tecnoloxía desenvolvida para mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade e persoas maiores ten un problema: o seu prezo. As solucións personalizadas non poden beneficiarse de moitas das vantaxes da produción en cadea e iso conleva un aumento do custo.
Con todo, a aparición doutras tecnoloxías como a impresión 3D están chamadas a facilitar o acceso a estes produtos de apoio, logrando solucións adaptadas ás necesidades de cada persoa a un prezo reducido.
Con este obxectivo en mente, o Esaac organizou unha nova edición do seu concurso de produtos de apoio de baixo custo, no que buscan e premian aquelas innovacións dirixidas a mellorar a calidade de vida de persoas con discapacidade desenvolvidas cun custo reducido.
Tras o parón provocado pola pandemia, o Esaac retoma este proxecto en 2021 da man de Cedetiuc en Chile, Unitec en Arxentina e Teias en Brasil.
Esta será a décimo terceira edición deste concurso que ten como finalidade o desenvolvemento de adaptacións, creación de produtos de apoio, recursos de baixo custo e a súa libre distribución.
Os premios inclúen o recoñecemento a unha entidade, o premio do xurado e o premio á mellor idea de Latinoamérica e Porto Rico, ambos os dous dotados con 1.000 euros, un segundo premio dotado con 500 euros, un accésit ao mellor proxecto 3D, que recibirá 300 euros, e un premio por votación a través da web cunha dotación de 200 euros.
Por agora presentáronse proxectos como un intercomunicador accionado co nariz, unha mesa robotizada, un sistema de alerta automático ou un taboleiro electrónico didáctico.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que a Xunta impulsará a creación das condicións propias para o desenvolvemento e o despregamento dunha intelixencia artificial nun marco ético e fiable, co obxectivo de fortalecer o tecido empresarial e os servizos públicos.
Nesta liña, e durante o acto de clausura da presentación da Estratexia Galega de Intelixencia Artificial 2030, Feijóo garantiu un marco regulamentario para o control e o avance ético do procesamento de datos e o seu uso, garantindo os dereitos fundamentais.
“Temos todo o necesario para levalo a cabo”, dixo, recordando ademais que o 85% dos datos industriais non se utilizan nin unha soa vez, polo que o uso da intelixencia artificial pode proporcionar vantaxes competitivas esenciais ás empresas, ademais de novos empregos.
Así mesmo, avanzou tamén a posta en marcha dun plan no sector público, co propósito de mellorar a calidade dos servizos á cidadanía.
“En definitiva, presentamos formalmente unha estratexia coa que vamos a camiñar”, afirmou, recordando que, cun investimento total de 330 millóns durante a próxima década, esta folla de ruta permitirá crear preto de 1.000 postos de traballo ao ano, nese período.
Para logralo, explicou que se porán en marcha 15 medidas articuladas en 4 eixes. No tocante ao primeiro deles: Galicia rexión intelixente, afirmou que establecerá un modelo de xestión para responder ás demandas dos cidadáns e desenvolver proxectos que combinen a innovación, a dixitalización e a cohesión.
Sobre o segundo eixo, Talento e competencias en Intelixencia artificial ao longo da vida, explicou que terá como fin promover as habilidades dixitais necesarias para utilizar as aplicacións.
Ao mesmo tempo, este eixe atenderá os requerimentos do ámbito económico de cara a que a intelixencia artificial estea presente na oferta formativa non tecnolóxica e na formación profesional; ademais de promover a atracción e retención de talento nesta materia.
En relación ao terceiro eixo, Adopción estratéxica da intelixencia artificial, Feijóo explicou que axilizará os procesos da administración pública e mellorará a calidade na prestación dos servizos públicos. E, por último, sobre o cuarto: I+i orientada ás necesidades da economía galega, aseverou que aliñará as necesidades específicas da nosa economía coas capacidades de investigación e innovación.
Logo de subliñar que esta estratexia permitirá incrementar nun 50% os profesionais docentes con formación en competencias dixitais e intelixencia artificial, Feijóo recordou que na actualidade estanse a levar a cabo en Galicia 258 proxectos de investigación neste ámbito; unha cifra que se verá aumentada nun 20% en 2030 grazas á aplicación desta folla de ruta.
“Outra meta esencial será a creación do Nodo de Intelixencia Artificial de Galicia, cunha colaboración público-privada; o fortalecemento da presencia de Galicia nas convocatorias nacionais e europeas de concorrencia competitiva; e o incremento un 25% das empresas que usan solucións avanzadas baseadas en intelixencia artificial e un 25% os servizos públicos nos que se aplique”, engadiu.
Feijóo rematou resaltando que o desenvolvemento da estratexia coincidirá coa celebración da década xacobea, co obxectivo de enxalzar a esencia do Camiño.
“En conclusión esta estratexia perseguirá con afán o uso da intelixencia artificial en favor da cidadanía, das nosas empresas e do noso tecido produtivo; das nosas capacidades docentes e de formación de talento; e en favor da prestación duns servizos públicos eficientes”, dixo.