O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) participa no proxecto Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que está integrado o complexo industrial e innovador de San Cibrao das Viñas (Ourense). O obxectivo desta iniciativa é “lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas), debido á súa baixa participación nestas materias”.
Esta semana Tecnópole celebra tres xornadas no marco deste proxecto, que cumpre a súa cuarta edición. Concretamente os días 9, 10 e 11, coincidindo coa celebración, o 11-F, do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia. Segundo informa a Tecnópole, as xornadas están enfocadas a estudantes de 1º a 4º da ESO e aos últimos cursos de Primaria. O alumnado participará en obradoiros que lles achegarán a ciencia e a tecnoloxía “de xeito práctico e divertido”, contribuíndo a “derrubar falsos estereotipos sobre actividades que tradicionalmente foron adscritas ao público masculino”. Na xornada do día 11, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convidarase a mulleres que traballan nos eidos da ciencia e a tecnoloxía para que relaten e debullen a súa experiencia persoal, explicando os porqués de ter elixido unha carreira STEM e cal foi a súa aplicación no mercado laboral. A finalidade é que o alumnado teña a oportunidade de descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas disciplinas.
As profesionais que intervirán son Esther Merlo, enxeñeira de Montes, con dúas décadas de experiencia laboral no eido da investigación científica e a innovación tecnolóxica no sector forestal e da madeira, fundadora e tamén directora e responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica da empresa Madera Plus Calidad Forestal; Lucía Novelle, enxeñeira superior de Minas, socia da firma Ingeo (enxeñaría dedicada principalmente ao desenvolvemento e supervisión de proxectos de enerxía xeotérmica), secretaria da Asociación Clúster da Xeotermia Galega e membro do grupo de traballo de AENOR para a elaboración da normativa no campo da enerxía xeotérmica; e Patricia Alonso, bióloga experta en sistemas de calidade, medio ambiente e alimentación, que na actualidade ocupa o posto de directora do laboratorio de Akunatura. A mesa redonda estará moderada pola directora da Domus - Museos Científicos Coruñeses, Patricia Barciela, que colabora ademais nestas xornadas impartindo os talleres científicos. Retransmitirase en directo a través da canle de Youtube do Parque Tecnolóxico de Galicia, entre as 10:15 e as 11:00 horas. O alumnado poderá participar no concurso nacional Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento Sustentable.
Por outro lado, realizarase un obradoiro para presentar ás rapazas e rapaces problemáticas existentes na Tecnópole relacionadas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable que expón a Axenda 2030 de Nacións Unidas. Son retos vencellados coa saúde e o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesible e non contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción polo clima… Os participantes nesta edición de Ciencia e Tecnoloxía en Feminino recibirán dúas guías. Por unha banda a guía Que quero ser de maior?, na que se recollen as saídas profesionais dun total de 36 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual. Pola súa parte, a guía Que son as tecnoloxías disruptivas? busca visibilizar algunhas das novas tecnoloxías que xa están a revolucionar o mundo, as que se coñecen como disruptivas: cadea de bloques (blockchain), análise de información a gran escala (Big Data), Intelixencia Artificial, 5G, ciberseguridade, computación cuántica. Porase o foco no amplo abano de saídas profesionais que poñen en xogo.
Ademais, o alumnado poderá visitar a exposición Mulleres que cambiaron o mundo, protagonizada por mulleres relevantes nos eidos da ciencia e a tecnoloxía que deixaron a súa pegada ao longo da historia. Tamén poderán facer un percorrido pola exposición As mulleres que nos levaron á Lúa, na que se pon de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron clave para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á Lúa.
O catálogo de actividades do Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia, DigiTalent, segue a crecer coa posta en marcha do Programa de Webinars TransformaTech Sessions, unha iniciativa liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
O ciclo de webinars arrinca neste primeiro trimestre do 2022 e estenderase ata o mes de outubro de 2022 cun amplo programa de relatorios en continua actualización, contando coa participación dos profesionais expertos das principais empresas tecnolóxicas galegas e dos colexios profesionais do ámbito dixital.
Ao longo das sesións abordaranse temáticas relacionadas con tecnoloxías disruptivas que teñen gran impacto na sociedade dixital. O Big Data, a ciberseguridade, a intelixencia artificial, o internet das cousas, a robótica ou as tecnoloxías relacionadas coa xestión medioambiental serán algúns dos temas a tratar, con contidos adaptados aos diferentes públicos: rapaces e rapazas ata 16 anos, centros educativos e profesionais, estudantes e titulados tanto afíns a perfís tecnolóxicos como a non tecnolóxicos.
O ciclo de webinars abre xa a súa inscrición aos primeiros relatorios para os máis novos/as. As xornadas están deseñadas nun formato breve e participativo. Con isto, a Amtega busca achegar as novas tendencias tecnolóxicas aos asistentes dun xeito dinámico, xerando espazos nos que os participantes poden interactuar cos relatores para resolver as súas dúbidas e inquedanzas.
Esta iniciativa súmase ás máis de quince actuacións previstas para o primeiro trimestre do 2022, coas que se segue a poñer o foco na promoción do talento dixital entre a cidadanía ao longo de todas as etapas da súa vida.
A Amtega segue a poñer o foco no fomento das vocacións científico-tecnolóxicas dende idades temperás, onde destacan as actuación dirixidas a centros educativos. Neste eido, DXC Technology impulsa unha nova edición de DXC Iberia Codes, na que os participantes competirán por parellas empregando a tecnoloxía Scratch para programar un videoxogo de aventuras, este ano baixo a temática da loita contra o cambio climático e a protección da biodiversidade.
Pola súa banda, Altia Consultores ven de abrir no mes de xaneiro GenTech, un programa de sesións dixitais que buscan inspirar ao alumnado de 12 a 18 anos sobre as profesións tecnolóxicas da man de expertos da compañía. Ademais, a empresa ofrece este curso a posibilidade de que os centros educativos desfruten ata o mes de xuño dunha visita guiada polas instalacións do Data Center de Altia situado en Vigo.
Este trimestre ven marcado tamén polo lanzamento de talleres de introdución á tecnoloxía LED, ao deseño e impresión 3D e á robótica colaborativa impartidos polos expertos e expertas de Televés e pola apertura de Mentoring Day, co que se busca achegar ao alumnado da ESO e Bacharelato á realidade do mundo laboral acompañados polos profesionais da empresa.
Estas actividades compleméntanse coa próxima edición do programa Tecnólog@ por un día, na que o estudantado galego volverá a ter a oportunidade de vivir de primeira man unha xornada de traballo no sector TIC de Galicia.
Outro dos bloques prioritarios de actuación do Plan é a adaptación dos estudantes e profesionais ás demandas do mercado laboral, co obxectivo de maximizar as oportunidades de desenvolvemento profesional dos galegos e galegas no eido das novas tecnoloxías.
En liña con este eixe estratéxico, Altia, DXC Technology e NTT DATA suman esforzos coa Amtega para impulsar a formación especializada e achegar a realidade do mundo da empresa á comunidade universitaria e á Formación Profesional nos próximos meses, con iniciativas como Altia FP Dual, AltiaStaging, Altia TechDay, Altia Premia, o Programa UNIQA, o Observatorio DXC ou a celebración de actividades no marco do Foro Tecnolóxico da Universidade de Vigo.
Toda a información sobre estas iniciativas, así como o resto de actuacións recollidas no catálogo DigiTalent encóntrase dispoñible no espazo web DigiTalent, que ofrece as datas, localizacións e instrucións para participar en constante actualización.
A Xunta de Galicia vén de conceder apoios por preto de 7 millóns de euros para que 219 pemes realicen proxectos de desenvolvemento tecnolóxico que suporán unha mobilización total de investimentos de 13,6 millóns de euros a través das axudas á dixitalización cuxa resolución se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia.
Cofinanciada por fondos Feder, esta edición da convocatoria incorporou un incremento dos apoios ás pemes de calquera sector do 50% dos investimentos e do 70% no caso das pequenas e medianas empresas dos sectores téxtil e moda, a automoción e a industria auxiliar do naval.
Entre as iniciativas impulsadas nesta edición destacan a implementación de sofisticados procesos de comercio electrónico, sistemas de xestión integral e sistemas de intelixencia de negocio. Ademais de apoiar a adquisición de equipamentos e software, as axudas facilitan as colaboracións necesarias para a súa implementación, financiando proxectos colectivos de agrupacións, pemes e iniciativas promovidas a nivel individual.
Ademais da concesión destas axudas, vén de resolverse tamén a liña dos talleres de dixitalización, que achegan case 400.000 euros para promover 20 plans de difusión neste eido nos que se prevé que participen arredor de 350 pemes.
Organizados por clústeres e colectivos empresariais dos diferentes sectores produtivos, os talleres apoiados están financiados ao 100% e incentivan a creación de espazos de colaboración entre compañías para explorar solucións tecnolóxicas e a implementación de ferramentas dixitais colaborativas, así como oportunidades de hibridación entre sectores produtivos.
Cunha axuda máxima por proxecto de 25.000 euros, o obxectivo desta liña é colaborar na posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para achegar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividade interempresarial, de conectividade intraempresarial e de intelixencia artificial.
Os talleres abranguen distintos ámbitos produtivos e abordarán aspectos como a transformación dixital e a aplicación das tecnoloxías 4.0 nos sectores loxístico, téxtil, a saúde, o turismo, a hostalería, o naval, a pedra natural e a educación, entre outros. Ademais, destacan nesta convocatoria os dirixidos a avanzar na transformación tecnolóxica de empresas de economía social e as situadas en zonas con máis dificultades para o desenvolvemento dixital.
A través destas dúas das liñas de axudas impúlsase a transformación dixital do tecido produtivo galego, co obxectivo de que as pemes, os establecementos comerciais e as agrupacións empresariais poñan en marcha proxectos individuais e colectivos que melloren a súa competitividade facilitando así facer fronte ao actual contexto económico provocado pola covid-19.
Estes programas forman parte do Plan de transformación dixital das pequenas e medianas empresas e o comercio, posto en marcha polo Goberno galego para facilitar a reactivación do tecido produtivo no contexto económico derivado da covid-19. Este paquete de medidas incluíu tamén os cheques de dixitalización, liña que ata o de agora ten permitido que preto de 3500 pemes de todos os sectores impulsen procesos de dixitalización que lles faciliten reforzar a súa actividade, destinándose a estes proxectos case 6 millóns de euros ata o de agora.
A Universidade da Coruña e a empresa NTT DATA, sexta compañía de servizos TIC do mundo, asinaron hoxe na Reitoría o convenio de creación da Cátedra de Diversidade e Tecnoloxía, posta en marcha este mesmo mes de febreiro co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias nos campos da docencia, a investigación e a cultura en xeral.
O reitor, Julio Abalde, e o director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, firmaron o acordo de creación desta nova Cátedra que toma o relevo da Cátedra de Transformación Dixital, creada hai catro anos pola antiga Everis (hoxe NTT DATA) e a UDC. Segundo comentou Abalde, esta Cátedra permitirá, entre outras cousas, traballar no impulso de vocacións tecnolóxicas femininas. “É moi importante que haxa mulleres tecnólogas que contribúan no deseño da tecnoloxía e os traballos do futuro, se non é así, será un futuro no que non participa a metade da poboación”.
O director das oficinas de Galicia e Asturias de NTT DATA, Alberto Borrego, sostivo que esta Cátedra reforza o compromiso de NTT DATA coa transformación dixital de Galicia. “Queremos apostar polo talento diverso e inclusivo, o pensamento creativo e con impacto, a autonomía na toma de decisións e a capacidade para traballar en equipo”, subliñou durante a firma do convenio coa UDC. A Cátedra NTT DATA de Diversidade e Tecnoloxía supón un avance nos obxectivos tanto da empresa como da Universidade coruñesa na inclusión e a diversidade á vez que contribúe á mellora económica e social e á atención á diversidade, como elemento fundamental nos campos da ciencia e a cultura.
O profesor Luis Hervella será o director da Cátedra. Hervella foi director da Oficina de Cooperación e Voluntariado da UDC durante dous anos e decano da Facultade de Informática de 2013 ata o ano 2021. No plan de actividades previsto pola Cátedra destaca a colaboración no deseño e impartición de programas de formación; organización de xornadas sobre atención específica á diversidade en títulos de campo STEM; promoción de estudos tecnolóxicos entre estudantes preuniversitarios, atendendo a toda a súa diversidade; formación para a creación de empresas de base tecnolóxica ou para a explotación dos resultados da investigación ou a organización de visitas á sede de NTT DATA, entre moitas outras.
Dentro do marco de colaboración entre NTT DATA e a UDC xorde UNIQA, un seminario feminino dirixido ao impulso das habilidades directivas e a marca persoal nas novas tecnoloxías e os traballos de futuro. Esta iniciativa, que comezará o próximo 12 de febreiro, busca impulsar o peche da brecha existente nas carreiras científicas e tecnolóxicas. Segundo datos do Ministerio de Educación, só o 26% das estudantes optan por este tipo de itinerarios, a pesar de que máis da metade do alumnado universitario, o 54%, é feminino.
Con esta colaboración e actividades como UNIQA, ambas as institucións apuntan ao incremento da presenza feminina nas vocacións científico-tecnolóxicas, aliñándose cos obxectivos da Unión Europea neste campo da educación.
A Asociación Amigus, centrada en divulgar, dende As Pontes, as posibilidades que se abren coas tecnoloxías abertas e argalleiras, organiza este mes de febreiro unha nova sesión dos Amigus Labs en colaboración coa Xunta de Galicia (AMTEGA). Trátase do Obradoiro Sensores CO2 Maker para combater a pandemia de COVID-19. Será o 12 de febreiro no local de Amigus nas Pontes (no 14 da praza do Hospital). Poderán participar argalleiras e argalleiros de todas as idades.
“Neste obradoiro”, informa Amigus, “abordaremos o proxecto de deseño e creación de aparellos de fabricación propia para medir a concentración de CO2 e avaliar o nivel de ventilación dun espazo concreto”. A finalidade é “axudar a determinar o risco de contaxio en caso de compartir o espazo con persoas infectadas, xa que unha ventilación suficiente reduce de forma dramática o risco (menos do 1%)”.
Na actividade formativa está previsto traballar diversos aspectos do deseño e creación deste tipo de trebellos, dende unha pequena parte teórica e técnica até o uso real dos propios sensores empregando Arduino/ESP-8266. Na sesión abordarase tamén o valor da autofabricación fronte a produtos comerciais. O obxectivo do obradoiro é permitir que as persoas participantes “adquiran coñecementos e bagaxe suficientes para poder abordar despois a creación de cadanseus aparellos e saber como empregalos”. O traballo farase por grupos, xa que de entrada cóntase con poucos sensores, e os prototipos resultantes quedarán na propia asociación para “o seu emprego e maior seguridade”.
A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura, amplía o programa de Residencias Artísticas no Gaiás á creación dixital e aos videoxogos con COMTECART, promovida en conxunto coa Universidade de Vigo. A iniciativa permitirá a 17 estudantes e egresados recentes da universidade aproveitar os espazos e recursos da Cidade da Cultura para desenvolver proxectos de videoxogos baseados en obras literarias galegas.
A directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe a convocatoria acompañada do vicerreitor do Campus de Pontevedra, Jorge Soto, e da profesora da Universidade de Vigo Beatriz Legerén, membro do grupo de innovación educativa COMTECART do que toma o seu nome esta residencia creativa.
Comunicación, tecnoloxía e arte son os tres piares sobre os que asenta esta nova residencia. Tres eidos que forman tamén a base dunha industria cultural, a dos videoxogos, que demanda o traballo en equipo de perfís moi diversos, desde aqueles ligados á enxeñaría de software e á programación ata profesionais da música, a arte, a literatura ou o deseño. Con este premisa, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou que a residencia COMTECART convoca o talento do alumnado universitario na Cidade da Cultura para que se coñeza e recoñeza entre si, favorecendo sinerxías que poderán ser o primeiro gromo de novas produtoras de videoxogo galegas.
Neste sentido, a Residencia COMTECART entronca coa aposta pola innovación e a creación dixital recollida no II Plan Estratéxico Cidade da Cultura (2021-2027), que aspira a converter o Gaiás nunha factoría de contidos culturais no que teñen cabida todas as manifestacións da arte e da cultura contemporáneas, entre elas tamén os videoxogos. O futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia ou programa de accións do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que contempla, entre outras, a posta en marcha dunha aceleradora empresarial específica, son tamén mostra do apoio do goberno galego ao sector.
As persoas seleccionadas na Residencia COMTECART formarán equipos multidisciplinarios que traballarán de maneira intensiva no Gaiás entre os meses de marzo e abril, baixo a orientación dun equipo de docentes da Universidade de Vigo. Nese tempo terán que completar todas as fases que implica a creación dun videoxogo, desde o concepto inicial ata o deseño de personaxes, narrativas, mecánicas de xogo e programación.
Trátase, segundo explicou a directora xerente da Cidade da Cultura, dunha experiencia pioneira en Galicia que busca achegar os estudantes aos procesos e ritmos de creación cos que se traballa na industria.
Os videoxogos que nacerán desta estadía terán ademais o valor engadido de tomar como base unha obra literaria, establecendo un proveitoso diálogo entre manifestacións diversas da arte e da cultura galegas.
O grupo de innovación educativa COMTECART que pon nome a esta nova residencia artística no Gaiás vén desenvolvendo con éxito experiencias similares dentro da Universidade de Vigo. A colaboración coa Cidade da Cultura supón un salto cualitativo fóra das aulas para o proxecto que lle permitirá aproveitar non só os espazos do complexo do Gaiás, senón a rede de recursos institucionais e relacionais que este pon á súa disposición.
A convocatoria para participar nesta iniciativa está aberta ata o 11 de febreiro. Poderán concorrer á mesma os alumnos matriculados no presente curso en calquera das titulacións de grao e mestrado que oferta a universidade, así como aquelas persoas que obtivesen o seu título no curso 2020-2021.
Ribeira informou de novas actividades de capacitación tecnolóxica para a cidadanía. Novamente materializaranse a través da aula CeMIT local, que levará ás parroquias de Olveira e de Oleiros os cursos de informática que foran suspendidos por mor da irrupción da pandemia. Serán de balde e desenvolveranse en febreiro e marzo nos centros sociais dos ditos núcleos de poboación. A maiores, celebraranse tres accións formativas na sede central da aula no barrio de Cubeliños.
Nos casos de Olveira e Oleiros, os cursos celebraranse entre o 14 de febreiro e o 30 de marzo, os luns e o venres (de 11.30 a 13.30 no caso da Casa de Cultura de Olveira e de 16.30 a 18 horas no do Centro Social de Oleiros). A intención é continuar con cursos sobre novas tecnoloxías nas diferentes parroquias do municipio.
Ademais, na aula de Cubeliños terán lugar outras tres accións formativas dedicadas a Ofimática con Libreoffice (do 7 de febreiro ao 30 de marzo, os luns e mércores de 9.30 a 11 horas), Uso Básico Móbil Android (do 7 de febreiro ao 10 de febreiro, de 11.30 a 13 horas) e Informática Básica (do 8 de febreiro ao 31 de marzo, os martes e xoves, con dúas quendas de 9.30 a 11 e horas e de 11.30 a 13 horas).
En todos os cursos as inscricións pódense formalizar ben na aula CeMIT ou ben vía web na páxina deste espazo local de alfabetización tecnolóxica.
Aínda que o Día da muller e da nena na ciencia se celebra o día 11 de febreiro en todo o mundo, o mes que arranca mañá martes estará, en boa medida, dedicado na Universidade de Vigo a dar visibilidade ao traballo das investigadoras e científicas e a fomentar as vocacións entre as nenas e rapazas. Para conmemorar esta data, a institución programa, en colaboración coa FECYT, unha serie de actividades, tanto nos campus como en institutos, pensadas principalmente para as alumnas de secundaria. Trátase de que, por unha banda, coñezan a ciencia e a innovación que se desenvolve nos laboratorios da Universidade da man das mulleres que forman parte dos grupos de investigación e, por outra, de achegarlles referentes femininos no campo da I+D.
A actividade central no campus de Vigo será o programa de obradoiros Elas fan Cientec, que terá lugar o 11 de febreiro, recuperando a celebración presencial desta actividade, tras a edición de 2021 desenvolvida en liña. A organización corresponde a docentes e investigadoras da Universidade, co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade. Consiste nun programa de 16 talleres prácticos que se van desenvolver no Cinbio e en tres escolas de enxeñaría do campus e nos que participarán catro institutos da provincia de Pontevedra. Así, o Centro de Investigacións Biomédicas acollerá a estudantes do IES Illa de Tambo que poderán realizar obradoiros sobre moléculas, síntese de nanopartículas en disolución, as propiedades dos materiais na escala dos nanómetros, a resposta inmunitaria ou os cromosomas sexuais e a herdanza ligada ao sexo. A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación tamén se uniu a esta celebración e programou, para as alumnas do IES Antón Alonso Ríos, un obradoiro de Lego Robotics, un taller de programación con Scratch ou introducións á programación web e ao seu funcionamento. Pola súa banda, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía recibirá ás rapazas do IES do Castro. Nos seus laboratorios poderán participar na xincana Science Games: Catching Fire, no concurso grupal The Wall ou en talleres de física e astrofísica, de materiais ou de minerais. Finalmente, Elas fan Cientec complétase coas propostas da Escola de Enxeñaría Industrial para o IES Valadares, con obradoiros de termografía infravermella, deseño e prototipado e espazo de exposición Open Lab.
A estas actividades prácticas de Elas Fan Cientec súmanse tamén unha serie de conferencias e relatorios que, ao longo do mes de febreiro, impartirán científicas e enxeñeiras da Universidade de Vigo en colexios e institutos de toda Galicia. En total, participarán nesta iniciativa 37 investigadoras e dous investigadores e 35 centros educativos, conformando un programa de 65 charlas presenciais e virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía.
A programación do 11F en Vigo complétase cun proposta innovadora que ten como finalidade poñer en contacto investigadoras de diferentes xeracións para compartir as súas experiencias como mulleres na ciencia. O debate terá lugar o mércores 9 de febreiro ás 19.00 horas no segundo andar do edificio Redeiras, e será de acceso libre ata completar a capacidade da sala. Nesta charla participarán Talía Rodríguez, do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade; Cristina Delgado, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Susana Reboreda, da Área de Historia Antiga e Carmen García Mateo, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións e investigadora de atlanTTic. Moderará o debate Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.
O campus de Ourense tamén se une á celebración do 11F, e faino retomando a feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Organizada pola Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Escola Universitaria de Enfermaría, a cita, aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia, celebrarase o propio día na céntrica rúa do Paseo. O obxectivo é proporcionar ao alumnado a posibilidade de participar na realización de experimentos científicos e tecnolóxicos e coñecer as titulacións STEM que se imparten no campus de Ourense.
O Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática (CCII), do que é presidente o tamén titular do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, foi unha das entidades distinguidas co ‘Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet polos Menores’ da Agencia Española de Protección de Datos (AEPD). Suárez recolleu hoxe esta distinción nun acto de entrega de premios que se celebrou na sede da Axencia en Madrid no propio Día Europeo da Protección de Datos [28 de xaneiro].
Na categoría ‘Premio ás Boas Prácticas Educativas en Privacidade e Protección de Datos Persoais para un Uso Seguro de Internet’, o xurado concedeu o premio na modalidade de compromiso de persoas, institucións, organismos, entidades, organizacións e asociacións, públicas e privadas, ao CCII, á Unidade de Psicoloxía do Consumidor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e UNICEF, polo ‘Estudo do impacto da tecnoloxía nos adolescentes’.
O estudo analiza os hábitos de uso de internet e as redes sociais, e no que participaron 50.000 alumnos de 265 centros educativos de Secundaria de todas as Comunidades Autónomas, co fin de xerar medidas e mecanismos de protección, educación e promoción dos dereitos de nenas, nenos e adolescentes na contorna dixital.
Na súa intervención, Fernando Suárez agradeceu este premio á AEPD e parafraseando a Teodosio dixo: “Se queres camiñar rápido faino só, se queres chegar lonxe vaite acompañado”. Segundo Suárez, neste informe participaron tres entidades que desde o primeiro momento demostraron colaboración, entendemento e unidade, pero lembrou que só se fixo unha parte do camiño, e que queda o máis importante, aproveitar as conclusións para mellorar.
“Temos que crear tecnoloxía non por eles nin para eles, senón cos adolescentes” –indicou. Insistiu que para percorrer este camiño deben continuar acompañados das familias, educadores, autoridades públicas, sector empresarial, é dicir, das empresas que desenvolven as aplicacións onde é absolutamente fundamental que manteñan criterios éticos no seu desenvolvemento, e sobre todo, dos adolescentes que demostraron un nivel de madurez moi importante nesta enquisa, na resistencia á covid e as súas limitacións.
Desde que aparecese Gmail no ano 2004 o seu uso foise estendendo ata converterse na plataforma de correo electrónico máis usada na actualidade. Con todo, é posible que entre o volume de correos electrónicos recibidos cústenos atopar aquilo que buscamos, ou perdamos información por non tela clasificada adecuadamente.
O obxectivo desta sesión é ensinarche a organizar o teu correo de Gmail, distribuír a túa bandexa de entrada e os teus emails para que poidas dispoñelo da forma que máis se axuste ás túas necesidades e que a navegación resulte áxil e eficaz.