COGAMI, a entidade galega de persoas con características diversas, está a apostar pola metodoloxía do vídeo currículo para facilitar o camiño dos seus integrantes de cara a un posto de traballo. A iniciativa, que se materializa a través da área de emprego de COGAMI, estase a desenvolver a través do programa Participa coa Dis-Capacidade, que impulsa a Fundación Vodafone e que serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a súa procura de emprego, a través do que se coñece como currículo 2.0. Segundo informa COGAMI, a importancia do currículo 2.0 é cada vez maior na sociedade actual e noso mercado de emprego. Un exemplo disto é feito de que LinkedIn, a rede social referente no ámbito do emprego, que en España conta con máis de 10 millóns de membros, vén de implantar no seu seo unha ferramenta que permite aos usuarios pendurar un vídeo ao seu perfil.
COGAMI tamén explica que o vídeo currículo consiste nunha presentación audiovisual onde a persoa aspirante a un posto fala sobre si mesma, dando a coñecer as súas aptitudes, habilidades, logros, ambicións e expectativas. Ao fío do devandito, COGAMI e a Fundación Vodafone ofrecen aos integrantes da confederación galega a posibilidade de gravar o seu propio currículo 2.0, ademais de achegar as pautas necesarias para a correcta difusión do mesmo, tendo como obxectivo final o conseguir unha entrevista persoal. Unha das persoas que mostrou interese nesta iniciativa foi Felisa Nchama Alogo Abuy, unha moza graduada en Dereito que quere apostar polo audiovisual para presentarse ás ofertas de emprego. Felisa aproveitou esta oportunidade que se lle brinda a través de Participa coa Dis-Capacidade porque, segundo dixo, non quere pecharse a ningunha posibilidade para estar ao día no mercado laboral.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), uniuse ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), á Escola de Organización Industrial (EOI) e a Orange España para iniciar unha segunda fase do programa gratuíto de formación online “Se Dixital” en Galicia. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a competitividade da economía local e capacitar no uso e aproveitamento das novas tecnoloxías aos cidadáns que desexen desenvolver os seus negocios e formar parte da revolución dixital. Desta forma, contribúese, ademais, na xeración de actividade económica e de emprego e na retención do talento local nos municipios galegos que se adhiran ao programa.
Esta colaboración amplía o alcance do convenio asinado en maio entre o IGAPE, a escola e a operadora para convidar os municipios galegos a que se adhiran a este proxecto de capacitación dixital cidadá.
A economía dixital crea novas oportunidades de negocio, que á súa vez xeran novas necesidades formativas en ferramentas dixitais, innovación e emprendemento, ás que responde o programa ‘Se Dixital'. Por esta razón, o IGAPE e a Amtega, así como os Concellos dos municipios galegos adheridos ao programa, impulsarán activamente entre os seus cidadáns a participación nestes cursos, que teñen unha duración de seis semanas e para os que é necesaria a inscrición na web do programa sedigitalylanzate.es.
O período de formación concluirá o 30 de novembro e é posible incorporarse ao mesmo ata quince días antes da súa finalización.
Inicialmente adheríronse a esta segunda fase do programa “Se Dixital” as seguintes localidades: Boiro, Fisterra, Ortigueira e Sada na provincia da Coruña; Carballedo, Ribadeo e Sarria en Lugo; Celanova e Leiro en Ourense; e Porriño e Valga, en Pontevedra. De maneira complementaria, e no marco do convenio asinado pola Xunta de Galicia (a través do Igape) con Orange e EOI, en breve está prevista tamén a adhesión de Carballo e Arzúa na provincia da Coruña; Viveiro e Monforte de Lemos, en Lugo; Verín, Carballiño, O Barco e A Rúa, en Ourense; e Vilagarcia de Arousa, A Estrada, Redondela e Marín en Pontevedra.
A iniciativa inscríbese, ademais, no marco das actividades derivadas da incorporación de Orange ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do “Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020”, impulsado pola Amtega, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O “Plan de Inclusión Dixital” é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
A Dirección Xeral da Policía decidiu reforzar a seguridade do DNI electrónico para o seu uso telemático, polo que decidiron que os certificados electrónicos contidos no DNIe serán substituídos sucesivamente para garantir a seguridade dos usuarios da certificación e a sinatura electrónica en España, o que terá como consecuencia a suspensión da funcionalidade dos certificados.
Esta medida parte dun estudio publicado pola Universidade da República Checa que podería alertar dunha vulnerabilidade nos certificados dixitais do DNIe que afectaría aos documentos con número de soporte posterior ao ASG160.000 expedidos a partires de abril de 2015, de aí que se procedeu á desactivación dos certificados dixitais mentres se estuda como solucionar a situación.
Mentres tanto, os DNIe continuarán a ser válidos como documentos de identificación e documentos de viaxe, descoñecéndose cando se comezarán a expedir os novos certificados seguros, para os que será preciso que os titulares dos carnés acudan ás Oficinas de Documentación.
Dende aposta en funcionamento do DNIe a Policía expediu máis de 59,4 millóns de documentos, indo esta tecnoloxía xa pola súa terceira versión, que destaca por incorporar NFC, o que facilitaría o uso do DNIe en dispositivos con tecnoloxía contactless, o que podería resultar moi práctico para a súa utilización en móbiles (facilitando que os usuarios poidan identificarse ante a Administración virtual achegando o seu DNI ao smartphone).
Hoxe comezou en Lugo un evento destinado a pór de relevo a importancia da innovación smart e as novas tecnoloxías para dar con formas máis sustentables, eficientes, eficaces, limpas e rendibles de xestionar e consumir enerxía. Falamos da cuarta edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética, XENERGAL 2017, que se desenvolve até mañá no Pazo de San Marcos da man do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), coa colaboración da Deputación de Lugo e do Concello. A inauguración correu a cargo do deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o director do Congreso, Fernando Blanco. Segundo fixeron saber, no evento están a participar un centenar de profesionais de toda a Comunidade, achegando 36 relatorios.
O obxectivo deste encontro é “difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía”, pero ao mesmo tempo “servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos”.
Santos Ramos subliñou no acto de apertura que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso”, que versará sobre enerxías renovables, tecnoloxías smart, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal dos devanditos recursos.
Segundo engadiu o deputado, “dende o Executivo provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia”. Esta é a razón, dixo, de que a entidade provincial destinase 1,5 millón de euros a través do Plan de Aforro Enerxético (ao que se adheriron 37 Concellos, permitíndolles aforrar máis dun 10% nos custos municipais); de que se elaborase un novo programa de aforro enerxético chamado ILUMIN@ (dirixido a todos os municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, recibindo unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais) e de que se investisen 750.000 euros para fornecer dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros.
Pola súa parte, Méndez López engadiu que “énchenos de orgullo que Lugo sexa unha cidade na que cada vez se celebran máis citas deste tipo, citas importantes polo contido, e polas conclusións ás que se chegará”. Segundo dixo, existe o firme compromiso dende o Goberno local de converter a cidade nunha urbe sustentable, e nesa liña leváronse a cabo medidas como reducir a velocidade a 30 nunha manchea de rúas ou habilitar máis zonas peonís en múltiples barrios. Ademais, engadiu, “fomos quen de acadar 22 millóns de euros de fondos europeos, para implantar este tipo de medidas de aforro enerxético”.
Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais como profesionais de referencia da enerxía; este papel debe estar apoiado por outras profesións complementarias, e por iso este congreso exponse aberto á participación de diferentes disciplinas”.
Pola súa banda Fernando Blanco salientou “a necesidade de implantar a xestión enerxética na empresa e na administración pública” indicando que “esta é unha disciplina que se integra e aplica dende finais do século XX pola necesidade de diminuír as emisións de gases de efecto invernadoiro, así como para garantir a seguridade das instalacións en funcionamento”.
24 relatorios na xornada de hoxe
Ademais da inauguración, na xornada de hoxe celebráronse un total de 24 relatorios, en sete mesas. En horario de mañá celebrouse a mesa institucional, na que estiveron presentes as iniciativas do Concello de Lugo e da Feira da Enerxía de Galicia; a segunda mesa centrouse no aforro en instalacións industriais, mentres que a terceira versou sobre as aplicacións da enerxía xeotérmica en Galicia, que contou á súa vez coa colaboración do Clúster Galego de Enerxía Xeotérmica (ACLUXEGA).
En horario de tarde desenvolvéronse a segunda edición do Seminario Técnico Galego de Iluminación, a quinta Xornada Eólica de Galicia (en colaboración co Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, Cluergal) e as mesas correspondentes ao mantemento de edificios e pobreza enerxética e compoñentes sociais da enerxía.
A empresa española Mouse4all foi galardoada como mellor solución dixital con impacto social na categoría de Inclusión e Empoderamiento nos World Social Awards (WSA).
Nesta edición 2017, os WSA distinguiron a un total de 40 iniciativas en oito categorías distintas, seleccionadas dun total de máis de 400 nomeadas procedentes de países de todo o mundo. Segundo a organización, "todos os proxectos nomeados son innovadores e únicos, o que converte aos 40 mellores en excepcionais".
Estes premios son unha iniciativa enmarcada no Cume Mundial das Nacións Unidas sobre a Sociedade da Información para recoñecer a innovación dixital con impacto na sociedade.
Os gañadores dos WSA 2017 representan unha gran variedade de iniciativas de innovación dixital: desde impresión 3D de órganos, 'big data' orientado ao turismo, unha pequena computadora programable para axudar aos escolares para aprender a codificar, ou unha plataforma de traballo para mulleres centrada no talento tecnolóxico.
Mouse4all é unha empresa española de emprendemento social creada polos enxeñeiros José Ángel Jiménez e Javier Montaner, que desenvolveron un produto de accesibilidade que permite utilizar dispositivos táctiles Android a persoas que non poden manexar a pantalla por mor dunha discapacidade física.
Desta maneira, con só mover unha panca co queixo, por exemplo, ou facer 'clic' nun pulsador coa cabeza, conseguen acceder a Internet, redes sociais, xogos e calquera aplicación dun móbil ou unha tableta. Así, esta innovación contribúe a cambiar a vida de persoas que, por primeira vez, poden usar dispositivos móbiles cos que son capaces de comunicarse e interactuar con outros, potenciando a súa privacidade, autonomía e autoestima.
Segundo Jiménez, "a idea xurdiu cando fomos conscientes de que a revolución dixital deixara fóra a millóns de persoas que non poden usar unha pantalla táctil por sufrir unha discapacidade física severa como parálise cerebral, lesión medular, esclerose múltiple, enfermidades neuromusculares ou ELA".
Pola súa banda, Montaner asegurou que se senten "moi agradecidos e orgullosos por resultar premiados nunha competición tan prestixiosa que, ademais, achéganos unha proxección clave á hora de contribuír a solucionar un problema que afecta as persoas con discapacidade a escala mundial".
Co fin de promover as vantaxes que ofrecen os dispositivos móbiles avanzados (novos teléfonos intelixentes e tabletas), Internet e as redes sociais para as persoas maiores, a Cruz Vermella Española e a Fundación Vodafone España renovan o seu convenio de colaboración para ofrecer obradoiros formativos a este colectivo.
O obxectivo do devandito convenio, cuxa duración se estenderá ata marzo de 2018, é formar a máis de 2.900 persoas maiores. Desde que comezou a colaboración da Fundación Vodafone España coa Institución en 2006, pasaron por estes cursos case 38.500 persoas.
En relación a esta colaboración, a Cruz Vermella desprega toda unha rede de obradoiros formativos no uso de Smartphone e tabletas entre persoas maiores de 55 anos. Os obradoiros son impartidos polo voluntariado da organización, co apoio do persoal técnico da Institución. Na pasada edición, 205 persoas voluntarias en 90 Asembleas Locais, co apoio de 33 técnicos, impartiron 394 cursos en 20 provincias.
Pola súa banda, a Fundación Vodafone, a través de www.fundacionvodafoneconlosmayores.com, ofrece vídeos formativos breves de carácter gratuíto adaptados á linguaxe das persoas maiores que ensinan como utilizar Smartphone e tablets dunha maneira eficaz e sinxela, tanto para dispositivos con sistema Android como para Ios que incorporan o sistema operativo IOS, ademais de utilizar Internet e redes sociais.
A Deputación de Pontevedra vai organizar este mes de novembro media ducia de obradoiros TIC no edificio administrativo da entidade que preside Carmela Silva (na capital provincial) e máis nas instalacións de AEMPE Pontevedra, Estas actividades desenvólvense ao abeiro da rede TIC impulsada pola Deputación, a rede SmartPEME, constituída polas sedes operativas de Pontevedra, Vigo, Porriño, Ponteareas, Cambados e Lalín, dende as que os profesionais da Deputación (en colaboración cos Concellos e as asociacións) despregan un importante labor de capacitación dixital ao servizo de autónomos, PEME e traballadores. A entidade provincial xa deu a coñecer os programas de Lalín, Cambados, Vigo, Porriño e Ponteareas. Polo que respecta a Cambados, o Centro Exposalnés acollerá en novembro seis obradoiros. No que atinxe á zona de Vigo (Vigo, Porriño e Ponteareas) desenvolveranse durante todo o mes de novembro un total de 18 obradoiros. En Lalín celébranse, tamén, media ducia de actividades.
Volvendo aos obradoiros de Pontevedra, comezan este martes 7 de novembro co taller Promove o teu negocio: mercadotecnia sectorial e seguirá cos seguintes cursos: o xoves 9 impartirase o obradoiro Desenvolve a túa propia estratexia de email marketing; o martes, día 14, Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO; o martes 21 Deseña sinxelamente imaxes abraiantes e profesionais; o xoves 23 de novembro Crea o teu propio logotipo con Canva, e Woocommerce I – A solución para vender por internet, o martes 28 de novembro. A única actividade que realizarase fóra do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra será o de Imos chamar á porta da túa clientela: Posicionamento SEO, que se organizará nas instalacións de AEMPE.
Como lembraremos, a oficina SmartPEME de Pontevedra está emprazada no Edificio Administrativo da Deputación, na Gran Vía de Montero Ríos, s/n e as inscricións pódense facer no número de teléfono 886 202 020, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.es. Todas as actividades deste mes comezarán ás 19 horas agás o obradoiro que terá lugar en AEMPE, que arrancará ás 17:15 horas.
O proxecto SmartPEME
SmartPEME é un novo modelo de servizo orientado á mellora competitiva das PEME e á procura dunha melloría nas vendas e na eficacia e eficiencia das tarefas, que abre novos eidos de actuación e acada novos grupos de interese coma os emprendedores, as asociacións empresariais e os axentes de dinamización en concellos.
O devandito obxectivo, nas oficinas do Porriño, Cambados, Pontevedra, Lalín, Ponteareas e Vigo abrangue as seguintes actividades: itinerarios de obradoiros temáticos con diversos niveis de dificultade adaptados ás necesidades das empresas, eventos de networking trimestrais coa participación de profesionais de prestixio, colaboración con asociacións e promoción de alianzas institucionais, especialización sectorial dos asesores en función das necesidades da súa área de influencia, kits de asesoramento en novas tecnoloxías a emprendedores, identificación e difusión das necesidades TIC aos provedores de solucións para as PEME e, tamén, impulso de novas carteiras de servizos de asesoramento.
A compañía Grupo 5 lanza a IV edición dos Premios G5 Innova que busca proxectos empresariais que axuden a mellorar a sociedade con ideas e solucións innovadoras. A innovación, viabilidade, uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e o impacto social dos proxectos presentados, serán os criterios de valoración do xurado.