main content

main content
06/10/202108:10
Demostración do proxecto Tallk.
Santiago de Compostela

Samsung recibe do CPEIG o Premio e-Inclusión polo seu proxecto ‘Tallk’ que facilita a comunicación das persoas enfermas de ELA

  • A aplicación, baseada na tecnoloxía de seguimento ocular e na intelixencia artificial, traslada o movemento dos ollos a unha pantalla, accedendo a un teclado virtual que converte o texto en voz
  • Será homenaxeado na “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” que se celebrará o 29 de outubro no Hotel Oca Puerta del Camino en Santiago

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) outorga o Premio e-Inclusión da “XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia” a Samsung Electronics Iberia, S.A.U. polo seu proxecto ‘Tallk’ destinado a facilitar a comunicación das persoas enfermas de ELA.

A gala máis importante da informática en Galicia celebrarase o 29 de outubro no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela, cun encontro presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC en Galicia. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñería en informática. Co Premio e-Inclusión, preténdese visibilizar o valor da tecnoloxía na integración social e o benestar de colectivos especialmente vulnerables.

A aplicación ‘Tallk’, impulsada por Samsung en colaboración coa Fundación Luzón e creada pola startup española IRISBOND, posibilita a comunicación a través da tecnoloxía de ‘Eye tracking’ -seguimento ocular- con tablets Samsung Galaxy en España e Portugal. Deste xeito, as persoas con mobilidade reducida e ausencia da linguaxe oral como os pacientes de ELA poden “falar” a través da mirada, contribuíndo a dotar de maior independencia ás persoas que sofren este tipo de patoloxías, así como a mellorar a súa calidade de vida e a dos seus coidadores e achegados.

A tecnoloxía de ‘Eye tracking’ de ‘Tallk’ utiliza a cámara da tablet para localizar as pupilas e certos puntos característicos do rostro. Posteriormente, a través dunha serie de algoritmos e intelixencia artificial, o software traduce o movemento dos ollos en movementos aproximados dentro da pantalla para acceder a un teclado virtual e converter en voz o texto introducido polo usuario.

Grazas a ‘Tallk’, as persoas poderán utilizar os seus ollos para escribir facendo uso dun teclado virtual preditivo e verbalizar despois o que escriben. Para unha maior axilidade no uso e na comunicación, a aplicación permite engadir frases á colección da persoa usuaria, de forma que poida acceder ás mesmas e verbalizalas en calquera momento de forma rápida e sinxela. Ademais, garda un histórico de frases usadas que permitirá utilizalas en calquera momento que se desexe.

Control dos electrodomésticos e sensores do fogar

O teclado permite tamén interactuar co asistente virtual por voz baseado na intelixencia artificial de Samsung, Bixby, para resolver distintas peticións, así como controlar dispositivos do fogar conectados -mediante unha aplicación de control remoto- como o televisor, os electrodomésticos ou sensores do fogar.

A aplicación ‘Tallk’ está desenvolvida para tablets Android Samsung Galaxy Tab compatibles. Pódese descargar de forma totalmente gratuíta nas tendas Galaxy Store e Play Store en España e Portugal. Actualmente, a aplicación está dispoñible en castelán e portugués.

A esclerose lateral amiotrófica (ELA) é unha enfermidade neurodexenerativa que afecta ás células nerviosas do cerebro e á medula espinal. Os pacientes perden progresivamente todo o control dos movementos musculares ata a morte por parálise completa. É 100% mortal con 1.000 casos novos por ano.

A Fundación Luzón, organización dedicada por completo á mellora das condicións coas que viven os pacientes con ELA e os seus familiares, conta coa colaboración de Samsung desde 2018 a través de diversas iniciativas co obxectivo de sensibilizar á sociedade sobre a ELA, visibilizar a enfermidade e promover a investigación para atopar unha cura. Froito desta colaboración, xurdiu a posibilidade de mellorar a vida dos pacientes de ELA a través da tecnoloxía. Para iso, Samsung contou con IRISBOND, compañía española especializada en solucións globais e innovadoras de ‘Eye tracking’ para persoas e empresas, que foi a encargada do desenvolvemento da aplicación.

Segundo Alfonso Fernández, Director de Marketing e Transformación Dixital de Samsung, o proxecto ‘Tallk’ obedece ao desexo da compañía de “crear iniciativas y soluciones innovadoras que contribuyan a mejorar la calidad de vida de las personas. Nuestra colaboración coa Fundación Luzón se enmarca en nuestro programa Tecnología con Propósito que incluye varios proyectos de Samsung para mejorar la vida de las personas rompiendo barreras a través de la tecnología y que se materializa en tres pilares: educación y cultura; empleabilidad y emprendimiento; y bienestar y accesibilidad. En este caso, nuestro principal objetivo es mejorar el bienestar de los pacientes de ELA y esta aplicación les permitirá comunicarse y vivir una vida más independiente”.

04/10/202118:10
Presentación do curso de ciberseguridade.
Santiago de Compostela

A Xunta e o Centro Cripotolóxico Nacional forman a empregados públicos das diferentes administracións en ciberseguridade

  • Hoxe comeza na Escola Galega de Administración Pública a primeira edición do Curso superior de Ciberseguridade con preto de 100 horas lectivas para profesionais do ámbito tecnolóxico da administración autonómica, deputacións e concellos
  • Enmárcase nas actividades do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal para impulsar a concienciación e a formación de cidadáns, empresas e administracións públicas en materia de ciberseguridade
     

Medio cento de empregados públicos da Administración autonómica, concellos e deputacións participan desde hoxe e ata o vindeiro 14 de decembro no primeiro Curso Superior de Ciberseguridade, organizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) e o Centro Criptolóxico Nacional.

O curso, que ofrece preto de 100 horas lectivas en formato semipresencial, busca proporcionar aos empregados das diferentes administracións públicas unha visión global da seguridade dos sistemas de información, das súas vulnerabilidades, das ameazas e dos riscos que comporta o seu uso e ofrecer unha guía de boas prácticas para afrontar a xestión destas situacións.

A xornada de inauguración, celebrada esta tarde, contou coa intervención da directora da Amtega, Mar Pereira; a directora da EGAP, Sonia Fernández-Campos; e o xefe da Área Normativa e Servizos de Ciberseguridade do Centro Criptolóxico Nacional, Pablo López.
A responsable da Axencia autonómica destacou que o fortalecemento do ecosistema da ciberseguridade é unha prioridade do Goberno galego e, de aí, que Galicia fora a primeira comunidade en poñer en marcha unha estrutura de cooperación público-privada en materia de ciberseguridade, o Nodo de Ciberseguridade galego, CIBER.gal
Mar Pereira sinalou que se está a traballar para ampliar a carteira de servizos de ciberseguridade de CIBER.gal tanto para sector público autonómico como para a Administración local e outras administracións públicas, a cidadanía e o tecido empresarial, en particular pemes e autónomos. Ademais, a directora da Amtega avanzou que está prevista a construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia, que aglutinará a prestación destes servizos especializados.

Por outra banda, a directora da EGAP lembrou a importancia da formación nun contexto tan complexo e cambiante, incidindo en que ante as novas ameazas xurdidas co avance da administración telemática, unha das mellores ferramentas das que dispoñemos para defendernos é contar cun persoal especializado e preparado para salvagardar a confianza da cidadanía nos servizos dixitais.

Finalmente, Sonia Rodríguez-Campos incidiu na necesidade de fomentar a existencia de perfís profesionais cualificados neste eido para o sector público, motivo polo cal dende a Escola se ofertan dende hai anos actividades específicas en materia de seguridade da información dixital, dirixidas tanto ao persoal empregado público en xeral coma a perfís máis técnicos.

Nodo CIBER.gal

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal foi constituído en xullo de 2020 como un espazo de cooperación público privado no campo da ciberseguridade e fundado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro Deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia. Desde entón, sumáronse ao nodo máis de 30 entidades privadas e as tres universidades galegas.

04/10/202107:10
CIBER.gal.
Santiago de Compostela

Galicia acollerá en novembro o evento CIBER.gal, centrado na ciberseguridade do tecido empresarial, da cidadanía e das administracións públicas

  • Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade, o encontro anunciouse esta semana no evento do terceiro aniversario de TEGRA Cybersecurity Center, no que se fixo fincapé en fomentar a innovación no ámbito da seguridade da información

Galicia acollerá en novembro o congreso CIBER.gal, impulsado polo Nodo Galego de Ciberseguridade (CIBER.gal) e orientado á seguridade da información no tecido empresarial, na cidadanía e nas Administracións Públicas. Así se anunciou esta semana durante o evento do terceiro aniversario do centro de innovación TEGRA Cybersecurity Center.

O evento CIBER.gal, que terá lugar os días 10 e 11 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia de xeito presencial e en streaming, ofrecerá obradoiros, conferencias e paneis de debate nos que participarán institucións nacionais e autonómicas referentes neste campo, relatores de recoñecido prestixio no ámbito tecnolóxico, axentes clave da investigación e o coñecemento en ciberseguridade e as principais empresas tecnolóxicas de Galicia. Proximamente será publicada na súa web máis información ao respecto do cartel e a organización.

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal foi constituído en xullo de 2020 como un espazo de cooperación público privado no campo da ciberseguridade e fundado polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), as catro Deputacións galegas, a Federación Galega de Municipios e Provincias e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta de Galicia.

Desde a súa constitución CIBER.gal sostén un obxectivo claro, fomentar a innovación no eido da ciberseguridade. De aí que a súa intervención no evento anual de TEGRA estivera marcada pola exposición das medidas mais recentes neste ámbito.

Destacan entre elas a iniciativa CybersSandbox para o fortalecemento das capacidades de ciberseguridade das pemes e o impulso da industria de ciberseguridade, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, para pilotar de forma áxil solucións que dean resposta a retos identificados de forma previa co sector da ciberseguridade e das das que se poidan beneficiar un número relevante de pemes, micropemes e autónomos de Galicia. Tamén se puxo de relevancia o apoio prestado pola Amtega, como entidade pública propulsora do nodo CIBER.gal e unha das fundadores do nodo.

TEGRA

TEGRA Cybersecurity Center é un centro de innovación creado en 2018 da man de Telefónica e Gradiant e apoiado pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación GAIN coa misión de mellorar a seguridade da información das empresas a través da tecnoloxía e situar a Galicia como un axente relevante no ámbito da ciberseguridade, ademais de crear emprego cualificado neste sector de gran demanda e potencial crecemento.

O seu obxectivo é desenvolver produtos e servizos para mellorar a seguridade da información das empresas mediante técnicas criptográficas avanzadas, deseñar mecanismos de comprobación da identidade no acceso á información e ferramentas de análise de datos, ademais de sistemas de clasificación de documentación e de detección de accesos irregulares á información.

Entre os seus últimos logros destacan a solución Stela Filetrack, co fin de protexer a información documental sensible nas organizacións, e a ferramenta FARO, para a detección de información sensible en documentos.

No evento do terceiro aniversario de TEGRA, presentáronse os resultados deste centro no relativo á innovación en ciberseguridade e expúxose a Estratexia de Potenciación de I+D+i en ciberseguridade en España

01/10/202114:10
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

A Amtega e o CPETIG organizan o "VI Scratch Day", que achegará aos escolares galegos á linguaxe de programación a través de Scapes Rooms e do Camiño de Santiago

  • A Cidade da Cultura de Galicia acollerá o sábado 9 de outubro esta xornada de iniciación orientada a estudantes de 6 a 16 anos, pais e nais e profesorado. 
  • A firma robótica educativa Rockbotic Galicia será a encargada de impartir esta xornada para a que xa está aberto o proceso de inscrición.

O programa ScratchDay dirixido a escolares galegos organízase no marco do Convenio de Colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) da Xunta de Galicia e regresa coa súa sexta edición. 

Esta actuación tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.

Este ano, a iniciativa para achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos na materia, aposta polo entorno dos Scapes Rooms e do Camiño de Santiago, en pleno período extraordinario do Xacobeo 2021-2022.

A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar -1) será o escenario que acolla esta intensa e atractiva xornada, que está deseñada para tres grandes públicos obxectivos: os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsables dos centros que estean interesados en introducir o Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo nun entorno amigable e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxes de programación. O obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos.

A cita será o vindeiro sábado 9 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e estará estruturada en tres Scapes Rooms distintos, cada un deles relacionado con distintos tramos e atractivos do Camiño de Santiago. Os participantes terán como obxectivo ir resolvendo os retos plantexados e empregando as pistas proporcionadas para completar as etapas.

Un ano máis, a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, será a encargada de impartir esta xornada do CPETIG, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades.

Máis información e Inscricións

https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/vi-scratch-day

01/10/202112:10
Participante na última edición presencial da XGN R Encounter no 2019.
Silleda

A 21 edición de XGN R Encounter desenvolverase a partir do 9 de outubro e achegará 20 Gbps aos participantes

Comeza a conta atrás para a nova edición da cita informática XGN R Encounter, a herdeira (actualizada aos novos tempos, tendencias e necesidades) da xa histórica Xuventude Galicia Net, un clásico dos encontros tecnolóxicos para a xente nova. A nova cita (21 edición) celebrarase entre o 9 e o 11 de outubro, retomando o seu formato presencial no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca (en Silleda) trala convocatoria en liña do ano pasado. A organización habilitará os dous pavillóns principais do complexo feiral (máis de 10.000 metros cadrados cada un), co obxectivo de achegar a meirande seguridade sanitaria aos profesionais e aos seareiros da informática que alí se xunten.

O recinto está xa mergullado nos preparativos desta cita. Así, contará de novo na súa área de intranet exclusiva para persoas inscritas, cun completo programa de actividades para as que disporán de 20 Gbps de velocidade no recinto.

En canto á zona extranet, de acceso libre, será unicamente en formato en liña, “ofrecendo numerosas propostas para desfrutar dende a casa”, explican as entidades organizadoras, engadindo que nesta convocatoria preténdese recuperar a interacción dos participantes “de forma segura”. Trátase da quinta convocatoria de XGN coa operadora galega R como colaboradora e patrocinadora oficial e de novo conta co apoio da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, impulsora da party.

01/10/202112:10
Muller usando un portátil.
Santiago de Compostela

A Xunta lanza unha enquisa sobre o coñecemento e manexo das mulleres nas tecnoloxías da información para afondar na fenda dixital e achegar solucións

  • A iniciativa enmárcase no estudo que está elaborando a Consellería de Emprego e Igualdade sobre o papel das mulleres ante as TIC para mellorar a súa capacitación neste ámbito e incrementar as oportunidades laborais
  • Na enquisa participan, ademais da cidadanía en xeral, as persoas implicadas no movemento asociativo de mulleres de Galicia e no eido da ciencia e a tecnoloxía para que aporten as súas experiencias
  • A Xunta creou este ano, no seo do Consello Galego das Mulleres, a Comisión de Mulleres nas TIC cun enfoque transversal para loitar contra a fenda tecnolóxica e contribuír, deste xeito, á autonomía das mulleres

A Xunta está a realizar unha enquisa sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das tecnoloxías da información (TIC), no marco do estudo que está elaborando sobre o papel das mulleres ante as TIC con fin de que permita afondar na fenda tecnolóxica e aportar solucións de capacitación para mellorar a empregabilidade. A elaboración deste estudo detallado acordouse levar a cabo na Comisión de Mulleres nas TIC creada este ano cun enfoque transversal no seo do Consello Galego das Mulleres.

Na enquisa, na que, polo tanto, recóllese información cuantitativa e cualitativa sobre a situación actual das mulleres galegas e a súa relación coas TIC, participan, ademais da cidadanía en xeral, as persoas implicadas no movemento asociativo de mulleres de Galicia e do eido da ciencia e tecnoloxía co propósito de que acheguen as súas experiencias e opinións sobre o estado de coñecemento e manexo das mulleres no ámbito das TIC, xa que o uso das novas tecnoloxías contribúe á autonomía das mulleres, sobre todo nas zonas do rural.

Na enquisa, entre outros, abórdanse cuestións referidas ao número de medios tecnolóxicos que existen nos postos de traballo; a conexión de Internet nos fogares e no medio laboral; a formación e coñecementos sobre as TIC; o uso que se dá da tecnoloxía; os ámbitos nos que se considera necesario ofrecer máis formación en novas tecnoloxías; e sobre o coñecemento do que é a fenda dixital. Pódese descargar a través da ligazón: https://forms.gle/15vjijgoLRbA9p6R7.

A Xunta, ademais, traballa, no marco da Unidade Muller e Ciencia, en situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero na actividade científica e tecnolóxica, con iniciativas que dan a coñecer o papel de destacadas referentes nestes ámbitos como o Premio María Josefa Wonenburger ou iniciativas que promoven o encontro entre profesionais das TIC co alumnado galego como Nin+Nin-.

Coñecer a realidade das mulleres fronte ás tecnoloxías, cara a poder deseñar unha folla de ruta que atenda ás súas necesidades de capacitación e coñecementos é, en definitiva, o obxecto do estudo que a Consellería de Emprego e Igualdade está a realizar a través do Consello Galego das Mulleres.

1 mes 1 profesión dixital
Online

Formación en blockchain

Curso de formación teórico-práctica de introducción á tecnoloxía blockchain xunto co resto de Tecnoloxías de Rexistro Distribuído (DLT) desde cero, tanto nos seus fundamentos básicos como na súa aplicación práctica. 

O curso, divido en 5 bloques temáticos impartidos por un equipo docente de seis expertos na materia, conta con 60 prazas e ten unha duración de 40 horas. 
As sesións quedarán gravadas e realizaranse en modo síncrono. Os contidos, a axenda coa planificación e os enlaces de acceso das sesións estarán dispoñibles na plataforma e-learning co tecnoloxía evolmind.
Os participantes que superen o curso obterán un diploma acreditativo.

09/10/2021De 09:00 a 14:00 h
1 mes 1 profesión dixital
Museo da Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela

VI Scratch Day

Co obxectivo de difundir os valores da programación informática entre os nenos, os seus pais e persoas interesadas na formación chega a VI edición do Scratch Day.
Este ano, a iniciativa para achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos na materia, aposta polo entorno dos Scapes Rooms e do Camiño de Santiago, en pleno período extraordinario do Xacobeo 2021-2022.
30/09/202112:09
Cartel da iniciativa.
Santiago de Compostela

O Xacobeo será un dos fíos temáticos do Scratch Day que organizan o día 9 o CPETIG e AMTEGA

Regresa coa súa sexta edición o programa ScratchDay, dirixido a escolares galegos organizado no marco da colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA), abeirado, tamén, ao Plan de Talento Dixital de Galicia (DigiTalent) da axencia. Na nova entrega mantense o obxectivo de achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos e coa novidade de apostar de cheo polos formatos de Scape Room e pola temática do Camiño de Santiago (coincidindo coa celebración do Xacobeo 2021-2022).

A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar 1) será o escenario que acolla esta xornada que a organización cualifica de “intensa e atractiva” e que está programada para o vindeiro 9 de outubro. Está concibida para tres grandes públicos obxectivos: os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsables dos centros que estean interesados en introducir a ferramenta de programación Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo “nun entorno amigable e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxe de programación”, explican o CPETIG e AMTEGA, engadindo que o obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos. A cita será como dixemos o vindeiro sábado 9 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e estará estruturada en tres Scapes Rooms distintos, cada un deles relacionado con distintos tramos e atractivos do Camiño de Santiago. Os participantes terán como obxectivo ir resolvendo os retos propostos e empregando as pistas proporcionadas para completar as etapas.

Novamente a entidade encargada de impartir os contidos será a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades. O período de inscrición para o VI ScratchDay xa está habilitado e para formalizar a participación no evento é preciso rexistrase a través de scratchday.cpetig.gal.

30/09/202112:09
Ética e Deontoloxía na Enxeñaría Informática.
Santiago de Compostela

O Gaiástech acolle hoxe un encontro no que se presentará o selo de empresa éTICa, impulsado polo consello de colexios de enxeñaría informática

  • O doutor en informática, Darío Álvarez, explicará esta iniciativa nunha conferencia sobre Ética e Deontoloxía na Enxeñaría Informática
  • Esta sesión, que forma parte do ciclo Tres14.pm organizado pola Amtega e o CPEIG, será retransmitida tamén en streaming

O centro GaiásTech acolle hoxe a partir das 15.00 horas a conferencia “Ética e Deontoloxía na Enxeñaría en Informática. O selo de Empresa éTICa do CCII”, impartida por Darío Álvarez, doutor en Informática pola Universidade de Oviedo e membro da Comisión de Ética e Deontoloxía do Consello de Colexios de Enxeñaría Informática (CCII).

O CCI vén de lanzar o “Selo de Empresa éTICa” así como un rexistro para que empresas, autónomos e institucións poidan certificar que desenvolven servizos tecnolóxicos de calidade. A iniciativa, á que xa se sumaron seis empresas, busca poñer en valor ás entidades implicadas, favorecer a súa identificación e axudar á formulación posterior de políticas específicas para elas.

No seu relatorio Darío Álvarez explicará que vantaxes aporta ás empresas o novo “Selo de Empresa éTICa” e cales son os requisitos necesarios para solicitalo. Ademais, fará un repaso dos aspectos máis relevantes do Código Ético e Deontolóxico da Enxeñaría Informática, recentemente aprobado polo Consello de Colexios de Enxeñaría Informática, e incidirá en como pode servir de apoio para a toma das mellores decisións profesionais posibles, respectando os intereses do cliente, do empregador, do profesional, da sociedade no seu conxunto e da propia profesión.

Programa Tres14.pm

O programa Tres14.pm é un ciclo de encontros e debate organizado no marco do Convenio de colaboración asinado entre a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) para o impulso e a retención do talento dixital en Galicia.

O programa conta con espazos de networking, debate, opinión e coñecemento, no que participan expertos en distintas materias que en catorce minutos expoñen tres principios sobre a temática para, a continuación, establecer un coloquio cos participantes.

Esta sesión celébrase de xeito presencial para un grupo máximo de quince profesionais do sector das TIC e outras persoas interesadas na materia, dende o Centro GaiásTech na Cidade da Cultura ás 15:00 horas. Ademais, a xornada poderá seguirse en streaming, onde os participantes terán a oportunidade de interactuar co relator a través do chat.

O GaiásTech, centro de impulso do ecosistema dixital galego

O programa Tres14.pm forma parte da ampla axenda que a Amtega está a promover desde o GaiásTech, recentemente inaugurado, e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación con outros sectores da economía galega.

Máis información da actividade e inscricións na web DigiTalent e en GaiasTech.xunta.gal.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS