As entidades impulsoras da segunda edición do certame Youtubeir@s, destinado a encher a Rede de contidos audiovisuais na nosa lingua (facendo especial fincapé en YouTube), non queren rematar o ano 2017 sen lembrar o seu cometido (incrementar a presenza do galego na rede social de vídeos máis grande do mercado global), os xeitos de participar no concurso e os interesantes premios que se poñen en xogo para as gañadoras e gañadores. Segundo nos recorda hoxe a Universidade de Santiago, a segunda edición xa está en marcha, acollendo vídeos de opinión ou videotitoriais sobre os máis variados temas de interese. En total, o certame entregará 5.500 euros en premios repartidos nun conxunto de categorías que incrementan o seu número con respecto ao pasado ano.
Por modalidades, a convocatoria contempla os apartados de vídeos-facermos, vídeos-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica ou calidade lingüística.
A USC tamén recorda que outra das novidades desta segunda convocatoria é o apartado Premio do público. As persoas usuarias da rede social Facebook poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo o cancelo #propostayoutubeira. As pezas propostas han de axeitarse ás categorías de vídeo-facermos e vídeo-opinarmos. As bases ao completo pódense consultar no web www.youtubeiras.gal e os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no que o xurado dará coñecer os vídeos gañadores.
A nova convocatoria promóvena os servizos de normalización lingüística das tres universidades galegas, de nove concellos (Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago, Teo e O Grove) e a Deputación da Coruña.
A Deputación de Pontevedra aprobou as bases reguladoras do programa Conectadas para o ano entrante, que unha vez máis, facendo honra ao seu nome, terá un dos seus piares directamente apoiados no ámbito dixital. Segundo fixo saber a entidade que preside Carmela Silva, Conectadas 2018 ten como obxectivo “potenciar a participación e a promoción das mulleres e favorecer as relacións interpersoais igualitarias, impulsando accións formativas e incorporando os principios de igualdade, corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, laboral e familiar”. A nova edición do programa, que pon o foco no plano formativo, ten un orzamento de 324.000 euros. Haberá cursos e obradoiros sobre múltiples cuestións, todas elas co nexo común de atesourar potencial para dotar as mulleres de ferramentas para “construír unha sociedade igualitaria”.
O programa convoca a participación de asociacións, federacións e fundacións sen ánimo de lucro que teñan como obxectivo e ámbito de actuación a promoción das mulleres. Cada acción formativa das 46 que se van ofertar conta con entre 20 e 25 prazas e todas elas deben ser realizadas ata o 31 de decembro de 2018. Todas elas terán unha duración media de 35 horas e deberán incluír, “de forma transversal entre os seus contidos”, o tratamento da igualdade efectiva entre mulleres e homes e a sensibilización na igualdade de oportunidades. As accións formativas de Conectadas 2018 están distribuídas en oito bloques: Muller emprende, Muller e cultura: artes visuais, Actualízate, Coas túas mans, Porque ti o fas, Súmate ao cambio, Ponte en forma e Coidados persoais.
O bloque Muller emprende oferta accións formativas sobre iniciativas sustentables para o emprego na que se abordará de cuestións como a creación dunha empresa, a administración de redes sociais, o comercio electrónico, a asesoría laboral e fiscal e o adestramento. Pola súa banda, Muller e culturaproporcionará ás mulleres participantes nocións relacionadas coas artes visuais (fotografía, pintura, teatro, animación á lectura e memoria). Actualízate será o bloque máis especificamente centrado nas novas tecnoloxías, con formación sobre alfabetización dixital, sobre os cambios do papel ao ordenador así como sobre Internet, o correo electrónico e o manexo de tabletas. Amais, abordaranse cuestións relacionadas coa socialización a través das redes sociais.
O bloque Coas túas mans permitirá ás alumnas iniciarse no patchwork, no scarpbooking e realizar artesanía en coiro. No caso do denominado Porque ti o fas impartirase formación sobre poda e tarefas do campo desde a sustentabilidade, xardinería e horta ecolóxica.
O bloque Súmate ao cambio centrarse en eidos como a cociña e a alimentación, a conservación de alimentos, a iniciación á costura, os coidados e a dependencia, o mantemento do fogar e a xestión doméstica, a bricolaxe e as reparacións, reciclaxe e educación en igualdade.
Tamén haberá bloques temáticos adicados á saúde persoal como Ponte en forma (no que se impartirán obradoiros de pilates, taichí, ioga, ximnasia de mantemento e sendeirismo), e de Coidados persoais (no que se abordarán cuestións relativas á menopausa saudable, ao coidado, á relaxación e manexo do estres, á intelixencia emocional, ao benestar, así como risoterapia, musicoterapia e obradoiros de mindfulness).
As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia aínda que terán preferencia as mulleres. De feito, reservarase só o 25% do total das prazas para homes excepto no bloque de contidos Súmate ao cambio no que a participación pode ser mixta ao 50%.
A cuarta edición de ‘Yo me prep@ro', un dos máis completos e amplos proxectos de formación en Novas Tecnoloxías para persoas con discapacidade intelectual do noso país. O programa lévao a cabo DOWN ESPAÑA coa colaboración de Fundación Vodafone España. O obxectivo final do mesmo é que os alumnos adquiran unha serie de destrezas e habilidades que lles permitan mellorar as súas posibilidades de acceder a un posto de traballo nunha empresa ordinaria.
As 22 as asociacións federadas de DOWN ESPAÑA que participan nesta edición, están a desenvolver este programa cun total de 240 alumnos. O programa divídese en dous niveis de dificultade, un primeiro nivel de iniciación destinado a aqueles alumnos que non tiveron contacto coas novas tecnoloxías e un segundo nivel de profesionalización, destinado a aqueles alumnos que tendo formación en novas tecnoloxías necesitan dunha maior especialización co obxectivo de alcanzar unha inserción laboral.
No nivel de Iniciación participan as seguintes entidades: Down Córdoba, Down Granada, Down Sevilla, Asedown, Down Sabadell. Andi, Down Principado de Asturias, Down Toledo, Down Ávila, Down Castelló, Asindown, Down Ourense, Fundown e Down Vigo. O estado do programa na actualidade é o seguinte:
No Nivel de Profesionalización participan as seguintes entidades: Down Barbate, Asiquipu, Down Málaga, Down Xerez, Aspanido, Down Zaragoza, Fundabem, Down Palencia, Down Valladolid, Down Compostela, Down Pontevedra. Xuntos, Down Navarra e Fundown.
Do mesmo xeito que no programa de Iniciación, o módulo de sesións previas completouse na súa totalidade e os alumnos aprenderon a través de dinámicas de grupo a traballar en equipo.
Felipe ten unha discapacidade visual e necesita un dispositivo que lle lea os subtítulos cando ve a televisión. Non sabe como empezar a buscar este produto porque son moitos os catálogos e webs que tería que consultar ata atopar algo que lle resulte útil. Tampouco ten a seguridade de que, unha vez adquirido, este artigo responda satisfactoriamente ás súas necesidades. Prosperity4all (P4A) pode solucionar estes problemas. Felipe vai poder atopar o que busca nunha soa plataforma accesible e cómoda que reúne a oferta de desenvolvedores de toda Europa. Só ten que introducir unha palabra clave nun buscador e terá diante os tres ou catro produtos que máis se axustan ás súas necesidades. Pero non só iso. Felipe vai estar en contacto permanente co desenvolvedor desa tecnoloxía, mesmo despois de adquirila, vai poder consultar a quen a cree ou a outros usuarios dese mesmo produto calquera dúbida sobre o seu funcionamento, facer suxestións de mellora e axudar a que sexa máis útil e de maior calidade.
O xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D da Fundación ONCE, David Zanoletty asegura que P4A vai enterrar o modelo clásico de mercado, no que o creador dunha tecnoloxía desaparece unha vez que o usuario a adquiriu. “Aquí, en cambio, mantense esa liña de conexión entre o desenvolvedor e o usuario e xa se están vendo as vantaxes que isto ten. O consumidor ten información máis práctica, non o clásico manual de usuario”.
Jesica Rivero, coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, incide nesta idea: “Perséguese ese valor engadido de que un desenvolvedor poida estar en contacto con aquelas persoas que van utilizar o produto, para saber que necesidades van ter, que produtos de apoio van necesitar. Trátase de poñer en contacto dous mundos que normalmente non están en contacto”. Cara á relación entre persoas Prosperity4all non substitúe ao proxecto que lle antecede, Cloud4all, senón que o complementa. De feito, a suma de ambos enmárcase nun conxunto máis amplo: a iniciativa pública inclusiva global GPII.
Pero, que é GPII?
É unha gran infraestrutura que vai permitir a calquera usuario en calquera parte do mundo acceder a servizos de tecnoloxía segundo as súas necesidades específicas. "P4A busca involucrar ao usuario no deseño e o desenvolvemento da teconoloxía" Así o explica Zanoletty: “Desde calquera parte do mundo con conexión a Internet, a través dun código que eu introduza ou mediante algún dos meus trazos biométricos como a voz, a pegada dactilar ou o iris, automaticamente ese dispositivo que eu estou a usar configurarase segundo as características que necesito: a letra aumentada, alto contraste, etc.” Esa información, aclara, non está no dispositivo, "ten que estar na internet, nuns servidores que forman parte desa infraestrutura que é GPII, que non é local senón global”.
A coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade resume o paso que supuxo Prosperity4all respecto de Cloud4all . Se Cloud permite ao usuario, independentemente de onde se atope, identificarse e acceder a un interface de acordo ás súas necesidades e preferencias, o que fai posible Prosperity é a comunicación entre os usuarios finais e os desenvolvedores. “Relación entre persoas: esa é a principal diferenza entre Cloud4All e Prosperity4All”, subliña Rivero, quen matiza que “non só se persegue poñer en contacto usuarios con desenvolvedores, senón tamén con outros usuarios”.
O desenvolvedor xa non está só
O novo proxecto non só favorecerá a interacción entre o usuario e o desenvolvedor de tecnoloxía, senón que propiciará a comunicación dos desenvolvedores entre si. Isto resolverá dous problemas fundamentais aos que se enfronta calquera novo desenvolvemento, como testemuña a coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade: “Estes dous problemas son, en primeiro lugar, saber que quere realmente o usuario e, en segundo lugar, que o tempo para desenvolver ese produto é limitado”. David Zanoletty, xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D de Fundación ONCE.
Hai unha zona de Prosperity4all, chamada Developer's Space (Espazo do desenvolvedor) que proporciona ao creador dunha solución tecnolóxica a resposta aos dous problemas, xa que, por unha banda, pono en comunicación co usuario de tal maneira que vai poder coñecer, a través dun sistema de puntuacións (rating), de comentarios ou mesmo de enquisas, se o seu produto vai ter éxito no mercado e, por outra banda, axúdalle a suplir esa falta de tempo porque lle permite integrar no seu desenvolvemento cousas que xa fixeron outros. É posible que ese desenvolvedor estea a crear unha nova aplicación para o móbil e teña que integrar un lector de pantalla cando el non é experto nesa tecnoloxía. Non lle fai falta que a desenvolva partindo de cero. Rivero explícao cunha metáfora: “Pode ir compoñendo un quebracabezas grazas a ter contacto con todos os desenvolvedores que fan as distintas pezas. Isto permite reducir moito os tempos e os custos dun desenvolvemento”. “Hoxe en día, o camiño que se está tomando claramente é o da colaboración”, asegura o xefe de Tecnoloxías Accesibles e I+D da Fundación ONCE. “Ultimamente fálase moito de cocreación, codiseño... todo é ‘co'. Non é simplemente unha moda”, afirma Zanoletty, que explica que esta colaboración non só se dá entre desenvolvedores senón que tamén se debe facer partícipes aos usuarios: “Antes, na fase de análise, os usuarios probaban un produto e daban a súa opinión aos deseñadores, pero iso quedaba curto. Ao usuario non só hai que preguntarlle senón involucralo en deseñar, desenvolver e probar a solución. O usuario debe formar parte do equipo de desenvolvemento”.
Isto, segundo Zanoletty, ten implicacións moi importantes no ámbito da tecnoloxía accesible. “Moitos desenvolvedores non se atreven a meterse no mundo da accesibilidade por descoñecemento ou porque lles parece moi complexo. Se non están moi familiarizados con usuarios que teñen limitacións severas, os seus produtos recibirán moitas críticas”. Por iso, continúa este directivo da Fundación ONCE, “crear un espazo que facilita a novos desenvolvedores incorporarse a este campo é o que aquí se busca, ademais de poder contactar entre os propios desenvolvedores de maneira que lles permita intercambiar experiencias. É darlle un empuxón en moitos aspectos”
Onde a tecnoloxía non chega
No primeiro exemplo que puxemos, Felipe buscaba un produto de apoio a través de Prosperity4all. Para iso, accedía a unha zona que se chama Unified List and Market Place. Alí atopaba comodamente os produtos que mellor se adecuaban ás súas necesidades. Zanoletty explica que a lista unificada de P4A pretende ser unha solución ao problema da oferta de tecnoloxía accesible que é demasiado ampla e dispersa: “A produción de tecnoloxía agora mesmo é enorme e costa moito coñecer que é o último que se está creando, xa sexa en tecnoloxía da fala, en recoñecemento de voz, en visión artificial, etc. Isto vai bastante rápido e costa moito estar ao”día . O usuario tamén ten á súa disposición outro espazo, denominado Assistance On Demand, pensado para que o usuario reciba asistencia ou asesoramento dos equipos de desenvolvemento, que son os que coñecen máis en profundidade o produto ou o servizo que crearon. Pero tamén permite a colaboración entre consumidores, porque xeralmente un usuario aprende máis vendo como outra persoa utiliza un produto que lendo as especificacións técnicas. Rivero pon un exemplo: “Hai unha aplicación para móbil que permite ao usuario obter unha descrición dun obxecto ao enfocalo coa cámara do seu teléfono. Se, utilizando esa tecnoloxía, o dispositivo non logra recoñecer ese obxecto, o usuario será conectado automaticamente cunha persoa que pode ver esa imaxe e facer esa descrición”.
A Fundación ONCE e ILUNION, socios clave do proxecto
Prosperity4all, proxecto de investigación financiado pola Comisión Europea, apóiase nunha alianza de 23 socios europeos e un canadense. Os tres participantes españois neste consorcio son a Fundación ONCE, ILUNION e o Consorcio Fernando dos Ríos. A este consorcio sumáronse departamentos de investigación de distintas universidades, desenvolvedores e outras entidades que achegan o seu traballo ou o seu know how. Esta heteroxeneidade non é casual senón que é idónea para cubrir todos os aspectos dun proxecto tan inxente.
O papel da Fundación ONCE en Prosperity4all é fundamental. A súa principal tarefa é recrutar usuarios con discapacidade cunha variedade de perfís o máis ampla posible para testar a fondo a accesibilidade e o correcto funcionamento de todos os compoñentes do proxecto. A outra labor da fundación é dar a coñecer esta nova aposta tecnolóxica, como indica o xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D, David Zanoletty: “A difusión non debe ir orientada soamente aos desenvolvedores senón tamén aos consumidores destes produtos. Como temos conexión con outras entidades do mundo da discapacidade, somos claves para dar a coñecer o proxecto”.
Pola súa banda, ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade participa con dous departamentos distintos. O de Estudos Sociais ocúpase de realizar os pilotos con usuarios, incluíndo cuantificación, análise dos datos recollidos e conversión en propostas accionables para que os desenvolvedores cambien o seu software. Mentres que o Departamento de I+D realizou compoñentes como o de rating, que serve para facer a valoración de cada produto, así como unha ferramenta accesible para facer enquisas. "Esta é a única ferramenta do mercado que é accesible tanto para o que fai a enquisa como para o que a responde”, subliña Jesica Rivero, coordinadora de I+D.
Acceso á noticia na web da ONCE.
A Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), celebrou 58 tecnogymkhanas pola accesibilidade nas últimas semanas nas que se sensibilizou a máis de 1.900 estudantes sobre as necesidades de apoio das persoas con discapacidade física e orgánica.
A “TecnoGymkhana pola Accesibilidade” celebrouse en 25 colexios e institutos de 16 provincias no marco do Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade, e forma parte das actividades do proxecto INCLÚE+D de COCEMFE de mellora da autonomía persoal do alumnado con discapacidade e de prevención do fracaso escolar, financiado a través da convocatoria de subvencións procedente do 0,7% do IRPF do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Estudantes de Primaria e Secundaria experimentaron de forma lúdica con diversas ferramentas que poden ser utilizadas para adaptar o posto de estudo, servir de produto de apoio ao alumnado con necesidades específicas de aprendizaxe, xerar materiais didácticos e comprobar como as novas tecnoloxías poden servir para crear espazos de traballo colaborativos comúns ás persoas con discapacidade e sen discapacidade, fomentando valores como o traballo en equipo, a accesibilidade universal e o deseño para todas as persoas.
A través de xogos de retos con placas Makey Makey, que converten en táctil calquera superficie, construíronse pianos con pezas de froita, mandos de videoxogos con papel e plastilina e a adaptación destes a persoas con mobilidade reducida. Ademais, esta iniciativa en forma de gymkhana “tecnolóxica”, incluíu xogos gamificados sobre o coñecemento da discapacidade, un buscador de espazos adaptados e a creación de historias animadas entre todo o alumnado sobre como un grupo colabora para a plena integración dunha persoa con discapacidade.
Se unha persoa ten unha discapacidade visual e necesita un dispositivo que lle lea os subtítulos cando ve a televisión, este buscador permítelle acceder e consultar todo o que o mercado da accesibilidade ofrece para satisfacer a súa demanda.
Con todo, 'Prosperity4all' non só se limita a ser un simple buscador como Google ou un catálogo de compra como Amazon, senón que vai máis aló e dá a posibilidade de estar en contacto permanente co desenvolvedor desa tecnoloxía accesible para consultar o que sexa mester e poñer en contacto a diferentes usuarios dun mesmo produto.
Tamén permite facer suxestións de mellora e axudar a que sexa máis útil e de maior calidade. "Mantense esa liña de conexión entre o desenvolvedor e o usuario e xa se están vendo as vantaxes que isto ten", asegurou o xefe do Departamento de Tecnoloxías Accesibles e I+D da Fundación ONCE, David Zanoletty.
A coordinadora de I+D en ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, Jesica Rivero, explicou que así perséguese "ese valor engadido de que un desenvolvedor poida estar en contacto con aquelas persoas que van a utilizar o produto".
Intelixencia colectiva
"Desde calquera parte do mundo con conexión a Internet, a través dun código que eu introduza ou mediante algún dos meus trazos biométricos como a voz, a pegada dactilar ou o iris, automaticamente ese dispositivo sabe que eu o estou usando e configurarase segundo as características que necesito", sinalou Zanoletty.
O novo proxecto –que mellora o 'Cloud4all' anterior- non só favorecerá a interacción entre o usuario e o desenvolvedor de tecnoloxía, senón que propiciará a comunicación dos desenvolvedores entre si.
Isto resolverá dous problemas fundamentais aos que se enfronta calquera novo desenvolvemento, como testemuña Rivero: "Saber que quere realmente o usuario e, en segundo lugar, que o tempo para desenvolver ese produto é limitado".
O usuario tamén ten á súa disposición outro espazo, denominado 'Assistance On Demand', pensado para que o usuario reciba asistencia ou asesoramento dos equipos de desenvolvemento, que son os que coñecen máis en profundidade o produto ou o servizo que crearon.
De feito, hai unha aplicación para móbil que permite ao usuario obter unha descrición dun obxecto ao enfocalo coa cámara do seu teléfono utilizando esa tecnoloxía. Se o dispositivo non logra recoñecer ese obxecto, o usuario será conectado automaticamente cunha persoa que pode ver esa imaxe e facer esa descrición.
ONCE e Ilunion, socios clave
'Prosperity4all', proxecto de investigación financiado pola Comisión Europea, apóiase nunha alianza de 23 socios europeos e un canadense.
Os tres participantes españois neste consorcio son a Fundación ONCE, ILUNION e o Consorcio Fernando dos Ríos. A este consorcio sumáronse departamentos de investigación de distintas universidades, desenvolvedores e outras entidades que achegan o seu traballo. Esta heteroxeneidade non é casual, senón que é idónea para cubrir todos os aspectos dun proxecto tan inxente.
O papel da Fundación ONCE é recrutar usuarios con discapacidade cunha variedade de perfís o máis ampla posible para testar a fondo a accesibilidade e o correcto funcionamento, mentres que o de ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade é realizar estudos sociais, recompilar datos e facer o 'rating', é dicir, seguir a valoración de cada produto e impulsar unha ferramenta accesible para facer enquisas.
Máis de 200 concellos formalizaron xa a súa adhesión á Historia Social Única Electrónica (HSUE), a plataforma da Xunta que integra nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo e facilita a coordinación de todos os axentes que participan na prestación dos servizos sociais.
Nos últimos meses a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Política Social dotaron á plataforma de novas prestacións como a sinatura dixital e a integración coa aplicación informática que empregan os traballadores dos servizos sociais comunitarios e a posibilidade de realización de novos informes, como o Proxecto de Integración Social.
A integración de SIUSS (Sistema de Información de Usuarios de Servizos Sociais), na Historia Social Única Electrónica facilita a compartición de información entre os profesionais dos servizos sociais de ámbito local e autonómico. Este é un paso fundamental para completar a información da Historia Social Única Electrónica de cada individuo e incrementar a coordinación entre profesionais. Ademais, facilita o labor dos profesionais evitándolles ter que mecanizar novamente nos informes sociais normalizados información que xa está no SIUSS.
A este avance sumouse a incorporación da sinatura electrónica a través de HSUE. Isto permite xerar e asinar dixitalmente en HSUE os informes sociais normalizados e arquivalos na Historia Social Única Electrónica do individuo, o que permite o envío de xeito telemático deste informe ás unidades tramitadoras da Consellería de Política Social. Os traballadores de 56 concellos empregan este mecanismo, como canle preferente de remisión dos informes sociais normalizados nas tramitacións de solicitudes de dependencia.
De xeito paralelo, e grazas ás posibilidades que ofrece a HSUE, estase a facilitar o acceso do persoal médico dos equipos de valoración de discapacidade e dependencia á Historia Clínico Electrónica de persoas que soliciten este recoñecemento; medida que permitirá mellorar a tramitación das referidas valoracións.
Modelo de teleasistencia avanzada
A Historia Social Única Electrónica é un dos instrumentos que nun futuro facilitará o modelo de teleasistencia avanzada no fogar polo que aposta a Xunta de Galicia.
A Administración autonómica está a traballar nun modelo de teleasistencia avanzada para prestar tanto servizos asistenciais a pacientes crónicos como a monitoraxe continua de persoas maiores no seu fogar para identificar situacións de risco de forma automática e comunicalas telemáticamente aos seus coidadores ou prestadores de servizos.
Este modelo baséase nun único sistema tecnolóxico para os servizos sociais e sanitarios no fogar, sobre o que traballarán diferentes prestadores de servizos en cada un dos ámbitos.
Máis de 530.000 expedientes dixitais
A HSUE púxose en marcha en 2016 nos concellos de Boqueixón, Brión, Tordoia e Viveiro. Tras unha fase de probas iniciouse a súa extensión a outros concellos co apoio da Federación Galega de Municipios e Provincias, a través dun convenio asinado en novembro.
A día de hoxe, os traballadores sociais de máis 200 entidades locais teñen acceso á plataforma, podendo acceder ao expediente social de máis de 530.000 usuarios en formato electrónico.
A extensión da Historia Social Única Electrónica (HSUE) supón un fito no eido dos servizos sociais similar á posta en marcha da Historia Clínica no eido sanitario ao integrar nun mesmo sistema todos os datos relativos á historia social do individuo, incluíndo a situación persoal, social e familiar; as súas demandas, prestacións, servizos e recursos, así como as valoracións, intervencións, seguimento e avaliación por parte do sistema de Servizos Sociais, ademais de información referente a profesionais e a institucións e organizacións que interveñen nas mesmas. Isto permitirá mellorar as capacidades de análise e explotación da información claves no deseño das políticas de protección social.
A plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns, ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado electrónico por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.
Vantaxes para os usuarios
Os cidadáns percibirán as vantaxes do novo sistema na simplificación das tramitacións, e nunha atención máis personalizada, xa que o profesional terá acceso de xeito inmediato a información máis relevante do seu historial, tanto de servizos como de prestacións ou recursos asignados, obtendo unha visión global e integrada da súa información social, independentemente da orixe da mesma, e mellorando deste xeito a calidade asistencial.
Ademais, facilitará unha atención máis proactiva, grazas a un sistema de alertas e subscricións que avisa ao profesional de calquera cambio no historial da persoa para que poida actuar de maneira inmediata.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) colabora co proxecto de software libre Ansible a través da publicación de código que permite a automatización da configuración e despregue de diversos servizos en infraestruturas TIC.
Para favorecer e incrementar a visibilidade e reusabilidade do código liberado optouse por contribuír ao proxecto Ansible publicándoo seguindo as pautas e protocolos de colaboración da propia comunidade. Así, publicáronse os compoñentes liberados na plataforma da comunidade Ansible, denominada Galaxy, (https://galaxy.ansible.com/amtega/).
Ademais, como vén sendo habitual, seguindo o procedemento de liberación de software da Xunta de Galicia publicouse o código fonte liberado a través do repositorio de Software Libre da Xunta de Galicia (https://forxa.mancomun.org/projects/ansible-roles/).
Ansible, ferramenta de automatización de infraestruturas TI
Ansible é unha tecnoloxía de automatización que permite mellorar os procesos necesarios na xestión dunha infraestrutura de tecnoloxía da información (TI). Actualizar a configuración de varios equipos ao mesmo tempo, instalar unha aplicación en todos eles á vez, ou despregar un novo conxunto de servidores coa mesma configuración, son algunhas das vantaxes que nos ofrece esta tecnoloxía.
Os denominados Roles de Ansible son pequenos proxectos que permiten automatizar a realización de varias destas accións de xeito combinado. Podemos entendelos como unha receita onde están definidos todos os pasos que hai que facer para automatizar calquera tarefa. Unha vez que está definida esta receita (o que o proxecto Ansible denomina Rol), esta pode ser aplicada a través da rede a un grupo de equipos ou servidores, tanto nunha rede local como a través de Internet.
No marco deste proxecto de liberación, todos os novos roles que se vaian definindo na Amtega e que poidan ser de interese para calquera outra administración, entidade ou particulares, serán tamén publicados seguindo o mesmo protocolo, fomentando a súa reutilización e a colaboración con este importante proxecto de software libre.
Galaxy, a plataforma oficial da comunidade Ansible para compartir Roles
A comunidade de usuarios e desenvolvedores oficial do proxecto Ansible articúlase a través da plataforma Galaxy, un portal web a través do cal se comparten Roles, publicados baixo licenza libre. Deste xeito calquera que queira compartir a súa receita creada con Ansible pode subila a este portal para que outros poidan empregala.
Neste portal, a Amtega está publicando varios destes Roles, liberados baixo unha licenza de software libre e seguindo as recomendacións e boas prácticas da comunidade en canto á organización dos mesmos, a fin de que poidan ser de utilidade e favorecendo así a súa reutilización.
Conta oficial da Amtega en GitHub
Adicionalmente a esta colaboración co proxecto Ansible, a Amtega estrea conta oficial no repositorio de proxectos colaborativos GitHub (https://github.com/amtega). Esta plataforma é ben coñecida entre os desenvolvedores de software libre xa que é unha das máis empregadas para desenvolver este tipo de proxectos de xeito público para que todo o mundo poida ter acceso ao código fonte dos mesmos e colaborar.
Deste xeito poténciase a presenza dos proxectos de software publicados como Software Libre pola Xunta de Galicia, facilitando a súa reutilización e as posibilidades de colaboración nos mesmos por parte doutras entidades ou administracións.
Esta colaboración enmárcase no Plan de Acción en materia de Software Libre da Xunta de Galicia e contou coa participación da Oficina de Software Libre da Amtega quen elaborou un informe técnico que garante a viabilidade xurídica da liberación e as condicións nas que se pode realizar. Estes Roles son liberados cunha licenza libre GPLv3 (General Public License version 3) e tamén baixo a EUPL (European Union Public License).