main content

main content
21/12/201709:12
Membros de AtlanTIC.
Vigo

AtlantTIC e AMTEGA impulsan a loita anti-incendios a través de radares meteorolóxicos

Os galegos e portugueses temos, por desgraza, algo máis ca unha cultura e un alicerce común: temos unha política forestal que foi parella durante anos e que, agora, co cambio climático, deixa de manifesto as súas eivas (proliferación de eucaliptos, falta de regulamento na distribución das áreas forestais, etc) e as súas desproteccións. Isto traducirase, se nada cambia, en máis lume e en máis episodios dramáticos como os acontecidos esta tempada en ámbolos países irmáns. O problema agrávase co despoboamento (outro proceso compartido) do rural e cunhas comunicacións que non foron desenvolvidas para este tipo de emerxencias. Tendo en conta estas circunstancias comúns, a Universidade de Vigo, a través do centro AtlantTIC (Grupo de Sistemas de Radio), impulsou a posta en marcha do proxecto europeo Lifetec, que tamén lidera. 

A iniciativa, que bebe das fontes de Meiga, proxecto previo para tirar proveito das TIC no achado e loita contra os lumes, pon en xogo elementos eficaces para que o tempo que se adica a localizar incendios e combatelos sexa o mínimo posible. En Lifetec tamén participan a AMTEGA, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (Meteogalicia), o Instituto Português do Mar e da Atmosfera (IPMA) e operador público galego RETEGAL. 
Segundo nos contan as entidades responsables de Lifetec, o proxecto aborda dúas grandes vertentes de traballo: primeiro, unha adicada a diminuír o tempo de detección do lume, mediante radares meteorolóxicos, e segundo, outra encamiñada a incrementar a seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción de incendios, mediante a localización dos mesmos e a transmisión da súa posición e posibles alarmas por incidencias, a través dunha rede radio con cobertura de abondo nas zonas nas que operan estes efectivos. 

Como dixemos, o proxecto está liderado polo Grupo de Sistemas de Radio e conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros e unha duración de tres anos, de xeito que os primeiros resultados e implantacións en campo están previstos para o ano 2019. Entre os principais puntos fortes da tecnoloxía de Lifetec atópase a súa capacidade para contar con máis información precisa e con intervalos mínimos de actualización, e tamén o seu potencial para ficar plenamente operativa aínda en condicións atmosféricas adversas. De feito, o sistema posto en xogo por AtlantTIC sería quen de “ver” os lumes dende o seu inicio, achegando un importante factor de “detección temperá” que non sería posible cos recursos actuais empregados polos radares meteorolóxicos. Isto conséguese co desenvolvemento de algoritmos específicos de detección. 

O incremento da seguridade dos recursos humanos que traballan na extinción dos lumes forestais en áreas nas que a cobertura dos sistemas de comunicacións comerciais é a miúdo deficiente, a través do emprego de sistemas de comunicacións Tetra (TErrestrial Trunked RAdio), é outro dos obxectivo do proxecto Lifetec. Segundo explica o catedrático Manuel García, membro do proxecto, “Tetra é un estándar europeo de comunicacións móbiles dixitais non comerciais e ao igual que o GSM, que foi o primeiro estándar europeo de comunicacións móbiles comerciais, estendeuse a numerosos países de fóra de Europa”. Deste xeito, fronte a telefonía móbil comercial, a cobertura que pon en xogo a dita tecnoloxía é mellor, “debido a que se utilizan frecuencias máis baixas”. E engade: “Fronte aos sistemas analóxicos a vantaxe é que a tecnoloxía dixital permite algunhas prestacións adicionais, como o cifrado das comunicacións”. Segundo explica, é necesario que as accións eficientes e coordinadas dos corpos de bombeiros dispoñan de sistemas de comunicación fiables.

21/12/201708:12
Un neno cun smartphone utiliza a aplicación Soyvisual.
Santiago de Compostela

O Nadal chega a Soyvisual, a app para persoas con dificultades cognitivas

  • O Nadal xa chegou á aplicación Soyvisual da Fundación Orange cunha serie de exercicios destinados á identificación e evocación do vocabulario básico relacionado con este período do ano

 

Soyvisual é unha aplicación desenvolvida pola fundación que incorpora unha serie de exercicios para que nenos e adultos con dificultades para comprender o mundo e comunicarse, como poden ser as persoas con trastorno do espectro autista (TEA), diversidade funcional, afasia ou dexeneración cognitiva, entre outros.

O programa está formado por láminas ilustradas e fotografías sobre as que os usuarios poden traballar dunha forma lúdica e que tamén están dispoñibles para ser impresas, todo de forma gratuíta.

As láminas están deseñadas para recrear escenas próximas á realidade e situacións cotiás, mentres que as fotografías utilízanse para falar sobre o mundo real e son a ponte entre este e outras representacións visuais máis abstractas, como os pictogramas.

Soyvisual está dispoñible tanto a través da súa páxina web como na aplicación gratuíta para Android e para iOS.

21/12/201707:12
Muller usando un smartphone.
Santiago de Compostela

A Fundación Everis inclúe Galicia no seu programa para diminuír a fenda científico-tecnolóxica de sexo

Fundación Everis vén de pór en marcha a terceira edición do seu programa de asesoramento para mozas adolescentes, unha iniciativa encamiñada a reducir a fenda de sexo que separa a boa parte das nosas estudantes dos estudos científicos e TIC (unha fenda que, lonxe de diminuír, non para de medrar). O programa Púlsar, así se chama, conta coa participación activa de mulleres referenciais no ámbito das novas tecnoloxías da información e a innovación, mostrando as súas experiencias e botando abaixo os atrancos (estereotipos, discriminación, desinformación) que impiden ás mozas acceder a este tipo de carreiras. A idea, sinala Everis, é que as rapazas (de idades comprendidas entre 15 e 17 anos) descubran e potencien o seu talento. 

Nesta terceira edición incrementouse o número de participantes respecto ao ano anterior, intervindo en colexios de Madrid, Barcelona e, por primeira vez, de Santiago de Compostela. Ademais, está a levarse a cabo o espallamento do programa a países de Latinoamérica onde Everis ten presenza, como por exemplo México, Perú ou Brasil. No capítulo de novidades, amais da estrea galega no programa, este ano haberá charlas de motivación nos centros educativos dirixidas a preto de 1.000 estudantes (mozos e mozas) de 4º ESO e 1º de Bacharelato, para “transmitirlles a importancia da autoestima na adolescencia e concienciarlles da existencia da brecha de sexo na sociedade”. Segundo informa a Fundación Everis, a metodoloxía desta iniciativa está baseada no learning by doing (aprender facendo), e o método de traballo está orientado “á curiosidade, a exploración, o descubrimento, a interacción e creación dos contidos, así como a reflexión e conexión destas aprendizaxes coa súa día a día”.

Karla Alarcón, directora da entidade, apunta que “é fundamental que os pais e as institucións educativas avancen xuntos para conseguir a igualdade de oportunidades e tamén é preciso que as mozas sexan quen de achar o seu propio talento; para iso, cremos importante achegar as rapazas a mulleres referentes que as impulsen no seu medre persoal e, por tanto, profesional, a través da súa propia experiencia”.

20/12/201714:12
Premiados de Innova Narón.
Narón

O proxecto Innova Narón, recoñecido por a AMTEGA

A sede das instalacións da Asociación Nosa Señora de Chamorro (Narón) acolleu esta semana a entrega de diplomas e recoñecementos do Premio Son Dixital, concedido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ao proxecto Innova Narón. Na cita, na que participaron representantes deste organismo da Xunta e do Concello (incluída a edil de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida), puxéronse de manifesto as múltiples vantaxes e beneficios de Innova Narón, posto en marcha dende a Concellería de Novas Tecnoloxías (a través da Aula CeMIT) co obxectivo de pór en valor os produtos do campo e artesanais elaborados en varios obradoiros, a través dun blog e redes sociais e outras canles de venda. O programa abrangueu 130 horas de formación. O Concello, amais desta vertente divulgativa, asumiu o soporte e máis o aloxamento para a plataforma durante a duración do proxecto.

Os representantes de AMTEGA que participaron no acto salientaron o importante labor despregado polos organizadores e polos participantes, que tamén interviron mostrando os proxectos que teñen previsto desenvolver nos vindeiros meses nos diferentes obradoiros con que conta a devandita asociación local. 

Natalia Hermida, pola súa banda, valorou o labor que realizan o dito colectivo e os seus integrantes, así como o dos monitores que traballan con eles e do resto do persoal da citada entidade, “pola súa responsabilidade neste proxecto”. A concelleira animou aos rapaces e rapazas a continuar apostando por iniciativas como a premiada polo AMTEGA e comprometeu o respaldo do Goberno local “a cantos proxectos se nos presenten nesta liña, contribuíndo como o viñemos facendo ata agora con esta asociación para que poida desenvolver o seu traballo e impulsar novos proxectos no futuro”.

20/12/201710:12
Noelia López, cofundadora de Activiza.
Vigo

Noelia López: "Recompilamos o pasado dos maiores para entender o seu presente e preparar o seu futuro"

  • "É necesario empoderar e dar protagonismo a este colectivo para non desaproveitar o enorme talento que ten"

Os 20 proxectos desenvolvidos na quinta edición de BBVA Momentum deixaron atrás máis de sete meses de traballo na sombra e foron presentados ao público o pasado venres. Entre este selecto grupo de emprendedores con proxectos con vocación social sobresae o da plataforma galega Envita, desenvolvida para a provincia de Pontevedra pola consultora de innovación social Activiza. A impulsora do proxecto, Noelia López (Avilés, 1977), repite participación nesta iniciativa cunha proposta que ten o foco, do mesmo xeito que co proxecto Saraiva fai catro anos, en mellorar as condicións de vida das persoas maiores valéndose das novas tecnoloxías.

Seguir lendo na fonte da noticia...

20/12/201710:12
Premiados.
Madrid

A Fundación máshumano premia o talento novo

XII edición dos Premios Novos máshumano xa ten aos seus gañadores deste ano.

Un brazalete que traduce a linguaxe de signos en voz en tempo real, ciencia como terapia para nenos hospitalizados e un papel adhesivo de residuos de mármore, son os proxectos gañadores de 2017. Os tres equipos seleccionados, que obtiveron 2.000 € en capital semente e asesoramento legal por parte de Arrabe Integra, foron: Withoutrees, na Categoría do Corte Inglés de Innovación ao servizo do Retail, creadores dun papel adhesivo 100% reciclable e ecolóxico; Showleap, na Categoría de Bankinter para a Integración de Persoas con Capacidades Diferentes, desenvolvedores dunha pulseira que traduce a lingua de signos a voz; e Cienciaterapia, na Categoría de Fundación máshumano de Innovación Social, impulsores da ciencia como un método paliativo en hospitais infantís.

En cuarto lugar, Sheedo Paper, na Categoría do Corte Inglés de Innovación ao Servizo do Retail, recibiu o premio especial Socios Investidores polo seu papel fabricado a partir de sementes, que ofrece a posibilidade de replantar o papel despois de usalo. Un galardón que lle permitirá entrar a formar parte do círculo de investidores da entidade. 

Senllos proxectos recibiron os galardóns da man de Pablo Tauronidirector de Relacións Laborais e Prevención de Grupo O Corte InglésRaquel Azcárraga, directora de Sustentabilidade Corporativa en Bankinter; María Sánchez-Arjona, presidenta da Fundación máshumano, e Juan José Carmelo, responsable de Asesoría Legal en Arrabe Integra, quen se encargou de outorgar aos tres equipos gañadores un premio especial de asesoramento e consultoría.

Do mesmo xeito, Sheedo Paper, recibiu o premio da man de Javier Villaseca Sánchez, CEO de Socios Investidores, para a procura de capital económico destinado ao desenvolvemento do seu proxecto.

O xurado, composto por INJUVE, empresas colaboradoras do programa, Secot, Socios Investidores e a Fundación máshumano, e o público, a través dun sistema de votación interactiva, foron os encargados de escoller aos gañadores.

O evento levouse a cabo en Pangea The Travel Store e puido contar con charlas de profesionais de prestixio como Luís Enríquez, CEO de Vocento, que falou aos asistentes novos da importancia de que existan proxectos sociais e de manter unha ética e valores en toda traxectoria profesional. En segundo lugar, puidemos contar con Roberto Carreras, Managing Director de MUWOM, que explicou o valor da música na contorna empresarial como "a mellor maneira de chegar ao corazón da túa audiencia".

Para finalizar o encontro, Rafa Muñoz de Paraná Skateboards inspirou a todos os asistentes contando a súa experiencia como emprendedor novo de éxito e aconselloulles que "perseguisen os seus soños para non vivir dos doutro". El e o seu equipo foron tamén os encargados de levar a cabo o sorteo dunha experiencia para dúas persoas entre o público xunto con Rafa Durán, actor, cómico e showman.

Este programa conta co apoio do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o INJUVE, e a colaboración de organizacións comprometidas co desenvolvemento do talento como El Corte Inglés, Bankinter, IBMSECOT, Bridge for Billions, Pons IP, CEU San Pablo, Arrabe Integra, Comunidad de Madrid, Pangea, a revista Hola!, Fundación Empresa & Sociedade, UNLTD Spain, Impact Hub, Socios Investidores, Universidade Francisco de Vitoria, Inés & Co, i-Answer e O que de verdade Importa.

20/12/201710:12
A madurez do emprendemento social e tecnolóxico en España.
Madrid

A madurez do emprendemento social e tecnolóxico en España

  • A revolución no sector das TIC abre unha porta a un mundo de posibilidades infinitas para a nova economia social
  • Neste sentido o emprendemento tecnolóxico preséntase como un instrumento moi loable para transformar a sociedade

 

Ao trazar unha liña temporal desde o inicio da nosa civilización ata o século XXI atopámonos con que o desenvolvemento tecnolóxico foi, e é, un factor determinante na evolución do ser humano como especie. Con todo, o devandito desenvolvemento sería papel mollado senón estivese ligado ao emprendemento de persoas con nomes e apelidos: Carlomagno e a espada, Lutero e a imprenta, ou máis recentemente Steve Jobs e a informática.

As novas xeracións de emprendedores criados na globalización chegan ao mundo empresarial cunha mentalidade “diferente”; buscan crear e organizar as súas empresas seguindo modelos máis democráticos e participativos e cunha maior preocupación polo retorno social. Nisto coincide, Alfred Vernis, profesor do Instituto de Innovación Social da ESADE, quen suma a estas motivacións “a independencia de ser un o seu propio xefe pola insatisfacción do seu traballo, as ganas de montar un proxecto, achegar algo á sociedade e saír da zona de confort para emprender”.

Os emprendedores de agora xa non só aparecen en garaxes como en Silicon Valley (California) senón que xeran startups, ideas tecnolóxicas que innovan o mercado, que facilitan os procesos ou cambian realidades; en parte, grazas ao apoio de investidores que cren nas súas ideas. E, ademais, crean emprego! Por poñer un exemplo, un recente informe de CEPES sobre o tema indica que en España os sectores emerxentes de base tecnolóxica representan, en termos de emprego, un 5,6% da economía española. Este resultado mostra que as startups xa empregan a máis traballadores e traballadoras que o sector sanitario, cuxo emprego representa o 5,3% do total; que o sector do transporte e almacenamento (4,9%) ou que a agricultura, gandería, silvicultura e pesca (4,1%).

En palabras de María Benjumea, fundadora de Spain Startup- South Summith: “Os nenos, ademais de futbolistas, xa queren ser emprendedores ou traballar nunha startup e o mellor de todo é que o ecosistema emprendedor, tradicionalmente composto por startups e investidores, gañou un novo protagonista clave: a corporación”.

 

Perfil do emprendemento

Spain Startup presentou en setembro, antes do South Summit 2017, o ‘Mapa do emprendemento en España'. Unha das principais conclusións deste mapa revela un incremento da madurez e o desenvolvemento das iniciativas emprendedoras españolas: un 9% ten entre 3 e 5 anos de vida e un 19% xa alcanzou o nivel de desenvolvemento ‘growth'.

Igualmente, descendeu o número de startups que fallaron, un 55% fronte a un 62% do ano anterior, e a cifra de startups vendidas pasou do 34% ao 29%. Con estes datos pódese concluír que case a metade (48%) dos emprendedores españois o son en serie, a mesma cifra que en Europa, mentres que Latinoamérica aumenta ata o 54%. Ademais, no noso país un 4% de emprendedores creou máis de catro proxectos.

 

Impacto social

A revolución TIC xa é unha realidade económica e social moi significativa en España, cunha presenza moi relevante en múltiples sectores de actividade, como o agroalimentario, a educación, os servizos sociais ou os servizos culturais. Estes últimos, os servizos sociais representan xa o 6,1% dos e as traballadores/as dos sectores emerxentes en base tecnolóxica en España (CEPES).

economía social é un nicho de mercado atractivo e en pleno crecemento. Con todo, a pesar da súa importancia en termos económicos, creación de riqueza e contribución á cohesión social e territorial é aínda descoñecida por unha gran parte da sociedade. O que leva en ocasións falta de crédito para impulsar e expandir as ideas. Para paliar este problema están a aparecer as denominadas “incubadoras” ou “aceleradoras”, estruturas de apoio á economía social que teñen a intención de fomentar, asesorar e incrementar a relación das startups cos fondos de capital risco e os distintos axentes que conforman o Sistema de Ciencia e Tecnoloxía (Parques Tecnolóxicos, OTRI's, CEI's Universidades, etc.).

Unha delas é Social Nest, unha fundación de orixe valenciana que conta co apoio de entidades como Obra Social La Caixa ou Banco Sabadell; entre outras. En apenas seis anos de vida a incubadora fixo realidade máis de 30 proxectos emprendedores, transformando ideas en empresas responsables. Destacan: Sustentabilidade a medidaNunna onlineReciclean, ou Q´omer.

Impact Hub é outro ecosistema de innovación social presente en máis de 100 cidades do mundo e formado por 15.000 emprendedores, que pretende conectarse para crear ideas innovadoras. En España conta co Impact Hub Madrid, espazo de referencia en materia de emprendemento social na capital desde 2010. Tamén xurdiron o Impact Hub Vigo e Impact Hub Donostia. Baixo o teito do Impact Hub Madrid traballa A Bolsa Social, a primeira aceleradora autorizada pola CNMV en España para establecer relacións entre investidores e empresas con impacto social positivo. Dúas das súas empresas foron incorporadas recentemente ao ránking das 30 empresas máis innovadoras de España segundo a revista Forbes: Nostoc Biotechnologies e Auara.

Un pouco máis lonxe, aínda que tan só a 2 horas e media en AVE, atópase Ship 2b en Barcelona. A incubadora aglutina no seu seo tanto a institucións públicas como privadas creando unha carteira de investimento de máis de 400 entidades e 1,5 millóns de euros, a cal financiou a día de hoxe 89 startups. Da colaboración entre organizacións tamén nace Momentum Project, unha iniciativa de ESADE, BBVA e PwC, dirixida a promover a economía social en España e impulsar proxectos emprendedores de proxección.

Ante esta radiografía do emprendemento social e tecnolóxico, España afronta un futuro máis que prometedor. Todo este conxunto de iniciativas nadas da colaboración entre organizacións mostran que o emprendemento social e tecnolóxico en España goza de boa saúde. A pesar das barreiras que moitas startups poden atopar á hora de buscar financiamento o número de concursos, aceleradoras e proxectos non para de crecer, albiscando un futuro máis que prometedor para o sector.

20/12/201710:12
Antonio Rodríguez del Corral e Carlos Rodríguez.
Santiago de Compostela

AGASOL e o Cluster TIC xuntan forzas

Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e o Cluster TIC Galicia asinaron hoxe un convenio de colaboración para, entre outras cousas, facer fronte común a prol “da defensa e a mellora da competitividade do hipersector das tecnoloxías da información”. O acordo, de duración indefinida, incluirá actividades conxuntas e, de cara a todos os ámbitos sociais (cidadanía, institucións, empesariado, medios de comunicación), unha única faciana institucional. Esta voz unificada será asumida polo Cluster TIC. 

Así o deron a coñecer no acto de formalización da alianza o presidente desta entidade, Antonio Rodríguez del Corral, e máis o presidente de AGASOL, Carlos Rodríguez. Segundo engadiron, o Cluster creará na súa organización interna (ao abeiro do acordo) un grupo de interese en software libre e tamén nomeará un portavoz neste eido, que participará nas reunións do seu comité de dirección. Polo que respecta ao papel que vai despregar AGASOL, a identidade e actividade de seu, a asociación manterá a súa xeración de proxectos e actividades, que se fará no seo da estrutura do Cluster e de forma aberta a todos os asociados. “Unha comisión paritaria de seguimento velará polo bo desenvolvemento do convenio”, explicaron.

O presidente do Cluster TIC, Antonio Rodríguez del Corral, indicou que a sinatura supón “un importante avance de cara a establecer marcos de colaboración entre as entidades do sector que axuden ás empresas a desenvolver produtos e servizos innovadores e con capacidade para aproveitar as oportunidades que ofrecen os mercados”. Para o Cluster e para os clientes dos seus socios, engadiu, “é importante contar coa experiencia en software libre de AGASOL, porque cada vez máis proxectos de cliente, de electrónica ou no ámbito das smart cities ou dos data centers execútanse total ou parcialmente en software libre”.

Pola súa parte, Carlos Rodríguez salientou que este acordo permitirá aumentar o interese e a importancia do software libre entre o tecido empresarial TIC de Galicia, “proporcionando solucións innovadoras feitas desde a nosa comunidade e reducindo a dependencia do software privativo, que non achega valor engadido”.

Segundo lembraron, o Cluster TIC representa un sector que dá emprego a máis de 17.000 persoas e ten unha facturación superior aos 3.000 millóns de euros. Pola súa parte, AGASOL está integrada pola maioría das empresas do ámbito do software libre de Galicia, moitas das cales contan cunha ampla presenza en mercados internacionais.

20/12/201710:12
Taller coloquio da asociación Asaex.
Pontevedra

O alumnado da Universidade Senior de Pontevedra protexe os seus datos na internet

  • A Casa dás Campás acolleu un taller coloquio da asociación Asaex, para persoas maiores desta institución universitaria, sobre 'Big data' e datos persoais na Rede
Concienciar sobre a necesidade de adoptar "actitudes preventivas que eviten o mal uso, ou o uso indebido de datos persoais” e contribuír así a fomentar unha certa “cultura de protección de datos” nuns tempos nos que a presenza de información de todo tipo na Rede “trouxo consigo unha nova problemática que afecta á confidencialidade e á privacidade individual”. Este foi, como sinala José María Fernández, presidente da asociación de alumnado sénior do campus de Pontevedra, Asaexs, o propósito central da actividade que, coa colaboración da vicerreitoría, promoveu este colectivo na Casa dás Campás da capital pontevedresa.
 
O profesor da área de Ciencia Política e da Administración da Universidade, Celso Cancela e o consultor público, Gregorio Andión, foron os protagonistas dun coloquio dirixido a achegar ás persoas asistentes as ferramentas normativas existentes para xestionar a súa información persoal.
 
Nese sentido, Fernández lembrou que, na actualidade, boa parte das relacións coas administracións, con empresas públicas ou privadas, realízanse a través de Internet, o que “para moitas persoas maiores supón un gran esforzo, e o que fai necesarias actividades como esta". Máxime, engadiu, cando a Federación Galega de Asociacións Séniores (Fegaus), á que pertence Asaexs, participa en varios proxectos relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e os maiores, como a plataforma Ágora ou o proxecto europeo Simplifying de interacción coa administración pública e a información tecnolóxica entre as entidades e a cidadanía. 
 
Novo marco normativo
Co devandito obxectivo de concienciar e sensibilizar e partindo da idea de que “o big data non é obviamente o único que afecta á protección de datos”, Cancela centrou a súa intervención en poñer de relevo que “non somos conscientes” da importancia e do uso que se poden facer de datos tan sinxelos como un código postal, “que nunha gran cidade supón proporcionar información do teu perfil socioeconómico". E tamén para incidir en que, lonxe de “visións paranoicas”, un elemento clave é o compoñente ético, “o uso que se vai a facer destos datos, que se poden empregar tanto para programas sanitarios e na educación como para a ciberdelincuencia”.
 
Unha vez abordado un marco xeral, que abarcou desde as políticas de cookies que se aceptan sen ler, á idea de 'herdanza dixital', de que ocorre coas contas e publicacións dunha persoa cando falece, Andión enmarcou este panorama na lexislación sobre a protección de datos de carácter persoal. Nese sentido, este consultor e titulado en Dirección e Xestión Pública abordou o cambio normativo que vai supoñer, en maio de 2018, a entrada en vigor dun regulamento comunitario que “supón un cambio substancial respecto da actual lei orgánica, hai máis deberes para as empresas e máis dereitos para os cidadáns”. 
 
Esta normativa, explicou, supoñerá, por exemplo, que o dereito ao esquecemento poida tramitarse directamente a través a axencia de protección de datos, á vez que permitirá unha "homoxeneización" normativa no seo da UE, xa que ata o de agora "era moi fácil que unha empresa tivese o seu domicilio social nun estado membro no que a lexislación fora máis permivisa".
 
Dous días de debate co foco na rede
Este coloquio sobre Big Data viuse precedido polo encontro que Asaexs e o Programa Universitario para Maiores promoveron na Casa dás Campás co obxectivo de mostrar como, a través da Rede, pode accederse á cultura universal empregando o idioma galego. Con este propósito, o coloquio contou coa participación do filólogo e docente Anxo González Guerra, coordinador, xunto a Vitoria Ogando da web: www.ogalego.eu, que reúne diferentes ferramentas para a aprendizaxe en galego. Actividade que contou ademais coa participación de Adrián Estévez, administrador da Galipedia, a versión en lingua galega da enciclopedia colaborativa dixital Wikipedia.
20/12/201710:12
Presentación da páxina web Diversamente.
Madrid

Nace Diversamente, web para empoderar ás persoas con problemas de saúde mental

O Comité Pro Saúde Mental en Primeira Persoa da Confederación Saúde Mental España creou a páxina web Diversamente, co obxectivo de que as persoas con problemas de saúde mental poidan apoiarse mutuamente, compartir experiencias e así empoderarse e eliminar os prexuízos aínda existentes na sociedade.

Así o explicou o presidente de Saúde Mental España, Nel González, durante a presentación que tivo lugar o martes en Madrid, na que fixo fincapé na importancia de que sexan as propias persoas con problemas de saúde mental quenes dean os seus testemuños, porque "non hai maior experto que o que vive unha experiencia" e "só compartindo o que experimentan estas persoas podemos axudar ás demais".

Este portal, que xa se pode visitar, ofrece información rigorosa sobre a saúde mental e sobre que facer desde o momento no que se empezan a notar os primeiros síntomas, co obxectivo de humanizar o proceso de reequilibrio que levan a cabo as persoas con problemas de saúde mental para continuar cunha vida plena e con autoestima. A sección 'En Primeira Persoa' está ideada para compartir testemuños de superación como os que relataron durante a presentación Enrique González, Isabel Cabrera e Basilio García, que denunciaron que cando se fala de persoas con problemas de saúde mental "a xente segue pensando en camisas de forza" e celebraron que esta web servirá para que estas persoas se dean conta de que "hai máis casos e non están sós" e para "educar á sociedade". Doutra banda, o traballador social da Confederación Saúde Mental España José Luis Méndez detallou que a sección 'Empodérate' dá conta das "barreiras invisibles ás que se enfrontan estas persoas" e "das solucións para que sexan os protagonistas do seu propio proceso de recuperación".

 

"Desinformación dos medios"

Entre os principais problemas aos que se enfrontan estas persoas atópanse a falta de sensibilización da sociedade en xeral e do tecido empresarial en concreto, dificultando o seu acceso á vida laboral, así como a "desinformación dos medios de comunicación", que, segundo denunciaron, á hora de informar sobre un suceso destacan se esa persoa sofre un trastorno mental, promovendo a estigmatización das persoas que teñen o mesmo problema de saúde mental. Por último, a sección 'Exprésate' vai destinada a publicar aquelas expresións artísticas, por exemplo textos, poesías, pinturas e manualidades, que queiran compartir as persoas con saúde mental co resto do movemento asociativo. "Queremos mostrar exemplos de esperanza e boas prácticas en saúde mental e emocional co obxectivo de encher de luz o camiño de quen sofre", concluíu González.

Blog Xente Dixital

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas.

4 sinxelos pasos a seguir para crear a túa propia páxina web

Ven 24 Set

A creación dunha páxina web para darlle un impulso ao teu negocio ou simplemente para compartir co mundo os teus intereses pode parecer, inicialmente, unha tarefa abrumadora e chea de incógnitas. Porén, existen numerosas páxinas e provedores que ofrecen plataformas nas que poderás crear unha páxina...

LER MAIS

3 funcionalidades de Whatsapp que verán a luz proximamente

Mar 21 Set

A aplicación de mensaxería Whatsapp é unha das apps máis utilizadas á hora de comunicarnos: falar cos nosos amigos e familiares, organizar tarefas cos nosos compañeiros de traballo ou establecer citas médicas é moito máis fácil a través desta aplicación. Whatsapp é consciente do nivel de...

LER MAIS

Como utilizar os filtros de Instagram: consellos para o seu uso e como sacarlles proveito

Lun 21 Xuñ

Instragram é a rede social por excelencia: dende os máis mozos ata a xente adulta a utiliza para interactuar cos seus amigos e coñecidos, ver as publicacións dos influencers e famosos ou para facer crecer o seu negocio. O crecemento exponencial da rede nos últimos anos levou a que a app comezara a...

LER MAIS