O fin último do proxecto é o estreitamento da fenda dixital existente entre as contornas urbanas e as contornas rurais como medio de coadxuvar a frear os fenómenos de despoboamento mediante a configuración dun territorio específico, que conta coas afeccións de todo tipo que supón ser fronteirizo, que está dotado dunha gran diversidade tanto social como de hábitats, que soporta un alto índice de ruralidade e que, á súa vez, é Reserva da Biosfera, nun auténtico laboratorio onde estudar a translación ao medio rural de conceptos e instrumentos propios de espazos metropolitanos e cidades intelixentes. Todo iso sobre a base de experiencias xa executadas mediante a implementación dunha rede de banda larga que cobre todo o territorio e que se atopa en funcionamento.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta convocan unha nova edición do certame de declaracións de amor na rede Lingua de namorar, unha iniciativa que premiará por sexto ano a creatividade en lingua galega da xente nova. Nesta ocasión, e coincidindo coa estadía do Pergamiño Vindel en Galicia, os premios entregaranse no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, o 14 de febreiro, día dos namorados. Así o deron a coñecer esta mañá en rolda de prensa os titulares dos dous departamentos promotores desta iniciativa, na que participan cada ano máis de medio milleiro de mozos e mozas, Valentín García e Cecilia Vázquez, respectivamente.
“O galego é, de sempre, lingua de namorar e queremos animar a mocidade para que así o siga sendo, para que sexa ferramenta útil dos seus afectos e das súas relacións interpersoais; para que siga tendo presenza na internet e nas tecnoloxías da comunicación”, destacou o secretario xeral.
Pola súa banda, a directora xeral valorou o feito de que Lingua de namorar sexa hoxe en día un certame plenamente consolidado e en cada edición que se celebra con maior aceptación por parte dos mozos e mozas. Neste sentido, apuntou que “o evento está a cumprir un dos seus obxectivos fundamentais, que non é outro que fomentar o uso do galego entre a xente nova e en calquera ámbito: o académico, o laboral, o social, o persoal e o familiar”.
Así mesmo, Cecilia Vázquez fixo fincapé “na oportunidade que supón este certame para impulsar e poñer en valor a creatividade e o talento da mocidade, que a través dos seus textos expresan libremente os seus pensamentos, inquedanzas e sentimentos”.
A participación na nova edición de Lingua de namorar está aberta desde hoxe ata o vindeiro 29 de xaneiro a todos os mozos e mozas de 14 a 35 anos, que poderán concorrer coas súas mensaxes orixinais en dúas categorías de idade: dos 14 aos 19 e dos 20 aos 35.
Os textos participantes deberán estar escritos en lingua galega e poderán redactarse en prosa ou en verso. A súa extensión máxima será de 350 caracteres, incluídos os espazos en brancos. Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.
Para poder enviar as mensaxes, cómpre rexistrarse no web do concurso http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e cubrir o formulario de inscrición. Todas serán publicadas nesta páxina e estarán identificadas polo título e máis polo número que se lles asigne. A data límite para enviar as mensaxes de amor é o 29 de xaneiro. Unha vez rematado este prazo, abrirase outro para realizar as votacións, que abranguerá do 30 de xaneiro ao 2 de febreiro.
O xurado do concurso elixirá as mensaxes gañadoras de entre as 50 declaracións máis votadas en cada categoría. As mensaxes e mais a listaxe cos nomes das persoas gañadoras publicaranse na páxina web do concurso e tamén no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal o día 7 de febreiro. Ademais dos premios que se sinalan a continuación, nos seis casos incluirase cadansúa reprodución facsímile do Pergamiño Vindel conmemorativa do seu regreso a Vigo.
Así, establécense tres premios por cada unha das categorías. Na categoría A (de 14 a 19 anos) a persoa gañadora do primeiro premio será galardoada cun Hoveboard Nilox (rodas 6,5, batería 20 km., velocidade máxima 10 km/h); a do segundo unha cámara Fuji instantánea mini 9 (fotos 62 x 46 mm.) e a do terceiro un auricular Panasonic Diadema (bluetooth, 20 horas de autonomía).
Pola súa banda, na categoría B (de 20 a 35 anos) o primeiro premio recibirá un Smart TV Panasonic 32” (Full HD, TDT2, navegador web, 2 x HDMI); o segundo un Smartphone Wiko 5” (16 GB, 4G, IPS HD, Android 7, 5/13 Mpx); e o terceiro unha cámara deportiva Mini Wifi 2”.
Contribuír a que abrolle e medre o talento tecnolóxico e dixital que toda a nosa mocidade leva dentro. Este é o gran obxectivo, en liñas xerais, do acordo que veñen de asinar o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Consellería de Cultura e Educación, un acordo que se insire na vertente máis formativa e divulgativa da actividade do colexio e que implica a renovación do acordo para continuar cos seus programas Navega con Rumbo e Programación nas Escolas. O obxectivo, en palabras das dúas entidades, “é mellorar as competencias dixitais dos estudantes así como asegurar que se desenvolven dun xeito seguro no ámbito tecnolóxico”. A alianza foi formalizada e presentada polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e máis o conselleiro Román Rodríguez.
Segundo engadiron, un total de 250 centros escolares (colexios e institutos de toda Galicia) beneficiaranse este ano de accións específicas no eido da programación informática e no uso seguro dos recursos tecnolóxicos, postas en marcha pola Consellería en colaboración co órgano colexiado de Informática. O acordo encádrase nunha das liñas da Estratexia de Educación Dixital 2020 da Consellería de Educación como é a de promover as vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñerías e Matemáticas) entre a comunidade escolar galega, ao tempo de dotala dos recursos e as ferramentas precisas para o uso seguro da tecnoloxía.
Navega con Rumbo
Navega con rumbo, que xa vai pola súa sétima edición, abrangue tanto ao alumnado como aos docentes e ás familias, guiando ás crianzas cara a unha navegación segura, responsable e útil en Internet e, deste xeito, previr que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso. Doutra banda, tamén fai partícipes aos pais, nais e profesores das recomendacións precisas e que, á súa vez, actúen como correa de transmisión.
Para tal fin, o Colexio de Enxeñaría en Informática encargarase de realizar xornadas divulgativas nos centros escolares Abalar de toda Galicia que chegará a uns 200 centros. Segundo lembran a Consellería e o CPEIG, dende que arrancou o programa no curso 2010/11, que xa se impartiu en 461 colexios e institutos e nas actividades realizadas ao seu abeiro, participaron arredor de 65.000 persoas, na súa maior parte alumnado. Ademais, o programa está apoiado polas Guías de Boas Prácticas elaboradas polo CPEIG e dirixidas a alumnos, familias e profesores, que poden descargarse a través do web www.navegaconrumbo.es.
Programación nas Escolas
Púxose en marcha no curso 2014/15 como unha acción pioneira para iniciar aos escolares no pensamento computacional e na programación informática. Uns 10 centros escolares de Primaria (que se suman aos outros 30 da primeira, segunda e terceira edición) beneficiaranse neste curso desta iniciativa na que as rapazas e os rapaces aprenden a programar dun “xeito lúdico e proactivo”. Para iso, ofrécenselles as ferramentas axeitadas para que comprendan que é un computador, como funciona, e como elas/eles mesmas/os poden crear sinxelas aplicacións interactivas, como videoxogos ou animacións, entre outros.
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, comprobou hoxe de primeira man a pegada social e laboral que deixa o programa da entidade provincial para favorecer a contratación na provincia, abranguendo tamén colectivos en risco: o programa Ben Empregado. Máis polo miúdo, mantivo este luns unha xuntanza con tres persoas beneficiarias desta iniciativa (terceira edición), tres novos traballadores que retomaron o fío da actividade laboral en dúas entidades de Cospeito, contando coa colaboración das entidades COGAMI e FADAS co fin de promover a súa inserción.
Segundo lembrou no encontro Darío Campos, a día de hoxe un total de 28 lucenses con capacidades diversas ou en risco de exclusión están a traballar xa en empresas da provincia. Tamén recordou que Ben Empregado é un programa que favorece a contratación co financiamento, por parte da Deputación, do cen por cen cos custes laborais dos novos traballadores en establecementos de autónomos e PEMES da provincia. Co temos sinalado en repetidas ocasións, moitas destas ocupacións teñen relación directa coas novas tecnoloxías da información. Sen ir máis lonxe, unha das profesionais que participou na visita de Darío Campos traballa de responsable de comunicación web e redes sociais (community manager).
Na cita, amais do presidente da Deputación, participou a deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. Estiveron acompañados polos representantes das empresas contratadoras, o deputado da Terra Chá, Eduardo Vidal Baamonde, así como de membros de COGAMI e FADAS (que se encargan do Servizo de Intermediación Laboral do Ben Empregado).
Campos Conde salientou que “coa terceira edición do Ben Empregado ofrecemos por vez primeira financiar na súa totalidade os custos laborais de lucenses desempregados de colectivos vulnerables dentro da nosa aposta por unha Deputación coas persoas e máis social, que traballa pola igualdade de oportunidades”. Respecto dos bos resultados que están a acadar as diferentes edicións da iniciativa, engadiu que “é unha satisfacción comprobar que somos útiles e capaces de romper calquera tipo de barreira con compromiso e sumando esforzos”.
Como dixemos, entre as persoas que participou hoxe na xuntanza atopábase unha experta en redes e comunicación dixital: Raquel, veciña de Castro de Rei, que traballa como comunity manager na casa rural Pazo de Verdes, en Cospeito, xestionando as redes sociais e a páxina web deste establecemento. Na visita tamén participaron Francisco, veciño de Lugo de 48 anos, que tamén traballa en Pazo de Verdes, realizando as funcións de xardinería, mantemento e carpintería; e Gonzalo, natural de Cospeito e de 50 anos, que traballa grazas a Ben Empregado en Saiga Muimenta, unha empresa de Cospeito adicada ao comercio ao por maior de maquinaria para o sector agroalimentario, á reparación desta maquinaria nos seus talleres e á venda de recambios.
Darío Campos engadiu que son un total de 28 os lucenses de colectivos vulnerábeis que estaban no paro e hoxe están a traballar en empresas da provincia grazas ao Ben Empregado 3 da Deputación: 1 traballa nunha empresa da Mariña, 12 da Terra Chá, 11 da Comarca de Lugo, 1 da Comarca de Sarria, 1 da Montaña e 2 de Lemos.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas a operadores de telecomunicacións para despregar redes de cando menos 100 megas en entidades de poboación do rural que non contan con cobertura nin previsión de dispoñer deste servizo. É a terceira medida do Plan de Banda Larga de Galicia 2020, que desenvolve a Xunta a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), e que foi aprobada no último Consello do Goberno cun importe de 14,2 millóns de euros.
Os operadores poderán actuar en calquera das 26.386 entidades de poboación de menos de 150 habitantes e noutros 80 núcleos de entre 150 e 300 habitantes. Poderán presentar varios proxectos cunha subvención mínima de 20.000€ para cada un deles ata esgotar a dotación orzamentaria prevista.
A Amtega concederá unha subvención máxima do 90% do custo total de cada proxecto. Estas subvencións cofináncianse ao 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 (PDR).
Prazos e características da convocatoria
Os operadores de telecomunicación poderán presentar as súas solicitudes no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no DOG.
A convocatoria inclúe un anexo coas entidades de poboación que se establecen como obxectivo por ser considerados “zonas brancas” de redes de nova xeración, é dicir que carecen de cobertura destas redes nin previsión de dispoñer delas.
As redes coas que se dote ás entidades de poboación deberán proporcionar servizos de cando menos 100 megas de baixada e 20 de subida, non establecer limitacións de descargas e permitir a realización de comunicacións de voz e vídeo en tempo real.
Complementariedade entre administracións
Con esta medida a Administración autonómica actuará nos núcleos máis pequenos con fondos FEADER, mentres que o Estado focalizará os seus esforzos en cubrir as entidades de maior tamaño coas convocatorias que licite nos vindeiros anos no marco do Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA).
Actualmente, o Goberno do Estado ten adxudicados 21 millóns de euros do PEBA, que permitirán dotar de cobertura de 100 megas a preto de 260.000 galegos nos vindeiros dous anos. Grazas á complementariedade e coordinación entre ambas Administracións en 2020, un 74% dos galegos terá acceso a redes ultrarrápidas. Esta porcentaxe de cobertura poderá ampliarse coas próximas convocatorias previstas polo Estado no marco Programa Nacional de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración.
Redes de banda larga ultrarrápida
O despregamento e adopción de redes de banda larga ultrarrápidas no territorio galego permitirán acelerar o desenvolvemento de servizos dixitais avanzados e brindar novas oportunidades de negocio.
As tendencias das tecnoloxías de nova xeración tales como a computación na nube, a impresión 3D, a administración electrónica, as cidades intelixentes, a telepresenza, o Fogar Dixital, etc, esixen cada vez un maior largo de banda, por este motivo, dende a Xunta de Galicia estase a traballar neste tipo de medidas de axudas para favorecer o despregamento de redes de telecomunicacións máis rápidas que abran camiño cara uns servizos innovadores.
Plan de Banda Larga de Galicia 2020
O Plan de Banda Larga de Galicia 2020 foi aprobado o 1 de outubro de 2015 no Consello da Xunta, e asume os obxectivos establecidos na Axenda Dixital para Europa de garantir unha cobertura de banda larga de cando menos 30Mbps para a totalidade da poboación e impulsar a contratación nos fogares de servizos de banda larga por riba dos 100Mbps.
Para a consecución das metas fixadas no Plan xa se puxeron en marcha un conxunto de medidas que se levarán a cabo ata 2020:
O vindeiro día 20 vai celebrarse no Espacio Fundación Telefónica de Madrid o Digital Citizenship Summit España, un foro de debate para impulsar o consenso sobre a vida conectada da infancia e a mocidade no que se dan cita axentes implicados na educacións das xeracións dixitais en chave positiva para contribuír á creación dunha Rede máis colaborativa e humana.
O evento está composto por tres relatorios e 4 paneis de debate, que abordarán a figura do cidadán dixital dende un catro puntos de vista: o positivo, o creativo, o responsable e o seguro, destacando a presenza galega nestes paneis, xa que o panel Cidadán Dixital Creativo estará moderado por Alba Alonso Feijoo, fundadora de Real Kiddys; no panel sobre o Cidadán Dixital Responsable intervirá Santiago Rey, presidente da Asociación Educativa AtlanTICs; e Mar Castro, experta en Netiqueta, participará no panel sobre o Cidadán Dixital Seguro.
A asistencia ao evento é de balde, sendo preciso inscribirse previamente.
A aula CeMIT de Tomiño e o Concello veñen de facer reconto da actividade desenvolvida polo centro de divulgación TIC ao longo dos doce meses que vimos de deixar atrás, facendo fincapé na cifra de veciñas e veciños mobilizados arredor das novas tecnoloxías. Segundo explican, 2017 pasará á historia da aula polas importantes cifras acadadas en todos os parámetros. En termos máis concretos, durante o ano pasado déronse de alta neste centro 67 novos usuarios e usuarias, cifra que eleva até 1.047 o número de persoas rexistradas dende a apertura da aula no ano 2011. Ademais, acadouse a cifra de 370 horas de formación impartidas. Desenvolvéronse, en total, dúas ducias de accións, entre cursos, charlas e outras actividades.
Para o responsable do Promoción Económica municipal, Antonio Tartaglione, “dende o Concello de Tomiño, xunto coa Administración autonómica (axencia AMTEGA), seguimos a apostar pola aula CeMIT. Despois dos resultados do ano 2017, queremos seguir formando á veciñanza no uso e familiarización das novas tecnoloxías”. Tamén engadiu, en clave de futuro, que a aula xa ten planificada a súa oferta formativa para o vindeiro ano, que desta volta abranguerá cursos de capacitación dixital básica, como o de Iniciación a informática e internet ou Manexo de móbiles, e actividades máis avanzadas como Uso da administración electrónica, Procura de emprego a través de internet ou Retoque fotográfico, entre outros. Durante 2018 a aula tamén dará acubillo ao exame para a certificación de competencias dixitais en ofimática. Amais, ao longo de todo ano abrirá as súas portas de luns a venres de 09.15 a 14.15 horas, con apertura polas tardes os martes e xoves (de 19.00 a 20.30 horas). Aqueles veciños e veciñas interesados en recibir información poden pasar pola aula, situada no Campo da Feira, chamar ao 986623304 ou enviar un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal.
Agora, ZTE, Qualcomm e Wearsafe anunciaron unha alianza para desenvolver produtos intelixentes como smartphones ou reloxos, que incorporen servizos persoais de seguridade avanzados.
Así, ZTE e Qualcomm uníronse para incorporar as solucións de rastreadores intelixentes Snapdragon Wear 1100 que permiten estar sempre conectados cunha maior capacidade de batería aos dispositivos da compañía chinesa.
Pola súa banda, estes produtos incorporarán a plataforma de seguridade de Wearsafe Labs, que ademais de servizos de localización e de emerxencia, incorpora outra serie de datos que axudan aos usuarios ou a quen os teña que atender en caso de necesidade, como o seu estado de saúde e o seu historial de enfermidades e medicamentos, a velocidade á que viaxa ou información personalizada por audio, entre outros.
Este tipo de solucións poden ser moi útiles para persoas que busquen unha maior autonomía pero que en ocasións poidan necesitar a atención doutras persoas.
Os 400 profesores de toda España que teñen na aula a algún neno con discapacidade visual contarán ao longo deste curso cunha innovadora ferramenta. Trátase de 'Braitico', un revolucionario proceso de alfabetización 'made in Spain' co que os nenos poden descubrir o braille de maneira lúdica, próxima e sinxela.
Elías, Hayden e Naiara son tres nenos que aprenden e divírtense con este método no Centro de Recursos da ONCE de Moratalaz (Madrid). Sentados na biblioteca destas punteiras instalacións, os pequenos interactúan con axilidade cos seus profesores e os seus materiais: contos, fichas, modelos, cartillas coidadosamente elaboradas en braille e en texto, con ilustracións, cores, relevos e texturas adecuadas segundo a idade.
Naiara, co material máis avanzado, traballa con soltura no computador. No seu caso, o 'Braitico' utiliza como rato unha tableta dixitalizadora como as dos deseñadores gráficos, sobre a que se colocan os modelos en braille que os nenos len. Ao presionar co lapis sobre eles, o sistema procésaas para interactuar, seguindo as pautas de cada exercicio, tamén accesible de forma sonora e nas guías didácticas do profesor.
Para Elena Gastón, mestra e coordinadora do Grupo de Didáctica de Braille da Comisión Braille Española, este novo sistema vai "máis aló de ler ou escribir braille". "É un sistema de alfabetización", recalca, que unifica a docencia e ofrece aos profesores un material que ata agora fabricábase cada cal para atender aos seus alumnos con discapacidade visual.
En definitiva, a iniciativa vai máis aló da simple aprendizaxe dun código de lectoescritura, pois comeza desde o berce e continúa durante toda a súa escolarización e combina unha base didáctica e outra neurolóxica, acompañadas de novas tecnoloxías e innovacións educativas.
Braille desde o biberón
O proxecto, auspiciado pola Comisión Braille Española, divídese en catro módulos, segundo o grao de aprendizaxe: 'Manitas', para espertar o desexo por coñecer o mundo e adquirir experiencias a nenos de cero a 2 anos; 'A punto', que contempla a prelectura e preescritura braille e axuda a pasar do tridimensional ao plano a nenos de 2 a 5 anos; 'Brailleo', para pequenos de entre 5 e 8 anos que aprenderán a manexarse con este código para manter o seu nivel educativo; e 'Superbraille 4.0', ata os 13 anos, para afianzar o braille, usalo con eficacia e pracer.
Así, desde ofrecer a un bebé un biberón no que apareza a palabra "biberón" en braille para que vaia interiorizando o sistema a través do tacto, ata familiarizarse coas novas tecnoloxías grazas a un 'software' falado que poden usar desde os 3 anos, o 'Braitico' vai alternando materiais e ferramentas coidadosamente elaborados polo Servizo Bibliográfico da ONCE (SBO) e o Centro de Investigación, Desenvolvemento e Aplicación Tiflotécnica (Cidat), segundo as etapas de aprendizaxe dos alumnos: a liña braille, unha tableta digitalizadora, quebracabezas, axendas e cadernos, xogos táctiles...
Algo "tan máxico" como unha combinación de seis puntos dá acceso a todo un universo de información, a educación e o desenvolvemento persoal. "Facía falta ter unha ferramenta nosa, da ONCE, moderna e actualizada", explica o director de Servizos Sociais da ONCE, Andrés Ramos.
"Tiñamos distintos manuais pero facía falta un método moderno inclusivo co que puidésemos aplicar as novas tecnoloxías, atractivo, e que fose para todos, que gocen os nenos cegos e os videntes e facilitar o traballo aos profesionais", agrega, en referencia a que os materiais chamarían a atención de calquera neno, con ou sen discapacidade visual.
Medio millón
O 'Braitico', ideado en 2012 e desenvolvido no últimos tres anos grazas ao labor de 25 profesionais, conta cun investimento de medio millón de euros, favorece que os escolares cegos aprendan braille tamén fose da aula.
"Temos o mellor método do mundo no ensino e aprendizaxe do braille que nos permite ás persoas cegas estar alfabetizadas para desenvolvernos como persoas", sentenza Ramos.
Na actualidade, a ONCE atende a 7.500 alumnos cegos ou con discapacidade visual grave a través dun sistema integral de apoio, que contempla ao alumnado, os centros escolares e as familias, co obxectivo de que a súa incorporación realícese en igualdade de condicións.