As Aulas da Terceira Idade de Galicia (Ategal) inauguraron oficialmente o novo curso cun acto oficial celebrado no auditorio de Afundación de Santiago de Compostela. Nel presentáronse todas as novidades da entidade para o ano académico 2017-2018. Entre elas, unha innovadora aplicación para móbil, deseñada exclusivamente para Ategal pola empresa Tesla&Technologies, unha rolda de prensa institucional e a conferencia do director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat) Miguel Ángel Valero sobre ‘cidades amigables', rede á que pertence, desde hai un ano, Santiago de Compostela.
Ao evento asistiron preto de 300 persoas das 1.200 que forman o alumnado das nove sedes galegas de Ategal nas que aínda está aberto o prazo de inscrición para calquera dos seus cursos, obradoiros e actividades. De feito, o novo curso empeza cunha grande novidade: novas instalacións, con aulas específicas e de maior espazo, así como unha ampliación na oferta de materias, obradoiros e actividades presenciais e dixitais.
“Temos un espectacular aumento da demanda nos cursos para persoas maiores da internet, móbil e tablets” subliña a vicepresidenta de Ategal, Paula Sande que lembra que a entidade engade este ano ás súas posibilidades de elección de formación e participación, varios proxectos para o seu alumnado como Neuron_Up de estimulación cognitiva en liña e con móbiles; Smart Ategal Ageing on Way de formación e uso de móbiles para maiores; Active post workin life ou encontros senior, e Simpático, incluído no plan europeo H2020 no que é socio a Xunta de Galicia e a Universidade de Deusto.
Todo isto compleméntase, sinala, “coas actividades, obradoiros e cursos que ofrecemos en saúde, cultura e formación” como ioga, pilates, taichí, ximnasia, estimulación cognitiva, piscina; educación para a saúde, antropoloxía, arte, historia, literatura, inglés, francés e coro, música instrumental ou pintura.
Apoio oficial
A nivel institucional acudiron á inauguración a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social da Xunta, Fabiola García; o presidente de Ategal, Anxo Fagilde Trabada; o presidente de honra de Ategal, Rafael Romero Valencia e a concelleira de Políticas Sociais do Concello de Santiago de Compostela, Concepción Fernández.
Aplicación exclusiva
Outra gran novidade para este curso é unha aplicación para o teléfono móbil que servirá á entidade e alumnado para comunicarse e relacionarse entre si e co resto da sociedade. Esteban Vázquez, representante de Tesla &Technologies, a empresa que a deseñou e puxo en marcha exclusivamente para Ategal, presentouna no acto de inauguración do novo curso destacando que servirá “non só para aprender, para estar informado e conectado”. Matizando que “conectados, pero non sós” pois a App, explicou, “funcionará ademais como punto de encontro e lugar de referencia”. Esta aplicación, que se manexa como unha plataforma tipo whatsapp, aínda que máis completa, sinxela e intuitiva, terá unha parte privada do alumno e outra pública á que pode acceder calquera persoa para coñecer a entidade, as súas actividades, novidades, etc. A parte privada contén varias seccións con horarios, notificacións, información de todo tipo dos obradoiros, materias e actividades, fotos e información que permitirá a Ategal e o seu alumnado estar en contacto permanente e interactuar en todo momento e respecto de todo o necesario.
Cidades amigables
Pola súa banda, Miguel Angel Valero Duboy, director do Centro de Referencia Estatal de Autonomía Persoal e Axudas Técnicas do Imserso (Ceapat) inaugurou o curso coa conferencia “Que é para ti unha cidade amigable?” na que relacionou envellecemento activo coa transformación das propias cidades: “se a persoa maior se move, en todos os sentidos e non só o físico, a cidade avanza, mellora e transfórmase”. Valero lembrou que envellecer, como é natural, diminúe as nosas capacidades físicas, sensoriais ou cognitivas. Pero, se existe unha contorna “amigable que promova a actividade física e funcional, que potencie a participación individual e colectiva” a capacidade funcional, asegurou, “diminúe menos” e permítelle ademais, á persoa maior, “ter un enfoque proactivo co que atender as súas necesidades nesta nova etapa vital”. Valero puxo o exemplo de Santiago de Compostela que, como todas a cidade amigables, debe atender ditas necesidades como ofertar servizos específicos para as persoa maior: “iso é un avance cara a unha cidade amigable” dixo.
O Concello da Pobra de Trives está a organizar unha actividade directamente encamiñada a conseguir que os veciños estean mellor comunicados entre eles e co mundo, ao tempo que incrementan as súas posibilidades de lecer e mesmo de envellecemento activo (pola vía das TIC). O Curso de WhatsApp para Adultos vaise desenvolver entre o 13 e o 15 de novembro pola tarde, na sala de reunións do edificio novo do Concello. Segundo informa o Goberno local, ten a súa orixe na importancia das novas ferramentas dixitais para comunicármonos co mundo actual, facendo fincapé en recursos como o correo electrónico, o chat, as redes sociais e, por suposto, o servizo WhatsApp de mensaxes instantáneas.
“Internet proporciónanos unha mellor calidade de vida e é unha oportunidade para vencer o illamento nos máis maiores”, explican fontes do Concello ourensán sobre as razóns que xustifican o obradoiro, engadindo a necesidade de facer fincapé no feito de que as persoas tamén viven no mundo e “deben adaptarse para que a propia tecnoloxía non os desterre da sociedade”. A organización do curso tamén quere desmentir a falsa crenza de que as persoas de idade non estean capacitadas xa para manexar tecnoloxías. En definitiva, os obxectivos do taller son ensinar a tirar proveito do WhatsApp, achegar aos participantes as vantaxes de chatear e estar cun contacto máis estreito con amigos e familiares e, tamén, introducir nas súas vidas un elemento de actualización. As inscricións, engade o Concello, deberán facerse na Oficina de Turismo antes do 8 de novembro.
Podemos ser creadores de tecnoloxías amais de usuarios? Sen dúbida si, e subliñar esta mensaxe con probas palpables é un dos grandes obxectivos da segunda edición do Concurso de Robots Mecano para alumnado de Secundaria que organiza a Universidade da Coruña no Campus Industrial de Ferrol. Celébrase este 31 de outubro e nel está previsto que participen seis institutos galegos (Saturnino Montojo e Sofía Casanova, de Ferrol; Ortigueira; Virxe do Mar, de Noia; Leiras Pulpeiro, de Lugo, e Pontepedriña, de Santiago) mostrando os seus enxeños e logo sendo avaliados por un tribunal formado por investigadores e profesores universitarios. O certame inclúe ademais unha visita guiada polas instalacións da Universidade da Coruña en Ferrol, aos centros formativos e laboratorios de investigación. As actividades comezarán ás 10:00 horas, cun acto de inauguración e benvida a cargo da vicerreitora e o director do Campus, Araceli Torres e Ginés Nicolás, e rematarán sobre as 15:00 horas.
Para quen non o saiba, o Concurso Mecano é unha actividade promovida polo Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña que ten por obxecto e”stimular a creatividade, o traballo en equipo e achegar o mundo da enxeñaría e as tecnoloxías aos estudantes de último ano dos institutos galegos a través da construción e programación dun robot para posteriormente superar unha serie de obstáculos proxectados nunha xincana”.
O concurso consta de dúas fases, a primeira, que xa se realizou, consistía na elaboración dun vídeo explicativo da proposta de cada grupo participante, unha peza audiovisual para subir ao Facebook e, en virtude dos gústame acadados, acadar máis ou menos puntos (o máximo son cinco puntos).
A segunda proba, que é a que terá lugar mañá, consiste na presentación e defensa da proposta ante un xurado formado por persoal docente e investigador do Campus Industrial de Ferrol. O premio será unha cámara de VicTsing Eypro Cámara Acción Deportiva 1080P para cada un dos estudantes gañadores.
As presentacións das propostas ao tribunal teñen o seguinte horario:
Ao remate, ás 12:00 horas, Araceli Torres fará unha presentación do Campus Industrial de Ferrol e das súas titulacións. Media hora máis tarde procederase á entrega de diplomas e farase unha foto de grupo. O Concurso Mecano rematará ás 13:00 horas coa visita guiada aos laboratorios do Campus: Plásticos; Aplicacións Industrial do Láser; Mecánica de Fluídos, túnel aerodinámico; Canle de probas hidrodinámicas; Enxeñaría Mecánica e Laboratorio de Robótica.
O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, centro neurálxico da formación TIC na cidade da Muralla, está a acubillar estes días unha actividade divulgativa sobre redes sociais, achegando conceptos e habilidades sobre como comezar a tirarlles proveito, que tipo delas convén para os intereses de cada quen ou como iniciarnos en cada unha das máis relevantes. Este venres o obradoiro chegou ao seu punto álxido coa visita da concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, quen compartiu impresións cos participantes do curso que se está a desenvolver na sala de formación do Edificio de Novas Tecnoloxías ao abeiro do programa de ensino Tecnoloxíza-T!
Segundo lembrou, o Concello está a organizar até decembro diferentes alternativas de formación TIC dende o Edificio, entre as que se inclúen un obradoiro sobre mercadotecnia dixital, outro taller sobre trámites bancarios en liña, outro sobre comunicación dixital, outro sobre os principais servizos e rendementos da nube, outro sobre como atoparmos os mellores resultados nas procuras feitas nos buscadores (posicionamento e SEO), outro sobre as vantaxes e beneficios do Whatsapp, outro sobre creación de aplicacións, outro obradoiro sobre tabletas, outro sobre programación e, para rematar, outro obradoiro sobre retoques fotográficos co noso smartphone.
Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse no Edificio de Novas Tecnoloxías, na Praza de Anxo Fernández Gómez, aberto de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. A data de inscrición, que é distinta para cada actividade, pode consultarse ben no propio centro, a través do teléfono de atención cidadá 010 ou en www.lugo.gal.
DOWN ESPAÑA e a Fundación Vodafone España deron inicio a unha nova edición de ‘Yo me prep@ro', o programa máis completo e de maior alcance que hai no noso país para a formación en Novas Tecnoloxías da Información de mozas e adultos con síndrome de Down.
O obxectivo que se persegue con esta formación é facilitar a súa inserción laboral en empresas ordinarias.
O proxecto, que cumpre catro anos en activo, alcanzará nesta ocasión o maior número de alumnos con esta discapacidade intelectual nunca implicados nun programa de formación en Tics.
Serán 240 persoas con síndrome de Down as que se incorporarán a el para adquirir coñecementos en aspectos tan importantes como o uso de programas informáticos, a navegación por Internet ou a interacción con diversas aplicacións móbiles. A eles hai que sumar os 720 mozos que participaron en edicións anteriores, e que este ano recibirán un reforzo para que poñan ao día as súas habilidades sobre estes aspectos. En total serán, por tanto, 960 alumnos os que se beneficien do programa.
Como complemento á súa formación, ademais, estes alumnos terán a oportunidade de realizar prácticas laborais en empresas ordinarias da súa contorna.
DOWN ESPAÑA adquiriu o compromiso de lograr a inserción laboral de polo menos 72 dos participantes do proxecto.
Sumados aos contratos laborais para alumnos conseguidos nos anos previos, o proxecto ‘Yo me prep@ro' conseguiría durante os seus catro anos de execución un total de 319 insercións en empresas ordinarias de todo o país.
O programa deste ano incorpora contidos novos como o uso e manexo do DNI electrónico, o pasaporte electrónico e o emprego da firma dixital; conceptos que permitirán aos alumnos realizar xestións telemáticas e realizar consultas online en organismos públicos. Ademais, realizaranse catro vídeos-tutoriais que, a través dunha linguaxe sinxela e accesible, reforzarán os coñecementos ofrecidos no proxecto, e permitirán a calquera usuario comprender como se obtén e para que serve o DNI electrónico, descargar apps para Smartphone ou manexar con soltura aplicacións como WhatsApp.
O proxecto contempla a formación en ferramentas como Skype e LinkedIn.
Un dos aspectos clave do programa é que nel participarán usuarios dun gran número de comunidades autónomas, ampliando o alcance do proxecto, xa que nesta edición a formación impartirase en 22 entidades federadas a DOWN ESPAÑA, situadas nas seguintes localidades: Barbate (Cádiz), Córdoba, Granada, Málaga, Xerez, Sevilla, Zaragoza, Sabadell, Oviedo, Toledo, Ávila, Palencia, Valladolid, Castelló, Valencia, Santiago de Compostela, Pontevedra, Ourense, Vigo, Murcia, Pamplona.
Unha vez concluída a formación, en todas estas localidades realizarase unha xornada de recoñecemento e entrega de diplomas aos mozos que superasen o curso. Este título asinado por DOWN ESPAÑA acreditará que os alumnos adquiriron as destrezas en Novas Tecnoloxías necesarias para formar parte do mercado laboral ordinario. Tamén recibirán unha acreditación aquelas empresas da zona que desen oportunidades laborais a persoas con síndrome de Down no marco do programa.
En palabras do presidente de DOWN ESPAÑA, José Fabián Cámara, “este proxecto é hoxe unha sólida realidade, tras catro anos de execución e uns éxitos e resultados contrastados. E iso é grazas ao traballo e implicación das asociacións que o executan: elas conseguen concretar a formación en insercións laborais tanxibles”.
Pola súa banda, o director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, asegura que “cos anos tivemos a flexibilidade de ir adaptando os contidos do programa ás diversas ferramentas tecnolóxicas que foron xurdindo, todas elas útiles para que as persoas con síndrome de Down poidan atopar un emprego normalizado”.
A Fundación Orange prepara unha nova convocatoria das súas axudas TIC-TEA, coas que dota de material tecnolóxico a 10 organizacións que forman parte da Confederación Autismo España.
Aínda que non se anunciou a data na que se abrirá esta convocatoria, a fundación xa fixo público que será “proximamente”.
As axudas TIC-TEA consisten na distribución de equipamento básico como ordenadores, tabletas ou lousas dixitais, que se axustan ás necesidades de cada centro ou asociación.
Por agora, estas convocatorias celebráronse no ano 2013 e no 2015. Na última foron seleccionadas as asociacións Autismo Sevilla, Autismo Huelva Ánsares, ‘Juan Martos Pérez' de Xaén, asociación de pais de persoas con autismo e/ou TGD de Zamora, Autismo Valladolid, Apacaf, Aucavi, Trastorno do Espectro Autista da Rexión de Murcia e Asociación Navarra de Autismo.
O proxecto de negocio SmartWood xurdido ao abeiro da USC vén de obter un importante recoñecemento estatal en materia de innovación: o primeiro premio da Greenweekend que promove o portal de emprego Enviroo para visualizar, distinguir e impulsar as máis relevantes propostas do ámbito das tecnoloxías verdes. Segundo nos lembra a Universidade de Santiago, SmartWood vén da man do investigador de doutoramento do Campus Terra José Luis Gude (Escola Politécnica Superior de Enxeñaría) e trátase dunha ferramenta dixital que ofrece aos usuarios asesoramento e axuda para o optimizar o rendemento de parcelas forestais. No certame de Greenweekend acabado de resolver participaron arredor de 30 emprendedores do sector ambiental interesados no desenvolvemento de proxectos que contribúan a dinamizar a chamada economía verde.
Máis polo miúdo, o proxecto SmartWood consiste nunha ferramenta dixital baseada en sistemas de información xeográfica e datos recollidos por drons que axuda a unha planificación forestal “máis eficiente e sustentable”. A iniciativa, que vén colleitando outros recoñecementos dende a súa orixe, tivo ocasión de fortalecerse e coller pulo ao abeiro de Yuzz Lugo, o programa-palestra de emprendemento do Banco Santander desenvolvido en colaboración coas universidades (neste caso concreto a de Santiago).
Segundo indica Gude, trátase dunha aplicación tecnolóxica feita a medida dos propietarios de parcelas forestais, con capacidade para mellorar o rendemento económico das fincas ao xeito dun asistente interactivo. Neste senso, SmartWood ofrece recomendacións e información sobre cales son as plantacións máis rendibles para cada parcela, complementando este servizo dun mercado dixital (marketplace) que xunta produtores e empresas dos servizos forestais.
O proxecto SmartWood, xerminado inicialmente por Gude, é agora unha startup en fase de constitución, impulsada por José Luis Gude con Begoña L. Castro e Siro González Rodríguez, dous emprendedores cos que coincidiu na edición do programa Yuzz Lugo deste ano.
Usas Internet habitualmente, envías correos electrónicos, utilizas o teléfono móbil para comunicarte, pero... queres saber máis!
Contidos do curso:
e moito máis!
O Premio Raíña Letizia de Tecnoloxías da Accesibilidade de 2016 foi a parar ao proxecto InSuit da empresa Everycode e Dass Group que proporciona accesibilidade e usabilidade web universal, o que facilita e permite o acceso a Internet a persoas con discapacidade.
A dotación deste premio ascende a 20.000 euros que pagan a partes iguais o Real Padroado sobre Discapacidade e o Centro Nacional de Tecnoloxías da Accesibilidade (CENTAC), que esta semana fixo entrega á compañía da súa parte do premio.
InSuit é un desenvolvemento que mellora o cumprimento de moitas das directrices internacionais de accesibilidade web e proporciona desde a nube axudas técnicas como navegación con comandos de voz, lectura da páxina web ou control do tamaño e contraste da páxina.
O xurado destacou, entre as calidades de inSuit, que a súa implantación é moi sinxela e rápida, é aplicable a calquera web sen necesidade de modificar a páxina de orixe, e pódese utilizar desde calquera computador conectado a Internet.