main content

main content
26/10/201708:10
Smart City.
Ourense

Ourense Provincia Intelixente: unha estratexia de futuro

Ourense é unha provincia con 92 municipios e máis de 322.000 habitantes. Só un dos municipios supera os 100.000 habitantes. Ningún outro supera os 20.000.

A Deputación de Ourense dispón do Plan Ourense 15-19, presentado en marzo do 2015, un plan que recolle 77 accións a executar en 48 meses que pretenden xerar os suficientes elementos de valor que fagan da provincia un referente nacional e internacional.

Un dos aspectos principais do Plan Ourense 15-19 é o chamado “Provincia Intelixente”. Desde Ourense cremos que o concepto de SmartCity non debe estar ligado só a grandes cidades ou grandes infraestruturas.

Por iso deséñase o concepto de Provincia Intelixente como un proxecto que pretende que a Deputación se converta en Concello “de Concellos”. A Deputación ten unha visión da provincia global con 92 concellos aos que prestar servizos.

Exponse unha xestión da información dos concellos desde un punto de vista único con tres obxectivos:

  • Cooperación
  • Optimización de recursos
  • Redución de custos

Unha “Provincia Intelixente” é aprender a dialogar e xerar interfaces válidas e dinámicas entre o público e o privado e un equilibrio entre a política e a tecnoloxía.

Desde Ourense existe unha estratexia global de crecemento económico ao redor das Tecnoloxías, do Turismo e da Saúde. Dentro destas accións ten especial incidencia o chamado “Ourense Termal” co que se pretende difundir o alto potencial do termalismo ourensán no turismo nacional e internacional. Esta acción será unha das principais a desenvolver dentro do ámbito do “Smart Turismo”.

Un gran proxecto como “Provincia Intelixente” favorece a creación dun ecosistema investidor de grandes compañías tractoras e de pequenos investidores que desenvolvan produtos ao redor do concepto “Smart”.

Todas estas liñas de traballo foron presentadas na edición 2016 de Ourense “ICC Week” na que estivo presente David Rowan, director de Wired UK.

Seguir lendo na fonte da noticia

26/10/201708:10
D-Link Webinars.
Santiago de Compostela

D-Link anuncia unha nova tempada de webinars gratuítos sobre redes e comunicacións

D-Link volveu a poñer en marcha unha nova tempada de Webinars, que comezan o vindeiro venres 27 de outubro. Será a 13ª edición destas aulas online gratuítas. Cada venres ás 10:30AM, os enxeñeiros de D-Link impartirán presentacións e obradoiros especializados en solucións empresariais de electrónica de rede cableada (Switching), contornas Wifi profesionais (Wireless) e Videovixilancia, pero sen esquecer a contorna doméstica, coa chegada da primeira solución Wi-Fi Mesh baseada en tecnoloxía PLC Powerline, o D-Link COVR P-2502.

Os altos índices de asistencia dos D-Link Webinars convertéronos nunha referencia da formación en networking empresarial. As Aulas Virtuais ou webinars para a formación especializada en redes e comunicacións desenvolveranse nas seguintes datas:
  • Venres 27 Outubro 10:30AM Soluciones de mobilidade 3G/4G de D-Link
  • Venres 3 de Novembro 10:30AM Switching: Guía básica da seguridade nas redes LAN
  • Venres 10 de Novembro 10:30AM Novidades Switching: Contornas corporativas de Capa3
  • Venres 17 de Novembro 10:30AM Descobre as melloras de Wireless AC: Wave2
  • Venres 24 de Novembro 10:30AM Videovixilancia: Descobre as novidades Vigilance
  • Venres 1 de Decembro 10:30AM Covr: A solución Wifi Mesh intelixente.

Para participar nos Webinars simplemente hai que rexistrarse gratuitamente na páxina dos D-Link Webinars, á que se accede desde a páxina de eventos da web de D-Link.

25/10/201718:10
Inauguración da segunda edición de ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’.
Santiago de Compostela

Comeza a segunda edición do programa ‘Vodafone Connecting for Good Galicia’

  • Amtega, GAIN, IGAPE e a Fundación Vodafone España deron hoxe a benvida aos responsables das seis iniciativas empresariais que participan no programa
  • Estes proxectos están orientados a temas como a accesibilidade, a creación e fabricación 4.0, a formación interactiva, a mediación social, a tecnoloxía biométrica e a contribución ambiental
  • Durante seis meses accederán a sesións de formación, mentoring, axudas económicas e a un espazo de coworking na Cidade da Cultura

 

O programa Vodafone Connecting for Good Galicia deu comezo hoxe á súa segunda edición. O acto de inauguración tivo lugar no Gaiás coa benvida institucional aos seis proxectos emprendedores de innovación social que integran a segunda edición desta iniciativa, impulsada pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega), Mar Pereira; o director do Igape, Juan Manuel Cividanes; a directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, xunto co director xeral da Fundación Vodafone España, Santiago Moreno, e o director de administracións públicas de Vodafone, Carlos Becker, inauguraron hoxe a segunda edición deste programa que ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social a través do impulso e uso das tecnoloxías da información e comunicación en Galicia.

Os seis proxectos participantes están orientados a buscar solucións tecnolóxicas a temas relacionados coa accesibilidade, a creación e fabricación 4.0, a formación interactiva, a mediación social, a tecnoloxía biométrica e a contribución ambiental.

 

Beneficios de formar parte do programa

As iniciativas seleccionadas accederán, durante seis meses, a sesións de formación e mentoring, cofinanciado pola Amtega, de polo menos seis meses, durante os cales se impartirán sesións sobre modelo e plan de negocio e contarán con asesoría experta en temas de comunicación, vendas, negocio e accesibilidade para o desenvolvemento dun plan personalizado para cada proxecto. Ademais, dispoñerán dun lugar de traballo no espazo Vodafone Connecting for Good situado na Cidade da Cultura.

Cada un dos seleccionados conta cun patrocinio de 2.000 euros outorgado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), para a posta en marcha dos seus proxectos de emprendemento e poderán acceder a unha axuda para a formación e contratación dunha persoa con discapacidade que se incorpore ao equipo de traballo dos proxectos seleccionados.

Os proxectos poderán optar á concesión dunha axuda de 25.000 euros da Xunta de Galicia ao mellor proxecto para a súa execución e posta en marcha, e Fundación Vodafone outorgará o Premio Conectados pola Accesibilidade de 10.000 euros ao proxecto que mellor incorporase os principios de accesibilidade universal.

 

Proxectos segunda edición 

  • 3DAcoustic proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D, conseguindo unha redución nos custos, tempos de produción, e unha mellor experiencia de uso grazas a un produto propio e innovador totalmente axustado a cada persoa.
  • it! é unha empresa de creación e fabricación 4.0, que ofrece servizos integrais de deseño, modelado 3D, fabricación de novos produtos e enxeñería aplicada. it! ten como obxectivo achegar e popularizar o uso da tecnoloxía de impresión 3D en todos os sectores mediante o seu Marketplace online it!MARKET e o seu FabLab na Coruña it!LAB.
  • Formadox é unha plataforma de formación interactiva en tecnoloxía que achega ao usuario a experiencia da formación presencial dos talleres ou os laboratorios, mediante vídeos, simuladores e kits didácticos. A formación que se ofrece está relacionada coa Internet das cousas, a industria 4.0, a robótica, a impresión 3D, as técnicas de fabricación dixital, a visión artificial, a realidade virtual e aumentada, etc.
  • Mediación Móbil é un proxecto que busca axuntar novas tecnoloxías e plans integrais de mellora da convivencia en catro ámbitos (educativo, familiar, empresarial e deportivo) co obxectivo de prover a todo tipo de persoas dunha ferramenta de prevención e resolución de conflitos accesible, económica, personalizada e profesional.
  • Sense(x): é un dispositivo biométrico que permite a toma de datos e parámetros, tanto fisiolóxicos como alimentarios mediante sensores para a análise pormenorizada dos alimentos para inxerir. Ademais, grazas a un software específico, integra o sensor con diferentes dispositivos, o que permite obter estatísticas detalladas dos diferentes sensores, análises de uso e mesmo compartir resultados nunha rede social, etc.
  • Tapper: é unha app que contribúe a reducir o desperdicio alimentario. Grazas a Tapper, os establecementos poden publicar ofertas de produtos preto do fin da súa vida útil, que os usuarios poden adquirir a un prezo rebaixado.

 

25/10/201715:10
Voluntario dixital da Cruz Vermella.
Zamora

Unha aplicación móbil da Cruz Vermella permite a 200.000 voluntarios elixir cando axudan

A Cruz Vermella Española desenvolveu unha aplicación para teléfonos móbiles e tabletas electrónicas que permite aos preto de 200.000 voluntarios cos que conta a organización en España elixir cando e en que realizan as accións de voluntariado.

O desenvolvemento desta aplicación durante os dous últimos anos permite aos voluntarios recibir alertas de actividades para as que pode ser útil a súa colaboración e eles responden desde a mesma aplicación se se pode contar con eles, ao aceptar ou rexeitar a proposta, segundo explicou a organización.

As alertas ao voluntario efectúanse en base ao seu perfil de dispoñibilidade, formación e localización, segundo detallou a Efe o director estatal de voluntariado de Cruz Vermella Española, Moises Benítez, que asistiu en Zamora a unha reunión de directores de voluntariado das asembleas provinciais da organización.

Esta aplicación está en consonancia coa intención da entidade de axilizar e flexibilizar cada vez máis o modelo de participación do voluntariado.

Cruz Vermella pretende así saír dun modelo "estrito e ríxido" de colaboración dos voluntarios para "camiñar cara a un modelo flexible" no que sexa "unha entidade permeable ás vontades das persoas".

Na estratexia de voluntariado e en relación ás novas tecnoloxías, a Cruz Vermella tamén se preparou para dar cabida a novas formas de colaboración a distancia a través de Internet.

Desta forma, ao longo de 2017 iniciouse o "voluntariado dixital" que ten que ver coas novas tecnoloxías e realízase desde casa.

Como exemplo dese novo voluntariado figura a posibilidade de contar un conto, dar clases de guitarra ou axudar en tarefas escolares a un neno hospitalizado a través dunha pantalla no canto de facelo de forma presencial.

Na actualidade, a Cruz Vermella Española conta con preto de 200.000 voluntarios dos que máis de 13.000 son de Castela e León.

Benítez resaltou de que se trata dunha das entidades sen ánimo de lucro con maior número de voluntarios e tamén un dos países nos que máis desenvolvido está o voluntariado dentro da Cruz Vermella Internacional.

Sobre o perfil das persoas que colaboran de forma altruísta, indicou que maioritariamente corresponde a persoas de entre vinte e corenta anos, aínda que os que máis horas de voluntariado achegan son as persoas prexubiladas ou xubiladas que teñen maior dispoñibilidade de tempo.

Responsables provinciais de voluntariado de Cruz Vermella Española danse cita hoxe e mañá en Zamora nun encontro para avaliar a colaboración dos voluntarios o último ano e deseñar a estratexia para 2018.

25/10/201715:10
A xornada contará coa presenza das expertas en mercadotecnia en liña, Elena Díaz e Cristina Varela.
Santiago de Compostela

Todo o que quixemos saber da mercadotecnia dixital, nunha xornada de balde da Cámara de Santiago

Meternos de cheo na mercadotecnia en liña e coa máxima eficacia, visualizando de maneira clara as vantaxes da promoción e a comunicación dixital para incrementar vendas, facer clientes e mantelos no tempo, e aumentar a rendibilidade. Este é o gran obxectivo da xornada de balde que organiza o 31 de outubro a Cámara de Comercio Santiago, unha xeira divulgativa titulada Como atraer visitantes ao meu sitio web? e programada coa finalidade de dar a coñecer a PEME e autónomos “distintas posibilidades de desenvolvemento empresarial a través de internet”. A xornada, que forma parte das actividades do programa TICCámaras, está organizada en colaboración co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea baixo o lema Unha maneira de facer Europa. Celebrarase entre as 12:00 e as 13:15 horas no salón de actos da entidade.

A xornada contará cunha introdución do xestor de Innovación da Cámara, Anselmo Díaz, que fará unha presentación de TICCámaras, un programa de axudas para PEME e autónomos que fornece de solucións para mellorar a competitividade das empresas a través da incorporación de novas tecnoloxías. 

A conferencia central da xornada estará impartida polas consultoras da empresa Invbit de deseño e desenvolvemento de software, Elena Díaz e Cristina Varela. Na súa exposición, farán unha introdución ao conxunto de accións que as empresas poden facer en internet para darse a coñecer, xerar clientes potenciais e mesmo vendas online. Asemade, debullarán os pasos a dar desde a análise inicial do proxecto á creación dunha web adaptada ás necesidades da marca e as diversas promocións coas que se poden alcanzar aos usuarios. 

Elena Díaz define desta maneira algunhas das principais vantaxes de estarmos na Rede: “Vivimos nunha era cada vez máis dixital, e isto nótase no proceso de busca de información previo á compra ou contratación dun produto ou servizo. Se precisamos un fontaneiro ou un carpinteiro buscaremos cales están más preto e as súas tarifas, ou se estamos viaxando e queremos pasar a noite nun hotel seguramente nos declinemos polo que teña mellores fotos subidas e opinións. Toda empresa que o consumidor poida buscar en internet ten posibilidades para desenvolver o seu negocio neste medio”.
Díaz e Varela analizarán tamén a eficacia das campañas publicitarias en Adwords e en redes sociais. As consultoras indican que estas campañas “adoitan dar bos resultados en pouco tempo e ofrecen variedade de posibilidades de formatos de anuncio en función dos obxectivos desexados”.

25/10/201715:10
Alumnos que participan nos proxectos de Anxos Urbanos.
Santiago de Compostela

'Anxos Urbanos' para que mozos con discapacidade teñan un futuro laboral

  • A Asociación "Anxos Urbanos" puxo en marcha o proxecto ‘Auxiliar de Oficina' co que busca formar a mozos con discapacidade intelectual para que teñan unha saída laboral e poidan avanzar nas súas posibilidades de vida autónoma

 

 

"Anxos Urbanos" é un dos proxectos impulsados por Bankia a través do seu programa Rede Solidaria e nel participan profesionais do ensino e doutros ámbitos, que prestan servizos de apoio extraescolar e de lecer e tempo libre.

Neste caso, a asociación céntrase en mozas con discapacidade intelectual que, unha vez pechada a etapa escolar, teñen dificultades tanto para continuar cos seus estudos como para incorporarse á vida laboral.

Ante esta situación, a organización ábrelles as portas do seu centro ocupacional para que poidan seguir formándose, neste caso como auxiliares de oficina, e avancen na súa integración na contorna laboral.

Así, o obxectivo é que estes alumnos adquiran as competencias básicas que lles permitan desempeñar as tarefas de auxiliar administrativo, así como afianzar a súa confianza nas súas propias capacidades e nas súas posibilidades profesionais.

27/10/201711:00
1 mes 1 profesión dixital
Online

Usa o teu móbil para coidar a túa saúde, pedir a túa cita médica online. Utilidades e funcións dos novos reloxos intelixentes

A Federación Galega de Asociacións de Universidades Senior (Fegaus), a Fundación Vodafone e Ágora Tecnoloxía, co apoio de CeMIT, Canal Senior e a Xunta de Galicia, organizan un curso emitido en directo por Internet, gratuíto, para persoas maiores que queiran mellorar a súa saúde utilizando a tecnoloxía.  Será o venres 27 de outubro entre as 11.00 horas e as 12.30 horas. 

Como explican os seus responsables, "existen moitas aplicacións para os nosos teléfonos móbiles, tabletas e os novos reloxos intelixentes que poden axudarnos no coidado da nosa saúde".

Precisamente neste curso poden coñecerse, de forma práctica e útil, diversas aplicacións gratuítas relacionadas coa saúde e que farán a vida máis fácil, cómoda e saudable.

25/10/201715:10
Logos dos promotores do curso.
Santiago de Compostela

Curso gratuíto en liña para mellorar a saúde coa tecnoloxía

  • Varias entidades organizan un taller na internet para maiores que queiran coidarse usando aplicacións para móbiles ou tablets

 

A Federación Galega de Asociacións de Universidades Senior (Fegaus), a Fundación Vodafone e Ágora Tecnoloxía, co apoio de CeMIT, Canal Senior e a Xunta de Galicia, organizan un curso emitido en directo por Internet, gratuíto, para persoas maiores que queiran mellorar a súa saúde utilizando a tecnoloxía.  Será o venres 27 de outubro entre as 11.00 horas e as 12.30 horas. 

Como explican os seus responsables, "existen moitas aplicacións para os nosos teléfonos móbiles, tabletas e os novos reloxos intelixentes que poden axudarnos no coidado da nosa saúde".

Precisamente neste curso poden coñecerse, de forma práctica e útil, diversas aplicacións gratuítas relacionadas coa saúde e que farán a vida máis fácil, cómoda e saudable.

 

Contidos do curso

  • Como solicitar unha cita médica por Internet.
  • Aplicacións que nos avisan de cando tomar os nosos medicamentos.
  • O teu teléfono móbil como adestrador persoal para controlar o exercicio físico.
  • Funcións e usos dos reloxos intelixentes como recurso para medir os nosos paseos, controlar o ritmo cardíaco e moito máis.

Para realizar o curso só hai que inscribirse nesta ligazón. 

25/10/201708:10
Galicia Maker Faire 2017.
Santiago de Compostela

Galicia Maker Faire arrancará cunha xornada profesional de Industria 4.0

Galicia Maker Faire, a feira referencial de argalleiras/os da nosa terra (e de máis alá), vai collendo corpo. Se os días pasados falamos da incorporación ao equipo de participantes dun argalleiro de excepción, Richard Stallman, hoxe é a quenda de confirmar que a feira celebrarase en Compostela os días 24, 25 e 26 de novembro e que contará, por vez primeira, cunha xornada dirixida especificamente ao sector profesional e na que participarán figuras senlleiras a nivel internacional no ámbito da innovación. Esta xornada profesional está programada para a mañá do 24 de novembro. O programa de actividades abranguerá charlas e debates sobre múltiples temas (Industria 4.0, tecnoloxía, innovación, produtividade intelixente e movemento Maker) con múltiples vantaxes para todo tipo de ámbitos empresariais; e abordados dende múltiples puntos de vista. Por exemplo o de Tomás Garces, enxeñeiro principal de Deseño en First Build, proxecto innovador levado a cabo por General Electric; ou os de Arian Group e Edesdev.

Ademais, haberá un espazo de exposición sobre Industria 4.0 no que os asistentes poderán coñecer de primeira man exemplos da Galicia máis innovadora, coa presencia de makersgalegos compartindo os seus achados e enxeños tecnolóxicos. O acto rematará cunha entrega de premios na que se resaltará ao proxecto máis innovador dos expostos​ durante ese​ día. As empresas interesadas en asistir a esta xornada poderán inscribirse na páxina web do evento, galicia.makerfaire.com, onde teñen habilitado un formulario.

O obxectivo dos organizadores da Galicia Maker Faire con esta sesión profesional de apertura é “que a xornada funcione como punto de encontro entre os argalleiros e a industria máis avanzada, favorecendo a aparición de sinerxías que poidan levar a unha colaboración fluída entre estes dous mundos tan complementarios”. Desta maneira, “as compañías poderán coñecer os proxectos tecnolóxicos máis innovadores levados a cabo por​ emprendedores e estes terán unha gran oportunidade​ de acadar posibles socios e colaboradores”. Os contidos desta primeira xornada terán continuidade con diferentes charlas e actividades durante a celebración da feira propiamente dita, o 25 e 26 de novembro, na que contarán, entre outros, coa presenza de importantes figuras significativas a nivel mundial como a de Richard​ ​ Stallman,​ ​ creador​ ​ do​ ​ movemento​ ​ do​ ​ software​ ​ libre.

Detalles sobre a xuntanza
O evento internacional Galicia Maker Faire vén da man de VermisLAB e O Gato Cósmico, do Concello de Santiago (Concellería de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo) e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Na presentación da feira, celebrada o pasado mes de maio, fíxose saber que durante as edicións de 2015 e 2016 acudiron máis de 24.000 asistentes e máis de 300 makers dando conta dos seus enxeños, converténdose “en punto de encontro dos mellores creadores da Comunidade e axudando a potenciar unha Galicia máis innovadora e colaborativa”, explicouse. 

Nesta nova edición, ademais, puxéronse en xogo unha serie de novidades. Por exemplo o cambio de emprazamento, que pasa a ser a Cidade da Cultura, con todo o que de visibilidade e amplitude implica o troco de localización.

25/10/201707:10
Presentación do Mestrado Propio en Tratamento e Protección de Datos.
Santiago de Compostela

Mar Pereira destaca a importancia da capacitación dixital en todos os ámbitos profesionais

  • A directora da Amtega participou na presentación do Mestrado Propio en Tratamento e Protección de Datos organizado pola USC

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, indicou hoxe que “os cambios derivados da transformación dixital requiren profesionais con novas competencias e habilidades”, e de aí a importancia de que as universidades dean reposta con formación especializada, non só para profesionais TIC senón para perfís doutros ámbitos.  

A responsable autonómica participou esta mañá na presentación do Mestrado Propio en Tratamento e Protección de Datos organizado polo Centro de Estudos de Seguridade da Universidade de Santiago de Compostela. Mar Pereira gabou esta iniciativa, que ofrece formación específica a xuristas e profesionais relacionados co tratamento de datos ante a entrada en vigor do novo Regulamento europeo nesta materia.

 

Aplicación do novo regulamento europeo na Xunta de Galicia
Pereira destacou o valor estratéxico dos datos no contexto dixital para crear máis e mellores servizos pero coa obriga de garantir a súa seguridade e confidencialidade. Neste sentido, a directora da Axencia subliñou que o novo Regulamento europeo é “o máis esixente neste materia” e incorpora novos dereitos para os cidadáns como o dereito ao esquecemento, o consentimento expreso ou a portabilidade dos datos e implica un maior compromiso das organizacións, públicas e privadas coa protección de datos así como unha forma diferente de xestionalos.

Entre as novas obrigacións que implica a lei está a de contar nas administracións públicas coa figura do delegado de protección de datos, un novo perfil profesional vinculado ao contexto dixital, que terá unha importante demanda tras a entrada en vigor da normativa europea o vindeiro ano e que constitúe un dos obxectivos deste curso.

A Xunta de Galicia, a través da Amtega, está a afrontar a adaptación a estas novas obrigas normativas a través das medidas do Plan Director de Seguridade TIC. Grazas ás actuacións desenvolvidas no marco deste Plan, a Administración autonómica incrementou a súa capacidade de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS