Ao igual que hai uns anos Movistar iniciou a comercialización do smartwatch para cativos FiLIP, agora Yoigo introduce no seu catálogo o Pingonaut Kidswatch, que venden por 99 euros aos que habería que engadir 4,5 euros/mes para dotalo de conectividade móbil.
O reloxo permite a realización e recepción de chamadas (podendo configurarse unha listaxe branca para maior seguridade), permite enviar mensaxes de voz aos proxenitores, integra GPS, permite establecer zonas de seguridade (lanzando unha alarma ao saírse dunha área), amosa a hora en dixital ou analóxico, xestiónase a través dunha aplicación móbil para iOS e Android (que incluso permite administrar alarmas no reloxo), é resistente a salpicaduras (IP54) e a súa batería pode chegar até os 4 días en espera. Con este reloxo búscase poder localizar aos cativos en calquera momento, poder chamalos por teléfono dende números autorizados previamente e tamén permitir que chamen aos seus proxenitores con só premer un botón.
O produto ten un deseño robusto cunha estética que resultará agradable aos pequenos, aínda que o seu tamaño non é precisamente compacto, o que pode ser un problema para que os cativos o leven posto cando estean fóra do fogar.
O ano 2017 está a ser un dos anos máis importantes para a actividade do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG). Por que motivo? Pois, entre outras cousas, porque se celebran os dez anos da súa importante andaina defendendo a profesión informática na nosa terra e impulsando os avances tecnolóxico-dixitais da sociedade, das empresas e das administracións. As accións conmemorativas xa comezaron hai tempo, este 2017, pero neste remate de ano están a coller un significado especial. Para falar de todas estas cousas xuntámonos con Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e isto foi o que nos contou do pasado, do presente e, sobre todo, do futuro da entidade profesional.
Esta enfermidade progresiva afecta á capacidade de movemento do enfermo, para quen a tecnoloxía pasa a ter unha importancia clave na súa calidade de vida.
Por esta razón, querémosvos traer hoxe de forma moi breve tres exemplos de usos da tecnoloxía destinados a persoas que sofren esta enfermidade.
O primeiro deles e que a maioría xa coñeceredes é Mouse4all, unha aplicación deseñada para teléfonos móbiles que permite utilizar pantallas táctiles con pulsadores. Para iso, a aplicación move un eixo pola pantalla e o usuario pulsa o conmutador cando o aspa pase polo lugar desexado, o que permite ás persoas con dificultades de mobilidade utilizar as pantallas táctiles de dispositivos como teléfonos ou tabletas, co que iso supón na sociedade actual.
A segunda tecnoloxía que vos queremos traer é a cadeira de rodas autónoma na que traballa un equipo da Universidade da Lagoa, que recoñece o movemento ocular do usuario para fixar o destino sobre unha pantalla, ao que a cadeira se move de forma autónoma esquivando os posibles obstáculos.
Se Mouse4all abría a comunicación que permiten os móbiles e as tabletas ás persoas que sofren Esclerose Múltiple e teñen unha capacidade moi limitada de movemento, esta cadeira o que facilita é a súa capacidade de trasladarse dun lugar a outro.
Por último, queriamos falar da aplicación da realidade virtual en exercicios de rehabilitación e para frear o avance da enfermidade, como é o caso do equipo que dirixe a española Charo Ortín.
Este equipo utiliza a realidade virtual para ‘enganar' ao cerebro e facerlle crer que realmente está a mover unha perna, o que en moitos casos permite recuperar a mobilidade nas extremidades.
Unha terapia nova que abre un camiño de grandes esperanzas para as persoas que sofren Esclerose Múltiple.
O venres da semana pasada celebrouse en Ourense (La Molinera) a segunda edición do demoday da iniciativa de traballo colaborativo Go2work Ourense, un programa organizado pola Deputación e o Ministerio de Industria a través da EOI, coa colaboración do Concello, e co obxectivo de “pór en valor casos de éxito empresariais e promover o emprendemento de iniciativas locais”. Nesta edición presentáronse unha vintena de proxectos de diferentes sectores económicos en materia de comercio electrónico, novas tecnoloxías aplicadas a diversos sectores tradicionais (gastronomía, agro, ensino, moda), servizos turísticos e saúde, entre outros.
Manuel Baltar, presidente da Deputación, salientou “a importancia da innovación, da formación e da información no coworking”, felicitando aos emprendedores que impulsan iniciativas “para convertelas en realidades empresariais partindo dunha boa idea, principal elemento para iniciar un proxecto consistente e duradeiro”.
Ao longo da xornada, amais de presentar as iniciativas cada un dos emprendedores participantes, desenvolveuse unha clase maxistral a cargo de Jorge Vázquez, director executivo de Redegal, quen mostrou as claves do éxito desta empresa tecnolóxica local, centrada en servizos innovadores de desenvolvemento web e mercadotecnia en liña.
Segundo lembrou no acto o concelleiro de Promoción Económica de Ourense, Jorge Pumar, os participantes formaranse ao longo de cinco meses no edificio de La Molinera "froito do convenio de cooperación co Concello de Ourense, unha formación que repercutirá positivamente no sector produtivo da nosa provincia”.
Pola súa banda, Javier de Benito, director do Departamento de Aceleración empresarial da Escola de Organización Industrial (EOI), dixo que os emprendedores “son os principais protagonistas desta iniciativa” e agradeceu á Deputación de Ourense a colaboración a prol das políticas que melloren a empregabilidade e as oportunidades para a mocidade.
Este venres culminou un ciclo de sete meses de formación e mentoring para os máis de 80 emprendedores sociais da VI edición de BBVA Momentum, o programa de apoio a emprendedores sociais da entidade. O 'Pitch Day', que foi celebrado no seu El Centro de Innovación en Madrid, reuniu tanto a empresas e organizacións do terceiro sector, como a fondos de investimento públicos e privados e business angels. As 20 empresas españolas participantes presentaron os seus plans de negocio ante posibles investidores.
O acto foi inaugurado por Antoni Ballabriga, director global de Negocio Responsable de BBVA, quen quixo destacar a importancia deste tipo de programas que apostan por "facer un mundo mellor", posto que "BBVA Momentum sempre fomentou a innovación social aberta e a creación dun ecosistema de apoio para axudar a crecer ás empresas". "Queremos ser unha banca con impacto realmente positivo na vida das persoas. A través deste tipo de programas apoiámolo, grazas á innovación social e os seus emprendedores", sinalou.
A continuación, Rachida Justo, profesora de Empresa Social e Xestión Emprendedora no IE Business School, foi dando paso ás presentacións dos emprendedores, unha posta en escena que foi dividida en distintos bloques.
O primeiro deles centrouse na 'tecnoloxía inclusiva', sendo esta unha gran aliada para solucionar problemas sociais que antes parecían inabordables. Os emprendedores Pablo Santaeufemia (Bridge for Billions), Arancha Martínez (Itwillbe.org), Francesco Cavallari (Videogames without borders) e Pablo J. Cervera (ZeroAcoso) expuxeron as súas ideas e falaron de varios contextos onde as súas tecnoloxías serían de gran axuda. David de San Benito, head of Corporate Affairs en Cisco, foi o moderador.
O segundo bloque enfocouse na actividade de empresas dedicadas ao envellecemento activo. Aquí expuxeron as súas ideas Noelia López (Activiza), Daniel Eivissa (Aiudo), Guillermo Molina (FelizVita) e Ignacio Casanova (VITA Profesionais). Lucía Saborido, fundadora de Saraiva Senior, empresa participante en BBVA Momentum 2013, foi a moderadora.
O financiamento, un dos temas que máis preocupan aos emprendedores, tamén tivo cabida neste 'Pitch Day'. Nesa liña, Francisco Soler, director de Investimentos de Creas, falou sobre a súa organización -xa que é pioneira en España en utilizar o investimento de impacto para apoiar ao emprendemento social nas súas diferentes fases a través de varios fondos-, e sobre o estado do investimento de impacto no noso país. .
O coidado do medio ambiente protagonizou o seguinte bloque de presentacións que foi moderado por Enrique Cat, cofundador de Nostoc Biotech. Neste bloque quen deu a coñecer os seus proxectos foron Antonio Espinosa (Auara), Jesús Sánchez-Ostiz (E+P), María José Gil (Semente Nativa) e Fran Carballo (Smartbider).
A última mesa redonda, moderada por Carolina Rubio, coordinadora do Clúster for Patient Empowerment, contou coas presentacións de varios emprendedores cuxas empresas enfócanse na saúde e na discapacidade. Entre eles: Christian Loste (Cadea de Valor), José Eduardo Carretero (Clínica Humana), Esther García (Eneso) e Salvador Albalat (Witooth).
"Conectados pola Accesibilidade” é unha comunidade de persoas, entidades e organizacións que serve de punto de encontro para conseguir, a través do uso de solucións e ferramentas TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), ser un referente para os procesos de Transformación Dixital nas contornas de vida das persoas con discapacidade que favorezan a súa plena inclusión e participación na nosa Sociedade.
Esta comunidade xorde co obxectivo de crear un espazo que sirva de punto de encontro para:
A Comunidade conta co apoio e impulso de Plena inclusión, Down España, FEDACE, Confederación ASPACE, Orde Hospitalaria San Juan de Dios, o Hospital Vall d'Hebrón e a Fundación Vodafone España.
Xa son máis de 120 entidades a nivel nacional e europeo.
A nova web conta coa seguinte estrutura:
Pódense descubrir estas iniciativas desenvolvidas e seguir a actualidade dos proxectos en http://conectadosporlaaccesibilidad.com e con #conecta2Xaccesibilidad nas redes sociais.
Máis información en:
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar os premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e proxectos de innovación didáctica no ámbito da formación profesional en centros públicos, á que se destinan 500.000 euros. Deste xeito, a dotación orzamentaria destes galardóns é a máis alta da súa historia case duplicando a contía dirixida aos mesmos na edición anterior.
Os centros educativos poderán solicitar participar neste certame ata o 17 de xaneiro, en dúas modalidades diferentes. Os proxectos que se presenten na modalidade A terán como obxectivo a innovación tecnolóxica ou científica, e a mellora de procesos de produción ou de prestación de servizos. Estarán orientados a impulsar a transferencia tecnolóxica entre os centros educativos e o contorno produtivo. Ademais, estes proxectos deberían ter unha incidencia significativa na futura inserción laboral do alumnado e na súa empregabilidade, favorecendo a aparición de oportunidades laborais e iniciativas empresariais.
Pola súa banda, na modalidade B inclúense os proxectos que teñan como obxectivo a creación de materiais ou recursos didácticos que supoñan unha clara innovación nalgunha das familias profesionais. Estarán orientados á introdución e á aprendizaxe de novos contidos, tecnoloxías avanzadas, e instrumental ou maquinaria na aula ou no taller, potenciando o deseño de materiais didácticos, deseño de prototipos ou simuladores, laboratorios para prácticas ou maquetas, aplicacións informáticas, etc. Ademais, eses materiais deben ser doadamente trasladables a outros centros educativos onde se impartan as ensinanzas para as que foron deseñados.
As solicitudes deberán presentarse na páxina web da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, onde tamén se pode consultar máis información sobre a convocatoria.
Con esta convocatoria o departamento educativo da Xunta de Galicia busca potenciar as iniciativas innovadoras, o traballo colaborativo e a transferencia de coñecemento entre centros, empresas e outras entidades. Ao mesmo tempo, impúlsase a calidade e a excelencia na FP e o emprendemento como ferramenta para incrementar a empregabilidade dos titulados nestas ensinanzas. Neste sentido, cómpre lembrar o éxito de eventos como o FP Innova Galicia, que reuniu nun mesmo recinto un total de 40 proxectos de innovación -32 traballos e 8 miniempresas- nos que participaron 23 centros educativos e 30 empresas; así como a máis de 7.000 alumnos e alumnas de toda Galicia, que puideron coñecer de preto as potencialidades da formación profesional actual.
Os conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; fixeron hoxe entrega dos premios do concurso Eduemprende Idea, co que se busca estimular o emprendemento entre os máis novos. Alumnas e alumnos dun total de seis centros educativos recibiron estes galardóns, que a Xunta de Galicia convoca anualmente entre o alumnado matriculados nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño sostidas con fondos públicos. Desde que se comezaron a convocar estes premios, no ano 2015, presentáronse ás tres convocatorias un total de 91 proxectos, o que proba o éxito da iniciativa. Ademais, cómpre salientar que o proxecto co 1º premio na convocatoria de 2015 na modalidade B, BAIAVENTURA, acaba de constituírse como empresa e outros están traballando para a súa constitución.
Román Rodríguez explicou que con convocatorias como esta o Goberno galego demostra o seu compromiso coa cultura emprendedora desde a base do sistema educativo, con actuacións que estimulan a participación activa do alumnado no deseño de iniciativas innovadoras e creativas. Así mesmo, comprometeuse a seguir traballando nesta liña, tanto no sistema educativo non universitario como na propia Universidade, con sinais como a posta en marcha do primeiro Grao de Emprendemento dunha universidade pública en España.
O conselleiro de Educación quixo agradecer aos docentes a súa implicación e apoio aos alumnos en certames como o Idea, así como felicitar aos estudantes polo talento plasmado nos proxectos galardoados. “Demostrastes que, cun duro traballo a base de constancia, fostes quen de transformar as vosas paixóns nun modelo de negocio, que pode chegar a ser... o voso medio de vida”, dixo. “Todo conflúe no círculo: persoas, ideas e talento; os elementos esenciais para mellorar e innovar, en calquera ámbito”, rematou.
Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, tras destacar o esforzo levado a cabo polo alumnado para crear algo diferente e apostar “polo verdadeiro sentido da innovación”, sinalou a importancia da formación tanto para conseguir un contrato laboral como para emprender. Neste senso, referiuse aos cambios que a tecnoloxía dixital está a levar a cabo no modo de traballo das fábricas e as empresas apostando neste ámbito por unha cualificación especializada e adaptada á demanda do tecido produtivo.
Conde, así mesmo, explicou aos alumnos que a Xunta conta con diversas ferramentas para consolidar o camiño dos novos empresarios como as axudas para aos autónomos para iniciar a actividade (apoios de 4.000 euros para menores de 30 anos); os apoios para a contratación indefinida de traballadores (de entre 3.000 e 14.000 euros); o asesoramento do Igape; ou os espazos de coworking para madurar os proxectos que se desexan poñer en marcha.
A convocatoria consta de dúas modalidades, A e B, dirixidas ao alumnado de ciclos de grao superior e de grao medio, respectivamente. En ambas as dúas o primeiro premio será de 3000 euros, o segundo de 2000 e o terceiro de 1000. Ademais, todos os galardoados poderán incorporarse a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e recibir asesoramento técnico do IGAPE.
Na modalidade A o primeiro premio foi para o proxecto Eficonter, realizado por Juan Bautista Gracia Villalva, Alberto Ortiz Abas e Joshua Axel Pysar, do CIFP Someso (A Coruña); o segundo para Emega, S.L.N.E., desenvolvido por Jon Jhonn Alonso Aramburu e Néstor Soto Barreiro, do IES Luís Seoane (Pontevedra); e o terceiro para Plantación ecolóxica de Arándanos, un traballo de Almudena González Pardal e Tatiana Vázquez Alfaya, do CIFP A Granxa (Ponteareas).
No caso da modalidade B, o primeiro premio fai para José Manuel Abella Rivera, Jesús López Ramos e Rubén López Sánchez, polo proxecto Electricall, S.N.L.E, do IES Calvo Sotelo (A Coruña); o segundo foi para Lorena Láuzara Sánchez, Lara Medín Caramés e Iván Brea Liste, do CPR Nebrija Torre de Hércules (A Coruña), polo traballo Ihelpu, S.L.; mentres que o terceiro o recibiron Mª José Pinagorte Cedeño, Tony Manuel Búa Benítez, Antonella Franco e Irene Fandiño Parrado, do CIFP Compostela, polo proxecto Encontros, S.L.N.E..
Os primeiros premios do certame foron para proxectos de cooperativa e dunha aplicación móbil. Así, o da modalidade A, Eficonter é unha idea de cooperativa galega de traballo asociado de restauración de contedores marítimos para construcións modulares tanto temporais como permanente, que se encargaría de todas as fases do proceso produtivo, adaptándose ás necesidades do cliente. O proxecto segue as liñas da economía circular promovida pola UE, como unha alternativa ao sistema lineal actual, na que os produtos non se reutilizan unha vez finalizada a súa vida útil, evitando así un colapso no mercado. No caso da modalidade B, Electricall, S.N.L.E. é unha idea para a creación dunha aplicación en móbil para busca de profesionais, con rapidez e comodidade, na súa zona máis próxima. Dentro desta aplicación inclúese o desenvolvemento dun produto electrónico I+D+i, Electrosnail, que a través dun Kit de pastor eléctrico intelixente serviría para escorrentar caracois das plantacións
Na modalidade A o segundo premio foi para Emega, S.L.N.E., un proxecto de venda, instalación, mantemento e abastecemento de puntos de carga para coches eléctricos; mentres que o segundo da modalidade B levouno Ihelpu, S.L.; un traballo de desenvolvemento de produtos tiflotécnicos para persoas con discapacidade visual a través dunha aplicación cun lector de código de barras que facilitaría a descrición con voz das características dos diferentes produtos destinados á cadeas de téxtil, produtos alimenticios e museos.
O terceiro premio foi, na modalidade A, para Plantación ecolóxica de Arándanos, que inclúe a explotación, xestión e comercialización da mesmas; mentres que o gañador na modalidade B foi Encontros, S.L.N.E., un proxecto para a creación dun servizo de actividades de ocio dirixido a persoas maiores de 60 anos, con actividades como cerámica, cestería, sendeirismo ou karaoke.
O galardón ofrece ao alumnado a posibilidade de acceder a un despacho da rede de viveiros de empresa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Educativa ten instalada en 26 centros educativos, e nos que se ofrece un espazo de balde para que os titulados emprendan o seu primeiro proxecto de empresa apoiados por asesoramento técnico tamén gratuíto.
En concreto, a Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos compóñena os CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense), A Farixa (Ourense), A Granxa (Ponteareas), A Xunqueira (Pontevedra), Ánxel Casal - Monte Alto (A Coruña), As Mercedes (Lugo), Compostela (Santiago), Coroso (Ribeira), Ferrolterra (Ferrol), Manuel Antonio (Vigo), Paseo das Pontes (A Coruña), Politécnico de Lugo, Politécnico de Santiago, Porta da Auga (Ribadeo), Portovello (Ourense), Rodolfo Ucha Piñeiro (Ferrol), Someso (A Coruña), Valentín Paz Andrade (Vigo); e os IES Armando Cotarelo Valledor (Vilagarcía de Arousa), de Fene, García Barbón (Verín), Luís Seoane (Pontevedra), Montecelo (Pontevedra), Ricardo Mella (Vigo), Universidade Laboral (Culleredo) e Laxeiro (Lalín).
O Auditorio de Ferrol converteuse o sábado nun espazo de encontro e intercambio de experiencias e emociones grazas ao Encontro Mostra Transfronteiriza da Xuventude Emprendedora (Emotraxe). Á cita, organizada pola Xunta, acudiron uns 500 mozos de Galicia e o norte de Portugal, entre os que se atopaban membros de asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á mocidade, participantes en actividades de voluntariado, membros de grupos informais, así como técnicos, informadores, educadores e mediadores xuvenís que mostraron publicamente as súas vivencias de participación, compromiso social e de emprendemento.
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou o sábado a iniciativa e asegurou que o que se pretendía con ela foi “ceder a palabra á xuventude e darlle a oportunidade de amosar todo a seu potencial”.
Desde as 9.30 ata as 18.00 horas, o Auditorio serviu para que os mozos tivesen un espazo para trasladar os seus proxectos en distintos ámbitos, co “fin de xerar ilusión e contaxiar do seu espírito emprendedor e comprometido”, afirman desde a Xunta. Así, facilitouse a 28 entidades uns estands para que mostrasen as súas ideas aos asistentes.
O encargado de conducir o acto central foi o actor galego Rubén Riós e nel, ademais das tres mesas redondas incluídas no programa –“Mocidade en movemento, ou valor de tomar a iniciativa” (que contou, entre outros con Silvia Folgueira Rico e Miguel Paz Pena, gañadores dos campionatos de FP Galicia e Spain skills 2017), “Competencias clave para superar ou reto da inserción laboral e o emprendemento” e “Implicados ao 100%: iniciativas con impacto social”–, levaron a cabo dúas charlas, “Onde está o límite?” e “Emocións a través da mirada”, a cargo do televisivo Josef Ajram, catalán de ascendencia siria, e María José Freire Blanco, respectivamente.
Esta actividade enmárcase no proxecto ‘Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo' (Lidera), aprobado ao amparo do programa Interreg V a España Portugal 2014-2020, cun orzamento de 1,4 millóns de euros e unha duración de catro anos.
Así mesmo, forma parte da actividade “Emprende” da Xunta, dirixida a todos aqueles que desexen iniciar unha nova liña de negocio e que conten cun grao de madurez suficiente co obxectivo de apoialas, afianzalas e acompañalas durante a súa posta en marcha.
Ademais do goberno autonómico, son socios do proxecto a Fundación Galicia Europa; Cámara Oficial de Comercio; Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela; Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega); Instituto Português do Desporto e da Juventude; Federación Nacional de Asociacións Xuvenís Portuguesas (FNAJ); e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
Importancia do voluntariado
A asociación sociocultural ASCM tamén quixo estar presente en Emotraxe para compartir cos asistentes a súa experiencia co mundo do voluntariado e poñer en valor “as competencias que se adquiren a nivel profesional á hora de realizar esta actividade”, comentou a xerente da entidade, Paula Gárate, ao termo do encontro.
Para a ASCM este tipo de axuda é fundamental á hora de sacar adiante os seus proxectos e, tanto é así, que cada ano outorgan o premio “Voluntario do Ano” a algún dos membros do seu equipo. Tanto o ano pasado como este, a gañadores – María López (18 anos) e Adrián García (27)– comezaron na asociación para partir do programa de Voluntariado Xuvenil que pon en marcha a Xunta, polo que Paula Gárate destaca a importancia deste tipo de iniciativas debido aos resultados que se obteñen posteriormente.
Así mesmo, ao tratarse dun encontro galaico-portugués, a cita do sábado serviu tamén para fomentar a colaboración entre ambos os países nesta materia e debuxar posibles liñas de actuación conxuntas.