main content

main content
01/12/201709:12
Presentación da aplicación ADAppTA.
Santiago de Compostela

A Xunta apoia a posta en marcha dunha aplicación sobre accesibilidade nos campus universitarios santiagueses

  • O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu hoxe á presentación da aplicación ADAppTA da Universidade de Santiago de Compostela e GREDDIS
  • Trátase dunha ferramenta que permite identificar infraestruturas e servizos con necesidade de adaptación
  • O titular autonómico salientou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a importancia que ten a tecnoloxía para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas

 

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou esta mañá na facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela na presentación dunha aplicación móbil deseñada polo Grupo de estudo sobre os dereitos das persoas con discapacidade (GREDDIS) da Universidade de Santiago de Compostela.

A finalidade desta ferramenta tecnolóxica gratuíta é identificar infraestruturas e servizos con necesidade de adaptación no entorno dos campus universitarios. Trátase dun software que representa unha novidade mundial que permite marcar con foto xeolocalizada e comentar puntos concretos de xeito positivo ou negativo. O primeiro paso por parte do usuario para a súa utilización é instalar a app no seu dispositivo móbil. Cando o usuario observe un espazo ou acceso da USC non adaptado, este debe acceder á app, localizar dito espazo nun mapa, realizar unha fotografía do espazo, marcar o símbolo vermello de espazo non adaptado e, a continuación, escribir unha pequena descrición sobre o problema detectado. O mesmo proceso será realizado no caso de detectar un espazo accesible, marcando no seu lugar o símbolo de espazo adaptado. Grazas a isto, a app rexistra e amosa nun mapa os puntos adaptados e non adaptados para persoas con problemas de mobilidade.

Con esta información, elaborarase unha auditoría ou informe que permitirá coñecer as deficiencias para subsanalas. Así mesmo, a app empoder ao usuario con necesidades específicas como suxeito activo na busca de solucións e na mellora do proceso de adaptación das infraestruturas da USC.

Na súa intervención, Rey Varela salientou que este tipo de iniciativas poñen de manifesto a importancia que ten o mundo dixital para mellorar o benestar e a calidade de vida das persoas. “ADAppTA é todo un exemplo da tecnoloxía ao servizo de quen máis o precisan e resulta moi útil para salvar as barreiras físicas ás que se enfrontan cada día as persoas con discapacidade”, explicou o conselleiro.

O titular autonómico agradeceu o compromiso coa sociedade galega de GREDDIS e da Universidade ao poñer a andar esta nova ferramenta dixital, e animou a este grupo de estudo a seguir traballando xa que “para conseguir a inclusión plena e efectiva das persoas con discapacidade na sociedade en igualdade de oportunidades, é imprescindible a implicación de todos: administracións, axentes sociais e cidadanía en xeral”, asegurou.

Cómpre destacar que a Consellería de Política Social incrementa o seu orzamento para o vindeiro 2018 na área de Maiores e Persoas con Discapacidade nun 10% con respecto ao presente exercicio co obxectivo de mellorar a calidade de vida de todos os galegos e galegas.

 

01/12/201709:12
Emprendedores Think Big.
Madrid

Mozos emprendedores crean solucións disruptivas para mellorar o benestar social a través de Think Big

Nove grupos de mozos emprendedores do programa formativo de innovación e emprendemento social Think Big, da Fundación Telefónica, mostraron as súas experiencias e logros no ámbito social, da sanidade e da sustentabilidade a través das súas solucións disruptivas. Fixérono durante o 5º Demo Day, un encontro para compartir os proxectos de emprendemento social e dixital máis destacados dos desenvolvidos na última convocatoria do programa.

No ámbito da sustentabilidade, presentouse o desenvolvemento dun novo sistema de almacenamento de enerxía en forma de aire comprimido chamado ‘Comprimir é vivir' e o proxecto de agricultura intelixente para a optimización de cultivos extensivos, aforro en custos e uso eficiente dun recurso tan escaso como a auga, denominado ‘LegioAgro'.

 

Intelixencia Artificial, dispositivos conectados e Apps

Na área de saúde, déronse a coñecer os proxectos ‘HiBed', un dispositivo electrónico adaptable, tanto a camas hospitalarias como convencionais, para monitorar o estado dos pacientes en tempo real; ‘Around Us', que expón solucións disruptivas aplicando novas tecnoloxías para resolver problemas actuais de navegación e mobilidade; ‘Braille Writer', unha aplicación multiplataforma para que as persoas invidentes ou con agudeza visual baixa poidan acceder e xestionar a información na súa contorna dunha maneira sinxela, e ‘MamApp', unha ferramenta de prevención, seguimento e autoexploración para a detección precoz do cancro de mama.

En canto ao ámbito social, presentouse ‘Un botón para a vida', un dispositivo que axuda a posibles vítimas de violencia de xénero, a posibles vítimas de acoso escolar ou, mesmo, ao coidado de persoas dependentes; “Bauspace”, un cadro de mandos para a xestión de situacións de crises, e “@SAMEbullying”, un sistema de Intelixencia Artificial que detecta, prevén e trata o ciberacoso en redes sociais.

O programa Think Big enmárcase dentro do Telefónica Open Future. Desde a súa chegada a España (xurdiu en Reino Unido) impulsou máis de 1.630 proxectos nos que participaron máis de 15.000 mozos.

01/12/201709:12
Aula informática.
Santiago de Compostela

Mar Pereira destaca o papel dos profesionais das TIC como embaixadores das vocacións STEM

  • A directora da Amtega felicita ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia no seu décimo aniversario
  • Destacou a súa colaboración na formación e difusión das TIC en diferentes iniciativas da Axenda Dixital de Galicia

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, destacou o papel dos profesionais das TIC como embaixadores das vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) para difundir o amplo abano de posibilidades laborais que ofrece o sector tecnolóxico.

Mar Pereira clausurou o acto do X aniversario do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), ao que felicitou por esta década de traballo e ao que recoñeceu a súa colaboración na formación e difusión das TIC en diferentes iniciativas da Axenda Dixital de Galicia, claves para contribuír a xerar un clima de confianza entre os cidadáns e dinamizar o seu uso.

 

Os retos dos profesionais TIC

A responsable autonómica lembrou que, a pesar de ser un perfil moi demandado, en Galicia só un 9,3% dos alumnos matriculados no sistema universitario cursa carreiras do ámbito científico-tecnolóxico. Ademais, só o 29,1% das persoas matriculadas en carreiras STEM son mulleres, unha fenda de xénero que xa se percibe antes da universidade, xa que só o 33% das mozas optan polo Bacharelato Científico-Tecnolóxico fronte ao 46% dos mozos.

Neste sentido, Mar Pereira subliñou que incrementar estas cifras é unha responsabilidade conxunta que implica a Administracións públicas, universidades, colexios profesionais e sector empresarial, e que se está a afrontar cun enfoque multidisciplinar”.

Unha das liñas mais claras de actuación é a de espertar o interese pola tecnoloxía dende idades temperás. Nese eido, o Proxecto Abalar marcouse como reto adaptar o sistema educativo tradicional ao novo contexto dixital. Galicia está a apostar por unha educación dixital innovadora que este curso 2017/2018 conseguiu que 12.000 rapaces e rapazas estuden con libros dixitais. Así mesmo, a Estratexia Galega de Educación Dixital 2020, contempla o impulso das vocacións STEM.

Ademais, estanse a impulsar actuacións noutros ámbitos, moitas delas en colaboración co Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia como o de fomentar a especialización dos profesionais TIC ou facilitar o acceso a novas habilidades dixitais a outras profesións tradicionalmente afastadas do contexto tecnolóxico.

30/11/201713:11
Fogar dixital.
Santiago de Compostela

A Xunta abre unha consulta pública ao mercado para estender o modelo de teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade

  • Esta mañá celebrouse a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na busca de solucións para prestar servizos sociosanitarios no fogar
  • A administración autonómica xa está a traballar na creación dunha plataforma tecnolóxica única para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos
  • Permitirá a monitoraxe continua no domicilio de persoas maiores ou de pacientes crónicos para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telematicamente aos seus coidadores

 

A Xunta abriu esta semana unha convocatoria de consultas preliminares ao mercado para definir os servizos e solucións que permitan estender a teleasistencia avanzada no fogar na Comunidade. Esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) Mar Pereira, xunto co subdirector Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia da Consellería de Política Social, Luis Vázquez; e o subdirector Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón, mantiveron a primeira xornada de traballo con empresas interesadas en participar na consulta.

A Administración autonómica aposta por un modelo de Fogar Dixital Sociosanitario, que a través dunha única plataforma tecnolóxica permita a prestación tanto de servicios sanitarios como sociais no domicilio dos usuarios. Búscase a evolución da teleasistencia social actual, baseada no botón de alarma ante unha incidencia, a un modelo que permita identificar situacións de risco no fogar de forma automática e comunicalas telemáticamente aos coidadores ou prestadores de servizos.

O obxectivo desta consulta é identificar o modelo tecnolóxico que permita prestar no domicilio os servizos catalogados como teleasistencia avanzada. É preciso definir tanto os compoñentes tecnolóxicos cos que ten que contar o fogar, como a conectividade necesaria para o correcto funcionamento dos diferentes servizos, así como o modelo económico que permita estender de maneira eficiente a teleasistencia avanzada no territorio galego.

Entre os servizos que incorporará a teleasistencia avanzada están os relacionados coa domótica (detección de situacións de risco por escapes de gas, auga, lume...); os relacionados co estudo de alteracións nos hábitos no domicilio (patróns de actividade, caídas...); a xeolocalización dos usuarios; a telediagnose, teleconsulta médica, telemonitorización sanitaria ou os relacionados coa mellora da capacidade cognitiva dos usuarios.

Na actualidade, aproximadamente uns 5.000 fogares benefícianse do modelo de teleasistencia actual dentro dos programas impulsados pola Xunta. Estes fogares son susceptibles de beneficiarse da evolución a un novo modelo de telasistencia, así como outros colectivos de persoas maiores que vivan soas ou enfermos crónicos que así o requiran.

 

Actuacións en marcha: Activage, HSUE, Decreto Fogar Dixital

A Administración autonómica ten en marcha diferentes actuacións encamiñadas a facilitar este novo modelo de prestación de servizos sociosantiarios.

Así, no marco do proxecto europeo Activage, o Sergas, a Consellería de Política Social, a Amtega están a colaborar con Televés e a Cruz Vermella na pilotaxe de solucións de fogar dixital sociosanitario con 700 usuarios, 100 deles con necesidades puramente clínicas, 450 usuarios de prestacións sociais, e 150 con necesidades sociosanitarias.

As probas de diferentes solucións en función dos perfiles permitirá sentar as bases dunha futura carteira de servizos sociais prestados desde o fogar (coidado integral para os adultos de idade avanzada con enfermidades crónicas, a monitoraxe da actividade diaria, solucións de seguridade e confort en casa, de estimulación cognitiva ou de prevención do illamento social, etc).

Por outra banda, dentro do proceso de modernización dos servizos sociais, a Xunta puxo en marcha a Historia Social Única Electrónica, que proporciona aos profesionais deste área social, tanto a nivel autonómico como municipal, un acceso único ao expediente social dixital de 530.000 usuarios incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais. Xa está operativa en preto de 200 concellos e nun futuro será un dos instrumentos que facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar. A entrada en funcionamento do HSUE supón un avance cara á futura historia-sociosanitaria, que permitirá a completa trazabilidade da información do cidadán en ambos sistemas.

A nivel normativo aprobouse o Decreto que garante que as novas vivendas dispoñan das infraestruturas necesarias para ter acceso a servizos dixitais avanzados do Fogar Dixital, tanto sociosanitarios, como de eficiencia enerxética, domótica, seguridade ou confort.

Establece que para obter as licenzas oportunas será requisito obrigatorio proxectar e instalar as infraestruturas de soporte do Fogar Dixital. A norma obriga a incorporar unha serie de canalizacións, rexistros e espazos de reserva durante a fase de construción das vivendas e recolle tamén a recomendación de que estas se inclúan cando se rehabiliten ou remodelen as vivendas xa existentes.

 

Benestar e autonomía

A teleasistencia avanzada busca mellorar o benestar, a autonomía e saúde das persoas maiores ou con dependencia, convertendo o fogar nun lugar seguro e confortable para aquelas persoas maiores que tendo autonomía, e preferindo manterse na súa contorna social, precisan de servizos e coidados sociais e sanitarios que se poidan prestar a distancia.

Falamos dun servizo de gran importancia para acadar un modelo de prestación de servizos públicos sustentables na Comunidade onde o 23,6% da poboación ten máis de 65 anos, dos que aproximadamente 110.000 viven sós e a maioría prefiren vivir no seu fogar.

30/11/201710:11
Web www.caminodesantiago.gal nun smartphone.
Santiago de Compostela

Os peregrinos, cada vez máis tecnolóxicos

Os peregrinos que chegan a diario a Santiago de Compostela estanse a sumar cada vez máis ao uso das tecnoloxías como apoio ao seu percorrido polo Camiño de Santiago, enriquecendo así a súa experiencia da peregrinaxe. Nos dez primeiros meses do ano, medraron as consultas á web do Camiño de Santiago e tamén as descargas da aplicación móbil da Xunta de Galicia, así como o uso da conexión Wi-Fi nos setenta albergues da rede pública.

As descargas da app do Camiño de Santiago, que contén información útil sobre o trazado dos diferentes itinerarios xacobeos, dos albergues, dos recursos turísticos e dos distintos eventos dos que poderán participar no seu percorrido medraron no que vai de ano en máis dun 45% con respecto ao ano pasado. 

Gratuíta, dispoñible en galego, castelán e inglés e apta para as plataformas iOS e Android, suma xa preto de 13.000 descargas só nese período e continúa a ser a máis descargada das apps de Turismo de Galicia. Grazas a ela, os peregrinos poden consultar horarios, localización ou teléfonos en cada tramo. Ademais, teñen acceso ás condicións meteorolóxicas e ás direccións e contactos dos centros de saúde e emerxencias. A maior parte das súas funcións están dispoñibles sen necesidade de cobertura no móbil.

E tamén os peregrinos consultan cada vez máis a páxina web. Neste caso o número de visitas a www.caminodesantiago.gal superou as 221.000 nestes dez primeiros meses do ano. E cómpre subliñar dous datos: a duración media da sesión de visita é especialmente elevada, con máis de 5 minutos e medio por persoa, o que demostra que os contidos que atopan na web resultan de interese e satisfán as súas necesidades. Ademais, a maioría deles visitan máis dunha páxina, consultando unha media de 4.

 

WIFI para máis de 123.000 peregrinos nos albergues

Outra mellora impulsada grazas ao Smart Camiño é a dotación de conexión Wi-Fi na Rede Pública de Albergues, que suman un total de 70 establecementos. E o seu uso tampouco deixa de medrar. Nos dez primeiros meses do ano, son xa máis de 123.000 os peregrinos aloxados nalgún dos establecementos da Rede Pública de Albergues que se conectaron a ela. 

Todas estas iniciativas están incluídas no plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente por Turismo de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Trátase dunha das iniciativas enmarcada no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago, a folla de ruta coa vista posta no Xacobeo 2021 coa que a administración autonómica está a actualizar o Camiño de Santiago ao século XXI, dando resposta á súa internacionalización e diversificación.

30/11/201710:11
Antonio Fernandes.
Vigo

Antonio Fernandes salienta na UVigo as posibilidades laborais do ámbito hacker

A figura do hacker perante a sociedade está ateigada de connotacións negativas (mesmo delitivas), sendo esta visión tan simplista algo que dista bastante da realidade pois na actualidade a experiencia dalgunhas destas persoas están a axudar a atallar debilidades, atopar puntos febles e introducir medidas máis seguras dentro do ciberespazo. É o caso de Antonio Fernandes, hacker de Vigo que se achegou até a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro do ciclo Enxeñaría e Sociedade para falar de diferentes aspectos relacionados coa ciberseguridade.

Segundo explicaba Fernandes, “a ciberseguridade é unha materia transversal a calquera eido no que estea presente a tecnoloxía” e, pouco a pouco, mediante a transformación dixital, estará presente en “todos os sectores profesionais e no noso día a día”. De feito, o Internet da Cousas é un dos retos da ciberseguridade e “moitos dispositivos de IoT (Internet of Things) para uso persoal carecen das medidas de seguridade suficiente” e é preciso concienciar á sociedade da cantidade de “información de carácter persoal que damos consciente ou inconscientemente a estes aparatos no noso día a día”.

Dende a automatización da industria aos coches intelixentes, das casas domóticas aos teléfonos móbiles, a sociedade está cada vez máis conectada e, segundo o hacker, “temos que comezar a considerar que todos os servizos e produtos que se creen, deben pensarse coa ‘seguridade por deseño’, cousa que actualmente podemos dicir que en multitude de produtos non está ocorrendo”.

Para rematar, Fernandes quixo facer fincapé en que o eido doshackers estase a converter nunha opción máis a nivel laboral encamiñada ao alumnado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. De feito, o centro porá en marcha o vindeiro curso un Máster en Ciberseguridade e conta, dende 2016, coa Cátedra Deloitte en Ciberseguridade.

30/11/201710:11
Galardoados nos premios da revista Gadget.
Madrid

Os Fablabs Sociais, da Fundación Orange, gañan o Premio Gadget 2017 ao Impacto Social TIC

  • Os proxectos Fablabs Sociais, da Fundación Orange, foron galardoados polos Premios aos Mellores Gadgets do Ano da revista Gadget

 

A revista Gadget fixo entrega dos Premios aos Mellores Gadgets do Ano. Nesta VII edición, por primeira vez, incluíuse a categoría Impacto Social TIC, na que foi galardoado o programa Fablabs Sociais. Trátase dunha aposta pola formación e creación colaborativa na contorna dixital aberta para mozos en situación de vulnerabilidade.

Os FabLabs Sociais, da Fundación Orange, competiron  nesta categoría, xunto cos proxectos finalistas:  ProFuturo da Fundación TelefónicaEva Facial Mouse, da Fundación Vodafone, e Smart School, de Samsung.

 

Os Fablabs Sociais

Desenvolvéronse internacionalmente en 11 países. En España, vertebraron este proxecto a través dos programas Breakers e GarageLabs.

Breakers é un programa formativo dirixido a mozos en vulnerabilidade no que se estimula tanto a aprendizaxe de habilidades técnicas de deseño, prototipado electrónico ou fabricación dixital, con outras competencias transversais como o traballo en equipo, a presentación das propias ideas, etc. A iniciativa desenvólvese en distintos espazos da contorna Fab Lab e maker en tres convocatorias anuais

GarageLabs propón un espazo dixital e transformador na aula destinada a Escolas de Segunda Oportunidade ou centros de Formación Profesional Básica.

30/11/201710:11
Logos das entidades participantes.
Santiago de Compostela

Inserta Empleo apóiase en influencers para axudar aos mozos con discapacidade a atopar traballo

  • Mediante a serie de videotutoriais ‘Atopa traballo Por Talento' presentados por Juan Merodio e o Youtuber Breifr9

 

Inserta Empleo, a entidade da Fundación ONCE para a formación e o emprego das persoas con discapacidade, acaba de lanzar ‘Atopa traballo Por Talento' (https://youtu.be/qeXGioaLHRk), unha sinxela e práctica serie de seis videotutoriais de catro minutos cada un nos que se mostra aos mozos con discapacidade as claves para utilizar as ferramentas dixitais na procura de traballo de forma exitosa.

Ao longo destas pezas audiovisuais o Youtuber Breifr9, que conta con máis de 600.000 seguidores, sae á rúa para preguntar aos mozos sobre as maneiras que utilizan para atopar traballo e as dúbidas que se lles presentan. Unha vez formuladas, conecta con Juan Merodio, recoñecido conferenciante e consultor internacional en márketing dixital e en redes sociais, quen lles dá consellos para evitar os erros clásicos na procura de emprego e anímaos e informa sobre como facelo da maneira máis efectiva, utilizando as ferramentas dixitais.

Nesta produción, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e subida á canle Por Talento, Breifr9 fálalles de forma coloquial, utilizando unha linguaxe fresca e mesmo atrevido, sobre as Apps de emprego, páxinas web, blogue, foros e redes sociais imprescindibles para crearse unha boa identidade dixital e lograr un emprego nesta contorna.

Os videotutoriais abordan temas de suma utilidade como a elaboración dun vídeo currículo e como facelo visible na contorna dixital. Tamén indican aos mozos as aplicacións que lles farán ser máis competitivos e cales son as máis efectivas para a procura dun traballo, ademais de ensinarlles a crear un blogue que se converta nunha presentación dixital para o mundo laboral.

Inserta Empleo leva anos apostando polas novas tecnoloxías para mellorar as oportunidades de emprego das persoas con discapacidade. Proba diso é a posta en marcha de www.portalento.es, unha plataforma de emprego para facilitar ás persoas con discapacidade a procura de emprego e ás empresas os perfís que buscan. 

A produción desta serie enmárcase nos programas operativos de Inclusión Social e da Economía Social (Poises) e de Emprego Xuvenil (POEJ), que está a desenvolver a Fundación ONCE a través de Inserta, coa cofinanciación do Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil, para incrementar a formación e o emprego das persoas con discapacidade.

Usuario Twitter: @portalento_

Máis información sobre o mercado de traballo das persoas con discapacidade en España en: www.odismet.es

Máis información en: www.portalento.es

30/11/201710:11
Nena sendo identificada biometricamente en Bangalore.
Bangalore

A ONG Itwillbe aplica a identificación biométrica para visibilizar aos nenos da rúa na India e facilitarlles asistencia

Utilizar as últimas tecnoloxías para a protección da infancia é o que fixo a ONG Internacional de Cooperación ao Desenvolvemento e Concienciación, itwillbe, coa colaboración da tecnolóxica Fujitsu, aplicando o proxecto ChildMISS de identificación biométrica polo que, mediante un lector que captura información da persoa a través dunha exploración infravermella das veas e o osíxeno do sangue na palma da man, é capaz de identificar aos “invisibles”, os nenos e nenas da rúa.

O proxecto arrincou en Bangalore (India) e quere chegar pronto aos 11 millóns de nenos afectados en todo o país para crear unha base de datos correcta de menores para facer máis eficiente o traballo de intervención social dos centros e, o máis importante, mostrar ao Goberno indio datos, reais e transparentes, deste grave problema social. Antes de ser implantado, fíxose un proxecto piloto no colexio St. Michael's School en Madrid, con nenos de 6 e 14 anos, que foi todo un éxito ao conseguir un 100% de acerto na identificación con esta tecnoloxía.

 

Identificación biométrica das veas e o osíxeno do sangue

O sistema utiliza a solución de autenticación e identificación biométrica Palm Vein baseada nun lector ou escáner de veas sen contacto, que se integra a un portátil ou tableta onde se recollen todos os datos biométricos dunha persoa. Combina un sensor contacless xunto á seguridade biométrica e a identificación realízase en apenas un segundo. Cada patrón da vea da palma da man é único, mantense durante toda a vida e para poder facer a autenticación o sangue debe estar a fluír.

“En Itwillbe.org cremos firmemente nas novas tecnoloxías como ferramentas clave para acabar coa pobreza no mundo” sinala Arancha Martínez, directora da ONG, “se no sector privado os datos permiten ás empresas deseñar e producir os mellores produtos e servizos para cubrir as necesidades dos seus clientes, con máis razón o que traballa por erradicar os grandes problemas globais como a fame, a trata de persoas ou as epidemias debe ter acceso a datos fiables e a ferramentas de xestión dos mesmos innovadoras e eficaces”.

Itwillbe está na actualidade en conversacións con diferentes ONG como Mans Unidas, Acción contra a fame, Unicef India, entre outras moitas, para poder chegar a todos os colectivos vulnerables que carecen de identidade recoñecida, o cal dificulta o seu correcto seguimento para poder protexelos e axudalos. Entre estes colectivos figuran persoas migrantes e refuxiadas, vítimas de trata, desastres naturais, conflitos bélicos etc., ademais de ter aplicacións, por exemplo, en temas de epidemioloxía.

29/11/201709:11
Fotografías da exposición ‘Miradas Cercanas’.
Santiago de Compostela

Unha galería virtual mostra na internet como ven en España un millón de afectados por Baixa ‘Visión'

  • Unha iniciativa do Real Padroado sobre Discapacidade e a asociación Acción Visión España que forma parte do proxecto ‘Miradas Cercanas'

Con 106 asistentes aos cursos de fotografía e máis de 5.000 visitantes ás exposicións físicas onde se mostraron os seus traballos, ‘Miradas Cercanas', o proxecto creado pola asociación Acción Visión España e o Real Padroado sobre Discapacidade, utiliza agora Internet para mostrar á sociedade como ven o mundo as persoas con algunha disfunción visual, ademais de sensibilizar e achegarse á problemática da denominada ‘Baixa Visión'.

A ‘Baixa Visión' é aquel grao de discapacidade visual, independentemente da patoloxía que o provoque, que limita realizar con normalidade as tarefas da vida cotiá. Un problema que en España afecta a máis dun millón de persoas e que non pode corrixirse con lentes ou lentes de contacto, nin ten tratamento médico ou cirúrxico.

O obxectivo de Acción Visión España é axuntar os esforzos de diversos colectivos afectados por distintas patoloxías visuais correspondentes á ‘Baixa Visión' para facer unha fronte común que lles permita visibilizar, tanto na sociedade como na Administración, as necesidades que este colectivo demanda e aínda están por cubrir. ‘Miradas Próximas' forma parte deste proxecto.

Unha acción que consiste nunha serie de obradoiros de iniciación á fotografía onde os alumnos aprenden –de mans dun equipo de profesionais dese campo- as técnicas fotográficas básicas para, posteriormente, proceder á súa edición e transformar as imaxes para presentalas tal e como se verían con algunha das patoloxías de Baixa ‘Visión' (glaucoma, cataratas, aniridia, retinopatía diabética, miopía magna, etc.).

As cidades de Santiago de Compostela, Oviedo, Vitoria, Pamplona, Barcelona, Madrid, Zaragoza e Valladolid foron as sedes físicas dos cursos, a cuxa finalización se procedeu a expoñer ao público os mellores traballos, xunto con paneis explicativos das distintas patoloxías, co obxectivo de mostrar a realidade contemplada desde o prisma da discapacidade visual. Foi precisamente a exposición en Madrid, inaugurada o 16 de novembro, onde se acudiu o Real Padroado sobre Discapacidade, a través de Elena Jariod, xefa de Servizo da área de Programas e Actividades, para mostrar o seu apoio a unha “actividade coa que se tenta concienciar á sociedade de que existen outras ‘miradas' distintas ás nosas e ás que temos que ter en conta”.

Agora tócalle a quenda a Internet, desde onde se pode acceder a unha galería virtual cunha recompilación dos mellores traballos a través de ligazóns coas exposicións levadas a cabo nas diferentes cidades españolas. En todas elas, un visor permítenos visualizar a imaxe tal e como a vería alguén sen problemas de visión e, inmediatamente despois, como sería percibida por persoas con diferentes patoloxías da denominada ‘Baixa Visión'.

A gran maioría das persoas con Baixa ‘Visión' (glaucoma, cataratas, aniridia, retinopatía diabética, miopía magna, etc.) forma parte do colectivo da terceira idade. Dado que se espera que a poboación maior de 65 anos se duplique de aquí a 2050, é dicir, que a mediados de século case o 40% dos españois terá, polo menos, a idade de xubilación, é previsible que a cifra de afectados por algunha disfunción visual aumente exponencialmente nos próximos anos. Por esta razón, ademais do labor de divulgación, o proxecto ‘Miradas Próximas' tenta favorecer que a poboación con Baixa ‘Visión' teña acceso a unha atención socio-sanitaria (estimulación temperá, axudas técnicas, rehabilitación visual, etcétera) de calidade; atender ao cumprimento da lexislación de riscos laborais relativos aos traballadores con discapacidade visual, e impulsar a creación e desenvolvemento de protocolos de actuación en prol deste colectivo.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS