A Fundación Barrié e Pictoaplicaciones (iniciativa do Grupo Promedia, con sede en Milladoiro) están a impulsar un novo portal educativo que se dirixe a fortalecer a inclusión social das crianzas con necesidades educativas especiais pola vía da inclusión tecnolóxica (as novas tecnoloxías como porta de acceso a unha vida mellor). Estamos a falar do portal Pictoeduca.com, unha proposta web gratuíta e inclusiva que, entre outras cousas, permite crear e consultar leccións adaptadas para os nenos coas devanditas demandas específicas.
O proxecto, posible grazas ao mecenado da Fundación Barrié, ten tamén o obxectivo de crear unha comunidade infantil de escolares, aberta á participación activa de nais, pais e educadores, que teñen ao seu dispor unha ferramenta de administración para pendurar diferentes achegas, a leccións de todo tipo de materias (matemáticas, ciencias, música), vídeos, pictogramas ou imaxes, entre outros contidos dixitais.
En palabras dos seus creadores, Pictoeduca é un “completo portal que xunta unha gran variedade de material didáctico en diferentes formatos e cuxa formulación metodolóxica suporá un apoio importante dentro das Tecnoloxías de Apoio á Diversidade”. O sitio web, ademais, foi concibido desde unha formulación con carácter integrador, sen etiquetaxes e “asumindo a heteroxeneidade das persoas, universal, onde se compartan e intercambien coñecementos e se promova a inserción social”.
O propósito último, polo tanto, “é unha mellora na calidade de vida do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo proporcionando formación directa de e para profesionais e usuarios, reunindo os recursos necesarios para iso”.
Nun plano máis concreto, o portal e os seus diferentes recursos permiten facer cousas como dar forma a leccións empregando vídeos, imaxes e textos, e traducir todo a pictogramas cando as necesidades educativas dos nenos aos que nos diriximos así o require. Asemade, poderemos escoitar os textos que acheguemos e, para tirar partido das ferramentas que queiramos usar, teremos ao noso dispor vídeo-titoriais onde se nos explica como facelo.
Pictoeduca foi desenvolvido para PC e para móbiles con sistemas iOS e Android.
As tecnoloxías tamén están para romper barreiras, comunicativas e tamén sociais. Así o entenden os responsables do proxecto galego TalkAACtive, impulsado polo Grupo de Tecnoloxías da Información da Universidade de Vigo (Centro AtlantTIC, Campus de Vigo) e dirixido a fornecer ás persoas autistas dunha aplicación móbil que lles permita, no ámbito laboral, practicar e autoavaliar a súa fala e escritura mediante pictogramas, e todo isto grazas a un sistema de xeración de linguaxe natural. Segundo puidemos saber, a iniciativa foi seleccionada (xunto a outros dos proxectos das universidades de Salamanca e Málaga) na segunda convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles, lanzada pola empresa Indra e a Fundación Universia.
O Grupo de Tecnoloxías da Información, que grazas á súa inclusión na dita convocatoria recibirá 24.000 euros para o desenvolvemento do proxecto, está formado por Enrique Costa, Milagros Fernández, Silvia García e Jonathan Juncal e o director do mesmo, Javier González Castaño. Para o impulso da ferramenta móbil, o equipo de AtlantTIC contará coa colaboración das asociacións Teavi e Autismo Ourense, con cuxos usuarias e usuarias probará a aplicación. “Primeiro falaremos coas asociacións para ver a que ámbito laboral orientan ás persoas con autismo e así ver cales son as necesidades de comunicación nese ámbito. Logo, crearíase a aplicación móbil para esas persoas, adaptándoas a ese ámbito e axudándolle a practicar a comunicación, para que cando se incorporen ao traballo saiban as frases usuais”, explican Milagros Fernández e Enrique Costa.
O xurado da II convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de Tecnoloxías Accesibles, lanzada por Indra e a Fundación Universia, destacou dos tres proxectos seleccionados “a súa innovación e a excelencia tecnolóxica da solución formulada, así como a viabilidade para converterse nun produto ou servizo real que aínda non existe no mercado”. A súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral, o alcance do seu impacto e a súa gratuidade ou baixo custo para as e os usuarios finais, foron outras cuestións valoradas polos integrantes do xurado, que destacou a elevada calidade dos máis de 70 proxectos que concorreron á convocatoria.
Por certo que a elección de TalkAACtive na dita convocatoria non é o primeiro recoñecemento que recibe o traballo do Grupo de Tecnoloxías da Información no ámbito da comunicación de pictogramas e xeración del linguaxe natural. “Dentro do proxecto Accegal, que eu dirixo, temos publicadas varias aplicacións de comunicacións con pictogramas e unha das liñas de traballo do grupo é a xeración de linguaxe natural. A idea de unir estas dúas liñas foi previa a este certame e de feito o premio da Fundación Vodafone que recibiu Silvia García, cun dos galardóns Connecting for Good á Innovación en Telecomunicación, seguía esta liña”, lembra Costa.
O proxecto, titulado Librería para a xeración de linguaxe natural en castelán, ten o obxectivo de facilitar a comunicación de persoas con trastornos na fala a través da xeración de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras. A proposta que presentou e que conformaba o seu traballo fin de máster é unha adaptación ao castelán da librería SimpleNLG para a xeración automática de linguaxe natural a partir de seleccións de palabras.
A Fundación ONCE, coa axuda de Bankinter, aborda esta realidade nun novo episodio da serie de animación ‘On Fologüers' titulado ‘On shopping'–quinto capítulo da súa segunda tempada-, baseado no proxecto de oficina sustentable, no que se teñen en conta as necesidades de todas as persoas.
Nesta ocasión as protagonistas son María e Laura, con discapacidade física e visual, respectivamente, que comezan a prepararse para as celebracións de Nadal. A necesidade de poder contar con diñeiro en efectivo fará que busquen unha sucursal bancaria e na súa peregrinaxe darán coa oficina sustentable de Bankinter.
As oficinas sustentables de Bankinter teñen en conta no seu deseño, no seu funcionamento e na súa definición de espazos criterios de eficiencia económica e ambiental (medición, control, redución e compensación das emisións xeradas), así como de accesibilidade para calquera tipo de cliente, independentemente das súas capacidades físicas, sensoriais, cognitivas ou de idade.
Tras o éxito da primeira tempada, estreada en xuño de 2016, a Fundación ONCE volve a insistir neste formato para visibilizar e tratar de normalizar o día a día das persoas con discapacidade retratadas nunha cuadrilla de amigos que se enfrontan a situacións cotiás e que resolverán con moito sentido do humor.
Grazas á súa aposta por normalizar a discapacidade a serie da Fundación ONCE foi recoñecida co Premio Cermi.es na categoría de Comunicación e Imaxe Social da Discapacidade.
‘On Fologüers' pódese ver en Flooxer, plataforma audiovisual que apoia a creadores con talento e que conta con 1,5 millóns de visitas ao mes; e nas canles de redes sociais de Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM. A serie emítese nas canles de redes sociais da Fundación ONCE e tamén pode accederse a ela a través da web da Fundación ONCE.
A canle formativa de cursos online da Fundación ONCE, posto en marcha en colaboración co Real Padroado sobre Discapacidade, ofrece a partir do 7 de decembro, un novo Curso MOOC (Massive Online Open Courses) sobre a accesibilidade dos teléfonos móbiles para persoas con visión reducida.
O curso, gratuíto e de dúas semanas de duración, pretende dotar aos alumnos de coñecementos, competencias e habilidades sobre a accesibilidade dos teléfonos móbiles para que poidan comprender as principais dificultades que teñen os usuarios con discapacidade, neste caso visual, á hora de utilizalos, e, desde esta perspectiva, dotalos de ferramentas para entender a importancia de que a tecnoloxía sexa inclusiva. E é que, segundo explican os organizadores deste curso, a oferta de teléfonos móbiles existente no mercado é moi diversa. Estes dispositivos ofrecen unha variada gama de prestacións e servizos que, aínda que poden ser moi beneficiosos, non sempre son accesibles para persoas con discapacidade. Así, aspectos como o tamaño reducido da interface, as teclas e os elementos poden afectar a usuarios con dificultades visuais ou de manipulación. Pola súa banda, é posible que as persoas con perda auditiva teñan problemas para utilizar os servizos sonoros como as chamadas telefónicas ou o contido audiovisual, e aquelas con dificultades de comprensión poden non comprender o contido ou non aprender con facilidade a utilizar estes dispositivos. Para lograr que os alumnos entendan esta problemática, o curso conta con seis módulos formativos que inclúen vídeos, textos, test de autoevaluación, exercicios prácticos e ata un foro de atención docente. Ofrece temas como os titulados ‘Sociedade da información, para todos?', ‘Accesibilidade e usabilidade TIC', ou ‘Funcións de accesibilidade dispoñibles para usuarios con visión limitada', entre outros.
Esta formación está dirixida a persoas con discapacidade e as súas familias e asociacións; fabricantes de terminais de comunicacións móbiles e de operadores de comunicacións móbiles, especialmente a quen se dedica á comercialización e ao márketing; empresas e organizacións que contan con persoas con discapacidade entre os seus membros e, en xeral, a todos os que desexan contribuír e fomentar a inclusión nas TIC.
O equipo docente deste novo curso está formado por Natalí González, doutora en Comunicación pola Universidade Complutense de Madrid; David Zanoletty, enxeñeiro informático pola Universidade de Sevilla que tamén cursou o Máster en Enxeñería do Coñecemento pola Universidade Politécnica de Madrid, e Alejandro Rodríguez, doutor enxeñeiro de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid.
O curso comezou o xoves 7 de decembro de 2017 e contará con atención tutorial ata o día 21 do mesmo mes. Permanecerá aberto ata o 8 de abril de 2018.
A canle formativa de cursos online da Fundación ONCE estreouse o pasado ano e o seu obxectivo é abordar en primeira persoa o concepto de accesibilidade universal e a necesidade de incluír criterios de deseño para todos nos distintos proxectos. A súa posta en marcha enmárcase no convenio que manteñen a Fundación ONCE e o Real Padroado sobre Discapacidade e conta co apoio da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED). Accesible a través de UNED Aberta, a canle incorpora recursos educativos abertos, gratuítos, de calidade e accesibles para todos. O estudante obtén, ademais, o recoñecemento ou acreditación polos méritos conseguidos.
Máis información na seguinte ligazón: Curso en liña "Móbiles accesibles para todos UNED e Fundación ONCE".
O portal da Xunta vén de activar o soporte técnico eServizos para axudar aos cidadáns nas súas xestións online a través da sede electrónica e no uso de Chave 365, notifica.gal e a sala de sinaturas. Está dispoñible a través do espazo eServizos de xunta.gal (https://www.xunta.gal/eservizos) e ofrece asistencia en liña, guiando a usuario en función das súas dúbidas; manuais de axudas e respostas a preguntas frecuentes, así como avisos en caso de interrupción destes catro servizos da Administración electrónica.
Cómpre lembrar que a sede electrónica da Xunta facilita a cidadáns e empresas ata 1.400 xestións online coa Administración. O Servizo Chave 365 simplifica o acceso á sede electrónica a través dunhas claves no móbil do usuario, evitando así o uso de certificados dixitais. O sistema de notificacións electrónicas da Xunta envía ao móbil ou ao correo electrónico do usuario o aviso de que ten unha notificación da Administración e a sala de sinaturas permite asinar documentos online.
Con este nova canle de axuda online búscase facilitar o uso destes servizos dixitais, cuxa porta de entrada é xunta.gal. O portal autonómico ten unha media anual de 6 millóns de visitas, das que máis do 18% proceden xa de redes sociais e máis dun 43% se realizan a través de dispositivos móbiles.
Presencia da Administración na Rede
Actualmente, o catálogo de portais e redes sociais da Xunta suma a día de hoxe 250 sitios web e 287 canles en redes sociais, que contan con máis de 1,3 millóns de seguidores.
O reforzo da presenza da Administración autonómica en Internet forma parte da estratexia da transformación dixital que vén desenvolvendo a Xunta a través do Plan de Administración e Goberno Dixital, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnoloxica de Galicia (Amtega). Esta liña de actuación plasmouse na reorganización, simplificación e renovación da rede e portais baixo uns criterios de homoxeneidade e no impulso da presenza en redes sociais.
Apps e reutilización da información do sector público
Para dar resposta ao incremento de servizos en mobilidade impulsouse a publicación de aplicacións para dispositivos móbiles. Actualmente, son 28 as apps da Xunta, acumulan más de 650.000 descargas e abranguen servizos para demandantes de emprego (Mobem), para o ámbito educativo (abalarMóbil), para a mocidade (Carné Xove), relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute), coa pesca (Non piques-Non peques), co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus), e coas TIC na empresa (aplicación do Centro Demostrador TIC, CDTIC).
Fomentar a reutilización de información do sector público por parte de terceiros é outra das liñas de actuación do Plan de Goberno Dixital. O portal Abert@s ofrece 350 conxuntos de datos en formatos abertos que no que levamos de ano rexistrou máis de máis de 39.000 descargas.
Entre os días 11 e 21 de decembro preto de 1.600 alumnos de educación infantil de 32 concellos de Galicia poderán realizar as súas peticións de Nadal a Papá Noel grazas á rede de videoconferencia das aulas CeMIT, presentes en todas as comarcas galegas.
Os escolares de Educación Infantil de Betanzos, Celanova e Barreiros serán os primeiros que reciban esta visita nas aulas CeMIT destes concellos. Este intercambio de mensaxes comezará o luns 11 de decembro a partir das 11 da mañá, cunha duración de media hora en cada aula.
Por toda Galicia
Nos seguintes días, ata o 21 de decembro inclusive, conectarán con Laponia as aulas CeMIT de Abegondo, Bande, Beariz, Boiro, Burela, A Cañiza, Carballedo, Castro Caldelas, Catoira, Cerceda, Ferrol, Fisterra, A Fonsagrada, Leiro, Marín. Muros, Ourense, Ortigueira, Oroso, Pontedeume, As Pontes, Quiroga, Ribeira, Santa Comba, Sarreaus, Valga, O Vicedo, Vilagarcía, Vimianzo e Xunqueira de Ambía, ata completar así as 32 localidades que recibirán a visita virtual do noso Papá Noel.
Ademais dos alumnos de educación infantil dos diferentes colexios de Galicia, tamén terán a posibilidade de solicitar en directo os seus agasallos a Papá Noel o alumnado do Centro Pai Menni de persoas con discapacidade de Betanzos e as persoas con trastorno do espectro autista da Asociación Bata de Vilagarcía de Arousa
O obxectivo desta actividade, que neste ano cumpre o seu décimo aniversario, é facilitar a comunicación entre Papá Noel e os nenos e nenas destas localidades, que poderán falar e interactuar con el poucos días antes da Noiteboa.
Con este tipo de experiencias, a Rede CeMIT da Xunta de Galicia busca converter estas aulas multimedia en puntos de encontro dos municipios e dar a coñecer todas as posibilidades que ofrece este tipo de espazos de comunicación e a tecnoloxía da que dispoñen.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.
A listaxe completa e a localización das aulas CeMIT poden ser consultados en http://cemit.xunta.es/centros.
*Xúntase cadro cos horarios de conexión de cada aula
|
LUNS |
||
|
10:00 |
MUROS |
EEI de Muros |
|
11:00 |
CELANOVA |
Colexio Curros Enríquez |
|
12:00 |
BANDE |
C.E.I.P. Xoaquín Lourenzo Xocas |
|
MARTES |
||
|
10:30 |
BETANZOS |
Pai Menni |
|
11:00 |
CELANOVA |
Colexio Sagrado Corazón |
|
12:00 |
BARREIROS |
CEIP San Cosme |
|
MÉRCORES |
||
|
10:30 |
MARÍN |
|
|
11:00 |
BETANZOS |
E.I. Galiña Azul |
|
11:30 |
SARREAUS |
C.E.I.P. de Sarreaus |
|
12:00 |
OROSO |
CEIP do Camiño Inglés |
|
12:30 |
OROSO |
CEIP do Camiño Inglés |
|
13:00 |
OROSO |
CEIP do Camiño Inglés |
|
XOVES |
||
|
10:00 |
VALGA |
CRA de Valga |
|
10:30 |
ARZÚA |
CPR Nª Sra do Rosario |
|
11:00 |
PONTES, AS |
CEIP A Fraga |
|
11:30 |
PONTEDEUME |
CEIP Pontedeume |
|
12:00 |
PONTES, AS |
CEIP A Fraga |
|
12:30 |
VALGA |
CRA de Valga |
|
VENRES |
||
|
10:00 |
FERROL |
Colexio Belén |
|
10:30 |
ARZÚA |
CEIP ARZÚA |
|
11:00 |
SANTA COMBA |
CPR Plurilingüe Nª Sra Inmaculada |
|
11:30 |
VICEDO, O |
CEIP O Vicedo |
|
12:00 |
BOIRO |
CEIP Santa Baia |
|
12:30 |
BOIRO |
CEIP Santa Baia |
|
13:00 |
VICEDO, O |
CEIP O Vicedo |
|
LUNS |
||
|
10:00 |
BURELA |
Virxe do Carme |
|
10:30 |
ABEGONDO |
CEIP San Marcos |
|
11:00 |
FISTERRA |
CEIP Areouta + CEIP Mar de Fóra |
|
11:30 |
VIMIANZO |
CEIP San Vicenzo |
|
12:00 |
FISTERRA |
Nosa Señora do Carme |
|
12:30 |
VIMIANZO |
CEIP San Vicenzo |
|
13:00 |
CASTRO CALDELAS |
CPI Virxe Dos Remedios |
|
MARTES |
||
|
10:00 |
BEARÍZ |
CEIP Beariz |
|
10:30 |
BARREIROS |
CEIP San Miguel |
|
11:00 |
CATOIRA |
CPI Progreso de Catoira |
|
11:30 |
CAÑIZA, A |
CPI da Cañiza |
|
12:00 |
XUNQUEIRA AMBÍA |
Padre Crespo |
|
12:30 |
CAÑIZA, A |
CEIP de Valeixe |
|
13:00 |
LEIRO |
C.E.I.P. Emilia Pardo Bazán |
|
MÉRCORES |
||
|
10:00 |
ORTIGUEIRA |
CEIP José Mª Lage |
|
10:30 |
CERCEDA |
CPI O Cruce |
|
11:00 |
ORTIGUEIRA |
CEIP José Mª Lage |
|
11:30 |
CERCEDA |
CPI O Cruce |
|
12:00 |
VILAGARCÍA |
VAGALUME |
|
12:30 |
QUIROGA |
CEIP de Quiroga |
|
13:00 |
VILAGARCÍA |
Bata (Asociación de Autismo) |
|
XOVES |
||
|
10:00 |
RIBEIRA |
CEIP Galaxia |
|
10:30 |
RIBEIRA |
CEIP Galaxia |
|
11:00 |
CARBALLEDO |
Xose Luis Taboada - A Barrela |
|
11:30 |
OURENSE |
CEIP as Mercedes |
|
12:00 |
FONSAGRADA, A |
CEIP Sa María / E.I.l Galiña Azul |
SIMRA é un proxecto de investigación cooperativa, financiado polo programa H2020 da Unión Europea, que está a realizar os seus primeiros avances na identificación de exemplos de boas prácticas e das claves do éxito da innovación social nas zonas rurais marxinais de Europa e do Mediterráneo. O proxecto naceu co obxectivo de estudar e explicar os criterios que fan exitosa unha boa idea ou un proxecto en zonas que a miúdo se atopan infrapobladas, illadas ou de difícil acceso.
SIMRA busca solucións innovadoras para minimizar a problemática do medio rural a través da reconfiguración de prácticas sociais e implementando accións da sociedade civil probadas e exitosas. O proxecto, que involucra a 26 organizacións de Europa e a área Mediterránea –incluíndo países non europeos como Tunes e Líbano–, comezou en abril de 2016 e está previsto que finalice en marzo de 2020.
Para coñecer as claves do éxito da innovación social nas áreas rurais, SIMRA está a construír unha base de datos que recolle máis de 40 experiencias reais de innovación social en zonas rurais, para analizalas e comprender os mecanismos do éxito da innovación social. Algúns destes exemplos, xa foron seleccionados para analizarse en profundidade como casos de estudo, incluíndose iniciativas procedentes dos campos agrario, forestal, mariño, enerxético e de desenvolvemento rural, por exemplo:
Outros exemplos inclúen unha cooperativa de agricultura social que ofrece coidados diarios a nenos e/ou anciáns en granxas; un proxecto en Europa do Leste promovendo a agricultura ecolóxica para persoas en risco de exclusión social e que vai acompañado dun programa educacional; proxectos liderados por comunidades locais e de cultivo tradicional de alimentos; aeroxeradores xestionados por comunidades e proxectos de xeración de enerxía financiadas mediante micromecenazgo; ou proxectos de almacenamento intelixente de enerxía para comunidades rurais con subministracións intermitentes.
O proxecto SIMRA está a seguir os seguintes criterios á hora de analizar e avaliar as iniciativas: existencia dunha reconfiguración de prácticas sociais en resposta a retos sociais; compromiso activo da sociedade civil ou de organizacións comunitarias; que a novidade ou reconfiguración leve a cabo en zonas, e/ou con grupos sociais, que non participaran anteriormente e que hai unha mellora do benestar social a través de obxectivos ambientais, económicos ou sociais.
No proxecto non só participan activamente as organizacións sociais, senón que tamén hai unha plataforma de consulta para garantir que os actores implicados e as organizacións locais poden participar e beneficiarse dos resultados de SIMRA para responder as necesidades das comunidades locais.
Os resultados de SIMRA compartiranse ao longo de todo o proxecto e dirixiranse a decisores, políticos, organizacións de desenvolvemento local, comunidades e persoas individuais traballando na comunidade e no medio rural por toda Europa e o Mediterráneo. No contexto actual, no que o principal problema do mundo rural é o declive e o envellecemento da poboación, así como o aumento das presións nos sectores agrario e ambiental; a innovación social pode contribuír a revitalizar as comunidades rurais locais e axudarlles a xestionar os seus valiosos recursos naturais.
O Instituto Agronómico Mediterráneo de Zaragoza (IAMZ-CIHEAM) é co-lider do grupo de traballo de Comunicación, “difusión e accións innovadoras”, no que participa difundindo os resultados do proxecto a través dos medios sociais e dixitais, e organizando obradoiros e cursos nos que se darán a coñecer os resultados do proxecto aos actores interesados.
Se YouTube é un praza onde se xuntan millóns de persoas, calquera iniciativa que queira reivindicar de verdade o galego terá que pasar por forza por ese espazo de confluencia. Sobre todo se tempos en conta que non se trata dunha praza calquera: trátase do segundo buscador máis grande do mundo e o terceiro sitio máis visitado despois de Google e Facebook, cunha taxa de crecemento de 10 vídeos por segundo. Este 30 de novembro presentouse en Santiago a segunda edición dunha iniciativa que é como montar un estrado na dita praza e subir ben o volume para que se nos escoite. E facendo fincapé nas novas xeracións, que son as que lle inxectan a maior cantidade de combustible a YouTube. Estamos a falar da segunda convocatoria de Youtubeir@s, cuxo obxectivo é ateigar a Rede de vídeos na nosa lingua.
Segundo se lembrou na presentación, celebrada na Facultade Ciencias da Comunicación, o proxecto vén da man dos servizos de normalización lingüística de nove concellos, das nosas tres universidades e da Deputación da Coruña. Tamén se recordou que outra das finalidades é fomentar a creatividade con temas propios ao tempo que se xeran referentes en galego.
Na presentación participaron a coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, vicepresidenta da Deputación da Coruña, a vicerreitora de Servizos Universitarios da Universidade de Santiago, María do Carme Silva Domínguez e os responsables dos servizos de Normalización Lingüística dos restantes concellos implicados.
No acto, que tivo como distintivo máis visible unhas lentes vermellas nas facianas dos participantes (lentes que tamén apareceron no vídeo promocional proxectado e que serán un sinal ou marca youtubeira para fortalecer as ligazóns entre os vídeos a concurso e facilitar a súa identificación, a “marca” galega de seu), Fernández Valencia achegou unha serie de detalles importantes sobre a edición do ano pasado e a presente. Segundo dixo, este ano hai máis premios e máis contías a repartir (5.500 euros) en relación á convocatoria previa, e tamén máis entidades implicadas (por exemplo a Deputación da Coruña). Respecto da edición 2017, dixo que saldouse cunhas importantes cifras de convocatoria, con máis de 200 vídeos presentados da man de internautas de idades comprendidas entre os 17 e os 30 anos. Fernández Valencia tamén lembrou que o certame xa está a piques de comezar, e que a partir deste 1 de decembro poderemos presentar xa as nosas achegas audiovisuais de reivindicación do galego.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, fixo fincapé no potencial de promoción cultural da Internet: “Nas redes podemos refrescar a lingua, unha lingua que por desgraza aínda fica afastada de moitos ámbitos de uso”. A intención de Youtubeir@s, dixo, é conectar coa mocidade, xa que a mocidade está nas redes, e a mocidade é quen posúe verdadeiramente o poder para facer preservar a lingua que lle foi herdada. Tamén recordou que entre as novidades desta convocatoria atópase a de dar máis voz ás persoas maiores para que contribúan elas tamén ao obxectivo de reivindicar a lingua ao mesmo tempo que se impulsa a creatividade e a innovación.
Nos Premios Youtubeir@spoderán participar “todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle”. Segundo se fixo saber, as pezas deberán estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017 sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios, repartidos nun conxunto de categorías que, como dixemos, incrementan o seu número con respecto ao ano pasado. Así, o certame dividirase nos seguintes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público. Este último galardón, chamado #propostayoutubeira, será tamén unha das grandes novidades deste ano. A través deste premio, os membros de Facebook poderán propoñer a través dun comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayotubeira. Os vídeos propostos han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar na web youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores.