A aula CeMIT do Concello de Boiro abriu o prazo de inscrición para os cursos do mes de novembro, que inclúen formación presencial no Centro Social de Boiro e tamén oferta formativa en liña, segundo informou o Concello, que tamén engade que toda a información sobre os cursos e sobre as inscricións podémolas atopar na propia aula CeMIT ou, tamén, mediante enderezo electrónico ou o teléfono.
A oferta formativa para o mes de novembro inclúe cursos presenciais como son
A formación online contempla os cursos de
A capacidade dos cursos é limitada e as inscricións poden facerse como dixemos na aula CeMIT do Concello de Boiro, situada no Centro Social de Boiro; a través do enderezo electrónico axentetic@boiro.org; o teléfono 981 84 26 35 ou o Whatsapp 629 769 139.
A Asociación de Comerciantes e Empresarios Compostela Monumental anunciou que levará a cabo, a partir deste 18 de outubro, unha actividade formativa directamente encamiñada a favorecer a empregabilidade a través da formación tecnolóxico-dixital. O curso TIC, redes sociais e marca persoal celebrarase por medio da aula en liña da asociación, a Aula Compostela Monumental.
Esta acción formativa do Programa Integrado de Emprego que organizan conxuntamente a patronal do centro histórico e a Dirección Xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia prolongarase até o día 29 de outubro cos seguintes contidos:
En total son 15 horas de formación en liña para os/as integrantes do Programa Integrado de Emprego de Compostela Monumental 2020/2021.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se establecen as bases reguladoras -e se convocan para o ano 2021- das subvencións ás organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector para a adquisición e mantemento dos bens informáticos e dos medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas actividades.
A medida, que é a primeira vez que se convoca e que está dotada cun orzamento de 150.000 euros, ten como finalidade favorecer a actualización informática das organizacións profesionais e asociacións agrarias. A contía das axudas será do 50% dos custos subvencionables, cun límite máximo de ata 30.000 euros para as organizacións profesionais e de ata 15.000 euros no caso das asociacións.
Os interesados nestas subvencións teñen un prazo de un mes dende mañá, día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, para presentar as súas correspondentes solicitudes.
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) inician hoxe mércores, 13 de outubro, a actividade Ciberseguranza Kids, unha iniciativa enmarcada no convenio de colaboración asinado polo CPEIG e a Amtega para a posta en marcha de actividades de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías en Galicia.
O obxecto da actividade, destinada a estudantes de entre sete e doce anos, é explicarlles que é a ciberseguridade a través dun contacontos dinámico e participativo. A era dixital abre un mundo de posibilidades que require dun bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Esta iniciativa achega aos máis novos valores e oportunidades na esfera dixital, pero tamén as normas e límites para un uso seguro da Internet. Ademais, esta iniciativa comprenderá a publicación do conto en dixital para a súa difusión permanente.
O contacontos “Ciberserguridade con Sofía” mestura narración e ilustración. É unha historia na que se conta dun xeito lúdico ao alumnado os perigos da rede e da ciberseguridade. Tras o conto, o alumnado poderá preguntar dúbidas sobre a temática. A actividade finalizará cun obradoiro de debuxo guiado no que se seguirán as indicacións do ilustrador.
Realizaranse visitas a centros escolares das catro provincias galegas [Lugo: Antas de Ulla, Guitiriz, O Saviñao, e Portomarín; Pontevedra: Ribadumia, Barro, Catoira e Pontevedra; A Coruña: Zas, Ribeira, Santiso e Vimianzo; e Ourense: O Carballiño, Ourense, Ribadavia e Barbadás].
Visitas Ciberseguranza Kids
Rompéuseche o soporte da ducha? Necesitas unha caixa a medida ou especial? Queres facer un molde para dar forma á tua pasta fresca o ós teus postres? Queres crear unha peza de xoiería, un adorno ou un regalo único? Se tes algún destes problemas ou inquietudes, ou outros parecidos nos que precises crear pezas propias, coñecer un programa de modelado 3D coma FreeCAD podería axudarche a conseguilo.
FreeCAD é unha das ferramentas de referencia no “mundo maker” para a creación e modelado de pezas en 3D, totalmente libre (e gratuita), que alcanzou o seu máximo apoxeo gracias á popularización das impresoras 3D, ó alcance xa de calquera persoa hoxe en día. É multiplataforma, polo que poderás usala indistintamente en calquera ordenador con calquera Sistema Operativo: Windows, Linux ou OSX.
A Asociación Amigus vai celebrar nas Pontes un novo obradoiro argalleiro, aberto, participativo e creativo, abeirado ao seu programa de actividades Amigus Labs, patrocinados pola Xunta de Galicia. Desta volta, trátase do Obradoiro de modelado 3D con FreeCAD. Será unha cita para nenas e nenos maiores de 10 anos e adultos a desenvolver o vindeiro 23 de outubro.
Segundo indican dende a asociación, FreeCAD é unha das ferramentas de referencia no mundo maker para a creación e modelado de pezas en 3D, amais de ser totalmente libre (e de balde). Por outra banda, alcanzou o seu máximo apoxeo gracias á popularización das impresoras 3D, ó alcance xa, na actualidade, de calquera persoa. Trátase a maiores dunha ferramenta multiplataforma, polo que poderemos usala de maneira indistinta en calquera computador con todo tipo de sistemas operativos, Windows, Linux ou OSX.
Amigus fará unha introducción dende cero a esta ferramenta (a cargo do argalleiro Miguel) para iniciar aos participantes nas súas posibilidades e comezar a crear as súas primeiras pezas. O obradoiro será totalmente práctico e está pensado para que as persoas asistentes saian do taller con coñecementos prácticos que lles permitan facer as súas propias creacións, cunha mínima base que “lles permita seguir aprendendo e evolucionando”, explicou Amigus. Tedes toda a información e inscrición na web da asociación tecnolóxica das Pontes.
O Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia veñen de fallar os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2021, que serán entregados o vindeiro 22 de outubro nun acto no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Trala pausa motivada pola pandemia, os Enxeñeiros de Telecomunicación retomaron a convocatoria que distinguirá, nunha nova edición, o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) galego por parte de diferentes persoas e empresas.
En total, entregaranse seis premios. O primeiro deles, o Premio Enxeñeiro do Ano 2021 recoñece a traxectoria de María Encarnación Baltar. O xurado tivo moi en conta que foi a primeira muller española graduada como enxeñeira na Universidade de Caracas, e a súa traxectoria á fronte de Eventyam Ingenieros S.L avala o seu perfil para o premio. Xunto a isto, o xurado destacou que María Encarnación Baltar “converteuse nunha referencia nacional no difícil sector de medidas de campos electromagnéticos con traballos pioneiros en toda España, o que para o xurado foi determinante á hora de lle conceder o galardón”.
O Premio Socio de Honra, que recoñece a aqueles persoeiros ou entidades que salienten pola súa promoción das telecomunicacións na nosa Comunidade Autónoma, distingue o labor do Centro Tecnolóxico Gradiant. Como razóns determinantes desta distinción, o xurado tivo en conta o feito de que Gradiant é un centro tecnolóxico de referencia en Galicia, pioneiro no desenvolvemento de proxectos de vangarda e con importante representación do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación.
Pola súa banda, o Premio Axians 2021 á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicación recae este ano na Universidade de Vigo. O xurado valorou como razóns determinantes desta distinción á Universidade de Vigo a súa aposta polas infraestruturas TIC dentro do seu Plan Estratéxico 2021- 2026 para promover a transformación dixital da Universidade. Potenciar a ensinanza virtual, o desenvolvemento da sociedade do coñecemento e a expansión e o emprego das TIC no ámbito da docencia constitúen tamén motivos que fixeron á Universidade de Vigo merecente deste galardón.
Pola súa banda, o Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, premio impulsado pola axencia autonómica AMTEGA, recae este ano no proxecto Escoita 5G. Esta distinción vén motivada pola vocación de utilidade social do proxecto, concibido para mellorar problemas de persoas con dificultades sensoriais. Dende un punto de vista técnico, o proxecto destaca a importancia das características diferenciais da 5G fronte á 4G e a capacidade de comunicación con moi baixa latencia. Finalmente, outorgaranse dous premios por parte do colectivo de enxeñeiros de Telecomunicación para recoñecer aos mellores expedientes académicos 2019/2020 e 2020/2021 do Mestrado de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Os premios foron outorgados a Moisés Rubén Pacheco e Marcos Martínez, respectivamente.
Con posterioridade ao acto de entrega de premios, no mesmo Hotel Oca Puerta del Camino desenvolverase a Noite Galega das Telecomunicacións, que se concibe, en palabras da organización, “como un relevante acto de networking por parte dos profesionais do sector” e nel está previsto que participen arredor de 200 persoas, principalmente representantes de destacadas entidades, organizacións, profesionais e empresas do ámbito tecnolóxico-dixital.
O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, inicia o curso cun novo catálogo de actividades que se abordaron esta semana nunha xuntanza de traballo presidida polo director da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez Quelle, e na que tamén se fixo balance das 34 actuacións que se desenvolveron no curso 2020-2021.
O Plan, posto en marcha no 2018, ten por obxectivo reducir a fenda entre a dispoñibilidade de traballadores con competencias dixitais e a crecente demanda destes perfís no mercado laboral a través de tres eixes de actuación: o impulso ás vocacións STEM, a promoción de adaptación aos novos perfís dixitais e a formación de e-líderes para a transformación dixital.
Para espertar o interese polos estudos STEM entre os máis novos abrirase en breve o prazo para inscribirse no programa Tecnólog@ por un día, que ofrece a rapaces e rapazas de ata 17 anos a oportunidade de desfrutar dunha de xornada de inmersión en proxectos reais da man dos responsables de talento e profesionais sénior das empresas colaboradoras.
Como novidade, coa volta á presencialidade desta iniciativa, os nenos e nenas participantes, que realicen a súa visita na Amtega, terán a posibilidade de visitar as instalacións como o GaiásTech, onde realizarán actividades lúdico-formativas na sala inmersiva con imaxes 360º e lentes de realidade virtual.
No seu esforzo por continuar fomentado os novos perfís dixitais, esta nova edición de DigiTalent lanza un ciclo de Webinars TransformaTech Sessions, que afondarán en temáticas relativas á Industria 4.0 e tecnoloxías disruptivas ligadas ao Big Data, a ciberseguridade ou a Intelixencia Artificial. As xornadas estarán orientadas a todo tipo de profesionais que desexen especializarse neses ámbitos e contarán cun servizo de titorías online.
Doutra banda, a Amtega porá en marcha o Programa de Mentoring FP, no que alumnos e alumnas de Formación Profesional do ámbito STEAM contarán coa colaboración dunha rede de mentores que resolverán as súas inquedanzas laborais, orientarán as súas iniciativas emprendedoras e acompañaranos na identificación de saídas profesionais no ámbito tecnolóxico a través de sesións personalizadas.
A Amtega ven de lanzar en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración o Portal Retorna Dixital, unha iniciativa dirixida aos galegos e galegas do sector TIC que se encontran no exterior e que desexan retornar á súa terra, ofrecéndolles oportunidades para comezar unha nova carreira profesional.
O Portal, activado no mes de setembro ao abeiro do Plan DigiTalent e enmarcado na web GaliciaAberta, é un espazo que facilita o encontro entre as empresas do sector TIC galego adheridas que buscan profesionais especializados e o talento dixital emigrado de Galicia. Ademais, o Portal dispón dun directorio de empresas que os profesionais interesados poderán consultar para contactar directamente. As ofertas de emprego poden consultarse en Retorna Digital | GaliciaAberta.
DigiTalent foi concibido coma un Plan vivo e conectado coa realidade galega para a xeración e retención de talento, unha iniciativa aberta á reflexión conxunta entre a Administración galega e os axentes do ecosistema dixital.
Neste compromiso compartido, a estas actuacións sumaranse, un ano máis, as iniciativas lideradas polas 12 empresas adheridas ao Pacto Dixital de Galicia, que colaboran coa Amtega no seu esforzo de impulsar os eixes estratéxicos do Plan e promover entre a cidadanía as capacidades necesarias para desenvolverse plenamente no eido dixital.
Este mércores 6 de outubro abre as súas portas a nova edición de GaliciaTIC. Farao ás 9.30 horas, no Auditorio da Cidade da Cultura, en Santiago, cunha mesa inaugural na que participan Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Luis Álvarez Sestelo, presidente da Asociación de Empresarios de Tecnoloxía de Galicia (Ineo), Fernando Vázquez Núñez, CEO de Imatia e Carlos Suárez, director xeral de Edisa, contando con Miguel Merino Gil, director de GaliciaTIC, en labores de moderador.
Na mesa avaliaranse os retos do sector da tecnoloxía, a innovación e a comunicación, “especialmente nun momento que non foi planificado e que obrigou a empresas, organizacións e traballadores a abordar situacións novas no contexto dun futuro incerto”.
O histórico foro tecnolóxico GaliciaTIC, organizado pola asociación empresarial Ineo, chega á súa edición 19 entre o mércores e o xoves (6 e 7 de outubro) en formato mixto, a mañá do mércores na Cidade da Cultura e tanto a mañá como a tarde do mércores, así como o xoves, en formato en liña.
Reuniranse no marco do encontro empresas e profesionais do sector TIC e doutros ámbitos produtivos interesados en coñecer novidades tecnolóxicas para mellorar tanto a súa organización como a súa competitividade. O formato mixto (que permite combinar sesións presenciais e online), segundo lembra Ineo, xa foi aplicado con “gran éxito” na anterior edición: “Este modelo híbrido, que se impuxo o ano pasado polas circunstancias sanitarias, permitiu en 2020 duplicar a asistencia habitual ao superar os 450 participantes”, explica a asociación, engadindo que “os datos rexistrados na pasada edición animaron á organización de GaliciaTIC a continuar explorando esta exitosa fórmula”.
O programa inclúe relatorios maxistrais, mesas de debate, presentacións ou demostracións. Reunirá ao longo das dúas xornadas a representantes da chamada “tripla hélice da innovación”, ou sexa, a administración, a universidade e a empresa. Así, en GaliciaTIC intervirán representantes da Xunta de Galicia, dos Concellos de Santiago, Vigo e Xetafe, das Universidades de Santiago e Vigo, así como de empresas de diferente tamaño como son Oracle, Deloitte, Optare, Edisa, R, Imatia, Everis, Cinfo ou Orange, entre outras moitas.
A axenda comezará o mércores ás 09.30 h. de forma presencial coa mesa inaugural, que versará sobre os desafíos que se presentan ao sector TIC, especialmente nun momento que non foi planificado e que empuxou a empresas, organizacións e traballadores a abordar unha dixitalización acelerada. Moderada por Miguel Merino, director de GaliciaTIC, a mesa contará con Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Fernando Guldrís, director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE); Carlos Suárez, director xeral de Edisa; Fernando Vázquez Núñez, director executivo de Imatia, e Luis A. Álvarez-Sestelo, presidente da Asociación de Empresas de Tecnoloxía de Galicia (Ineo). A xornada continuará ás 10.00 h. da man de Senén Barro, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), que ofrecerá un relatorio maxistral sobre o futuro inmediato da Intelixencia Artificial. A partir de aí, o programa incluirá tanto o mércores como o xoves mesas temáticas sobre asuntos tan variados como o impacto das novas tecnoloxías no coidado dos nosos maiores, a ciberseguridade, a extensión da 5G en Galicia, as tecnoloxías Cloud Native e Realidade Aumentada ou as sinerxías tecnolóxicas e colaborativas, tanto na esfera público-privada como entre empresas.
O evento tamén contará con diferentes webinars que se poderán seguir por streaming. Por exemplo, Abel Fernández Ardura, de Leyton, centrará o seu nas axudas públicas para financiar proxectos de dixitalización; Juan Carlos Núñez Suárez, de Imatia, ofrecerá un sobre as claves da minería de procesos; e Alejandro Alonso Rodríguez, de Everis, impartirá o seu sobre ciberseguridade na Industria 4.0.
A última sesión antes do peche de conclusións dedicarase a diferentes casos de éxito empresariais na transformación dixital e á presentación da Oficina Acelera PEME, que xestionará Ineo até maio de 2023 tras ser seleccionada por Red.es para asesorar e impulsar a dixitalización de empresas do sur de Galicia (con sedes en Vigo en Ourense). Ineo, para a organización do GaliciaTIC, conta este ano co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Deloitte, Edisa, Everis, Imatia, Lifesize, Intergal, Leyton, Oracle, Orange, Inycom, R., CTI Consultores, Data Monitoring e Galvintec.
A aula CeMIT de Ribeira presentou o seu programa de formación gratuíta (formación en diferentes vertentes do ámbito dixital) para este mes de outubro. Serán, segundo informou o Concello, tres novos obradoiros de carácter presencial que abordan outros tantos ámbitos do plano tecnolóxico: o certificado dixital e a súa importancia para realizarmos trámites en liña coas administracións; as funcionalidades do editor de texto Write; e máis os usos e manexos das follas de cálculo (Calc). A inscrición pódese facer de xeito presencial na sede da aula CeMIT en Cubeliños (Ribeira) ou ben a través do seu sitio web.
Estes son os cursos en cuestión: