Impulsar e mellorar a adherencia os tratamentos farmacolóxicos da cidadanía galega. Este é o gran obxectivo da aplicación móbil (app) que desenvolverán a Consellería e de Sanidade e a Universidade de Santiago ao abeiro dun convenio marco de colaboración inserido no ámbito das TIC e a saúde (o que se coñece como eSaúde) e que está previsto que dea lugar a actividades conxuntas de I+D entre a USC e a Consellería de Sanidade, validando diferentes tecnoloxías do devandito ámbito de actuación.
A aplicación cuxos detalles veñen de avanzar o SERGAS e máis a USC, a app Calendula, permitirá facer cousas como realizar o seguimento da medicación, descargar a medicación actual, revisar pautas horarias, recibir avisos e alarmas, rexistrar tomas de medicación, xestionar as boticas anexas (botiquíns), recibir avisos de efectos secundarios ou consultar os prospectos da medicación. Trátase do primeiro froito do acordo marco entre a USC e Sanidade.
Ao abeiro do acordo, a Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información encargarase da coordinación das iniciativas de I+D+i no ámbito das TIC sanitarias e a realización a supervisión da plataforma tecnolóxica que dea soporte a estas actividades dentro do Sistema público de Saúde de Galicia, en coordinación coas unidades competentes na materia. Pola súa banda, a USC, a través do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS), porá a disposición os investigadores e os medios técnicos axeitados para levar a cabo a bo fin as actividades de I+D mencionadas.
O evento International Games Week, como o seu nome indica unha semana de actividades sen fronteiras arredor dos xogos (os xogos como instrumento para a educación e a solidariedade, non como simples recursos para sermos máis competitivos), vai ter participación galega. Máis en detalle a da Biblioteca Pública de Santiago, a Biblioteca Ánxel Casal, que vai concorrer por vez primeira nun evento que vén da man da fronte común das bibliotecas norteamericanas (a entidade ALA, American Library Association) e no que tamén toman parte activa milleiros de voluntarios de todo o planeta “reconectando comunidades” mundiais a través das súas bibliotecas e a través da que, alén da lectura, vén sendo a cousa que máis teñen en común estas comunidades: a arela de xogar. A Semana dos Xogos da Biblioteca Ánxel Casal desenvolverase do 27 de outubro ao 3 de novembro. Boa parte do programa de actividades terá un cariz dixital.
Por exemplo a primeira Xornada League of Legends, que se celebra o 27 de outubro en horario de 17.00 a 21.00 horas no salón da actos da biblioteca compostelá. Esta xornada incluirá unha clase maxistral a cargo dun ex-xogador profesional e unha competición (o primeiro torneo LOL BPS). Ademais, segundo sinala a biblioteca, achegaráselles aos participantes unha ocasión inmellorable para coñecer outros seareiros de League of Legends. A entrada a esta quedada será libre até completar a capacidade da sala.
Amais da dita actividade, a Biblioteca Ánxel Casal manterá dende o 23 de outubro até o 3 de novembro unha mostra bibliográfica arredor da temática da International Games Week, a mostra Xogos e videoxogos, visitable no segundo andar do edificio.
Por outra banda, os días 30 e 31 de agosto celebraranse unhas xornadas de xogos libres, tamén no salón de actos e consistindo nun convite directo aos seareiros para acudir, xuntarse e interactuar con todo tipo de xogos de mesa. Estes mesmos días a xoguetería Chafarís, situada na Algalia de Arriba, organiza unhas xornadas de xogos de lóxica para nenas e nenos de 2 a 13 anos, na sala de actividades infantil (primeiro andar), con horario de 16.30 a 20 horas.
A maiores, entre o luns 30 e o venres 3 de novembro, levarase a cabo a actividade Xogamos coas tabletas, no segundo andar da biblioteca. Trátase dun convite a probar as tabletas da Ánxel Casal, cargadas para a ocasión con xogos que estarán dispoñibles unicamente durante a International Games Week.
O día 3 de novembro, amais de todo o devandito, celebrarase unha xornada divulgativa sobre videoxogos. Será no salón de actos, con entrada libre até completar a capacidade da sala e en horario de 18 a 19 horas. Falarase do poder dos videoxogos para achegarnos vantaxes na nosa vida formativa e social... ou todo o contrario, dependendo do uso que lles deamos (beneficios e posibles riscos). Segundo informa a biblioteca, trátase dun espazo de encontro para o coñecemento das propostas lúdicas dixitais que temos no mercado, incidindo nos diferentes tipos de achegas, nos seus efectos positivos e nas principais preocupacións que xeran, afondando tamén nas repercusións de empregalos no ámbito do fogar. A sesión estará guiada e dinamizada por Silvia López Gómez, asesora pedagóxica e deseñadora de xogos serios en DIMElab. A xeira de divulgación estará aberta a todos os públicos: nais, pais, adolescentes, avós, avoas, nenas e nenos.
Amais da dita sesión, ás 19.15 horas está previsto que se presente o monográfico Aprendendo con videoxogos, pormenorizado estudo-investigación elaborado para o número 68 da Revista Galega de Educación. Participan Xesús Rodríguez Rodríguez (director) e Silvia López Gómez (coordinadora).
Amais de todo isto, na mesma xornada do 3 de novembro, darase a coñecer (ás 20.00 horas) o libro Historia de Nintendo: más de 125 anos de entretemento do documentalista Uxío Pérez. Trátase, en palabras da biblioteca compostelá, dunha “obra divulgativa sobre esta coñecida empresa que nos sorprende de principio a fin pola súa evolución e a enorme cantidade de feitos curiosos que protagonizou en todo o mundo”. Neste estudo, o autor fai tamén un repaso ás sagas ou xogos que “foron verdadeiros éxitos de ventas” ou nacementos accidentados coma o de Mario, “todo acompañado dunha sólida base documental para ilustrar cada unha das explicacións”, engade a Biblioteca Ánxel Casal.
Atresmedia e a ONG Cooperación Internacional volven unir, por undécimo ano consecutivo, co fin de celebrar o Día Solidario das Empresas, o cal reunirá a empresas, voluntarios, entidades sociais e persoas especialmente vulnerables, co obxectivo de fomentar o compromiso social das compañías a través do voluntariado como potente ferramenta de transformación social.
Enagás, COFACE, Marsh, SAP ou Abanca son algunhas das 45 compañías que confirmaron a súa participación ao 'Día Solidario das Empresas', o cal se celebrá por undécimo ano consecutivo, o vindeiro sábado 21 de outubro.
Segundo informan as entidades impulsoras da iniciativa, Atresmedia e a ONG Cooperación Internacional, por primeira vez, esta xornada de voluntariado corporativo celebrarase nun total 13 cidades. Nela, ademais, participarán máis dun milleiro de voluntarios co fin de implicarse no labor de medio centenar de entidades sociais e en diversas actividades, entre as que destacan talleres de lecer e acompañamento a colectivos en risco de exclusión social, persoas maiores ou con discapacidade e actividades ambientais.
Nos seus dez anos de historia, participaron 144 compañías e 139 entidades non lucrativas e máis de 7.000 voluntarios involucráronse na atención de máis de 40.000 persoas de colectivos especialmente vulnerables.
O concurso exposto por Lilly e UnLtd pretende mobilizar ás persoas a que participen coas súas ideas en Plantacción, e así poñer a súa semente para o cambio social. Nela teñen cabida todas aquelas iniciativas que contribúan a mellorar o envellecemento activo e saudable, a través de catro categorías: Prevención e hábitos saudables, Benestar, Acceso á información e Prestación de servizos de saúde.
Este desafío aberto a toda a sociedade desenvólvese no marco da iniciativa Emprende inHealth, programa de apoio ao emprendemento social en saúde posto en marcha por ambas as entidades.
Para contribuír a que as ideas seleccionadas se convertan nunha realidade, Lilly e UnLtd concederán ás dúas mellores ideas dous premios a elixir entre: 1.000 euros para impulsar a súa idea ou a mesma cantidade para que outra organización a desenvolva. Unha terceira opción é optar por un curso e innovación.
A plataforma, desenvolvida por Ideas 4 All, está dirixida a todos aqueles que queiran achegar as súas ideas para solucionar este reto, así como aqueles que simplemente queiran comentalas, melloralas ou votalas ata o 20 de novembro,
Tras esta fase un xurado seleccionará, de entre todas as presentadas, as dez mellores, tras o cal iniciarase un período para perfeccionar os proxectos (entre o 27 de novembro e o 15 de decembro) para así dar coas dúas gañadoras.
“Plantacción pretende fomentar a innovación social permitindo expoñer ideas que poidan mellorar a calidade de vida de todos. Estamos seguros que este reto vai sorprendernos con ideas que poden converterse en proxectos de emprendemento social”, comentou Manuel Lencero, co-fundador e CEO de UnLtd Spain.
“En Lilly xa estabamos moi satisfeitos de como discorre o Programa Emprende inHealth, grazas ao cal en cada edición seis emprendedores sociais conseguen un gran impulso para desenvolver as súas ideas transformadoras”, explicou Javier Ellena, presidente de Lilly España. Ao que engadiu: “pero, ademais, con esta plataforma, o programa ofrece a moitas máis persoas a oportunidade de desenvolver ideas, mesmo a quen non teñen nos seus plans converterse en emprendedores, pero queren achegar respostas a un reto tan importante como é o do envellecemento saudable”.
Esta experiencia, que leva realizándose desde 2004 da man da "Fundación También", contou nesta ocasión co apoio de Telefónica IoT, que facilitou a tecnoloxía. Estes dispositivos permitiron aos coordinadores do programa seguir aos participantes en tempo real desde unha web ou App e poderán saber, no caso de que os grupos se dispersen polo camiño, como de lonxe van, por diante ou detrás, para reunilos a todos.
Ademais, a través desta mesma App todos os peregrinos puideron ter a súa bitácora de viaxes e compartir fitos e fotos do percorrido, coa solución de Xeogestión de Telefónica IoT. Adicionalmente, grazas á solución de Xestión de Frotas, os coches que trasladaron aos voluntarios e participantes diariamente ata o punto de partida da etapa, incorporaban un dispositivo de xeolocalización.
Este dispositivo facilita información sobre a súa localización exacta, tempo de desprazamento, localización respecto dos puntos máis importantes do percorrido (talleres, hostais ou tendas), o que permite aos coordinadores solucionar de forma mais áxil as incidencias que puidesen xurdir e así xestionar mellor a loxística do Camiño.
A formación en materia de Ciberseguridade centra as actividades da próxima quincena en seis aulas da rede CeMIT, que xestiona a Amtega. Estas actividades formativas, de balde e abertas a toda a cidadanía, desenvolveranse en xornadas de 3 horas desde as 11 da mañá ata as 2 da tarde, de luns a xoves, desde o 16 ata o 26 de outubro.
A actividade está liderada desde a aula CeMIT de Cuntis, que se conectará a través de videoconferencia coas aulas de Bande, Boiro, Celanova, Oroso e Ortigueira, seguindo uns contidos formativos facilitados polo Instituto Nacional de Ciberseguridade-INCIBE.
Este tipo de actividades enmárcanse no proxecto do Banco de Tempo da rede CeMIT, que facilita que unha das aulas guíe e comparta as súas iniciativas de formación coas restantes aulas participantes.
O único requisito para poder asistir a estas actividades gratuítas é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello - Bande, Boiro, Celanova, Cuntis, Oroso e Ortigueira-, ou a través da web http://cemit.xunta.gal .
Módulos formativos
Entre o 16 e o 26 de outubro desenvolveranse un conxunto de 8 módulos formativos de 3 horas cada un, co seguinte contido:
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
O Banco de Tempo da Rede CeMIT é unha iniciativa que xurde nas aulas da rede coa finalidade de compartir actividades e optimizar os medios dispoñibles, intercambiando actividades entre aulas a través de recursos como a videoconferencia de alta calidade.
Plena inclusión propúxose axudar a Mario e a Héctor a conseguir o seu soño, como forma de normalizar a discapacidade intelectual entre os máis novos.
Para iso lanzou a campaña #QuéEstáPasandoAquí, na que gravou con eles dous vídeos para promocionar a súa propia canle a través das redes sociais. Con iso, esta organización –que representa ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e as súas familias en toda España–, pretende achegarse a este sector da poboación usando os seus mesmos códigos e canles.
E é que Mario e Héctor non tratan de remover conciencias. Tampouco ofrecen unha visión descafeinada ou paternalista das persoas con discapacidade intelectual. Simplemente limítanse a facer o que queira que fagan agora os mozos en Youtube.
No seu caso isto consiste basicamente en botarse “unhas risas” como calquera parella de amigos. Hoxe máis que nunca pedímosche que convertas en noticia algo que non debería selo. Mario e Héctor contan coa túa colaboración para difundir a súa canle a través de #QuéEstáPasandoAquí.
Ante o incremento da demanda para participar, a Cruz Vermella aumentou o número de grupos do proxecto ‘Avós e avoas educadores'. Unha iniciativa creada pola oenegué na que explican que, “as persoas maiores xogan un papel clave en moitas familias pois cumpren unha función educadora e de coidado dos netos”. De feito, engaden, “sen o seu apoio, en moitas familias, non sería posible a conciliación”. Ante este fenómeno Cruz Vermella puxo en marcha este plan de apoio e de utilidade, tanto para os propios avós e avoas, como para os pais, en canto a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
O proxecto, inaugurado no outono de 2016, conta coa colaboración da Consellería de Política Social. O seu obxectivo é “ofrecer soporte social ás persoas maiores que exercen labores parentais” explican en Cruz Vermella, “desenvolvendo unha acción preventiva fronte á tensión que leva a crianza e coidado de nenos”.
Na súa primeira edición constituíronse 18 grupos con 210 participantes e na segunda, a previsión é formar 34, con 160 participantes máis, na Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. A entidade está a organizar os novos grupos polo que insta ás persoas interesadas a solicitar máis información nas súas sedes.
Metodoloxía
Outra das finalidades do plan é proporcionar información e recursos ás persoas maiores con netos, para abordar situacións que se lles presentan cos seus netos no día a día.
“Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós e pais” comentan na asociación, “co coñecemento de realidades e tendencias máis ou menos novas para eles en temas como tecnoloxía e redes sociais, resolución de conflitos e acoso escolar, ferramentas lúdico-educativas, etcétera”.
O programa está baseado nunha metodoloxía dinámica e consta de varias fases.
A primeira é aquela que se celebra en grupo e que se denomina 'Escola'. Conta cunha estrutura establecida e sesións de carácter semanal. Na denominada 'Individual' trabállase de maneira personalizada coas persoas maiores que o soliciten e márcanse as citas necesarias. Ademais, existe unha fase grupal ou 'Axuda mutua' na que os participantes escollen aqueles temas sobre os que queiran profundar e actualizarse.
Javier Parapar, investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña (CITIC), e os investigadores David E. Losada, da Universidade de Santiago, e Fabio Crestani, da Universidade de Lugano, veñen de iniciar unha pioneira liña de investigación denominada “eRISK” que se centra no desenvolvemento de novos algoritmos de detección temperá de riscos en Internet. Segundo informa o CITIC, até o de agora o estudos na devandita liña estiveron na súa maioría enfocados ao achado de riscos pero en fases máis avanzadas, e non en alertas de cedo. A este respecto, o centro da Universidade da Coruña salienta o estudo realizado polo IA Lab da Universidade de Arizona co obxectivo de detectar o recrutamento de xente nova para organizacións terroristas. Segundo explica o CITIC, este equipo desenvolveu unha infraestrutura de investigación chamada “Dark Web” que está dispoñible para os investigadores das ciencias sociais, informáticos e analistas de seguridade.
Porén, os estudos realizados en detección temperá até este intre careceron de alicerces experimentais sistemáticos, polo que foi difícil comparar e reproducir experimentos con algoritmos de predición que se puidesen executar con bos resultados en situacións diferentes. Esta barreira tentouse superar coas investigacións desenvolvidas en eRISk.
Está demostrado que as palabras que usan as persoas, tendo en conta un período de tempo ou unha secuencia de acontecementos, poden revelar aspectos importantes dos seus mundos sociais e psicolóxicos. Existen probas substanciais que vencellan a linguaxe natural con flutuacións de personalidade, sociais e situacionais. Isto é de especial interese para entender o inicio dunha situación de risco e como se reflicte na linguaxe empregada polos individuos.
As investigacións desenvolvidas en eRISK centráronse no estudo de dous tipos de prognóstico de perigosidade de cedo, con múltiples actores e cun só actor, centrando o foco no estilo lingüístico dos individuos involucrados.
No caso de múltiples actores estudáronse as situacións nas que existe un actor externo que causa o problema. Por exemplo, os delincuentes sexuais, que adoitan usar determinadas tácticas para contactar con nenos vulnerables ao abuso sexual.
Na categoría dun só actor analizáronse casos nos que non hai un causante externo que desencadee o problema, senón que o risco provén “de maneira exclusiva” do individuo, como pode ser o padecemento dunha depresión. Para este tipo de risco dun só actor, a evidencia viría en forma dunha secuencia cronolóxica de entradas escritas por un suxeito atormentado.
As conclusións deste interesante proxecto de investigación veñen de ser presentadas nun dos eventos de referencia internacional na materia como é a Conference and Labs of the Evaluation Forum (CLEF 2017) que se celebrou do 11 ao 14 de setembro no Trinity College de Dublín.
O equipo investigador de eRISK planea repetir o estudo para o próximo ano facéndoo extensible a outros problemas psicolóxicos como a anorexia ou o trastorno de tensión postraumática.