Unha de cada cinco mulleres españolas sufriu algunha vez abusos ou acoso na internet, singularmente nas redes sociais, segundo unha enquisa de Amnistía Internacional realizada en Dinamarca, España, Estados Unidos, Italia, Nova Zelandia, Polonia, Reino Unido e Suecia, e dada a coñecer este luns.
Na enquisa, encargada por Amnistía Internacional a Ipsos MORI, participaron 4.000 mulleres de 18 a 55 anos, das cales 911 dixeron que experimentaran abusos ou acoso na internet (un 22,8%), das que 688 declararon que os sufrían nunha rede social. As porcentaxes fluctúan entre o 16% en Italia, o 19% en España e o 33% en Estados Unidos.
Catro de cada 10 mulleres (un 41%) que sufriran abusos ou acoso na internet dixeron que polo menos nunha ocasión estas experiencias en liña fixeran que sentisen ameazada a súa integridade física.
"Internet pode ser un lugar temible e tóxico para as mulleres. Non é ningún segredo que a misoxinia e os abusos prosperan nas plataformas de redes sociais, pero este estudo mostra o prexudiciais que son as consecuencias dos abusos na internet para as mulleres que os sufriron", afirmou Azmina Dhrodia, investigadora de Tecnoloxía e Dereitos Humanos en Amnistía Internacional. Dhrodia indicou que "isto non é algo que desapareza cando saes da internet".
"Imaxina que recibes ameazas de morte ou de violación cando abres unha aplicación, ou que vives co medo de que se divulguen na internet sen o teu consentimento fotos sexuais ou privadas. O perigo especial dos abusos na internet é a rapidez coa que poden proliferar: un tuit insultante pode converterse en minutos nun aluvión de odio focalizado. As empresas de redes sociais deben empezar a tomarse en serio realmente este problema", engadiu.
Tensión, ansiedade, ataques de pánico
Amnistía Internacional preguntou a mulleres que se consideran a si mesmas usuarias da internet entre moderadas e activas sobre as súas experiencias de abusos e acoso en liña. En todos os países, algo menos da metade (un 46% en xeral e un 49% en España) das enquisadas que sufriran abusos ou acoso na internet dixo que eses eran de natureza misóxina ou sexista.
Entre unha quinta parte e unha cuarta parte das mulleres que sufriran abusos ou acoso (un 27% en España) dixo que estes incluíran ameazas de agresión física ou sexual.
O 58% das participantes de todos os países que foran vítimas de abusos ou acoso (o 64% en España) sinalou que estes incluíran racismo, sexismo, homofobia ou transfobia.
Un 26% das mulleres que sufriran abusos ou acoso en todos os países enquisados (o mesmo porcentaxe en España) indicou que se divulgaron en liña datos persoais ou que as identificaban (práctica coñecida tamén como 'doxxing'). E o 59% recalcou que os ataques procedían de persoas completamente descoñecidas.
A enquisa indica que o impacto psicolóxico dos abusos na internet pode ser devastador. Así, o 61% das mulleres enquisadas que dixeron que sufriran abusos ou acoso na internet (o 52% en España) indicaron que tiñan a autoestima máis baixa ou perderan confianza en si mesmas; o 55% (o 51% en España) experimentaran tensión, ansiedade ou ataques de pánico; o 63% (55% en España) recalcou que tivera problemas para durmir e o 56% (44% en España) comentou que os abusos ou o acoso na internet impedíanlles concentrarse durante períodos longos.
Leis adecuadas
Máis de tres cuartas partes das mulleres que dixeron que sufriran abusos ou acoso nunha plataforma de redes sociais (o 76%) fixeron cambios na forma en que usan esas ferramentas. No caso de España, o 54% recoñeceu estes cambios, que inclúen limitar os contidos que publicaban.
"As redes sociais contribuiron a aumentar a liberdade de expresión, incluído o acceso á información, de moitas maneiras. Pero, coa migración ao mundo dixital da discriminación e a violencia contra as mulleres de fóra da internet, moitas mulleres afástanse de conversacións públicas ou autocensúranse por temor pola súa privacidade ou a súa seguridade", apuntou Dhrodia.
Un 24% das enquisadas que dixeron que sufriran abusos (un 30% en España) destacaron que eses feitos fixéranlles temer pola seguridade da súa familia.
A enquisa indica tamén que as mulleres cren que as empresas de redes sociais deben facer máis. Só un 18% das enquisadas en todos os países dixo que as respostas das empresas de redes sociais eran moi adecuadas, bastante adecuadas ou totalmente adecuadas.
Amnistía Internacional pediu aos gobernos que garantan a existencia de leis, políticas, prácticas e formación adecuadas para previr a violencia e os abusos contra as mulleres na internet e acabar con eles, para o que considerou fundamental que non se impoñan restricións ou penalizacións indebidas ao exercicio lexítimo da liberdade de expresión. "Abordar a violencia e os abusos na internet non debe utilizarse como escusa para reducir o goce da liberdade de expresión", aclarou.
O vindeiro día 19 de 19:30 a 21:00 horas terá lugar a edición número 13 de Coruña Bloggers, encontro de seareiros do mundo dos blogs, a tecnoloxía, a Internet e as redes sociais, que se celebra na sede coruñesa da Fundación Barrié os últimos mércores de cada mes cunha finalidade solidaria, xa que os asistentes, en vez de aboar cartos para poder acudir ao evento, achegan un mínimo de un quilogramo de alimentos non perecedoiros para a Cociña Económica, estando a piques de superar os 2.000 quilos recollidos durante esta serie de encontros.
Esta nova edición de Coruña Bloggers será bastante especial, xa que o seu primeiro relator non acudirá en persoa, senón que intervirá mediante streaming. Tratarase de Phil González, fundador da comunidade Instagramers e autor do libro Instagram, ¡mucho más que fotos!, que na súa intervención titulada Instagram cumpre 7 anos! dará conta do que supón o grande fenómeno social na Internet que supuxo esta plataforma inicialmente centrada na fotografía, e que actualmente é todo un motor de tendencias e novos xeitos de comunicar.
A segunda intervención da xornada correrá a cargo de Carolina Regueira, creadora do blog Llegando a Puerto, quen compartirá 5 consellos propios do mundo do xornalismo aplicados a blogs. Centrarase nas chaves para escribir correctamente e nos trucos para que non falte información esencial nas entradas dos blogs.
Tras a parte formal do evento, os asistentes trasladaranse a un local de hostalaría próximo, La Taberna de Rita, onde continuar cunha sesión de networking, na que tamén se sortearán varios agasallos achegados por Opirata.com e 5 contas de hospedaxe web de Andaina Servicios Informáticos.
Para acudir a Coruña Bloggers prégase inscribirse previamente a través de Eventbrite.
O programa SmartPEME, impulsado pola Deputación de Pontevedra para capacitar dixitalmente aos autónomos, PEME e traballadores da provincia (a través dun intensivo programa de actividades desenvolvidas dende as sedes de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, en colaboración estreita cos concellos), segue a subir novos chanzos en materia de participación e de implicación. Así o lembrou a presidenta provincial, Carmela Silva, acompañada polo deputado de Innovación e Promoción Económica, Javier Dios, quen comezaron este 20 de novembro en Vigo unha xira polas diferentes sedes operativas de SmartPEME, as seis devanditas. Segundo recordou, o programa está a obter na devandita cidade “uns resultados espectaculares”. E engadiu: “No que levamos de 2017, realizáronse 194 asesoramentos TIC, fronte aos 86 do ano pasado”, o que representa, dixo, “un incremento moi notable”, de arredor do 12%.
Tamén salientou o feito de que se chegase, grazas ás actividades de formación TIC desenvolvidas polos técnicos de SmartPEME, a un total de 62 empresas. En termos de porcentaxe, esta cifra achega un incremento do 7% respecto ás 58 empresas do ano pasado. Ademais, engadiu, “creáronse 48 novas contas e realizáronse 56 obradoiros aos que asistiron 474 persoas, estamos chegando a un número moi importante de persoas”.
Carmela Silva enxalzou o empuxe innovador e emprendedor de Vigo e a súa contorna, cunha alta taxa de iniciativas postas en marcha e lideradas por mulleres, “o que fala de que cando temos unha estrutura que nos permita ter oportunidades e damos pasos cara a adiante, con todas as dificultades que temos, acadamos o éxito”. De feito, na visita ás instalacións de Vigo, a presidenta provincial estivo acompañada por Ana, unha deseñadora de interiores do Porriño cuxo proxecto de mercado representa, en palabras da Deputación, un claro exemplo de éxito acadado co apoio de SmartPEME, ao abeiro do cal acadou asesoramento para crear unha páxina web e para mellorar a vertente visual da súa iniciativa.
Carmela Silva sinalou que, “fronte a proxectos anteriores que puideron ter algunhas destas empresas e que foron realizados por empresas externas, unha das cuestións máis relevantes de SmartPEME é que é un servizo público, que polo tanto non busca beneficio propio”. E engadiu: “Os nosos instrumentos están adicados unicamente a que se beneficien as empresas”, lembrando que a previsión é ir engadindo, ao abeiro de SmartPEME e seguindo o ronsel da actividade xerada no que vai de 2017, “moitas novas accións”.
Igualmente fixo un repaso polos resultados de SmartPEME na provincia: en 2017 realizáronse 1.217 asesoramentos TIC, fronte aos algo menos de 1.100 do ano pasado (un incremento do 12%) e realizáronse 273 obradoiros (un 4% máis que no período anterior) aos que asistiron 1.936 persoas (un 13% que en 2016).
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Galicia Maker Faire, a feira anti-límites de desenvolvemento (trátase de recalcar a mensaxe de que todas e todos podemos facer tecnoloxía e innovación, mesmo partindo do coñecemento máis básico), xa está a piques de chamar ás nosas portas. Celébrase esta semana en Santiago, no Gaiás, os días 24, 25 e 26 de novembro, e, segundo lembraron hoxe as entidades organizadoras, constituirá “un escaparate para a creatividade e o enxeño pensado para todos os públicos e disciplinas”. O programa definitivo e os obxectivos consolidados de Galicia Maker Faire 2017 (terceira edición) foi dado a coñecer hoxe pola concelleira de Turismo en Santiago, Marta Lois, e pola organizadora do evento, Matilde Rodríguez. O evento fará honra ao seu nome: será Maker (ao amparo da filosofía do “faino coas túas mans”) e será Faire (un encontro multitudinario onde compartir recursos, enxeño e formación).
Este ano, sinalaron, introdúcense no programa “tres importantes novidades”. A primeira é que a cita, logo de que no 2015 se celebrase en Área Central e a segunda no Pazo de Congresos, terá lugar este ano na Cidade da Cultura. A segunda novidade é que a organización decidiu ampliar o programa do evento nun día máis, pasando de dous a tres (adicándose este novo día ao sector empresarial interesado nas múltiples posibilidades de desenvolvemento económico que ofrece a inventiva Maker). Tendo en conta isto, a estrutura das xeiras fica da seguinte maneira: a xornada do venres 24 será para empresas, mentres que os días 25 e 26 o evento estará aberto e contará con actividades para todos os públicos.
A terceira novidade é que o encontro, que nas edicións anteriores se celebrou no mes de outubro, pasa agora a celebrase no mes de novembro. Este cambio de datas, sinalou Marta Lois, vai “na liña de fomento da desestacionalización que se está desenvolvendo dende o Concello”, que traballa “co obxectivo de que a cidade acubille máis eventos de todo tipo nos meses de temporada baixa”.
A xornada do 24
Como dixemos, o evento contará por vez primeira cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xeira profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.
Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makersgalegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos durante ese día.
O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por emprendedores e estes terán unha gran oportunidade de acadar posibles socios e colaboradores”. Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard Stallman, creador do movemento do software libre.
Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e cooperativa”, explicouse.
Baixo o lema "TifloInnova 5.0... Unha tecnoloxía global", a mostra permitirá aos visitantes coñecer as últimas innovacións e solucións da tecnoloxía aplicada para as persoas cegas ou con discapacidade visual. Así, en 'TifloInnova 2017' reunirsanse fabricantes, desenvolvedores, distribuidores, usuarios, investigadores e profesionais, para compartir e dar a coñecer a tecnoloxía dirixida a facilitar a vida diaria das persoas con discapacidade visual.
As feira foi inaugurada pola secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Mª Carmen Vela Olmo, a vicepresidenta da ONCE, Patricia Sanz Cameo, o director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, Borja Fanjul Fernández-Pita, o director xeral da ONCE, Ángel Sánchez Cánovas, e o director do CIDAT, Guillermo Hermida Simil, entre outros.
Ademais, entre as novidades desta edición destacan a app 'Space', un espazo dedicado aos desenvolvedores de aplicacións útiles e accesibles para as persoas cegas, que mostrarán as aplicacións móbiles que permiten xestionar, organizar e administrar a actividade diaria das persoas con discapacidade visual, e que buscan contribuír na eliminación de barreiras e avanzar na accesibilidade e usabilidade. Neste espazo participarán as empresas Blind Explorer, Lazzus, Metrociego, Navilens, Sunu ou O Adestramento Cerebral ONCE-Vodafone.
Doutra banda, a feira contará cun espazo dedicado ao Grupo Social ONCE, onde se dará a coñecer o traballo en I+D+i da Organización que ten como obxectivo mellorar o acceso das persoas cegas ou con discapacidade visual grave á información e a tecnoloxía, con produtos e proxectos xa desenvolvidos, produtos de software, investigacións no ámbito educativo, solucións técnicas de información en relevo, acceso ao Braille, etc.
Pola súa banda, SAMUR-Protección Civil contará cun espazo no que presentará un proxecto que busca favorecer o acceso das persoas con discapacidade visual á desfibrilación pública, grazas á adaptación dos desfibriladores externos e sobre os contidos docentes en materia de reanimación cardiopulmonar (RCP).
A feira tamén contará con outras novidades como a proposta de Samsung sobre tecnoloxía de última xeración adaptada a través de televisores intuitivos, electrodomésticos e smartphones e tabletas, así como o dispositivo presentado pola empresa OrCam baseado en tecnoloxía de visión artificial que mellora a autonomía das persoas cegas, discapacidade intelectual e outras discapacidades.
Paralelamente celebraranse actividades relacionadas co mundo da tecnoloxía aplicada para as persoas cegas ou con discapacidade visual como as 'Xornadas de Encontro de Usuarios', cuxo obxectivo é achegar a tiflotecnoloxía a todas as persoas cegas que se acheguen. Ademais, as empresas especializadas en tecnoloxía adaptada a persoas con discapacidade visual expoñerán e realizarán demostracións dos seus produtos.
Por último, a feira ofrecerá a posibilidade de participar nalgúns obradoiros e actividades entre os que se atopan o Ximnasio Cerebral ONCE-Vodafone con xogos para móbiles e tabletas adaptados, o tiro con carabina ou a demostración de 'Braitico', un sistema inclusivo sobre a aprendizaxe do braille nas aulas dos estudantes.
Os protagonistas da serie 'on Fologüers' da Fundación ONCE viaxarán á Amazonía peruana, no marco do Día Mundial do Saneamento ou Día Mundial do Retrete de Nacións Unidas que se celebra o próximo 19 de novembro, para coñecer, coa colaboración da Fundación Aquae, a importancia de ter un retrete, segundo informaron ambas as entidades.
Así, a Fundación ONCE aborda esta situación no cuarto capítulo da segunda tempada da serie baseándose no proxecto de cooperación 'Auga limpa e saneamento na Amazonía peruana', impulsado por a Fundación Aquae en 2014 xunto a Unicef.
Nesta ocasión, será Toni, o protagonista con discapacidade auditiva que comunica en linguaxe oral, o que descubra a importancia de dispoñer dun retrete. Para iso, durante o capítulo 'On the water', Toni viaxará á Amazonía peruana para descubrir como un saneamento seguro pode cambiar a vida a miles de persoas.
Segundo o informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) e de Unicef, 2.100 millóns de persoas carecen de acceso a auga potable e dispoñible no fogar e 4.500 millóns non dispoñen dun saneamento seguro, o que leva a unhas consecuencias dramáticas para a saúde, a dignidade e a seguridade destas persoas, así como para o medio ambiente e o desenvolvemento social e económico.
Por iso, a Fundación ONCE e a Fundación Aquae colaboran neste capítulo que se sitúa na Amazonía peruana, onde o 85% da poboación non ten acceso a auga potable, e no que serán dous mozos de Loreto, poboación rural do Amazonas peruano, quenes expliquen como se constrúe un váter sustentable.
Ademais, segundo o presidente da Fundación Aquae, Ángel Simón, a meta do saneamento o Obxectivo de Desenvolvemento do Milenio no que menos se avanzou. "Ser conscientes do importante papel que xoga o saneamento para a saúde é o primeiro paso para conseguir este reto", asegurou á vez que recomendou "ofrecer cooperación en forma de transferencia de coñecemento ás persoas que máis o necesitan".
Pola súa banda, o director xeral da Fundación ONCE, José Luis Martínez Donoso, sinalou que o obxectivo da serie é "reflectir o concepto do deseño para todos". "Transmitimos valores como a solidariedade, o compromiso, o compañeirismo, que levados ao noso día a día permítennos lograr a inclusión das persoas con discapacidade", afirmou.
A serie 'On Fologüers' pódese ver en Flooxer, plataforma audiovisual que apoia a creadores con talento, e nas canles de redes sociais de Antena 3, La Sexta, Onda Cero Radio e Europa FM.
Os días 28 e 29 de novembro vaise celebrar no Campus de Ourense unhas xornadas destinadas directamente a loitar a prol da igualdade de xénero na industria do videoxogo, un ámbito, todo hai que dicilo, onde segue a haber maioría profesional de homes e que fica aínda inzado (en forma e máis en contido) de estereotipos de xénero que cómpre superar. Estamos a falar das xornadas Videogamificación e sexualidades: identidades, xéneros e discursos interactivos. Consecuencias para a industria e a educación. A respecto dos porqués da organización deste encontro, as docentes María Isabel Doval, da Facultade de Ciencias da Educación, e Alma Rodríguez, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, teñen claros os moitos motivos polos que cómpre visualizar o sexismo no sector: “A industria do videoxogo segue lonxe dos estándares de igualdade que debería manter”.
Segundo engaden as coordinadoras da iniciativa, “cada vez son máis as mulleres de peso na industria e as protagonistas femininas nos videoxogos e tamén son xa case a metade da porcentaxe de xogadoras habituais”. Porén, matizan, “as mulleres só conforman o 22% do sector de desenvolvemento e un 10% do cadro de competidores e competidoras profesionais en ligas”. Neste contexto, recalcan, xorde a necesidade tanto de dar a coñecer “o verdadeiro papel da muller na industria, da man de xornalistas, desenvolvedoras, estudantes, artistas e xogadoras profesionais”. As xornadas Videogamificación e sexualidades, patrocinadas pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, abranguerá conferencias, presenciais ou non, e diferentes mesas redondas e obradoiros prácticos, contando coa participación de expertos e expertas de diferentes eidos tanto do mundo profesional como académico. As actividiades arrancarán cunha conferencia sobre a reprodución de microculturas patriarcais e masculinidades hexemónicas a través dos videoxogos, a cargo de Jorge García, sociólogo da Universidade de Santiago de Compostela, e rematará cun obradoiro no que as persoas participantes probarán diferentes videoxogos para ver como se representa neles a sexualidade e levar a cabo unha análise crítica.
As xornadas están dirixidas sobre todo (aínda que non de xeito exclusivo), ao alumnado. As persoas interesadas poden inscribirse de balde ata o 26 de novembro en videojuegosygenero@uvigo.es.
O proxecto Rede de Escolas na Nube vaise ampliar a todas as Escolas Rurais Agrupadas de Galicia. Así o deron a coñecer este mes os impulsores actuais do dito proxecto, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a empresa Balidea e máis a Xunta (AMTEGA e a Consellería de Educación e Cultura). Como lembraremos, a Rede foi creada hai case oito anos co obxectivo de explorar (e explotar) as vantaxes da computación na nube (cloud computing) desenvolvidas na contorna das pequenas escolas rurais, na nosa terra os Centros Rurais Agrupados (CRA). O dito traballo foi posible na súa orixe grazas ao apoio financeiro que HP Labs emprestaba ao CESGA e en 2014 recibiu un importante pulo orzamentario para un proxecto europeo de cara a validar e mellorar os achados obtidos noutras zonas rurais e illadas de Europa. Agora, a Rede de Escolas de Nube volve recibir impulso coa posibilidade de espallarse a todo o noso rural.
A dita nova (o espallamento da iniciativa) deuse a coñecer nunha xuntanza entre a Consellería de Educación e AMTEGA, por unha banda, e os equipos directivos de todos os Centros Rurais Agrupados (CRAs) de Galicia. Na presentación da Rede de Escolas na Nube ofrecéuselles a posibilidade de incorporarse ao proxecto. Como recordaremos, catro deles (o CRA Boqueixón - Vedra Neira Vilas, o CRA de Vilaboa Consuelo González Martínez, o CRA Amencer de Ribadavia, e o CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso) están a participar desde 2012 como centros piloto ao abeiro da iniciativa. O proxecto de innovación educativa Rede de Escolas na Nube xurdiu como colaboración entre o CESGA, quen coordinou a iniciativa, a empresa galega Balidea Consulting & Programming, a Consellería de Educación e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia. Segundo se lembrou na xuntanza, a Rede de Escolas na Nube supón “un modelo de infraestrutura, servizos e metodoloxía de traballo baseado en computación cloud e software aberto ao servizo do ensino e a colaboración entre as escolas rurais distribuídas, creando unha rede na que se poidan compartir de maneira segura experiencias educativas, materiais e aprendizaxe, adaptada a contorna ás necesidades deste modelo de escola rural distribuída e multinivel”.
Asemade, fíxose fincapé nos bos precedentes abertos polo proxecto: “A Rede de Escolas na Nube é un claro exemplo dunha colaboración de éxito entre institucións públicas e privadas galegas”, unha iniciativa que, neste caso concreto, é quen de “repercutir nun beneficio directo para a sociedade, así como nunha aposta de futuro para a creación de produtos innovadores made in Galicia”.