Para todos aqueles que falaron durante anos da escasa rendibilidade empresarial que presentaría no futuro o software libre, as entidades AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre) e ASOLIF van organizar esta semana en Santiago, os días 19 e 20, un evento directamente encamiñado a desmentir a devandita crenza. Falamos da edición 2017 do congreso LibreCon, evento de referencia sobre software libre a nivel internacional e recordatorio múltiple de que o desenvolvemento tecnolóxico só acadará as súas maiores cotas apostando plenamente pola converxencia, a compatibilidade e a interoperabilidade. E isto, segundo veñen insistindo un ano tras outro os participantes de LibreCon, só se conseguirá polo camiño do software libre.
LibreCon 2017, en palabras dos organizadores “o maior encontro internacional de tecnoloxías libres”, terá ademais o punto forte de celebrarse en Santiago, o que segundo AGASOL e ASOLIF ten unha explicación ben clara: “LibreCon 2017 desenvólvese en Galicia porque a nosa Comunidade é punteira neste tipo de tecnoloxías, aínda que transcenda pouco deste feito”. Porén, é un feito contrastado que as nosas compañías de software libre contan con presenza de seu en boa parte do mundo, concretamente en 18 países, dende Silicon Valley até Corea do Sur ou Xapón, traballando ombro con ombro cos maiores xigantes tecnolóxicos do planeta.
No LibreCon participarán unha manchea de expertos, directivos e decenas de hackers, dando forma a prototipos en tempo real, e tamén mulleres hacker, que falarán sobre a presenza feminina neste eido de actividade, onde son punteiras (caso de Yaiza Rubio, por exemplo, que compartirá mesa redonda con Edita de Lorenzo, Bárbara Román ou Llüisa Núñez). Mañá 19 de outubro, primeiro día de actividades, abrirán roldas de relatorios Joaquín Álvarez Portelea (Fair Fishery from Galicia), Eneko Astigarraga (CodeSyntax), Juan Carlos Jiménez (IG4 Agr) e Pablo Sanxiao Roca (Oficina de Sofware Libre da Xunta de Galicia – AMTEGA). Proseguirán, ao fío das 10.00 horas, André Castelo Pichel (Avogados Dixitais), Carlos Rodríguez (LibreBit) e José Ángel Rodríguez (SALE – Oficina Técnica de apoio ao Software Libre do Goberno Vasco).
Por fíos temáticos, o congreso (que contará novamente co apoio Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, CPEIG), céntrase este ano no uso das tecnoloxías libres nos sectores industrial e primario, e nas novas oportunidades que ofrecen estas tecnoloxías nos eidos como a computación na nube, a análise da información a gran escala (Big Data) e a Internet das Cousas (IoT). Ademais, haberá un track especial adicado á economía colaborativa.
A xuntanza, que volve a Galicia despois da edición de 2015 (impulsada por AGASOL, ASOLIF, o Clúster TIC de Galicia e o Concello de Santiago, entre outras entidades), tamén xirará arredor das potencialidades do software libre (achegando compatibilidade, estandarización, apoio das comunidades, facilidade de uso, liberdade de adaptación a diferentes contornas, custes económicos asumibles polas institucións e as empresas) para o impulso das cidades intelixentes, os drons, a ciencia e o desenvolvemento da Industria 4.0.
A edición de 2015
A última edición de LibreCon celebrada en Santiago recibiu a máis de 500 profesionais do mundo tecnolóxico e expertos en software libre, amais de servir de escaparate para presentar casos de éxito de grandes compañías e administracións públicas que están a aforrar custos e mellorando o seu negocio grazas ás tecnoloxías abertas. Ademais, no marco do encontro celebráronse máis dun centenar de reunións empresariais. O obxectivo desta nova convocatoria é xuntar aos mellores expertos en cada unha das áreas de negocio que se van abordar no ámbito da industria das tecnoloxías abertas. A idea, en palabras da organización, é converter “a capital galega, unha vez máis, no epicentro da open innovation durante dous días”.
Avansig, empresa de enxeñaría de software creada por investigadores ligados ao CITIC (Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña) e integrada no Cluster TIC de Galicia, vén de proclamarse gañadora na sección de Mobilidade Intelixente no evento South Summit Innovation 2017. E fíxoo coa solución Avansig Smart Drons, un desenvolvemento que permite aos drons voar dentro dos edificios cunha precisión centimétrica e de maneira completamente autónoma. Como lembraremos, o obxectivo desta tecnoloxía de Avansig é automatizar tarefas en interiores (vixilancia física, inventarios automáticos, inspección de grandes estruturas ou seguimento de procesos industriais). Os responsables da startupgalega salientaron o privilexio de ter participado no evento (unha palestra de innovación á vista do mundo) e agradeceron ao xurado da devandita sección a valoración feita sobre o seu proxecto.
O South Summit, segundo lembra o Clúster TIC, é un evento referencial que pon en contacto aos emprendedores máis innovadores cos inversores internacionais máis importantes e as empresas interesadas en mellorar a súa competitividade a través de innovación. O evento celebrouse os días 4-6 de outubro de 2017 en Madrid.
No certame Avansig participou (na recta final do mesmo) xunto cun centenas de novas firmas, seleccionadas por máis de 90 especialistas en tecnoloxías de vangarda. A empresa galega, que conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de sistemas de navegación autónomos, foi seleccionada co proxecto Autonomous Smart Drones de entre un total de 3.500 proxectos, sendo un 53% internacionais, procedentes de máis de 72 países.
Para quen non saiba da natureza da actividade de Avansig, sinalar que se centra en boa medida no desenvolvemento de sistemas de vídeo vixilancia en edificios mediante o emprego de drones. Un exemplo disto é o proxecto SINDA (Sistema de Seguridade en Interiores con Drons Autónomos), sinalando que se encamiña a xerar tecnoloxías de vídeo vixilancia en interiores mediante o emprego de drones autónomos baseados en visión artificial 3D.
A presidenta da Fundación Pai Garralda-Horizontes Abertos, Dolores Navarro, a xerente de Relacións Institucionais de Orange España, Encarnación Fernández, e o vicedecano da Fundación EOI, Eduardo Lizarralde, acordaron ofrecer formación gratuíta en novas ferramentas dixitais a colectivos en exclusión social, a través do programa de capacitación cidadá ‘Se Dixital'.
O obxectivo desta iniciativa será favorecer a reinserción laboral destas persoas en situación de marxinación grazas ao aproveitamento das novas tecnoloxías, para que atopen novas oportunidades de emprego, xa sexa por conta allea ou a través do emprendemento persoal.
"Coa súa incorporación a un programa de formación como 'Se Dixital', que xa tivo unha gran acollida en municipios de toda España, queremos dar opcións aos colectivos menos favorecidos, non só para que as novas tecnoloxías non supoñan unha nova barreira de exclusión social, senón que se convertan nunha oportunidade tanto para o seu desenvolvemento persoal como laboral nesta nova sociedade dixital", indican as tres entidades implicadas.
Así mesmo, a Fundación Pai Garralda-Horizontes Abertos promoverá activamente, a través dos distintos proxectos sociais nos que traballa, a participación nestes cursos, que teñen unha duración de seis semanas e para os que hai que realizar a inscrición na web do programa 'sedigitalylanzate.es'.
O Edificio de Novas Tecnoloxías de Lugo, o corazón dixital do casco vello, vai acoller as semanas vindeiras o primeiro curso sobre ciberseguridade que a Fundación Telefónica celebra na nosa terra. Así o deron a coñecer hoxe a alcaldesa Lara Méndez, o director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da fundación, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez. Segundo explicaron, o obradoiro ten aberto o prazo de inscrición, é de balde e conta coa colaboración do Concello. Ademais, engadiron, é “o primeiro destas características que celebra a Fundación Telefónica en Galicia”.
No acto, no que tamén estivo presente a Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, a rexedora lembrou as vantaxes da formación TIC para mellorar as nosas opcións laborais e recordou tamén o compromiso do Concello coa creación de emprego (con axudas directas á contratación ou fomentando o emprendemento), facendo fincapé no feito de que nos pasados meses de xullo e agosto o Concello acadase máis dun millón de euros para catro proxectos de fomento de emprego, “que beneficiarán a máis de 200 lucenses”. Entre estes proxectos atópase o obradoiro TIC Arqueolóxico ou Lugo Cóidate, salientando as posibilidades de formación que poñen en xogo.
Sobre o curso de ciberseguridade presentado hoxe, a alcaldesa dixo que “supón unha alternativa máis para o Edificio de Novas Tecnoloxías”, no que o Concello ofrece, para o que queda de ano, 14 cursos gratuítos con máis de 200 prazas; facturación electrónica, iniciación ás redes sociais, deseño web, mercadotecnia dixital, creacións de aplicacións móbiles ou retoque fotográfico. Pola súa banda, Menéndez agradeceu o “cariño e cooperación do Concello” con esta iniciativa, que se enmarca dentro dos proxectos educativos, sociais e culturais que ofrece Telefónica nas comunidades onde está operando, a través da iniciativa Emprego Dixital.
Tal e como explicou Joan Cruz, neste curso poderán participar mozos e mozas de Lugo de entre 18 e 35 anos, que terminaran os estudos da ESO, non sendo precisa formación previa en novas tecnoloxías. O obxectivo, dixo, é “que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual”. Tamén engadiu que se trata “dun itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real de empresas e o sistema educativo”. Inclúe formación teórico-práctica, coa participación de expertos no sector, en temas como o hacking ético, técnicas de proteccións para infraestruturas, contramedidas, entre outras.
A maiores, inclúe formación en habilidades para a empregabilidade, como desenvolvemento de intelixencia emocional, traballo en equipo ou como realizar unha entrevista de maneira efectiva. O curso arrincará o 11 de decembro e terá lugar no Edificio de Novas Tecnoloxías, en horario de mañá, de 08:30 a 14:30 horas. Durará 5 meses e, como colofón á formación, as persoas participantes poderán presentar os seus proxectos ante as empresas tecnolóxicas máis punteiras da nosa terra. Todas as persoas interesadas en inscribirse deben facelo na páxina web de Fundación Telefónica, no apartado de empregabilidade, ou ben a través da páxina web do Concello, www.lugo.gal.
O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e o operador de telecomunicacións Orange organizan o día 19 de outubro a xornada de presentación do programa “Sé Dixital”, que se retransmitirá desde as instalacións do Centro Demostrador TIC Galicia a través de videoconferencia a 11 aulas CeMIT en horario de 10.00 a 11.00 h.
“Sé Dixital”, un programa de adaptación á nova economía dixital
“Sé Dixital” é un programa para fomentar a transformación do tecido empresarial de municipios e vilas, co fin de acadar unha rápida e efectiva adaptación destas poboacións e os seus habitantes aos retos que require a nova economía dixital global. Este plan de formación online de balde contribúe a que empresarios e emprendedores locais desenvolvan as súas habilidades dixitais e melloren as súas actividades profesionais gracias ao aproveitamento das novas tecnoloxías.
O obxectivo é que todas as persoas que participen nestes cursos poidan adquirir formación nas competencias que esixe a nova economía dixital, algo fundamental para fortalecer a competitividade e impulsar o emprego e a transformación dixital nos municipios e vilas. Este programa inclúe vídeos explicativos e testemuñas sinxelas que son accesibles a través dunha plataforma de teleformación, con contidos que acadan as 20 horas de formación amena e directa, obténdose un certificado da EOI ao remate do programa.
Aulas
As persoas interesadas en seguir esta xornada poden acercarse á aula do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela (https://cdtic.xunta.gal/) ou ben a calquera das aulas CeMIT das seguintes localidades, que mostraron o seu interese en retransmitir a través de videoconferencia a dita xornada e así poder evitar desprazamentos innecesarios:
Por outra banda, de xeito complementario e no marco do convenio asinado pola Xunta de Galicia, a través do Igape, a EOI e Orange, en breve está prevista a realización de cursos no marco deste programa nas seguintes localidades: Viveiro e Monforte de Lemos, na provincia de Lugo; Verín, Carballiño, O Barco de Valdeorras e A Rúa, en Ourense; Carballo e Arzúa na provincia da Coruña; e Vilagarcia de Arousa, A Estrada, Redondela e Marín en Potevedra.
Pódese consultar os datos de contacto das aulas CeMIT na seguinte ligazón: https://cemit.xunta.gal/centros.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020
Orange vén de incorporarse ao colectivo de máis de 700 aliados dixitais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, impulsado pola Amtega, ao que se poden sumar aquelas empresas e entidades interesadas en participar no desenvolvemento da sociedade dixital en Galicia no marco da súa responsabilidade social empresarial, mediante a achega de recursos financeiros, humanos ou, como neste caso, de coñecemento.
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia autonómica para facilitar a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC.
A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas co obxectivo de promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.
A colaboración entre varios axentes avanza no mundo empresarial. Cada vez son máis as grandes empresas que asinan alianzas con outras corporacións e organizacións sociais para xerar un valor compartido. Un dos principais retos destes acordos é conseguir coordinar todos os elementos para manter lograr ese “obxectivo” común. Para iso é fundamental “ter paciencia” porque os resultados destes proxectos xéranse a medio e longo prazo, e en ocasións os seus executores buscan a inmediatez dos impactos.
Elena Valderrábano, directora global de Ética Corporativa e Sustentabilidade de Telefónica, sinalou durante o evento Compartindo - encontro anual de referencia sobre innovación social organizado por a Fundación SERES- que a súa compañía “realiza todos os anos unha convocatoria aberta ás unidades de negocio e equipos nos diferentes países nos que opera, que deben presentar proxectos que teñan impacto social e ambiental á vez que retorno económico, e que precisen de financiamento e recursos adicionais”. Ao final, as alianzas suman para multiplicar éxitos. Para a convocatoria do ano que vén abriranse as portas a colaboracións con outras empresas e organizacións tanto para trazar proxectos novos como para desenvolver os que resulten elixidos. Os exemplos de iniciativas que xa se están desenvolvendo destacan:
En concreto e cos mesmos principios, os empregados do grupo Telefónica poderán participar na III Iniciativa de Investimento Sustentable e recibir ata 40.000 euros para levar a cabo o seu proxecto solidario. A Iniciativa de Investimento Sustentable busca proxectos que, ademais de ter un impacto social ou ambiental positivo, sexan viables economicamente para a empresa
Segundo as bases da convocatoria, as propostas teñen que estar relacionadas coa súa área de traballo, xa que terá que desenvolverse no lugar de traballo durante o próximo ano.
Son moitas as ideas disruptivas e innovadoras que poden contribuír a esta nova forma de concibir a innovación como un negocio responsable. Por iso, poden postularse equipos de calquera empresa do Grupo, de calquera departamento ou área, que propoñan novos produtos e servizos, melloras doutros xa existentes, procesos internos máis eficientes ou mesmo accións comerciais ou de márketing.
Os finalistas terán a oportunidade de presentar o seu proxecto a un xurado formado por expertos de Telefónica e de organismos internacionais, que elixirá os tres gañadores. Os seleccionados recibirán financiamento e o mentoring de expertos das áreas que precisen, así como difusión interna e externa para dar a coñecer a súa proposta.
Nunha multinacional como Telefónica, con máis de 120.000 empregados, hai moitas ideas brillantes para mellorar o mundo e o negocio. Na Iniciativa de Investimento en Innovación Sustentable búscanse propostas para responder a estes retos, conectar aos non conectados, protexer o planeta e impulsar sociedades sustentables.
Das 60 propostas presentadas, as iniciativas seleccionadas son: Yanapaqi (Perú) que consistirá en conectar aos máis pobres de Perú, un total de 3.000 persoas de sete localidades e formalos para que poidan usar o móbil para a súa vida diaria e acceder así ao sistema financeiro, educativo e de saúde; Fénix (México) que se fundamentará en proporcionar conectividade 2G/3G portable e xestionar floras; e Smart Patrimonio (Chile), que consistirá en mellorar a conservación das oficinas salitreiras Humberstone e Santa Laura, o antigo pobo mineiro situado no deserto de Atacama e Patrimonio da Humanidade, cunha monitoraxe que achegue información clave en canto á humidade, temperatura, xilófagos, etc.
Finalmente a Xornada Transformación Dixital e Talento(XTdT), organizada este 16 de outubro polo CPEIG e AMTEGA para impulsar ideas e propostas novas a partir de ideas e propostas previas de éxito (presentadas por relatores de primeiro nivel), resultou ser todo un éxito, tanto no que se refire a contidos (moitos, variados e de valor) como no número total de persoas participantes, máis dun centenar. En palabras da organización, foi unha cita de primeiro nivel coa sabedoría e coas ganas de aprender. Celebrouse na Cidade da Cultura e foi inaugurada por Mar Pereira (AMTEGA) e Fernando Suárez (CPEIG). Os relatores deron a coñecer esclarecedores casos de éxito.
Os relatores que participaron no encontro foron Constantino Fernández, presidente executivo de Altia; Enrique Dans, profesor de Innovación do IE Business School; Juan Carrillo, Director de Relacións con Clientes de LinkedIn; e David Tomás, co-fundador e director executivo de Cyberclick.
A xornada, dirixida ao público en xeral e en particular a estudantes universitarios, contou coa presenza do mago mentalista Javier Luxor, que oficiou de animador-condutor do encontro TIC.
No conxunto da poboación, apenas unha de cada catro persoas (o 27%) utiliza este tipo de tecnoloxías en temas relacionados coa saúde.
Con todo, entre os maiores, debido en gran medida á maior presenza de enfermos crónicos, case a metade, o 43,8%, fai uso das TIC.
O informe do ONTSI sinala que o factor principal para o uso destas tecnoloxías é, como comentabamos, ter unha enfermidade crónica, xa que o 39,2% das persoas cunha afección deste tipo utiliza as TIC.
Pola contra, entre as persoas que non teñen unha doenza crónica, o uso das tecnoloxías da información baixa ata o 12,9%.
En canto á razón pola que utilizan estas tecnoloxías, dúas de cada tres acceden a elas por vontade propia, mentres que un de cada catro fano por prescrición médica, especialmente os maiores (43,7%).
Entre os servizos TIC máis utilizados está a receita electrónica (88,7%) e a petición de cita por Internet (82,1%), mentres que os menos coñecidos son a historia clínica dixital (53,5%), o sistema de quendas (49,6%) e o envío de SMS ao paciente (39,9%).
O Lar de Endesa das Pontes acolleu este sábado 14 unha nova xornada de traballo de Amigus Labs, o proxecto argalleiro e Maker da Asociación Informática Amigus. A cita desta finde centrouse en dar forma a unha das máquinas que integrará o Fab Lab da dita entidade, o pantógrafo CNC. No encontro, ao que asistiron un bo número familias, tratáronse temas coma a Industria 4.0, a democratización da fabricación, ou o movemento Maker e as súas vantaxes (economía humanizada e cooperativa). Na zona de impresión 3D do obradoiro os participantes aprenderon a deseñar e producir unha manchea de pezas, amais de afondar en distintas aplicacións de materiais e en como usalos en todo tipo de sectores. A actividade abrangueu toda a cadea de actividade: dende a montaxe de impresoras até a impresión en si mesma, onde houbo marxe para acadar as mellores calidades posibles.
Segundo a organización, a zona que xerou máis interese para os argalleiros foi a de montaxe do pantógrafo CNC, onde todos os participantes puideron botar unha man á hora de darlle forma e descubrir os compoñentes e materiais para fabricar un pantógrafo e ver como funciona. Houbo tempo para rematar o desenvolvemento dun aparello destas características? Segundo a organización, os asistentes estiveron a piques de conseguilo ao longo das oito horas que durou o obradoiro, cubrindo boa parte do traballo previsto e deixando para o seguinte sábado “a parte da electrónica”. Os máis pequenos tamén tiveron o seu espazo, na zona Amigus Labs Kids, onde mediante Raspberry PIs con OS Kano puideron aprender a debuxar mediante programación, traballaron en desenvolvemento de ferramentas con Scratch ou manipularon imaxes co GIMP, ademais de usar o Minecraft e a zona retro.
Amigus agradeceu por unha banda a participación activa dos asistentes ao obradoiro, en especial a Alvaro Rey, de MakerGal, “por compartir de maneira altruísta os seus coñecementos”; e, pola outra, o apoio das seguintes entidades colaboradoras no evento: Concello das Pontes, COHEMPO, ENDESA, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter.
O vindeiro día 25 a partires das 19:30 horas celebrarase no salón de actos da Fundación Barrié na cidade da Coruña a edición número 12 de Coruña Bloggers, encontro solidario para interesados no mundo dos blogs, as redes sociais, a Internet e tecnoloxía en xeral que achega os últimos mércores de cada mes información interesante sobre o mundo 2.0 sendo a súa asistencia de balde, aínda que dende a organización pregan aos participantes acudir con cando menos 1 quilo de alimentos non perecedoiros para a súa doazón á Cociña Económica, estándose a pique de sueprar os 2.000 quilos achegados dende que comezou a organizarse esta iniciativa.
Os interesados en acudir o mércores 25 poden xa solicitar o seu convite a través da Rede, quedando así rexistrado o seu interese en asistir a este encontro que este mes terá lugar en clave feminina, xa que as relatoras serán a economista Isabel Loureiro, quen falará sobre o uso da Internet na procura de emprego, mentres que Mar Castro, consultora en comunicación e protocolo, abordará o spam social, ese grande problema cando as comunicación non desexadas, molestas ou irrelevantes non chegan só do correo electrónico, senón tamén das redes sociais.
A xornada desenvolverase até as 21:00 horas, cando os asistentes trasladaranse a un local de hostalaría próximo para a correspondente sesión de networking.