A Xunta lanza unha nova actuación do seu Plan de Banda Larga 2020 para facilitar o acceso a internet, cun mínimo de 100 Mbps de velocidade, en núcleos de menos de 150 habitantes. Con este obxectivo o Consello do Goberno galego aprobou hoxe unha liña de axudas a operadores de telecomunicacións cun importe de 14,2 millóns de euros para despregar redes ultrarrápidas en zonas do rural que non contan con esta cobertura nin previsión de dispoñer destas redes.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.
A Administración autonómica concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Complementariedade entre administracións
Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 megas a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.
Prazos e características da convocatoria
A nova convocatoria do Plan de Banda Larga 2020 publicarase proximamente no DOG e os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo máximo dun mes dende o día seguinte á publicación.
A convocatoria inclúe un anexo con 26.466 entidades de poboación consideradas “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura de redes dun mínimo de 100 Mbps así como de previsión de dispoñer delas.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
Para a consecución das metas fixadas no Plan xa se puxeron en marcha un conxunto de medidas que se levarán a cabo ata 2020:
Acceso a servizos dixitais avanzados
O despregamento e adopción de redes de banda larga ultrarrápidas no territorio galego permitirán acelerar o desenvolvemento de servizos dixitais avanzados e brindar novas oportunidades de negocio.
As tendencias das tecnoloxías de nova xeración tales como a computación na nube, a impresión 3D, a administración electrónica, as cidades intelixentes, a telepresenza, o Fogar Dixital, etc, esixen cada vez un maior largo de banda, por este motivo, dende a Xunta de Galicia estase a traballar neste tipo de medidas de axudas para favorecer o despregamento de redes de telecomunicacións máis rápidas que abran camiño cara uns servizos innovadores.
Amais do proxecto Innova Narón, de cuxa distinción por parte do Goberno galego falamos, o Premio Son Dixital que concede a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) recoñeceu tamén o importante labor despregado pola aula CeMIT, as usuarias da aula e o Concello de San Sadurniño ao abeiro da iniciativa Teño unha horta en San Sadurniño. O galardón a este proxecto tecnolóxico-social, o accésit de Son Dixital, foilles concedido ás impulsoras-integrantes da proposta por representantes da Xunta (axencia AMTEGA) e da rede CeMIT.
Segundo reflicte o Concello de San Sadurniño, a distinción vai dirixida ás protagonistas de Teño unha horta en San Sadurniño: Carmen Suárez (coordinadora da iniciativa), Carmiña dos Pantís, Carmiña da Laxe, Cruz de Piñón, Lucita de Ernesto e Consuelo da Curuxa. Por outra banda, o Concello tamén sinala que se trata dun recoñecemento ás posibilidades dinamizadoras e formativas das TIC para as persoais maiores: como poden empregar a tecnoloxía de forma útil.
Como lembraremos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) convocou este ano o primeiro certame Son dixital para recoñecer as experiencias máis destacadas en innovación social dixital desenvolvidas desde as aulas CeMIT e a súa rede de entidades aliadas durante as tres últimas edicións do proxecto CeMIT-Innova, adscrito ao Plan de Inclusión Dixital Galicia 2020. Esta primeira edición tivo como obxectivo “recoñecer o traballo das persoas”, tal e como sinalou Fernando Gil, Xefe da Área de Sociedade Dixital da AMTEGA.
Outorgáronse un premio e dous accésits. O proxecto gañador foi o portal www.innovanaron.com, creado e xestionado pola Asociación Nosa Señora de Chamorro e as persoas con diversidades motrices e cognitivas que participan acotío nos seus obradoiros. Un accésit veu para San Sadurniño e o outro levouno o equipo de voluntariado composto por Sonia Moure, Daniel Diéguez, José Manuel Campos e Rocío Fernández, quen levaron adiante o programa Mira TICarballedo en relación coa formación en novas tecnoloxías para o emprendemento no rural.
O proxecto de San Sadurniño acadou a devandita distinción por tratarse, segundo o fallo do xurado, dun “bo exemplo do empoderamento da muller da contorna rural”, salientando polo seu “carácter innovador” no xeito de transmitir o traballo e a tradición do noso pobo e das nosas mulleres a través de YouTube. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia premiou os “relatos frescos, contados en primeira persoa dunha forma didáctica e divertida por estas cinco mulleres que amosan como a tecnoloxía pode transformar unha vida adicada á labranza e coidado da terra e aos recursos naturais, dando visibilidade e importancia ao rol desempeñado polas mulleres labregas”. Fernando Gil recoñeceulles o mérito ás protagonistas: “é de xustiza darvos este premio. O voso proxecto é unha realidade. Foi importante para vós, para que fixerades ver o voso traballo e para que se vexa tamén San Sadurniño”.
No marco do proxecto O regreso de Henrietta Leavitt: da escola á carreira investigadora pasando polo teatro, do Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC) en colaboración coa Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), iniciouse a serie audiovisual Nenas que romperon un teito de cristal mirando ao ceo, inspirada no proxecto Non-Nancies da astrofísica Pilar Montañés. O obxectivo é visibilizar ás astrofísicas e enxeñeiras do IAC á vez que se promove o interese das nenas polas carreiras científicas e técnicas. O primeiro destes vídeos, de cinco minutos, publicouse en canles de vídeo (YouTube, Vimeo, Dailymotion) e as redes sociais deste instituto.
Aínda que cada vez hai máis mulleres que escollen estudar carreiras científicas e técnicas, segundo os últimos datos recollidos polo informe She Figures da Comisión Europea, na Física –e, por extensión, Astrofísica– a presenza de mulleres é moito menor que a de homes. A proporción de mulleres matriculadas non supera o 30% e, cando se avanza na escala investigadora, apenas posúen o 13% das cátedras.
O Lar de Endesa (As Pontes) vai volver ser o eixe da actividade galega Maker, da man, unha vez máis, da Asociación Amigus e dos obradoiros Amigus Labs. A nova cita será este 30 de decembro e, no plano específico, desenvolverase a xeito de espazo de fabricación dixital e formación. En termos máis concretos, os asistentes á xeira de traballo aprenderán a usar pequenas placas de prototipado e a converter, con estas placas, diferentes proxectos tecnolóxicos en realidade.
“Mediante Arduino ou Raspberry PI crearemos uns sinxelos robots, drons, téxtiles interactivos ou controlaremos tiras de LED”, informan os integrantes da asociación das Pontes, engadindo que para dar forma aos proxectos os participantes modelarán en 3D (ou coa axuda de escáneres 3D) as diferentes pezas que logo se fabricarán en impresoras 3D ou na fresadora CNC.
Amais de todo o devandito, a materialización das propostas implicará tamén o emprego de diferentes técnicas para a ensamblaxe das creacións, por exemplo micro soldadura con estaño, agulla e fío condutor, para os traballos téxtiles.
A idade mínima para participar nos workshops é de oito anos en adiante. Tódalas actividades realizaranse de 10:30 a 20:00 horas, facendo unha parada para comer de 14:00 a 16:00. O xantar será no propio Lar de Endesa, por un prezo de 15 euros por persoa.
Para asistir á nova xeira dos Amigus Labs poderemos acudir equipados co noso computador, xa que temos dereito a unha praza onde instalalo, a un enchufe de rede eléctrica e outro punto de acceso para a rede de datos.
A inscrición é de balde. Podemos apuntarnos enviando un correo electrónico a amigus@amiguslabs.org (prazas limitadas). Os menores deberán traer a autorización dos pais/titor para asistir a Amigus Labs (PDF).
A xeira de traballo está organizada pola Asociación Informática Amigus, Amigus Labs e Merca Nas Pontes. Colaboran o Concello das Pontes, Cohempo, Endesa, EuroEume, Nauta, No Ping, Nodo Dixital, Triade, Severiano Agrocomercial, Escourido Asociados, Clip Carbono, Ferretería Marcos, Lujo, Matojoma, You can school of English, Fitter, Pontesa Marmoles y granitos, Desguaces Vilabella, Óptica Carmela, Galiorient, Servicio Móvil, Areco, Panadería San José, Fotografía Fabian, Don Dino, CONPLC, IcoEume, Preludio Musical, Arprosa, Radio Eter, MakerGal e Grupo de Empresa Endesa. Amigus Labs é un proxecto da Asociación Informática Amigus.
A Escola de Finanzas, con sede en Oleiros (A Coruña), e máis a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) veñen de asinar un acordo marco de colaboración para traballar de xeito conxunto no fomento de actividades formativas dirixidas a directivos e profesionais da área TIC e da Sociedade da información. No acto de formalización do acordo participaron os principais responsables de ambas as entidades, Patricia Muíño Parente, directora xeral da Escola, e o presidente da Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, Julio Sánchez Agrelo.
Froito deste convenio, a AETG colaborará na difusión das actividades formativas da EF entre os seus asociados, un compromiso co coñecemento avanzado que responde a un dos grandes obxectivos da asociación: achegar formación continua en materia de novos recursos innovadores e tecnolóxicos para o desenvolvemento do noso labor profesional. Pola súa banda, a Escola de Finanzas ofrecerá descontos na realización dos másters que imparte para facilitar así a formación do colectivo.
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou na Cidade da Cultura na mesa de sectores emerxentes en menores de 30 anos no marco da presentación do estudo Oportunidades de negocio en Galicia elaborado por Acción contra a Fame.
O estudo aporta información sobre a situación do emprendemento na nosa comunidade e sobre as oportunidade sectoriais detectadas nas diferentes comarcas da rexión. O documento contou coa participación de 68 empresas galegas e 30 axentes de referencia en emprendemento e entidades públicas e privadas.
Durante a súa intervención, Cecilia Vázquez, fixo alusión á importancia da elaboración deste tipo de estudos para que a mocidade poida orientar o seu futuro profesional. Así, campos como o do comercio, TIC, turismo, agroalimentario e de servizos ás persoas son os que presentan maiores oportunidades de negocio en Galicia.
A directora xeral lembrou que a Xunta pón a disposición da mocidade galega diversas iniciativas de como Pertega, Lidera o Deseñando o teu futuro. Este último é unha iniciativa de educación non formal cuxo obxectivo pasa por achegar á mocidade galega á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías visitas en distintos sectores. Os participantes teñen a oportunidade de coñecer o mundo laboral durante un máximo de 15 días, compartindo espazos e experiencias cos traballadores de diversas compañías. No marco deste programa no 2017, fináncianse 25 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitan a participación de 358 mozos e mozas.
Así mesmo, subliñou que a Administración autonómica conta cun programa de estudo para a retención do talento emerxente de Galicia (Pertega), unha folla de ruta que pretende fomentar as sinerxías entre os axentes implicados no desenvolvemento do talento da mocidade. Esta proposta incide na importancia de reforzar a capacitación das habilidades transversais máis demandadas polo mercado laboral e apostar por iniciativas de crecemento persoal que aceleren as capacidades e dean resonancia e visibilidade aos mozos e mozas máis cualificados, premiando o seu talento e esforzo.
Por último, Cecilia Vázquez puxo o foco no proxecto de cooperación internacional Lidera, impulsado pola Xunta con outras entidades galegas e de Portugal que ten como obxectivo de poñer en valor as capacidades laborais e de emprendemento da xente nova que reside na Comunidade Autónoma e na rexión norte do país veciño. No que atinxe aos obxectivos específicos do programa, a responsable do departamento autonómico de Xuventude sinalou que estes pasan por facilitar a adaptación e colocación de xente nova que non estea no mercado laboral a través da realización de actividades relacionadas coa busca activa de emprego, o empoderamento, a mellora da empregabilidade e a posta en valor das súas inquedanzas persoais. Estas lévanse a cabo na rede de Espazos Xove da Xunta de Galicia, o que contribúe ademais a dinamizar e optimizar os usos destes centros.
O Concello de Ourense aproveitará as impresoras 3D que hai na Molinera para fabricar 100 xoguetes que serán repartidos entre os nenos que están hospitalizados nos distintos centros sanitarios da provincia. O novo proxecto, fraguado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario (CHUO), foi bautizado co nome de "Fabricando sorrisos". A entidade local pretende darlle ás novas tecnoloxías un fondo solidario.
O concelleiro Jorge Pumar participou na tarde de onte na presentación da iniciativa, coa que La Molinera tenta dar un paso á fronte da innovación social e co obxectivo de arrincar un sorriso aos máis pequenos nun momento complicado da súa vida ao estar ingresados durante estas datas nun centro sanitario.
As impresoras 3D, segundo Jorge Pumar, traballarán ata o próximo día 4 de xaneiro na fabricación de xoguetes para repartilos durante os Reis. Á iniciativa, segundo o Concello, pódense sumar todas as persoas que teñan unha impresora 3D elaborando e fabricando os seus propios xoguetes nas mesmas instalacións. Tamén os poderán enviar desde calquera parte das redes makers á propia Molinera.
Os Premios Uninnova pretenden fomentar e apoiar aos innovadores sociais que xeran proxectos en materia de accesibilidade para mellorar as condicións de vida das persoas con discapacidade. Á súa II edición presentáronse un total de 75 traballos, 39 máis que á primeira, entre as tres categorías de concurso: Idea, Proxecto e Produto ou Servizo.
No apartado de Idea, o traballo gañador foi o denominado B-Up-Reader, deseñado por Rafael Aparicio Sánchez, da Universidade Politécnica de Valencia. Trátase dun lector braille ‘analóxico' con cinta de material con memoria, enrolado con mínimo espazo, que permite transportar maior cantidade de texto.
Como explica Aparicio, comézase con materiais reciclados, para chegar a un deseño con materiais ‘con memoria', que son capaces de lembrar' ‘a súa forma e de volver a ela mesmo despois de ser deformados. Estes materiais pódense utilizar cun cambio térmico ou magnético, o que fai que o espazo que ocupa un texto se reduza considerablemente. Así, un libro en braille como ‘O Principiño', que ocuparía 500 metros no sistema convencional de enrolado, nunha cinta con memoria precisaría do equivalente de só dúas cintas, coa consecuente facilidade de transporte.
Dentro da categoría Proxectos, os Premios Unninova distinguiron a Forhhss-Tea, de Elena Olmos, tamén da Universidade Politécnica de Valencia, que pretende implementar “unha metodoloxía non intrusiva, pouco molesta e pouco invasiva” para validar terapias en persoas con TEA usando a realidade virtual inmersiva. O proxecto do traballo apunta ademais que xunto ao uso de tecnoloxías inmersivas e de alto valor ecolóxico, incorporaranse métricas fisiolóxicas, de seguimento de mirada, movemento e expresión facial, que proporcionarán datos obxectivos sobre o comportamento dos usuarios.
“Con iso pretendemos achar novas métricas que se atopen relacionadas co comportamento do TEA e á súa vez xerar unha contorna de adestramento seguro baseado nas técnicas de exposición de realidade virtual. Simulación de contornas”, afirma Olmos.
Por último, no apartado Produto ou Servizo, o traballo galardoado é o titulado ‘App&Town Compagnon', de Mass Factory. Trátase dun sistema de transporte asistido extremo-a-extremo, para persoas con discapacidade, maiores, menores e outros colectivos, que permite realizar desprazamentos en transporte público a través dunha aplicación móbil e unha continua monitoraxe dos usuarios desde calquera lugar e dispositivo.
No acto de entrega destes galardóns participaron Borja Fanjul, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade; José Luis Martínez Donoso, director xeral de Fundación ONCE, e Jesús Hernández, director de Accesibilidade Universal e Innovación de Fundación ONCE.
Na súa intervención, Fanjul sinalou como estes premios poñen de manifesto “a diversidade da discapacidade”, xa que non todas as persoas teñen as mesmas necesidades. E tendo isto en conta, engadiu, o Goberno elixe “aos mellores” á hora de implementar medidas en favor deste colectivo e traballa, así, entre outros, coa Fundación ONCE.
Pola súa banda, Martínez Donoso centrouse na importancia da tecnoloxía e afirmou que nos últimos anos, ten “moi ocupada, pero tamén preocupada” á Fundación ONCE, xa que aínda que é verdade que pode ser un aliado para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade, non o é menos que pode ser, se non se mantén unha postura vixiante, “a gran barreira que expulse do sistema novamente a estas persoas”.
Finalmente, Hernández explicou que Uninnova é unha plataforma que pretende axudar aos promotores destinados a mellorar a calidade de vida dos cidadáns con discapacidade a levar a cabo os seus proxectos e animou aos emprendedores sociais e ás universidades para participar neste portal.
A Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) está a informar do risco que supoñen os cada vez máis frecuentes xoguetes conectados, xa que en varias ocasións contan con cámara e unha rede Wi-Fi sen contrasinal, de xeito que calquera estraño podería empregalos para invadir a intimidade dos nosos fogares.
Nun principio a conectividade dos xoguetes está deseñada para o seu control remoto a través do móbil, o que pode resultar moi divertido para os cativos, pero o feito de que este acceso sen fíos poida aproveitarse para espiarnos en tempo real é un problema moi serio.
Esta preocupación levou á OCU a analizar 5 xoguetes que se manexan dende o móbil (Teksta cadelo Robot 4G, Minion MIP turbo dave, BB8, Rovospy e Jumping Race Jett), concluíndo que o Jumping Race Jett de Parrot e o Rovospy de Juguetrónica presentan defectos de seguridade que os fabricantes podería ter evitado protexendo as conexións con contrasinal. Tamén destacan a necesidade de que os xoguetes deberían informar dos permisos que vai pedir a súa aplicación móbil, explicando para que se precisan, para evitar abusos.
Con esta denuncia a OCU quere deixar clara a necesidade dunha normativa que regule este tipo de seguridade, material especialmente sensible cando falamos de produtos dirixidos a menores.