main content

main content
02/10/201708:10
Imaxe dunha xornada anterior sobre o Regulamento Europeo de Protección de Datos.
Santiago de Compostela

Dende AMTEGA salientan que o novo Regulamento Europeo de Protección de Datos incrementa os dereitos dos cidadáns

Reforzar a confianza dos cidadáns no uso dos servizos dixitais é un dos obxectivos da Axenda Dixital de Galicia 2020 e o novo Regulamento Europeo de Protección de Datos incrementa os dereitos dos cidadáns e implica un maior compromiso das administracións públicas e das empresas neste ámbito. Así o sinalou a directora da AMTEGA, Mar Pereira na clausura da Xornada sobre a adaptación da Lei de Protección de Datos ao Regulamento Europeo, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia. No acto interviñeron tamén a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos e a directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEDP), Mar España.

A directora a AMTEGA indicou que o novo Regulamento supón unha harmonización e unidade de criterio en canto á aplicación e garantía dos dereitos dos cidadáns europeos en materia de privacidade e protección de datos e que incide en tres aspectos: a accesibilidade, a prevención e a proactividade.

 

Aplicación do novo regulamento europeo na Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia, a través da AMTEGA, está afrontar as novas obrigas normativas con liñas de traballo orientadas a identificar con precisión as finalidades e a base xurídica dos tratamentos que levamos a cabo e a elaborar un Rexistro de actividades; deseñar a figura do Delegado de Protección de Datos (DPD) adaptado á contorna da administración pública galega; implementar accións de concienciación e formación para o persoal da administración e desenvolver unha guía que facilite o exercicio de dereitos por parte da cidadanía establecer o principio de transparencia como o alicerce fundamental nas relacións cos cidadáns, facilitando a información o máis completa, concisa, clara e transparente posible.

 

O traballo realizado: Plan de Ciberseguridade

Todos estas medidas de adaptación enmárcanse no Plan Director de Seguridade TIC da AMTEGA, que se está a actualizar para incorporar as liñas de traballo derivadas da aparición desta nova normativa.

A través deste Plan estanse a desenvolver diferentes actuacións que nos permitiron aumentar as capacidades de prevención, detección e reposta ante incidentes de seguridade. Todas estas melloras permitiron tamén unha mellor colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, achegando información de valor para axudar na investigación de posibles delitos relacionados co ciberespazo. A nivel organizativo, constituíronse na Xunta de Galicia órganos colexiados coa responsabilidade do goberno dos aspectos relacionados coa seguridade da información, con participación de tódalas consellerías da Xunta de Galicia, a Asesoría Xurídica e a AMTEGA, xa que a seguridade da información non é un aspecto unicamente técnico e é necesario elevar esta cuestión a niveis directivos das organizacións. 

As liñas de actuación deste Plan Director veranse reforzadas mediante a Lei de Administración Dixital de Galicia (LEDIXGA), actualmente en proceso de elaboración e coa que buscamos prestar un servizo personalizado e de carácter proactivo á cidadanía, podendo a Administración ofrecer vantaxes grazas ás relacións xa existentes cos cidadáns. Para iso será necesario garantir o cumprimento da lexislación aplicable en materia de Protección de Datos e, en particular, no caso de compartición de datos entre distintos organismos da mesma administración

 

Formación da EGAP

Pola súa banda, a directora da EGAP resaltou o apoio constante da Escola a todas aquelas actividades formativas que contribúan á capacitación dos empregados públicos. Esta xornada comporta unha relevancia especial dentro do sector público como consecuencia do auxe da Administración electrónica, que trae consigo numerosos retos aos que os empregados públicos deberán facer fronte. Por este motivo, segundo Sonia Rodríguez-Campos, faise ineludible a convocatoria de actividades formativas que contribúan a crear un escenario de seguridade xurídica.

Esta situación motivou que na EGAP se ofrezan cursos sobre protección de datos persoais dentro do plan anual desde hai xa varios anos, tanto a través de actividades específicas como O novo regulamento europeo en materia de tratamento de datos persoais ou Seguridade da información como incluíndo estes coñecementos de maneira transversal noutras actividades formativas.

02/10/201708:10
Santiago de Compostela

A Amtega e Orange organizan en outubro trece talleres gratuítos sobre o uso de dispositivos móbiles para persoas maiores

  • Están dentro da iniciativa “Ao lado dos nosos maiores”, que se ven desenvolvendo nas aulas CeMIT de 23 concellos de Galicia desde xullo
  • A asistencia é de balde e non é necesario dispor de ningún terminal móbil para acudir aos mesmos
  • É a primeira iniciativa do operador tras adherirse como Aliado Dixital ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

 

A iniciativa “Ao lado dos nosos maiores” desenvolverá 13 talleres gratuítos sobre o uso de dispositivos móbiles para maiores entre o 2 e o 20 de outubro. Por terceiro mes consecutivo o operador de telecomunicacións Orange en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ofrecerán nas aulas CeMIT de trece municipios galegos xornadas, cunha duración máxima de 2 horas, impartidas por persoal da multinacional, que facilitará as tabletas e móbiles para realizar as actividades do curso.

O obxectivo principal desta actividade, que se está a desenvolver en 23 concellos con aulas CeMIT, é ensinar aos participantes as pautas básicas do funcionamento das tabletas e móbiles para facer a súa experiencia máis doada, que adquiran maior autonomía persoal e se familiaricen coa tecnoloxía móbil. Entre outros contidos tratarase como acceder ás redes móbiles e wifis, enviar e recibir WhatsApp, enviar fotos, vídeos e mensaxes, gardar os contactos e todas aquelas dúbidas que lles poidan xurdir no uso normal do teléfono e/ou tableta.

O único requisito para poder asistir a estas actividades gratuítas é solicitar praza na localidade de interese, ben directamente na aula CeMIT de cada concello, ou a través da web http://cemit.xunta.gal *.

 

Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020

Orange vén de incorporarse ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.

O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.

 

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

     *Calendario de actividades

Outubro

 

 

02/10/2017

RIBADEO

Lugo

03/10/2017

ABEGONDO

Coruña, A

04/10/2017

SANTA COMBA

Coruña, A

05/10/2017

PONTEDEUME

Coruña, A

06/10/2017

OROSO

Coruña, A

09/10/2017

MARÍN

Pontevedra

10/10/2017

TOMIÑO

Pontevedra

11/10/2017

VALGA

Pontevedra

16/10/2017

ORTIGUEIRA

Coruña, A

17/10/2017

BEARÍZ

Ourense

18/10/2017

LEIRO

Ourense

19/10/2017

SARREAUS

Ourense

20/10/2017

CELANOVA

Ourense

29/09/201709:09
Comisarios da Comisión Europea presentando as directrices.
Bruselas

A Comisión Europea insta aos xigantes da Internet a pór medidas contra os contidos ilícitos en liña

A Comisión Europea presentou as súas directrices e principios aplicables ás plataformas en liña para potenciar a prevención, detección e eliminación proactivas de contidos ilícitos na Rede que inciten ao odio, a violencia e o terrorismo, xa que supoñen unha grave ameaza para a seguridade e a protección dos cidadáns europeos e socavan a confianza dos cidadáns no contorno dixital.

O vicepresidente responsable do mercado único dixital, Andrus Ansip, declarou que «as nosas orientacións inclúen medidas de salvagarda para evitar a eliminación abusiva e garantir a transparencia e a protección de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión», e mentres que a comisaria de Xustiza, Consumidores e Igualdade de Xénero, Vera Jourová, salientaba que Facebook, Twitter, Google e Microsoft acordaron o código de conduta, se a autorregulación non é dabondo a Comisión actuará. De feito, a comisaria de Economía e Sociedade Dixitais, Mariya Gabriel, criticou a pouca efectividade das actuacións destas compañías na actualidade, xa que «en máis do 28% dos casos as plataformas en liña tardan máis dunha semana en suprimir os contidos ilícitos».

A proposta da Comisión inclúe instrumentos para, de xeito proactivo e dilixente, detectar, eliminar e previr a reaparición dos contidos ilícitos en liña, de xeito que deberán cooperar coas autoridades nacionais competentes, facilitar aos usuarios mecanismos que permitan alertar da existencia dos contidos ilícitos e investir en tecnoloxías de detección automática; a eliminación dos contidos deberá realizarse o antes posible (no futuro analizarase o establecemento de prazos fixos) aínda que tamén haberá que introducir garantías que eviten a eliminación abusiva; e as plataformas deberán adoptar medidas para disuadir aos usuarios de publicar de xeito reiterado os contidos ilícitos (para o que instan á adopción de ferramentas automáticas que impidan a reaparición de contidos eliminados anteriormente).

A Comisión vixiará a aplicación destes principios para avaliar se hai que crear medidas adicionais e a necesidade de establecer medidas lexislativas que complementen o actual marco regulador.

29/09/201708:09
Cartel do evento.
A Coruña

Todo listo para a nova entrega da Noite Galega das Telecomunicacións

Este venres 29 vaise celebrar na Coruña a nova entrega da nosa gran festa da comunicación e a información e as tecnoloxías que as fan posibles. Mellor dito: a nosa gran festa de todo aquilo que revoluciona, fai avanzar e ampliar o noso xeito de intercambiar información. Falamos da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano xirará arredor da necesidade de adestrarnos e capacitarnos para a que está sendo (e será) unha das grandes ameazas tecnolóxicas do noso tempo: a ciberdelincuencia. Máis polo miúdo, a Noite comeza ás 20.00 horas no recinto de PALEXCO, e estará presidida polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. A actriz Silvana Sestelo presentará o evento, no que se desenvolverá, en palabras da organización (o Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, COETG-AETG), “un espectáculo especialmente creado para a ocasión”.

Segundo informan os impulsores do evento, a gala achegará unha serie de novidades importantes con respecto ás anteriores entregas. Será, en palabras do COETG-AETG unha cita “coidada e disruptiva” que comezará cun cóctel-networking que dará paso, no salón Arao, a un espectáculo en cuxo transcurso entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2017.

Nesta edición a relación de premiados son: Enxeñeiro do Ano a Paulino González; Socio de Honra a Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA); Enxeñeiro Gerardo García Campos á mellor iniciativa empresarial no sector TIC a Situm Technologies; Gradiant á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC a Alejandro Ramos Soto; ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, outorgado en colaboración coa AMTEGA, a Balidea Consulting & Programming; ao mellor expediente académico do Máster en Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo a Víctor Manuel Segura Sieiro; e o premio Acuntia á empresa galega que aposta polo desenvolvemento de infraestruturas intelixentes de telecomunicacións a FINSA. Volvendo ao fío temático da Noite, será, como dixemos, o da ciberseguridade. Segundo nos contou recentemente o director da AETG, “escolleuse esta temática para analizar os diferentes factores que inflúen no afianzamento da utilización do espazo dixital de forma segura”.

Estarán presentes neste foro todos os axentes implicados en ciberseguridade, tanto do ámbito privado como do público, para tomar consciencia da importancia do ciberespazo e a seguridade do mesmo no desenvolvemento económico e social. A gala rematará ás 22.30 horas e, a continuación, as autoridades, premiados, patrocinadores e directivos do Colexio e da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia posarán ante as cámaras dos medios de comunicación. Unha vez rematada a cerimonia dará comezo unha cea á que está previsto que asistan uns 300 profesionais e empresarios do sector.

28/09/201708:09
Seminario de orientación grupal.
Santiago de Compostela

COGAMI e a Fundación Vodafone España colaboran nun programa de emprego que insire a 78 persoas con discapacidade

  • O programa denominado `PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE´, serve para que as persoas potencien o uso das novas tecnoloxías durante a procura de emprego

 

Setenta e oito persoas con discapacidade conseguen inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción `PARTICIPA coa dis-CAPACIDADE´ de capacitación mediante as TICS para a inserción sociolaboral, un proxecto no que participa a Fundación Vodafone España e que pretende potenciar o uso das novas tecnoloxías, darlle un uso para que sirvan como un apoio ás persoas que están a buscar emprego.

O programa, iniciado en xaneiro e que finalizará en decembro, está a cumprir, e mesmo superando, as expectativas marcadas pola área de emprego de COGAMI. Aínda que o propósito marcado era alcanzar o obxectivo de que o 49% das 150 persoas participantes logren inserirse no mercado laboral, as cifras conseguidas ata agosto indican que esta porcentaxe está superada, conseguindo que o 52% das persoas participantes estean a traballar.

Os perfís das persoas seleccionadas no programa son similares: persoas con discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para o desenvolvemento da súa profesión habitual, carecer dun contrato laboral durante os seis meses anteriores ao programa e todas son persoas con maiores dificultades de inserción (por iso é polo que a metade de participantes sexan mulleres). Segundo o lugar do que proceden, 24 dos participantes son da Coruña, outras 24 son de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 18 de Lugo, 19 de Ourense, 22 de Pontevedra e 25 proceden de Vigo.

Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten abertas nas principais cidades galegas, son os que se encargan de valorar e avaliar as potencialidades e capacidades de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Tras as entrevistas personalizadas, estes orientadores laborais trazaron un itinerario o máis axustado posible aos intereses e posibilidades da persoa.

Ademais de asesoramento, o programa `PARTICIPA COA dis-CAPACIDADE´ ofrece información, formación e capacitación en TICS baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a busca de emprego e poder acceder ao mercado laboral. Para isto, desenvolvéronse 5 talleres grupais explicativos para asesorar e encamiñar aos participantes na procura de emprego nos que participaron 102 persoas do programa; xestionáronse 33 prácticas en empresas (podendo ser este un paso previo á inserción); impartíronse talleres sobre novas tecnoloxías nos que participaron 105 persoas; asesorouse na elaboración do currículo 2.0 ou audiovisual desde a preparación do guion ata a presentación e gravación; impartíronse 11 círculos de emprego onde se comparten experiencias e estratexias sucesivas durante a procura de emprego e, por último, impartiuse formación para explicar as ferramentas ou apps que existen especializadas na procura de emprego e que se poden descargar nun Smartphone.

Parte importante dentro do programa é tamén a acción de visitar empresas para realizar labores de sensibilización cara á discapacidade, informar sobre bonificacións e incentivos que hai na contratación dunha persoa con discapacidade e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 176 empresas novas, fíxose seguimento a 243 empresas coas que xa se mantén o contacto. Finalmente, abríronse un total 427 ofertas de emprego.

28/09/201708:09
Mulleres usando ordenadores.
Madrid

O Congreso insta ao Goberno a facilitar a presenza de mulleres na sociedade dixital e en proxectos TIC

  • A Comisión de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital aprobou por unanimidade pedir ao Goberno que poña en marcha plans para reducir a fenda dixital de xénero e facilitar a presenza de mulleres na sociedade dixital e en proxectos de novas tecnoloxías

Así, todos os deputados da Comisión votaron a favor dunha proposición non de Lei, tras ser acordadas algunhas modificacións no texto, que pide ao Executivo que garanta que mulleres e homes se incorporen en condicións de igualdade de oportunidades á sociedade da información.

En concreto, reclaman un plan de igualdade específico para reducir a fenda dixital en materia de xénero, que facilite e promova unha maior presenza na sociedade dixital das mulleres como creadoras de contidos na rede e promotoras de proxectos TIC.

Ademais, ínstanlle a abordar o deseño de mecanismos de promoción e medición da participación das mulleres e nenas no acceso e uso das TIC, así como na capacitación, emponderamento e educación en competencias dixitais.

A iniciativa, presentada polo Grupo Socialista no Congreso, considera que a revolución 4.0 "chegou para quedar" e que os fenómenos da dixitalización e a robotización están a alterar os procesos de produción, de distribución e de consumo de bens e servizos en todos os sectores.

Así, advirte de que nos novos mercados que xorden, os "grandes actores tradicionais" ven a súa posición ameazada e aparecen novos modelos de negocio e financiamento.

"A igualdade entre mulleres e homes é un obxectivo básico para os estados democráticos actuais e está na base de calquera democracia que aspire á súa lexitimidade. Baixo estas directrices, as mulleres e os homes deben estar presentes nesta revolución dixital e débeno facer en igualdade de oportunidades", reclama a proposición non de lei aprobada.

Así mesmo, recoñece que a desigualdade da muller en España é "un feito recoñecido e amplamente contrastado" e advirte de que a fenda dixital de xénero aumentou en 2016 nos principais indicadores da enquisa de equipamento e uso de TIC do Instituto Nacional de Estatística, en contra da "tendencia histórica observada en anos anteriores".

En concreto, apunta que a diferenza entre a porcentaxe de mulleres e de homes que usaran Internet nos últimos 3 meses era de 3,9 puntos en 2016, mentres que en 2015 esta diferenza era de 3,2 puntos. Igualmente, a fenda agrándase se se ten en conta a intensidade e a frecuencia dos usos máis complexos ou profesionais das novas tecnoloxías.

En definitiva, observa que a fenda dixital por cuestión de xénero está en torno ao cinco por cento, o dobre doutros países da contorna. Por exemplo, en Estados Unidos, Francia ou os países nórdicos, a paridade de uso na internet "é un feito desde hai anos".

Doutra banda, tamén se aprobou por unanimidade outra proposición non de Lei que insta ao Goberno a crear un grupo interministerial para coordinar esforzos en materia de vivenda, medio ambiente e axenda dixital co obxectivo de impulsar as cidades intelixentes.

Así, a iniciativa presentada polo grupo parlamentario socialista, pide ao Goberno que defina un método e procedementos para elaborar unha Axenda Dixital Española nos municipios, en coordinación coa Rede de Cidades Intelixentes.

Ademais, a proposta expón a promoción da internacionalización das empresas españolas que desenvolven proxectos no ámbito das 'smart cities' así como a potenciar a imaxe de España e das súas cidades como líderes no desenvolvemento de iniciativas que promoven o benestar dos cidadáns.

Do mesmo xeito, a iniciativa propón ao Goberno que implante medidas para atraer capital para desenvolver proxectos de smart cities en cidades españolas e potenciar e posibilitar así mesmo o efecto arrastre das pequenas e medianas empresas como provedoras españolas en proxectos adxudicados a unha gran empresa española-ICEX INTEGRA.

Considéranse cidades intelixentes aquelas que contan cun sistema de innovación e de traballo en rede para dotarse dun modelo de mellora da eficiencia económica e política permitindo o desenvolvemento social, cultural e urbano.

28/09/201708:09
Banner da convocatoria.
Santiago de Compostela

Indra e Universia lanzan unha convocatoria de axudas para a investigación en TIC accesibles a persoas con discapacidade

Indra e Fundación Universia lanzaron a II Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada ao desenvolvemento de tecnoloxías accesibles co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.

A convocatoria diríxese a entidades pertencentes ao sistema universitario español, que poden presentar as súas propostas desde o 27 de setembro ao 25 de outubro na páxina web de Indra e no portal http://www.tecnologiasaccesibles.com.

Unha comisión de adxudicación, designada por Indra e Fundación Universia, elixirá as tres iniciativas que recibirán financiamento e que se darán a coñecer o 3 de decembro, coincidindo co día internacional das persoas con discapacidade, segundo informaron ambas as entidades nun comunicado.

Os proxectos deben ter unha duración máxima de 12 meses e estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por ou para persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade; protexer, apoiar, adestrar, medir ou substituír funcións/estruturas corporais e actividades; ou favorecer o acceso ao emprego, o seu mantemento ou mellora.

Ademais destes requisitos, para valorar os proxectos teranse en conta, entre outros criterios, a innovación e excelencia tecnolóxica da solución exposta, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, segundo o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea.

Tamén se terá en conta que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.

Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará de forma positiva a participación nos proxectos de investigadores ou alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de produción de software de Indra en España. Tamén se buscará potenciar sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos xa por Indra.

28/09/201708:09
Logo LibreCon 2017.
Santiago de Compostela

Os nosos enxeñeiros informáticos achegan o seu apoio ao gran evento da tempada sobre tecnoloxías libres: LibreCon

A edición 2017 do congreso LibreCon, evento de referencia sobre software libre a nivel internacional, vai desenvolverse os vindeiros 19 e 20 de outubro en Santiago, na Cidade da Cultura, da man de da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e de ASOLIF. Ademais, segundo puidemos saber, contará novamente co apoio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que estará un ano máis entre os patrocinadores do evento. Segundo nos lembra a entidade profesional que preside Fernando Suárez, o LibreCon deste ano céntrase no uso das tecnoloxías libres nos sectores industrial e primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías nos eidos como a computación na nube, a análise da información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial adicado á economía cooperativa. 

O congreso, que volve a Galicia despois da edición de 2015 (impulsada por AGASOL, ASOLIF, o Clúster TIC de Galicia e o Concello de Santiago, entre outras entidades), tamén xirará arredor das potencialidades do software libre (achegando compatibilidade, estandarización, apoio das comunidades, facilidade de uso, liberdade de adaptación a diferentes contornas, custes económicos asumíbeis polas institucións e as empresas) para o impulso das cidades intelixentes, os drones, a ciencia e o desenvolvemento da Industria 4.0. 

A edición de 2015
A última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais. O obxectivo desta nova convocatoria é xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que se van abordar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas. A idea, en palabras da organización, é converter “a capital galega, unha vez máis, no epicentro da open innovationdurante dous días”.

27/09/201709:09
Persoa con síndrome de Down usando unha tableta.
Santiago de Compostela

IV Edición do Programa de Formación en TIC para mozos e adultos con Síndrome de Down e discapacidade intelectual dirixido á inserción laboral en empresas ordinarias

Obxectivo xeral

O obxectivo xeral do proxecto é dar continuidade ao proxecto iniciado no curso 2014-2015: facilitar a inserción laboral de persoas con síndrome de Down en empresas ordinarias, a través dun programa de formación en TIC logrando así a súa autonomía e a súa plena integración na sociedade. 

Obxectivos específicos

  • Ofrecer unha aprendizaxe global e individualizada.
  • Posibilitar a comunicación con outras persoas superando as barreiras espaciais.
  • Potenciar a capacidade creativa, expresiva e artística da persoa.
  • Facilitar o acceso aos diferentes servizos tecnolóxicos implantados na sociedade.
  • Favorecer unha integración na sociedade.
  • Favorecer un uso responsable das Tecnoloxías da información e comunicación.

O programa, que se desenvolverá de abril 2017 a xuño 2018, consta de dous módulos formativos: curso de iniciación e curso de profesionalización e nel participarán un total de 248 alumnos con discapacidade intelectual, 168 no curso de iniciación e 80 alumnos no de profesionalización.

Curso de Iniciación: cuxo obxectivo é proporcionar á persoa con discapacidade intelectual, as ferramentas e estratexias necesarias para facilitarlles o acceso ao emprego, a través dos diferentes servizos tecnolóxicos implantados na sociedade: acceso a Internet, uso do computador, acceso a redes bancarias informatizadas, comunicación a través da telefonía móbil ou fixa, realizar consultas en organismos públicos, programación e uso da televisión e DVD etc.

Nesta edición participarán as seguintes entidades:

  • Down Principado de Asturias
  • Fundación Abulense para o Emprego. FUNDABEM
  • Down Castelló
  • Down Córdoba
  • Down Granada
  • FUNDOWN
  • Down Ourense
  • Down Palencia
  • Down Pontevedra XUNTOS
  • Down Sabadell. Andi
  • Down Sevilla. ASEDOWN
  • Down Toledo
  • Fundación ASINDOWN
  • Down Vigo

Curso de Profesionalización de aplicación práctica en contornas laborais para chegar á inserción laboral

  • Aplicacións prácticas das TIC no mundo laboral
  • Preparación para a ocupación de postos de traballo cuxo funcionamento se base na utilización das TIC
  • Prácticas formativas en empresas con postos de traballo onde as TIC sexan necesarias

As asociacións federadas participantes son:

  • Fundación Abulense para o Emprego. FUNDABEM
  • Down Barbate ASIQUIPU
  • Down Xerez ASPANIDO
  • Down Compostela
  • Down Málaga
  • FUNDOWN
  • Down Navarra
  • Down Valladolid
  • Down Zaragoza

Co fin de facilitar a aprendizaxe e/ou dar apoio visual nos labores de xestión do usuario de ferramentas tecnolóxicas, nesta edición elaboraranse 4 vídeos tutoriais de contido tecnolóxico e idóneos para o colectivo

  1. DNI electrónico. Usos e como obtelo
  2. Pasaporte electrónico
  3. Aprender a realizar videoconferencias. Que són e para que serven
  4. Como se descarga unha aplicación desde o Smartphone. Playstore (whatsapp, banca online, tempo)

Por outra banda, todas as entidades que participaron no programa realizarán unha formación permanente aos antigos alumnos do mesmo, o que conforman un total de 700 alumnos. Esta formación permanente ten como fin que os alumnos actualicen e refresquen de forma continua os coñecementos e destrezas adquiridas relacionados coa súa vida laboral e social, con especial incidencia na formación en Novas Tecnoloxías. A Periodicidade será dunha sesión mensual de entre 3 e 4 horas.
Tamén se ofrecerá esta formación permanente aos usuarios das entidades federadas que se atopen na bolsa de emprego, e que se computarán á finalización do proxecto

No marco desta nova edición do “Programa de Formación en TIC para Mozos e Adultos con Síndrome de Down e Discapacidade Intelectual Dirixido á Inserción Laboral en Empresas Ordinarias”, Down España promoverá o despregamento do usos da plataforma Mefacilyta desenvolvida pola Fundación Vodafone. A plataforma Mefacilyta incorporou novas funcionalidades para reforzar o programa e en concreto os itinerarios formativos e o seu seguimento que foron validados por FUNDOWN durante a edición 2016-2017.

27/09/201709:09
Ciberacoso.
Santiago de Compostela

O CCG promove o debate arredor das novas formas de machismo nas redes

O Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, vai organizar o mes vindeiro, o día 10, unha xornada para avaliar o papel que están a xogar as novas canles dixitais de comunicación no mantemento no tempo do machismo en calquera das súas manifestacións. Mellor dito: para avaliar até que punto un uso irracional (moitas veces amparado no anonimato) destas canles e plataformas pode reavivar problemas sexistas que xa criamos en fase de superación. A xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF) será coordinada por Carme Adán e Nieves Santomé, e desenvolverase na sede CCG contando coa presenza de Ramón Villares e María Xosé Porteiro (inauguración) e de Carmen Cajide e Antonio Rial, un dos principais expertos galegos en materia novos hábitos da mocidade en relación cun mal uso das tecnoloxías (adicción, acoso, fracaso escolar, agresións). 

Segundo informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora, formativa e beneficiosa, ou non. Segundo apuntan as integrantes da comisión, “as redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”. Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras”, permita afondar “na relación violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”. E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de control e dominación sobre as mozas”.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS