A compañía Grupo 5 lanza a IV edición dos Premios G5 Innova que busca proxectos empresariais que axuden a mellorar a sociedade con ideas e solucións innovadoras. A innovación, viabilidade, uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o impacto social dos proxectos presentados, serán os criterios de valoración do xurado.
Os eixos temáticos establecidos polo concurso inclúen aqueles proxectos con especial incidencia ou impacto no ámbito da educación, a violencia e a empregabilidade en colectivos menores de 26 anos e maiores de 45 anos.
O xurado outorgará un primeiro premio dotado con 6.000 euros para destinar ao desenvolvemento do proxecto e outros dous accésit de 500 euros cada un para o segundo e terceiro mellor proxecto. Os tres premiados recibirán apoio no ámbito da comunicación para dar difusión ás súas ideas.
O prazo de presentación de proxectos estará aberto ata o 17 de novembro e todas as persoas interesadas poderán rexistrarse a través do formulario online dispoñible. A organización levará a cabo unha primeira selección de 10 proxectos en febreiro de 2018 e a selección dos tres finalistas en marzo. Os gañadores coñeceranse ese mesmo mes.
O dinamizadores das aulas CeMIT dos concellos de Cerceda, Cuntis, Fisterra, Oroso, Ortigueira e Santa Comba participarán este mércores e xoves, 8 e 9 de novembro, no Encontro de Dinamizadores de Redes de Telecentros Changemakers: Dinamizadores do cambio, xornadas organizadas pola Asociación Comunidade de Redes de Telecentros de España, da que a Rede CeMIT de Galicia é membro.
Xunto con representantes galegos, tamén participarán dinamizadores de redes de telecentros existentes en Andalucía, Cantabria, Castela e León, Canarias, Estremadura, Murcia, Cataluña e Castela A Mancha, sumando un total de 75 participantes e 10 redes distintas. O formato deste encontro é dun obradoiro participativo, no uso de ferramentas e técnicas de pensamento creativo aplicables ao seu traballo diario coa cidadanía. Contando coa experiencia de cada Rede de Telecentros, o encontro axudaralles a debuxar novas propostas, propoñer novos retos e converter en realidade o rol dos dinamizadores como axentes do cambio nas súas localidades.
Afondarase nas boas prácticas impulsadas dende cada unha de las Redes de Telecentros a nivel nacional sobre aspectos como a e-Inclusión, o envellecemento activo, as competencias dixitais, a innovación social, a ciberseguridade, os eServizos, ou o uso seguro e responsable da tecnoloxía en contornas educativos. Oe encontro permitirá analizar de que forma desde estas redes poden seguir ofrecendo iniciativa que respondan ás liñas estratéxicas e desafíos formulados dentro da Axenda Dixital para España 2020 e da Axenda Dixital Europea.
O vindeiro sábado celebrarase a OSHWDem, unha feira dirixida a que todos os públicos, especialmente os non profesionais, poidan gozar e iniciarse nas coñecidas como tecnoloxías abertas. Durante todo o día haberá exposición de proxectos explicados polos seus propios autores, competicións de robots de todos os niveis de sofisticación e talleres e charlas sobre estas tecnoloxías.
O evento está organizado pola asociación Bricolabs, leva celebrándose anualmente desde 2012 e á pasada edición asistiron 2.150 persoas e preto de 800 máis participaron nas actividades organizadas os días próximos á feira.
Este ano a exposición encherá todos os recunchos da Domus, e contará con máis de 150 proxectos realizados por máis de 100 argalleiros vindos de toda España e parte de Europa.
Os proxectos abarcan desde xogos sinxelos ata as montaxes máis complexas. Todos eles teñen en común que a información de como se fan está publicada para que calquera poida reproducilos, adaptalos ou mesmo melloralos. Na OSHWDem poderás coñecer aos creadores de cada proxecto que responderán as túas preguntas e contaranche as características e dificultades que atoparon na súa realización. Ao longo de todo o día celebraranse competicións de robots. Desde os máis sinxelos na competición de Hebocon, feitos con cinta illante e pezas dispares, ata os máis sofisticados capaces de resolver labirintos de forma autónoma ou carreiras de segueliñas autónomos. Mención especial merecen os combates nos que só un robot sobrevive.
Calquera que o desexe pode construír un robot básico para Hebocon e está a tempo de apuntarse para competir nesta ou outra das competicións. Tamén haberá obradoiros e charlas que abarcan desde a iniciación ata técnicas máis sofisticadas. Os obradoiros non rematan o día 11, senón que ao longo de todo o mes desenvolveranse sesións de iniciación á soldadura, construción de robots, instrumentos musicais e programación. O horario da OSHWDem o día 11 de novembro é de 10:00 a 20:00 horas e a entrada é de balde.
Aquae Talent Hub é unha plataforma de impulso a novas ideas; un lugar de encontro onde compartir coñecemento e potenciar o talento; un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación. Ata a data, máis de 2.400 persoas puideron gozar desta experiencia en Elxe, Murcia, Málaga, Sevilla, Huelva, Granada ou Santiago de Compostela, que xa acolleu outra edición o pasado mes de maio, á que asistiron máis de 400 persoas.
A Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela prepárase para acoller o 8 de novembro a VI edición de Aquae Talent Hub, un espazo de debate e reflexión ao redor da innovación e o emprendemento que percorre a xeografía española cun estimulante formato: unha xornada de traballo composta por unha master class e un obradoiro.
A master class versará sobre emprendemento e innovación comunicativa e solidaria da man do escritor, xornalista, guionista e tradutor Santiago Roncagliolo. Licenciado en Lingüística e Literatura, Santiago é experto en innovación solidaria. As súas obras, nas que están moi presentes os recordos da súa nenez nun Perú gobernado baixo mandato militar, valéronlle o recoñecemento de público e crítica internacional.
En 2006 converteuse no gañador máis novo do Premio Alfaguara de Novela con ‘Abril Vermello', obra incluída na lista dos 15 finalistas do Premio Independent Foreign Fiction, un dos galardóns máis prestixiosos das letras británicas. A revista literaria Granta seleccionouno entre os mellores escritores da súa xeración e The Wall Street Journal cualificouno como ‘un dos próximos García Márquez'.
En 2005, convidado por a Fundación Aquae, Santiago viaxou cun equipo de UNICEF polos ríos da selva peruana para coñecer de preto como é vivir sen auga segura e sen saneamento. En América Latina, uns 35 millóns de persoas carecen de auga potable (no mundo xa son 663 millóns de persoas) e 106 millóns non contan con saneamento adecuado. Esta experiencia na Amazonía peruana marcouno tanto que decidiu plasmala nunha extensa reportaxe no diario El País (‘O orgullo de Bena Xema').
Pola súa banda, o taller de Aquae Talent Hub permitirá explorar o proceso creativo e como xerar novas ideas dunha forma diferente e estará liderado por Irene Lapuente, física de formación e experta en Comunicación e Pedagoxía (as súas áreas de expertise son o método científico, o design thinking e os procesos creativos) e cofundadora da Mandarina de Newton, empresa que une ciencia e tecnoloxía para fomentar a creatividade.
Aquae Talent Hub é unha plataforma de impulso a novas ideas; un lugar de encontro onde compartir coñecemento e potenciar o talento; un espazo de reflexión e divulgación sobre emprendemento e innovación. Ata a data, máis de 2.400 persoas puideron gozar desta experiencia en Elxe, Murcia, Málaga, Sevilla, Huelva, Granada ou Santiago de Compostela, que xa acolleu outra edición o pasado mes de maio, á que asistiron máis de 400 persoas.
O obxectivo que persegue a Fundación Aquae, promotora principal da iniciativa xunto con Viaqua e a universidade compostelá, é xerar o interese polo emprendemento e os proxectos dos emprendedores, así como achegar visibilidade a iniciativas sociais que teñan unha forte vinculación co medio ambiente, a cultura, a cooperación e o emprendemento social.
Máis información: http://www.fundacionaquae.org/proyectos/aquae-talenthub-2017-eventos/
Sobre Viaqua
Empresa galega do sector do medio ambiente que xestiona todos os procesos relacionados co ciclo integral da auga en 53 municipios galegos: a captación, a potabilización, o transporte e a distribución para o consumo cidadán con absolutas garantías sanitarias e que chega a máis de 750.000 habitantes. O modelo VIAQUA está baseado na excelencia do servizo prestado a todos os clientes: fogares e empresas e fundaméntase na adaptación ás necesidades de todos os clientes sen excepción, na constante innovación tecnolóxica e na adecuada xestión do coñecemento, así como no uso sustentable de todos os recursos de auga dispoñibles.
Máis: http://www.viaqua.gal
Sobre a Fundación Aquae
A Fundación Aquae é unha entidade privada independente e sen ánimo de lucro que apoia e promove o talento emprendedor, a investigación, a innovación, a cooperación e a integración social nos campos da ciencia, o coñecemento, a sustentabilidade e a cultura. Creada en 2013, a Fundación Aquae traballa como un think tank que aspira a espertar a inquietude, a creatividade e o espírito colaborativo para conseguir un modelo de desenvolvemento social, económico e ambiental sustentable.
A Deputación de Pontevedra vén de informar de que o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 acollerá durante o mes de novembro seis obradoiros ao abeiro da rede TIC impulsada pola dita entidade provincial, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros.
En canto aos obradoiros programados para Lalín no mes de novembro, todos eles en horario de 19 horas, terán como primeiro evento Ferramentas de Google para a promoción de negocios, previsto para este luns 6 de novembro. Posteriormente, o mércores 8 organizarase o obradoiro Recursos e ferramentas TIC para o teu negocio. A seguinte semana, o mércores 15, Lalín tamén acollerá Emprego de vídeos nas redes sociais: Youtube, Periscope... A seguinte cita será o martes 21 de novembro, cando terá lugar na vida do Deza o obradoiro Bota as túas propias fotografías para o comercio electrónico. Esa mesma semana, o xoves 23 de novembro, terá lugar o obradoiro Comercio electrónico para microPEME. Por último, neste mes de novembro, o Viveiro de Empresas do Polígono Lalín 2000 será o lugar de celebración do obradoiro As redes sociais para vender os teus produtos de alimentación, o luns día 27.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
Na maioría dos casos, que unha persoa maior poida utilizar e beneficiarse dun gadget é todo un reto. Parece que a xeración Z nacese cun deles nas súas mans, pero todo o contrario pasa cos seus avós. O día 3 de novembro foi o día da usabilidade, pero como pode unha persoa maior beneficiarse diso?.
Expertos no coidado de anciáns en Lepant Residencial, dannos algunhas das claves
O cambio de paradigma e a aparición das tecnoloxías dixitais fai que todos nos tivemos que adaptar a esta era, aínda que para as persoas da terceira idade non é tan difícil introducirse neste campo, segundo comentan os coidadores expertos de Lepant Residencial.
Moitas empresas invisten tempo e esforzo en adaptar as tecnoloxías á terceira idade mellorando a usabilidade dos dispositivos, por exemplo: ampliando o tamaño da fonte, mellorando o brillo da pantalla, ou simplificando o seu uso.
Multitude de empresas crean gadgets especiais para persoas maiores, "con todo, non sempre se reciben ben, xa que ter unha ferramenta adaptada e distinta á do resto provoca que sentan diferentes e con menos capacidades", alertan os expertos en terceira idade. É polo que lles resulta moi útil a usabilidade tecnolóxica, que permite que un mesmo elemento sirva para distintas persoas. Os expertos de Lepant Residencial afirman que isto reduce a fenda entre xeracións, mellorando a integración e reducindo o illamento tecnolóxico.
A pesar diso, moitas veces carécese de interese e motivación persoal, e isto fai que non queiran introducirse no mundo dixital.
Hai varias formas de achegar as tecnoloxías dixitais ás persoas maiores. En primeiro lugar, é fundamental crear esta motivación persoal, e isto conséguese cando vexan unha utilidade nelas. É importante pois, que se presenten as tecnoloxías dixitais como un beneficio e que eles o vexan como tal. Poden ser moi útiles para evitar a soidade, contactar con antigos amigos, estar informado do que lles interesa, potenciar o lecer e fomentar as relacións familiares. Ademais, estes gadgets potencian a actividade mental e, a consecuencia, convértense en persoas máis activas. Para que unha persoa maior se introduza no mundo dixital, desde Lepant Residencial recomendan seguir algúns consellos que permitirán que non se angustie ante un elemento tan novo e complexo para eles. En primeiro lugar, é fundamental crear esta motivación persoal. Isto conseguirase no momento que vexan unha utilidade en, por exemplo, ter un smartphone. É fundamental empezar con algo sinxelo e manexable e aos poucos ir aprendendo máis sobre o funcionamento dun gadget e as súas prestacións. É importante relacionar todo tipo de tecnoloxía con temáticas que lles gusten, e potenciando o reforzo positivo, para que vexan que están a avanzar e coñecendo cada vez máis cousas da tecnoloxía dixital.
As tecnoloxías dixitais axudan a superar barreiras, pero tamén as xeran, segundo comentan en Lepant Residencial. Unha persoa maior pode sentirse illada ao ver que non domina este campo. É importante facerlle sentir que non é así e axudarlle sempre que sexa necesario: a idade é un dos elementos que forman parte da chamada fenda dixital. Normalmente xa é un sector que tende a sentirse illado, e coa aparición da internet e os smartphones, aínda máis.
O Centro Demostrador TIC da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de actualizar unha das solucións libres que ofrece para que empresas e usuarios poidan probar de xeito gratuíto. Trátase da solución de almacenamento e compartición de ficheiros na nube que pasa a estar baseada na solución NextCloud.
Para facilitar a difusión da súas novas funcionalidades, o vindeiro 9 de novembro o Centro Demostrador TIC celebra a sesión “Nextcloud: a nube privada máis segura para os teus datos” en colaboración coa empresa LibreBit (https://www.librebit.com/), especializada en xestionar proxectos en software libre.
A sesión, de carácter eminentemente práctico, versará sobre a ferramenta libre Nexcloud, unha solución para resolver as necesidades de almacenamento, compartición e xestión da información das empresas axustándose ao Regulamento Europeo de Protección de Datos, que entrará en vigor en maio de 2018.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.gal/nextcloud) ou a través da súa app dispoñible para plataformas Android e iOS. A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que polo momento quedan prazas dispoñibles.
NextCloud
NextCloud é un xestor de ficheiros de código aberto e libre distribución, desenvolvido pola empresa homónima, que naceu en abril do 2016 como unha bifurcación de OwnCloud e que conta cun extraordinario apoio da comunidade, con máis de 1000 membros activos.
Trátase dunha ferramenta que se axusta ás necesidades daquelas pequenas e medianas empresas que precisen mellorar a compartición de ficheiros, tanto de maneira interna como de cara aos seus clientes e consumidores, a través da nube. Ten un uso moi sinxelo, ofrece unha grande potencia, eficacia e funcionalidade.
Centro Demostrador TIC Virtual
O CDTIC Virtual, posto en marcha polo Centro Demostrador TIC, é un servizo no que empresas, organizacións e persoas usuarias poden probar e avaliar distintas aplicacións en software libre a través dun servizo na nube nun contorno privado, sen necesidade de dispoñer de recursos informáticos propios ou de persoal con coñecementos avanzados de sistemas. Así, desde a súa posta en funcionamento, foron máis de 120 as empresas que teñen solicitado acceso a este servizo do Centro Demostrador TIC.
Na actualidade, as solucións dispoñibles no CDTIC Virtual son Xeshostal, un software para a xestión hostaleira; Odoo, un ERP para a xestión integral dunha empresa; CiviCRM, un software de xestión de relacións con clientes (CRM) orientado a organizacións que traballan no eido social; PrestaShop, unha plataforma web de comercio electrónico; Alfresco, un software de xestión documental profesional; o xestor de contidos Wordpress, co engadido da extensión WooCommerce; Zabbix, un sistema de monitorización de redes;e agora tamén a actualización a NextCloud do demostrador do servizo de compartición de arquivos na nube.
As persoas interesadas en solicitar a avaliación dunha das aplicacións dispoñibles non teñen máis que rexistrarse como empresas e profesionais na web do CDTIC e posteriormente solicitar a aplicación ou as aplicacións que sexan do seu interese.
Discapnet conta cunha Canle Senior onde ofrecemos información sobre Saúde e Maiores, coidadores, entre outros moitos contidos.
Pero ademais, incluímos especiais, entrevistas e outras informacións para manter ao día tanto a persoas maiores como ás súas familias e aos profesionais do sector.
Hoxe día as tecnoloxías son importantes, e forman parte indivisible das nosas vidas para moitas das nosas accións, acceso a servizos, etc. Por iso pareceunos útil e interesante poder reunir as últimas aplicacións móbiles que apareceron nos últimos tempos e que se dedican a este segmento da poboación.
Hai infinidade de apps que podemos atopar online, tanto para mozas como para adultos, tanto para entretemento como para acceder a servizos necesarios, todas teñen algo en común, tentan facer a nosa vida máis fácil.
Presentámosvos a sección de Novas Tecnoloxías e Maiores onde incluiremos todas as apps que vaian aparecendo no mercado. Tamén podedes facernos chegar as vosas suxestións para difundir e compartir apps que fosen útiles para vós.
Algunhas das apps que temos agora nesta páxina son "O avó" unha aplicación para ofrecer aos maiores unha forma fácil de usar os seus móbiles e á vez reforzar a súa seguridade, xa que permite detectar se caen, saber onde se atopan ou avisar á súa familia ou coidadores en caso de necesidade.
Outra das apps que nos pareceu máis curiosas é a de MayoresconTablet. Unha app orientada aos maiores con noticias do seu interese e acceso ao blogue onde poden atopar relatos e informacións moi diversas.
Esperamos que esta nova páxina que creamos vos sexa de utilidade e axuda.