A Deputación de Pontevedra está a presentar estes días o seu roteiro de actividades TIC do mes de novembro para o tecido produtivo e profesional da provincia. Un programa de accións formativas que se vai desenvolver novamente pola rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros.
O programa arranca este 3 de novembro co obradoiro A túa páxina web en menos de 90 minutos e seguirá cos seguintes cursos: o mércores 8 impartirase o obradoiro A túa páxina web con Wordpress, o martes día 14, Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?, dous días despois, o xoves 16, Fotografía e vídeo para establecementos de turismo e hostalería, e para rematar, o xoves 23 de novembro comezará o obradoiro Google Analytics: Iniciación á analítica Web e o mércores O ámbito das novas tecnoloxías e RRSS no sector turístico. A oficina Smart PEME de Cambados, no Centro Exposalnés, atópase no paseo da Calzada, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina webwww.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 h.
Polo que atinxe a Vigo e contorna, as oficinas situadas nos concellos de Ponteareas, O Porriño e Vigo, acollerán durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. As quendas para o mes de novembro na oficina de Vigo son as seguintes: Comercializa os teus servizos a través das redes sociais, o xoves 2 de novembro; Seguridade Informática I – Seguridade no teu ordenador, o mércores 8; Crea o teu propio logotipo no Canva, o martes 13 de novembro; Woocommerce I – A solución para vender por Internet", o xoves 16; Google Analytics: Iniciación á analítica Web, o luns 20 de novembro, e para rematar, o mércores 22, Ferramentas e apps imprescindibles para o sector legal". A oficina SmartPEME de Vigo, na sede da Deputación da cidade, atópase na rúa Oporto, núm. 3.
Pola súa banda a oficina de Ponteareas acollerá o xoves 9 de novembro o seu primeiro obradoiro do mes con Redes Socias para a empresa – É Twitter a túa solución?. O seguinte, Google Analytics: Iniciación á analítica Web, será o luns 13 de novembro. Dous días despois, o mércores 15 de novembro, será a quenda de A túa páxina web en menos de 90 minutos. Na última semana de mes haberá dous novos obradoiros, un o luns 27 de novembro con Sabes como converter a túa páxina web nunha páxina segura? e o outro o mércores 29 de novembro Crea o teu propio logotipo Canva. A oficina de Ponteareas, no Centro de Desenvolvemento Local, atópase en Lomba do Cruceiro, número 5.
Por último, a oficina do Porriño acollerá os seguintes obradoiros: o xoves 2 de novembro desenvolverase o taller Como facer unha exitosa campaña de publicidade no Google?; o martes 7 de novembro Facebook Ads; dous días despois, o día 9, Fotografía e vídeo para espazos interiores; o mércores 15 de novembro, Google Analytics: Iniciación á analítica Web; o mércores 22 de novembro Aprende a xestionar o teu negocio con follas de cálculo, e por último Guía de boas prácticas para redes sociais. A oficina SmartPEME do Porriño, no multicentro do concello, atópase na rúa Ribeira, s/n.
Segundo informa a Deputación de Pontevedra este mes de novembro haberá dous obradoiros que cambiarán de lugar, estes serán os dos días 2 e 22 de novembro, que no seu caso terá lugar nas instalacións de AEMOS. Todas as actividades terán lugar en horario de 19:00 horas agás o obradoiro que se desenvolverá en AEMOS o día 2 de novembro, que comezará ás 17.30h. A inscrición se pode facer a través do número de teléfono 886 202 020, o correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou a páxina web www.smartpeme.depo.es
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A Asociación Adisli, entidade con máis de 20 anos de experiencia no ámbito social, declarada de utilidade pública no ano 2003, en colaboración coa Fundación Vodafone España, continúa a súa misión de lograr a inclusión socio laboral das persoas con intelixencia límite e/ou discapacidade intelectual lixeira, a través do Proxecto “Empregando que é xerundio”.
O proxecto fundaméntase nunha planificación centrada na persoa, favorecendo a formación, orientación e asesoramento, a incorporación laboral, a inclusión social e a sensibilización en todos os ámbitos.
Destacar os logros alcanzados polas persoas que participan activamente en Empregando “que é xerundio”, 80 participantes que se atopan desenvolvendo diferentes itinerarios profesionais e compártenos na nosa plataforma de blogue e videoblogue www.empleandoqueesgerundio.blogspot.com.es, incidindo naqueles que supoñen o maior éxito do desenvolvemento de “Empregando que é xerundio”.
Desta forma, varias persoas participantes, asumiron novos retos durante o mes de setembro e comezos de outubro. Como o caso de Gemma, que acaba de renovar o seu contrato nunha empresa de manipulados; Alejandro e Laura, que se incorporan como Auxiliar de servizos en dúas empresas; Eva e Pablo, que comezan unhas prácticas non laborais; Anabel, Laura, Sonia e Juanjo, que comezaron diferentes certificados de profesionalidade ou Diego, Víctor e Jorge, que realizaron con éxito unha formación en novas masculinidades.
A colaboración mantida coa Fundación Vodafone España, facilita e incide na mellora das competencias comunicativas e tecnolóxicas, habilidades que fomentan a inclusión e o desenvolvemento da autoestima e a motivación persoal. Grazas á colaboración mantida, as persoas participantes desenvolven o seu talento e as súas competencias, nun marco colaborativo que favorece o traballo en equipo, a solidariedade e o compañeirismo, valores que fomenta a liña da Asociación Adisli e son compartidos por a Fundación Vodafone España.
O compromiso do Consello da Cultura coa análise do que están a dar de si as novas tecnoloxías como elementos transformadores dos nosos xeitos de comunicarnos e procurar información (entre outras moitas transformacións do día a día de cada quen) non só se vai deixar notar amplamente en 2018, senón tamén nesta recta final de 2017. Se hai uns días falamos das reflexións feitas sobre o ciberacoso dende a sede do CCG, hoxe é a quenda de avanzar as liñas xerais da xornada Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos, prevista para o 9 novembro, novamente na sede do Consello da Cultura, e contando na comisión organizadora con Manuel Gago, Xosé López García e Alba Silva. A cita, como se indica no seu nome, será unha oportunidade para ver até onde chegamos en materia de comunicación móbil e albiscar o que nos reserva o futuro neste ámbito. Segundo avanza o CCG, todo indica a que este modelo comunicativo e cultural (tendo en conta o espectacular medre no tráfico de mensaxes nos dispositivos móbiles) “veu para quedar”.
O CCG tamén lembra que os datos recentes achegan evidencias claras sobre a importancia destes dispositivos no ámbito da comunicación e da cultura: no ano 2016, o tráfico de Google alcanzou a marca do 50 por cento para dispositivos móbiles por primeira vez, fronte a un 42 por cento nos dispositivos de escritorio. E no ano 2017 esta cifra medrou ata o 60 por cento, mentres o de Facebook pasou do 78 por cento ao 87 por cento.
Neste contexto, o obxectivo desta xornada é “analizar como a sociedade móbil está a mudar usos e consumos de produtos culturais”. Trátase, engade o CCG, “de dispoñer de visións do novo marco, nas vésperas da cuarta revolución industrial, e da situación da cultura galega nese escenario en construción”.
Programa da xornada
O salón de actos da Facultade de Ciencias da Comunicación servirá de acubillo, este 3 de novembro, ás Xornadas sobre novas audiencias na contorna dixital, a partir das 9:15 horas, un encontro profesional para mostrar ante o alumnado os cambios que están a producir as novas tecnoloxías entre os consumidores de contidos e cultura. Logo do acto de inauguración, á devandita hora, comezará un relatorio de Eduardo Madinaveitia, experto en investigación de medios, coa conferencia Investigación de audiencia: de onde vimos. Ás 10:15, Fernando Santiago, director Técnico da Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación, falará sobre Internet: encrucillada na medición de audiencias.
Máis tarde, a xefa do Servizo de Innovación no Contorno Dixital da CRTVG, Esther Medina, intervirá ás 11:45 co relatorio 1+1 ≠ 2. Finalmente, o guionista Javier Olivares falará en detalle sobre Os retos do guionista actual ante as novas audiencias.
A xornada, organizada pola Facultade, concluirá cun coloquio, ás 13:15h., moderado polas profesoras Ana González Neira e Natalia Quintas Froufe. A asistencia ás conferencias está aberta a todo o público interesado.
A Unión Europea recoñeceu a través da Competición Europea de Innovación Social a tres proxectos moi distintos, entre os que se inclúe Feelif, unha aplicación que permite a persoas con discapacidade visual ‘notar' os obxectos que aparecen nunha pantalla táctil.
Feelif consta dun plástico que se coloca encima da pantalla dun smartphone ou unha tableta que, combinado coa app, utiliza vibracións e voz para facer chegar á persoa cega que hai baixo o seu dedo.
Os outros dous proxectos premiados foron Buildx, para promover a compra de casas a un prezo alcanzable a través do deseño dixital e a distribución da produción; e Saga, unha plataforma de aprendizaxe que pon en contacto a alumnos e profesores.
Cabe destacar que entre os dez finalistas na edición deste ano desta competición atopábase o proxecto Mouse4All, desenvolvido por dous emprendedores españois.
Utiliza o teu teléfono móbil para crear recordos especiais. Participa neste curso emitido por Internet e saca partido ao teu teléfono intelixente aprendendo:
¡Goza da fotografía e o vídeo dixital no teu móbil!
Santander Yuzz, o programa que durante oito edicións impulsou o espírito innovador e as iniciativas creativas dos novos emprendedores universitarios (un total de 4.200 participantes de todo o ámbito estatal e centos de empresas xeradas en toda España), vén de subir un chanzo evolutivo para a súa vindeira convocatoria. E faino converténdose no programa Explorer Mozos con Ideas, dirixido para xente nova de entre 18 e 31 anos e co obxectivo de fornecela dunha contorna dixital, cooperativa e aberta para que os seus proxectos abrollen e maduren no mellor dos escenarios posibles. Esta iniciativa, impulsada por Banco Santander a través de Santander Universidades e coordinada polo CISE (Centro Internacional Santander Emprendimiento), foi presentada os meses pasados na USC (Campus de Santiago e de Lugo) e agora na Universidade da Coruña, que xa participou en catro edicións e que vén de pór en marcha a nova entrega do programa.
Segundo puidemos saber, Explorer Mozos con Ideas achega 40 prazas para os vindeiros emprendedores da UDC. Como novidade este ano, haberá dous espazos de formación e impulso de iniciativas, un na Coruña e outro en Ferrol
Os seleccionados poderán beneficiarse do acceso ao Explorer Space UDC, un centro de coworking de alto rendemento onde poderán desenvolver as súas ideas de forma cooperativa, conectándose con outros emprendedores e recibindo asesoramento personalizado e formación dunha rede de máis de 200 expertos en innovación e modelos de negocio.
Ao remate dos cinco meses de formación e ideación, o proxecto mellor valorado do Explorer Space UDC viaxará a Silicon Valley, o referente mundial en innovación e emprendemento do ámbito dixital, xunto a outros 50 emprendedores de todo o territorio estatal, onde recibirán clases maxistrais e empresas tecnolóxicas punteiras, asesoramento en internacionalización e contacto con inversores. Ademais, os tres mellores proxectos recibirán 30.000, 20.000 e 10.000 euros para acelerar o seu desenvolvemento.
Ademais, grazas á colaboración coa Fundación EY, Explorer conta tamén co premio Woman Explorer Award que ofrece 20.000 euros para financiar o mellor proxecto liderado por unha emprendedora e o premio de innovación Disruptive Technology Explorer Award (impulsado por Indra) que brindará 3.000 euros e asesoramento por parte de expertos de Indraventures ao proxecto de negocio máis innovador. Os interesados en participar poden inscribirse a través da plataforma global www.jointheX.org.
O Laboratorio Audiovisual de Innovación e Creación da Coruña (LAIC) celebrou os días pasados no Centro Cívico da Cidade Vella unha xornada divulgativa directamente encamiñada a mostrar as vantaxes e os segredos da técnica docrowdfunding (micromecenado na Rede a través do apoio da comunidade) para pór en marcha un proxecto audiovisual ou de contidos dixitais. O obradoiro Supercine: taller de cine LAIC veu da man do cineasta Miguel Ángel Rolland e contou coa presenza, entre os asistentes, de realizadores audiovisuais, profesionais do guión e da interpretación, creadoras freelance e mesmo algunha persoa procedente de colectivos sociais con proxecto de facer un documental.
O obradoiro, organizado polo Concello a través de Coruña Dixital, artellouse en dúas metades. Na primeira xeira de traballo introduciuse o grupo na filosofía crowd e nos distintos motivos que nos poden levar a usar esta metodoloxía de produción para un proxecto audiovisual. Tamén se fixo saber que o devandito apoio non consiste só en cartos: “A crowd é o noso futuro público, a xente interesada non só en ver o filme se non en ser embaixadora del e contribuír da maneira que poida e que se lle solicite en cada momento”, sinalou o relator.
A sesión da tarde foi máis práctica e nela Miguel Ángel Rolland deu as claves para deseñar e executar unha campaña de crowdfunding para un filme, un proceso, sinalou, “que ten que comezar como mínimo seis meses ou mesmo un ano antes do lanzamento oficial da campaña, coa construción da comunidade”. Segundo fixo saber, o proceso debe levar parella a aplicación dunha firme filosofía social: “Debemos ser o máis sociais en Internet que poidamos”. O roteiro, engadiu, “consiste en irmos construíndo o proxecto coa axuda das xa célebres tres efes (“Friends, Family & Fools”) até os grupos de interese que poden estar relacionados co tema da nosa película”. Segundo dixo, isto require unha investigación exhaustiva nas redes, “facendo a nosa base de datos de xente potencialmente disposta a colaborar, e iniciando os contactos con ela, cociñando as relacións a lume lento para que respondan cando se lles pida axuda”. A partir de aí, explicou, “cómpre usar todos os mecanismos de comunicación ao noso alcance, online e offline, montar un equipo de traballo, elixir plataforma de crowdfunding e planificar a precampaña e a campaña para chegar á nosa meta e poder cantar vitoria”.
Rolland debullou as devanditas metodoloxías en base a un caso de éxito concreto: o do seu documental Santa Fiesta, que contou na súa orixe co apoio de comunidades animalistas a nivel internacional, e acompañouse dunha campaña de crowdfunding na plataforma IndieGoGo.
A Fundación Hazloposible celebrou en Madrid o evento Empresas con Sentido ao que asistiron máis de 250 persoas para coñecer novas tendencias en voluntariado corporativo e innovación social.
Na inauguración do acto, Carmen Caseiro González, directora xeral do Traballo Autónomo, Economía social e RSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, destacou que “os criterios da RSE melloran á empresa e devolven á sociedade o que esta nos dá”.
Pola súa banda, Catalina Parra, presidenta da Fundación Hazloposible, compartiu cos asistentes a Biblioteca de Voluntariado Corporativo, que recolle materiais didácticos para axudar ás empresas para multiplicar o impacto dos seus programas.
A continuación Maite Arango, vicepresidenta do Consello do Grupo Vips, e Josep Santacreu, CEO de DKV Seguros, debateron sobre como a alta dirección entende o rol do Voluntariado e a Innovación Social nas súas vidas e no seu enfoque da RSC. Arango considera que “as empresas necesitan líderes con compromiso e humildade para que o seu compromiso se traslade aos empregados”. Mentres, Santacreu, como líder empresarial, explicou que o seu propósito de vida é “axudar a persoas que son capaces de transformar o mundo. Na vida hai que estar en proxectos que impacten na xente, desde onde sexa”.
Posteriormente, na mesa redonda Empresas con Sentido, directivos, millenials, xestores de programas de voluntariado corporativo e ONG con programas de voluntariado corporativo innovadores expuxeron novas formas de participación e colaboración entre empresas e ONG.
Microsoft Ibérica e Bravent queren axudar á Asociación Española Contra o Cancro (AECC) a poñer en contacto a beneficiarios (pacientes e familiares) con voluntarios da asociación e, para iso, poñen en marcha, unha iniciativa para promover a creación dunha aplicación móbil que faga máis fácil o contacto entre eles e permita que a AECC poida chegar a máis persoas, sobre todo novas, cuxo medio de comunicación principal é o móbil e Internet
A Asociación Española contra o Cancro (AECC), leva desde 1953 integrando a pacientes, familiares, voluntarios e profesionais que traballan unidos para previr, sensibilizar, acompañar ás persoas e financiar proxectos de investigación oncolóxica para permitir un mellor diagnóstico e tratamento do cancro. Máis de 15.000 persoas forman actualmente o equipo de voluntarios da AECC.
O labor altruísta destas persoas voluntarias e colaboradoras contribúe ao desenvolvemento e o mantemento dos proxectos e servizos da AECC, pero ás veces, conectar a estes voluntarios cos pacientes e familiares é complicado ou lento. Actualmente, os beneficiarios que necesitan axuda ou queren solicitar os servizos da Asociación, teñen que acudir de maneira presencial aos seus centros, contactar a través da web, ou poñerse en contacto de maneira telefónica a través do número Infocáncer.
A axuda aos beneficiarios e a formación dos voluntarios e a súa asignación, está a realizarse actualmente de maneira manual, o que leva un duro traballo por parte dos profesionais da AECC, xa que cada vez son máis os beneficiarios que necesitan os seus servizos.
“Informar sobre como reducir riscos de desenvolver un cancro, a mellora da calidade de vida das persoas enfermas e os seus familiares a través do acompañamento dos afectados e a información sobre os nosos programas e servizos, son algunhas das accións que o noso voluntariado levan a cabo”, comenta Juan Carlos Martín da AECC.
“Necesitamos iniciar unha transformación dixital que nos axude a chegar máis e mellor ás persoas que nos necesitan e a aumentar o número de voluntarios que dan apoio a pacientes e familiares en toda España. O desenvolvemento desta app da man de Microsoft é o primeiro paso dun proceso de dixitalización que nos axudará a crecer e a dar mellor servizo a todos os nosos beneficiarios”, explica Martín.
É por isto que a AECC está a poñer en marcha un plan estratéxico que dará os seus froitos en 2020 e na que a transformación dixital é un dos seus eixos.
Tanto Microsoft como Bravent, queren axudar á AECC neste camiño de dixitalización e unha das primeiras accións é a da promoción dun hackaton Online de tres meses de duración no que anima aos desenvolvedores a crear a primeira app móbil, que poña en contacto directo aos beneficiarios cos voluntarios da Asociación, e poder atender as súas peticións en calquera momento e lugar, sen ter que desprazarse ou poñerse en contacto telefonicamente.
Xamarin e Azure para dixitalizar o contacto
Comezouse o desenvolvemento en Xamarin, e publicouse como proxecto Open source, que permitirá estar dispoñible nas tres principais plataformas do mercado -IOS, Android e Windows- e así chegar ao máximo número de usuarios.
Microsoft e Bravent traballaron no desenvolvemento dun esqueleto inicial desde o que os desenvolvedores poden seguir traballando para crear a app. Para iso, empregaron as tecnoloxías máis punteiras de Microsoft, co obxectivo de crear un produto totalmente viable e sinxelo de utilizar por calquera persoa.
Así, crearon un back-end na nube de Microsoft Azure e para a autenticación e acceso de usuarios está a utilizarse Azure B2C e para a xestión do chat está a empregarse BOT Framework de Microsoft coa idea de utilizar os servizos cognitivos de Microsoft nun futuro próximo. Máis información sobre as bases do hackaton e como participar en http://info.bravent.net/app-contra-o-cancer e no vídeo.