O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación dentro do programa Coruña Dixital vai rematar ao grande a súa tempada de outono, xa que o 30 de novembro na Aula Náutica da Universidade da Coruña celebrarán un encontro co estadounidense Lance Weiler que baixo o título de Frankenstein e a Intelixencia Artificial achegará un experimento de narrativa colaborativa.
Weiler é unha figura internacional no eido da narrativa transmedia, que amosará o seu último proxecto en directo, o que supón unha grande oportunidade para participar nun relato colectivo no que se exploran os temas do clásico literario de Mary Shelley.
O proxecto de Frankenstein AI ten como obxectivo a creación de historias utilizando a literatura, a historia e código nun esforzo para unha mellor comprensións dos desafíos que enfrontamos no século XXI. Os participantes de todo o mundo poden utilizar a intelixencia artificial, o machine learning, a robótica, a bioenxeñaría e a Internet das Cousas para crear un monstro feito por moitos. Esta iniciativa do Digital Storytelling Lab da Columbia University School of the Arts está a desenvolverse ao longo de numerosas localizacións e en distintas fases nas que o coñecemento xerado compártese baixo licenzas abertas dun xeito semellante ao proxecto anterior do laboratorio, Sherlock Holmes & the Internet of Things, que durante uns dous anos e medio conseguiu contar con máis de 2.500 colaboradores de 60 países. Mentres o proxecto de Sherlock estaba orientado ao hardware, desta volta a tecnoloxía (a intelixencia artificial) é ubicua e adaptativa, o que supón un enfoque moi diferente, no que os participantes interactúan dende o primeiro momento.
O Concello de Vigo vén de anunciar que vai formar, en estreita colaboración coa operadora de telecomunicacións Telefónica, a dúas ducias de persoas sen emprego en programación Java. A actividade formativa foi presentada polo alcalde, Abel Caballero, quen lembrou a importancia desta temática (a creación de ferramentas informáticas baseada na dita linguaxe de programación, a máis estendida e popular de cantas linguaxes se empregan hoxe en día) e as posibilidades que se abren co obradoiro Emprego dixital, que xorde tralo convenio asinado polo Goberno local coa Fundación Telefónica.
Segundo fixo saber, trátase dun itinerario de traballo dirixido á formación na linguaxe de programación Java de 25 persoas desempregadas, viguesas/es de entre 18 e 35 anos, que contarán coa participación de expertos e referentes no sector. Recibirán clases teórico-prácticas validadas polas empresas colaboradoras.
A formación en Java, unha das linguaxes de programación con máis demanda no sector tecnolóxico, comeza o 24 de novembro e prolongarase durante cinco meses con clases impartidas nas instalacións do Auditorio Mar de Vigo en horario de mañá. A inscrición realízase na web da Fundación Telefónica.
A nosa diversidade é tan ampla e tan “diversa” que tamén se aplica ao noso xeito de comunicarnos: cada persoa ten o seu xeito. A clave está en abranguer a todas e todos e non deixar a ninguén fóra. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto galego Accegal, que, partindo da base dos atrancos que supoñen os modelos de comunicación xenérica, cen por cen textuais, aposta pola comunicación visual, pictográfica, aplicada ao ámbito das TIC. Máis polo miúdo, ao ámbito dos smartphones e as tabletas. Estes, a xuízo dos responsables de Accegal, brindan ás persoas con diversidades comunicativas unha “nova posibilidade para interactuar coa súa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social”. Dito doutro xeito: Accegal busca accesibilidade e inclusión poñendo o foco nuns elementos que se teñen criticado en repetidas ocasións por excluidores: os móbiles. O proxecto arrancou en 2011 e as súas aplicacións, nove, xa acumulan máis de 80.000 descargas.
Accegal vén da man do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago de Compostela. Durante estes seis anos, educadores e enxeñeiros deseñaron e puxeron a disposición da sociedade nove aplicacións que se basean “na comunicación alternativa e aumentativa”. Entre todas elas, como dixemos, acumulan máis de 80.000 descargas a nivel internacional. Estes e outros datos veñen de ser achegados por un dos enxeñeiros de Accegal, Jonathan Juncal, quen avaliou o impacto e a efectividade das nove ferramentas ao abeiro da súa tese de doutoramento. Nela o investigador demostra a utilidade destes recursos e avalía o seu correcto funcionamento. Trátase das ferramentas VirtualTEC (a primeira da serie, fornecida en 2011), PictoDroid Lite, PictoDroid, PictoDroid Head Lite, PictoDroid Med e PictoTalk, que empregan comunicación mediante pictogramas e MessageTTS, MyKeyboDroid e SubTitleMe, que ofrecen comunicación mediante caracteres convencionais.
A finalidade de todas estas aplicacións, sinala Juncal, é “dar soporte a persoas con diferentes tipos de discapacidade que afectan gravemente á súa capacidade comunicativa, aproveitando o potencial da tecnoloxía móbil para crear solucións sinxelas, dependentes do sistema operativo Android”. Segundo engade, trátase “dun paso adiante respecto aos comunicadores tradicionais, máis estáticos e caros, xa que os smartphones e as tabletas permiten o emprego dos comunicadores en calquera lugar, de forma rápida e sinxela”.
Onte entregáronse en Santiago uns galardóns que salientan a importancia de dixitalizar e innovar os nosos negocios e que visualizan ao máximo o traballo ben feito neste sentido. Estamos a falar da edición 2017 dos premios Smart Commerce, convocados pola Consellería de Economía co obxectivo de recoñecer aqueles comercios da nosa terra que “aposten por situar ao cliente no cento da súa estratexia”, e facéndoo botando man de ingredientes como a mercadotecnia dixital, o comercio en liña, o posicionamento en buscadores ou o uso das redes sociais. Na cita participou o conselleiro Francisco Conde, quen lembrou que Internet “é unha realidade presente que permite mercar en calquera intre ou lugar do mundo” e desta realidade, engadiu, “os nosos comerciantes son cada vez máis plenamente conscientes”. Volvendo aos galardóns, artelláronse en tres categorías. A primeira, o premio Smart Commerce, incluíu unha contía de 3.000 euros para o premiado a nivel de Galicia e 1.500 para o escollido en cada provincia.
Ao abeiro desta primeira modalidade distínguense os comercios galegos que desenvolven iniciativas innovadoras que supoñen “unha clara diferenciación e mellora no mantemento de clientes”, que impulsan “accións de promoción especiais” e que salientan polo uso das canles on line e off line de comunicación e venda.
Nesta segunda edición dos galardóns, obtivo o premio Smart Commerce Galicia e Smart Commerce Pontevedra a tenda de moda infantil Las Merceditas de Iria, especializada en moda infantil e que conta tamén con tenda dixital.
A librería coruñesa Moito Conto, que incorpora elementos TIC dentro dun espazo tradicional de venda ao público e cunha importante presenza nas redes sociais, fíxose co Smart Commerce da provincia A Coruña. En Ourense resultou galardoado o establecemento de moda Clothes&Co, que conta con establecemento dixital e presenza en redes sociais.
Polo que se refire á segunda categoría, o premio eCommerce, diríxese a a recoñecer, cunha contía de 1.000 euros, o comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de Internet. Nesta edición, recaeu en Filament2 Print, con sede en Nigrán, tenda adicada a comercializar materiais para a impresión 3D.
Ademais, a través do premio Social Commerce, cunha dotación de 1.000 euros, saliéntase e visualízase o negocio que “amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes”. Este ano obtivo este recoñecemento Blue Popelina, de Betanzos, unha tenda on line que ofrece prendas de vestir e accesorios multimarca, facendo das redes sociais o seu escaparate.
A Deputación de Lugo achegou hoxe datos de interese (sobre todo de cara ás entidades participantes), acerca da edición número catro do programa Ben Empregado da entidade provincial, salientando a apertura de prazo desta nova convocatoria (a cuarta), o seu obxectivo fundamental (impulsar a contratación de persoas desempregadas no seo das entidades da provincia) e a súa fortalecida vertente TIC (fomentando novamente, entre outras moitas profesións, as profesións ligadas ao dixital). A Deputación informou hoxe de que 336 empresas e colectivos da provincia optan ás axudas para contratar a novos traballadores que ofrece o Goberno da Deputación a través do programa.
As entidades aspirantes, engade a entidade, deberán consultar as súas solicitudes en deputacionlugo.gal e, de ser necesario, completalas ou modificalas para seguir concorrendo ás subvencións de até un máximo de 22.000 euros que inclúe dita programación.
Con estes 22.000 euros asumiranse, durante un ano, os custes laborais dos desempregados lucenses que pasarán a ser persoal dos seus equipos profesionais. Poden facelo dende hoxe e até o 24 de novembro inclusive.
A contía total de axudas é de 2,2 millóns de euros.
Na resolución das subvencións favoreceranse as empresas e colectivos que non se teñan beneficiado das anteriores edicións do Ben Empregado; ás que ofrezan contratacións indefinidas do posto subvencionado, medidas específicas de conciliación laboral, de protección do medio ambiente ou de responsabilidade social e corporativa. Ademais, valorarase positivamente que os promotores das entidades sexan de nova creación, impulsadas por mulleres, mozos de entre 16 a 35 anos ou maiores de 45.
Os entes que resulten beneficiados deberán aceptar ao traballador asignado pola Deputación e mantelo no seu cadro de persoal durante un período mínimo de 12 meses de duración; manter o cadro de persoal, incluíndo aos anteriores traballadores das edicións do Ben Empregado, durante a vixencia deste programa; facilitarlle ao contratado os medios técnicos necesarios para o desenvolvemento das súas tarefas; ou achegar ao organismo provincial nos primeiros 10 días do mes a nómina e xustificante de pago do traballador correspondente, entre outras obrigas.
Lembrar que entre os postos máis impulsados nas anteriores entregas de Ben Empregado figura o de community manager. Ao abeiro desta etiqueta figuran os profesionais que constrúen, xestionan e administran comunidades en liña arredor dunha marca en Internet.
A Deputación engade que Ben Empregado 4 responde a un duplo obxectivo do Goberno provincial: por unha banda combater a taxa de paro na provincia (“xerando postos de traballo de calidade ao incorporar cláusulas sociais nos contratos para salvagardar ou mellorar os dereitos laborais dos traballadores”) e, pola outra, “contribuír ao pulo da actividade do tecido empresarial e asociativo da provincia na procura da dinamización da economía lucense”.
Novamente, unha parte importante do programa irá destinado a fomentar o emprego relacionado coas novas tecnoloxías. Por exemplo os devanditos profesionais community managers, técnicos en informática, especialistas en mercadotecnia dixital ou responsables de proxectos transmedia.
A área de Novas Tecnoloxías da Fundación Balia ten como obxectivo paliar a fenda dixital e capacitar no uso das Tics aos colectivos en situación vulnerable.
Neste labor a Fundación Balia conta coa colaboración da Fundación Vodafone España para o desenvolvemento do proxecto “Formación para a inserción socio laboral para persoas con discapacidade”.
Un proxecto formativo, dirixido a facilitar o acceso ás NN.TT. a persoas con discapacidade para a súa alfabetización dixital, desenvolvemento de habilidades na procura de emprego por internet e a utilización de apps en dispositivos móbiles para buscar información e realizar seguimentos das súas ofertas para unha procura de emprego eficaz.
Durante o ano académico 2016-2017, 40 persoas novas, con diferentes tipos de necesidades de apoio e distinto nivel de aprendizaxe realizaron o programa favorecendo a súa inclusión social e inserción laboral.
A app, creada con ferramentas de fácil comprensión e manexo, permite ao candidato dar a coñecer as súas competencias e a súa marca persoal e compartilas en poucos minutos a través de novas canles e dunha forma sinxela e adaptada.
A accesibilidade da aplicación busca facilitar, ademais, a posibilidade de que calquera outra persoa poida dispoñer do seu propio videocurrículo. Así, no seu desenvolvemento tívose en conta a linguaxe, iconografía, modo de navegación e menús de axuda. Ademais, a app, que xa está dispoñible en Google Play para sistemas Android, é configurable e permite activar ou desactivar textos de axuda por voz, axustar tempos de gravación e conta atrás, ou activar e desactivar os subtítulos.
Os candidatos dispoñen tamén dun apartado de almacenamento no que poderán arquivar diferentes videocurrículos e compartilos a través de redes sociais ou correo electrónico.
Co desenvolvemento desta ferramenta preténdese dar resposta ás novas necesidades derivadas dos cambios nos procesos de recrutamento dos empregadores e nos métodos de acceso ao mercado de traballo, que tamén afectan ao colectivo de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Diariamente, as organizacións sen ánimo de lucro e os voluntarios que colaboran con elas traballan para facer fronte ás crecentes necesidades sociais. Pero a caída de subvencións públicas durante a crise, e aínda hoxe, supuxo para moitas ONG unha diminución dos recursos dispoñibles que paraliza as súas actividades ou mesmo provoca a súa desaparición.
Co fin de apoiar ás pequenas organizacións sen ánimo de lucro con ideas orientadas a producir cambios reais na sociedade, a compañía de solucións de software e xestión empresarial na nube Sage lanzou o ano pasado, a través de Sage Foundation, o Fondo Empresarial, dotado cun millón de dólares, que se reparten en dúas convocatorias ao ano de 500.000 dólares cada unha entre os 23 países en que Sage ten presenza. En cada país concédense un número limitado de axudas con achegas entre 10.000 e 25.000 dólares.
Agora acaba de lanzar a segunda fase deste ano, cuxo prazo conclúe o 28 de novembro. “Nesta segunda convocatoria modificamos algúns criterios, para facilitar a presentación de proxectos. O máis significativo é que as ONG non deben superar uns ingresos de 2 millóns de euros”, sinala Isabel Hernández López, cooordinadora para o sur de Europa de Sage Foundation. “Esta novidade débese a que Sage Foundation quere apoiar, sobre todo, proxectos de organizacións de pequeno tamaño, que son as que máis dificultades teñen para obter apoios”, remarca Hernández.
Para acceder ás axudas a fundación valora ideas innovadoras que poñan o seu foco en mellorar a calidade dos colectivos de mozos, mulleres e nenas e militares veteranos das comunidades locais nas que a empresa ten presenza. Ademais, os proxectos deben levar en funcionamento dous anos ou menos “e deben proporcionar oportunidades de voluntariado para os empregados de Sage na comunidade”, destaca a coordinadora da fundación. Sage ten o compromiso de doar o 2% do tempo dos empregados (cinco días por ano e empregalo para realizar voluntariado en horario laboral).
Así mesmo, as entidades que se presenten á convocatoria tamén deberán ter enfocada a súa actividade ás áreas de educación, empresa e emprego, diversidade e inclusión ou saúde e benestar.
Na primeira edición do Fondo Empresarial deste ano, en febreiro, Sage Foundation concedeu máis de 30 subvencións, entre os preto de 1.000 proxectos presentados, comenta Isabel Hernández. En España presentáronse un total de 110 solicitudes e finalmente foron catro os proxectos gañadores: Fundación Crear, para o desenvolvemento dos seus Programas de Emprendemento nas escolas; Soñar Esperto, para os proxectos Amigos para Sempre e Educar Sorriso; Cruz Vermella Sabadell, para a súa iniciativa de Infancia e Mocidade, e Axuda en Acción, para o seu programa de empregabilidade de mulleres vulnerables.
Sage Foundation está especialmente interesada en apoiar ás organizacións que teñen vocación de medrar con proxectos de futuro e sustentables. Neste sentido, o Fondo Empresarial contempla o apoio económico a esas necesidades que as ONG teñen, pero para as que tradicionalmente é difícil conseguir apoio, como son os custos de infraestrutura ou custos derivados do funcionamento básico da organización.
O grupo de investigación SoftLab da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M) e o Grupo Lavinia estreitan a súa colaboración para conseguir unha televisión máis accesible a todas as persoas que presentan algún tipo de discapacidade visual e/ou auditiva. Esta tecnoloxía permitirá ás cadeas da TDT ofrecer un sistema de subtitulado e audiodescripción de última xeración.
Os desenvolvementos líderes en accesibilidade audiovisual do grupo da Universidade Carlos III forman parte do portfolio de produtos e servizos que agora ofrece Lavinia, converténdose así nunha das empresas provedoras de solucións de accesibilidade tecnolóxicas no mercado nacional e internacional.
O sistema de subtitulado a tempo real é posible grazas á intelixencia artificial. As novas tecnoloxías de Deep Learning con Intelixencia artificial (IA) mediante redes neurais, permiten "unha velocidade e unha calidade ata agora inimaxinables", segundo destaca Grupo Lavinia. O sistema é válido para programas en directo con "voz limpa", é dicir, sen música ou outros ruídos cando se estea falando.
En canto á nova técnica de audiodescrición, o sistema GoAll permite emitir o texto da audiodescrición nunha nova canle de subtítulos e en tempo real. Deste xeito, a persoa con discapacidade visual ten acceso fácil á audiodescrición, evitando a dificultade de elixir a canle de audiodescrición na televisión, e pode elixir a voz de locución das diversas que existen para as aplicacións tanto en iOS como en Android. A audiodescrición só a escoita a persoa interesada e non interfire co resto de espectadores.
Doutra banda, a tecnoloxía Pervasive permite o acceso á televisión ás persoas xordocegas. Trátase dun sistema que extrae todos os subtítulos e envíaos aos dispositivos dos usuarios para que poidan lelos con opcións personalizadas e mesmo cunha liña Braille portátil.
Así mesmo, esta tecnoloxía conta cun sistema de fidelización con anuncios ou promos e outro de emisión de alertas.
Eyesynth é un dos sistemas de guiado para persoas con discapacidade visual máis avanzados que coñecemos. Tivemos a ocasión de probalo ao principio do ano no MWC de Barcelona e deseguido soubemos que será unha revolución. Agora xa ten data de lanzamento: principios de 2018.
Eyesynth está formado por unhas lentes e un pequeno ordenador. As lentes incorporan unhas cámaras que captan os obstáculos ao redor do usuario e informan ao pequeno ordenador ao que van enlazadas.
Este pequeno ordenador analiza eses obstáculos e emite sons a través dun avanzado sistema que enseguida o usuario é capaz de traducir para detectar onde se atopan os perigos para evitar.
É un sistema en 3D moi intuitivo que rapidamente permite ao usuario moverse con relativa soltura evitando os obstáculos ao seu redor. Que quere dicir que é en tres dimensións? Pois que o usuario non só identifica formas e espazos, senón que é capaz de medir a profundidade dos obxectos e a súa localización.
Todo o fai a través de sons abstractos, sen necesidade de palabras. É unha nova linguaxe que o cerebro aprende rapidamente e automatiza para que o usuario o utilice de forma natural.
O son transmítese ao usuario utilizando os ósos da cabeza deixando os oídos libres para que poida escoitar con normalidade.
O sistema ten dous modos, un de rastrexo que vai analizando os obstáculos a medida que o usuario move a cabeza dun lado a outro; e o panorámico, que fai que as lentes capten todo o espazo tanto diante das lentes como aos lados.
Este dispositivo xa se pode reservar na web da compañía a un prezo de 2.420 euros. Con todo, os 100 primeiros usuarios en adquirilo poderano facer a un prezo promocionado de 1.695 euros.
Eyesynth trátase sen dúbida dunha revolución xa que, non só se trata dun sistema avanzado de guiado, senón que está optimizado para ser o máis cómodo posible para o usuario e que este o utilice de forma natural.