main content

main content
11/10/201709:10
Presentación do informe sobre envellecemento activo.
Santiago de Compostela

ABANCA e USC salientan as vantaxes das TIC no envellecemento activo

Afundación (ABANCA) e a Universidade de Santiago (Grupo USC-PSICOM) presentaron hoxe un informe sobre envellecemento activo e as metodoloxías futuras máis axeitadas para alentalo e para afrontar con saúde e calidade de vida un fenómeno demográfico (o envellecemento da nosa poboación) que irá a máis nos anos vindeiros (en 2031 o 39% dos galegos terá máis de 60 anos). O informe conclúe que as persoas que participan nos programas de envellecemento activo, cuxa base está constituída en boa medida polo uso das TIC, mostran “niveis significativamente mellores”, tanto na saúde global, como na participación e a contribución social en relación a outras persoas da mesma idade, igualmente autónomas e independentes, pero que non participan en actividades. 

O estudo realizouse grazas a unha nova ferramenta deseñada pola Universidade de Santiago, o Índice Persoal de Envellecemento Activo (IPEA USC), en palabras da institución académica compostelá “a primeira no mundo que permite avaliar e cuantificar o nivel de envellecemento activo particular de cada individuo”. Con este recurso o equipo de traballo da USC fixo 391 entrevistas a persoas maiores de 55 anos divididas en dous grupos: socios que acoden a programas de envellecemento activo e persoas que non participan en ningún tipo de actividades destas características. Para avaliar o impacto tivéronse en conta as dúas dimensións que constitúen o envellecemento activo a nivel persoal, a participación global (que se refire ao emprego, a participación social, a formación continua, o uso das novas tecnoloxías da información e o lecer) e a saúde integral (que inclúe a saúde física, funcional, cognitiva, o estado afectivo e o estado social). A conclusión é que os participantes nestes programas teñen un nivel de envellecemento activo elevado, de 0,71 sobre 1, dez puntos máis que os que non participan, o que, en palabras da USC e ABANCA, “probaría a súa eficacia”. 

No estudo dise ademais que “en xeral, as persoas que realizan actividades deseñadas especialmente para promover un envellecemento activo teñen un estado de saúde que supera en 6 puntos os que non seguen estes programas”. En termos concretos, teñen menos doenzas e síntomas físicos, maior satisfacción co seu estado de saúde, mellor funcionamento cognitivo e están máis activos dende o punto de vista mental.

Na investigación, respecto da participación global dos maiores, a diferenza nos índices elévase até 14 puntos como media. Así, sinálase, os usuarios destes programas “participan máis na sociedade e xeran máis contribución social, usan máis frecuentemente as TIC e gozan dun lecer máis variado e estimulante”. 

Partindo destes resultados, sinalou na presentación dos mesmos Sabela Couceiro, coordinadora de Envellecemento Activo de Afundación, “extraéronse unha serie de recomendacións para reforzar os aspectos máis febles do programa e, desa maneira, favorecer un envellecemento activo de maneira máis integral”. Algunhas propostas son: “Incluír estratexias para xestionar as emocións e favorecer estados de ánimo positivos, levar a cabo accións que favorezan a participación e a contribución social e incidir nas actividades que contribúen a aumentar a autonomía, a autoaceptación, o crecemento persoal e a visión máis positiva da vellez”.

Couceiro tamén recordou que a Afundación dispón dunha rede propia de 11 espazos, situados nas sete principais cidades galegas e noutras catro poboacións (Betanzos, Monforte, Pontedeume e Viveiro). Os centros, que contan na actualidade con máis de 12.000 persoas socias, foron concibidos “como espazos destinados a conseguir que a etapa vital que iniciamos coa xubilación siga ofrecéndonos oportunidades de medrarmos persoalmente e de continuar formándonos”. Con este obxectivo, ofrécese unha programación que abrangue “diferentes dimensións do envellecemento activo”, con diversidade de propostas que se estruturan en cinco bloques: hábitos saudables, cultura e expresión artística, formación e coñecemento, novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e lecer activo.

10/10/201710:10
Fegaus.
Santiago de Compostela

Fegaus organiza novos cursos de tecnoloxía para persoas maiores

  • A entidade imparte o seu segundo ciclo formativo no manexo de móbiles e tablet, con sete cursos desde a súa plataforma Ágora Tecnoloxía, que leva a 18 aulas da rede CeMIT

 

A Federación Galega de Asociacións Universitarias Senior (Fegaus) abre o seu segundo ciclo formativo de manexo de móbiles e tablet con sete novos cursos para maiores.
 
Unha formación que impartirá desde a súa plataforma Ágora Tecnoloxía e que se inclúe no marco das súas actividades como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
 
O ciclo de cursos, que comezou o 8 de setembro e finaliza o 20 de outubro, leva por título “Usa as novas tecnoloxías para unha madurez máis activa e positiva” e está destinado a persoas maiores cun nivel básico no uso das novas tecnoloxías.
 
Os contidos están orientados a sacar “o maior proveito á tecnoloxía habitual e cotiá mediante o descubrimento de novas aplicacións ou funcionalidades”, explica o presidente de Fegaus, Alejandro Otero, “como o vídeo dixital, compra a través de Internet, relacións coa administración, aplicacións para viaxes, de saúde ou compartir contidos nas redes sociais”.
 
As actividades chegan a 18 aulas da rede dos Centros para a Modernización e Innovación Tecnolóxica (CeMIT) da Xunta que ofertan 300 prazas. “Programamos as sesións desde as cales realizaremos as transmisións, con alumnos presenciais e todos se conectarán pola nosa plataforma para seguir a formación”, comenta Otero.
 
A formación impártese nestas salas repartidas por toda Galicia, de forma presencial desde unha das aulas CeMIT, de maneira rotatoria, e poden seguirse por videoconferencia nas restantes aulas.
 
Plan Galicia 2020
Fegaus é un dos 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado por a Amtega, ao que se poden adherir empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia.
 
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
10/10/201710:10
Madrid

`Comparte a túa enerxía´ plataforma para poñer en contacto a guías e corredores con discapacidade visual

‘Comparte a túa enerxía' é unha plataforma online que facilita a todas aquelas persoas cegas ou con discapacidade visual grave, afeccionadas ao ‘running', atopar corredores que poidan ser os seus guías, e ao revés persoas que queiran guiar a outras cegas para formar parella en adestramentos e carreiras.

A plataforma (Compartetuenergia.com) foi apadriñada polo atleta Martín Fiz e o runner internacional cego, Pablo Cantero.

“Comparte a túa enerxía é un gran punto de encontro que nos servirá ás persoas que, como eu, temos diminuídas parcial ou completamente as nosas capacidades visuais, a gozar do deporte ‘facendo amigos'” declarou Cantero durante a presentación da plataforma en Madrid.

Para utilizar a web, é necesario rexistrarse, encher o perfil e ver os corredores que máis encaixen en distancia xeográfica e tempos de competición.

Ao pulsar o vídeo na web, con Google Chrome ou Firefox, a tecnoloxía de recoñecemento permite identificar que o usuario ten os ollos pechados para que se poida reproducir, e mostra tamén as directrices e tutoriais necesarios para que os diferentes perfís de corredores se compenetren.

Esta plataforma de encontro para todos os que queren compartir a súa enerxía está impulsada pola ONCE e a enerxética EDP, patrocinador das principais carreiras populares do calendario, como o EDP Rock and Roll Madrid Maratón e medio maratón e o Maratón Valencia Trindad Alfonso EDP. “Cremos que a falta de visión non debería ser un impedimento para gozar deste gran deporte”, destacou o conselleiro director xeneral en España de EDP, Javier Sáenz de Jubera.

“A concienciación dos guías é fundamental para o éxito deste proxecto que permitirá gozar dun deporte como o running a todas as persoas. Neste sentido, animo a todos os afeccionados a visitar esta plataforma accesible e que ninguén deixe de tentar saír a adestrar polo feito de non ter acompañante ou un guía. Agora, xa é posible”, sinalou o presidente de FEDC e director executivo de Autonomía Persoal, Atención ao Maior, Lecer e Deporte da ONCE, Ángel Luís Gómez.

10/10/201709:10
Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, será un dos inauguradores do encontro.
Santiago de Compostela

O ciberacoso de xénero e na mocidade, a debate este 10 de outubro no CCG

O Consello da Cultura Galega vainos achegar á realidade das novas formas que están a adquirir a violencia de xénero e o acoso ao abeiro das novas tecnoloxías da información: formas que manteñen o mesmo substrato pero que engaden perigosos ingredientes: anonimato, viralidade e mantemento no tempo do problema (perpetuación nos diferentes sitios e terminais de actividade acontecida hai tempo). A xornada Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade (formato PDF) vén da man a Comisión de Igualdade do CCG, con Carme Adán e Nieves Santomé en labores de coordinación. Ramón Villares, presidente do Consello, e María Xosé Porteiro García, coordinadora da Comisión de Igualdade do CCG, serán os encargados de inaugurar a cita. Nela, abordarase “un tema de actualidade como é a violencia de xénero, centrando o foco nas idades máis temperás e no uso das tecnoloxías”. 

Contarase coa presenza de policías, investigadores e expertos, entre os que cómpre salientar a antropóloga e feminista arxentina Laura Segato. Segundo informan as organizadoras, “debido á delicadeza do tema e a seguridade das persoas participantes, algunhas das sesións non se poderán retransmitir por streaming”. 

Segundo informa a Comisión de Igualdade sobre os porqués da xornada, cómpre impulsar o debate acerca do rumbo que queremos dar á Sociedade do Coñecemento, que faga honra ao seu nome e sexa integradora, formativa e beneficiosa, ou non. Apuntan as integrantes da comisión: “As redes sociais e o ciberespazo poden devir en espazos de liberdade e transformacións e, tamén, “en novas trampas para reproducir os modelos de submisión e violencia contra as mulleres”. Atendendo a isto, desde a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega consideran “importante contribuír ao debate social”, de aí a convocatoria dunha xornada que, “desde unha óptica multidisciplinar, antropolóxica, educativa, xurídica, policial, entre outras”, permita afondar “na relación violencia-mocidade nas contornas vinculadas coas novas tecnoloxías”. E engaden: “Propoñemos unha achega ás novas formas de violencia que, acotío e a través do ciberespazo, se traducen en formas de control e dominación sobre as mozas”.

10/10/201709:10
Rosana Rielo.
Lugo

Lugo achega 14 novos cursos no seu Edificio de Novas Tecnoloxías

Quen queira formación tecnolóxica en Lugo, vaina ter. E sen necesidade de ir lonxe (a cidadanía ten no centro da cidade, en pleno casco vello, un centro formativo e divulgativo especialmente remodelado para o devandito cometido: o Edificio de Novas Tecnoloxías, de cuxa apertura e de cuxos primeiros obradoiros xa falamos polo miúdo). Pois ben, respecto da continuidade desta liña de difusión de contidos e coñecemento, a concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este 6 de outubro os cursos do novo programa formativo Tecnoloxíza-T!, que se impartirá no dito centro da man do Concello. Trátase de 210 prazas totalmente de balde artelladas en 14 cursos dirixidos a públicos de todas as idades. Desenvolveranse dende o 21 de outubro ao 22 de decembro.

Na cita cos medios, Rosana Rielo fixo saber que “estes cursos permiten coñecer as vantaxes das novas tecnoloxías, mellorar as competencias dixitais e impulsar o desenvolvemento persoal no ámbito da tecnoloxía”. Ademais, animou a toda a cidadanía “para que participe nestes cursos, que en edicións anteriores tiveron moita demanda”. Entre as distintas alternativas de accións formativas que ofrece o Concello atópanse facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, utilización do smartphone, trámites bancarios en liña, mercadotecnia dixital, comunicación dixital, posicionamento web, emprego do Whatsapp, creación de aplicacións móbiles, Internet segura, uso da tableta, introdución á programación e retoques fotográficos.

Rielo tamén lembrou que para inscribirse nalgún destes cursos é necesario achegarse ao Edificio de Novas Tecnoloxías, aberto en horario de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas, e de 17:00 a 21:00 horas, e os sábados de 17:00 a 21:00 horas. As persoas interesadas poderán formalizar a matrícula ata as 20:00 horas do día de peche da inscrición, anterior ao inicio do curso, data distinta para cada unha das accións. A listaxe de persoas admitidas poderase consultar en www.lugo.gal, no propio centro, ou a través do teléfono de atención cidadá 010. Será necesario asistir a un 80% das horas para pode recibir o diploma. O programa e as bases de participación nestes cursos están dispoñíbeis na web municipal www.lugo.gal.

10/10/201709:10
Cartel do evento.
Carballo

Xa se poden presentar webseries ao Carballo Interplay, que repartirá máis de 5.000 euros en premios

Xa comeza a facer ruído un dos festivais máis queridos polos seareiros do novo audiovisual, das novas tecnoloxías e polo público crecente que constitúe o colectivo onde se xuntan e mesturan un eido (o audivovisual) e mailo outro (as TIC). Estamos a falar do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que vai pola súa quinta edición e que semella vir con máis forza ca nunca para converter a vila bergantiñá no Cannes das webseries (entre o 4 e o 7 de abril do ano que vén). Segundo nos conta a súa principal impulsora, Sonia Díaz (xunto co Concello), xa está aberto arestora o prazo presentarmos webseries ou proxectos dewebseries ao festival. Repartiranse máis de 5.000 euros en premios. As persoas que queiran participar poden facelo dende hoxe mesmo ata o 18 de febreiro na web www.carballointerplay.com.

Segundo engade Díaz, as contribucións participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, estatais ou internacionais. Respecto das categorías e das contías dos galardóns, sinalar que das achegas recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo dos contidos en liña, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector, premiará a mellor webserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. 

A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a contribución gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión e un premio á mellor dirección, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.

Por outra banda, o Carballo Interplay ofrecerá de novo un premio de 1.500 euros para o mellor proxecto de webserie en galego. O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a dotación económica deberá destinarse á produción dos primeiros capítulos da webserie premiada, que se proxectarán na sexta edición do festival.

09/10/201709:10
Unha persoa usando un caixeiro e a app.
Santiago de Compostela

Nace unha app ‘con ollos' para guiarte nos caixeiros

  • BBVA e Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade desenvolveron unha aplicación que xeolocaliza os caixeiros máis próximos, atopa as rutas óptimas para o usuario e comunica o móbil do cliente coa máquina

 

BBVA puxo en marcha unha aplicación móbil destinada a facilitar o uso dos caixeiros automáticos por parte de persoas invidentes ou con discapacidade física ou intelectual leve.

Para o seu desenvolvemento, a entidade bancaria contou coa colaboración da compañía tecnolóxica GFT e a empresa Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade, pertencente ao grupo de empresas sociais da ONCE e a súa Fundación.

Seguindo un proceso de cocreación co usuario final, BBVA colaborou con diferentes colectivos para desenvolver esta nova ferramenta.

Un equipo multidisciplinar, composto por enxeñeiros e especialistas en calidade de atención ao cliente, traballou durante un ano coa Fundación ONCE escoitando as necesidades das persoas con discapacidade ata dar coa solución definitiva.

A entidade financeira logrou crear unha aplicación capaz de xeolocalizar os caixeiros máis próximos, identificar as mellores rutas ata eles e comunicar o móbil do cliente co caixeiro.

Luis Javier Blas, director de Enxeñería de BBVA España, asegurou que “este novo servizo, pioneiro en España, é un paso máis na xestión das finanzas das persoas cegas, xa que lles permite dispoñer de efectivo sen axuda externa, o que fomenta, sen dúbida, a súa autonomía persoal”. Desta maneira, engadiu, “as persoas con discapacidade poderán interactuar a partir de xaneiro con calquera caixeiro de BBVA e realizar operativas a través do resto de canles dispoñibles, segundo a súa conveniencia en cada momento”.

Pola súa banda, o director executivo de Banca de GFT España, Manuel Lavín, destacou que este proxecto “conxuga a transformación dixital dos servizos financeiros e o uso das novas tecnoloxías”.

 

Tamén para maiores

A directora xerente de Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade, Ana Uruñuela, sinalou que “pensar en accesibilidade á hora de ofrecer servizo ou produtos é unha vantaxe competitiva e un plus social para a empresa”. Así mesmo, segundo as súas propias palabras, o binomio tecnoloxía e accesibilidade “pode mellorar moito a calidade de vida das persoas con discapacidade” e por iso debe terse en conta desde a orixe, desde que se idea un produto, e forxalo baixo os parámetros do deseño para todos. “O deseño para todos non só beneficia ás persoas con discapacidade, senón a outros colectivos, como, por exemplo, o das persoas maiores”, agregou Uruñuela.

 

Guiado por voz

O obxectivo desta nova aplicación móbil é facilitar a disposición de efectivo mediante instrucións de voz no teléfono intelixente. Abonda con que o cliente inicie a operativa de retirada de diñeiro para que a aplicación lle indique os caixeiros máis próximos.

O usuario tan só deberá seleccionar aquel que máis lle conveña, así como o importe que desexa retirar, para que a app lle ofreza a ruta máis rápida ata o caixeiro, tanto a pé como en transporte público, a través de Google Maps. O usuario poderá localizar o caixeiro grazas aos sinais acústicos emitidos por unha baliza intelixente

Tras chegar ao seu destino, calquera usuario da aplicación poderá localizar espacialmente o caixeiro grazas aos sinais acústicos emitidos por un ‘beepcon', unha baliza intelixente deseñada por Ilunion Tecnoloxía e Accesibilidade situada no propio caixeiro.

Unha vez introducido o cartón, o caixeiro conectarase co móbil do usuario e realizará a operativa que o cliente de BBVA solicitase previamente mediante o seu teléfono intelixente.

 

IOS e Android

Esta nova aplicación, que estará dispoñible para móbiles con sistema operativo Android e iOS a partir do mes de xaneiro, pasará a complementar os servizos de accesibilidade que a entidade bancaria xa pon actualmente a disposición das persoas con discapacidade a través da súa aplicación móbil e a súa web corporativa.

Acceso á noticia no períodico dixital La Vanguardia.

16/10/201710:00h
1 mes 1 profesión dixital
Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela)

Xornada "Transformación Dixital e Talento"

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ultiman os preparativos da xornada "Transformación Dixital e Talento”, un ambicioso evento que porá en contacto a empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital o vindeiro día 16 de outubro.

09/10/201708:10
Cartel da xornada.
Santiago de Compostela

A AMTEGA e o CPEIG reunirán casos de éxito profesional na xornada "Transformación Dixital e Talento” o día 16 de outubro

  • Participarán como relatores: Tino Fernández, de Altia; o profesor de Innovación Enrique Dans; David Tomás, de Cyberclick e Juan Carrillo, de LinkedIn

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ultiman os preparativos da xrnada "Transformación Dixital e Talento”, un ambicioso evento que porá en contacto a empresas, universidades e estudantes ao redor da economía dixital o vindeiro día 16 de outubro.

Os relatores que participarán no encontro, seleccionados polo seu perfil inspirador, son exemplo de éxito profesional: Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick.

O Auditorio 2 do Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá as charlas en horario de mañá. A xornada está dirixida ao público en xeral e en particular a estudantes universitarios, previa inscrición en eventos@cpeig.gal ou https://XTdT.eventbrite.esO mago mentalista Javier Luxor actuará de condutor do acto e mesmo realizará algunha pequena actuación.

Programa

  • 10.00 Apertura da Xornada: Mar Pereira, directora da Amtega e Fernando Suárez, presidente do CPEIG
  • 10.15 Presentación de Javier Luxor. Dá paso a:
  • 10.30 Constantino Fernández, presidente executivo de Altia Consultores: “Retos da xestión do talento en servizos de transformación dixital” 
  • 11.15 Enrique Dans, profesor de Innovación no IE Business School: “Carreira profesional: coa innovación como clave”
  • 12.00 Pausa para café
  • 12.30 David Tomás, cofundador e CEO de Cyberclick: “A empresa máis feliz do mundo”
  • 13.15 Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn
  • 14.00 Peche da xornada     

O CPEIG e a AMTEGA unen esforzos na organización da xornada "Transformación Dixital e Talento” na procura dun punto de encontro da mocidade e profesionais que buscan formarse nun dos sectores máis dinámicos da economía española e con máis saídas laborais, e con empresas que achegan a súa experiencia en demanda de recursos humanos no sector TIC.

O seminario inscríbese no convenio de colaboración que manteñen a Amtega e o CPEIG.

 

06/10/201709:10
Logo do programa.
Santiago de Compostela

A Xunta pon en marcha o programa Medrando Xuntas de impulso ao talento feminino con cursos dirixidos á economía social

  • A primeira edición desta iniciativa comezou hoxe en Vigo para socias e traballadoras deste sector e mañá terá lugar en Santiago un curso para directivas co obxectivo de fortalecer e desenvolver as súas competencias
  • Medrando Xuntas forma parte de Emprega en feminino, a folla de ruta do Goberno galego para impulsar o acceso ao traballo das mulleres
  • O programa continuará o seu percorrido noutras cidades galegas con novas actuacións este mes e o próximo

 

A Xunta vén de poñer en marcha o programa Medrando Xuntas para impulsar o talento feminino en Galicia, unha iniciativa na que participan 75 mulleres e que forma parte de Emprega en feminino, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o acceso ao traballo das mulleres.

A primeira edición deste programa comezou hoxe en Vigo cun curso de formación de 20 horas para socias e traballadoras da economía social, que se repetirá nas próximas semanas noutras cidades galegas. Así, o próximo 13 de outubro comezará na Coruña.

A actuación continuará mañá en Santiago, na Escola Galega da Administración Pública, cunha sesión dirixida, neste caso, a directivas deste mesmo sector co obxectivo de fortalecer e desenvolver as súas competencias e habilidades profesionais. Neste caso, a acción formativa é de 80 horas de duración, cas cales a metade son presenciais. Esta actuación terá lugar ata o 15 de decembro en Santiago.

Medrando Xuntas conta con contidos específicos cun dobre obxectivo: dar máis protagonismo ás mulleres para conseguir que participen máis activamente nos procesos de toma de decisión das súas entidades e potenciar as súas capacidades directivas como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dunha formación integral executada desde unha perspectiva de xénero participativa.

Medrando Xuntas continuará desenvolvéndose este mes e o próximo noutras provincias galegas. Na web http://eusumo.gal/medrando-xuntas-programa-formativo-para-directivas recóllese toda a información necesaria para formar parte deste programa. A inscrición aos cursos pode realizarse a través desta páxina, no correo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal ou no teléfono 676531453.

Emprega en feminino, cun orzamento de 100 millóns de euros ata 2020, é a planificación coa que a Xunta busca desenvolver medidas que impulsen o papel da muller no mercado laboral. Cun investimento medio anual de 25 millóns, esta folla de ruta inclúe catro eixos de actuación con propostas innovadoras que faciliten a súa incorporación profesional; o seu desenvolvemento; a igualdade na empresa; e apoiar o emprendemento.

 

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS